O MUÍÑO E A FÁBRICA DA LUZ DE ERBOEDO DE AVELINO GARCÍA (1ª PARTE)
Galicia conta cunha rica historia de electrificación baseada no aproveitamento hidroeléctrico, destacando pioneiras infraestruturas que comezaron a funcionar a finais do século XIX e comezos do XX. Moitas destas instalacións marcaron fitos de enxeñería que hoxe son considerados exemplos de patrimonio industrial.
A chegada da luz eléctrica á nosa xeografía comezou con forza entre 1888 e 1890, con centrais térmicas en cidades como Pontevedra, A Coruña e Vigo. Posteriormente, a abundancia de ríos ía propiciar o desenvolvemento de "saltos de auga" para a xeración hidráulica. Moitas destas instalacións foron integradas posteriormente en grandes compañías como Fenosa, constituida en 1955.
Na actualidade, en moitos dos recunchos de Galicia aínda existen unha gran cantidade das chamadas “fábricas da luz” que alumearon as casas dos nosos devanceiros. Iso si, moitas xacen abandonadas entre a espesura vexetal camiño da desmemoria absoluta. Con todo, aínda hai instalacións nas que podemos ver as súas “tripas” e observar como resistiron ao paso dos anos.
Na Laracha os pioneiros neste sector foron Luis Martínez Vázquez, que tiña no lugar na Ribela un salto no que estaba a central hidroeléctrica “Marvaz” (MARtínez VAZquez), xerme da actual Hidroeléctrica Laracha (HL); Luciano Iglesias Cambón, unha verdadeira eminencia en toda a bisbarra, fundador da empresa “Electricidad Soandres”, que montou en Samir (Soandres) unha pequena hidroeléctrica que abastecía de enerxía eléctrica a máis de vinte lugares de Soandres, Coiro e Erboedo; ou Eduardo Queijo Pérez, que tiña salto de luz no lugar das Leborías (Montemaior) dende o cal, segundo o seu sobriño Heriberto Queijo, subministraba corrente eléctrica “por toda a parroquia de Montemaior, toda a parroquia de Golmar e parte da de Vilaño e da de Sofán (Carballo). Ao final meu tío vendeulle a súa industria a Luis Martínez, o de HL”.
Temos constancia de que na Laracha houbo máis saltos, casos dos que existiron en Groba (Golmar), en Golán (Soandres) ou, entre outros, en San Paio, na parroquia de Erboedo, salto do que soubemos grazas a atención e a amabilidade de Luís García Buño, que tivo a ben falarnos dos tempos nos que seu pai Avelino xestionara esta pequena hidroeléctrica que, durante a década dos 50 e parte dos 60, subministrou luz a ducias de casas da parroquia de Erboedo (se sabedes de outros saltos de luz contactade con nós, por favor).
Tras un par de conversas por Whats´App, Luís ofreceuse a levarnos no seu coche ata o lugar do que estamos a falar. Quedamos con el un día de xullo de 2024. Tralos oportunos saúdos e agradecementos, xusto antes de iniciar a viaxe dende Arteixo ata Erboedo, entréganos unha carpeta con varias escrituras de compra-venta e outros documentos, que ían resultar de máximo interese para a nosa investigación.
-Aí creo que tes toda a información que precisas-, díxonos Luis.
Iniciamos a viaxe. Ao tempo que el conduce, o que escribe vaille botando un ollo a toda a documentación, na que comprobamos que un tal Salustiano Bao Barros foi a primeira persoa que explotou os recursos do Rego da Balsa, logo de que unha serie de veciños da parroquia de Erboedo lle concederan o oportuno permiso para que poidera verificar unha condución de augas nos terreos da súa propiedade, lindantes co devandito Rego da Balsa. Andando no tempo, este señor cedeulle os dereitos da explotación dos recursos a Domingo Amado Lorenzo, como así figura na seguinte escritura:
En La Coruña, a ocho de Mayo de mil novecientos cincuenta y uno.- Ante mi, José Roán Tenreiro, Abogado, Notario del Ilustre Colegio de esta Capital, con vecindad y residencia en ella.
COMPARECEN:
Don Salustiano Bao Barros, casado con Doña Trinidad Belasco Fuentes, constructor de obras, de esta vecindad (Castrillón, letra D); y don Domingo Amado Lorenzo, casado con Doña Carmen Lorenzo Blanco, constructor de obras, también de esta vecindad (Antonio Viñes, 7).
