ENTROIDO

 O ENTROIDO DE MONTEMAIOR (1ª parte)


    Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido.

   Galicia é un mundo aparte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.

   E na Laracha? Nestas Crónicas da Laracha abrimos hoxe esta cancela carnavalesca para recordar algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado nas nosas parroquias cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro ao resto das freguesías larachesas

   Iniciamos esta viaxe carnavalesca en Montemaior, onde a veciñanza dos lugares de máis poboación da parroquia sempre estivo unida para determinados traballos do agro como as sementeiras, a sega, as colleitas... Como non podía ser doutro xeito, acontecía o mesmo no aspecto lúdico e nos tempos de lecer, de xeito moi especial na época do ano da que estamos a falar.

   E falando do Entroido de Montemaior, no lugar de Vilariño seica se celebraron bos entroidos ao longo dos anos corenta e cincuenta, unha época na que Patiño, enterrador da parroquia, rexentaba alí, en Vilariño, unha das tabernas máis concorridas da zona.

   Outro dos que se celebraban na parroquia era o que organizaban no Viso, que no seu momento tivo moita sona, igual que o que se facían no Sopé, en Santa Margarida ou no Xestal. Neste lugar, na segunda metade da década dos cincuenta, cada ano había catro días de baile nun alpendre que tiñan Edelmiro Pallas e a súa muller Jesusa García ao carón da taberna que rexentaban no Xestal. “Case sempre era música de pandeireta, aínda que ás veces viñan tocar uns ghaiteiros da parte de Erboedo e de Soandres. Tamén viña un acordeonista de Vilaño, Genariño de Vilaño, que o pobre tocaba sempre a mesma canción e a xente dicíalle que tiña que aprender outra”, recordaba a señora Jesusa, que tamén mencionou un gran Entroido celebrado no lugar no ano 1965.

   Malia que a rapazada continuou facendo choqueiradas polas casas, a tradición carnavalesca de Montemaior ía decaer notablemente coa partida masiva de boa parte da xuventude da parroquia cara a emigración, especialmente a Suíza, e non sería ata os anos 80 cando se volveu a retomar, e de que xeito, a actividade polo Entroido.

   Nesta época, o lugar do Xestal era un dos que se levaba a palma na creatividade, organización, deseño de carrozas, coreografías, etc., de todos os Entroidos que se celebraban na comarca de Bergantiños. Todo empezara cando se xuntaron os mozos e as mozas do Xestal, A Ferreira, O Batalo e doutros puntos da contorna para retomar a actividade entroideira de antano. Dous de aqueles mozos eran José e Manolo Tuset Lodeiro, irmáns do Xestal cos que falamos estos días e que recordaban que “no ano 1982 dous rapaces do noso grupo disfrazáronse de becerreiros e presentáronse en algunha sala de festas na que tiveron bastante éxito. Ao ano seguinte xa empezamos como grupo organizado. A dicir verdade, empezamos porque estaba nevando. Algúns dos rapaces disfrutaban das vacacións dos seus traballos en Suíza e outros estabamos no paro. E como non tiñamos nada que facer a causa da neve, decidimos preparar unha actuación para concursar nos entroidos da volta e tamén nos desfiles que se organizaban nas discotecas e salas de festas da zona. Todo o que levabamos era artesanal. Non compramos nin traxes nin nada prefabricado porque nós o Antroido entendiamolo como diversión para facer rir a xente, e sempre cun tema de fondo.”

  “O parideiro dunha aldeana no hospital” foi a primeira actuación deste grupo de mozos e mozas, que en 1983 estaba conformado por máis de vinte persoas da parroquia. Tiveran moito éxito polas salas de festas e discotecas da bisbarra e o domingo de Entroido pequeno dese ano organizaron unha actuación no Xestal con comida e música.

Comparsa "O parideiro dunha aldeana no hospital"

   As perspectivas do grupo íanse ampliar nos anos seguintes coa construción de carrozas aínda hoxe lembradas, carrozas que requirían dous ou tres meses de arduo traballo á parte dos oportunos ensaios para preparar a representación da comparsa de cada ano. Como todo bo antroideiro que se prece, a sátira era unha das ferramentas de traballo destes mozos de Montemaior, que sempre facían unha actuación diante do palco do xurado, tanto nos locais como na rúa. En 1984 o tema elexido foi “A máquina de facer chourizos” e na carroza obviamente non faltaba a propia máquina e algúns cochos vivos, porquiños que nalgunha actuación nas discotecas escapaban e andaban polo medio da xente.

