MÚSICA

 CARMEN MALLO E A ORQUESTRA 'DA MARICAINA' DE ERBOEDO

   Nos duros anos da posguerra en Erboedo houbo unha orquestra, se cadra a primeira banda que se creou na Laracha, coa que os nosos devanceiros pasaron momentos inesquecibles bailando nos salóns e nas festas da bisbarra ao ritmo da súa música. Todo isto, como dicía o poeta Manuel María, naqueles "tempos incestuosos". Falamos da Sol, unha orquestra que fundara por aqueles días a tía María da Fontenla, máis coñecida polo alcume da 'Maricaina'. Polos contos que escoitou ao longo da súa infancia María Dolores Mallo, bisneta da tía María e afillada da saxofonista Carmen Mallo, o devandito alcume puxéronllo en Oseiro (Arteixo): 

  Era unha muller solteira que naqueles tempos tan difíciles, non lle tiña medo a nada. Gañaba a vida como marchante. A parte de fundar a 'Orquesta Sol', trataba e comerciaba na comarca con todo tipo de mercadorías, dende porcos ata xibardas, os arbustos que se utilizaban antigamente como varredoiros e que ela vendía no cárcere da Coruña. Había veces que facía noite en Oseiro, na casa do músico 'Pontevedra', e como nesa parroquia de Arteixo parece ser que naquela hora había moitas Marías, pois a ela puxéronlle de alcume 'María a Maricaina'

 

Imaxe tomada nos anos 50 na Fontenla na casa na que naceu a saxofonista Carmen Mallo. Arriba, de esquerda a dereita: Aurora; Lola; Carmen Mallo; Marcelino Suárez e Lixardo, o marido de Lola. Abaixo: Maruja, bisneta da tía María; a tía María 'A Maricaina' e Maite, filla de Lola e Lixardo (Cortesía de María Dolores Mallo)

   A tía María vivía no lugar da Fontenla coa súa filla Aurora, tamén solteira, e cos seus tres netos Genaro, Aurelia e Carmen. Andando no tempo, a prole ía aumentar con Lola e Chichi, uns cativos da Coruña que as dúas mulleres criaron no seu domicilio como se foran os seus propios fillos. Genaro, o fillo maior de Aurora, recibira algún estudio de música antes de que súa avoa lle comprara un saxofón de prata, un instrumento musical que o pobre pouco disfrutou xa que faleceu en Castellón na Guerra Civil.

    Certo tempo despois da morte de Genaro, a tía María propúxolles as súas netas Aurelia e Carmen, nadas respectivamente en 1921 e 1926, que aprenderan solfexo para tocar o saxofón do seu defunto neto. Aurelia, nai de María Dolores Mallo, non se animou coa proposta e decidiu continuar coas súas tarefas domésticas. Pola contra, súa irmá Carme aceptou o reto da avoa e, malia as dificultades e condicións da época, adquiriu algúns coñecementos musicais, probablemente na academia que tiña na Coruña o mestre Luís Brage, a mesma na que tamén estudara o seu amigo Segismundo Regueiro, que nacera en Gabenlle en 1920.

    E así, sendo unha mociña de 14 ou 15 anos, Carmiña empezou a tocar na 'Orquesta Sol' o saxofón de prata que pertencera a seu irmán Genaro. Segundo nos contaron varias persoas da Laracha, entre elas Marina Regueiro (irmá de Segismundo), a banda, coñecida popularmente como a 'Orquesta da Maricaina', estaba integrada por Manuel de Graciana, veciño de Erboedo de Abaixo que tocaba a tuba e o helicón; Riveiro, que era do lugar de Compañeiro, na parroquia de Soandres, e que tocaba o trombón de varas; Segismundo Regueiro, veciño de Gabenlle, Torás, máis coñecido polo apelativo de 'Segís' e que tocaba a trompeta; Gumersindo, domiciliado en Erboedo de Abaixo e que tocaba o clarinete; Lita, unha moza acordeonista da Coruña; Jesús Rodríguez, veciño de Coiro que tamén tocaba o acordeón; a propia Carme 'da Maricaina'; e José Suárez Lozano, a voz da orquestra, o animador, que era como se lle chamaba naquela altura ao cantante. José, máis coñecido polo alcume de 'Lemos', era veciño de Oseiro e ademais de ser a voz da orquestra 'da Maricaina', tamén tocaba a batería. Rememorando aqueles tempos, María Dolores Mallo recordaba que:

  Quen ía con miña madriña Carme aos bailes e aos salóns era a tía María. Non ía súa nai Aurora, non. Ía a tía María, que era quen cobraba as actuacións e quen lle pagaba a cada un dos integrantes da orquestra. A tía María era, por así o dicir, a que manexaba o cotarro.

   Muller valente, forte e sen andrómenas, como as “flores de ferro” da mesma época que tan marabillosamente nos describe a larachesa María Rei Vilas na súa novela de título homónimo (“Flores de ferro”, editorial Galaxia, 2020), naqueles primeiros anos da posguerra cando a tía María viña por Loureda, de volta para a Fontenla dende A Coruña, ténse encontrado en máis dunha ocasión cos Foucellas. Polo que nos dixo a súa bisneta María Dolores, seica lles dicía:

    -Neniños, ¿Tedes fame? ¿Queredes comer algo?.

     E sacaba algo das albardas da besta para dárlles.

   -Non tía María! Vaia tranquila. E se ve á Garda Civil dígalles que estamos aquí!

    Rebordados de xuventude e coa ilusión de abrirse camiño no mundo da música, os integrantes da 'Orquesta Sol' empezaron a tocar baixo o amparo da tía María, unha especie de rock manager da época que protexía á súa rapazada do mesmo xeito que a galiña protexe a súa rolada de pitos. 

 

Carmen Mallo e a súa nai Aurora paseando pola Coruña (Cortesía de María Dolores Mallo)

    A orquestra de Erboedo amenizaría os bailes da bisbarra durante dous ou tres anos, tempo dabondo para que algún dos temas que tocaron durante aquel período se convertera na banda sonora de máis de unha parella da Laracha. Naquel mundo de homes, o feito de que dúas mozas formaran parte dunha orquestra, de seguro que non pasou inadvertido en ningunha das actuacións da Sol e, por iso, é de xustiza recoñecerlle a Lita e a Carme os camiños que abriron entre a espesura na loita pola igualdade.

   Coa mirada retrospectiva empanada na néboa da nostalxia, os recordos sobre esta orquestra, que se desfixo aproximadamente sobre o ano 1943, son máis doados para os de certa idade porque naquel entón era a única distracción que había. Os que tiveron a sorte de escoitar a Carme 'da Maricaina' afirman que non deixaba indiferente a ninguén, abraiando en cada actuación ao público co saxofón que un día pertencera a seu irmán Genaro. A súa estrela brilaba dun xeito especial, abofé!

   Naquela altura Luciano Pazos Otero, amigo da tía María 'da Maricaina', amenizaba co seu acordeón as festas e bailes que se organizaban en Oseiro e arredores desta parroquia arteixá. Luciano nacera en Pontevedra en 1906 e despois de facer a mili na Coruña, casou en Oseiro onde gañaba a vida coma ferreiro. Alí, dado o seu lugar de procedencia, era coñecido polo alcume de 'Pontevedra'.

   Como xa dixemos anteriormente, en Oseiro tamén vivía José Suárez Lozano, 'Lemos', o cantante da 'Orquesta Sol'. Nado o 26 de febreiro de 1926 na Coruña, no barrio do Orzán, cando era un meniño de 2 ou 3 anos fixéronse cargo del Secundino e a súa dona Dolores 'A Querecha' -que era irmá do pai de 'Lemos'-, un matrimonio que rexentaba unha tenda no que hoxe é a rúa Santirso, ao carón da igrexa de Oseiro. Neste establecemento, golpeando as latas de aceite e outros produtos que vendían seus tíos, o noso protagonista empezou a sentir verdadeira devoción pola música, paixón na que moito tivera que ver o acordeón do seu veciño Luciano Pazos 'Pontevedra', que era vinte anos maior que el. 

 

De esquerda a dereita: José Suárez 'Lemos', Luciano Pazos 'Pontevedra' e Segismundo Regueira 'Segís', tres dos integrantes da 'Orquesta Pontevedra' (Cortesía de Marina Regueiro)

    Pouco tempo despois de que se desfixera a 'Orquesta Sol' no ano 43 nacía a orquestra 'do Pontevedra' ou 'Pontevedra', que é o nome que lembran e do que fan referencia algunhas das persoas que bailaron ao ritmo da súa música por aqueles anos. Unha banda que estaba formada por Luciano 'O Pontevedra', que tocaba o acordeón, e por tres compoñentes da extinguida Sol: 'Lemos', cantante e batería; 'Segís', guitarra; e Carme 'A Maricaina', saxo alto. Segundo o testemuño de Juan Naya, nesta formación tamén tocaron ocasionalmente músicos como Breixo, Panchón e Benito 'O Veigheiro'.

   Na memoria prodixiosa de Geluca Naya, unha muller nacida en Pastoriza en 1932 e que estivo á fronte do popular 'Restaurante Casa Lola' durante varias décadas, aínda se conservan moitas anécdotas dos bailes que amenizaba a 'Orquesta Pontevedra', entre elas a letra do tema co que esta banda empezaba o repertorio das súas actuacións coa voz de 'Lemos': 

"Yo he conocido a un amigo

que se casó enamorado;

a los 4 o 5 días

tuvieron que andar a palos.

Cuando llega del trabajo

pregunta por la comida;

ella dice no la ha hecho

que le dolió la barriga.

Así que amiguitos míos

no se apuren a casar

pues el que más y el que menos

claro, lo dicen ellos,

pues los polvos y pinturas

solo son para engañar”

    Nos anos de existencia da 'Orquesta Pontevedra', a parte das habituais actuacións das festas patronais que se organizaban na bisbarra e nos salóns da contorna, as parroquias carballesas de Rebordelos e Lema eran lugares onde 'Lemos', 'Pontevedra', 'Segís' e Carme 'da Maricaina' tocaban de xeito habitual ao longo do ano, como así nolo recordou Juan Naya: “Eles ían case sempre a Baldaio. Alí nunca fallaban porque os querían moito. Naquela hora non se podía andar por aí ás dúas da mañá ou dúas e pico e por iso, á unha ou unha e media a Orquesta Pontevedra terminaba o baile así:

Muy señores míos

hasta mañana

a descansar”

    A orquestra 'do Pontevedra' deixou de tocar como tal a principios dos anos 50. Despois da súa desaparición, Luciano Pazos Otero, a persoa que lle dera nome a esta banda co seu alcume de 'Pontevedra', seguiría animando algunha que outra festa da contorna co seu inesquecible acordeón. Luciano, que quedara viúvo moi novo con catro fillos ao seu cargo, tiña a súa ferrería na rúa Santirso e o domicilio na actual Avenida de Sabón de Oseiro, ao carón da casa da señora Clotilde. O popular ferreiro-acordeonista faleceu en 1963 con tan só 57 anos de idade.

   No caso de 'Segís' de Gabenlle, despois da desaparición da orquestra 'do Pontevedra', formou parte de bandas de Carballo como a 'Bergantiños' e a 'Reyes'; da orquestra 'dos Lados', que era da parte de Coristanco; da orquestra 'de Aradas'; do 'Trío Azteca'; de 'Los Caminantes', a orquestra de 'Furocas'; de bandas da Coruña como 'Los Caporales' e 'Los Intocables', que tiña un repertorio moi moderno xa que cantaban en inglés (Antonio Fachado, o líder desta banda estivera emigrado en Inglaterra e anos despois abrira na Coruña unha tenda de instrumentos musicais); e do grupo 'L-6' de Betanzos. Despois de tantos e tantos anos vivindo da música tocando o saxo, a guitarra e a trompeta en todas estas formacións, 'Segís' xubilaríase pola agraria pois, ao longo da súa vida, tivera que compaxinar a súa actividade musical coa gandeira. O seu sobriño Xosé Collazo recordounos que: “El non se dedicaba ao 100% á música. Tamén traballaba na casa porque sempre houbo vacas; aínda que iso si, daquela gañaba máis cartos tocando nas orquestras que co que daba o gando ou, incluso, co que podía gañar naquela hora un bo albanel ou un carpinteiro. A música tamén era moi esclava. Pola semana, despois do traballo da casa, andaba sempre estudando e ensaiando”. Segismundo Regueiro Álvarez, 'Segís', faleceu solteiro en agosto de 2011 aos 90 anos.

