INDUSTRIA E NEGOCIOS

 RAMÓN REGUEIRA RAMOS, O VECIÑO DE CABOVILAÑO QUE FOI FUTBOLISTA DO DEPORTIVO E FUNDADOR DA EMPRESA 'AD REGUEIRA'

  En agosto de 2015 o amigo Jacobo Ríos presentaba na biblioteca dos Rosales da Coruña a súa novela “El inmenso mar de los olvidados”, inspirada en casos históricos de afundimentos de barcos na Costa da Morte no século XVI. Acompañaba ao autor na presentación o historiador José Regueira Ramos, colexiado decano do Colexio de Farmacéuticos de Cádiz e cronista oficial de Jimena de la Frontera, que ofreceu unha conferencia sobre naufraxios galegos na costa de Xibraltar. Unha vez finalizado o acto, nun pequeno ágape organizado por Jacobo, o que escribe tivo a sorte de coñecer a José Regueira e a algúns membros da súa familia, entre eles seu irmán Ramón, un larachés que destacou no mundo do deporte e na rama empresarial que nos deixou o pasado 15 de decembro aos 86 anos de idade.

 

Ramón Regueira nas instalacións que a empresa AD Regueira ten no Polígono de Sabón

   Ramón Regueira Ramos, Moncho para os máis achegados, nacera en Xerís, na parroquia de Cabovilaño, en xaneiro de 1935, o mesmo lugar no que dous anos máis tarde veu ao mundo Suso, o pequeno dos tres fillos de José e Carmen. O maior, Pepe, o futuro farmacéutico, nacera na Coruña, na rúa Alameda, en outubro de 1930. 

   José Regueira, o proxenitor dos tres cativos, era nativo de Casadelas, na parroquia carballesa de Noicela, e emigrara de moi novo a Cuba. Tras uns anos traballando duro na Habana para aforrar catro pesos, regresa á terriña e casa con Carmela Ramos, unha moza de Xerís que xunto a seus irmáns Pura e Pedro quedaran orfos de pai e de nai por mor da gripe de 1919.

   Coa morte dos pais dos tres nenos, o señor Antón Canedo, veciño de Xerís, brindouse dende o primeiro momento a cuidar deles, exercendo de pai ata que marcharon do niño familiar. Andando no tempo Pura ía ser farmacéutica en Malpica; Pedro propietario do serradoiro do Cancelo; e Carmela, tras dárlle o “si quero” ao carballés José Regueira, empazaría con el unha nova vida na Coruña. 

   Na cidade herculina, Regueira, verdadeiro emprendedor da época, íase dedicar a diferentes negocios coma a compra e envío ao matadeiro de gando vacún. Tamén foi promotor da construción, propietario dun garaxe, dunha carnicería e incluso, nos tempos do volframio, tivera a concesión de algunha mina. Por aqueles días o matrimonio e os seus tres fillos alternaban o seu domicilio na Coruña, na rúa Ramón de la Sagra, coa casa de Xerís na que naceran Moncho e Suso. Xerís era o parnaso da familia Regueira Ramos. Pepe, o maior dos tres irmáns, recordounos recentemente aquelas estadías en Cabovilaño: 

   "En Xerís, daquela, había só dúas familias, os Canedo e nós e algunhas provisionais, entre estas a da tía Marica, nai de Esperanza, avoa de Alicia e bisavoa de Blanco, actual directivo do Deportivo. O que é a vida. Eran tempos duros pero felices. Recordo a fonte do Picho e de cando se ía buscar auga na sella. A nosa casa estaba fronte a de Canedo. Hoxe non existe; o lugar é propiedade desta familia á que tanto lle debemos. Che Canedo (avó da concelleira Patricia Bello) e a súa irmá María, que eran fillos do señor Antón, eran os padriños de meu irmán Moncho. Recordo con nostalxia a primeira escola que tiven eu, que estaba nun apartado da casa dos de Canedo. Moncho non chegou a ir a ela pola idade. Deus, como cambiou todo, ata Inditex ocupa actualmente parte do noso monte da Tilleira". 

   O pobre José Regueira falecería en 1945 con tan só 39 anos. Cando morreu o seu proxenitor, Moncho, o noso protagonista, tiña naquela altura 10 anos. Xa levaba varios anos interno nos xesuítas de Vigo, onde non tardou en amosar que tiña un don especial coa pelota, don que o levaría a converterse en futbolista profesional.

    Xa de volta na Coruña, xoga varios partidos co Huracán de Santa Lucía antes de asinar co Fabril con tan só 14 anos para xogar na Serie A Rexional. Nas filas fabrilistas debuta o mesmo día que Arsenio Iglesias e Carlos Torres, nun enfrontamento ante o Noia. O seu bo facer no Fabril, xogando de interior polas dúas bandas, levaríano a fichar na tempada 1952/53 no Deportivo, que o cede ao Juvenil, naqueles tempos filial deportivista, a comezos da seguinte campaña.

   As espectaculares actuacións co Juvenil chegaron aos oídos do adestrador do Caudal de Mieres Cuqui Bienzobas, antigo técnico do Deportivo, que, mediada a tempada, solicitou os servizos do futbolista de Cabovilaño para axudar a manter ao seu equipo na Segunda División. Nesta nova cesión, Moncho debuta na categoría de prata do fútbol español o 7 de marzo de 1954, disputando os 90 minutos dun partido no que o Caudal vence por 3-1 a La Felguera. O noso protagonista ía xogar de titular seis partidos máis co once de Mieres, que finalmente ía ser quen de salvarse do descenso nunha liga de permanencia na que Moncho Regueira non participou porque foi reclamado por Carlos Iturraspe, adestrador do Deportivo naquela hora, para xogar o partido de volta de oitavos de final da Copa del Generalísimo contra o F.C. Barcelona. Na ida os azulgranas venceran aos coruñeses por un contundente 4-0.

   Aquel partido de volta ía ser o único encontro oficial que Moncho Regueira xogou ao longo da súa carreira deportiva co R.C. Deportivo da Coruña. Disputouse en Riazor o 9 de maio de 1954. Iturraspe pensara nel para cubrir a baixa de Luís Suárez, que precisamente acababa de fichar polo conxunto culé. Nun partido sensacional, o Deportivo estivera a piques de igualar a eliminatoria vencendo por 3-0 con esta aliñación: Otero, Carrillo, Zubieta, Tomás, Lechuga, Tito Blanco, Cuenca, Mangriñán, Royo, Pahiño e Regueira. 

   A boa actuación de Moncho neste choque de volta despertara no seu momento o interese do F.C. Barcelona, naquela hora dirixido por Ferdinand Daucik que chegara ao cadro catalán xunto con seu cuñado Ladislao Kubala en 1950. Moncho Regueira viaxaría á Cidade Condal para realizar as oportunas probas coa entidade barcelonesa mais, finalmente, a súa fichaxe non se realizou. 

   Na campaña seguinte, a 1954/55, o futbolista da Laracha continúa no Deportivo, que o cede de novo ao Caudal de Mieres, club co que disputa a Segunda División. Moncho anota 6 goles nos vinte partidos disputados en toda a campaña, cifras que axudaron a que o cadro asturiano mantivera a categoría. Volve ao Deportivo na 55/56, mais con Ángel Zubieta, o adestrador do once coruñés naquela altura, só ía defender a elástica branquiazul en partidos amigables, quedando un ano máis sen o seu agardado debut na Primeira División.

 

Regueira, terceiro de pé pola esquerda, no once deportivista que xogou o Trofeo da Asociación da Prensa Compostelana ante o Racing de Ferrol en Santiago o 3 de xuño de 1956

   Tras o seu su periplo co Deportivo, Regueira ficha polo Burgos xunto a outros dous deportivistas, Manín e Lexo, e xoga en Segunda División a tempada 56/57, anotando 4 tantos nos 11 partidos disputados co cadro burgalés. Nesa época ao de San Román tócalle facer o extinguido servizo militar e ten por destino o protectorado español de cabo Juby, localizado no noroeste da costa atlántica africana, ao sur de Marrocos, cerca de fronteira co Sáhara Occidental. Foi para alí porque o Burgos non conseguira arranxar o papeleo para que fixera a mili nun cuartel na cidade castelá. 

   Moncho Regueira ía vivir no cabo Juby as penurias da chamada Guerra Olvidada, cos enfrontamentos entre o exército español e o marroquí. Seu irmán Pepe contounos que… “iso foi moito antes da Marcha Verde. Algúns dos seus compañeiros morreron e outros coma el tiñan que facer garda no deserto agardando que os mataran”. 

   Tras un ano en medio en África, coa moral abatida polas experiencias vividas en cabo Juby, e despois de tanto tempo sen adestrar en condicións óptimas, decide pasar páxina e abandona o fútbol profesional. Naquela altura, con algo do que tiña aforrado da súa etapa balompédica determina con seu irmán Pepe montar unha farmacia en Jimena de la Frontera, na provincia de Cádiz. Era o negocio que lles encaixaba para o diñeiro de que dispoñían. Pepe xa nunca máis marcharía e co tempo habíase de converter, tal e como comentamos ao principio, no colexiado decano do Colexio de Farmacéuticos de Cádiz e no cronista oficial desta vila da comarca do Campo de Xibraltar.

 

Pepe Regueira, á esquerda da imaxe, con seu irmán Moncho (cortesía de Pepe Regueira)

   Pola súa banda, Moncho, que herdaría de seu pai José a vocación empresarial, ía volver á cidade da Coruña a principios dos 60 e, logo de que o animara o seu amigo Quique Blanco, que era representante de recambios para automóbiles, decide abrir en 1965 un negocio nun baixo de 100 metros cadrados que súa nai Carmela tiña na rúa Juan Flórez. Así empezaba a historia de Recambios Regueira, o xerme do que hoxe é AD Grupo Regueira. 

   Moncho contratou ao primeiro traballador da empresa, José Luís Currás, que foi xefe de compras ata que se xubilou no 2011. Os dous iríanse facendo un oco no sector e, en pouco tempo, tiveron que cambiarse de local por cuestións de espazo, iniciando así unha andaina chea de traballo, esforzo e dedicación que levaría ao negocio creado por Moncho a chegar ata donde está hoxe, con 61 puntos de venda, dous almacéns centrais eis de 400 empregados.

    Do primeiro local da rúa Juan Flórez pasaron a outro baixo da tamén herculina rúa Eugenio Carré que foi onde permaneceron ata 1978, ano no que, ante a necesidade de novos espazos e a demanda de máis e mellores servizos, se trasladaron ao Polígono da Grela-Bens, donde hoxe segue situada a sucursal da Coruña. 

   A finais dos anos oitenta, AD Grupo Regueira entrou a formar parte do grupo de compras AD Parts, o primeiro grupo de distribución de recambios de automóbiles en España e Portugal. A sede central do grupo AD Parts conta cunha superficie cuberta total de 16.000 metros cadrados, desde os que se coordinan todos os servizos administrativos, informáticos e de xestión, ademais de dispor dunha planta de envasado de lubricantes e fabricación de anticonxelante e do almacén central de distribución do grupo.

   Mais o fito que marcou un antes e un despois en AD Regueira foi a posta en marcha, no ano 2013, da central loxística de Sabón, un almacén con más de 4.000 metros cadrados e 23 metros de altura con multitude de procesos íntegramente robotizados e avanzadas solucións informáticas, que lle permitiu á empresa fundada por Moncho Regueira non só aumentar a súa capacidade de almacenamento, senón tamén mellorar a eficacia na saída da mercancía ás súas tendas, e, por conseguinte, mellorar o servizo aos principais clientes: os talleres. 