No conozco a los comparecientes asegurándome de ser los expresados por la aseveración que de su identidad me hacen los testigos de conocimiento que se dirán.
Comparecen por su propio derecho y teniendo a mi juicio capacidad legal necesaria para otorgar esta escritura de cesión,
DICEN:
El Don Salustiano Bao, que por la presente escritura cede y enajena para siempre a favor del Don Domingo Amado Lorenzo, todos cuantos derechos, acciones y obligaciones, así como cuantas edificaciones e instalaciones resulten corresponderle a la fecha de hoy, en un aprovechamiento hidráulico del río de La Balsa, sito en el lugar de San Payo, de la parroquia de Erboedo, ayuntamiento de Laracha, partido de Carballo, para producción de energía eléctrica con destino al consumo público e industrial.
Consiste el precio de la transmisión en la cantidad de veinte mil pesetas, que en el acto, a mi presencia y a los de los testigos recibe el transmitente de manos del adquirente, al que expide carta de pago.
Se aparta y desapodera el Don Salustiano Bao Barros, de todo el dominio y posesión que pudiera corresponderle sobre la planta eléctrica referida, y se los transfiere al Don Domingo Amado Lorenzo, a quien subroga para todos los efectos en su mismo caso y lugar.
Aceptan los comparecientes esta escritura, cuyos gastos incluso del original, serán de cuenta del adquirente.
Les hice las advertencias legales.
Son testigos Don Fernando Souto Vázquez y Don Manuel Fernández Rodríguez, mayores de edad, hábiles para serlo y de esta vecindad.
Así lo otorgan y firman con los testigos.
De lo contenido, conocimiento, de los testigos, de habérselo leído después de advertirles su derecho a hacerlo por si que no usan y de todo lo demás contenido en este instrumento público, yo, Notario, doy fe.
Salustiano Bao Barros= D. Amado= Fernando Souto= Manuel Fernández= Signado: José Roán Tenreiro= Rubricados y sellado.
Consultada a hemeroteca, puidemos comprobar que Salustiano Bao Barros continuou coa súa actividade de contratista de obras, encargándose, por exemplo, da construción da Casa Consistorial de Ares en 1962 ou da edificación en 1966 da “Casa Sindical” da comarca de Vilalba. Salustiano faleceu en 1972.
Arteixo, Lañas, Larín. Na entrada de Paiosaco collemos a estrada que nos leva a Vista Alegre (Soandres). Pouco antes do bar O Polico, torcemos á dereita. Tras deixar atrás o Igrexario de Erboedo, metémonos por unha pista sen asfaltar que hai á man esquerda, despois do cemiterio parroquial e xusto antes das instalacións do Centro de Turismo Ecuestre ‘O Ventoso’.
Logo duns vinte minutos de viaxe, chegamos ao noso destino. Luís aparca o coche nas inmediacións dunha granxa alí existente. Baixamos do vehículo e empezamos a camiñar por un sendeiro estreito, polo medio dunha mesta vexetación de fieitas, hedras e silvas, comprobando decontado que aínda queda algún que outro carballo, un par de castiñeiros e como abundan na zona os loureiros, os amieiros, os chopos... e os omnipresentes eucaliptos. Ao pouco de iniciar o percorrido, Luís fai unha parada no camiño e comenta:
-Mira, esto antigamente era todo prado. Antes non había eses chopos que ves aí. Esto era todo un herbal. Aquí víñase apañar na herba para darlle de comer ao gando. Eu nacín aí, en San Paio, en 1945. Estes chopos poden ter 40 ou 50 anos. Cando era neno aquí non se vía ningún eucalipto. De chaval o único que vías por aquí eran pinos, castaños e carballos. Tampouco acordo ver chopos de neno. Esto que vemos aquí era todo prado!
O MUÍÑO
Seguimos camiñando polo sendeiro. Co canto dos paxariños de música de fondo, non tarda en sumarse outro elemento máis á banda sonora do percorrido. Son as augas do Rego da Balsa, que parece que se deixan oír alá ao fondo.