    José Súarez Lozano 'Lemos', que casou naquela altura con Carmen, unha moza de Sofán, continuaría ao longo da súa vida alegrándolle a vida a xente cantando nas festas da bisbarra algún que outro popurrí popular coa súa fermosa voz. 'Lemos', que tamén traballou durante varios anos en “Ascensores Cerdolla”, faleceu en novembro de 2007 aos 81 anos.Cantaba con moita gracia e tiña un ton de voz moi bonito”, recordaba recentemente Juan Naya, amigo íntimo deste músico durante toda a vida. María Dolores Mallo tamén nos contou que... “con 'Lemos' sempre houbo boa relación na nosa casa. Era o padriño dun irmán meu que xa faleceu. Cando viña a Erboedo era como si viñera o presidente do goberno. Todo o mundo... 'Lemos' por aquí, 'Lemos' por alá… De feito un ano miña irmá levou a Función e veu tocar 'Lemos' e Daniel, o da Orquesta Mallo de Feáns, con quen tamén había moi boa relación”.

   Por último, Carmen Mallo, 'Carme da Maricaina', casou en 1949 con Marcelino Suárez, veciño de Cabovilaño que foi chofer do cura de Coiro e da empresa Transportes Viñán durante moitos anos. Tras dárlle o “si quero” a Marcelino, a nosa protagonista díxolle adeus para sempre ao mundo da música mais, segundo o testemuño da súa afillada María Dolores, de cando en vez tocaba o seu prezado instrumento musical:

  “Eu recordo a miña madriña tocando no seu piso da Coruña. Dicía que, senón o facía, o saxo estropeábase. Gustaríame saber o paradoiro dese instrumento con tanta historia na miña familia. O feito de que os irmáns Mallo de Feáns tiveran boa relación na nosa casa é o que me leva a pensar que o saxofón acabou nalgún momento na orquesta deles. É probable que llo vendera Carme”.

 

Carmen Mallo nos anos 60 (Cortesía de María Dolores Mallo)

    Ao pouco de casaren, Carme e Marcelino establecen o seu domicilio na Coruña, pola zona dos Mallos. Posteriormente residen en Monte Alto, onde a saxofonista monta sobre o ano 1965 un ultramarinos na rúa Ángel Rebollo, un negocio que ía manter aberto durante moitos anos. Cando morreu a tía María 'A Maricaina', Carme quixo levar a súa nai para a cidade herculina, perante a negativa de Aurora o matrimonio foi vivir á Fontenla. Volven de novo para A Coruña e, certo tempo despois, regresan para a casa na que ela nacera en febreiro de 1926, unha casa que finalmente venderon cando morreu Aurora. 

  Ao vender na Fontenla o matrimonio, que non tivo fillos, decidiu comprar un piso en Carballo aínda que acabaron residindo en Baldaio cuns parentes de Marcelino. Carme, xa viúva, faleceu o 22 de decembro do 2012 aos 86 anos, e está enterrada xunto ao seu marido en Cabovilaño.

 

FONTES:

GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2021): Carmen Mallo, la saxofonista de Erboedo que lideró una orquesta en los años 40; La Voz de Galicia, 13 de xuño. 

MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2021): https://cronicasdearteixo.blogspot.com/search?q=pontevedra 

 

COPLAS QUE CANTABA MARCELINO LOUREIRO, VECIÑO DA CACHADA DE SOANDRES

 Coplas cantadas por Marcelino Loureiro, veciño da Cachada (Soandres) marido de Evangelina Zas, e recompiladas nos anos 90 pola súa neta Beatriz Costoya.

 

Evangelina Zas , "Evangelina da Cachada" e o seu marido Marcelino Loureiro (Cortesía de Beatriz Costoya)

 

Evangelina da Cachada

apenas sabía falar,

ía a gritos polo Coto

arriba la libertad”.


A aldea de Condesuso

ten unha pedra de asento,

onde se sentan os mozos

que veñen perder o tempo.


A aldea de Condesuso

non a pasean chavales,

que a pasean os mozos

con cuchilos e puñales.


De Curros á Millarada

hai un profundo lameiro,

xa lles subarda a lama

por encima do chereillo.


Teño unha herba na horta

que lle chaman a “laverca”,

non tiveches que dicir,

quedaches coa boca aberta.


Teño unha herba na horta

que lle chaman”cidironea”,

para ti falar comigo

douche Dios pouca memoria.


Garavizas vai na leña,

a muller fai o xantar,

a cadela pon os ovos

a galiña vai ladrar.


Miña comadre polo día

veño a que me dea pan.

Meu compadre escaravello,

que fixeches todo o vran?


Indo polo souto abaixo

atopeime cun escaravello.

Dime nena ¿a donde vas?

Vou ver a Paspallás.


Miña nai é unha pobre

e teu pai un vinculeiro.

Vaite d´aí rapás

que non cantas no meu poleiro.


Costureira non a quero,

se ma dan ríome dela, que a quero tecelana.

Ergue un pé e baixa outro

e dormir comigo na cama.


Polo monte o que me queiras,

moito máis che quero a ti.

Todo o día e toda a noite

sempre estou pensando en ti.


Vai calando, vai calando

cara de cañoto seco.

Vai calando, vai calando

que eu contigo non me meto.


Ás ovellas da Revolta

fáltanlles a ghiadeira,

baixade ovellas baixade

ao corral da Castiñeira.


Polo corral do tío Pedro

vai o can do tío Miguel,

leva polainiñas novas

e riviretes de papel.


Na miña vida tal vin,

no areal de Chamín

unha cabra cunha roca

e un castrón cun violín.


Si ti viras o que eu vin,

na feira de Monterroso

vintecinco xastres xuntos

a cabalo dun raposo.


Se queres que vaia e veña,

rapaza ao teu lugar,

as de matar a cadela

que non fai senón ladrar. 

 

A cadela non a mato

que non teño outro can,

se non queres vir á noite

vén e vén pola mañán.


Rapaciña do meu tempo

chamáchesme a min rapaz,

durme comigo unha noite

pola mañán o contarás.

 

A ORQUESTRA DA AMEIXEIRA 

   A Ameixeira é un lugar da parroquia de Coiro no que naceron os irmáns Iglesias Borrazás nos albores do século pasado. Nun tempo sen motores nin ruídos, no que as xentes daquela hora traballaban a diario nas leiras escoitando soamente o canto perdido dalgún paxaro, o discorrer da auga dos regatos e o cantar dos grilos e das ras á calor das raiolas do sol, foi agromando neles, con aquelas melodías da nai natureza, a paixón pola música.

   Gumersindo García Gómez, historiador de Soandres, conta nun dos seus artigos que “unha tarde de verán do ano noventa e tres, Luciano de Ameixeira evocaba con nostalxia algunha das súas vivencias de mocidade. Memorou cando estaba cumprir trece anos, os primeiros pasos no mundo da música xunto co seu irmán José. Falou con detalle de cantos instrumentos tocou ao longo dos anos. Primeiro o bombardino, logo seguiría o trombón de varas para rematar co complexo e nada doado saxofón”1.

    Anos despois, no tempo no que cumpriu o servizo militar na Coruña, Luciano Iglesias tivo a oportunidade de estudar unhas nocións básicas de solfexo co sarxento don Pastor Asensio, mestre de moitos músicos da época que era integrante da Banda Militar e director da Orquestra X e da Orquestra Radio.

    Ao pouco de rematar o servizo militar, cando corrían os anos corenta, Luciano decide fundar con seu irmán Juan unha orquestra á que, despois da súas primeiras actuacións, todo o mundo da bisbarra denomina a Orquestra da Ameixeira por ser este o lugar de nacemento dos fundadores.

 

Na parte superior da imaxe vemos a Juan Iglesias Borrazás. Na inferior, sentado e co saxofón, a seu irmán Luciano (Revista das Festas Parroquiais de Soandres, 2006)

    Manuel Peña, veciño de Santa Baia (Soandres) nado en 1934, ao que moitas e moitos de vós recordaredes por ser o conductor do autobús de Asicasa que facía a ruta A Coruña-Coiro, contounos que os integrantes da Orquestra da Ameixeira que eu recordo eran Manxarín, que tocaba o acordeón; Gumersindo de Erboedo de Abaixo, que tocaba o clarinete; Juan da Ameixeira (tamén coñecido como Juan de Picardel), que tocaba a trompeta; e seu irmán Luciano, que tocaba o saxofón. O grupo era instrumental pero ás veces tamén cantaba con eles un animador de Cercido2 que xa non me acordo como se chamaba. Unha das pezas que nunca faltaba no seu seu repertorio era o pasodobre 'En er mundo' ”.

    Ese animador do que Manuel non lembraba o seu nome era Manolo 'da Pontalba'3, información que obtivemos grazas á inxente colaboración da escritora larachesa Julia Peña, que foi quen contactou coa familia de Plácida Arijón Padín, irmá do propio Manolo 'da Pontalba'.

     Outra das fontes orais dos tempos da Orquestra da Ameixeira foi Socorro Piñeiro, muller de Manuel Peña. Pasou a súa infancia en Erboedo de Abaixo, lugar no que se criou con seus avós maternos vendo acotío a moitos dos músicos da Laracha de aqueles tempos. Algún deles seica ía ata alí coa intención de facerlle as beiras a unha tía dela. A saída da misa o mozo en cuestión dáballe unha laranxa a Socorriño, sempre de carabina de súa tía, mentres a parella paseaba falando das súas cousas. Son moitas as anécdotas que Socorro garda na súa memoria. Unhas pódense contar e outras non. Falamos das primeiras: “Meu tío Manuel, 'Manuel de Graciana', tocaba a tuba e o helicón na 'Orquesta Sol', que todo o mundo coñecía como a orquestra 'da Mericaina'. Como eran bos amigos, por Erboedo de Abaixo viña moito Segís de Gabenlle, que tocaba con meu tío na mesma orquestra. Tamén recordo de ver por alí cando era nena a 'El Niño de Soandres' e a Luciano o da Ameixeira que, co paso dos anos, casualidades da vida, comprou a casa que hai fronte á de meus avós, na que pasei a miña infancia. Xa de moza, recordo de ir ver á orquestra da Ameixeira ao Salón de Domingo 'do Niño' “.

     A modiño, toda A Laracha quedou fecundada coas melodías da Orquestra da Ameixeira, que na década dos 50 ía deixar de actuar como tal nos bailes e nos salóns da bisbarra para converterse na Orquestra de Soandres, da que falaremos noutra ocasión.

 

P.D.: Se alguén ten algunha foto da Orquestra da Ameixeira ou dalgún dos seus integrantes (Luciano da Ameixeira, Juan de Picardel, Manxarín, Gumersindo de Erboedo), por favor, poñédevos en contacto con nós. Graciñas!

___________________

1 Vid. GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2006): Aquela orquesta de Soandres de mediados do século pasado, Revista das festas parroquias de Soandres, páx. 27.

2 Cercido é un lugar da parroquia de Erboedo.

3 A Pontalba é un lugar da parroquia de Erboedo.

 

A ORQUESTRA DE SOANDRES

 As orquestras na Laracha contan dunha moi antiga tradición, especialmente en Soandres. Quen sabe? Se cadra teñen que ver no asunto os cantos da vida monástica de antano do templo beneditino, tan presente no ADN dos fregueses desta parroquia. 

   O caso é que xa temos noticia da existencia dunha banda de música en Soandres nos primeiros anos 20 do século pasado, e mesmo sabemos que algúns dos instrumentos da formación viñeran de América.

    Co gallo da visita que o popular actor arxentino Enrique Muíño realizou á súa terra de nacemento en abril de 1923, a prensa da colectividade galega en Bos Aires publicaba:

A eso de las diez de la mañana llegaba el insigne actor frente a la Casa Consistorial de Laracha, donde le esperaban el alcalde Sr. Iglesias, varios concejales de aquel Ayuntamiento, el secretario Sr. Astray, el juez municipal, el secretario del juzgado Sr. Racedo, el médico don Ramón Astray, varios profesionales, algunos parientes del señor Muíño y una compacta multitud de campesinos que prorrumpió en vivas y aclamaciones, al mismo tiempo que atronaba el espacio el estampido de las bombas y que la música de Soandres daba al aire los acordes de un bullicioso pasodoble (…)
(…) La despedida de Muíño es todavía más brillante que el recibimiento, porque el ilustre actor es de los que fácilmente se adentran en el corazón, y de aquellos cuyo talento también tiene que admirar fuera de la escena.
Las bombas de palenque estallan con mayor estrépito, los acordes de la música de Soandres suenan más intensos, los vivas y aclamaciones parecen arrancar de más adentro y Muíño llora más tiernas lágrimas (…)1

   Velaí está a banda de Soandres no recibimento e na despedida a Enrique Muíño, un larachés nado en 1881 no lugar da Torre, na parroquia de Lendo, que, á parte de pertencer á pléiade de intérpretes fundacionais do teatro e da historia de ouro do cinema da Arxentina, tamén cultivou de xeito notable a pintura.(De Enrique Muiño xa escribimos nesta bitácora no seu momento. Aquí tedes a ligazón: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2021/11/o-laraches-enrique-muino-unha-das.html).   