   A calidade humana do noso homenaxeado supúxolle un xeral aprecio e respecto de todos quenes tiveron relación con el, sendo para moitos un verdadeiro exemplo a seguir. Aínda que xa facía anos que estaba retirado da xestión directa da empresa, actualmente exercida polos seus fillos, Moncho seguía atento todos os movimentos do negocio e do sector, do mesmo xeito que o facía co seu prezado Deportivo e coa súa querida Laracha. 

   Dende este humilde espazo queremos transmitir as condolencias e amosar o noso máis sentido e sincero pésame á familia Regueira. 

  D.E.P.

 

 JOSÉ IGLESIAS VARELA, O EMPRESARIO LARACHÉS QUE FOI PRESIDENTE DO DEPORTIVO NOS ANOS 50

  Nestos malos tempos que corren para o R.C. Deportivo, que xa leva tres tempadas na terceira categoría do fútbol español, queremos recordar a figura de José Iglesias Varela, o único larachés que presidiu a entidade branquiazul ao longo da súa dilatada historia.

José Iglesias Varela (Cortesía da súa sobriña María Rodríguez Iglesias)

   José, Pepe para os seus amigos, nace no Cancelo de Abaixo, parroquia de Cabovilaño, o 24 de abril de 1914. Era fillo de Pedro Iglesias Graña, importante empresario do sector madereiro, e de Carmen Varela Sotelo, matrimonio que ademais do noso protagonista tamén foron pais de Mercedes, Santiago, Miguel, Pedro, María e Leonor. O proxenitor da ampla prole tiña aserradoiro no mesmo espazo que hoxe ocupa a estación de servizo San Marcos, a gasolineira do Grupo Valcarce que hai en Cabovilaño á man esquerda dirección a Carballo, negocio fundado por Leonor1 e o seu home Manuel Rodríguez e que actualmente xestiona Marcos, neto deste matrimonio.

 

Pedro Iglesias Graña e Carmen Varela Sotelo (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

    Pepe abandona o niño familiar moi novo e, sendo un buscavidas como sempre foi, non tarda en montar a súa propia empresa. Casa con M.ª del Pilar Naya Fernández, unha moza do lugar de Rorís (Armentón, Arteixo) coa que ten dous fillos: José e Pedro Iglesias Naya, nacidos respectivamente en 1937 e 1939.

    Nos anos corenta o noso protagonista xa é un un exitoso empresario madereiro, ramo no que seguía traballando seu pai e no que seus irmáns Santiago e Miguel tamén se gañan a vida no aserradoiro que tiñan en Queo de Abaixo (Bértoa, Carballo). Nesa época, sempre coa viveza dun emprendedor e coa iniciativa que sempre o caracterizou, Pepe Iglesias diversifica a súa actividade empresarial e adéntrase no sector mineiro. Segundo nos contou o seu fillo Pedro “as instalacións mineiras e madereiras lindaban habitualmente unhas con outras; tivo minas de volframio, estaño e titanio en Arteixo, Buño e Santa Comba e tamén traballou algo en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense). E máis tarde tivo mina de ferro en Cabreiros, cerca de Vilalba (Lugo)”.

    O volframio galego fora un mineral estratéxico durante a Segunda Guerra Mundial: en aliaxe co aceiro, elevaba o punto de fusión deste, permitindo unha maior capacidade de perforación a todo tipo de proxectís. As minas deste mineral íanse reactivar grazas á escalada bélica que se inicia coa Guerra de Corea (1950-1953), unha época na que José Iglesias Varela entrou a formar parte da xunta directiva do Deportivo.

    O equipo herculino rematara a tempada 52/53 no décimo cuarto posto da táboa clasificatoria de Primeira División, posición que obrigaba aos coruñeses a disputar unha liguiña de permanencia. Rafael Salgado Torres, presidente deportivista desde o 8 de decembro de 1952, ten a feliz idea de fichar a un dos adestradores máis revolucionarios da historia do fútbol, o mago Helenio Herrera, que sería quen de manter ao equipo en Primeira logo de gañar por 1-3 na derradeira xornada da liguiña ao Celta, nun partido xogado en Balaídos o 12 de xullo de 1953. Aquel día os coruñeses formaran con Acuña; Clemente, Rodolfo, Carlos; Zubieta, Tito Blanco; Corcuera, Osvaldo, Arsenio Iglesias, Moll e Tino. Días antes do trascendental partido final contra o once olívico, o doutor Antonio Martínez Rumbo sustituira a Rafael Salgado Torres na presidencia do Deportivo. Na nova xunta directiva, o larachés José Iglesias Varela ocupa o cargo de vicepresidente.

 

José Iglesias Varela e a súa muller María Naya Fernández (Cortesía da súa sobriña María Rodríguez Iglesias)

    Na tempada seguinte, a 1953/54, Pahiño ficha no cadro deportivista procedente do Real Madrid e xurde a figura de Luís Suárez, que debuta na máxima categoría do fútbol español ante o F.C. Barcelona. Os coruñeses serían sétimos na Liga e ao remate da campaña emprenden unha xira a Sudamérica, a primeira da súa historia. O presidente Martínez Rumbo vai á fronte da expedición. Na Coruña queda ao mando da nave branquiazul Iglesias Varela, que o 11 de agosto de 1954 releva a Martínez na presidencia do Deportivo. Curiosamente, nesa época había dous veciños de Cabovilaño na entidade deportivista: o presidente Iglesias e o dianteiro Moncho Regueira, de quen xa temos falado nestas Crónicas da Laracha (https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2021/12/ramon-regueira-ramos-o-vecino-de.html).

    Coas baixas de Moll e Luís Suárez, que asinaran co F.C. Barcelona, o Deportivo inicia a competición ligueira 54/55 en Riazor vencendo ao Hércules por 2-1. Adestra ao equipo Ángel Zubieta, que simultanea o seu cargo co de xogador. Nesta primeira tempada de Pepe Iglesias Varela na presidencia deportivista, que fora ratificada nunha asamblea extraordinaria celebrada en abril de 1955 onde “los concurrentes respondieron con una cerrada y prolongadísima salva de aplausos, que durante largo rato obligaron al señor Iglesias Varela a permanecer de pie antes de poder hacer uso de la palabra”2, o equipo ocupa de novo a sétima praza da táboa clasificatoria, unha tempada na que que destacan Pahiño, Bazán e Arsenio na dianteira anotando 18, 14 e 7 goles respectivamente. Tamén son destacables as actuacións baixo paus de Juan Ignacio Otero, compadre de Pepe Iglesias:

Ayer, en la iglesia parroquial de Santo Tomás recibió las aguas bautismales la recién nacida hija del guardameta deportivista Juan Ignacio Otero. La neófita, a la que se le impusieron los nombres de Isabel María Josefa, fué apadrinada por el presidente del R. C. Deportivo, D. José Iglesias Varela, y señora, doña María Naya. Con tan grato motivo se celebró después de la ceremonia una simpática fiesta familiar, en la que se renovaron las felicitaciones que por el nacimiento de su primogénita habían recibido Otero y su joven esposa, Isabel Cerveró. Felicitaciones a las que unimos la nuestra, muy sincera y cordial”.3
La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955

La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955

    O Deportivo comeza a tempada 1955/56 coa súa primeira participación no afamado Teresa Herrera, trofeo que leva para as súas vitrinas tras vencer ao Athletic Bilbao por 2-1. Dese bonito recordo da historia deportivista, que coincide co industrial larachés na presidencia da entidade, falounos Julio Mancebo, mestre e historiador nado en decembro de 1942. Eu fun a ese partido. Tería 13 ou 14 anos e vino na grada de “Especial Niños”. Nesa época o presidente do Deportivo era José Iglesias Varela, que recordo que tiña unha empresa que se chamaba “Maderas Iglesias”. Na carretera dos trolebuses Coruña-Carballo, antes de cambiar o percorrido como o cambiaron posteriormente, baixabas ao coto da Grela e ao chegar abaixo había unha curva. Alí, á man esquerda, estaba “Maderas Iglesias”, que sempre tiñan castelos de táboas apiladas. Este home tiña dous fillos. Eu coñecín a un deles no Balneario de Arteixo, a Pedro, que xogaba con nós no campo de fútbol cando eramos rapaces. Á parte da empresa das madeiras, creo que Iglesias tamén tivo minas porque o pai do 'Miaxo', René, se non recordo mal traballaba nas minas del. Un irmán de José Iglesias Varela, Miguel, casouse con Marica a de Amadeo, que debe andar polos 93 ou 94 anos e vive en Bértoa. Foron para alí cando se casaron”. 

 

Os futbolistas do Deportivo e o presidente do club, Pepe Iglesias Varela -de traxe, ao carón do trofeo-, co Teresa Herrera conquistado en 1955 (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

    Neste curso 55/56 o Deportivo ía quedar nun discreto duodécimo posto, con 26 puntos e catro negativos. Ao longo da tempada os coruñeses tiveron tres adestradores: Rodrigo García Vizoso, que cesou a finais de xaneiro; Pahiño, que durou catro partidos e Ángel Zubieta. Destacar tamén que nesta época causa baixa difinitiva no club o lendario porteiro Juan Acuña.

   A tempada 56/57, na que o Deportivo cumpre o seu 50 aniversario, iniciase cunha severa derrota en Riazor frente ao Atlético de Madrid por 0-4. Xa non estaban os grandes “divos” Bazán, Pahiño, Acuña… e a xente nova como Polo, Anca ou Amador non acaba de carburar. O adestrador é Ángel Zubieta. O Deportivo vai de mal en peor e sufre seis derrotas en Riazor. A finais de novembro de 1956 Pepe Iglesias Varela abandona a presidencia e deixalle o posto Ángel Fernández Murga. Na súa despedida, o larachés contestaba con retranca unha pregunta dun xornalista coruñés:

-¿Que ha sido para usted el Deportivo?

-Mi única preocupación. Ninguna otra cosa me ha preocupado más, ni tampoco he sido más feliz que durante el tiempo en que he estado en el Club. Hasta resulta que lo poco que entiendo de fútbol se lo debo a la Prensa.4

La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1956

    Da súa etapa á fronte da entidade deportivista, o seu fillo Pedro comentounos que “creo que é de xustiza recordalo coma un gran presidente. Ademais, non foron poucas as veces que lles fixo préstamos aos xogadores para que poideran chegar a final de mes. O Deportivo custoulle moitos cartos a meu pai, pero bueno, el era feliz e o amor ao club podía con todo. Era deses presidentes que xa non quedan. Tamén foi un gran patrón cos seus traballadores, quenes cariñosamente o alcumaban “O Xefe”. Meu pai tiña unha boa posición económica, certo, pero ante todo sempre foi unha persoa seria, honrada e moi boa coa xente, sempre disposto a axudar co que fixera falta. Ollo, tamén tiña a súa dose de humor xa que era moi retranqueiro e a cotío tiraba do refraneiro galego…

O que non ten cabeza, ten pés.

Falou Chacón, ben falado”.

    Tras o seu paso polo Deportivo, primeiro como vicepresidente e despois como máximo mandatario, Pepe Iglesias e a súa dona, María Naya, viven certo tempo dacabalo entre A Coruña e Valdeorras, onde finalmente establecen o seu domicilio na parroquia de Arnado en Vilamartín de Valdeorras (Ourense). O matrimonio comprara en 1956 un terreo de 37 hectáreas do que formaba parte o Pazo de Arnado, tamén chamado Castelo de Arnado ou castelo Torre Penela, unha edificación construida por puro romanticismo polo maxistrado e deputado Pedro Sanjurjo Flórez5 na década de 1890. 