Grupo de mozos de Montemaior no Entroido de 1983

   Cado ano o grupo xeraba maior expectativa na comarca. O seu, máis que un desfile era unha obra de teatro con maiúsculas e as dotes interpretativas dos integrantes non deixaban indiferente a ninguén, como así aconteceu en 1985 co tema “A Guerra Civil”. Dese ano hai unha anécdota que os irmáns Tuset Lodeiro non quixeron pasar por alto. “Un mes antes do Antroido fomos medir a entrada da Discoteca Josfer, no Mesón do Vento. Despois da medición caeron uns cantos cubatas. O día do desfile chegamos á discoteca con tanques, un avión, carro de soldados… e non entraban pola porta. O dono acababa de poñerlle cristais laterais a toda a entrada polas escaleiras que ían á pista. Entrar, entramos... pero rebentamos toda a escaleira porque entramos a presión. Iso si, levamos o primeiro premio”.

Mozos do grupo colocando o avión da "Guerra Civil" na plataforma da carroza que fixeron en 1985

  Nese mesmo ano tamén participaron en Tordoia baixo o tema "Acrobacias aéreas" cun avión reciclado da carroza da "Guerra Civil".

  En 1986 o tema elexido foi “O descubrimento de América”. Por fin quedou ben clariño que a orixe de Cristobal Colón non estaba en Poio (Pontevedra) e nin moito menos en Xénova (Italia) como segue afirmando actualmente algún repugnante. Non, non, a orixe do ilustre navegante estaba en Montemaior, parroquia bañada polas augas do Océano Atlántico durante aquel mes de febreiro do 86. Unhas semanas antes, dende o 1 de xaneiro, España integrábase de xeito definitivo na Comunidade Económica Europea. Con relación ao Entroido dese ano os irmáns Tuset quixeron lembrar un conto ben curioso, abofé. “Cando fomos co “Descubrimento de América” á discoteca Flor de Montouto resulta que ao final, despois de desfilar e de actuar, sacamos as barcas para fóra e cargámolas nos remolques dos coches. Fomos tomar uns tóspiros e, cando saímos, a Garda Civil de Tráfico estaba multándonos. O cómico do asunto foi o que puxeron na denuncia: “Embarcaciones mal estacionadas. Lugar Flor de Montouto”. O de “embarcaciones”, e ademais en Montouto, a 30 quilómetros do mar, tiña o seu aquel. Aquilo foi de chiste, pero a multas houbo que pagalas”.

  Ao tempo que participaban en desfiles pola bisbarra, no que obtiveron premios na Coruña, en Compostela, Carballo, A Laracha, Montouto, Betanzos… o grupo seguía organizando eventos no Xestal como a chamada “I Gran Antroidada” celebrada en 1986 no que houbo grandes premios por categorías, por grupos, parellas, individuais e uns premios especiais ao antroideiro máis vello e outro ao máis novo. Durante aquela inesquecible xornada o grupo folclórico “Santa María de Torás” puxera a pincelada enxebre ao tempo que os asistentes ao acto comían sardiñas e chourizos.

  No Entroido de 1987 o tema elexido foi o “Asalto ao castelo de San Antón” co que o grupo obtería o primeiro premio do apartado de carrozas no desfile da Coruña. La Voz de Galicia, na súa edición do martes 3 de marzo de 1987, informaba que…

La Carroza de Montemaior primer premio en La Coruña. Las salas de fiestas y discotecas de la comarca, por su parte, reparten entre ayer y hoy cientos de miles de pesetas en premios para los mejores disfraces. Y de doscientas mil pesetas fue el que consiguieron los jóvenes de Montemaior en el desfile que el pasado domingo tuvo lugar en La Coruña, al quedar de primeros clasificados en el apartado de carrozas con el “Asalto al Castillo de San Antón”, que hoy llevarán por algunas salas de Bergantiños1”.
Foto tomada no lugar da Ferreira, onde se ve ao grupo ensaiando "O asalto ao castelo de San Antón"

   Naquel ano de 1987 o grupo xuntou máis de 400.000 pesetas en premios, éxito que moito se festexou na “II Gran Antroidada” celebrada no Xestal durante toda a xornada do domingo 8 de marzo coa animación de música de gaitas e outros atractivos, entre os que non faltaron os premios como os do ano anterior. 