   A devandita banda ía continuar, coa súa mellor vontade e bo facer, dando alegría á veciñanza da bisbarra enchendo, durante algúns anos máis, os campos das festas de ledicia e diversión coa interpretación das súas melodías. Nunha descrición sobre as festas parroquiais de Soandres de 1927, El Ideal Gallego daba cumprida información comentando, entre outras cousas, que...

(…) La fiesta campestre estuvo animadísima; siendo amenizada por la afinada banda de música de Soandres y disparándose, durante el día, multitud de bombas de palenque (...)2

  Temos noticias de que posteriormente, durante algunhas festas celebradas en Soandres antes da proclamación da II República, era a banda carballesa da Ardaña a que amenizaba os bailes que alí se facían, polo que é de supoñer que a agrupación musical da parroquia xa desaparecera nesa altura.

   Tal e como contamos hai unhas semanas neste blogue, na década dos corenta ía xurdir a orquestra da Ameixeira que, tras uns anos de actuacións baixo ese nome, nos cincuenta reconverteuse na Orquestra de Soandres.

 

Imaxe da Orquestra de Soandres de mediados do século pasado. De esquerda a dereita, Luciano 'de Silvoso' co primeiro acordeón; Celso 'de Compañeiro' co trombón de varas;  Ramón 'de Matías de Soutullo' coa batería; Juan Iglesias Borrazás ('Juan de Picardel') coa trompeta; Luciano Iglesias Borrazás ('Luciano da Ameixeira) co saxofón; Gumersindo 'de Erboedo de Abaixo' co clarinete e Eduardo 'do Cabaleiro' co segundo acordeón (Revista  das festas parroquiais de Soandres, 2006)

    Nesta época, en toda agrupación musical era imprescindible a figura do acordeonista dominando o escenario. Na Orquestra de Soandres os virtuosos deste instrumento eran Luciano 'de Silvoso'3, tamén coñecido como Luciano 'de Manxarín', e Eduardo 'do Cabaleiro'4. Gumersindo 'de Erboedo de Abaixo' co clarinete; Celso 'de Compañeiro''5 co trombón de varas; Ramón 'de Matías de Soutullo' coa batería; Juan Iglesias Borrazás, 'Juan de Picardel'6 coa trompeta; e Luciano Iglesias Borrazás, 'Luciano 'da Ameixeira' co saxofón, eran os outros músicos que conformaban a banda, unha formación na que tamén ían tocar ocasionalmente outros músicos, entre eles Domingo Silveira, de quen falamos neste espazo hai un par de semanas

  Segundo o testemuño de Sindo Amor Martí, fillo de Domingo 'do Niño', “ás veces tamén tiñan un animador, que era como se lle chamaba aos cantantes antigamente. Recordo ver coa Orquestra de Soandres a Manolo 'da Pontalba', que anos atrás xa cantara coa Orquestra da Ameixeira, e a 'Lencho', un vocalista do Corgo7.

    Naquela hora, os desprazamentos das orquestras non eran doados. Os camiños non eran os de hoxe e moitas veces facíanse a pé, coa dificultade que supoñía cargar coa pesada maleta de ferro na que carrexaban a batería. Noutras ocasións facíanse en cabalerías ou mesmo en carro de bois. Se por unha sorte había a posibilidade de desprazarse en autobús, o batería era o que levaba a peor parte, como así llo contou Antonio Mallo, un dos fundadores da Orquestra Mallo de Feáns, a Xurxo Souto. “Iamos a Caión no Pombo, o coche de liña. Nós aínda viaxabamos cómodos. O peor era o batería. Tiña que ir arriba cos tambores. Se chovían dúas pingueiras chegaba molladiño coma un pito”8.

 

Desprazamento dunha orquestra nos anos 50 (Facebook Orquestas 1900)

    Nos seus primeiros tempos os músicos da Orquestra de Soandres tocaban a pleno pulmón, do mesmo xeito que o fixeran anos anos os seus predecesores da Orquestra da Ameixeira. Mais, co paso do tempo, empezaron a utilizar altofalantes de batería que, segundo as informacións do historiador de Soandres Gumersindo García, seica lle alugaban a Manolo, o taberneiro de Meirama. 

   As actuacións desta agrupación eran frecuentes en Carballo; Cerceda, de xeito especial en Rodís e A Tablilla; nas romarías de Santo Adrián e Santa Margarida; e en boa parte dos salóns de baile da bisbarra. “Cando contrataban ben as actuacións chegaban a cobrar duascentas pesetas cada músico, e se a xente quedaba contenta aínda lles daban propina9.

   No repertorio da Orquestra de Soandres non faltaban aqueles románticos tangos e boleros tan de moda entre a xuventude de aquela época, mozos e mozas que sempre demandaban vellas pezas musicais como María de la O, Islas Canarias, Gato Montés ou Siboney, a canción cubana composta en 1929 por Ernesto Lecuona, que serviu como inspiración para a longametraxe mexicano-cubana de título homónimo. Siboney, rodada en 1938, foi dirixida por Juan Orol e protagonizada por María Antonieta Pons.

Siboney...
Yo te quiero, yo me muero
por tu amor.

Siboney…
En tu boca
la miel puso su dulzor.

Ven a mí,
que te quiero
y que todo tesoro,
eres tú para mí.

Siboney...
al arrullo de las palmas,
pienso en ti.

Siboney de mis sueños
si no oyes la queja de mi voz.
Siboney, si no vienes
me moriré de amor.

Siboney de mis sueños
te espero con ansia en mi caney.
Porque tú eres dueño
de mi amor, Siboney.

Oye el eco
de mi canto de cristal.
No se pierda por entre el rudo
manigual.


__________________

1 Vid. El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina, 13 de maio de 1923, páx. 11.

2 Vid. El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente, 5 de agosto de 1927, páx. 7.

3 Silvoso é un lugar da parroquia de Soandres.

4 O Cabaleiro é un lugar da parroquia de Coiro.

5 Compañeiro é un lugar da parroquia de Soandres.

6 Picardel é un lugar da parroquia de Meirama.

7 O Corgo é un lugar da parroquia de Soandres.

8 Vid. XURXO SOUTO EIROA (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, páx. 108.

9 Vid. GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2006): Aquela orquesta de Soandres de mediados do século pasado, Revista das festas parroquias de Soandres, páx. 27.

 

DANIEL CAPELÁN, O GAITEIRO DE ERBOEDO

  Daniel Capelán Buño nace no lugar da Fontenla, na parroquia de Erboedo, o 13 de marzo de 1922. Era fillo de José Capelán Mallo e de Celia Buño Rodríguez, matrimonio que, á parte de Daniel, tivo outros dous cativos, Florencio e Leonor, meniños que morreron aos poucos meses de nacer. 

Imaxe dos anos 80 de Daniel Capelán, á esquerda, e de Leonardo Corral, un dos fundadores de 'Os cinco de Galicia' (Cortesía de Javier Capelán)

    Noutra traxedia familiar, o noso protagonista ía quedar orfo de nai con tan só catro anos. En 1930 seu pai casa en segundas nupcias con Francisca Otero Zas, muller coa que tivo catro fillos: Oliva, Che, Lola e Pedro Capelán Otero. Precisamente con Lola, tivemos a fortuna de conversar no seu domicilio da Fontenla nunha tarde do mes de xullo do 2022. Na compaña da súa filla Oliva e do seu xenro Zalo, recordounos que “meu irmán Daniel sempre quixo ser gaiteiro. De neno collía as canas das aveas, facíalle uns buracos e despois tocaba; facía o mesmo coas canas das canaveiras. Xa se vía nel ese artista que levaba dentro.

    Daniel non recibiu estudos de solfexo e ninguén da súa familia tivera relación algunha coa música. Tocaba de oído, aínda que é probable que aprendera algunhas nocións básicas con Segís 'de Gabenlle', Luciano 'da Ameixeira', Gumersindo 'de Erboedo de Abaixo' ou con Rogelio Silveira, o gaiteiro de Condes, todos músicos da Laracha e bos amigos del.

    O certo é que tiña un talento especial. Escoitaba unha peza e non paraba ata que a sabía tocar. Non tardou en converterse nun dos grandes gaiteiros da bisbarra. Súa irmá Lola tamén recorda “de velo facer as palletas da gaita dos mangos da escoba que tiñamos na casa para barrer, que era de pólas de xibarda. Cortáballe un anaquiño e facía as palletas.”

    Capelán fai o servizo militar en África, onde coincide con Chucho de Abeleira, un rapaz de Loureda co que, andando no tempo, acabaría tendo parentesco familiar. Seica cando un deles viña de permiso voltaba ao cuartel cargado de pan de molete para o outro.

    Corren os primeiros anos corenta e, ao pouco de cumprir as obrigas militares, casa con María Dolores Figueroa García, unha moza de Condes, parroquia de Soandres, veciña do seu amigo gaiteiro Rogelio Silveira.

   Nesa época toca con asiduidade por toda a bisbarra.

    -”¡Bótalle as Bravas¡”

   Así era como as mozas e mozos da parroquia de Montemaior lle solicitaban a Daniel as xotas e muiñeiras para “bailar o suelto”, ritmos tradicionais que aínda a mediados de século resistían ao imparable avance das músicas e bailes de moda. Outro dos temas que moito lle demandaban era o “Pasodoble de Pastor”, peza do seu repertorio que tocaba acompañado dun clarinete e caixa, formación coa que o gaiteiro de Erboedo percorreu nas décadas dos anos corenta e cincuenta numerosos lugares do municipio da Laracha e outros limítrofes1.

   Ao pouco de casar con Dolores atopa traballo na RENFE como operario de vía e obras e, durante a súa actividade profesional, ía ser destinado a Cerceda, Meirama, Garga-Trasmonte, O Carballiño e Oroso-Vilacide, estacións nas que foron nacendo cinco dos seis fillos do matrimonio: Francisco, Mariló, Manolo, Javier e Secundino. José, o maior dos irmáns, viñera ao mundo en Condes, na casa de seus avós maternos. Con Javier falamos no seu domicilio da herculina Avenida do Ferrocarril e contounos que “neste piso vivimos dende que eu tiña 4 anos. Esta era a súa casa e recórdoo de tocar a gaita sempre, no Nadal, en reunións familiares, nas festas da aldea… a gaita estaba presente en todas as celebracións”.

     Sempre que llo permitía o traballo, visitaba o seu lugar de nacemento. A Fontenla era o seu parnaso particular. Curiosamente, tamén era a patria chica doutros músicos como o saxofonista Genaro 'de Aurora', a tamén saxofonista Carmen Mallo, sobriña do anterior, ou Che 'da tía Sinda', tamborileiro que acompañou a Daniel Capelán en ducias de ruadas e celebracións e que, co andar dos anos, tamén se ía converter nun notable gaiteiro. A historia musical da Fontenla é digna dun profundo estudio, abofé. 

 

Daniel Capelán e Che 'da tía Sinda' nunha función en Loureda (Cortesía de Oliva Capelán)

    Daniel non perdía ocasión para tocar nas festas de Erboedo, onde de cando en vez tamén o acompaña co tamboril o lendario 'Lemos', músico de Oseiro (Arteixo) moi querido na parroquia.

 

Daniel Capelán e 'Lemos' nunha función en Erboedo (Cortesía de Carmen Mallo)

   Javier Capelán contounos que seu pai tocara ocasionalmente co Ballet Galego Rey de Viana e con outras agrupacións da Coruña das que non lembra o nome. Ao fío desta información, contactamos con Raúl Galego, 'O gaiteiro Nubeiro', e dixonos que Daniel tocou en Zoqueiriños, do Centro Social de Monelos e que despois se chamaron Xeitosiños, e algunha que outra vez cos Cinco de Galicia. “Entre os gaiteiros da Coruña da época era frecuente conformar un grupo con músicos de varias procedencias para resolver unha actuación ou un compromiso”. 

