xoves, 7 de maio de 2026

CAAMAÑO, WAIS, REGUEIRA E LEMA: CATRO APELIDOS E UN SERRADOIRO EN LEMAIO (1ª parte)

   En 1918 empeza a funcionar un novo serradoiro na Laracha. Ao xa existente do carballés José Díaz Díaz, sumábase a “sierra sin fin” que tamén estableceu en Lemaio, en fronte da casa dos legoeiros de Proame, José Caamaño Pallas, empresario que segundo consta na “matrícula para el año 1918 de todos los individuos que existen en dicha población sujetos á la contribución industrial”, pagaba, ao igual que o de Díaz, unha cota de 93,94 pesetas ao ano.

  Polo que nos contou a súa bisneta Marisa Lema, José Caamaño nacera en Trasende (Cabovilaño), na actual casa de turismo rural que hai nese lugar. 

Panorámica actual da casa de turismo  rural de Trasende (https://www.casasrurales.net)

  Dada a mala situación económica da época, de moi novo viuse na obriga de facer a maleta da emigración, “creo que ao Uruguai”, dixo Marisa. Tras uns anos de duro traballo no continente americano, e logo de aforrar os cartos que estimou oportunos para iniciar unha nova vida en Galicia, Caamaño decide regresar á súa terra onde non tarda en casar con Manuela Rodríguez Rodríguez, filla ‘dos do Rico’ de Proame. O matrimonio establece o seu domicilio alí, no lugar de nacemento de Manuela, onde serían pais de Crescencia Clemencia, José e Carmen Caamaño Rodríguez.

  Naquela hora o lugar de Proame era, practicamente na súa totalidade, propiedade dos Láncara e as casas da veciñanza subsistían baixo o xugo dos arrendos históricos, establecidos desde moitos anos atrás. Segundo nos contou Marisa Lema, bisneta de José Caamaño e de Manuela Rodríguez,polo que teño escoitado na casa, soamente había dúas vivendas de propiedade particular, a casa ‘dos de Ignacio’ e a de meu tataravó, que era coñecida como a ‘casa do Rico’, unha casa que despois foi de meu bisavó (José Caamaño Pallas) e posteriormente de miña tía-avoa Carmela. O edificio está metido cara o interior da aldea de Proame e tiña unha muralla darredor, cun portalón grande. Para aqueles tempos era moi boa casa, cunha gran balconada. Hoxe en día creo que está toda, ou case toda, derrubada. Meu bisavó Caamaño morreu alí. Despois meus avós fixeran unha casa nova na Estrada, que foi onde nacín eu”.

  Investindo parte dos cartos que fixera na emigración, en 1918 José Caamaño monta un serradoiro en Proame, en fronte do edificio dos legoeiros deste lugar, nunha zona que lle chaman A Gaiteira. 

Contribución industrial para o ano 1918 na que consta, na "tarifa 3ª",  as serras sen fin que tiñan en Lemaio José Díaz Díaz e José Caamaño Pallas  (Boletín Oficial da Provincia da Coruña, 13 de marzo de 1918)

   Aínda hoxe hai xente en Proame que se refire a ese serradoiro como ”a fábrica da Gaiteira”, como así nolo contou Pedro Calvete Longueira, que tamén nós dixo que seu avó Pedro Longueira fora socio de Caamaño durante certo tempo, traballando con notable actividade ata que en 1926 as instalacións foron pasto dun devastador incendio que levarían ao serradoiro a sufrir unhas cuantiosas perdas valoradas en 15.000 pesetas da época:

LARACHA

A las dos de la tarde del día 13 del actual se produjo un incendio en la fábrica de aserrar maderas que en el lugar de Proame, parroquia de Lemayo (Laracha) tiene establecido la razón social “Caamaño y Compañía”.

Una hora después de iniciarse el fuego la fábrica había quedado reducida a cenizas.

El incendio fue casual. Se cree que alguna chispa de la caldera saltó al serrín prendiendo fuego que se propagó al edificio que era de madera.

Las pérdidas se calculan en 15.000 pesetas1.

  Despois do sinistro, tralas oportunas obras e reparacións, o negocio volve a xurdir, nunca mellor dito, das súas propias cinzas aínda que, iso si, de xeito distinto xa que Longueira decidira naquela altura abandonar a sociedade. E así, con Caamaño soamente á fronte, a fábrica da Gaiteira continúa coa súa notable produción durante algúns anos máis.

  O principio do fin desta primeira etapa do serradoiro comeza a finais de 1931, que foi cando o empresario queda viúvo tralo falecemento da súa muller Manuela en novembro dese ano. Con todo, o industrial de Proame segue serrando durante algún tempo máis, ata cando se empezan a escoitar os primeiros tambores da Guerra Civil, e decide deixar o negocio en xullo de 1936:

SE VENDE o alquila fábrica de aserrar maderas, con dos aparatos sin fin, caldera y máquina de vapor 20 caballos, que consume sólo residuos. El local se presta para vivienda. Es de mampostería y tiene 16 metros cuadrados y 11 ferrados de sembradura, unidos, para depósito y secadero de la madera, con un trozo de labradío y prado, y agua corriente dentro de la finca, que está cerrada de sobre sí. A 27 kilómetros de La Coruña. Frente a la casilla de peones camineros de Proame. Para informes dirigirse al propietario: José Caamaño2.

  Finalmente, quen lle compra o serradoiro a Caamaño é a empresa Viuda de Antonio Wais y C.ª S.L., propiedade da familia de ascendencia franco-alemá Wais San Martín, da cal falaremos a vindeira semana.

(...CONTINUARÁ)

____________________

1 Vid. El Ideal Gallego, 17 de xuño de 1926, páx. 3.

2 Vid. La Voz de Galicia, 4 de xullo de 1936, páx. 10.