mércores, 31 de agosto de 2022

A TRAXEDIA DO "UNIÓN" EN 1933

Nas primeiras horas do sábado, 27 de maio de 1933, os mariñeiros Rogelio Lareo, Basilio Freire, José de la Iglesia, Ramón Vázquez, Plácido Muíño e Manuel Martínez facían os preparativos para ir á langosta e á centola. Dispoñíanse a saír do porto de Caión no pequeno barco “Unión”, propiedade de Rogelio Lareo (matrícula da Coruña, folio número 1.212) para recoller as nasas que deixaran, na mañá do día anterior, pola zona da Vixiadoira, no litoral de Arteixo. Uns minutos antes de facerse ao mar, José de la Iglesia recibe un aviso para presentarse no seu domicilio e viuse na obriga de quedar en terra. Este aviso íalle salvar a vida, xa que desgraciadamente os seus cinco compañeiros afogarían unhas horas máis tarde.

La Voz de Galicia, 30 de maio de 1933

   Non se sabe con certeza a que foi debido o sinistro. Descoñécese se houbo unha vía de auga ou se foi un golpe de mar, mais o certo é que o “Unión” afundiu e os seus tripulantes desapareceron entre as ondas. O único que se puido recuperar nese día foi o do patrón Rogelio Lareo Naya, que, con 54 anos de idade, deixaba viúva a Rogelia Muñiz Fernández e orfos a cinco fillos menores. Basilio Freire1, de 46 anos e viúvo, deixaba tres fillos menores e un maior de idade. Ramón Vázquez, de 34 anos, deixaba viúva a Josefa Muñiz Fernández, irmá de Rogelia. Os outros dous mariñeiros falecidos eran moi novos. Plácido Muíño Vázquez, fillo de Celia Vázquez Aragón, tiña 15 anos, e Manuel Martínez Calviño, fillo de Pedro e Antonia, 14.

   O alcalde da Laracha, Ramiro Suárez Moreno, ao se enterar da terrible desgraza, trasládase ao areal do Reiro, en Chamín, a onde chega nas primeiras horas da tarde acompañado por Antonio González2; o veciño de Oseiro Marcelino Pan; o secretario do Concello, Bárcena; e o tenente alcalde e secretario de Cambre, señores González Freire e Ruisuárez. Ramiro Suárez estaba reunido con todas estas persoas cando lle comunicaron a triste nova. No areal, o alcalde puido observar que, preto dunhas rochas, estaba totalmente desfeita a caseta do motor do “Unión”, unha embarcación que xa estaba afundida e que o mar ía destruindo.

 

La Voz de Galicia, 27 de maio de 1933

   Pouco despois, Ramiro Suárez e os seus acompañantes abandonan Chamín e diríxense a Caión. Na vila mariñeira, entre a dor da veciñanza, o alcalde visita a casa onde estaba o único cadáver que fora recollido, o do patrón Rogelio Lareo. O cadro que se podía ver nese fogar era terrible: o pobre Rogelio xacía sobre unha cama e a súa viúva, Rogelia Muñiz, e os seus cinco fillos choraban desconsoladamente. Noutra cama Josefa Muñiz, irmá de Rogelia e muller dun dos afogados, agardaba que o mar lle dese o consolo de lle devolver o corpo do seu home, Ramón Vázquez.

   O alcalde sae do domicilio de Lareo consternado pola situación na que quedaban estas familias e, cruzando constantemente frases de consolo e de ánimo con toda a vila, inicia unha susbscrición popular, que el mesmo encabeza con 500 pesetas. Igualmente ofrece aos veciños a certeza de que o Goberno da República sabería encontrar o xeito de axudar a eses fogares sen sustento.

 

Ramiro Ruárez Moreno (Foto do libro 'Unha volta polo pasado', A.V. A Cutareira)

    Ao abandonar Caión, Ramiro Suárez comeza a facer xestións para que as autoridades da Coruña se comprometesen nas axudas e achegasen recursos ás familias das vítimas. Deste xeito, o presidente da Deputación, Manuel Insua, promételle dar conta aos seus compañeiros da corporación para que, na próxima sesión plenaria, se acordase a cantidade coa que contribuír á subscrición iniciada e encabezada polo Concello da Laracha. Iglesias Corral, o alcalde da Coruña, faríalle a mesma promesa. Ramiro Suárez tamén lle pediría colaboración ao presidente do Deportivo, Felipe Rodríguez, solicitándolle a oportuna autorización para realizar unha colecta no estadio de Riazor no encontro de ida dos cuartos de final de Copa, partido que ían disputar o Deportivo e o Athletic de Bilbao no día seguinte.

