xoves, 28 de decembro de 2023

ENTREVISTA REALIZADA EN 1960 Á CENTENARIA DE CABOVILAÑO MARÍA RODRÍGUEZ MALLO

Nas Crónicas da Laracha desta semana compartimos con todas e todos vós un tesouriño da hemeroteca publicado o 1 de xullo de 1960 en La Voz de Galicia. Trátase dunha entrevista que o xornalista Vicencio lle realiza a María Rodríguez Mallo, unha veciña de Cabovilaño que naquela hora estaba a piques de cumprir 101 anos, unha entrevista donde a señora María deixa varias pinceladas da Laracha e dos tempos que lle tocou vivir dignas de mención.

Esta é a súa historia:


Fala unha centenaria

María Rodríguez Mallo, vén por segunda vez á Coruña

Non comprende como poden circular tantos coches pola rúa

O seu home, que aínda vive en Montevideo, veu a última vez hai 46 anos

 

María Rodríguez Mallo veu desde Cabovilaño ata A Coruña. É a segunda vez que viaxa ata a nosa capital a pasar uns días na casa dunha filla. Isto, naturalmente, non ten importancia, pero si a ten, e moita, se agregamos que María Rodríguez Mallo superou os cen anos. Naceu na época na que o xeneral Prim triunfaba na batalla dos Castillejos1. E xa houbo batallas desde entón. Un bo amigo deunos a noticia: “Se queres falar cunha señora que ten máis de cen anos, vaite á rúa San Fernando, 1, primeiro”. E alí encontramos á nosa centenaria, que non aparenta ser tan vella nin en aspecto físico nin pola súa forma de expresarse.

-Estou desexando marchar para a miña casa. O ano pasado trouxéronme por primeira vez á Coruña, pero aquí non podería vivir a gusto. Fáltanme moitas cousas...

María Rodríguez fala un galego castizo. Di que aquí non vive tan a gusto como na súa su casa de San Román, en Cabovilaño, a uns 30 quilómetros da capital. Os feitos danlle a razón, porque residindo alí, está a piques de cumprir 101 anos. Naceu o 3 de setembro de 1859. Cando se sinte cegada polo “flash" da máquina de Artús, pregunta si os retratos son para arranxar os seus papeis e cobrar o subsidio da vellez.

Cando veu a lei para que cobráramos os pobres, eu fun a xunto do cura para arranxar os meus papeis. Mandoume volve, e da segunda vez empezou a mover a cabeza. Eu xa me din conta que para min non había nada.

Resulta que ao tratar de completar a certificación de María Rodríguez Mallo, no Concello da Laracha, ao que pertence, no Rexistro aparece como solteira.

Casoume don Juan, coadxutor de San Román de Cabovilaño, hai non sei cantos anos. O meu home chámase Manuel Pereira Pena, e está vivo en Montevideo. Ten un ou dous anos menos que eu. A última vez que veu á casa foi... hai corenta e seis anos. Traballou de enfermeiro con título. É moi listo. En Montevideo teño tamén unha filla.

Esta muller tivo cinco fillos, dos cales viven tres: Estrella, en cuxo domicilio pasa estos días a centenaria; Carmen, que é a que está en Montevideo, e Esperanza, en compañía da cal vive María Rodríguez Mallo, en San Román de Cabovilaño.

¿É a máis vella de Cabovilaño, señora María ?

Non; hai outra, Gumersinda do Cancelo, máis vella que eu. Íamos xuntas á escola; eu era unha nena e ela xa era unha moza. Pero voulle dicir unha cousa: meu pai morreu aos 99 anos cumpridos.

 

María Rodríguez Mallo, cos seus 101 anos, e a súa filla Esperanza, solteira, dedícanse desde hai moitos anos a traballar “a xornal”, en labores do campo. Isto proporciónalles o seu sustento diario.

Caldo e broa nunca nos faltan. Eu como de todo, pero non sei como son as boas comidas, porque nunca as vin diante.

Nunca estivo enferma. Así o di con orgullo :

Pola miña culpa ninguén tivo que ir á botica. O outro día viña do monte cunha pouca leña na cabeza, e díxome o médico: ‘‘María, vostede vai morrer traballando” .