Uns minutos máis tarde chegamos á altura dun edificio grande, con boa parte da súa estrutura camuflada no medio das edras. O piso superior, que ten varios ocos do que algún día foron ventás, intúese que foi vivenda. A parte inferior, que na fachada principal ten o oco dunha ventá a cada lado da porta, aparenta que nalgún momento foi unha pequena industria. Ao lado do edificio tamén hai outros departamentos. De todo, de cada un dos recunchos, falounos Luís García Buño:
![]() |
| Luís García Buño en xullo de 2024 diante do edificio do que estamos a falar (Xabier Maceiras) |
-Cando eu era chaval todo esto era de Domingo Amado, un home que vivía na Coruña. Viña pouco por aquí. Meu pai traballaba con el e era o que lle atendía todo por aquí. Andando no tempo, papá comproulle esto ao tal Amado e hoxe segue sendo propiedade de meus irmáns e miña. Este edificio, que xa ves que ten boas paredes, era un muíño. Nós vivíamos aí ao lado, en San Paio, pero meu pai tiña aquí arriba unha cama e había veces que durmía aquí no muíño porque era o que moía para todos os veciños da zona. A xente viña cos cabalos, que, como podes comprobar, aí na fachada aínda quedan ferros onde os amarraban. E eses buratos que ves aí fixéraos meu pai para as pombas. Gustáballe moito telas! Mira, ves? Ese tabique de ladrillo aínda o fixera eu. Aí debaixo estaba o muíño, e aquilo era onde estaba o pé de desmontar a pedra do muíño. E alí abaixo, por aquela porta dese chabolo, era onde estaba o motor.
![]() |
| A casa-muíño en xullo de 2024 (Xabier Maceiras) |
Na escritura de compra-venta pola cal Domingo Amado Lorenzo transmite a propiedade do inmoble anteriormente nomeado ao pai de Luís, Avelino García Iglesias, acordo asinado na notaría de Manuel Otero León o 31 de marzo de 1959, aparece a seguinte información sobre esta casa-muíño:
EXPONEN:
PRIMERO.- Don Domingo Amado Lorenzo: Que, por los títulos que luego se expresarán, adquirió, con carácter ganancial, la siguiente finca:
Una casa sita en el lugar ya dicho de Sampayo, sin número, compuesta de planta baja y piso alto, en la primera de cuyas plantas existe un molino de una sola rueda; la segunda, está destinada a vivienda y se halla sin distribuir; tiene unido un retacito de monte, que mide unas seis áreas, sesenta y seis centiáreas, o ferrado y medio; y con la edificación, que ocupa la extensión aproximada de sesenta y tres metros cuadrados, forma una sola finca de la cabida de setecientos veintinueve metros cuadrados, que linda: Norte, Este y Sur, monte de José Piñeiro; y Oeste, monte de Manuel Mallo, regato en medio.
Líquido imponible.- No puede facilitarlo en este acto y lo justificará en donde proceda.
Manifiesta que está libre de cargas y de arrendatarios, y que la adquirió por haber sido construida, durante su actual matrimonio, a expensas de la sociedad conyugal, sobre terreno que compró, constante su indicado matrimonio, a Don José Piñeiro, en documento privado de fecha que no puede precisar, por cuya transmisión afirma haber satisfecho oportunamente el impuesto de derechos reales (...)
A casa-muíño en marzo de 2026
Seguimos charlando diante do edificio. Cústanos procesar toda a abondosa información en tan pouco tempo. Para que nos quedara ben claro o funcionamento do muíño, Luís párase un chisco na explicación sobre os detalles do motor:
-Había un motor como eses de cando se mallaba antigamente, xa sabes, eses que tiñan a máquina de mallar. Era un motor nun carrito, con dúas rodas grandes. O motor estaba aí, dentro dun chabolo, e por aí, por esa porta, pasaba unha polea para aquí, para debaixo do muíño. Cando había moita auga o motor encendíase coa corrente que se producía na planta que había rego arriba. Ves ao lado desa ventana un chisme de madeira? Bueno, pois desde aí era desde donde lle abríamos á luz que se producía na planta. Viñan uns postes todo por aí, polo medio deste monte, ata alí, ata onde estaba a dinamo. E ata aí viña un cable, como unha roldana, e dábaslle aí e abríaslle á turbina alá. A turbina estaba rego arriba, despois imos vela. Todo isto que che estou contando debeu ser entre 1955 e 1960. Meu pai, antes de que esto fora del, xa estivera traballando aquí con Domingo Amado.
![]() |
| Obsérvese a peza de madeira da que nos falou Luís e tamén os buratos das pombas (Xabier Maceiras) |
O noso descoñecemento sobre diversos aspectos do funcionamento do motor é grande. O mestre Luís axudounos a saír da nosa ignorancia, recordando como facían cando o regato tiña pouco caudal.