El Ideal Gallego, Entroido de 1987

   En 1988 o tema que preparou o grupo foi “A Xupa de Galicia”, que era unha sátira sobre o xeito de actuar dalgúns políticos da época.

   Aqueles eran tempos nos que os anuncios publicitarios da televisión funcionaban coma un faro nun mar de descoñecemento, discriminación e temor ¿Recordades a campaña de prevención da SIDA? Si, reférímonos a aquel “Póntelo, pónselo”, un dos slogans máis famosos da historia da publicidade. Directa, concisa, imperativa, tan clara que non necesitaba incluír a palabra “preservativo”, tiña algo de lírica á vez que demoledora. E como nos podía ser doutro xeito, aquel grupo de rapaces de Montemaior tamén quixo contribuír naquela campaña, obviamente coa retranca carnavalesca, e aportaron o seu gran de area na prevención desfilando nos entroidos organizados na bisbarra en 1989.

   Mais, lei de vida, aqueles mozos foron casando e creando as súas propias familias e as enerxías xa non eran as mesmas.

-Machiños, ata aquí chegamos-, dixeron! 

  As vidas cambiaron si,  mais a amizade entre eles continuo ata o día de hoxe xa que o último sábado de febreiro de cada ano organizan, dende aquel entón, un xantar entroidoiro no que recordan aqueles tempos co bo humor de sempre. O Entroido deste 2024 será moi especial para os membros do grupo pois, cada un deles, campará no xantar cunha camiseta conmemorativa na que se recordan os temas das carrozas-comparsas coas que participaron pola bisbarra naqueles entroidos dos anos oitenta.

Camiseta conmemorativa do grupo

   Nos anos noventa, íase formar outro grupo de xente máis nova que tamén organizaría bos entroidos en Montemaior... un grupo do que falaremos a vindeira semana!

 

(...CONTINUARÁ)

____________________

1 Vid. La Voz de Galicia, martes 3 de marzo de 1987, Bergantiños, pax. 28.

 

  O ENTROIDO DE MONTEMAIOR (2ª parte)

   Nunha viaxe carnavalesca que iniciamos nos anos 50 no lugar de Vilariño e que rematamos nos 80 no Xestal, a semana pasada recordabamos nestas Crónicas da Laracha como se celebraba o Entroido en Montemaior… unha viaxe na que homenaxeamos a aquel grupo de mozos e mozas da parroquia que durante unha década causou gran sensación entre as xentes da comarca coas carrozas-comparsas que deseñaban cada ano. Se aínda non lestes a crónica da semana pasada, tédela ao voso dispor aquí: http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2024/02/o-entroido-de-montemaior-1-parte.html

  Pois ben, despois de que aquel grupo de rapaces do Xestal, A Ferreira, O Batalo e doutros puntos da contorna abandonara a actividade entroideira a finais dos anos 80, outro grupo de mozos de Montemaior non tardou en coller o testemuño, como si dun equipo de atletismo se tratara, e con eles ía volver a alegría á parroquia nesta época do ano levándose a palma, como xa fixeran os seus “pais artísticos”, na creatividade, organización, deseño de carrozas, coreografías, etc., en moitos dos Entroidos que se celebraban na comarca de Bergantiños.

   O novo grupo do que estamos a falar era a Asociación de Veciños de Montemaior, que se constituiu como tal en outubro de 1995 co obxectivo de traballar arreo a prol da recuperación da tradición popular da parroquia e da bisbarra.