Cando se fala da morte, eu dígolle que ela aínda está para durar moitos anos. Rise e comenta:

Eu xa terminei os anos; agora estou cos días. Non quero morrer, pero penso que aquí non quedarei...

Vostede di que foi á escola; ¿sabe ler?

Si; aínda leo, amodiño, con dificultade, o periódico.

¿E escribir?

Menos que ler. Recordo que estando na escola, unha vez veu o cura. Unha amiga fíxome uns números moi ben feitos na pizarra e eu díxenlle ao señor cura que os fixera eu. Mandoume repetilos e descubriu que lle mentira. Deume moita rabia e ata me puxen colorada.

Nunca foi ao cine nin lle chama a atención. A súa filla quixo levala ao “Hércules", pero a idea non lle atrae. Asústalle ver tanta xente na Coruña e os coches en tanta cantidade pola rúa.

¿Cómo será posible que non tropecen uns con outros? Recordo que o primeiro coche que pasou pola Laracha era do “ Porteiro”, da Agualada.

Cada dous por tres di que está desexando volver á súa casa de San Román. É o seu retrouso.

O verán pasado viñen aquí por vez primeira; iso que o noso cura, D. Ramón Casal Pérez, sempre me andaba dicindo: “María,tes que ir á Cruña, inda que non sexa máis que a mercar un pano da cabeza; non te apures que eu che darei os cartos para o viaxe”. Agora xa viñen dúas veces. Non volvo máis. Quero estar donde nacín.

Hai máis dun século...


V I C E N C I O2

______________

1 A batalla dos Castillejos librouse o 1 de xaneiro de 1860 e tivo lugar nos altos e no val dos Castillejos, situado a uns 4–5 quilómetros ao sur de Ceuta. Formou parte da Guerra de África, que enfrontou a España con Marrocos, durante o reinado de Isabel II e o goberno de Leopoldo O'Donnell.

2 Entrevista publicada en castelán en La Voz de Galicia, 1 de xullo de 1960, páx. 8.

mércores, 20 de decembro de 2023

A PEGADA TEMPLARIA DE LENDO

   A Orde dos Pobres Compañeiros de Cristo do Templo de Salomón, tamén chamada a Orde do Templo ou, na súa forma afrancesada, Orde do Temple, foi unha das comunidades monásticas relixiosas máis poderosas da Idade Media. 

  A súa orixe ponse nos nove cabaleiros templarios franceses que, despois do éxito da primeira Cruzada, presididos por Hugo de Payns fixeron no ano 1118, en mans do Patriarca de Xerusalén, os votos de relixión para vivir en pobreza, obediencia e santidade. Realizaron a promesa solemne de amparar e defender aos peregrinos nos camiños da Terra Santa, así como tratar de defender como soldados e cabaleiros a integridade do lugar santo converténdose, deste xeito, na primeira institución relixiosa que engadiu á súa misión un compoñente militar.

    Aprobada oficialmente pola igrexa católica en 1129, durante o Concilio de Troyes, a Orde do Templo ía crecer rápidamente en tamaño e poder, manténdose activa durante algo menos de dous séculos. Os cabaleiros templarios tan como distintivo un manto branco cunha cruz vermella sobre el.

 

Cabaleiro templario

    A chegada dos templarios á Península Ibérica tivo lugar no ano 1128 cando a raíña dona Teresa de Portugal lles outorgou o castelo de Soure (Coimbra), e a partir deste momento aséntanse no resto dos reinos hispánicos cristiáns.

  Parece ser que a chegada dos cabaleiros templarios a terras galegas produciuse a mediados do século XII. Uns denominados “seniores cavallaria de Iherusalem” aparecen citados nun documento do Mosteiro de Celanova, de 1142. Foron ben acollidos en Galicia, principalmente porque era terra de peregrinacións grazas ao camiño de Santiago, ao igual que o era Xerusalén no oriente, e pouco a pouco irían desenvolvendo a súa organización establecendo unha rede de unidades administrativas que se repartían por practicamente toda a xeografía deste reino, coa finalidade principal de obter beneficios que financiasen a loita contra o islam.