 

De esquerda a dereita: Josecho 'dos Macías', Valentín 'dos Labregos',  Daniel Capelán e máis Luís, que traballaba no bus urbano. Diante deles o actor estadounidense Dana Andrews nos actos de benvida do primeiro Festival de Cine de Comedia da Coruña celebrado en 1982 (Cortesía de Oliva Capelán)

    Moncho do Orzán, músico da Coruña e bo amigo, contounos que un dos temas do seu repertorio, “Muiñeira”, tamén coñecido como “Muiñeira de Capelán” forma parte do disco “Muiñada” que Cantigas da Terra gravou en 1984.

   Nesa época Daniel xa se prexubilara da RENFE. Ao abandonar a empresa ferroviaria fixo a maleta da emigración e botou varios meses en Suíza, traballando nunha obra en Vevey. De seguro que o noso protagonista tocou algunha das súas pezas ao carón do lago Léman cos Alpes de fondo e... quen sabe?... se cadra algún emigrante de Montemaior, recordando vellos tempo, díxolle:

    -”¡Bótalle as Bravas, Daniel¡”

    Ao pouco de vir de Suíza consegue traballo como xardineiro ao carón do seu domicilio, no Hogar Infantil Emilio Romay, a coñecida como Casa Cuna da Coruña, lugar no que se xubila definitivamente nos últimos anos da década dos oitenta.

   Unha vez xubilado Daniel, auténtico mestre gaiteiro, compartiu a súa música e sabiduría con todas asociacións e grupos que llo solicitaron ata que faleceu en xaneiro de 2007, aos 84 anos de idade, deixando un patrimonio espiritual moi importante. O seu recordo segue estando moi vivo na bisbarra.

 

Daniel Capelán tocando a gaita nunha ruada na Fontenla (Cortesía de Oliva Capelán)

________

1 A muiñeira “A Brava” e o “Pasadoble de Pastor” forman parte do CD “Cantos vellos para rapaces novos que a Asociación Cultural Santa María de Torás editou en 2002 coa A.C. Donaire dos Mallos, A Coruña.

 

ROGELIO SILVEIRA, O GAITEIRO DE CONDES

  Un dos grandes músicos da bisbarra foi Rogelio Silveira Castro, un gaiteiro que naceu en Condes (Soandres) en 1932 e que era o fillo máis novo do tamborileiro Domingo Silveira, 'Mingos de Teresa', e de Josefa Castro, matrimonio que uns anos antes xa foran pais de Aurora, nacida en 1925. O noso protagonista era afillado de Daniel Capelán, o gaiteiro de Erboedo, que tan só tiña 10 anos cando acompañou á pía bautismal ao meniño Rogelio.

Rogelio Silveira e seu pai Domingo tocando nunha festa (Cortesía da familia)

   O rapaz foi medrando no medio dun gran ambiente musical. Cando tiña 8 ou 9 anos, seu pai tocaba a caixa na Orquestra da Ameixeira e seu padriño Daniel amenizaba coa gaita as festas e os bailes da bisbarra, con certeza acompañado en máis dunha ocasión polo seu compadre 'Mingos'. Curiosamente Daniel Capelán, que non tiña ningún parentesco sanguíneo cos Silveira mais si moi boa amistade, ía casar en Condes con María Dolores Figueroa, veciña do lugar.

   De moi neno, cando lle botaba unha man a seus pais nas faenas do campo, Rogelio collía de cando en vez unha cana de canaveira e, tras facerlle os oportunos buratiños, facíaa soar ante a admiración dos seus. Naqueles campos de Soandres estaba nacendo un artista que non ía tardar en aprender a tocar a gaita con seu padriño Daniel.

   Posteriormente, segundo non contou Segismundo Silveira, fillo de Rogelio, cando aprendeu a tocar empezou a ir por aí con meu avó Mingos; un coa gaita e o outro co tamboril. Tocaban nas alboradas dos días de festa, nos salóns… Donde tocaban con bastante frecuencia seica era no salón de Rosende, nas festas de Soandres, nas de Ledoño, nas de Boedo... e mesmo teñen ido a Sada, que alí tamén os contrataron algunha vez”.

   Daniel Silveira, nacido en Condes en 1947, sobriño de Rogelio e curiosamente tamén afillado de Daniel Capelán, o gaiteiro de Erboedo, díxonos que “ás veces formaban un trío con José Iglesias Borrazás, un dos integrantes da Orquestra da Ameixeira. Rogelio tocaba a gaita, 'Mingos' a caixa e José o clarinete”.

    Van pasando os anos e chega a hora de facer o servizo militar, que Rogelio realiza na cidade de Lugo, no cuartel de San Cibrao. Actualmente estas instalacións militares están abandonadas, mais de seguro que aínda resoan entre as paredes do edificio as pezas que o gaiteiro de Condes aprendera con Daniel Capelán e que tocaba alí, no tempo de lecer, para alegrarlle un chisco a vida aos compañeiros de quinta.

    Rematadas as obrigas castrenses casa con Genoveva Varela Veiga, unha moza de Táboas (Soandres), lugar donde a parella establece o seu domicilio xa que ela era filla única. Alí ía nacer no ano 1954 Segismundo, o único fillo do matrimonio, que tivo a ben recordarnos algún dos episodios da vida de seu pai.

    Rogelio Silveira fai un pouco de todo para gañar a vida. Traballa de gandeiro, de labrador e mesmo fai uns pesos como zapateiro. Seica era moi bo neste oficio”, recorda Segismundo, que tamén nos dixo que naquela época ensinoulle a tocar a gaita a seu sobriño Daniel, o fillo de Aurora”.

    Rogelio segue tocando con seu pai ata mediados dos anos sesenta, que foi cando emigrou a Suíza con Genoveva. Estiveron alí dende 1964 ata finais de 1971. Primeiro foron el e miña nai para un restaurante no cantón de Berna que se chamaba 'Alpenrose', que era un hotel de montaña no que tamén había gandería. Despois estivo en Aarau, cando traballou nunha fábrica de calzados de Olten. Como podes imaxinar, levou a gaita para Suíza e tocaba moito nas barracas onde vivían os emigrantes que traballaban na construción. De feito, el tamén traballou neste sector durante dúas tempadas nunha empresa que se chamaba Zuble”.

 

Genoveva Varela e Rogelio Silveira nos anos 70 (Cortesía da familia)

    O matrimonio retorna da emigración en decembro de 1971. Rogelio adícase á gandería e volve a tocar a gaita en alboradas, festas ou en locais como o de Fina, a que montara en Coiro o Raio de Sol, unha muller moi festixeira coa que, polo que nos contou Segismundo, tiña moi boa amistade. “Meus pais levábanse moi ben con Fina desde facía moito tempo. Era modista e cando eu era cativo levábanme a súa casa a facer a roupa. Traballaba nunha casa vella que había fronte ao Raio de Sol.”

    Ao pouco, sobre o ano 73 ou o 74 forma o 'Grupo Silveira de Soandres' con Antonio Muíño (caixa) e José Campos (bombo), dous veciños de Queixas (Cerceda) que tamén estiveran na emigración en Suíza e con quenes tocou en numerosas ocasións pola bisbarra ao longo dos anos 70 e 80.

    Andando no tempo a esta formación incorporaríase José Ríos, veciño de Cerceda co que falamos durante a elaboración deste libro. “Eu viñera definitivamente de Suíza nos primeiros anos 90. Na emigración fun gaiteiro do Centro Galego de Lausana e ao pouco de vir entrei a formar parte da formación de Rogelio. Eramos dous gaiteiros unha caixa e un bombo e tocabamos en festas e todo tipo de celebracións.”

 

De esquerda a dereita José Campos, Antonio Muíño, José Ríos e Rogelio Silveira (Cortesía de José Ríos)

    O grupo ensaiba moitas veces nas Táboas, na casa de Rogelio. Noutras ocasións era o noso protagonista o que ía a Cerceda aos ensaios que facían nas casas dos seus compañeiros. “Nesa época eu vivía coa miña muller e os meus fillos na Coruña e as veces íamos pasar ás Táboas a fin de semana; pero calquera durmía alí… había música ata as 2 ou 3 da mañán”, recorda o seu fillo Segismundo.

    E así foi transcorrendo o tempo ata 1997, ano fatídico na vida de Rogelio. O día 3 de xuño, despois dun terrible cancro, a súa muller Genoveva falecía con tan só 62 anos. No mesmo ano e no mesmo mes, o día 29, morreu con 93 anos seu pai Domingo. A partir de aquí Rogelio Silveira decidiu abandonar o mundo da música e mesmo lle vendeu a gaita a un gaiteiro da zona de Cambre. O seu corazón non estaba para alegrías.

    Cando desapareceu o 'Grupo Silveira de Soandres' os seus compañeiros de formación crearon a 'Nova Xuntanza de Cerceda' coa incorporaron de José Villaverde, gaiteiro de Ledoño que tamén fora emigrante en Suíza. Esta nova agrupación, que segue tocando a día de hoxe, participara algunha vez no programa da TVG 'Luar', na sección de música tradicional que tiña Mercedes Peón. Tamén tocaron nalgunha ocasión no programa da Radio Galega 'Pensando en ti'. Mágoa que o noso homenaxeado non vivira aquelas marabillosas experiencias.

    Rogelio Silveira Castro, O Gaiteiro de Condes, tamén coñecido como o gaiteiro de Táboas, faleceu o 3 de abril de 2004 aos 72 anos.

 

FRANCISCO IGLESIAS SILVEIRA, 'EL NIÑO DE SOANDRES'

  O noso protagonista nace en Vista Alegre, parroquia de Soandres, o 15 de maio de 1931, e parece ser que xa de moi pequerrecho deixaba pasmadas a todas as persoas que o escoitaban nas festas e nos convites. Víñalle de familia. Todos os irmáns cantaban francamente ben, especialmente Pilara, que tivo salón de baile no lugar do Barreiro (Erboedo), e Pepe, que acabaría de vocalista na Orquesta Mallorca. 

   Francisco cantaba cunha voz idéntica á de Juanito Valderrama e cun mesmo repertorio. Xa mociño marcha para A Coruña e reside no domicilio de Elvira, unha irmá casada, na rúa do Orzán. Na cidade herculina asiste ás clases de solfexo que naquela hora impartía o mestre Luís Brage nunha academia da rúa San Andrés, a mesma na que tamén estudara o músico de Gabenlle Segismundo Regueiro e, moi probablemente, a saxofonista de Erboedo Carmen Mallo.

    Anos antes, a proximidade ao bando republicano e aos ideais rexionalistas e galeguistas fixeron que Brage fose condenado ao cárcere cando chegou a Guerra Civil. Durante a súa estancia no centro penitenciario da Coruña creou unha academia na que lles ensinaba música aos reclusos. Tras a triste etapa no cárcere e xa establecido na urbe coruñesa, continuou dando fe da calidade das súas leccións e dotes pedagóxicos a alumnos como Francisco Iglesias Silveira, a quen animou a presentarse a Su Oportunidad, concurso radiofónico que emitía Radio Nacional de España, que foi precursor dois célebre e posterior Desfile de estrellas.

     En setembro de 1948, cando tiña 17 anos, Francisco é un dos finalistas do devandito concurso que se celebraba no Teatro Rosalía de Castro, e como non podía ser doutro xeito acada o primeiro premio na modalidade de canto flamenco. Foi precisamente o locutor do programa radiofónico, Emilio Díaz Fernández, o que lle puxo a Francisco o alias de 'El Niño de Soandres', nome artístico que o cantante de Vista Alegre ía adoptar para sempre.

    Malia aquel enorme éxito, o mozo larachés, con vehemencia e humildade, continuou coa súa formación musical, pasando daquelas primeiras referencias co mestre Brage a posteriormente aprender a tocar a guitarra -para poder actuar el só nas actuacións- con Pastor Asensi Rey, director da Orquesta Radio, e mesmo no Hogar Musical da Coruña.

    Naqueles últimos anos corenta, cando gozaba dunha enorme popularidade en boa parte da xeografía galega, viaxa a Madrid. Alí compaxina as clases de solfexo na prestixiosa academia de música Monreal con actuacións no teatro Fuencarral e noutras salas da cidade madrileña.

    A comezos dos anos 50 fai o servizo militar en Bilbao, onde canta en teatros e emisoras de radio vascas cando as obrigas castrenses llo permiten. E mesmo obtén un premio nun festival de flamenco celebrado nesta cidade.