- Cando non había auga, daquela o motor funcionaba a gasoil. O motor tiña un volante alto. Eu xa o encendía sendo chavaliño. Ao principio custábame moito, pero despois collinlle o tranganillo e encendíao sen problema. Este motor, na parte de arriba, tiña unha cabeza de ferro, así cuns furados polos lados, como se fora un sombreiro, e na punta tiña unha cabeza redonda. Tiñas que quentarlle esa cabeza cunha lámpara de gasolina. Encendías a lámpara e quentábaslle o ferro ese durante bastante tempo. Cando empezaba a quecer, collías o volante, que era como unha roda de ferro, e dábaslle primeiro para un lado, despois para o outro, e íaslle dando ata que prendía. Cando estaba ben quente, dábaslle, e daquela a roda empezaba a virar e encendía o motor. Despois, con esa polea que pasaba por aí abaixo do muíño, era o que facía moer.
![]() |
| A casa-muíño en marzo de 2026 (Xabier Maceiras) |
Abandonamos o edificio no que estaba o muíño de Avelino e seguimos rego arriba. Durante a subida, Luís vainos explicando a quen pertencía cada un dos numerosos muíños que imos vendo durante o percorrido, algún deles habitado por ducias de morcegos.
(...CONTINUARÁ)
O MUÍÑO E A FÁBRICA DA LUZ DE ERBOEDO DE AVELINO GARCÍA (2ª PARTE E FIN)
Abandonamos o edificio no que estaba o muíño e seguimos rego arriba. Durante a subida, Luís vainos explicando a quen pertencía cada un dos muíños que imos vendo durante o percorrido, algún deles habitado na actualidade por ducias de morcegos.
-A maioría dos propietarios dos muíños que hai aquí eran da Fontenla, do Vilar e do Igrexario. Ao mellor un muíño era de tres ou catro persoas. Viñan cos cabalos e coas bestas e moían o millo por horas. Recordo que por aí había unha fonte, pero cando empezaron a plantar eucaliptos as raíces rebentaron todo. Aquí había cinco ou seis muíños case todos xuntos.
Seguimos andando, sempre detrás de Luís, quen, malia a non ter un dos seus xeonllos nas mellores condicións, fixo un gran esforzo por satisfacer as nosas ansias de coñecemento desta parte da historia preindustrial da Laracha. Eternamente agradecidos, Luis!
![]() |
| Luís García observando o Rego da Balsa (Xabier Maceiras) |
A FÁBRICA DA LUZ
Baldados de andar por aquel camiño empinado, chegamos á caseta na que se xeraba a electricidade do que foi durante anos a hidroeléctrica de San Paio, que primeiramente explotara Salustiano Bao Barros, logo Domingo Amado Lorenzo e finalmente Avelino García Iglesias, o pai de Luís.
Xa case non se destingue o pouco que queda dela porque está cuberta de maleza, máis, porén, neste lugar fomos quen de interpretar como a enerxía mini-hidráulica se obtén canalizando a auga por unhas tuberías alí onde se encontre o salto de auga, levándoa ata a central ou facéndoa caer ata a turbina. Así, a presión exercida sobre a turbina convértíaa en electricidade. É dicir, a auga, ao caer, exerce unha presión sobre esta e transfórmaa en enerxía eléctrica. Polo tanto, a enerxía eléctrica obtense a partir da mesma enerxía cinética da auga provocada pola gravidade, o que significa que o desnivel natural ou artificial será o que determine en gran medida a potencia. Podedes ver os restos da caseta neste vídeo:
Alí, cerca da caseta na que se xeraba electricidade, Luís volve a facer unha viaxe ao pasado:
-Mira, ves, aí nesa chabola é onde se facía a corrente eléctrica. Esa era a planta de onde saía a corrente que despois, a través do cableado dos postes, ía por aí arriba, polo monte, cara á Fontenla, O Vilar e toda esa zona. Pero, ollo, os montes estaban limpos. Os postes da luz xa os puxera Amado, que polo que eu teño entendido foi o que fixo a planta. A luz tamén ía para abaixo, cara a San Paio, porque tamén había luz alí. Ademais, había outros postes por aí abaixo, que era por onde lle abríamos desde a casa-muíño na que estivemos antes. Abríamoslle alí, no muíño, para non ter que vir ata aquí arriba