 

Pazo de Arnado (La Región)

  Pedro Iglesias Naya, o fillo máis novo do noso protagonista lembra que “cando eu era neno a condesa Pilar Agudín Bolívar díxome que o conde era moi romántico e que construiu o castelo para ela. Meus pais compráranlle a dona Pilar, que xa levaba viúva moitos anos, todo o seu patrimonio, é dicir, o Pazo, todas as fincas do Conde de Torre Penela, e o edificio que tiña na Coruña, en Riego de Agua. A pobre muller estaba totalmente arruinada e meu pai fíxose cargo das súas hipotecas. Deixouna vivir nas súas antigas posesións, como se continuara sendo a propietaria, ata que dona Pilar Agudín Bolívar finou aos 105 anos”.

    José Iglesias Varela ía continuar coa súa actividade mineira ata 1985. Sempre ao pé do canón, traballou nos outros negocios ata que enfermou en 1992 por mor dun cancro de medula. Tras unha dura loita con esa terrible doenza, o noso homenaxeado finou en 1995 aos 81 anos. Os seus restos e os da súa muller María, falecida en 2011, descansan no cemiterio parroquial de Armentón (Arteixo).


FONTES:

CRUZ, JOSÉ M.ª (2016): Los propietarios del castillo de Arnado lo ponen en venta, La Región, 12 de agosto.

FERNÁNDEZ, CARLOS & LEIRACHÁ, VICENTE (1991): Historia del Real Club Deportivo de La Coruña, La Voz de Galicia.

GARCÍA TATO, ISIDRO (2016): El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras), Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos «Padre Sarmiento», Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

________________

1 Leonor faleceu en decembro de 2022 aos 92 anos de idade.

2 Vid. La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955. Páx. 5.

3 Vid. La Voz de Galicia, 9 de novembro de 1954. Páx. 6.

4 Vid. La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1956. Páx. 5.

5 Pedro Sanjurjo Flórez era fillo de Pedro Sanjurjo Pérez, Conde de Torre Penela, maxistrado da Audiencia e deputado ás cortes por Ourense e Bande.

 

JOSÉ AÑÓN, O EMPRESARIO DE VILAÑO QUE FOI PRESIDENTE DO NACIONAL DE MONTEVIDEO E DA CUTCSA

  O Concello da Laracha hai uns anos que tivo a ben dedicarlle unha rúa1 a José Añón Canedo, un home que formara parte daquel continxente de galegos que, a principios do século XX, escolleran o Uruguai como destino para levar a cabo os seus soños. Añón abofé que non ía ter un camiño doado para poder realizalos mais, andando no tempo, a vida deste persoeiro íase transformar nun espello no que mirarse para moitos emigrantes, un claro exemplo da conquista do soño americano xa que acabou converténdose nun dos empresarios e emprendedores máis importantes de toda América Latina.

Imaxe dos anos 50 de José Añón Canedo (La Voz de Galicia)

    Nado o 13 de abril de 1898 no lugar do Pazo (parroquia de Vilaño), José era fillo de José Añón García e María Canedo Golán, proxenitores tamén de Jesús, Francisco, Lino, Francisca, Angustias e Gerardo.

    O noso protagonista, daquela un mociño imberbe, abandona a súa Laracha natal para embarcar cara a Montevideo, cidade a onde emigraran con anterioridade os seus irmáns Francisco e Gerardo. Uns anos máis tarde, sobre 1912, o rapaz de Vilaño volve á península para realizar algúns estudos. Marcha de novo para o Uruguai no 17 ou no 18 e alí, en Montevideo, empeza a gañar a vida traballando xunto a seu irmán Francisco como repartidor de leite dun tambo2 da rúa Guayabos y Minas. Pasado certo tempo, emprégase nun almacén de cereais e forraxes ata que, en 1925, merca un pequeno negocio que logra soster, con pouco éxito, durante dous anos.

    É aí, nesa altura, cando decide, xunto a seu irmán Gerardo e dous socios máis, mercar dous autobuses para cubrir unha das liñas do transporte metropolitano de Montevideo. Corre o ano 1927 e a súa vida ía cambiar para sempre a raíz da súa afiliación ao “Centro de Propietarios de Ómnibus”, unha institución con fins gremiais na cal José Añón se transformaría, en pouco tempo, en dirixente, presidente e líder indiscutido da defensa dos seus compañeiros. Nesa época xa casara coa bergantiñá Dorinda Esmorís Cotelo, matrimonio que tiña o seu domicilio no número 2333 da rúa Ibigaray.

    Tras un tempo de loitas coa “Atlas Electric and General Trust”, a poderosa compañía inglesa de tranvías que pretendía monopolizar o servizo de viaxeiros da capital uruguaia sen atender as demandas municipais de estender as liñas ás aforas da cidade, ao emigrante larachés tocaríalle ser a cabeza visible dese grupo de ex-cocheiros, condutores de taxímetros, etc., que formaban o “Centro de Propietarios”. Este grupo de soñadores, baixo o impulso de José e Gerardo Añón Canedo3, Rogelio Sande -veciño tamén da Laracha- e José Lago Lamas -natural da parroquia carballesa de Sísamo-, xuntaríanse para converterse en alternativa e competir cos tranvías británicos creando unha cooperativa de transportes en Montevideo que, en primeira instancia, se denomina CONAUSA4 para dar paso, o 13 de maio de 1937, á creación da “Cooperativa Uruguaya de Transportes Colectivos Sociedad Anónima, CUTCSA5, unha empresa que naquel intre tiña unha frota que alcanzaba os 526 coches e da que José Añón, copropietario de varios autobuses, sería presidente en varias etapas distintas.

    A pesar de prosperar e de facer a práctica totalidade da súa vida en Montevideo, onde ao pouco de asumir a presidencia da CUTCSA establece o seu domicilio na rúa Blanca del Tabaré n.º 2928, o de Vilaño non esquece nunca as súas raíces. Defensor a morte dos valores democráticos, a súa traxectoria non só se ía cinxir ao eido empresarial, xa que tamén exerce a galeguidade no seu país de acollida, co apoio a múltiples iniciativas de tipo cultural e social relacionadas coa diáspora. Boa proba disto foi a súa presenza coma directivo da Casa de Galicia, así como no Centro Republicano Español, o cal demostra que, a pesar do triunfo de Franco na Guerra Civil, o emigrante larachés ía permanecer sempre inquebrantablemente fiel aos seus principios republicanos e galeguistas, tal e como se pode testemuñar nas fotografías que se conservan das visitas de Castelao ao Uruguai, nas que José Añón Canedo adoita estar presente.

    Mais, se cadra, a maior paixón do empresario da Laracha foi o fútbol, en especial, o Nacional de Montevideo, club no que entrara como directivo en 1940 e que chegaría a presidir entre 1955 e 1961. Durante o seu mandato, o Nacional ía conseguir tres títulos de liga consecutivos6, íase coroar campión do “Campeonato Nacional General Artigas” -un torneo oficial creado coa intención de conseguir a integración entre os clubs capitalinos e os do interior-, ía inaugurar a sede da entidade na Avenida 8 de Octubre, e ía traspasar a varios futbolistas fillos de emigrantes galegos a equipos da liga española, entre eles as fichaxes de Héctor Núñez (fillo de emigrantes de Arteixo) ao Valencia, e de Héctor Rial e José Emilio Santamaría ao Real Madrid.

     Curiosamente un destes traspasos, o de Santamaría, acordárase en terras cercedenses. Segundo lle contara no seu momento o cura Fidel Fernández Bello (natural de Vilaño) ao escritor vimiancés Manuel Suárez, o presidente do Real Madrid, Santiago Bernabeu, enviara un directivo ao Uruguai a negociar a fichaxe do daquela xogador do Nacional. Alí infórmano de que o presidente Añón estaba de viaxe na súa terra natal, feito polo que o emisario madridista regresa a Baraxas en avión e, dende Madrid, viaxa en automóbil ata a parroquia de Rodís, en Cerceda, onde José Añón pasaba uns días na casa dun familiar, Manuel Riveiro Pallas7, que era o párroco do lugar. Alí mesmo, na casa reitoral da aldea de Vilameán, asinan o traspaso sen pisar as oficinas brancas. Santamaría, considerado un dos mellores defensas centrais de todos os tempos, ía gañar nada menos que cinco ligas e catro Copas de Europa co Real Madrid.

 

José Añón, no centro da imaxe, na súa etapa de presidente do Nacional de Montevideo (www.ovacion.digital.com.uy)

    Uns días despois daquela sinatura en Cerceda, o 7 de abril de 1957, José Añón desprazábase ao estadio de Riazor para facer o saque de honra do partido Deportivo-Sevilla, encontro no que a xunta directiva do club herculino lle entregaba ao persoeiro de Vilaño, como recoñecemento ao trato excepcional que lle dispensara á expedición coruñesa na xira que o Deportivo realizara por América do Sur en 1954, o título de Presidente de Honor8.

     Nesa época, dende 1956, Añón participa nunha das iniciativas económicas máis emblemáticas da colectividade galega no Uruguai, o Banco de Galicia, xunto co seu entrañable amigo, compañeiro de militancia republicana e tamén empresario en Montevideo, Jesús Canabal Fuentes (O Pino, 1897-Montevideo, 1985).

    José Añón Canedo sería ata a súa morte, acontecida en Montevideo o 11 de xullo de 1975, unha relevante personalidade nas empresas, entidades e asociacións benéficas da capital uruguaia polos seus cargos de presidente da “Asociación Española Primera de Socorros Mutuos”, chamada así por ser a pioneira no seu xénero en toda América Latina; presidente do Nacional de Montevideo, equipo que presidiría ata 1961; secretario do Banco de Galicia, cargo que ocupou ata que o banco pechou as súas portas en 1966; e conselleiro da CUTCSA que, por aqueles últimos anos 50 e primeiros 60 calculábase que tiña máis de catro mil obreiros e empregados, moitos deles emigrantes galegos. Segundo o escritor carballés Xan Fraga, foi tanta a xente de Bergantiños e doutras partes da xeografía galega que traballou nesta empresa que “a moitos emigrantes cando lles preguntaban a que país ían, contestaban que a CUTSA”9.

    O espíritu do empresario de Vilaño segue moi vivo en Montevideo, cidade onde se inaugurou no ano 2010 a Planta Industrial “José Añón”, situada na avenida José Pedro Varela. Esta planta, de 36.500 metros cadrados, é a sede da infraestrutura de apoio de toda a frota da empresa CUTCSA. 

 

Imaxe da Planta Industrial "José Añón" que a empresa CUTCSA  inaugurou en Montevideo no ano 2010 (www.cutcsa.com.uy)

___________

1 A que une a Avenida de Fisterra coa Avenida de Buenos Aires, unha rúa denominada anteriormente Camiño da Telleira.

2 Leitería.

3 Gerardo estaba casado con Perfecta Crespo López.

4 Cooperativa Nacional de Autobuses Sociedad Anónima.

5 A CUTCSA continúa sendo na actualidade a empresa encargada do transporte urbano de pasaxeiros de Montevideo.

6 1955, 1956 e 1957.