 

Francisco Iglesias Silveira, 'El Niño de Soandres' (Revista das Festas Parroquiais de Soandres, 2008)

   Casa con Áurea Cousillas Fernández, unha moza de Cances (Carballo), de pai de Cerqueda e familia de Malpica, coa que ten un fillo, César Francisco. En 1969 emigra ao Reino Unido e durante varios anos gaña a vida no sector hostaleiro ao tempo que dá concertos de flamenco no Centro Galego. “En Londres había que traballar duro para sacar o indispensable para vivir. Nos ratos libres dedicábame a cantar. Afortunadamente foime bastante ben. Alí coñecín a unha artista española, Tani Morena, que me axudou moito. Actuei en varias ocasións con ela e quíxome levar a facer unha xira por diversos países de Europa, pero eu tiña un contrato cunhas salas de festas e desistín da idea”1.

    A mediados dos 70 volve da emigración e establece o seu domicilio na Coruña, cidade na que se dedica a dar clases de guitarra e de solfexo, que compaxina con frecuentes actuacións en diversas salas herculinas ata uns cinco anos antes de morrer, caso de Los Porches, coa voz sempre a gran nivel, ata que enfermou.

    Francisco Iglesias Silveira, 'El Niño de Soandres', que tamén pasou por orquestras como a Bergantiños, faleceu o 6 de xullo do 2011 aos 80 anos de idade. Os seus restos descansan do cemiterio de Erboedo.


FONTES:

GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2008): “Francisco Iglesias Silveira”, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.

GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2021): “El Niño de Soandres, cantaor de flamenco de A Laracha”, La Voz de Galicia, Carballo, 5 de xullo, p. L5. 

 ___________

1 Vid. La Voz de Galicia, A Coruña, 2 de xaneiro de 1976, p. 23.

 

PACO RODRÍGUEZ, O BATERÍA LARACHÉS DE 'LOS TAMARA'

  Los Tamara foron unha banda de pop que nos anos 60 e 70 gozaron de enorme popularidade. Responsables da difusión das músicas e sons de todo o mundo e do achegamento da canción popular galega ao gran público, o grupo estableceu fortes vínculos entre música e a poesía coas adaptacións, en varios dos seus discos, dos poetas galegos máis universais, caso de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Francisco Añón ou Celso Emilio Ferreiro.

  A mítica formación foi creada na vila de Noia por Prudencio Romo, un músico que levaba certo tempo tocando en varias orquestras noiesas cando decide pór en marcha o seu propio conxunto para participar nun concurso en Radio Vigo. Corría o ano 1958 e Los Tamara acababan de nacer. Prudencio (baixo, guitarra e violín) bautiza así a banda en honor ao antigo nome do río Tambre, que desemboca en Noia, debido a que pasaba por terras dos condes de Trastámara. Xunto a Prudencio, segundo conta Fernando Fernández Rego no seu libro Unha historia da música en Galicia 1952-2018”1, atopamos a seu irmán Alberto Romo (guitarra), Manolo Paz, José Sarmiento (guitarra e clarinete), Germán Olariaga (voz) e Enrique Paisal (teclados). Posteriormente uníuselles o que sería o seu líder carismático, o cantante coruñés Pucho Boedo, ademais doutros músicos como o batería larachés Francisco Rodríguez Cotelo, de quen falamos deseguido.

 

Francisco Rodríguez Cotelo, segundo pola esquerda, con Los Tamara (Cortesía da súa familia)

   Francisco, tamén coñecido polos apelativos de Pancho ou Paco, nace en 1926 en Cabovilaño, parroquia da que eran naturais os seus proxenitores Ramón Rodríguez Ríos e Purificación Cotelo Becerra, que ían ser pais de seis fillos máis. Pura era da familia dos de Fermelle de San Román e tiña un irmán (Plácido) que rexentaba unha taberna na rúa da Estrella da Coruña, o Bar Pura. O pobre, que bautizou a todos os seus afillados co seu propio nome, perdera unha perna na Guerra Civil e por iso a clientela denominaba o seu local 'O pata de pau'.

   Ramón e Pura eran zoqueiros, oficio que tamén ía aprender o seu fillo Pancho. Quen sabe? Se cadra os golpes do macico, da anxola, do mazo e do resto de instrumental da profesión animaron ao noso protagonista a entrar de cheo no mundo da percusión.

   Despois da Guerra, a familia Rodríguez Cotelo abandona A Laracha para establecer o seu domicilio en Arteixo, na parroquia de Pastoriza, onde naquela altura tiña moita sona a Feira da Madeira que se celebraba o 28 de setembro, véspera de San Miguel, e os luns de Pascua. Primeiramente viven no lugar do Coto e, certo tempo despois, residen nunha casa de Barrionovo. Nesa época Pancho e seu irmán Plácido, a quen coñecemos grazas ao amigo Sergio Naya e que foi quen nos contou a historia familiar, asisten ás clases de solfexo que naquela hora impartía o mestre Luís Brage na súa academia da rúa San Andrés da Coruña. Xa podedes imaxinar onde tomaban un aperitivo á saída das clases. Si, no 'Pata de pau', o bar que seu tío materno tiña na rúa da Estrella.

   De Plácido, que tamén foi batería de grandes orquestras da bisbarra, falaremos na vindeira semana. Sigamos, pois, coa homenaxe a seu irmán Pancho Rodríguez, que era o maior dos fillos varóns de Ramón e Pura.

   En 1942, cando tiña 16 anos, Pancho convértese no percusionista de orquestras como a Orfeo da Coruña ou mesmo os Guiliades, que se chamaban así porque eran do lugar de Guiliade (Betanzos). Nos anos corenta esta orquestra foi a sensación das Mariñas ao contar cunha animadora, a lendaria Finita Gay, 'A Martela'. Á marcha de Finita contaron con outra animadora que foi Obdulia Sánchez.

   Pouco despois, sobre o ano 1944, os Rodríguez Cotelo establecen o seu domicilio en Meicende, nunha casa que había a poucos metros da actual Avenida do Butano. Nesa época, cando non tiña actuacións, Pancho segue botándolle unha man a seus pais traballando coma zoqueiro.

   Durante varios anos encárgase da percusión da Orquesta Orfeo. Compúñase aquilo dun bombo con pedal para zouparlle, un tambor, que lle chamaban 'caixa', un platillo grande, pendurado dun gancho e outros artefactos. Segundo nos contou seu irmán Plácido, nos invernos seica actuaban con certa asiduidade no Hotel Embajador, sede actual da Deputación da Coruña, e no Finisterre, curiosamente os dous edificios inaugurados en 1948. Nos veráns tocaban moito nas instalacións da Solana e, como todas as orquestras da época, nas festas parroquiais e nos salóns da bisbarra.

   Estamos xa nos 50. O noso homenaxeado coñece a Carmen Deza, unha moza de Mesoiro coa que casa na Coruña. En 1954 ía nacer Agustina (Tita) a primeira filla do matrimonio. A finais desta década é cando Prudencio Promo crea Los Tamara en Noia, onde existe un vello refrán que di: "xente de Noia campana de pau", por ser esta vila antigamente terra de zoqueiros e carpinteiros de grande monta. Tería algo que ver o refrán coa chegada do músico-zoqueiro de Cabovilaño aos Tamara? Camiño dos 91 anos, seu irmán Plácido non pode precisar cal foi a primeira actuación de Pancho co lendario grupo. “O que si che podo dicir é que deixou a Orfeo para tocar con eles en Vigo e despois foi ao norte de África e a Francia. Cando marchou, eu quedei no sitio del e fun o batería da orquestra Orfeo durante algún tempo”.

 

Los Tamara cos futbolistas do Real Madrid Alfredo Di Stéfano e Emilio Santamaría, a quenes abraza Pucho Boedo. Paco Rodríguez é o primeiro pola esquerda da fila superior (Cortesía da súa familia)

   Segundo o investigador vigués Manuel Costas, Los Tamara chegan á cidade olívica para participar nun certame de promesas de Radio Vigo e hospédanse nunha pensión en Urzaiz, próxima ao hotel Lisboa. Despois de tocar no concurso radiofónico foron contratados para amenizar os seráns na terraza da Marquesina (posteriormente o Flamingo de Príncipe) e as noites do Real Club Náutico. Nunha ocasión, cando tocaban neste lugar, chega un trasatlántico con turistas coa sorte de que nel viña Monsieur Marly e a súa familia. Marly era un importante produtor de espectáculos residente en Mónaco e encantáralle a actuación da banda galega. Mandoulles unha tarxeta á mesa na que estaban por medio dun camareiro para que se puxeran en contacto con el. Ese encontro ía ser determinante porque Marly introduciría a Los Tamara no circuito do Norte de África, unha importante rede de actuacións para o turista e o público, fundamentalmente francés2.

   O certo é que os feitos se suceden de maneira vertixinosa. Entran no circuito de actuacións do Magreb e tocan en lugares tan prestixiosos como o Casino de Orán ou o Negresco de Casabranca así como en Tánxer, facendo xiras durante tres anos seguidos por países como Marrocos, Alxeria, Tunisia ou o Líbano… e aí estaba o noso veciño, que cando integraba Los Tamara era coñecido como Francisco ou Paco Rodríguez. O alias de Pancho era para os familiares máis achegados.

 

Los Tamara nunha das súas viaxes. Á dereita, aplaudindo, vemos a Paco Rodríguez (Cortesía da súa familia)

    A viaxe resulta apaixoante. Polo que nos conta Fernando Fernández Rego, chámalles a atención o ambiente cosmopolita de cidades como Tánxer, que era porto franco, e unha urbe que parecía que nunca durmía, con tránsito de xente día e noite. Literalmente alucinan ao ver as bailarinas semiespidas do Casino de Tánxer. Mais, tras moitos meses actuando sen sobresaltos, todo se complica. Alxeria vivía tempos moi convulsos coa guerra de independencia contra a colonización francesa, con constantes levantamentos militares, e vense obrigados a abandonar o país ao recrudecerse os enfrontamentos do Fronte de Liberación Nacional (FLN) co poder colonial francés3.

   Saen de Alxeria prácticamente co posto, nun avión da Cruz Vermella que os leva a Marsella. Marly búscalles nun par de días actuacións pola zona e teñen que realizar unha escapada a Suíza para armarse cos instrumentos necesarios. En Marsella, o cantante Germán Olariaga namórase perdidamente dunha moza corsa e marcha para Córcega da noite á mañá, abandonando o grupo. Nese mesmo día Prudencio Romo chamou ao seu amigo Pucho Boedo, que se encontraba en Madrid cos Trovadores, para ver se lles podía botar unha man. A elección de Pucho sería unha das decisións máis acertadas de Prudencio, abofé. Nun abrir e pechar de ollos o da Silva chega a Marsella e aprende todo o repertorio, aínda que ao principio as cancións en francés non lle saían, como era lóxico, e tiveron que pasar moitos temas da lingua gala para o español. Con Pucho na banda, Los Tamara ían alcanzar de pleno o recoñecemento e o lendario cantante encontraría a plataforma necesaria para acadar a trascendencia á marxe do tempo e a distancia.

   De Marsella, Los Tamara foron a Suíza, Alemaña e despois á Costa Azul. A banda sempre levaba a súa terra por bandeira. A moitas das súas actuacións no estranxeiro acudían galegos emigrantes que residían nestos países. Para eles, escoitar a Los Tamara era unha forma de volver por un momento á súa terra. A emoción que sentían era enorme! 

 

Los Tamara nunha actuación nos anos 60 na que vemos ao batería Paco Rodríguez no medio da fila superior (consellodacultura.gal)

   As xiras por toda Europa sucédense. As actuacións máis soadas son as que realizan no Sporting de Montecarlo e, sobre todo, no Olympia de París, compartindo cartel con Jacques Brel e Charles Aznavour. Ata ese momento o único artista español que pisara o Olympia fora Lola Flores. Para as xiras europeas tiñan outro cantante, ademais de Pucho, Tony Preysler, que era filipino, curmá de Isabel Preysler. Falaba seis idiomas e encargábase de cantar os temas en inglés e italiano.

   É o selo francés Bel Air o que lles edita as súas primeiras gravacións, un conxunto de cinco EP que comeza con Esperanza Esperanza/ El otorrinolaringólogo/ Camino del Sahara/ Pide (Bel Air, 1962) e termina con Todo ya pasó, Joey/ El padrino lloró/ Seguir soñando/ Acurradito (Bel Air, 1963).