    A devandita rede chegou a ter nove bailías diferentes: Burgo de Faro (no lugar no que hoxe está a igrexa de Santa María do Temple, O Burgo, Culleredo), Betanzos, San Fiz do Hermo, Canaval, Neira, Amoeiro, Coia, San Sadurniño e a parroquia larachesa de Lendo, que foi, hai oito séculos, encomenda desta lendaria orde relixioso-militar, con numerosas posesións no que hoxe é a comarca de Bergantiños.

 

Igrexa de san Xián de Lendo

   Así pois, Lendo conta cunha gran importancia histórica ao ser, entre principios do século XIII e principios do XIV, unha encomenda templaria, unha sede ou un lugar no que os monxes-soldados estableceron a súa base na igrexa parroquial, moi próxima á matriz da bailía de Faro, no que hoxe é O Burgo e O Temple (topónimo de evidente orixe), con boas comunicacións e proximidade co mar. 

  Os datos sobre esta encomenda larachesa descubriunos o historiador Carlos Martínez Pereira, un dos grandes expertos no tema que segundo apunta nas súas investigacións a elección de Lendo puido deberse a que, por este asentamento, pasaba unha importante vía medieval:

(…) nunha das súas viaxes por Galicia, o 28 de xuño de 1228, o monarca Afonso IX fai parada apud Leedo, expedindo alí dous diplomas ao mosteiro de Melón. Dado que Afonso IX se dirixía á Coruña, isto indica que Lendo, probablemente xa en mans dos templarios, era unha entidade de poboación importante neste camiño. Esta vía de comunicación, tanto na cartografía elaborada por Domingo Fontán, como noutro mapa referido a camiños militares, depósitos de víveres e pobos de etapa, do ano 1814, a única entidade de poboación que aparece no camiño da Coruña a Malpica é Lendo. Na súa orixe, probablemente, foi unha vía romana. Pode semellar excesivo insistirmos tanto na localización xeográfica, pero no caso dos templarios a súa preferencia por emprazar as súas encomendas xunto ás vías de comunicación explicaría que a escolla de Lendo, e non outro lugar, debeuse, a parte das propiedades que alí puidesen posuír, que serían numerosas, á situación estratéxica. ¿Cando se instalaron aquí os templarios? Non é doado saber a data exacta, pero foi con anterioridade ao ano 1241, no cal se redacta unha concordia entre o mosteiro cisterciense de Oseira e a Orde do Temple, referida a certos bens na Terra de Bergantiños e outros lugares”1.

    As propiedades da encomenda de Lendo foron moi numerosas, sobre todo a raíz do acordo co Mosteiro de Oseira polo cal os templarios cedían a Oseira, na parroquia de Prado (Lalín) algúns casais, a cuarta parte da igrexa de San Martiño e tres cuartas partes dun muíño e engadían outros bens en terras de Ourense. Os templarios, pola súa banda, reciben tralo devandito acordo tres casais en San Martiño de Cances, a oitava parte da igrexa desta parroquia carballesa, un casal en Baz (actual Bas, na parroquia de Sísamo), outro en Vilar de Asalo (Mens-Malpica) e outro en San Salvador de Bembibre (Val do Dubra).

    Entrando no terreo da especulación, xa que segundo Martínez Pereira non hai ningún documento que o probe, "puidese ter pertencido aos templarios o lugar de «Freiría», localizado en Centiña, parroquia de San Paio de Coristanco, aínda que igualmente podería ter sido posesión do mosteiro de Seavia, tamén en Coristanco, ou do de Mens (Malpica); por iso apuntámolo só a título de hipótese. Tamén en San Pedro de Barizo, próximo a Asalo, un documento da Colexiata da Coruña fala dun muíño que chamaban da voz dos cabaleiros, pero estes cabaleiros, témolo que recoñecer, non tiñan porque ser necesariamente templarios; o documento pode referirse, como vemos noutros moitos, a cabaleiros laicos, non monxes. É simplemente debido á proximidade a un lugar onde si tiveron posesións, e á data do documento, 1390, cando aínda o recordo dos templarios podía permanecer fresco na memoria da xente, ou que nos fai traer aquí esta suposición. A todos estes bens hai que engadir, loxicamente, Lendo, coa súa igrexa, sede da encomenda. Dependerían así mesmo da encomenda de Lendo as propiedades templarias, moi importantes ao parecer, en Serantes e Laxe, coas que se fixeron os Mariño e posteriormente os Moscoso"2.