7 O parentesco era por parte de Francisco Canedo Riveiro, avó materno de José Añón.

8 A xunta directiva do Deportivo xa acordara conceder tal distinción o 5 de agosto de 1954.

9 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (1999): Crónicas de Carballo I, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, p. 64.

 

O CAOLÍN BERGANTIÑÁN DE LAXE E A LARACHA

   As rocas que son ricas en caolinita son coñecidas como caolín, palabra que deriva do nome chinés da montaña Kao-Ling Shan, situada a 50 quilómetros ao sueste de Jingdezhen (provincia de Jiangxi, China), dende a cal se embarcou por primeira vez este mineral a Europa para usos cerámicos.  

  O caolín é un mineral arxiloso de alta plasticidade, brancura e baixa condutividade térmica. As súas propiedades únicas convérteno nun material valioso en diversas aplicacións polo que é amplamente utilizado na fabricación de pinturas, produtos farmacéuticos, cosméticos, papel ou cerámica, onde desempeña un papel destacado na elaboración de porcelana e dunha gran variedade de obxectos como vaixelas, porcelana eléctrica, sanitarios, tellas de alto grado ou ladrillos refractarios. Cando se mestura con outros materiais cerámicos e se coce, o caolín proporciona plasticidade ao proceso, permitindo a manipulación e modelado da arxila. Ademais, confire unha resistencia excepcional tanto durante a cocción como no resultado final pola súa capacidade de soportar altas temperaturas durante todo o proceso de fabricación.

 

Caolín (Foto: Shutterstock)

   Historicamente, hai dúas zonas de extracción de caolíns en Galicia. Unha na contorna da Mariña lucense, con explotacións en Cervo, Burela e Foz; e outra na Costa da Morte, nos municipios de Vimianzo e Laxe, onde as minas alí establecidas adquiriron especial importancia a raíz da Segunda Guerra Mundial. 

 

Caolín calcinado (Foto: iStock)

    O caolín de Laxe destacaba polo súa excelente calidade, o que permitía o seu uso tanto para cerámica fina como para carga na industria do papel. O grande impulsor da explotación laxense fora o enxeñeiro de minas inglés John James Rosewarne, natural do condado de Cornualles, que chegara a Galicia en 1878. Tras un breve paso por Ferrol e A Coruña, o británico centra a súa atención na mina de ouro de Corcoesto, desenvolvendo nos primeiros anos do século XX un intenso traballo na procura de explotacións mineiras ao longo de toda a xeografía galega. Nesa época tiña establecido o seu domicilio en Zas, onde casara con Juana Vidal García, veciña da parroquia de Muíño1. Visionario coma poucos, entre 1900 e 1920 percorre toda a Costa da Morte e realiza traballos de prospección en antigas minas abandonadas procurando calquera mineral que se puidese comercializar nos mercados internacionais: ouro, estaño, volframio, caolín… Rosewarne traballa as minas de ouro de Corcoesto, en Cabana, as minas de ouro de Vila e Meanos, no municipio de Zas, as minas de Grixoa, en Santa Comba, as de Mazaricos, a do Rapadoiro, en Noicela (Carballo), e, ademais, é un dos primeiros descubridores do potencial mineiro de Monte Neme, aínda que no momento de realizar as catas o volframio non é un mineral especialmente valioso e non lle dá demasiada importancia.

   En 1923 John James Rosewarne funda con varios socios a empresa Kaolines de Lage, dedicada á explotación de caolín e constituída en Laxe por escritura pública outorgada o 30 de xullo dese ano, a fe do notario de Tella (Ponteceso) Modesto Vázquez Amarelle. Integran a sociedade o propio Rosewarne, Víctor Landesa Doménech, Enrique Ferreiro Pondal e Plácido Vidal Díaz, e nomease administrador ao irmán dun dos socios, Celestino Vidal Díaz. A constitución da empresa no ano 1923 non faiis que ratificar algo que xa era unha realidade desde antes de 1920: a existencia dun grupo empresarial radicado en Laxe que tiña como obxecto a explotación da mina de caolín situada na vila.

    Unha vez formada a sociedade, por unha banda John James Rosewarne e Plácido Vidal Díaz2 son os que realizan o traballo de campo, a produción e loxística da empresa: contratación, explotación e transporte do material ata o seu destino. E polo outro lado, Enrique Ferreiro e Víctor Landesa empregan os seus contactos e relacións sociais para conseguir compradores de caolín.

   Rosewarne está en contacto cos ingleses que traballan a mina de San Finx, en Lousame, e mantén lazos estreitos con xente importante da época no sector mineiro. É amigo e socio en varios negocios de Sergio Rivera Chao, natural das Pontes e un dos precursores da industria mineira en Galicia, con quen amplía horizontes desprazándose a Lugo e a Ourense na procura de antigas minas de ouro xa traballadas polos romanos. Negocia con compañías francesas, británicas e alemás e con empresarios locais tanto a explotación das súas concesións mineiras como a súa venda. Actúa, ademais, como delegado de empresas inglesas como a Dome Mining Corporation, Limited, Tyne Side Alloys Co. ltd e Jones Picken & Brown, ao mesmo tempo que realiza negocios pola súa conta e risco3

 

Retrato de J.J. Rosewarne na súa vellez, cando residía en Zas. Cedida pola bisneta Cristina Rosewarne e incluída no traballo publicado na revista De Re Metallica por Santiago Tuñas (La Voz de Galicia)

    Inicialmente, son varios os problemas a superar polos socios de Kaolines de Lage. Ois grave era a falta de liquidez para dotar as instalacións de toda a maquinaria necesaria que lles permitise optimizar a extracción de caolín, con obxecto de mellorar o rendemento e de rebaixar os custes de produción. A instalación dun lavadoiro convértese nunha das prioridades, mais este proxecto ía ser difícil de asumir a causa dos custes e da inseguridade que representaba o feito de non ter uns pedidos mínimos asegurados.

    Posteriormente, grazas ás xestións de Víctor Landesa, a sociedade chega a un acordo coa fábrica de louza de San Claudio, en Asturias, para utilizar os seus lavadoiros. Naqueles tempos pretéritos o transporte do material realizábase por mar e dependía moito das circunstancias meteorolóxicas, así como da dispoñibilidade dos barcos de cabotaxe da época.

    Paseniño, ao tempo que Enrique Ferreiro e Víctor Landesa seguían buscando mercados onde colocar o caolín de Laxe, a empresa empeza a consolidarse tras conseguir pedidos regulares da fábrica asturiana de louza de San Claudio. Nesa mesma época tamén se envían mostras de caolín bergantiñán ás empresas Benguria y Figuerola (Xixón), Altos Hornos (Bilbao), La Cartuja (Sevilla), Cerámica de San Juan de Aznalfarache (Sevilla), Papelera de Pasaia (Guipúzcoa) ou, entre outras compañías, á Sociedad General de Productos Cerámicos (Bilbao).

    O aumento dos pedidos ía facer que as instalacións de Laxe logo quedasen obsoletas. Tras certos vaivéns da sociedade, en febreiro de 1925 chégase a un acordo en virtude do cal Enrique Ferreiro e Víctor Landesa fanse co 50% de Kaolines de Lage. Dous anos despois falece John James Rosewarne e realízase unha liquidación, a partes iguais entre os socios, das propiedades comúns.

    A empresa refúndase en 1930, decidíndose naquel entón a instalación dunha planta de tratamento nas instalacións, co obxecto de evitar os custes que supoñía o transporte de estériles (areas e micas). Isidro Parga Pondal, natural de Laxe, faise cargo en 1938 da dirección, levando a cabo importantes investigacións sobre os xacementos galegos, desta e outras substancias, a través do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, que creou na propia vila en 1940. Con Parga Pondal Kaolines de Lage comezaría a vivir os seus grandes momentos de gloria. 

 

Instalacións das minas de caolín de Laxe (José Mª Vidal García)

    Nesa época Víctor Landesa Doménech, militar de carreira que en 1926 era comandante de artillería, tivo unha grande importancia na procura de empresas compradoras de caolín en toda a cornixa cantábrica. Este home, que estivera destinado na fábrica de armas de Trubia en Asturias, tiña unha tupida rede de amigos e coñecidos que se estendía desde Asturias, pasando por Santander ata os Altos Hornos de Bilbao. Debido ás súas múltiples ocupacións viaxaba moito por todo o territorio estatal. Entre 1937 e 1939 foi coronel director da fábrica de armas da Coruña en substitución doutro importante personaxe moi relacionado coa empresa Kaolines de Lage, José María Fernández Ladreda4, quen sería ministro de Obras Públicas entre 1945 e 1951.

    Temos constancia de que por aqueles días na Laracha tamén se extraía caolín na parroquia de Lendo, algo que xa se viña realizando desde certo tempo atrás. Faría algunha cata John James Rosewarne cando explotou en Noicela a próxima mina do Rapadoiro? Sería algún dos empresarios nomeados anteriormente o impulsor das primeiras extraccións en Lendo? Son preguntas ás que se cadra nunca obteremos resposta, mais, con todo, queremos deixar enriba da mesa as informacións que nos contaron varias das nosas fontes orais sobre este particular.

    José Aldao, veciño do Campo da Porta (Lendo) nacido en 1936, afirma que “cando eu era rapaz un señor da Coruña, que non sei como se chamaba, levaba o barro blanco deste burato de aí (sinala cara o actual barreiro de Cerámica Campo) para o porto da Coruña. Daquela os camiños eran os que eran e aínda non había a carretera que hai hoxe. Primeiramente o barro transportábase en carros ata O Cancelo e despois, desde alí, levábano en camións ata muelle. Pagábano ben, se non recordo mal, creo que a 25 pesetas cada carro”.

    Antonio Fuentes Varela, que xa vos adianto que é un dos grandes protagonistas do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño (no que levamos traballando case en dous anos en colaboración co Concello da Laracha), contounos que “o caolín de Lendo ía para o País Vasco. Mandábao para aló, por medio dun intermediario, miña tía Carmen Queijeiro Lista, a quen todo o mundo coñecía como Carmela do Campo da Porta. Esta muller era media irmá de miña nai, María Varela Lista. Carmela e o seu home Abelardo vendían ovos, galos, criaban ovellas, cochos… non tiñan problemas económicos. Para aqueles tempos, ela era moi espabilada e estaba ben asesorada porque xa che tiña o seu avogado. Non sei se sería por medio deste home ou doutro intermediario, pero o caso é que o caolín do seu monte, que estaba cerca do que hoxe é o cruce de Baldaio, levábano para o País Vasco. Eu este conto téñollo escoitado moitas veces a miña tía, porque eles non tiñan fillos e, cando era neno, pasaba moito tempo na súa casa”.

    Aqueles primeiros pasos da extracción da arxila branca en Lendo ían dar pé á aparición en escena dun empresario do sector da cerámica de Pontevedra que xa levaba varios anos traballando con éxito na comarca do Salnés. Falamos de Epifanio Campo Núñez, que chegou á Laracha a mediados dos 50 para comprar o xacemento de caolín a carón do cal construiría, andando no tempo, as instalacións de Cerámica Campo. Unha empresa coa que A Laracha tivo un pasado ben distinto ao futuro que agora se lle presentaba.  

  De Epifanio Campo Núñez falaremos ao longo das próximas semanas.