   A actividade deste colectivo ía arrancar cunha pequena festa organizada o día de Reis do 96, mais pódese dicir que o inicio oficial da agrupación foron os actos desenvolvidos o martes de Entroido dese ano, o 20 de febreiro de 1996. A neve dese día non arredou aos centenares de persoas que asistiron en Santa Margarida, convenientemente disfrazados para a ocasión, a unha voda de Entroido no que casaban, como se facía no pasado, dúas persoas maiores da parroquia. Neste caso, a parella estaba formada por Ulpiano Landrade Carrodeguas e Dolores Fuertes de Barriga, os dous maiores de 60 anos. A cerimonia culminara cun gran banquete no que participaron cerca de cincocentos veciños da freguesía. Os platos do devandito banquete, no que non faltara o tradicional pastel, foran aportados pola veciñanza e por comerciantes das localidades próximas. Naquel inesquecible día tampouco faltara a actuación dos grupos de baile e gaitas da entidade formados principalmente por mozos e mozas baixo a denominación de Devandoira.

Ulpiano Landrade Carrodeguas e Dolores Fuertes de Barriga na voda de Entroido de 1996

Voda de Entroido celebrada en Santa Margarida en 1996 (La Voz de Galicia, 31 de xaneiro de 1997)

(La Voz de Galicia, 22 de febreiro de 1996)

  A asociación veciñal estaba formada naquel momento por 130 socios. No Entroido de 1997 ían parodiar, coa comparsa “Carrada de leite”, as manifestacións que os gandeiros galegos realizaban naquela época para combatir a supertasa leiteira, un espectáculo que recibiu na Coruña o premio especial na categoría de carrozas. 

Membros da asociación veciñal desfilando na Coruña (La Voz de Galicia, 9 de febreiro de 1997)

  Uns días despois de desfilar na capital herculina o escenario da parodia fora Santa Margarida, aínda que os participantes, subidos en carros e acompañados por vacas de considerables dimensións, realizaran previamente un percorrido por outros lugares. Na representación, as reinvidicacións dos gandeiros, recreadas desde o humor e a retranca, exhibían uns argumentos capaces de convencer a calquera ministro español ou comunitario. No recinto rezaban pancartas que deixaban de manifesto a calidade do leite de Montemaior:

En calidade e sabor,

a leite de Montemaior

sempre foi a mellor”

   Mais a representación principal estaba por chegar. Coas vacas no chan, unha vez reprimidos os seus impulsos polas numerosas vareadas que recibiron dos seus coidadores, varios membros do grupo de teatro da asociación cultural representaron no palco unha comedia sobre as cuotas dun gandeiro da parroquia coa ministra de Agricultura e os ministros comunitarios no seu intento de convencelos da calidade da leite de Montemaior. Xusto de Ribadela, o afanoso labrego da parroquia, recibe a noticia de que a Unión Europea pretende poñer límites á produción. Nun intento de solucionar o problema, primeiro ponse en contacto co Sindicato Pobre Galego e o seu representante, Lidia Sembra, mándao a Madrid como portavoz da asociación de produtores de Montemaior para entrevistarse coa ministra de Agricultura, Pirola del Palacio. Antes, Lidia Sembra, recoméndalle que vaia vestido axeitadamente ás Cortes e que lle leve un regaliño á ministra. Xusto non ten problemas para cumprir coa recomendación, porque «toda miña vida traballei nas cortes». Aquela lendaria representación ía rematar cos actores lanzando leite e bolsas de auga a un público entregado que, segundo algunha persoa alí presente, moito disfrutou coa parodia. O colofón da xornada chegaba coa lectura do Testamento.

   No Entroido de 1998 o grupo continuou distinguíndose pola súa orixinalidade na organización de comparsas e escenificacións carnavaleiras, como a parodia realizada no campo de Santa Margarida sobre o programa televisivo “Supermartes”, outro enorme éxito no que actuaran quince persoas da asociación que fixeron chorar de risa ao numeroso público alí congregado. 

(La Voz de Galicia, 19 de febreiro de 1998)

  Días despois a asociación tamén desfilaba, con máis de corenta membros, coa comparsa “O Fertimón de Montemaior”, carroza coa que gañaron diversos premios na bisbarra, entre eles o premio na categoría de máis de oito compoñentes do desfile celebrado na Laracha.

  En 1999 optaron por recuperar de novo escenas tradicionais de Galicia e construíron e «carretaron» polos desfiles da comarca cun hórreo que formaba parte da súa comparsa “A Esfolla de Montemaior”, co que un ano máis gañaron na Laracha o primeiro premio na categoría de máis de oito compoñentes. 