   Por tanto, polo que coñecemos na actualidade, os bens templarios da devandita encomenda de Lendo localizábanse nos concellos de Val do Dubra, Malpica, Carballo, Laxe e A Laracha, e quizais tamén en Coristanco, e eran, fundamentalmente, coutos, casais, pazos, vasalos, unha igrexa e parte de outras dúas. A orixe da encomenda debeu partir de bens cedidos á bailía de Faro, que, ao iren aumentando, obrigaron a fundar a de Lendo, da que sabemos que Frei Xoán é o único nome comendador (xefe) do que se ten plena constancia da súa existencia, xa que foi o que asinou a concordia de 1241.

 

Parte norte da igrexa de Lendo

   O que descoñecemos é o tempo que funcionou esta encomenda larachesa, xa que na citación que se lles fai aos templarios de Castela e León en 1310 non aparece Lendo. Se cadra desapareceu con anterioridade, ou cando souberon do que estaba acontecendo en Francia, onde o 13 de outubro de 1307, por orde do rei Felipe IV e co apoio forzado do papa Clemente V foron detidos case todos os templarios franceses. Co fin de facerse cos bens e a riqueza da Orde do Temple e acabar co seu poder, o monarca galo xustificou esa medida porque os consideraba culpables de prácticas heréticas.

    Nos primeiros meses de 1308 a maioría dos templarios dos diversos reinos europeos xa estaban detidos, resistindo algúns illados nos seus castelos. En Francia moitos foron torturados, declarados culpables e acabarían sendo queimados en fogueiras, entre eles o gran mestre Jacques de Molay.

 

    En boa parte do que hoxe é España o proceso foi diferente. A indulxencia con que foron tratados os templarios nas monarquías hispánicas de aquela hora hai que atribuíla a varias razóns. En primeiro lugar, a orde non contaba cos efectivos, as propiedades e os tesouros que sí tiñan na casa central francesa e que alimentaran o recelo e a codicia do seu rei. Aquí tampouco acadaran un poder que escapase ao control das Coroas. Por outra parte, á marxe de posibles sentimentos de gratitude pola loita contra os musulmáns, os templarios formaban unha elite militar e administrativa da que os reinos hispanos non querían prescindir, tendo en conta que a ameaza musulmá persistía. Acabar físicamente cos templarios, como en Francia, supoñía debilitarse como reinos, o que obviamente non estaban dispostos a facer os monarcas peninsulares, e menos si as contrapartidas non eran tan abondosas como as que obtiña o rei francés.

    Sobre a presenza templaria en Galicia circulan todo tipo de lendas. Na igrexa de Santa María de Cambre hai unha pía de pedra con símbolos esculpidos que foi identificada como a Hidria de Xerusalén. A tradición popular conta que é nada menos que unha das hidrias na que Xesucristo obrou o milagre de converter a auga en viño durante as bodas de Caná, tal e como relata a Biblia. A hidria foi exposta nun primeiro momento na igrexa de Santa María do Temple, eis tarde foi trasladada a Cambre tras a disolución dos templarios, que a trouxeran a Galicia desde Terra Santa, segundo a tradición.

    Chegados a este punto, seguro que vos preguntades que é o que queda na actualidade en Lendo de aquela época templaria. Pois ben, segundo as investigacións de Pereira, soamente algúns documentos e a igrexa de San Xián, sede da encomenda.

    Con dúas partes diferenciadas, unha románica e outra barroca (a fachada), no interior do templo chaman a atención os retablos que ocupan o altar maior e o muro meridional da nave. Ambos posúen elementos neoclásicos e presentan unha policromía que semella mármore. No exterior, destaca principalmente o muro norte, onde podemos ver unha porta selada con arco de medio punto e diversa decoración (estrelas e rosetas nas xambas). 

 



  Tamén chaman poderosamente a atención os canzorros desta cara norte da igrexa. Un deles representa a cabeza dun elefante, elemento iconográfico insólito (aínda que non único en Galicia) da arquitectura románica.