 

Imaxes do voo americano de 1956-57 e PNOA de 2020 nas que podemos observar a metamorfose dos últimos sesenta anos do xacemento de caolín de Lendo -nº 1- e do barreiro que tiña José Manuel Ferreira na zona da Rega -nº 2-, actualmente convertido en lagoa (https://mapas.xunta.gal/visores/basico)

__________

1 Garrido Rial, Santiago (2023): “John Rosewarne, el minero inglés que desde Zas siguió los pasos de Plinio”, La Voz de Galicia, Carballo, 12 de marzo, p. L3.

2 Pai do famoso fotógrafo José M.ª Vidal García.

3 https://savonarolamiscelanea.wordpress.com/2012/11/11/sociedad-minera-kaolines-de-lage-s-l/

4 O fillo de José María Fernández Ladreda, Victoriano Fernández Ladreda, era afillado de Carmen Polo.

 

EPIFANIO CAMPO NÚÑEZ, O FUNDADOR DE CERÁMICA CAMPO (1ª parte)

Na procura dunha mellor vida, na década dos 50 moitos laracheses facían a maleta da emigración cara a América, destino que posteriormente se ía cambiar cara a unha Europa moi necesitada de man de obra, nun tempo no que os emigrantes da Laracha apostaban maioritariamente por Suíza. O sustento das economías domésticas das persoas que decidiran quedar aquí viña dado, ao igual que en tempos pretéritos, pola gandería, a agricultura de subsistencia e o autoconsumo, algo de madeira e a pesca, sector do que vivían ducias de familias de Caión. Por aquel entón, a chegada de Epifanio Campo Núñez á Laracha foi como un agasallo caído do ceo para máis de 200 persoas do municipio e da bisbarra, moitas delas mulleres, que tiñan por primeira vez na súa vida salarios decentes, pagas extra e seguridade social.

Mapa a escala 1/25.000  no que figura a fábrica de Cerámica Campo

    Epifanio Campo Núñez nacera no ano 1915 en Puente de Domingo Flores, municipio da comarca leonesa de La Cabrera, integrado no Consello Comarcal do Bierzo. Situado nos lindes coa provincia de Ourense e atravesado pola estrada N-536 que une Ponferrada co Barco de Valdeorras, das entrañas das súas terras sae a lousa que dispara o produto interior bruto da comunidade de Castela e León. O noso protagonista era o maior dos cinco fillos (Epifanio, Carmita, África, Juanita e Antonio) de Demetrio Campo e de María Núñez, matrimonio que se dedicaba ao viño e que tiña unha tenda de comestibles.

    O futuro empresario pasa a súa infancia e xuventude alí, sendo testemuña directa do poderío económico que xeraba a cunca mineira berciana, sector no que Epifanio empeza a traballar de mozo, como así nolo confirma unha información publicada en La Región en 1935:

SUCESOS
UNA CARTERA QUE DESAPARACE
En Comisaría se presentó en la mañana de ayer Epifanio Campo Núñez, soltero de 20 años de edad, chófer.
Denunció que había llegado a Orense, conduciendo un camión con cargamento de carbón.
Procedió a realizar las operaciones de descarga y seguidamente se fué a comer a un bar en compañía de otras personas.
Poco después tomó el camino de regreso al punto de procedencia, pero cuando llevaba andado algunos kilómetros, observó que del bolsillo del mono le había desaparecido la cartera, en la que llevaba 300 pesetas y su documentación personal y la del coche1.

    Pouco despois deste incidente, cando soaban os tambores da guerra, cumpre coas obrigas castrenses e realiza o servizo militar en Pontevedra. Na cidade do Lérez coñece a Amalia Méndez Tacón, moza de Vilalonga (Sanxenxo), que era filla de José Mª Méndez y Méndez, industrial e correspondente do Faro de Vigo, e Peregrina Tacón Fernández.

    Despois de darse o “si quero”, Epifanio e Amalia establecen o seu domicilio en Vilalonga, unha zona cunha importante tradición de industria cerámica desde o século XIX, na que o emprendedor do Bierzo adquire varias concesións mineiras para a explotación de arxilas, caolíns e feldespatos, que comercializaría como materias primas para o sector cerámico.

    En Vilalonga, no lugar da Fianteira, xa levaba anos traballando a fábrica do enxeñeiro asturiano Justo Guisasola Vigil. Nomeada como Cerámica de Dena, esta industria xa estaba dotada con forno semicontinuo tipo Hoffmann e producía dende 1911 tella (rústica e alacantina), ladrillo refractario, tubaxe de gres, louza policromada e material sanitario, e daba ocupación no complexo mineiro industrial a máis dun centenar de homes e mulleres. Outro dos empresarios do sector asentado dende había tempo nesta parte do Salnés era o vilagarcián Eduardo Viqueira Cores. Con permiso de exploración mineira outorgado xa en 1912, en 1927 concedéraselle licenza para a construción dunha fábrica de ladrillo e tella na praia de Vilalonga, máis coñecida como A Sequiña. Dotada tamén con forno semicontinuo tipo Hoffmann, a prensa da época informaba que producía tella e ladrillos de construción, tipos Borgoña, perforado, rasilla etc., “fabricados con materia prima excelente de las renombradas arcillas de Dena”2.

     Con este panorama de competitividade e partindo de cero, Epifanio Campo iniciaba nos duros anos da posguerra unha tarefa que andando no tempo cristalizaría na firma máis importante da cerámica industrial de toda a xeografía galega. O grupo Cerámica Campo acababa de nacer. 

 En 1942 Epifanio instala na marisma da Arnosa, ao poñente da Fianteira, unha fábrica de produtos cerámicos destinados principalmente ao sector da construción baseada, como as fábricas de Guisasola e Viqueira, na calidade das arxilas locais. Nos seus inicios, a industria de Campo contaba cunha capacidade de produción dunhas 30.000 toneladas anuais e daba emprego a unhas 150 persoas, liberadas así da emigración.

 

Publicidade dos anos 40 da fábrica que Epifanio Campo Núñez posuía en Vilalonga (La Noche, 26 de maio de 1948, p. 3)

    En todo momento Amalia foi intelixente conselleira, eficaz colaboradora e muller sacrificada á tarefa emprendida polo seu marido. Sen o seu consello e apoio nos momentos difíciles, Epifanio probablemente non acadaría as cimas que conseguiría co transcurso dos anos. O novo empresario daquel entón decide percorrer países para observar e aproveitar experiencias de grandes factorías da rama que cultivaba. Aquela aprendizaxe levaríao, anos máis tarde, a apostar polo futuro e a innovar con grandes tecnoloxías importadas como o forno Hoffmann e a introdución de secadoiros nas súas instalacións da Arnosa que permitían unha cocción máis uniforme e obter un material de maior calidade.

    Epifanio era un home cunha gran visión comercial. Un día dixo:

    - Queredes barro? Pois nada, ides ter barro!

     E así foi como se empezou a cocer en Vilalonga o que lle chamaban chamota, un barro que se cocía ata que non lle quedase ningún tipo de propiedade orgánica e que se utilizaba en diferentes mesturas arxilosas. Tamén se moía para darlle unha maior estrutura ao refractario, outorgándolle a capacidade de soportar altas temperaturas. Unha vez preparada, a chamota cargábase posteriormente nos barcos que transportaban o material a destinos como Valencia, onde o único que tiñan que facer era descompoñer nos muíños o material novamente para fabricar unha louza de calidade.

     A mediados dos anos 50 íalle xurdir unha oportunidade de negocio na Laracha, onde comeza a realizar unha actividade extractiva nos xacementos de arxilas de Lendo. Primeiramente compra a mina de caolín da que xa falamos a semana pasada nestas Crónicas da Laracha, situada nas proximidades da zona da encrucillada que vai para Baldaio, nunha leira denominada Cabeceira, da cal Pedro Esmorís Rodríguez recorda que “cando Epifanio veu para aquí, ao principio vendía no barro para A Coruña. Tiña varios carreteiros que lle carretaban durante o verán o material desde Lendo, desde o barreiro que hai para alá da nave do ferro. O barro dese barreiro era blanco e dicían que era moi especial, que valía para facer louza. Ese barro non servía para facer tellas e ladrillo, era para mezclar como o que lle bota leite ás papas. Mezclábano con outros barros, porque senón rebentaba. Traíano ata O Cancelo, ata onde está o estanco, e aí facían unha morea. Despois cargábase en camións e levábano para o porto da Coruña, e desde alí dicían que o levaban para Alemaña. Ao pouco de vir xa empezou a arreglar a carretera, que hoxe aínda hai xente que lle chama ‘a carretera de Epifanio’. Era moi querido por aquí porque dou moito traballo. Era bo home. Eu creo que botou seis ou sete anos vendendo dese barro branco antes de montar a fábrica”. Un dos carreteiros dos que nos fixo alusión Pedro Esmorís era José Aldao, veciño do Campo da Porta (Lendo) nacido en 1936 que nos dixo que “Epifanio pagaba cada carro a cinco pesos”.

(CONTINUARÁ...)

___________

1 Vid. La Región, Ourense, 9 de xuño de 1935, p. 7.

2 https://www.asociacionbuxa.com/patrimonio/detalle/714


EPIFANIO CAMPO NÚÑEZ, O FUNDADOR DE CERÁMICA CAMPO (2ª parte) 

Segundo o testemuño de varias persoas da bisbarra, o destino final do caolín extraído en Lendo tanto era o mercado estatal (faláronnos dos Altos Hornos de Vizcaya e da Cartuja de Sevilla) coma o internacional (todas as persoas entrevistadas dixeron que se exportaba a Alemaña e ata houbo alguén que nos comentou que foi algún barco para China). Ao principio o caolín sacábase a granel. Eran tempos de rudos esforzos de pico e pala nos que non había ningún tipo de instalacións de moenda. Como curiosidade desa época, Manuel Verdía recordaba que “Epifanio tiña o costume de meter o caolín na boca para saber se tiña areas. Ese barro mandábano para Alemaña para facer os enchufes e interruptores de cerámica e non podía levar areas, por eso o metía na boca”.

Panorámica actual do barreiro de Cerámica Campo en Lendo. Á esquerda da imaxe, cunha tonalidade branca, vemos o xacemento do caolín no que Epifanio Campo Núñez comezou a súa andaina na Laracha nos anos 50 (Brais Maceiras)

     Antonio Fuentes contounos que, tras certo tempo traballando no barreiro daquel xeito rudimentario, “Epifanio comprou un par de camións de tres eixos e contratou a moita xente da Laracha. Despois fíxolles a carretera desde San Román ata a igrexa de Lendo. Nesa época foi cando se deixou de traballar a pico e pala e trouxo uns compresores, un martillos de aire para picar nese barro duro. Eso creo que foi entre mediados e finais dos 50”.

    Ao tempo que exportaba o ouro branco de Lendo, actividade que realizou durante seis ou sete anos, Epifanio ía asentando as bases para a expansión da empresa coa compra de terreos próximos ao barreiro de caolín, moitos deles propiedade dos de Montes Claros. Coa idea de ampliar no futuro máis inmediato a súa actividade mineira coa explotación de novos xacementos de arxila, naquela altura ía levar a tan necesaria electricidade á mina, feito do que dá fe a seguinte información que localizamos no Boletín Oficial do Estado:

Nuevas instalaciones eléctricas1
Peticionario: Hidroeléctrica de Laracha.
Objeto de la petición: Instalar dos lineas de alta tensión a 30.000 V., las cuales funcionarán en su día a 15.000 V.. que partirán de la subestación de conexión con Fenosa. La primera de estas lineas, de 3.830 metros de longitud, dará servicio a una mina situada en Bragunde (Laracha), propiedad de don Epifanio Campo, y la segunda, de 3.080 metros de longitud, terminará en los lugares de Teijoeira y Vilar, en donde se instalará un centro de transformación de 70 KVA. relación 30.000 15.000 ± 5 por 100/220-127 V., para el suministro, de energía a un aserradero.
Presupuesto: 307.810 pesetas.
Se emplearán materiales de procedencia nacional. Se hace pública esta petición para que los industriales que se consideren afectados por la misma presenten los escritos que estimen oportunos debidamente reintegrados y por duplicado, dentro del plazo de diez días, en las oficinas de esta Delegación de Industria, calle de Fernando Macias. número 35, primero.
La Coruña, 17 de enero de 1959.—El Ingeniero Jefe, Mariano Miaja.