  O domingo, 28 de maio, o alcalde da Laracha chega a Caión acompañado do concelleiro Pedro Añón Añón, do secretario do Concello e de Antonio González co obxecto de asistir ao enterro de Rogelio Lareo. Despois de dar o pésame aos familiares das vítimas, trasládase ata o local da confraría de pescadores, onde estaban o presidente da mesma, o concelleiro síndico Generoso Cambón Suárez, os concelleiros Germán de la Fuente Blanco (cuñado do náufrago Basilio Freire) e Ramón Canedo Cambón, ademais de varios membros da directiva e algúns socios. Perante todas estas persoas, Ramiro Suárez dá conta das xestións realizadas no día anterior na Coruña, comentando que, nas xuntanzas coas autoridades, obtivera unha impresión favorable. Tamén se achegaran ata Caión o subdelegado da Mariña, Jesús Baños, e o axente de Vixilancia de Pesca, Francisco Rodríguez, para asistir ao enterro de Lareo, que principiaba ás cinco da tarde e que presidían as autoridades citadas, ás que acompañaba o pobo en masa.

    Á mesma hora que se enterraba o patrón do “Unión” xogábase en Riazor o Deportivo-Athletic Bilbao. Nos anos 30 os bilbaínos eran un equipo poderoso acostumado a gañar títulos e cun plantel no que a maioría dos xogadores eran internacionais. Era o Athletic do mítico Gorostiza. Pola contra, neses anos o Deportivo deambulaba pola Segunda División3 e, chegar aos cuartos de final da Copa xa era un éxito. Nos coruñeses destacaba o dianteiro Chacho, que a semana anterior ao naufraxio debutara coa selección española en Chamartín marcando seis goles (récord aínda vixente) no España 13-Bulgaria 0. O encontro entre o Deportivo e o Athletic causara gran expectación, achegándose a Riazor moitos afeccionados desde diveros puntos da xeografía galega. No intermedio do mesmo fíxose a colecta pública para axudar aos familiares dos cinco mariñeiros caioneses afogados en Arteixo. Recadáronse 1.233 pesetas, contribuíndo tamén cunha cantidade xenerosa, no nome do seu equipo, o presidente do cadro bilbaíno, Manuel Castellanos. O Athletic gañara aquel partido por 2-4 e posteriormente a Copa, vencendo na final ao Real Madrid.

  Naqueles tempos de carencias nos que a xente do mar estaba totalmente desprotexida, durante varios meses máis e grazas principalmente ao tesón do alcalde da Laracha, as familias das vítimas continuaron recibindo axudas, aliviando un pouco o desamparo no que quedaran.

  A última nova relacionada con este naufraxio é a que aparece na prensa a mediados de novembro de 1933 na que se anunciaba que, no nome da Mutualidade de Accidentes do Mar e de Traballo, do Secretariado Corporativo de Confrarías de Pescadores, Alfredo Saralegui Casellas, fundador destas organizacións da obra marítima en España, entregara ás familias dos afogados 24.098 pesetas.

______________________________________

1 Este home fora un dos tripulantes feridos (daquela tiña 15 anos) polos carabinerios cando, a bordo da lancha “San Francisco”, apañaran xéneros do vapor alemán “Trier” que embarrancara en Suevos en 1902.

2 Pai do deputado a Cortes pola Federación Republicana Galega, o avogado e profesor coruñés Emilio González López.

3 O Deportivo non ascendería á Primeira División ata 1941.

mércores, 24 de agosto de 2022

ROGELIO SILVEIRA, O GAITEIRO DE CONDES

  Un dos grandes músicos da bisbarra foi Rogelio Silveira Castro, un gaiteiro que naceu en Condes (Soandres) en 1932 e que era o fillo máis novo do tamborileiro Domingo Silveira, 'Mingos de Teresa', e de Josefa Castro, matrimonio que uns anos antes xa foran pais de Aurora, nacida en 1925. O noso protagonista era afillado de Daniel Capelán, o gaiteiro de Erboedo, que tan só tiña 10 anos cando acompañou á pía bautismal ao meniño Rogelio.