  A súa primeira gran actuación en España foi na sala Titos, en Mallorca, onde cantaban artistas como Frank Sinatra. Naqueles primeiros anos 60 o éxito tamén era grande en cidades como Barcelona ou Madrid como así o reflexa o xornal madrileño Pueblo nun artigo no que tamén aparece a fotografía que acompañamos:

 

Postal promocional de Los Tamara para o selo discográfico francés Bel Air. Abaixo, á esquerda, o larachés Paco Rodríguez (consellodacultura.gal)

Estos son los Tamara, la orquesta, posiblemente, la mejor orquesta que ha pasado por Madrid desde hace años, y que en el “rendez-vous” del Hilton ha obtenido el espaldarazo del mejor público de Madrid. Los Tamara son todos de la dulce Galicia, y han tomado el nombre primitivo de su villa natal, Noya. Sus nombres: Prudencio Romo, Germán Olariaga, Pucho Boedo, Alberto Romo, José Sarmiento, Francisco Rodríguez y Enrique Paisal. Edad media, veintisiete años. Discos Barclay. Repertorio, 250 números. Actuaciones en Francia, Suiza, Alemania, norte de África y España. Contratos firmados hasta marzo de 1963. Los Tamara son “responsables” de los llenos diarios. Arreglos fabulosos de Romo, de los cuales el de “Exodo” es el más impresionante y logrado de cuantos puedan oír”.4

   Mais, malia ao grande éxito de Los Tamara, que andando no tempo tamén ía alcanzar América do Sur, onde varias das súas cancións convertiríanse en número un, o larachés Francisco Rodríguez decide abandonar o grupo a mediados dos 60 para empezar unha nova vida en Barcelona coa súa muller Carmen e a súa filla Tita, que naquela altura tiña 9 anos.

   Na Cidade Condal abre un restaurante ao que bautiza, en lembranza do tempo que botara no popular grupo, o Tamara. O restaurante venderíao posteriormente, e os novos propietarios chamáronlle Carballeira.

   En Barcelona Paco Rodríguez e Carmen Deza tamén ían ser pais da súa segunda filla, Elena, que nace en 1966. Nesa época o de Cabovilaño a base de traballo, ambición e creatividade rexenta máis restaurantes, negocios que vendía cando funcionaban ben. Continúa mantendo o contacto con Los Tamara, a quen se lles atribue a gravación da primeira canción pop en galego: “Galicia terra nosa”, incluída no single Allá, allá / Galicia terra nosa / El amor/Mashed Potato Time (Zafiro, 1964), iniciando así un estilo popular enraizado na música e, sobre todo, na poesía galega, que lles daría grandes éxitos nos setenta, xunto coas súas versións dos temas máis dispares, desde Aznavour, Mikis Theodorakis e a súa Zorba o grego, Otis Redding, ata James Brown e o seu I Got You (I Feel Good), que eles versionaron co título de Soy muy feliz na cara B do famoso tema A Santiago voy (1967), e mesmo o clásico popular grego Misirlou, do que en 1994 Quentin Tarantino incluiu a versión de Dick Dale na súa película Pul Fiction.

   Ao tempo que o éxito de Los Tamara chegaba a medio planeta, Paco continuaba cos seus negocios en Barcelona, onde o larachés traballou durante algún tempo co constructor galego Carlos López Conde. Posteriormente ía dirixir un complexo con piscinas e bares chamado Escala e tamén rexentou o popular Pippermint, un bar que continua aberto co mesmo nome no n.º 20 da rúa Bori i Fontestà da Cidade Condal.

   Paco Rodríguez, que foi presidente de honor do Centro Galego de Barcelona, finou en maio de 1984 aos 58 anos de idade, dous anos antes da morte de Pucho Boedo e da disolución de Los Tamara. Os integrantes orixinais reuniríanse tras a morte de Pucho para gravar en 1990 o disco homenaxe Carta a un amigo con Sito Sedes á voz. A iniciativa do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), volveron con esta formación en 2002 co CD Agora é sempre.

   Case corenta anos despois da morte de Paco Rodríguez Cotelo en Barcelona, o seu espiritu continua a estar moi presente na capital catalá xa que a súa batería, a batería que tocaba con Los Tamara, está colgada no teito do restaurante La Taberna del Cura (Gran de Gràcia, 83) propiedade do seu amigo Moncho Neira. No bombo do instrumento reza: “RECUERDO DE LOS TAMARA DE PACO PARA SU AMIGO MONCHO.”

 

Imaxe da batería que Paco Rodríguez lle regalou ao seu amigo Moncho Neira (La Taberna del Cura)

   O empresario José Ramón Neira Pérez é o propietario do grupo Moncho's, un auténtico imperio do sector da restauración. Natural de Pol (Lugo), Neira é un daqueles galegos como o propio Paco Rodríguez que crearon excelentes restaurantes en Barcelona. En 1975 inaugurou a famosa marisquería Botafumeiro, que no seu día liderou a restauración da Cidade Condal en volume de ingresos. Actualmente ten unha quincena de negocios, sendo os is destacados o Asador del Mar, Marina Bay, Moncho's House, The Chipirón ou a devandita Taberna del Cura que, como xa dixemos, é o lugar no que podedes ver colgada no teito a batería que o larachés Paco Rodríguez tocou con Los Tamara.


FONTES:

Baena, Ana (2021): Manuel Costas reivindica la leyenda de Los Tamara, www.atlantico.net, 18 de abril.

Cuns Lousa, Xulio & Veiga Ferreira, Xosé M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas, Concello de Betanzos.

Fernández Rego, Fernando (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía.

Souto, Xurxo (2003): Pucho Boedo: Un crooner na fin do mundo, Documental.


_______________

1 Vid: Fernando Fernández Rego (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía, Vigo, páx. 22.

2 Vid: Fernando Fernández Rego (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxia, Vigo, páx. 22.

3 Ibídem, páx. 23

4 Vid: Pueblo: Diario del trabajador nacional, Madrid, 7 de marzo de 1962, páx.14.

 

  PLÁCIDO RODRÍGUEZ, UN DOS GRANDES BATERÍAS DA BISBARRA NA DÉCADA DOS 50

  O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para Plácido Rodríguez Cotelo, un dos grandes baterías da bisbarra durante os anos 50 e os primeiros 60 do século pasado.

  Plácido nace en 1932 na parroquia larachesa de Cabovilaño e era un dos sete fillos de Ramón Rodríguez Ríos e Purificación Cotelo Becerra, zoqueiros de profesión. Despois da Guerra os Rodríguez Cotelo abandonan a súa Laracha natal e establecen o seu domicilio en Arteixo, primeiramente en Pastoriza, e sobre o ano 1944 en Meicende, lugar no que continua residindo o noso homenaxeado.

  Xunto a seu irmán Paco, o batería de 'Los Tamara' do que falamos a semana pasada, Plácido estuda solfexo na academia que o mestre Luís Brage tiña na rúa San Andrés da Coruña. Con 16 anos convértese no percusionista da Jazz Melody, unha banda na que o de Cabovilaño permanece varios anos.

Plácido Rodríguez tocando a batería coa orquestra Jazz Melody (Cortesía de Plácido Rodríguez)

   Por aqueles días moitos músicos actuaban con diferentes formacións ao mesmo tempo, aproveitando as oportunidades que saían de traballar e facer uns pesiños. Iso de 'fichar' nunha orquestra non ía por contrato, se non por concertos e compromisos. Así foi como Plácido tocou, entre outras, coa banda de Luciano Pazos, 'O Pontevedra de Oseiro', da que formaban parte dous músicos da Laracha: Carmen Mallo, 'A Maricaina' e Segismundo Regueiro, 'Segís'. Plácido Rodríguez Cotelo recorda que “coa orquestra do Pontevedra tocabamos moito pola parte da Laracha, na miña terra de nacemento, e por iso ás veces durmía en Gabenlle, na casa do meu amigo Segís. Moi boa persoa, por certo. Tamén toquei con Carme 'A Maricaina' en Erboedo”.

   En 1950 entra a formar parte da Orquesta X, que andando no tempo ía cambiar a súa denominación, pasando a chamarse Orquesta Radio.

Plácido Rodríguez, de brazos abertos no centro da imaxe, coa Orquesta X en 1950 (Cortesía de Plácido Rodríguez)

  Un ano máis tarde, Plácido convértese no batería de Los Capitanes, unha orquestra de Sada moi popular na súa época que fora fundada polos irmáns Manolo e Emilio Capitán, músicos de Mondego. Los Capitanes actuaban moito en locais como La Terraza, o edificio modernista de Sada, ou no Salón Moderno, lugar que albergara o Consistorio municipal e que moitos anos despois convertiríase na Discoteca Baroke.

Plácido Rodríguez tocando a caixa coa orquestra Los Capitantes en 1951 (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    Nesa altura a voz dun mozo da Ramalleira, entre a Silva e o Ventorrillo, namoraba a toda a cidade da Coruña e a boa parte da provincia. Falamos de Pucho Boedo, persoeiro ao que lle saíran varias 'noivas' ao mesmo tempo despois de triunfar de moi noviño nun concurso radiofónico. O caso é que Pucho canta en varias orquestras como a Eslava, a Spallant, Ubierna, os Mallos de Feáns, Los Capitanes ou a Oriente antes de que o chamara o director Alfonso Saavedra para ser o animador de Los Trovadores. A formación desta orquestra e a incorporación do crooner da Ramalleira deberon estar próximas no tempo, probablemente entre 1952 e 1953, tal e como figura nas fotografías cedidas por Plácido Rodríguez, que nos recordou que “cando eu estaba nos Capitanes de Sada foime buscar Saavedra para ser o batería principal de Pucho Boedo y sus Trovadores. Eu son un dos fundadores desta orquesta”.

Unha das primeiras imaxes da orquestra 'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Plácido Rodríguez é o primeiro pola esquerda da fila superior (Cortesía de Plácido Rodríguez)

'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Arriba, Pácido tocando a batería (Cortesía de Plácido Rodríguez)

'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Plácido é o primeiro pola dereita da fila do medio (Cortesía de Plácido Rodríguez)

Plácido tocando a batería coa orquestra 'Pucho Boedo y sus Trovadores' que dirixe Alfonso Saavedra (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    O larachés ía permanecer durante algo máis dun ano na orquestra dirixida por Saavedra e capitaneada polo animador Pucho Boedo, ata que pasou a integrar a Orfeo. “Meu irmán Pancho fora o batería desta orquesta durante bastante tempo. Ao marchar para Vigo, para tocar con Los Tamara, quedei eu no seu sitio. Eulogio Gestal, o do Mesón de Pastoriza, e seu irmán Pepe tocaron comigo na Orfeo. Polo inverno actuabamos na Parrilla do Hotel Embajador e nos veráns iamos para o Finisterre e para A Solana”.

  Plácido casa en 1955 con Finita Gómez Longueira, veciña de Meicende (filla dos do ultramarinos Casa Cuña) coa que tería dúas fillas, Gloria e Montserrat. Ao tempo que toca a batería coa Orfeo, o de Cabovilaño fai o propio na orquestra Sintonía da Coruña, na que permanece aproximadamente ata 1958, que foi cando se converteu nun dos integrantes de Los Celtas de España.

Placido Rodríguez tocando a caixa coa orquestra Sintonía da Coruña nunha festa celebrada en Pastoriza (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    Os Celtas formáraos o director José María Velasco, 'Chemari', de quen Xurxo Souto escribe nos seus Contos da Coruña que “marchara, a principios dos cincuenta, a estudar canto a Madrid. Deseguido enrolouse como tenor nunha compañía de zarzuela e mesmo chegou a gravar algunha película musical. De volta á Coruña formou un grupo que -aproveitando os seus contactos cos representantes- axiña comezou a saír polo mundo co sonoro nome de Los Celtas de España (1).

  Seguindo a mesma tendencia que a sociedade galega, as orquestras proban sorte fora de Galicia. Aquí non podían tocar todo o ano. Cos rigores da ditadura, o cardeal Quiroga Palacios prohibira “aos músicos de toda arquidiciose tocar non só en Semana Santa, senón durante toda a Coresma. Moito tempo de vacacións forzosas para a economía de calquera traballadador(2).

  Este fenómeno ía adquirir notable importancia e repercusión tanto artística como económica, e moitas das nosas orquestras terían grande aceptación, entre elas os Celtas do noso prezado Plácido Rodríguez Cotelo que recordaba que “ toquei varios anos con esta orquesta e viaxei moito con eles. Recordo especialmente as actuacións en Alemaña. Alí tocamos en Heildelberg, que está cerca da fronteira con Francia; en Holf e en Munich”.