    Epifanio Campo Núñez, empresario nato e home de negocios en toda regra, non tardou en construír no lugar de Raxido, nos lindes das parroquias de Lendo e Cabovilaño, unha planta para a fabricación de ladrillos de diversos formatos e outros produtos cerámicos para o sector da construción. A actividade industrial desta fábrica, que contará cunha produción de 30.000 toneladas anuais, seguiría complementándose coa inicial, é dicir, coa venda de arxilas refractarias e lignitos ao mercado estatal e a países como Francia, Italia e, como recordaban algunhas das persoas entrevistadas, a Alemaña.

 

Imaxe actual da cheminea da primeira fábrica que a empresa Cerámica Campo construíu na Laracha

    A inauguración da nova planta da Laracha ía resultar estratéxica para satisfacer a demanda de ladrillos e outros produtos cerámicos por parte do sector galego da construción. Así, mentres a fábrica da Arnosa abastecía o mercado da zona sur de Galicia, a factoría de Lendo facía o propio no norte da xeografía galega.

    Naquela época Epifanio e Amalia andaban a cabalo entre A Laracha e Vilalonga, onde residían nunha casa do centro da vila cos seus tres rapaces. Ao non ter fillos biolóxicos, o matrimonio decidira converterse nos pais adoptivos do seu sobriño e afillado Epifanio Campo Fernández 'Nené', que era fillo de Antonio, o irmán de Epifanio, de Mary, que era filla de África, unha das irmás de Epifanio, e de Loly, que era filla dun matrimonio do Grove.

     Por aqueles días, a finais dos 50, a fábrica da Arnosa experimenta unha primeira ampliación coa instalación dun forno Hoffman e outros avances tecnolóxicos do momento que se inaugurou, de forma máis ou menos oficiosa, o día 1 de maio de 1961. Consciente da carencia de medios científicos e técnicos que sufría o seu sector, naquela xornada Campo Núñez exercera de anfitrión da primeira conferencia de estudos cerámicos, que o noso protagonista organizara en Vilalonga coa Agrupación de Fabricantes de Materiais Cerámicos da provincia de Pontevedra, en colaboración coa Sociedade Española de Cerámica (creada o ano anterior) e con varios membros do Departamento de Silicatos do Patronato “Juan de la Cierva” de Investigacións Científicas. Durante a conferencia, algún dos empresarios alí presentes falaron, entre outros temas de interese para o ramo, da urxente necesidade da creación dunha Facultade de Ciencias Cerámicas para que cada ano saísen da Universidade polo menos quince enxeñeiros ceramistas, tan necesarios no sector. Curiosamente, anos despois íase apostar en Cataluña polo adianto tecnolóxico do ramo coa implantación dunha mestría que formaba persoal para traballar nas cerámicas como instrumentalistas e no control de máquinas. Como xa dixemos, Epifanio había pouco que inaugurara en Vilalonga a Nueva Cerámica Campo e, despois da conferencia, levou aos máis de sesenta ceramistas alí presentes, algúns deles portugueses, e a catro científicos relatores, de visita polas súas novas instalacións, feito sobre o que informaba a prensa da época do seguinte xeito:

(…) Inmediatamente la caravana, compuesta por una veintena de automóviles se puso en camino hacia la Nueva Cerámica Campo, propiedad del magnífico anfitrión, don Epifanio Campo Núñez.
Hemos visitado detenidamente todas las instalaciones de este centro modelo de fabricación de ladrillo, y aprovecharon el momento los científicos a quienes acompañabamos para explicar practicamente casos y dudas que en la conferencia se había tratado.
Guiados por el prestigioso industrial don Epifanio Campo, todos los asistentes a la conferencia fuimos viendo y escuchando las explicaciones, interesantísimas, sobre el funcionamiento de cada máquina y el proceso de fabricación de ladrillos. Llamó poderosamente la atención de los invitados una máquina cortadora de ladrillos que, según el Sr. Martín Lázaro, es lo más perfecto que se ha fabricado hasta la fecha.
(…) Desde estas columnas damos las mas expresivas gracias a los hombres que hicieron posible esta jornada del 1 de mayo; en primer lugar a los cuatro científicos, que no vacilaron en acudir a Villalonga, soportando un largo y duro viaje, que les hizo llegar a este rincón de España con el cuerpo molido y cansado, pero con el espíritu y la mente prestos a dejar constancia de su valía y de sus desinteresadas intenciones de favorecer a esta importante rama da la industria nacional que es la cerámica.
En segundo lugar, a este gran hombre que es don Epifanio Campo Núñez, que sacrifica de sus intereses todo cuanto le sea pedido por el bien de sus obreros, a los que cada año reúne en larga mesa, dispuesta en una de las naves de su moderna cerámica, y regala con una comida de confraternidad y amistad leal y verdadera, de amo que vive con su obrero y siente las mismas fatigas y anhelos que anidan en el corazón del trabajador. Hace poco adquirió para cada obrero y empleada una bicicleta, que donó graciosamente al trabajador para que el camino desde su casa al trabajo le fuese más corto y agradable. Don Epifanio Campo Núñez recabó para si el sacrificio del montaje de esta primera conferencia de Estudios Cerámicos, con los copiosos gastos que originó, y de la cual es de esperar que surjan grandes beneficios para toda la industria cerámica nacional (…)2

    Paralelamente, nas novas instalacións de Lendo, que tiñan unha fermosa estrutura da que aínda se conserva a cheminea a día de hoxe, traballaban centos de homes e mulleres do municipio da Laracha e do resto da comarca bergantiñá. Pepe 'O Labrador' recorda quecando Epifanio construíu a fábrica, as primeiras mulleres que contratou marcharan da de Ferreira. Xa estaban ben preparadas e tiñan experiencia na fabricación de ladrillo. Ofrecéralles unhas pesetas máis e por eso moitas delas foron para alí”.

(CONTINUARÁ...)

__________

1 Vid. Boletín Oficial del Estado, Madrid, 31 de xaneiro de 1959, Núm. 27, p. 1.881.

2 Vid. El Pueblo Gallego, Vigo, 3 de maio de 1961, pp. 8-9.

 

EPIFANIO CAMPO NÚÑEZ, O FUNDADOR DE CERÁMICA CAMPO (3ª parte) 

   Na década dos sesenta a actividade extractiva promovida polo fundador de Cerámica Campo íase ampliar de novo, esta vez coa explotación a partir de 1965 dos xacementos mineiros comprados no val das Encrobas a labregos desta zona do municipio de Cerceda e, en gran medida, aos Riobóo, unha das grandes familias da nobreza galega, responsables do levantamento nos albores do século XVI das Torres do Allo (Zas)1.  

  A partir da segunda metade destes anos sesenta dos que estamos a falar, grazas á inxente xornada laboral nas instalacións, con tres quendas de traballo diarias e cunha numerosa flota de camións que transportaban material día e noite, traballaron en Lendo entre 250 e 300 persoas, moitas delas chegadas como antigamente, na época das telleiras tradicionais, dende o Baixo Miño. Pepe 'O Buraco' contounos que “ao principio Epifanio tivo algún problema cos operarios da zona da Laracha para desencañar o ladrillo porque, claro, o forno túnel cocía a dous fogos e a xente de aí non lle aguantaba polas altas temperaturas. Por iso tivo que botar man da xente de Pontevedra, que estaba máis afeita a ese tipo de traballos

 

Panorámica dos anos 60 da primeira fábrica de Cerámica Campo na Laracha. Obsérvese que aínda non se explotara o lugar que actualmente ocupa a siderúrxica Celsa Atlantic. Na imaxe podemos comprobar que a explotación mineira de Epifanio centrábase na zona onde se empezara a explotar inicialmente (FOAT, S.L., Delegación Asturias, Refª 9151/1)

    Segundo as informacións de 'Buraco', algúns dos obreiros baixomiñotos que traballaron en Cerámica Campo nesa época foron José Dorna Barbosa, natural de Fornelos (O Rosal) que estivo durante 1969 cargando ladrillo a destagho nos camións, José Álvarez Alfonso, veciño de Novás (O Rosal) que traballou en Lendo dende 1970 ata 1972, época na que tamén estaba Marcial González Rodríguez, natural de Pancenteo (O Rosal), José Rodríguez Rodríguez, veciño de Novás, José Álvarez Loureiro, de Marzán (O Rosal), Enrique Martínez Valladares, veciño tamén do lugar de Marzán, Modesto Flórez Rodríguez, de Novás, Vicente Correa Pereira, de Marzán, José Manuel Fernández Costas, operario de Novás que traballou na de Epifanio nos primeiros anos 70 -do cal aínda se acordan en Lendo cando, na compaña de Modesto Flórez Rodríguez, José Álvarez Loureiro e Vicente Correa Pereira, quixo entrar na igrexa parroquial de san Xián pola Pascua cun enorme ramo de loureiro ao que finalmente lle tiveron que cortar un bo anaco para acceder ao interior do templo-, Evaristo Fernández Martínez, veciño de Fornelos (O Rosal), Manuel Alonso González, tamén coñecido como 'Manolo de Milia’, operario natural de Novás que casou en Razo (Carballo) con María Castro Miréns, os irmáns Juan e Alfonso Vicente Armán, veciños do Rosal, Vicente Alonso Martínez, natural da Lomba (O Rosal), ou Benedicto Cardoso Martínez, veciño coma o anterior do lugar da Lomba que xa traballara de mozo nunha telleira de Malpica, onde deixara embarazada unha rapaza da zona. “De feito -contounos Pepe 'O Buraco'-, cando estivera na de Epifanio en Lendo, foi a Malpica e intentou localizar o fillo pero non dera con el porque seica andaba embarcado. Benedicto vivía nunha chabola con Vicente Alonso Martínez e cos irmáns Juan e Alfonso Vicente Armán. Un domingo pola tarde, cando durmían a sesta, petan na porta da caseta. Era o fillo de Benedicto, que ao vir do mar e ao saber que o andaba buscando desprazárase ata Lendo coa súa muller para coñecer a seu pai”. 