Rogelio Silveira e seu pai Domingo tocando nunha festa (Cortesía da familia)

   O rapaz foi medrando no medio dun gran ambiente musical. Cando tiña 8 ou 9 anos, seu pai tocaba a caixa na Orquestra da Ameixeira e seu padriño Daniel amenizaba coa gaita as festas e os bailes da bisbarra, con certeza acompañado en máis dunha ocasión polo seu compadre 'Mingos'. Curiosamente Daniel Capelán, que non tiña ningún parentesco sanguíneo cos Silveira mais si moi boa amistade, ía casar en Condes con María Dolores Figueroa, veciña do lugar.

   De moi neno, cando lle botaba unha man a seus pais nas faenas do campo, Rogelio collía de cando en vez unha cana de canaveira e, tras facerlle os oportunos buratiños, facíaa soar ante a admiración dos seus. Naqueles campos de Soandres estaba nacendo un artista que non ía tardar en aprender a tocar a gaita con seu padriño Daniel.

   Posteriormente, segundo non contou Segismundo Silveira, fillo de Rogelio, cando aprendeu a tocar empezou a ir por aí con meu avó Mingos; un coa gaita e o outro co tamboril. Tocaban nas alboradas dos días de festa, nos salóns… Donde tocaban con bastante frecuencia seica era no salón de Rosende, nas festas de Soandres, nas de Ledoño, nas de Boedo... e mesmo teñen ido a Sada, que alí tamén os contrataron algunha vez”.

   Daniel Silveira, nacido en Condes en 1947, sobriño de Rogelio e curiosamente tamén afillado de Daniel Capelán, o gaiteiro de Erboedo, díxonos que “ás veces formaban un trío con José Iglesias Borrazás, un dos integrantes da Orquestra da Ameixeira. Rogelio tocaba a gaita, 'Mingos' a caixa e José o clarinete”.

    Van pasando os anos e chega a hora de facer o servizo militar, que Rogelio realiza na cidade de Lugo, no cuartel de San Cibrao. Actualmente estas instalacións militares están abandonadas, mais de seguro que aínda resoan entre as paredes do edificio as pezas que o gaiteiro de Condes aprendera con Daniel Capelán e que tocaba alí, no tempo de lecer, para alegrarlle un chisco a vida aos compañeiros de quinta.

    Rematadas as obrigas castrenses casa con Genoveva Varela Veiga, unha moza de Táboas (Soandres), lugar donde a parella establece o seu domicilio xa que ela era filla única. Alí ía nacer no ano 1954 Segismundo, o único fillo do matrimonio, que tivo a ben recordarnos algún dos episodios da vida de seu pai.

    Rogelio Silveira fai un pouco de todo para gañar a vida. Traballa de gandeiro, de labrador e mesmo fai uns pesos como zapateiro. Seica era moi bo neste oficio”, recorda Segismundo, que tamén nos dixo que naquela época ensinoulle a tocar a gaita a seu sobriño Daniel, o fillo de Aurora”.

    Rogelio segue tocando con seu pai ata mediados dos anos sesenta, que foi cando emigrou a Suíza con Genoveva. Estiveron alí dende 1964 ata finais de 1971. Primeiro foron el e miña nai para un restaurante no cantón de Berna que se chamaba 'Alpenrose', que era un hotel de montaña no que tamén había gandería. Despois estivo en Aarau, cando traballou nunha fábrica de calzados de Olten. Como podes imaxinar, levou a gaita para Suíza e tocaba moito nas barracas onde vivían os emigrantes que traballaban na construción. De feito, el tamén traballou neste sector durante dúas tempadas nunha empresa que se chamaba Zuble”.

 

Genoveva Varela e Rogelio Silveira nos anos 70 (Cortesía da familia)

    O matrimonio retorna da emigración en decembro de 1971. Rogelio adícase á gandería e volve a tocar a gaita en alboradas, festas ou en locais como o de Fina, a que montara en Coiro o Raio de Sol, unha muller moi festixeira coa que, polo que nos contou Segismundo, tiña moi boa amistade. “Meus pais levábanse moi ben con Fina desde facía moito tempo. Era modista e cando eu era cativo levábanme a súa casa a facer a roupa. Traballaba nunha casa vella que había fronte ao Raio de Sol.”