"A esfolla de Montemaior" foi a comparsa do grupo veciñal en 1999

(La Voz de Galicia, 16 de febreiro de 1999)

  Coa chegada do novo século a tradición entroideira de Montemaior foi esvaecendo ata que chegou un momento no que se deixou de celebrar. Agardando que a xuventude actual da parroquia retome algún día esa tradición, vaia dende aquí o noso agradecemento por ese importante labor que fixeron seus pais e seus avós durante tanto anos!


O ENTROIDO DE PAIOSACO

 

   Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido.

  Galicia é un mundo á parte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.

   E na Laracha? No 2024 abrimos esta cancela carnavalesca para recordar algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado nas nosas parroquias cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro nestas Crónicas da Laracha ao resto das freguesías larachesas.

Celebración do Antroido en Paiosaco no ano 1988 (Cortesía de Daniel Rodríguez Rama)

  O ano pasado falamos do Entroido de Montemaior e agora, doce meses despois, continuamos con esta viaxe carnavalesca en Paiosaco, onde antigamente se celebraba un dos Entroidos de máis sona da bisbarra, como así o confirma a seguinte información publicada na prensa antes da Guerra Civil que daba fe dos celebrados no municipio larachés:

Estuvieron muy animados los carnavales en la capitalidad de este ayuntamiento. Hubo derroche de disfraces, variedad de carrozas y animados bailes en los salones del Regado, Cillobre y Payosaco.”1
Imaxe  do ano 1962. Vista da casa de Cabezas, Salón Vello, casa de Ramiro de Ramón e  a de Solina. A foto está tomada desde diante da casa de Hermelinda, que se estaba facendo (Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta)

   Ese salón de Paiosaco que aparece neste artigo era o Salón Vello, un local do que falamos máis polo miúdo no libro Os bailes dos avós. Música e salóns da Laracha de antano e que era propiedade dos avós de María Isabel Martínez Pazos, 'Ruja de Ramón', que nos atendeu coa maior das amabilidades en “Creaciones Jaro”, o negocio que posúe no Campo da Feira. Un pouco polo que escoitou de nena e outro pouco polo que viviu en primeira persoa, Ruja, nacida en Paiosaco en 1948, recorda que “antes aquí viñan carrozas de moitos lugares decoradas con mimosas; unha delas era a de Che, o Coxo do Aguiuncho, unha carroza enorme con cabalos e con catro rodas de goma. Recordo que viña chea de disfraces e Che poñía aros de mimosas por toda a carroza. Eu era moi pequeniña, debía ter 5 ou 6 anos, pero acórdome ben deso”.

   Desas carrozas tamén nos falou Ramiro Bello Recouso, nacido en Anzobre (Armentón, Arteixo) en 1952 pero que leva residindo en Paiosaco dende moi cativo. “Eu escoitáballe dicir a meus pais e a miñas tías que o Antroido de Paiosaco era espectacular e seica viñan carrozas de Soutullo, de Soandres e de moitos sitios máis con carros moi ben adornados e xuntábanse todas no Campo da Feira. Tamén lle teño oído falar a miña sogra, que dicía que era un verdadeiro espectáculo e que viña xente do quinto pino e que enchían o Campo da Feira.”

   Outra das fontes orais que nos axudaron a recuperar a memoria antroideira de Paiosaco foi Jesús Castiñeiras Ramos, 'Chucho da Reserva', nacido en Requesende (Golmar) en 1947 pero que leva residindo en Paiosaco desde os 7 anos, excepto o paréntese da emigración en Suíza. Seus pais tiñan unha taberna no Campo da Feira, coñecida como a taberna de Pedro ou a de Maruja, negocio no que tamén botaba unha man Chucho ata que fixo a maleta da emigración. Con relación ao Entroido, Chucho contounos que “había uns que traían un carro de bois grande cheo de mimosas e a xente que viña darredor deste carro non paraba de repartir mimosas por alí e por aquí. Todos os días do Carnaval viñan comparsas que non eran de Peisaco… viñan de Morás (Arteixo) e doutros sitios e cantaban e tocaban aí no Campo da Feira. Tocaban as pandeiretas e bailaban. Estas comparsas se cadra xa viñan o martes. O xoves era o día máis grande do Antroido. Facíase o sábado de Carnaval, o domingo, o luns, o martes, o mércores descansaban, e despois volvían o xoves para dárlle fin ao Antroido”.

