venres, 17 de xuño de 2022

SUSO GARCÍA, O PANADEIRO FUTBOLISTA

  Sabido é que, dende hai varias décadas, a Panadería Suso ofrécelles aos seus clientes unha ampla variedade de sabores e praceres ao padal, unhas exquisiteces gastronómicas que abofé que son sinónimo de tradición e de calidade, e que, cada día, podemos mercar en calquera dos once despachos de pan que a firma ten pola nosa bisbarra: seis na Coruña, dous en Arteixo, un en Vilarrodis, un no Burgo e o orixinal de Paiosaco, que foi o lugar onde o seu propietario Jesús García Varela, máis coñecido polo apelativo de Suso, iría medrando ao mesmo tempo que aprendía o oficio de panadeiro. Mais, á parte da súa actividade empresarial, Suso García tamén tivo unha brillante traxectoria no mundo do balón, unha carreira deportiva que ía deixar unha enorme pegada entre os afeccionados ao fútbol da contorna.

    Nado en Paiosaco o 22 de xaneiro de 1960, o noso protagonista debuta con 15 anos nos xuvenís do conxunto da Porta Santa. Nesa mesma tempada 1975/76, tamén viste por vez primeira a camiseta do primeiro equipo, naquela hora adestrado por Ramón García e capitaneado por Otero, un futbolista que viña de vivir as vicisitudes do fútbol no Hércules de Alacante e no Fabril. Nesa campaña, os da Feira son campións do torneo ligueiro do Grupo II da Segunda Rexional “A”. Repetirían título na seguinte, a 76/77, cun notable protagonismo na dianteira do xuvenil Suso que, naqueles mediados dos setenta, empezaba a converterse nunha cobizada peza.

    Un dos equipos interesados en facerse cos servizos do rapaz de Paiosaco fora o R.C. Deportivo da Coruña, que tiña como adestrador do seu equipo xuvenil a Manuel Ríos Quintanilla, o lendario Manolete. Pouco lle faltou a Suso para asinar co club herculino mais, finalmente, acabaríase truncando a operación por mor do repentino interese do Real Madrid, feito que daría pé a que o Deportivo fichase no seu lugar ao arteixán Juan Manuel Mañana Martínez ‘Fabeiro’.

    O Real Madrid era o Real Madrid, e unha oportunidade así non se podía deixar escapar polo que, no verán de 1977, Suso plantábase na capital do Estado co desexo de comer o mundo e de facerse un oco nas categorías inferiores do club branco. Alí fai amizade co porteiro vasco José Manuel Ochotorena, compañeiro da pensión na que vivía con outros rapaces da canteira que procedían de fóra de Madrid. Posteriormente coincide en pleno coa xeración dos Míchel, Butragueño, Sanchís, Pardeza e Martín Vázquez, grupo de xuvenís que pouco tardou en ser coñecido como La Quinta del Buitre”. Mais a experiencia de Suso na entidade madridista non ía acabar resultando todo o positiva que el agardaba e, ao cabo de tres meses, volve á súa terra para enrolarse no cadro xuvenil do Racing de Ferrol que participaba na Liga estatal. Alí, o paisaqués deixa o seu selo persoal anotando un total de 22 goles, bo facer que lle dá o premio de adestrar habitualmente co primeiro equipo. Neste, baixo as ordes de Rodríguez Vaz, coincide nas sesións preparatorias cos seus veciños de Caión, os irmáns Collazo, e con futbolistas do nivel dos Corral -andando o tempo adestrador do R.C. Deportivo-, do arxentino Juan Carlos -que un día lle comentara que ”en Argentina tenemos un pibe que dará que hablar”, referíndose ao que para moitos é o mellor xogador de todos os tempos: Diego Armando Maradona-, Richard -pai do ex-futbolista do Glasgow Rangers Nacho Novo-, e tamén co masaxista Antonio ‘O Xitano’1, plantel que ao final daquela tempada 77/78 consegue o ascenso á Segunda División.

    Na campaña seguinte, xa coa maioría de idade cumprida, Suso García realiza a pretempada co Racing de Ferrol, pasando despois ao equipo filial, o desaparecido Arsenal, cadro co que xoga a Rexional Preferente ata o mes de decembro. Foi nesa altura cando á perla de Paiosaco lle xurdiría a posibilidade de ir cedido ao Hellín2, un equipo de Albacete no que Suso ía deixar pegada dentro e fóra do terreo de xogo, xa que é alí onde coñece a Charo, a súa futura muller.