    Ao pouco, sobre o ano 73 ou o 74 forma o 'Grupo Silveira de Soandres' con Antonio Muíño (caixa) e José Campos (bombo), dous veciños de Queixas (Cerceda) que tamén estiveran na emigración en Suíza e con quenes tocou en numerosas ocasións pola bisbarra ao longo dos anos 70 e 80.

    Andando no tempo a esta formación incorporaríase José Ríos, veciño de Cerceda co que falamos durante a elaboración deste libro. “Eu viñera definitivamente de Suíza nos primeiros anos 90. Na emigración fun gaiteiro do Centro Galego de Lausana e ao pouco de vir entrei a formar parte da formación de Rogelio. Eramos dous gaiteiros unha caixa e un bombo e tocabamos en festas e todo tipo de celebracións.”

 

De esquerda a dereita José Campos, Antonio Muíño, José Ríos e Rogelio Silveira (Cortesía de José Ríos)

    O grupo ensaiba moitas veces nas Táboas, na casa de Rogelio. Noutras ocasións era o noso protagonista o que ía a Cerceda aos ensaios que facían nas casas dos seus compañeiros. “Nesa época eu vivía coa miña muller e os meus fillos na Coruña e as veces íamos pasar ás Táboas a fin de semana; pero calquera durmía alí… había música ata as 2 ou 3 da mañán”, recorda o seu fillo Segismundo.

    E así foi transcorrendo o tempo ata 1997, ano fatídico na vida de Rogelio. O día 3 de xuño, despois dun terrible cancro, a súa muller Genoveva falecía con tan só 62 anos. No mesmo ano e no mesmo mes, o día 29, morreu con 93 anos seu pai Domingo. A partir de aquí Rogelio Silveira decidiu abandonar o mundo da música e mesmo lle vendeu a gaita a un gaiteiro da zona de Cambre. O seu corazón non estaba para alegrías.

    Cando desapareceu o 'Grupo Silveira de Soandres' os seus compañeiros de formación crearon a 'Nova Xuntanza de Cerceda' coa incorporaron de José Villaverde, gaiteiro de Ledoño que tamén fora emigrante en Suíza. Esta nova agrupación, que segue tocando a día de hoxe, participara algunha vez no programa da TVG 'Luar', na sección de música tradicional que tiña Mercedes Peón. Tamén tocaron nalgunha ocasión no programa da Radio Galega 'Pensando en ti'. Mágoa que o noso homenaxeado non vivira aquelas marabillosas experiencias.

    Rogelio Silveira Castro, O Gaiteiro de Condes, tamén coñecido como o gaiteiro de Táboas, faleceu o 3 de abril de 2004 aos 72 anos.

martes, 16 de agosto de 2022

CHUMI BRANDARIZ MOVILLA, OUTRO LARACHÉS NA PRIMEIRA DIVISIÓN

 O pasado domingo Chumi Brandariz Movilla debutou na máxima categoría do fútbol español e convertíase no terceiro futbolista da Laracha que cumpría este soño. O primeiro larachés que xogou na Primeira División foi Carlos García Becerra, que debutou en Riazor o 22 de febreiro de 1998 nun Deportivo-Athletic Bilbao (3-0, con gol do propio Carlos). O segundo foi David Añón, que fixo o propio co Deportivo en Vilarreal o 28 de febreiro do 2010 nun partido que os coruñeses perderon 1-0. E agora, o 14 de agosto de 2022, Chumi debutaba en Almería defendendo a camiseta do cadro andalúz contra o actual campión de Liga, o Real Madrid (1-2). Carlos García disputou sete partidos en Primeira e David Añón tres. Todo parece indicar que en pouco tempo Chumi Brandariz Movilla, o protagonista das Crónicas da Laracha desta semana, superará os rexistros dos seus veciños. Esta é a súa historia.

Chumi no seu debut na Primeira División (movijuan)

    Fernando Brandariz, Nando para os seus amigos, e Mercedes Movilla, máis coñecida polo apelativo de Uca, son unha das moitas parellas que a principios dos anos 90 decidiron abandonar o ruído e as présas da cidade e iniciar un camiño novo nunha vila tranquila como é A Laracha.

   Nando, natural da Coruña e grande afeccionado á música1, xa tiña certa relación co municipio larachés, pois en 1988 montara uns invernadoiros na parroquia de Coiro, un negocio que abrira tras a decepción nunhas oposicións á administración que levaba preparando dende había varios anos. Uca, natural de Castro Caldelas, vila situada no corazón da Ribeira Sacra ourensá, naquela altura finalizara os seus estudos universitarios e preparaba as oposicións para ser profesora de secundaria.