Plácido Rodríguez, a quen vemos debaixo da batería, na súa etapa cos Celtas (Cortesía de Plácido Rodríguez)

  Os Celtas ía ser a última orquestra na que tocou o noso protagonista, que deixou a música nos primeiros anos 60 para traballar na refinería de Meicende, onde gañou a vida ata a súa xubilación.

   O noso agradecemento a Plácido Rodríguez e a súa familia pola atención e amabilidade coa que recibiron a quen escribe no seu domicilio de Meicende (a antiga Casa Cuña) o pasado 7 de novembro. Grazas tamén a Sergio Naya, por facer posible esta viaxe no tempo, e a Pedro Lamas e Xurxo Souto polos vosos apuntamentos!

Plácido Rodríguez e Xabier Maceiras na antiga Casa Cuña de Meicende en novembro de 2022 (Foto de José Bea)

 

FONTES:

-Cuns Lousa, Xulio & Veiga Ferreira, Xosé M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas, Concello de Betanzos.

-Fernández Rego, Fernando (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía.

-Souto, Xurxo (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo.

______________ 

1.- Vid. Xurxo Souto (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo, páx. 147.

2.-  Ibídem, páx. 145.


MELCHOR RODO, UNHA DAS GRANDES VOCES DE BERGANTIÑOS

   Unha das grandes voces da comarca de Bergantiños e de toda a xeografía galega foi, sen nengún xénero de dúbidas, Melchor Rodo Fraga, artista cun currículo musical extraordinario do que falamos deseguido.  


Melchor Rodo (La Voz de Galicia, 8 de xaneiro de 1983)

  O noso protagonista é o máis novo dos tres fillos que tiveron Segundo e Felisa, matrimonio que abandonara Montemaior por motivos laborais para residir no Niño. Neste lugar da parroquia de Soandres ía vir ao mundo Melchor o 4 de xaneiro de 1956 nunha casa xa desaparecida situada a poucos metros da que Gumersindo Amor tivera o salón de baile nomeado neste libro. José e Jesús, os seus irmáns maiores, naceran en Montemaior.

 Nesa vivenda do lugar do Niño, Melchor pasa boa parte da súa infancia. Cando era moi cativo, mesmo os paxariños deixaban de voar para escoitar a súa voz prodixiosa mentres imitaba aos cantantes de moda da época. O historiador larachés Gumersindo García Gómez recorda que seu padriño, Gumersindo 'do Niño', que finou en xaneiro de 1960, “dáballe unha peseta a Melchor para que cantase. Daquela tiña algo de vergoña e facía a súa actuación fóra da vista da xente. Moitos aínda o lembramos cantando “A Salvaora” e asistindo á escola do Convento”.

   Tamén hai quen recorda ao rapaz espetando unha vara no chan cunha mazá na punta que, nun alarde de creatividade, convertía no micrófono dos seus xogos imaxinando que era o animador dunha orquestra. Nesa altura seica cantara nalgunha ocasión na 'Pachanga', o popular salón que Gerardo Amor tiña no lugar de A Veiga, moi preto do río Anllóns.

   O futuro artista viviu no Niño ata mediados dos anos sesenta, que foi cando o pai e os irmáns emigraron a Suíza. A familia axiña mercou unha casa en Lendoiro (Cecebre, Cambre) na que Melchor, que quedara aquí con súa nai Felisa, pasou a súa adolescencia soñando con ser cantante. O soño non ía tardar en cumprirse.

   En 1973, cando tiña 17 anos, traballaba de camareiro no Hotel Atlántico. Nunha ocasión o xefe de persoal, entusiasmado co xeito de cantar do larachés, presentoulle a Antonio e Daniel Mallo, da Orquestra Mallo. A lendaria banda de Feáns, que tantas veces tocara nos bailes e nos salóns da Laracha, estaba naquela hora sen vocalista. Melchor fixo unha proba con eles. Antonio e Daniel quedaron abraiados e, a partir de aí, toda a vida do mozo de Soandres ía ser cantar!

   Rodo, cun tipo de voz forte ao estilo Nino Bravo ou José Luís Rodríguez 'El Puma', estivo na Orquestra Mallo unha tempada. Logo pasou a 'Los Key' e posteriormente estaría tres ou catro anos con 'Los Satélites', orquestras coas que, segundo nos recordou Manolo Pazos, actuou en varias ocasións na Discotecas Pazos da Laracha na que seu irmán Pepe e súa cuñada Merche traballaron moitos anos.

   Dende os seus primeiros tempos nas orquestras sempre se deixou levar polo público e pronto empezou a cantar coplas e pasodobres. Sentíase cómodo nese estilo. Hai unha canción de Manolo Caracol que se non a cantaba ao principio da actuación cantábaa ao final: a Salvaora, o mesmo tema que interpretaba de moi cativo en Soandres coa sua voz prodixiosa con aquel micrófono formado por unha vara cunha mazá na punta.

   Trala súa etapa con 'Los Key' e 'Los Satélites', Melchor formou parte dos grupos Foliada e Xente Nova. Precisamente, sendo integrante desta ultima banda, foi cando lle xurdiu a oportunidade de presentarse a concursar no programa de Televisión Española “Gente Joven”, unha especie de “Operación Triunfo” da época donde coincidiu con María del Monte. 

 

Melchor Rodo, cuarto pola esquerda, con Foliada (www.youtube.com)

 ”Foi por medio dun amigo meu, que me animou e me falou das normas do programa. Había que facer unha proba en Santiago, para seleccionar aos participantes de toda Galicia. Na miña especialidade, canción lixeira, presentámonos uns trinta. Ao final quedamos clasificados catro ou cinco galegos, e de toda España entre vinte e trinta. Excepto na primeira fase, que quedei de segundo tras Lolo Castro, de Lugo, sempre estiven á cabeza. As eliminatorias celebráronse sempre nos estudios de Prado del Rey, agás algún programa especial. En concreto, eu gravei unha semifinal en Astorga.1

    A fase final do devandito concurso, celebrouse en Ceuta o 16 de decembro de 1982 e tivo clara cor galega xa que o terceiro clasificado foi, con 98 puntos, o lucense Lolo Castro; segundo, con 105 puntos quedou o coruñés Alfonso Deus; e primeiro, con 109 puntos, Melchor Rodo, que recibiu o trofeo do programa e un premio en metálico de 250.000 pesetas da época. Televisión Española ía retransmitir a fase final de “Gente Joven” en diferido ás once e media da mañán do domingo 9 de xaneiro de 1983, un día que na Laracha aínda se recorda con especial nostalxia e coa natural fachenda de que un dos seus veciños gañara aquel concurso. Cousas do destino (e da xenética) moitos anos despois, unha sobriña de Melchor, Raquel Rodo García, estaría a piques de igualar a xesta de seu tío. Filla de seu irmán Jesús e de María, unha emigrante de Castriz, Santa Comba, Raquel Rodo, quedou subcampioa no 2009 da versión suíza de Operación Triunfo.

    Sobre a vitoria de Melchor en “Gente Joven”, o gran Sito Sedes ten comentado nalgunha ocasión que a vida musical foi un pouco inxusta co de Soandres: “si nese momento tivera a alguén en Madrid que apostara por el, hoxe tería a súa compañía de discos e estaría na primeira liña a nivel nacional.2

    Gran admirador de Frank Sinatra e Tom Jones, tralo éxito no concurso televisivo Melchor regresa a 'Los Satélites' onde permanece cinco anos. Posteriormente volve, tamén por segunda vez, a 'Los Key', orquestra na que canta durante case tres lustros antes de integrar, durante catro ou cinco anos, a Gran Orquesta Montes. 

 

'Los Key' nunha actuación en Arteixo nos anos 80 (Cortesía de Fina Sanjurjo)

    Sobre o ano 2002, funda xunto a Enrique e Suso, dous músicos de grande experiencia, o Trío Noroeste, grupo co que realiza durante máis de quince anos eventos musicais por toda a xeografía galega pero xa de xeito máis familiar.

 

Melchor Rodo en 2017 (www.mundiario.com)

FONTES:

GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2008): Melchor Rodo Fraga. Revista Festas Parroquiais Soandres.

GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2009): Una emigrante gallega opta a la victoria en la «Operación Triunfo» de Suiza, La Voz de Galicia, 25 de marzo.

NAYA, JESÚS (1983): Dos coruñeses, primeros premios del concurso de TVE “Gente Joven”, La Voz de Galicia, 8 de xaneiro.

SEDES, SITO (2017): Melchor Rodó, una de las grandes voces de la canción española, www.mundiario.com

SILVEIRA, ELENA (2016): Para mí ir a trabajar es una terapia, El Comarcal, marzo 2016.

_________________

1 Vid. La Voz de Galicia, sábado, 8 de xaneiro de 1983, páx. 27.

2 Vid. SITO SEDES (2017): Melchor Rodó, una de las grandes voces de la canción española, www.mundiario.com

 

MONCHO DE BELLO, O GAITEIRO DA GANDUMA

   A Ganduma, na parroquia de Lestón, foi o lugar no que veu ao mundo en 1936 Ramón Bello Cotelo, 'Moncho de Bello', un dos gaiteiros que amenizou coa súa música algún que outro baile da Laracha de antano.

   O noso protagonista tiña dúas irmás, Hermelinda, falecida en 2017 aos 92 anos de idade, e Chucha, que non lembra o momento no que Moncho empezou a tocar a gaita. “Só recordo que ía moito pola zona de Golmar”, dixo.

   Precisamente en Golmar foi onde o gaiteiro da Ganduma coñeceu a súa futura dona, Élida Puente García, unha muller coa que conversamos en febreiro de 2023. Na compaña de súa filla Mari Carmen e ao carón do lume da lareira do seu domicilio de Fofelle, Élida rememoraba con humor, e con certa retranca, a primeira vez que viu a Moncho. “Xa non recordo ben se foi na Rocha ou en Fragoso. Cando o coñecín xa era gaiteiro, xa tocaba… e aínda tocaba máis se poidera (risas). En Fragoso tocaba de cando en vez na casa de Aurelia. Recordo que nunha ocasión dixérame unha veciña:

-Élida, ves ao baile?

A nai desta amiga sempre ía con ela, nunca a deixaba ir soa. Eu adoecía por ir bailar e pregunteille a miña avoa, que foi quen me criou, se me deixaba ir.

-Non te deixo ir, non. Aínda non che caeu a casca do cu-, dixo ela.

Eu choraba como unha descosida, chorei sete chorares. As outras mozas foron ao baile e eu quedei na casa”.

Moncho de Bello e a súa muller Élida Puente (Cortesía da familia)

    A señora Élida tamén nos falou doutra ocasión na que fora a un baile, desta volta co permiso de súa avoa, no que tocaba Moncho. “Nós aínda non nos coñeciamos. Eu ía bailar como todas as mozas e aquel creu que foi o día no que me empezou a gustar (risas)… bueno, ese ou outro día, xa non recordo ben (risas). O caso é que o baile facíase nun alpendre dos de Nieves de Mendes1, no lugar da Rocha, raiando coa parroquia de Soutullo. Eran grandes labradores e o alpendre tíñano arrendado. Alí xuntábase a xente nas fiadas do liño e rifábanse roscas, laranxas… e cos cartos das rifas facíase baile co gaiteiro da Ganduma, que viña dende aló a través dos montes. Aquilo debeu ser sobre o ano 1953, e ao pouco o gaiteiro a máis eu (risas) empezamos a mocear. Falamos durante nove anos, ata que nos casamos en 1962”.

    Durante o noivado, ao tempo que Élida facía uns pesiños na de Dubra de Golmar, onde traballou como criada durante dezaseis anos, ata a véspera do día do seu casamento, Moncho cumpre o servizo militar en África e, unha vez licenciado, empeza a gañar a vida como tratante de gando.

    A gaita foi a súa inseparable compañeira durante toda a súa xuventude, tocando muiñeiras e xotas en Golmar, Soutullo ou en lugares como na casa da Trapeira de Gabenlle, onde de seguro que coincidiu non poucas veces con Segismundo Regueira, 'Segís', grande músico do lugar do que xa temos falado neste espazo. Xosé Collazo, sobriño de Segismundo, contounos que “a Trapeira chamábase Generosa. Era xornaleira e tiña unha tenda na casa, algo de ultramarinos. O seu home, Jesús “O Trapeiro”, oriundo da aldea de A Viña, na parroquia de Vilaño, era comprador de madeira e seica era un fenómeno cubicando”.