   O Salón Vello do señor Ramón e da señora Chuca, avós de Ruja, pechou nos 50 e pouco despois Ramiro García Barros, 'Ramiro do Alto' abría un novo salón en Paiosaco o Salón Trébol, lugar no que a xuventude da bisbarra daquela hora ía pasar momentos inesquecibles moceando, bailando, competindo nos concursos de xota e muiñeira, e nas festas de Entroido que organizaba o propietario do local, como así nolo recordaba Chucho da Reserva: “Ramiro sempre traía as mellores orquestas a Peisaco, viñan Os Satélites, Os Trovadores… viñan todos. Polo Antroido facía sempre concursos e daba premios á xente que ía mellor vestida, á que era máis simpática... Ramiro daba premios por todo, e eso axudaba a que a xente se disfrazara. Os premios tanto podían ser cartos como outro tipo de detalles, que recibían no escenario co aplauso do público.”

Imaxe de 1969 do Salón Trébol (Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta)

   As mascaritas e os mascaritos tamén tiveron moito protagonismo nos testemuños das persoas que entrevistamos. As mascaritas e os mascaritos daban a nota máis colorida e elegante. Elas vestían chamativos vestidos confeccionados con teas ou papel de diversas cores e levaban un sombreiro redondo ornamentado con cintas e adornos. Os traxes deles, que levaban un sombreiro picudo igual de adornado que o das mascaritas, seica tiñan un certo parecido cos traxes militares. Sobre as mascaritas Ruja de Ramón contounos que “aquí en Peisaco facían moi bos traxes. Socorro, a irmá de Pura, facíaos con roupa da cama con puntillas. Facíaos con sabas que amidonaba e que daba gusto ver coas súas toquillas… non che era ningunha broma, eran moi lindos. Tamén había quen facía os traxes das mascaritas con papel rizado, pero aquí en Peisaco non, aquí estaban a ver quen ía mellor. Ían maquilladas, guapísimas, e levaban todas unha diadema de flores.”

   En opinión de Chucho da Reserva, con esos traxes e con esa elegancia da que nos falou Ruja, as mozas de Paiosaco de aquela hora disfrazábanse ou imitiban á Martela, unha artista da época que deixou unha importante pegada na xuventude dos 50 e dos 60 de boa parte da provincia da Coruña.

Finita Gay, 'A Martela' (https://consellocultura.gal)

   A Martela era o nome artístico de Finita Gay, de quen Xurxo Souto escribe nos seus fantásticos Contos da Coruña que foi “a primeira muller que subía a cantar nun escenario. O seu era pura vehemencia vocacional, e case tivo que escapar da casa -alá pola parte de Castelo, en Carral- para conseguir ser artista. Cos seus compañeiros dos Guiliades provocou auténtica conmoción. Mesmo da parte de Ordes e Guitiriz baixaban novos e vellos para contemplar como Finita Gay bailaba a raspita. En pleno éxito marchou a Venezuela. Alí casou e traballou como modista. Cando tivo os fillos criados, decidiu volver e facer o que de verdade lle prestaba: cantar. Regresou nos oitenta e, nun acto de valentía impresionante, investiu todos os seus aforros nun Café Concerto en Tabeaio: A Martela, nome do lugar onde se criou. Alí a grande estrela era a propia Finita. Recuperou os seus antigos seguidores e triunfou entre a xente nova. Esta loitadora acadara o seu soño. Desgraciadamente, aos poucos anos, en pleno triunfo, morreu vítima dunha rápida enfermidade2”.