a esta chabola, que viña sendo a planta na que se xeraba a electricidade. Aí, ao carón da chabola, arriba de onde estaba a turbina, había un pozo pequeno para que almacenara auga. Era unha pequena presa feita de bloque e de cemento que tiña a finalidade de que a auga collera máis forza porque, claro, a da tubería soa non lle debía dar presión suficiente. A auga baixaba por unha tubería desde o salto que iremos ver despois e saía aí, que era onde a auga facía xirar unha turbina grande. A auga caía con forza nos cazolos da turbina e claro, collía forza. Cunha polea ía a unha dinamo, e ao ir virando ía xenerando electricidade. Aí, na caseta, había un cadro e tiñamos unha bombilla para saber cando alumeaba. E desde aí saían as liñas para as casas. Cara a parte de aquí, na que estamos nós agora, era onde estaba o alternador, que era o que daba corrente, e desde aquí a corrente saía para as diferentes liñas que ían polos postes ata A Fontenla, O Igrexario, San Paio…
![]() |
| Imaxe actual da caseta onde se xeraba a electricidade da hidroeléctrica de San Paio (Xabier Maceiras) |
Aínda botamos un bo anaco falando alí, a poucos metros da chabola, dos tempos de antano e do mérito que tiveron aqueles pioneiros na explotación dos recursos enerxéticos. Con certa nostalxia dos anos da súa xuventude, Luís seguiunos contando varias anécdotas sobre esa etapa da súa vida.
- Eu daquela era un chaval, pero era moi atrevido e gustábame moito todo esto da electricidade. Acórdome que o alternador era grande e levaba unhas escobillas. Ás veces estaba alumbrando a luz e, de repente, ía a menos, quedando con pouca forza. Cando pasaba isto, dicíame meu pai: “Luís, tes que ir á chabola (a caseta da planta) a mirar o alternador”. E nada, unha vez na planta, ía ao embobinado do motor, que era de cobre, e cun papel fino de lixa íalle sacando o cisco e o polvo ás escobillas. Despois de limpar, xa vías como a luz aumentaba e xa collía forza outra vez. A min aínda me tocou choiar algo aquí. Tocoume porque eu era o que lle botaba unha man a meu pai nisto. Eu xa estaba traballando, pero bueno, de chaval aínda me tocou ben. No muíño non, pero despois disto de abrirlle á luz e demais, aínda me tocou bastante. Tamén me acordo do que dicían as mulleres por aqueles días (risas). No verán, moitas veces tiñas que cortar a luz despois de cear ou por aí. Cerrábase a luz ata pola mañán, que era cando se lle volvía a abrir, porque, claro, había que ter luz para cando se levantara a xente. E daquela dicían as mulleres:
- A ver Avelino… da a luz Avelino (risas)!
A PRESA
Seguimos andando rego arriba polo empinado camiño. Entre contos do presente e do pasado, Luís vainos falando da posibilidade de que o salto xa non é o que era.
![]() |
| Rego da Balsa (Xabier Maceiras) |
- O salto era bastante grande. Seguramente que estará todo cuberto de terra e vexetación. Xa facía bastante tempo que non viña por aquí. Antes era unha gozada ver todo isto. Aí facía como unha fervenza. Todos os montes estaban limpos, pero mira agora! Que pena con todos estos eucaliptos! Polo menos aínda se ve algunha fieita real, que era a que levaban no San Xoán para facer o ramo. Cando eu era rapaz por aquí tamén había moitas troitas. Agora non sei se as hai. A auga viña toda entubada desde alá arriba, desde onde estaba o salto nunha presa que había case no bico do monte.
Por fin chegamos ao lugar no que estaba a presa da pequena hidroeléctrica de San Paio. Tal e como imaxinaba Luis, atopámola chea de terra e de vexetación. Con todo, intúese perfectamente o seu perímetro e, ademais, aínda se aprecian algúns detalles do muro da comporta. A presa seica tiña unha profundidade duns dez metros pola zona central da mesma. Coa satisfacción de chegar á meta inicialmente prevista, e dándolle un pequeno respiro ao seu delicado xeonllo, Luís describe con detalle como era ese sitio na súa xuventude.