    Outro dos lugares nos que tamén tocaba Moncho nesa época era na taberna de Tuset das Rañeiras que rexentaban Eladio e Carmiña ao carón da estrada de Carballo, xusto na entrada do camiño que vai á igrexa de Lestón. A súa filla Mela, nena nos anos 50, recorda que polo fin de ano na nosa taberna xuntábase moita xente e viña sempre Moncho de Bello, que tocaba moi ben a gaita”.

    E así chegamos a 1962, ano no que casaron Moncho e Élida. Tras darse o “si quero”, a parella vive durante un tempo na Ganduma coa avoa de Moncho, ata que uns anos despois deciden comprarlle a Pepe de Morales unha casa en Fofelle, que se ía converter no niño familiar e o lugar no que ían nacer Mari Carmen e Francisco Bello Puente, os dous fillos do matrimonio.

    Como a gaita pouco ou nada daba de comer, ao casar, Moncho de Bello deixa de tocar nos lugares do municipio onde o fixera habitualmente de solteiro. A partir desta época, xa só bota unhas pezas polo Antroido en Fofelle, cando a veciñanza aínda se disfrazaba, polo San Xoán, ou nas xuntanzas familiares nas que Moncho, festixeiro coma poucos, era moi feliz vendo a súa casa chea de xente.

    Facía un pouco de todo. Era matachín e mesmo fora barbeiro no servizo militar. Mais a vida gañábaa nunha das profesións da época, a de tratante de gando, que eran uns profesionais que se encargaban de ir polas casas para comprar animais vacúns, especialmente cuxos, cos que despois negociaban. En Paiosaco, cando se levaba o gando a vender á feira había moitos tratantes, un deles Moncho de Bello, “que eran doados de identificar polas súas características: home falador e bo conservador, fumador (máis de farias), con mandilón de dril gris ou negro, boina ou sombreiro, bastón… e coa carteira chea de billetes… Antes os tratantes eran case como hoxe un avogado. Ademais, tiñan a fama de que eran ricos aínda que non tivesen nada...2

Moncho e Élida co gando en Fofelle (Cortesía da familia)

    Mari Carmen, a filla de Moncho, recordaba que “co tema do gando, o oficio de meu pai de tratante levábao ás veces a Asturias, a León ou a Santiago, a onde ía todos os xoves. O seu traballo non lle daba moitos cartos pero era do que vivía. Antes de xubilarse, como non tiña o suficiente cotizado, traballou na construción cun curmán durante seis o sete meses”.

    Polo que nos contou a súa familia, seica a gaita coa que tocara na súa xuventude regaloulla a un sobriño xa falecido. Despois comprou outra, que era coa que amenizaba as ruadas de Fofelle e que lle acabou vendendo a un paisano da parroquia de Lestón.

    Ramón Bello Cotelo, o popular Moncho de Bello, faleceu o 30 de novembro de 2012 aos 76 anos de idade. O seu espíritu, abofé que segue estando moi presente en todo o municipio da Laracha.

    Bótalle unha dende o alén, Moncho!

  ______________

1 Curiosamente, Nieves de Mendes era a avoa de José María, o home de Mari Carmen, a filla maior de Moncho e Élida.

2 Vid. Manuel Rodríguez López & Manuel 'Coque' Pazos Crespo (2011): Paiosaco en imaxes: dos corenta aos setenta. Concello da Laracha, páx. 167.

 

UN PASEO CON OLIMPIA PUENTE POR SANTA MARGARIDA DE MONTEMAIOR

    Con máis de cincuenta lugares, Montemaior é unha das parroquias de toda a xeografía galega que conta cun maior número de entidades de poboación. A unha delas, Santa Margarida, acoden centos de romeiros cada 20 de xullo para honrar, na capela que se atopa encadrada nunha fermosa carballeira, ao santo Antonio, ao Sacramento e á santa que lle dá nome ao lugar. De Margarida di a copla popular:

Ao sol chámanlle Lourenzo

e a lúa Margarida;

Margarida anda de noite

e Lourenzo polo día.

    A peregrinación a esta capela realízase dende tempos pretéritos e as súas festas tiñan, e seguen tendo, sona en toda a bisbarra. Unhas festas que en Montemaior e na contorna adoitaban recibir o nome de foliadas, mais, porén, eran tamén chamadas ruadas. Non debemos esquecer que Carlos Díaz Gestal, ‘O Xestal’, músico, humorista e, sobre todo, “contador de contos” moi querido en Bergantiños e en toda Galicia, foi quen popularizou a mítica Foliada de Montemaior.

   Contan os amigos de Maghua, grupo de cantareiros da Coruña que leva repenicando dende o ano 2006, que en Montemaior “as pandeiretas calaban unicamente cando viñan tocar as bandas (ollo, que non orquestras!) vestidas de branco impoluto para a ocasión… A diferenza doutras zonas próximas, o maneo non é tocado como xota de cinco, senón abaneando a man, maneándoa. De aí, probabelmente, o nome que reciben na zona tanto o ritmo como o baile que o acompaña. Tamén botan muiñeiras, tocadas co puño, así como distintos tipos de agharrados, entre os que destaca a muiñeira corrida, que une pasodobre e muiñeira. Nunha boa ruada das de Montemaior, as pezas que botan non levan unha orde determinada, como noutros lugares do país, senón que van botadas ao chou... Para mostra, un agharrado (pasodobre) e un maneo1”.

    A poucos metros do santuario hai, ao igual que acontece na maioría dos templos da xeografía galega, unha fonte milagreira. Segundo a crenza popular, as augas de Santa Margarida, protectora das mulleres en parto e patroa da fecundidade, curan as enfermidades da pel, as doenzas da garganta, a esterilidade e “todos os males estraños”.

    Como non podía ser doutro xeito, a devandita fonte ten dedicadas numerosas cantigas. Algunhas tivemos a sorte de que nolas cantara Olimpia Puente, verdadeira universidade do folclore de Montemaior:

Olimpia Puente cantando en Montemaior en 2012 (Luneda Producións)

Miña Santa Margharita

ela é de Montemaiore,

dálle o sol e dálle a augha

dálle o vento de arredore.

Dálle o sol e dálle a augha

dálle o vento de arredore.


Miña Santa Margharita

miña Margharita santa,

a augha da túa fonte

sanoume a miña garghanta.

A augha da túa fonte

sanoume a miña garghanta.


Santa Margharita tiene

unha fuente con dos caños,

a donde se van curare

todos los males estraños.

A donde se van curare

todos los males estraños.

   Olimpia, nacida na Santa en 1942, garda na súa memoria moitas das cantigas que cantaba súa nai, María Prieto, e outras veciñas do lugar cando fiaban o liño nos duros tempos da posguerra. De nena, aquí dos poucos divertimentos que había era nas fías nos pallotes e as tascas do liño. As mulleres cantaban, si, pero non vaias pensar que había moitas pandeiretas. De feito, eu aprendín a tocar cun prato”.

    As penurias que lle tocou vivir na súa infancia tamén estiveron presentes na conversa que mantivemos con Olimpia, quen, rememorando aqueles tempos, contounos que con 9 anos, aínda non tiña os 10 cumpridos, marchaba unha semana da casa pola necesidade que había naquela hora! Mandábannos a recoller a semente do toxo á zona de Pastoriza e A Grela. Marchabamos os luns e viñamos os sábados. Recordo que levaba unha broa e un cachiño de touciño para comer un anaquiño cada día. Durmiamos nunha palleira enriba do saco da semente do toxo”.

    Entre pasaxe e pasaxe da súa vida, Olimpia tamén quixo compartir con nós algúns dos cantares que garda na súa memoria, caso do que transcribimos deseguido:

O lughariño da Santa

de lonxe parece vila,

ten un caravel na entrada

e unha rosa na saída.

Ten un caravel na entrada

e unha rosa na saída.


Mi amor me tiene dicho

mi amor dicho me tiene,

mi amor me tiene dicho

eso a mi no me conviene.

Mi amor me tiene dicho

eso a mi no me conviene.


Eu cantar cantaba ben (e)

e a gracia non era moita,

quedoume no lavadoiro

cando fun lavar a roupa.

Quedoume no lavadoiro

cando fun buscar a roupa.


Santa Margharita tiene

una fuente con dos caños

a donde se van curare

todos los males estraños.

A donde se van curare

todos los males estraños.


Santa Margharita tiene

encima de su corona

un letrerito que dice:

niña guarda tu honra.

Un letrerito que dice:

niña guarda tu honra.


O lughariño da Santa

de lonxe parece vila,

ten un caravel na entrada

e unha rosa na saída.

Ten un caravel na entrada

e unha rosa na saída.


    Despois daqueles duros tempos recollendo a semente do toxo por terras arteixás, Olimpia Puente aprendeu a coser. Naquela época tiña que andar de casa en casa. Ía a Buzarelos, a Casaslongas, a Baldomir… e a moitos sitios saltando nos valos e polas corredoiras coa máquina de coser na cabeza. Gañaba unha peseta ao día”.

    A vida da nosa protagonista vén sendo a mesma que a de moitas mozas e mozos laracheses daquela xeración, quen, ante a falla de oportunidades na terriña decidiu facer a maleta da emigración. Con 22 anos, aínda non os tiña, marchei cun contrato para Suíza, para Basel (Basilea). Nunca estivera na Coruña ata o día que asinei o pasaporte”. Unha vez rematado o seu primeiro contrato, a veciña da Santa foi para Xenebra, onde xa tiña un irmán traballando. Alí coñeceu a Agustín López, un emigrante de Sarandóns, concello de Abegondo, co que non tardou en casar. En Suíza pasei os mellores anos da miña xuventude. Botei alí 15 anos, ata que enfermaron meus pais. Tiñan sete fillos e os sete estabamos en Suíza. Eu volvín para coidalos”.

    Así pois, a finais dos setenta Olimpia establécese co seu marido e os seus dous fillos na Santa para coidar os seus pais Generoso e María. Aínda que as cousas melloraran algo dende que emigrara a principios dos sesenta, a situación económica aquí non era a panacea de Suíza, polo que o seu home, electricista de profesión, viuse na obriga de marchar outra vez para o país helvético.

    “A miña vida foi así, daquela maneira, pasando moitos traballos, pero estou moi contenta por todo o que tiven que pasar”, recordaba Olimpia, quen, co transcorrer do tempo, habíase de converter nun verdadeiro referente do noso folclore. Foi unha mestra da universidade da vida e da tradición popular á que acudiron importantes músicos do país, profesores de baile e pandeireta para nutrirse da súa sabedoría e recoller algunha das pezas que Olimpia, memoria viva da Laracha, garda na súa memoria. Unha desas pezas é a Muiñeira de Montemaior que Xabier Díaz, un dos grandes persoeiros da nosa música, canta de cando en vez nalgunha das súas actuacións:

Hei de facer unha ponte

da tona dunha mazán

para pasear os mozos

de Rodís para Sofán.


Sei tocar a pandeireta,

moito se me dá na man,

moito máis se me daría

se bailara meu irmán.


De onde somos ben o vedes,

de onde somos ben o vedes:

somos do campo da Santa

entre os ramalliños verdes.


Como as da Santa non hai,

como as da Santa non hai:

pasean por donde queren

e rinse de cantos hai.

Fonte de Santa Margarida

    Finalizamos esta crónica cun recordo para toda a xente que formou parte da Asociación Cultural de Montemaior. Constituída en outubro de 1995, no seu momento a entidade traballou arreo a prol da recuperación da tradición popular da parroquia e da bisbarra. Os desfiles e a voda do Entroido, as cantareiras, os grupos de baile e de pandeireta baixo a denominación de Devandoira e unha chea de actividades seguen estando moi presentes na memoria da veciñanza larachesa. Olimpia Puente, unha das persoas integrantes deste colectivo, facendo honor ao seu apelido, exerceu de ponte entre dúas xeracións e foi capaz, na compaña das outras persoas que colaboraron durante moitos anos nesta asociación, de transmitirlle á xente moza o amor pola música tradicional. Vaia dende aquí o noso agradecemento por ese importante labor que fixestes durante tanto anos. A semente está botada!

Terra de Montemaior-e

terra mellor non a fan-e

se lle botan o abono

inda dá o azafran-e

Capela de Santa Margarida de Montemaior

FONTES:

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/04/santa-margarida-de-montemaior-laracha.html 

______________________

Ningún comentario:

Publicar un comentario