Finita Gay, 'A Martela' (Cortesía da súa familia)

   Para saber un chisco máis sobre a popular artista, o que escribe contactou con Carmen Martínez, neta de Finita Gay, que nos recordou amablemente que A Martela chegou en maio de 1954 a Venezuela, onde casou cun italiano en 1959. Curiosamente nesa altura e nos primeiros anos 60, as mozas de Paiosaco tíñana moi presente polo Entroido, como así nolo recordou 'Chucho da Reserva': “o día máis grande do Antroido era o xoves e con esos premio que daba Ramiro no seu salón viña xente moi ben vestida, sobre todo mulleres. Recordo que as de Lestón, as de Vilela... viñan todas disfrazadas con roupas moi bonitas. As de Xan Vello, unha familia da Torre (Lestón), viñan con pamela e traían uns vestidos que lles chamaban “como os da Martela”. Disfrazábanse como A Martela, que era unha artista que nos anos 50 actuou por aquí e cantaba nos bailes vestida sempre moi elegantemente. Onde actuaba A Martela alí ían todos e por iso había moitas mozas que se disfrazaban como se foran esta artista con todas esas roupas bonitas. Eu recordo a Isolina de Amadora, unha irmá de Ghapito a máis de Manolo de Isolina, e tamén recordo a unha que se chamaba Luisa. Quen axudaba a disfrazar a estas mozas era Ermelinda e ían ao baile moi elegantes. Sempre chamaban a atención! Os homes tamén se disfrazaban pero non tanto como as mulleres. Os homes ían algo de choqueiros, cunhas boinas, cunhas botas...”

Finita Gay, 'A Martela' (Cortesía da súa familia)

    Paralelamente, os máis novos, a rapazada de 10 a 12 anos, andaban por Paiosaco vestidos de choqueiros, algúns coa cara tapada e cun sombreiro de palla, pedindo polas casas. O bonito era cando chamaban á porta coma quen que tiñan fame:

-Pum, pum, pum!

-Quen é?

-Déanos unha filloa, señora, que temos moita fame!

Filloas de Casa Teresa

-Pum, pum, pum!

Quen é?

-Non ten por aí unha orella, señora? Morremos coa fame!

   Tamén nos contaron que en moitas casas de Paiosaco os pais que tiñan nenos disfrazaban aos seus fillos de nenas, e os que tiñan nenas vestíanos de nenos. Un canto á igualdade, abofé!

    Lei de vida, aquela rapazada medrou. Uns botaron raíces aquí e outros fixeron a maleta da emigración. Moitos dos que quedaron continuáronse disfrazando polo Entroido e acudindo ao Salón Trébol ata o seu peche definitivo. A finais dos anos 60, vendo que as discotecas empezaban a coller auxe, Ramiro do Alto vendeulle o salón a Ramiro das Rañeiras, e ao pouco tempo da venda construiu un edificio na Coruña, na zona de Catro Camiños, onde en 1975 inaugurou a actual administración de lotería “La Favorita”. Ramiro das Rañeiras continuou co salón aberto durante dous ou tres anos, tempo no que sería testemuña da decadencia definitiva do Entroido de Paiosaco e dos bailes, que nunca recuperarían o grande esplendor do pasado, e acaboulle vendendo o soar a un matrimonio que volvera da emigración. Actualmente, no mesmo lugar no que estaba o salón Trébol hai unha tenda de sofás, “Hiper Sofá”.

    As vidas e os hábitos da xente foron mudando paulatinamente e o espíritu antroideiro de Paiosaco foi minguando ata que se inaugurou outro dos locais míticos do lugar, a Discoteca Vértigo, onde tamén se fixeron varios concursos de disfraces e donde bailaron dende 1987 ata o 2005 os fillos e os netos de moitas parellas que se coñeceran, anos atrás, no Salón Vello e no Salón Trébol. Sobre a Discoteca Vértigo prometemos falar máis polo miúdo no futuro.

Entroido en Paiosaco nos anos 80 (Cortesía de Daniel Rodríguez Rama)

   Dende hai xa bastantes anos as comparsas e as carrozas xa só desfilan na capital municipal. Poñémoslle a póla a esta crónica coa programación do Concello da Laracha do Entroido deste ano:



_______

1 Vid. El Pueblo Gallego. Rotativo de la mañana, Vigo, 12 de marzo de 1935, p. 15.

2 Vid. Xurxo Souto Eiroa (2001): Contos da Coruña; Vigo: Edicións Xerais, p. 104.

Ningún comentario:

Publicar un comentario