 

Imaxe das instalacións da primeira fábrica de Cerámica Campo en Lendo. Obsérvese o secadoiro á esquerda do material e o forno á dereita (Cortesía da familia Campo Sáez)

      O Salnés2 foi outra das comarcas de Pontevedra dende a que chegara numerosa man de obra á Laracha para traballar nas instalacións de Cerámica Campo. Un daqueles operarios foi Jacinto Meniño Álvarez, que nos recibiu coa maior das amabilidades no seu domicilio de Lendo na compaña do seu fillo Jesús, tamén empregado da empresa dende hai case de 25 anos. Jacinto, nacido en Meaño en 1949, contounos que “antes de vir para aquí eu traballaba en Vilalonga na fábrica de Guisasola. Empezara alí con 11 ou con 12 anos metendo ladrillo no forno, que cando viñan os inspectores había que marchar para o monte para que non nos viran traballando (risas). Nós eramos doce irmáns, oito homes e catro mulleres. Os homes traballabamos todos na de Guisasola con papá, que tiña alí os fornos contratados. En 1967, cando estaba cumprindo os 18 anos, empecei con Epifanio Campo en Lendo, que eu penso que a primeira fábrica empezara a funcionar en 1960. Naquela época viñéramos moitos operarios de Meaño a traballar aquí. Non sei se me acordarei de todos, pero viñera meu irmán Celso, Minguillo, Luís 'da Ghandra', Doro (Teodoro), Eligio, Arturo, Nené, Tino, Isidoro, Manuel Meis 'Marabillas', Enrique, José de Adelina, que este era natural de Cambados… Estabamos todos na pensión que había no Cruceiro de Lendo, que naquela hora o bar do Cruceiro era taberna, salón de baile e pensión. Precisamente, eu coñecín alí a miña muller, Herminia Piñeiro, que traballaba no bar axudando coas comidas. Outros operarios do Salnés que acabaron casando na Laracha foron meu irmán Celso, Arturo, Marabillas, Doro, Luís da Ghandra e José de Adelina. Recordo que na de Epifanio tamén había moita xente da Laracha, que os de Montemaior non podía vir traballar cada vez que nevaba; había operarios de Razo, de Meirama, de Coristanco, da Agualada e tamén había xente do Baixo Miño, que eu desta zona soamente acordo a Manolo e a Celso. Nalgún momento chegamos a ser cerca de 300 persoas as que traballamos alí. Daquela fabricábase ladrillo, bovedilla, refractario… Facíanse tres turnos ao día e xente andaba a destagho. Cando viñemos para aquí os do Salnés, ao principio traballamos no forno porque, claro, non todo o mundo valía para soportar aquelas temperaturas de máis de 1.000º. Cocíase con serrín e despois xa se meteu fuel. Co tempo tamén se coceu con casca moída, con aceite, con carbón das minas… A ampliación do forno da fábrica vella fíxose cando eu xa levaba algún tempo aquí. Recordo que, ao pouco de empezar, a empresa comprara uns vinte camións todos xuntos. Os camións arrimábanse ás vagonetas e cargábase o ladrillo a man. Aquelo era un formigueiro de xente. Eu traballei sempre na fábrica vella e fun varios anos o encargado do turno de noite”.

 


 


Extracción de arxilas a principios dos anos 70 no barreiro de Lendo (Cortesía da familia Campo Sáez)

(CONTINUARÁ...)

_____________

1 Tras o falecemento de Francisca Riobóo Alvárez, acontecido en 1919, e debido ás mortes dos seus fillos Víctor López Riobóo, en 1903, e Luis López Riobóo, en 1920, os seus netos Luis López-Riobóo Tenreiro e Víctor López-Riobóo y Castro de Figueroa herdaron as súas propiedades en Cerceda, entre elas os pazos de Gontón e Soriga, respectivamente, ademais dos terreos que lle acabaron vendendo a Epifanio Campo Núñez.

2 A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa son os municipios que conforman a comarca do Salnés.

 

EPIFANIO CAMPO NÚÑEZ, O FUNDADOR DE CERÁMICA CAMPO (4ª parte e fin)  

   Na década dos 70 Cerámica Campo ía reforzar a súa capacidade de abastecemento de arxilas de primeira calidade coa adquisición, na costa de Vilalonga, dos barreiros de Guisasola e de Viqueira, que cesaran anos antes a súa explotación e a fabricación de materiais de construción. Á parte destes xacementos, Epifanio Campo Núñez adquire, ademais, as fábricas asociadas a eles, “Cerámica de Dena” de Guisasola y Cía (1910) eA Sequiña” de Viqueira Cores (1929). Por aqueles días tamén compra a fábrica de “Cerámica San José”, situada no lugar das Lagoas, no termo municipal de Narón (A Coruña). Nesta localización construirá unha moderna fábrica de ladrillos e tellas que estaría operativa ata a década de 1990.

Epifanio Campo Núñez no seu despacho da fábrica vella de Lendo (Cortesía da familia Campo Sáez)

    Naquela época, en Cerceda seguíanse extraendo as arxilas refractarias na mina de Meirama, onde o noso homenaxeado tiña contratados a unha decena de traballadores da zona, entre eles a Javier Fuentes1, quen andando no tempo sería encargado da fábrica nova. Durante varios anos, as arxilas que se extraían nesta mina transportáronse en camións ata A Laracha para ser procesadas na fábrica de Lendo, ata que un día se soubo que en Meirama había algo máis que o caolín que Epifanio descubrira nos anos 60. A riqueza mineral do subsolo que alí explotaba Cerámica Campo agochaba, quen o ía dicir, un tesouro de enorme magnitude. Posteriormente sóubose que era, despois do das Pontes de García Rodríguez, o segundo xacemento de lignito de toda a xeografía galega.

 

Publicidade dos anos 70 (El Pueblo Gallego, 14 de agosto de 1971, p. 17)

    Tras o achado da veta, o Instituto Geológico y Minero de España investiga durante certo tempo a potencialidade do lignito pardo localizado en Meirama. Ao pouco, a principios de 1974, Unión Fenosa mercáballe a Epifanio Campo Núñez os dereitos de explotación da mina por 900 millóns de pesetas, unha partida de xadrez que rematou co xaque mate do empresario ceramista nunha operación só ao alcance dos grandes arquitectos financeiros. Practicamente ao mesmo tempo, Fenosa creaba a sociedade Lignitos de Meirama S.A. (Limeisa) co fin de explotar o xacemento e uns meses despois, no verán do mesmo 1974, o consello de ministros presidido por Franco aprobaba un decreto de utilidade pública no que se declaraba de interese preferente o enclave da mina, autorizándolle á empresa a expropiación forzosa pola vía de urxencia. A historia posterior das Encrobas e da loita veciñal é sobradamente coñecida2.

   A raíz daquela grande operación financeira íase abrir unha transcendental etapa na historia da empresa, xa que foi aí cando Epifanio Campo Núñez decide construír unha nova fábrica en Lendo e dotala coa tecnoloxía máis avanzada da época. Mais o popular industrial, que en 1975 delegaba a xestión das súas empresas no seu sobriño e afillado, Epifanio Campo Fernández, non chegaría a ver a nova fábrica funcionando. Cando aínda cabía esperar del unha amplísima tarefa, falecía o día 5 de xaneiro de 1976, aos 61 anos de idade.

    Home de negocios de espírito infatigable, conseguira facer medrar as súas empresas de xeito admirable e exemplar, mais iso si, sen esquecer nunca unha dedicación xenerosa aos máis necesitados como gran benfeitor que foi durante toda a súa vida, unha faceta que sempre procurou ocultar porque así llo esixía a súa natural modestia e discreción. Como empresario estaba ao tanto de cada un dos seus traballadores, sempre atento a calquera necesidade ou problema e cun trato exquisito digno de eloxio. “Á parte dun gran empresario, era un home moi humano, moi involucrado cos seus traballadores e con moita dedicación a todo”, recordaba Jacinto Meniño Álvarez.

  No momento da súa perda, o fundador do grupo Cerámica Campo, que soubera crear con esforzo e tesón o seu grupo de empresas, deixaba en funcionamento industrias cerámicas en Vilalonga, A Caeira (Pontevedra), Narón e Lendo cunha cuantiosa produción que naquel momento era a de maior volume de fabricación de ladrillos de toda Galicia. O seu éxito empresarial non se debera á improvisación nin á fortuna. Era un segredo a voces que fora grazas a unha vida entregada ao traballo, a unha vocación decidida que salvou todas as dificultades e a un afán de dotar a súa terra de adopción da industria que en todos os aspectos necesitaba. Coa súa desaparición íase un gran galego, un dos bos e xenerosos que deixaba un gran baleiro nas persoas que o coñeceron, pois quen o trataba transformábase inmediatamente no seu amigo.

  Nunha decisión plenamente xustificada, o Concello da Laracha, ao igual que tamén fixeron no seu momento os municipios de Puente de Domingo Flores (León) e o de Sanxenxo (Pontevedra), tivo a ben dedicarlle unha rúa na capital municipal, situada nas proximidades do Centro de Saúde e paralela á rúa José Manuel Ferreira Penedo, industrial sobre o que prometemos falar no futuro nestas Crónicas da Laracha.

 


Rúa Epifanio Campo Núñez da Laracha

________

1 Pai de Javi Fuentes, exfutbolista que xogou en 2ª División co Elxe e tamén en numerosos equipos de 2ª División B. Para máis información consulta http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2022/07/javi-fuentes-o-garrincha-da-laracha.html

2 Fenosa investiría alí máis de 18.500 millóns de pesetas para pór en marcha a mina e mais a Central Térmica de Meirama co forte rexeitamento da poboación. Os problemas comezaron cando a eléctrica lles ofreceu aos veciños uns prezos moi baixos polas súas terras. A maioría dos encrobeses rexeitaron a oferta da empresa e esixiron un traslado de poboación a outras terras similares. A empresa pechouse ás peticións veciñais e comezou o conflito. Unha loita de David contra Goliat que mesmo tivo o seu eco en televisións e xornais de toda Europa. Para máis información ver o documental do realizador Xosé Bocixa “Encrobas: A ceo aberto”: https://www.youtube.com/watch?v=LJqJA2inpko

 

EPIFANIO CAMPO FERNÁNDEZ, O EMPRESARIO TOTAL (1ª parte)

    Epifanio Campo Fernández, Nené ou Epi para os amigos da infancia, nace o 16 de setembro de 1952 en Puente de Domingo Flórez (León). Era o fillo maior de Antonio Campo e Remedios Fernández, matrimonio que á parte do primoxénito serían pais doutros nove rapaces: Demetrio, Antonio, Amalia, Remedios, José María, Pablo, María, Isabel e Inés.

  Con tan só catro abandona o seu Puente de Domingo Flórez natal e múdase a Vilalonga, ao domicilio de seus tíos Epifanio Campo Núñez e Amalia Méndez Tacón, unha parella sen fillos biolóxicos e con moito cariño que ofrecer que criaron o cativo xunto a Mary e a Loly, irmás adoptivas de Nené.

     O futuro empresario pasa a súa infancia e adolescencia en Vilalonga, parroquia que abandona temporalmente ao finalizar os estudos secundarios para estudar en Oviedo unha enxeñería de minas. Epifanio ía deixar esta carreira a metade de camiño para facer, finalmente, Económicas. Moi apegado á súa terra e grande amante do deporte, nos primeiros anos 70 defende a camiseta do equipo de fútbol da súa querida vila, o Vilalonga F.C., unha entidade que mesmo chegaría a presidir co transcurso do tempo.

     Corría xuño de 1975 cando, ao acabar a carreira e coa licenciatura en Económicas na man, o noso protagonista empeza a traballar na empresa ao carón do seu mentor, que naquela hora xa non gozaba de boa saúde. Nestes primeiros pasos no mundo empresarial, coñecería de primeira man con seu tío as principais marcas da casa: o valor da palabra e da seriedade no mundo dos negocios e a empatía e capacidade para comprender os problemas dos empregados. A clave de todo era estar... estar, en todas as dimensións do significado deste vocábulo.Para dirixir unha empresa hai que estar”, dicíalle o veterano mestre ao seu discípulo. Os dous Epifanios soamente coincidirían durante un breve período de seis meses. 