    En 1993, cando Nando xa case levaba cinco anos gañando a vida nos seus invernadoiros de Coiro, a parella abandona A Coruña e establece o seu novo domicilio na Laracha, vila na que ían nacer os seus fillos Ana e Juan, nados respectivamente en 1996 e 1999.

   Naqueles primeiros 90, Uca entra na listaxe de substitucións da Consellería de Educación da Xunta e, despois de obter a súa primeira praza definitiva, comeza a dar clases nun instituto de Lugo cando Ana aínda era un bebé. Posteriormente ía ser profesora do IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto, en Camariñas, nun tempo no que coincide co nacemento do pequeno da casa, Juan, o noso homenaxeado, a quen dende moi cativo seus pais lle empezaron a chamar polo cariñoso apelativo de Chumi.

    Nunha conversa mantida en 2020, Nando Brandariz lembraba con certa dose de humor que a primeira vez que fun a Riazor na miña vida foi para ver un concerto de Miguel Ríos. Con iso xa podes imaxinar o que a min me gustaba o fútbol… mais un día o meu fillo díxome que quería xogar e aí empezou todo”.

    Nando referíase ao 2006, que foi cando Juan Brandariz Movilla ‘Chumi’ entrou a formar parte das categorías inferiores do Laracha C.F.. O seu fillo tiña naquela hora 7 anos e, por idade, correspondíalle xogar nos prebenxamíns, mais como a entidade da camiseta verde e vermella non tiña equipo nesa categoría, Juanito empezou a xogar baixo as ordes de Velo na categoría benxamín con nenos maiores ca el.

    A extraordinaria calidade do rapaciño defendendo as cores do equipo da súa vila natal pronto chamou a atención de varios equipos da Coruña que sempre apostaron forte polo fútbol de base. “Tiña oito anos e xa manexaba o equipo como se fose un veterano. Apenas tivemos tempo de desfrutalo”, recorda José Manuel Ceide ‘Canito’, o presidente do Laracha por aqueles días. “Xa se sabe o que pasa. Chumi apuntaba moitas cousas e pronto o viron os equipos da Coruña e levárono”, admitía Ceide, resignado e feliz. Feliz porque ese neno non tardou en compartir vestiario con Messi, Luís Suárez, Busquets...

    Tras as boas actuacións co Laracha, Chumi pasou ao Montañeros, o histórico club herculino, antes de dar o salto á canteira do Dépor, onde se converte nun dos estandartes da xeración do 99, unha das mellores que saíu de Abegondo. Malia ser cadete de primeiro ano, no 2014 Juan Brandariz eríxese nun dos mellores efectivos do Cadete A do Deportivo que gañou a Liga Galega a tres xornadas do final e que en xuño do mesmo ano conseguía o segundo torneo estatal para a canteira deportivista, 18 anos despois de que o xuvenil se proclamase campión da División de Honra. Na localidade madrileña de Las Rozas, aquel grupo de nenos, dirixidos por Juan Ignacio Subirán, conquistaron o título tras gañarlle ao Zaragoza na final (1-0), despois de eliminar ao Madrid nunha inacabable quenda de penaltis. Ata 45 lanzamentos se tiveron que realizar despois de que o partido terminase 0-0. "Chumi é moi listo tacticamente, moi listo. É un marcador espectacular, vai ao corte moi ben. Á súa idade era máis maduro que os demais. Tiña, e ten, algo distinto”, rememoraba recentemente o ex-técnico deportivista Juan Ignacio Subirán.

 

Formación do R.C. Deportivo da Coruña do ano 2014. Chumi é o terceiro pola esquerda da fila superior (Iago López)

    Aquel triunfo alertou aos grandes e activou os ollos do F.C. Barcelona sobre a perla da Laracha, a quen a entidade azulgrana ficha en 2015. "Cando me chamaron do Barça pensei que era unha broma", admitía Chumi naquela altura.