 

  A visita a Lendo é unha obriga, abofé!


FONTES:

Alfeirán, Xosé (2016): Los últimos 33 templarios de la bailía de Faro, La Voz de Galicia, 3 de outubro.

Fernández Amil, Iván (2020): La vasija donde Jesús convirtió el agua en vino está en Cambre, Quincemil, 11 de outubro.

Garrido, Santiago (2005): La huella templaria de Lendo, La Voz de Galicia, 9 de marzo.

Losada, Juan Carlos (2019): ¿Qué fue de los templarios en España? La Vanguardia, 16 de novembro.

Pereira Martínez, Carlos (2000): Dúas encomendas templarias galegas descoñecidas: Lendo (A Laracha) e San Sadurniño, Anuario Brigantino 2000, nº 23.

__________________________

1 Vid. Carlos Pereira Martínez, Carlos (2000): Dúas encomendas templarias galegas descoñecidas: Lendo (A Laracha) e San Sadurniño, Anuario Brigantino 2000, nº 23. pp. 202-203.

2 Ibídem pp. 204-205.

mércores, 13 de decembro de 2023

A FOLLA DE LEMAIO (nº 3. Verán de 1999)

A FOLLA DE LEMAIO (n.º 3. Verán de 1999)

   No ano 1998 Kiko Arcos Areosa, Xerardo Calvete Cotelo e Elena Viña Louro iniciaban en Lemaio un humilde pero fermoso proxecto cultural ao que decidiron chamarlle A folla de Lemaio.

   Tratábase dunha modesta gaceta, un folio A3 que daba para catro páxinas, na que o equipo de redacción pretendía poñer en valor a historia desta freguesía da Laracha.

   A revista foi unha das primeiras publicacións deste tipo que se realizaron no municipio. Xerardo Calvete era o director, o que se movía pola parroquia na procura dos temas a publicar, o que daba a cara coa veciñanza e o que buscaba a publicidade. Era, en difinitiva, a cara visible do proxecto.

   Elena Viña, nora da señora Manuela Míguez (da que xa temos falado nestas Crónicas da Laracha cando homenaxeamos aos antigos legoeiros de Fofelle e Proame), era a outra cara coñecida da gaceta e facía practicamente o mesmo que Xerardo, traballando arreo como unha verdadeira redactora xefa.

   Elena e Xerardo reuníanse na casilla de Proame, o mesmo lugar no que anos antes, cumprindo funcións de colexio electoral, votara a veciñanza de Lemaio, despois da morte de Franco e coa chegada da democracia, nas primeiras eleccións municipais celebradas en 1979. Os veciños e as veciñas exerceran o seu dereito ao voto no lugar no que hoxe a señora Manuela Míguez ten o salón da súa casa, o mesmo que anos despois utilizarían Elena e Xerardo como redacción do boletín para elaborar os textos que, posteriormente, lle enviaban por correo postal a Kiko Areosa, o editor da Folla de Lemaio.

  Kiko, que naquela altura vivía en Malagón (Ciudad Real), era a cara invisible desta modesta revista, que nacera coa idea de publicarse trimestralmente. O primeiro número saíra hai exactamente agora 25 anos, no inverno de 1998, e tivera unha gran acollida entre a veciñanza. En cada casa de Lemaio había un “Folla” e agardaban impacientemente polo seguinte número.

   Mais desgraciadamente só se publicarían dous máis: o número 2 e o número 3, publicados respectivamente na primavera e no verán de 1999.

   Kiko Arcos, profesor de historia de secundaria en Málaga foi quen nos pasou unha copia dos tres números deste boletín que el editaba, e contounos, ademais, que “a repentina morte de Elena, que se foi con tan só 44 anos, foi o motivo polo que soamente se editaran tan poucos números.”

   Como homenaxe a aquel fantástico traballo realizado por Xerardo, Elena e Kiko, nestas Crónicas da Laracha decidimos publicar os tres números da Folla de Lemaio. Nas últimas semanas reproducimos os números 1 e o 2. Deseguido, aí vai o número 3:









///////////////////////////////////////////////////////////////////////////////////////