![]() |
| Panorámica actual da presa. Á esquerda, restos da comporta (Xabier Maceiras) |
![]() |
| Luís García en xullo de 2024 ao carón dos restos do muro da comporta da presa (Xabier Maceiras) |
- Aquí no embalse era onde empezaba todo. Desde aquí todo era tuberías para abaixo ata alá, onde estaba a planta, e desde a planta saían as liñas da corrente. Embalsábase aquí nesta presa porque senón o río non daba auga suficiente. O regato antes ía por alí e desviárono para aquí. Por aí polo medio ía a tubería toda, e baixaba pola parte de aló do río. Supostamente a tubería aínda debe estar por aí enterrada. Antes víase por algúns sitios e por outros estaba tapada con algo de terra. Eran desas tuberías de drenar e ás veces, cando se andaba por aí traballando e rompía algunha, meu tiña dese cemento rápido e viñas e tapabas o furado. Poñías uns cachiños por arriba con ese cemento rápido e amañabas para que non perdera auga, porque se a perdía non tiña tanta presión! Amado, ou o que estaba antes de Amado, conseguira a cesión ou compráralle o terreo a varios veciños para poder facer esta presa, que era un pozo grandísimo no que se acumulaba a auga. Polos lados non tiña parede porque xa a facía o propio monte. Na valgada do rego fíxose un muro de cemento. Na parte baixa era onde estaba a boca da tubería, que baixaba ata a planta de luz, e dende a planta tamén estaba entubado ata a casa-muíño na que estivemos antes. Na presa había unha comporta. Tirabas dela para arriba e, ao abrir, a auga viña para o rego ou pola tubería abaixo, e así, podías limpar o pozo. A limpeza facíase unha vez cada dous anos ou así. Había que facela porque, ao ir acumulándose aí terra e restos de ramas que ía traendo o río, cada paso collía menos auga e chegaba un momento no que atascaba. Xa non é que atascara, pero a cada paso tiña menos caudal. Eu viñen varias veces aquí a axudarlle a meu pai a limpar. Abríase a comporta, baleirábase todo, despois metíamonos dentro e limpábase todo cunhas polas. Nós de nenos temos vido algunha vez a bañarnos aquí, pero era perigoso".
Neste vídeo pódese ver o estado actual da presa:
A FACTURA DA LUZ DA HIDROELÉCTRICA DE AVELINO
Despois de botar certo tempo no lugar no que estaba a presa, iniciamos o percorrido de volta. O refraneiro popular di que “para abaixo todos os santos axudan”. Neste caso o conto non está moi claro. Durante a baixada seguimos preguntándolle a Luís por outras cuestións relacionadas coa pequena industria de seu pai Avelino, como por exemplo a facturación do suministro eléctrico.
- O tema da facturación era cousa de meu pai. El era o que ía polas casas a cobrar. Non había contador. Tiña como unha cuota fixa e ata creo que pagaban por bombilla. Cantas máis bombillas tiñan pois máis pagaban, e cantas menos bombillas pois pagarían menos. Eu diso xa non me acordo moito pero o que si sei e que contadores non había. Tamén sei que meu pai, aos veciños que lles cederan os terreos a Domingo Amado para a instalación do salto, non lles cobraba nada, ou pagaban a partir dun tope, porque creo que cederan as súas propiedades a cambio de darlles un tope de voltios de luz. Eso tamén aparece nos papeles que che trouxen.
Efectivamente, tal e como nos dixo Luís, na documentación que nos proporcionou aparecen Manuel Piñeiro Ramilo, Bernardo Mayo García, Adolfo Amado Salgado e Jesús Queijo Martínez como propietarios dos terreos nos que se instalara a conducción de augas ao carón do Rego da Balsa, nos terreos chamados “Monte entre muíños”, “Chousa entre muíños”, “Tenza dos Anovados” e “Chousa de Curro Cancelo”. Deseguido compartimos un dos acordos asinados entre un dos veciños e Domingo Amado:
En el lugar de Sampayo, parroquia de Erboedo, término municipal de Laracha, provincia de La Coruña.
A 21 de Septiembre de 1951 y ante los testigos que al final se expresan comparecen por una parte el Sr. Domingo Amado, comerciante, vecino de La Coruña, calle Antonio Viñes 7 bajo, y por la otra parte el Sr. Bernardo Mayo García, labrador y vecino del lugar de Sampayo, en el mismo término de Laracha.
Entre ambos y puestos de común acuerdo exponen primero que el Sr. Domingo Amado, actual dueño de la central eléctrica de Sampayo, se compromete a continuar sirviendo gratuitamente y por tiempo indefinido al Sr. Bernardo Mayo 75 watios de luz eléctrica nocturna tal cual lo venía haciendo el primer dueño de esta central, a cambio del terreno que ocupa el canal conductor de aguas en el monte de su propiedad.