    Finalizada a cesión no Hellín, o rapaz de Paiosaco regresa á disciplina do Racing de Ferrol, onde, ao longo da campaña 79/80, alterna as súas actuacións co Arsenal e co primeiro equipo racinguista na Segunda B, categoría na que o once departamental loita ata a última xornada por non descender á Terceira. Os verdes empezaran a tempada baixo a dirección técnica de Gustavo Biosca e íana rematar con Gerardo Molina, adestrador que o 6 de abril de 1980 facía debutar na división de bronce do fútbol estatal a Suso contra o Sestao, nun partido correspondente á trixésima xornada que concluíu 0-0 e no que o Racing formara con tres laracheses de inicio, o propio Suso e os irmáns Collazo: Jolo; Miguelín, Vidal, Silvano, Manuel Collazo, Otero, Segundo, José Collazo, Suso (Carballo), Roberto e Miguel. Ao día seguinte, o xornal La Hoja del Lunes publicaba: ”Molina, que en esta ocasión, por imperativos legales, no pudo dirigir el encuentro desde el banquillo, introdujo esta tarde a los jugadores Suso y Carballo, procedentes del Arsenal; tal vez como último recurso. Pero tampoco dichos jóvenes lograron romper la atonía de un partido que más parecía de patio de colegio que propio de Segunda División “B”3.

 

Suso na súa etapa no Racing de Ferrol (Suso García)

    O futuro panadeiro repite titularidade na xornada seguinte, na derrota no campo de Las Gaunas por 3-0 contra o Logroñés onde, segundo as informacións dos medios da época, Suso fora dos futbolistas máis destacados do Racing: ”Destacaron por el Logroñés sobre todo Lotina4, junto a Tasio y Torres, y por el Ferrol, el portero Jolo, con Otero, Merino y Suso”5. Sete días máis tarde, no partido que enfrontaba no desaparecido estadio “Manuel Rivera” ao Racing co Huesca, o noso protagonista volvía saír de inicio por terceira semana consecutiva, un partido que o once departamental gaña por 1-0 e que foi o último que Suso García xogou na Segunda B, pois non ía tardar en viaxar a Cataluña para facer o campamento do servizo militar en Girona e o resto da mili na Seu d´Urgell, na provincia de Lleida.

    Rematadas as obrigas militares que había que facer naquel entón, o xogador de Paiosaco regresa a Hellín para xogar a tempada 1981/82 no equipo da localidade da súa moza Charo, con quen casa pouco despois. Naquel intre, a pesar de recibir ofertas tentadoras coma a do Ibiza, Suso xa tiña claro que o seu futuro estaba no mundo do pan e non no do balón, polo que a parella se establece definitivamente en Paiosaco, onde, pouco a pouco, ían ir collendo as rendas da panadería familiar, a panadería de seu pai Maximino.

     Despois dunha paréntese de cinco anos cheos de experiencias inesquecibles, como a proba co Real Madrid, a aventura en Hellín ou o debut na Segunda B co Racing de Ferrol, Suso viste de novo a camiseta da Unión Deportiva Paiosaco na tempada 1982/83, camiseta que defende ata a 1988/89. Logo desta campaña, na que fixo de xogador-adestrador, colgou as botas como futbolista para dar paso á súa faceta técnica.

 

La Voz de Galicia, 23 de marzo de 1992

     Tras varios anos ocupando o banco da entidade da Feira, na segunda metade dos anos noventa retirouse definitivamente do mundo do fútbol para dedicarse única e exclusivamente á súa familia e á súa empresa: Panaderías Suso.

     Por se é do voso interese, a biografía de Suso García, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos e que tedes ao voso dispor en todas as librarías da bisbarra.


_____________________

1 Anos máis tarde ía acabar sendo o masaxista do Deportivo.

2 O actual Hellín Club de Fútbol foi fundado en 2016 tras a liquidación total do antigo Hellin Deportivo ao finalizar a tempada 2015/16. É o sucesor espiritual do Hellín Deportivo (desaparecido en 1960 e que militou na Terceira División entre as tempadas 1951/52 e 1958/59), da Agrupación Deportiva Hellín (desaparecido en 1977 que militou na Terceira División entre as tempadas 1972/73 e 1974/75), o Club Deportivo Hellín no que xogou Suso (desaparecido en 1988 e que militou na Terceira División na tempada 1980/81) e o Hellín Deportivo, desaparecido tras finalizar a tempada 2015-16.

3 La Hoja del Lunes, 7 de abril de 1980, páx. 12.

4 Co tempo adestrador do R.C. Deportivo da Coruña.

5 La Hoja del Lunes, 14 de abril de 1980, páx. 15.

Ningún comentario:

Publicar un comentario