    Dende a súa chegada á cidade condal, o noso protagonista entra con bo pé no Barça e crece a pasos axigantados, subindo rapidamente ao Xuvenil B, cando aínda estaba en idade cadete. Chumi empeza a destacar pola súa velocidade no centro da defensa, o seu poderoso xogo aéreo grazas á súa potencia física e á súa boa técnica coa perna dereita, condicións que tamén o levarían a ser un dos fixos nas convocatorias de Santi Denia para as categorías inferiores da selección española. Denia apostou polo futbolista da Laracha como un dos seus fixos dende os primeiros pasos nas categorías inferiores masculinas en Las Rozas. Chamouno para a Sub-16 e a Sub-17, coa que se proclamou subcampión de Europa en Azerbaixán en 2016, tras perder a final na quenda de penaltis ante Portugal. "Yo le tengo un cariño tremendo por los años que lo tuve. Conmigo era titular, disfrutaba de toda la confianza; para mí fue de los mejores de ese campeonato. Dio un gran rendimiento", recordaba Santi Denia.

    Na tempada 2017/18, Chumi consagrábase no Xuvenil A do F.C. Barcelona gañando a Liga e a Liga Xuvenil da UEFA, a chamada Youth League, sendo titular e xogando todos os minutos da final onde venceron por 0-3 ao Chelsea, e na que o vimos co brazalete de capitán. Esa mesma tempada foi convocado polo filial do Barça, naquela hora na Segunda División, en dúas ocasións, ante Sporting e o Almería, mais en ningunha delas chegou a disputar minutos. O larachés estaba ás portas do fútbol profesional nun momento no que, ademais, tamén empezaba a entrar nos plans do seleccionador español Sub-19 Luís de la Fuente.

    Por aqueles días, ante a crise de centrais que vivía o primeiro equipo pola lesión de Samuel Umtiti, o adeus próximo de Mascherano e as lesións do belga Vermaelen, xeraron un efecto dominó que lle permite coquetear por vez primeira co primeiro equipo, xa que o técnico Ernesto Valverde elixe o central da Laracha para adestrar con eles ante as numerosas baixas no centro da zaga. Por se acaso, en xuño de 2018 o Barça renóvalle o contrato a Chumi ata o 2020 con tres tempadas máis opcionais e unha cláusula de rescisión de 100 millóns de euros, pasando a formar parte do cadro de xogadores oficial do Barça B.

    Ese mesmo verán, Ernesto Valverde convócao para a xira polos Estados Unidos do primeiro equipo (naquela hora comandado por Messi), na que vai disputar a International Champions Cup. Foi no segundo partido da devandita xira onde se produciu o seu debut nunha competición non oficial co primeiro equipo azulgrana, disputando a segunda parte fronte ao AS Roma.

   Unha vez iniciada a competición oficial, Chumi xoga o seu primeiro partido profesional co Barça B o 1 de setembro de 2018, día no que debutaba na Segunda División B co filial que dirixía o técnico García Pimienta. Era o partido da segunda xornada do campionato 18/19, e o conxunto barcelonista ía perder no Mini Estadi por 0-1 ante o Ejea, nun choque no que tamén estaba no once titular blaugrana Riqui Puig.

   Nesa mesma tempada, Chumi xoga un total de 28 partidos na Segunda B co filial e tamén debuta de xeito oficial co primeiro equipo o 31 de outubro de 2018 no partido de ida dos dezaseisavos de final da Copa do Rei ante a Cultural Leonesa, partido que gaña o once catalán por 0-1 con esta aliñación: Cillessen; Semedo, Chumi, Cuenca, Miranda; Arturo Vidal, Samper, Denis Suárez; Munir, Malcom e Dembelé. Chumi volvería ser titular no partido de volta desta rolda acompañando a Vermaelen no centro da zaga, enfrontamento que o Barça gaña no Camp Nou por 4-1. 

 

Chumi, segundo pola esquerda da fila superior,  o día do seu debut en partido oficial co F.C. Barcelona (www.fotmob.com)

    Outra data que non vai esquecer Chumi é o 10 de xaneiro de 2019, día no que volve ser chamado polo primeiro equipo para ser titular no partido de ida dos oitavos de final da Copa do Rei ante o Levante. Un encontro que non lle foi nada ben para o Barça, que xa perdía 2-0 no minuto 18. O central da Laracha non tivo a súa mellor actuación e foi substituído no minuto 58 por Clément Lenglet. Aquel ía ser o último partido que disputase cos maiores.