Queda bien entendido que, todo lo que pase de los 75 watios, tendrá el Sr. Bernardo Mayo que pagar a parte, así como todas las reformas en la instalación de su casa correrán por cuenta de el y hechas por personal de la central.
El Sr. Bernardo Mayo acepta estas condiciones y no podrá impedimento a ninguna reforma que en el futuro fuera necesaria para el buen funcionamiento de la industria.
En outros documentos de idéntica redacción aparecen Jesús Queijo, labrador de San Paio que recibía 50 watios de luz nocturna a cambio da cesión dos seus terreos; José Amado, labrador do Vilar, que recibía 60 watios; e “Jesús Otero, labrador vecino de Peiro, en calidad de apoderado de Don Manuel Piñeiro, propietario del monte donde se encuentra la central eléctrica de Sampayo del mismo término de Laracha. Entre ambos y puestos de común acuerdo exponen: Primero. Que el Sr. Domingo Amado, actual dueño de la central mencionada, se compromete a continuar sirviendo gratuitamente y por tiempo indefinido a Don Manuel Piñeiro 70 watios de luz eléctrica nocturna (…)”.
![]() |
| Restos da comporta da presa (Xabier Maceiras) |
O FIN DA CENTRAL HIDROELÉCTRICA
Coa axuda dun pau, seguimos baixando polo camiño con moita cautela para non esvarar. De cando en vez, Luís facía algunha parada e comentaba outros aspectos sobre os tempos que lle tocou vivir naquelas paraxes. Xa moi cerca do punto de partida, á altura da casa-muíño, preguntámoslle ata que ano estivo operativa a industria do seu proxenitor e, unha vez pechada, a que se dedicou profesionalmente.
- Non me acordo ata que ano estivo, se cadra ata os primeiros anos da década de 1960. Aí non che podo axudar. Non sei se meu pai despois chegou a algún acordo cos de Hidroeléctrica Laracha, porque ao pouco xa empezou a funcionar HL como tal, e estes saltos pequenos xa foron quedando atrás. Curiosamente, a min esto da electricidade gustábame moito pero non se me deu por aí e acabei traballando na construción. Estiven un tempo na emigración e despois, á volta, entrei en Aluminios. Meu pai só se dedicou a esto. Non traballou noutra cousa. Era moi boa persoa, pero tamén tiña o seu aquel. Eu compráralle en Botana unha moto de tres rodas que fora dun señor da parte de Buño ou de por alá. A moto tiña unha forza que nin diola e tiña un asiento para dúas persoas. Meu pai nunca andivera en moto, pero maldito medo tiña. Un día íamos os dous nela. Viñamos do Polico. Eu estáballe enseñando e el en vez de frenar, acelerou. Caemos os dous na leira de abaixo (risas). Díxenlle que non tocara máis a moto ata que viñera eu. Pasaron uns días e fun outra vez a San Paio... e meu pai xa se defendía perfectamente. Meu abuelo era de Paredes, o señor Manolo Castro de Paredes. Cando aprendeu a andar nela, papá íao buscar na moto e ían os dous á feira de Peisaco.
Avelino García Iglesias estaba casado con María Buño e eran pais de Marcial, José, Luís (a quen lle estaremos eternamente agradecidos polo marabilloso percorrido que fixo con nós) e Rogelio. Avelino, Avelino ‘o da Luz’, faleceu o 8 de agosto de 1983 aos 69 anos de idade.
![]() |
| Avelino García Iglesias (Cortesía da súa familia) |
Despois de tanto tempo, o espíritu do noso protagonista aínda está moi presente en toda a parroquia de Erboedo, abofé! Dolores Mallo Mallo, veciña da Fontenla, contounos con cariño e certa nostalxia que “a luz de Avelino foi toda unha novidade naqueles tempos. Pouco máis alumbraba que a luz dunha vela. Cando había temporal marchaba e estábamos dous ou tres días sen luz. Pero igualmente era unha marabilla. Bonitos recordos”.
Agardemos, pois, que a central hidroeléctrica de San Paio alumee na memoria colectiva da bisbarra! A ver, Avelino… da a luz Avelino!












Ningún comentario:
Publicar un comentario