 

Chumi xogando no Camp Nou co F.C. Barcelona o partido de volta da eliminatoria da Copa do Rei contra a Cultural Leonesa (www.libertaddigital.com)

  Unha semana despois do enfrontamento de ida e na previa da volta, na que os culés tan que remontar, o diario El Mundo revelou que o Barça cometera aliñación indebida na súa derrota na ida ante o Levante (2-1) aliñando a Juan Brandariz ‘Chumi’. O Comité de Competición suspendera ao larachés o día anterior ao encontro por acumulación de amoestacións tras ver o quinto amarelo co Barça "B" no minuto 95 no partido do 6 de xaneiro que o filial xogara ante o Castellón. O Levante, nada máis coñecer a noticia, denunciouna ao Comité de Competición, un órgano que, meses máis tarde, declarou a aliñación indebida do conxunto blaugrana, mais desestimou a denuncia do Levante "por defecto de forma". O proceso sobre as posibles consecuencias do xa recordado “Caso Chumi” foi longo, mais dende o primeiro momento todas as demandas do Levante foron rexeitadas por estaren fóra de prazo. O caso fora moi mediático e foi tema de conversa en toda España durante varias semanas. A conclusión á que chegaron os organismos encargados de repartir xustiza era a máis estendida na opinión pública: o Barça parecía que cometera aliñación indebida, pero a denuncia dos granotas fora presentada fóra de prazo.

    Se a principios de 2019 acaparou todos os focos por debutar co F.C. Barcelona e por formar parte da aliñación indebida ante o Levante, a súa situación é moi diferente na tempada seguinte, a 19/20. Chumi xoga 16 partidos co Barça B ata que se suspendeu o campionato por mor da COVID-19, e non gozou da confianza dos adestradores do primeiro equipo, nin con Valverde nin despois, tras a destitución do anterior, con Quique Setién. Ao final da campaña remata a súa etapa no F.C. Barcelona e inicia unha nova andaina no Almería, club co que asina por dúas tempadas.

Chumi coa camisola do Almería (www.laliga.com)

    Debuta na Segunda División co cadro andaluz o 10 de outubro de 2020, xogando de titular o partido que o Almería perde (1-0) coa UD Logroñés. Nesa tempada o central larachés non entrou moito nos plans do adestrador José Gómes mais, malia a non ter o protagonismo agardado no once almeriense, nunca alzou a voz e continuo traballando con dureza. Ía xogar 9 partidos máis do campionato (nun deles, o disputado na xornada 41ª contra a UD Logroñés que o seu equipo vence 2-1, anota o seu primeiro gol en Segunda) e catro de Copa. O Almería remata a tempada na cuarta praza e queda eliminado no play off de ascenso diante do Girona.

   A alegría desa tempada producíase en maio de 2021, que foi cando anunciou en redes sociais que ía ser pai. Fíxoo a través da súa conta de Instagram xunto a súa parella Alessandra Pini, influencer que conta con máis de 160.000 seguidores.

  Na tempada pasada, na 21/22, Chumi é peza indiscutible do esquema de Rubi durante a primeira metade do campionato, ata que se lesionou en febreiro e viuse na obriga de pasar polo quirófano por unha lesión no quinto metatarsiano do seu pé esquerdo. Ata ese momento o da Laracha fora o segundo xogador máis utilizado polo técnico catalán, cun total de 2.236 minutos, sendo ademais o que máis pases realizara do equipo, cadro que se ía proclamar campión de Segunda División (LaLiga SmartBank por patrocinio). Chumi participou nesa campaña en 25 encontros ligueiros (nos que marcou un gol) e dous de Copa. Malia a estar lesionado, os andaluces ían apostar pola continuidade do seu 'kaiser', que acababa contrato en xuño, e o larachés ampliou a súa vinculación co Almería por tres tempadas más, ata xuño de 2025.

   Recuperado da súa lesión, o noso protagonista inicia a pretempada con total normalidade, e mesmo houbo rumores durante o verán de que estaba na axenda de Emery para o Vilarreal. O caso é que chegamos ao domingo pasado, o 14 de agosto de 2022, día no que Chumi debutaba en Primeira División xogando os 90 minutos co Almería ante o Real Madrid. A Laracha volvía a ter a un dos seus veciños xogando na máxima categoría do fútbol español.

   Por se é do voso interese, a biografía de Chumi, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos e que tedes ao voso dispor nas librarías da bisbarra.

 


_________

1 Nando Brandariz é un dos integrantes do grupo Malavida.