 

Panorámica da Laracha a principios dos anos 70. Ao fondo, as instalacións de Cerámica Campo (Concello da Laracha)

    Con apenas 22 anos, Campo Fernández faise cargo da xestión do conglomerado fundado por Campo Núñez, que falecería en xaneiro de 1976. Unha das primeiras determinacións que lle tocou tomar como máximo responsable do grupo empresarial foi a de cumprir coa tarefa encomendada polo seu antecesor: a ampliación da planta de Lendo cunha nova fábrica que empezaría a funcionar entre 1976 e 1977.

 

Fase de construción da fábrica nova. Na imaxe vese a cheminea do forno túnel da fábrica vella (Cortesía da familia Campo Sáez)

Fase de construción da fábrica nova. Ao fondo vemos o castro de San Román e detrás, á dereita, o picoto do castro da Condesa (Cortesía da familia Campo Sáez)

Fase de construción da fábrica nova. Ao fondo distínguense algúns puntos da parroquia de Cabovilaño (Cortesía da familia Campo Sáez)

    Na fábrica nova, obviamente todos os equipos ían ser de maior capacidade que os da vella. As principais innovacións foron o grao de automatización, pasando, por exemplo, do encañe e desencañe manual que se facía nas instalacións antigas a un formato moderno realizado cun sistema de pinzas. A fábrica vella contaba soamente cunha liña de moenda e a fábrica nova xa tiña dúas. A moenda incorpora silos de gran capacidade, o que permite evitar unha alimentación continua do barro e introdúcense laminadores máis modernos que permiten unha maior homoxeneidade da mestura de arxilas que entran na galleteira. Precisamente, outro dos avances foi a galleteira, agora de maior capacidade e con sistemas de control máis avanzados, así como a mesa de corte, totalmente automatizada. Así mesmo, a capacidade do pudrideiro (onde se almacena a arxila moída) é moito maior, polo que se incrementa o tempo de residencia antes de ser procesada para fabricación, feito que incrementa notablemente a cantidade da materia prima. No que se refire a secuencia do secado, pásase dun secadoiro de rodillos tipo Moccia, de moi pouca capacidade, a un secadoiro continuo de bandexas que permitía incrementar a cantidade produtiva. A saída do secadoiro cara ao apilado faise por cinta e mediante pinzas, que xa van formando os paquetes que se colocan sobre as vagonetas para a súa cocción. Nas novas instalacións, o desapilado (cando o material xa está cocido sobre as vagonetas) tamén se realiza mediante un sistema de pinzas automatizado, co cal se evita o traballo manual. Grazas á súa avanzada tecnoloxía e a súa capacidade de produción de 600 toneladas ao día, a nova fábrica de Lendo converteríase nunha das factorías de ladrillo oco máis modernas e importantes de España.

    Durante certo tempo as dúas fábricas produciron o mesmo material, ata que finalmente as instalacións vellas dedicáronse, xa cunha actividade moito menor, a fabricar chamota e produtos como bovedilla. A estrutura orixinal da parte superior da nave antiga era de madeira e así se conservou ata o 2007. A fábrica vella ía manter a actividade ata o ano 2012. Ao cesar a produción, demoleuse o secadoiro e soamente se conservaron os dous fornos túneles.

 

Imaxe dos primeiros anos setenta do interior das instalacións da  fábrica vella de Lendo na que podemos observar a estrutura de madeira da parte superior (Cortesía da familia Campo Sáez)

    Durante eses anos setenta nos que empeza a funcionar a planta nova de Lendo, Cerámica Campo tamén amplía a súa capacidade de produción de ladrillo ao modernizar a fábrica de Cerámica de Dena, que desde 1910 se encontraba instalada no lugar da Fianteira, na parroquia de Vilalonga. Ademais, moderniza a veciña fábrica de produtos de arxila cocida da Arnosa, na que se instala un moderno forno-túnel dotado de tecnoloxía punta para esta época. Ao igual que xa fixera Campo Núñez, Campo Fernández implementou nas súas empresas todas as medidas necesarias encamiñadas a modernizar as instalacións coa última tecnoloxía dispoñible. No caso das cerámicas, a maior parte dos avances tecnolóxicos derivaban de empresas de Cataluña (caso, por exemplo, de Verdés ou Equipceramic), o que supuxo, sen ningún xénero de dúbidas, unha das claves da pervivencia das empresas cerámicas.

     En 1977, só dous anos despois de facerse cargo da xestión do grupo, Epifanio casa con Marianela Sáez Silva, Neli, a quen sempre puxo en valor tanto polo seu saber como médica pediatra como pola súa dedicación como nai dos catro fillos que tivo o matrimonio: María Amalia, Blanca, Jacobo Nicolás e Irene. Persoa moi familiar, nunca agochou a especial devoción que sentía pola súa prole e sentíase moi orgulloso dos seus avances, que comentaba cordialmente cos obreiros das súas fábricas aos que trataba coma verdadeiros membros da súa familia. Empresario comprometido e sen deixar nunca de lado aos seus traballadores, a súa figura non distaba moito da de Epifanio Campo Núñez. Coas lóxicas diferenzas dos dous, e independentemente dos progresos a nivel empresa que fixeron ambos os dous (que darían para varios capítulos doutro libro), esa relación cos empregados é, seguramente, unha das principais claves para que Cerámica Campo vaia xa polos 80 anos de vida.

(CONTINUARÁ...)

 

EPIFANIO CAMPO FERNÁNDEZ, O EMPRESARIO TOTAL (2ª parte)

  Na década de 1980, pouco despois do falecemento de Amalia Méndez Tacón, muller crucial e fundamental na historia da empresa1, Cerámica Campo decide aumentar o seu catálogo de produtos orientados ao sector galego da construción, creando para tal fin dúas factorías de prefabricados de formigón con vistas á fabricación de pavimentos e bordillos, bloques, viguetas armadas e pretensadas e ferralla. Unha destas factorías instálase en Lendo, nas inmediacións da fábrica nova, mentres que a segunda resulta da adaptación da planta da Fianteira en Vilalonga, que a partir daquel entón pasaría de estar dedicada á produción de ladrillo a especializarse na elaboración de pretensados de formigón.

Foto tomada na segunda metade da década dos 70 na fábrica vella de Lendo na que vemos a Epifanio Campo Fernández con algúns dos empregados que naquela hora traballaban na empresa. Na fila superior, de esquerda a dereita: 'Leborís', Manolo Caamaño, Sergio Ortega, orixinario de León e encargado xeral ata o seu falecemento, Luciano Martínez Raña, que era orixinario de Meirama, Epifanio Campo Fernández, Gacio, José Aldao Cobas, que traballaba na oficina, Matilde Suárez, José Luís Fondo Aguiar, andando no tempo alcalde de Ponteceso, Jesús Rama Becerra, que sería alcalde da Laracha durante máis de 20 anos, Paulino Rico, mecánico de orixe leonesa, Josefa Martínez, Manuel Pérez Sánchez, Gerardo Lista, Francisco García, tamén coñecido como Francisco ‘do Froxo’, Jesús Regueira e Manuel Andrade. Na fila de abaixo e tamén de esquerda a dereita: Manuel Rodríguez, Antonio, Ramón Barreiro, Santiago Ríos, Américo Figueroa Estonlle, encargado da fábrica vella que viñera de Pontevedra e casara en Meirama, Ricardo Álvarez, ‘Ricardito de Marcelo’, posteriormente tesoureiro do Concello da Laracha, Aurelio Martínez Aldao, Bao, Santiago Rodríguez, José Riveiro, Ramón Aldao Rey, coñecido como Moncho de Higinio’, e José Iglesias Collazo, propietario durante moitos anos do restaurante O Pinar, que agora leva a súa filla Mari Carmen (Cortesía de Cerámica Campo)

    Durante estes anos, a fábrica de cerámica de Arnosa, en Vilalonga, tamén se adapta para especializarse na produción mediante extrusión de pezas refractarias para usos industriais, destinadas maioritariamente para revestimento das vagonetas e as paredes de fornos da industria cerámica. Estes produtos, fabricados a partir da materia prima local que a empresa extrae dos seus propios xacementos minerais, destínanse inicialmente ao mercado local e aos fornos das propias fábricas de Cerámica Campo. A súa distribución e comercialización expandiríanse posteriormente ao resto do mercado español e a mercados internacionais, nos que as devanditas pezas ían ter unha excelente aceptación.

     Lonxe de deterse, a capacidade produtiva de Cerámica Campo continúa o seu crecemento na década dos anos 90. Deste xeito, en 1993 a empresa leva a cabo unha ampliación da fábrica de produtos cerámicos de Lendo, que, xunto aos sucesivos investimentos que se acometen nesta planta para automatizar os seus procesos e introducir novas tecnoloxías, permitirán alcanzar unha produción superior a 300.000 toneladas anuais. 

 

Imaxe das actuais oficinas de Cerámica Campo en Lendo. Na parte traseira da nave está a planta de  prefabricados de formigón

   Durante esta década, o grupo tamén adquire varias explotacións de arxilas de alta calidade na parroquia de Albixoi, no municipio coruñés de Mesía. Nesta freguesía, concretamente no lugar da Fieteira, Cerámica Campo constrúe en 1999 unha nova planta de produción dedicada á fabricación de ladrillos e tellas a partir da materia prima que se extrae das devanditas explotacións. Esta nova instalación industrial ía ser dotada coa tecnoloxía máis avanzada do momento e alcanzaría unha capacidade de produción de 600 toneladas ao día, o que a convertería nunha das máis modernas e de maior capacidade de Galicia.

   Con múltiples ideas na cabeza, a actividade de Epifanio foise diversificando e estendendo a sectores coma o financeiro, onde foi un dos socios fundadores de Banco 21, xunto con Amancio Ortega, Juan Manuel Urgoiti e a familia Entrecanales, un banco que ta a súa sede en Madrid. Campo Fernández era un tipo directo e cunha forma de falar moi particular: “Ya sabe... (silencio e unha risa franca, sen gargalladas)”. A partir desa frase o empresario podía falar do esforzo empregado nunha operación económica e, se estaba presente algún dos seus colegas empresarios que se dirixían a el co alcume de Epi, entre eles, Manuel Jove, Roberto Díaz, Amador de Castro e Manuel Añón, pois falaba en confianza da contía da operación. Tamén foi o seu socio o FROB, ao que consideraba un inimigo, incluso perigoso. O noso homenaxeado chegara a ter unha porcentaxe importante do Banco Gallego (tamén no Pastor) e coa reestruturación do sector financeiro o Estado executou unha nacionalización para desfacerse dos empresarios galegos que estaban no seu capital. Campo criticou con dureza esa actuación “inxusta” e pola que pelexou nos tribunais.

     En 2001 Epifanio embarcouse co industrial larachés Manuel Añón no levantamento en Lendo dunha siderúrxica, que en catro anos se convertería nun dos seus mellores negocios. Tras ampliala cunha fundición en Baiona (Francia), en 2007 os dous socios vendéronlle tres empresas (Siderúrgica Añón, Hierros Añón Comercia e Acérie de l’Atlantique) ao empresario Francisco Rubiralta, do grupo Celsa, por 425 millóns de euros. No 2006 tamén entraría no capital de Gaelsa, unha empresa controlada por Manuel Jove e dedicada ao sector das renovables da que se retirou a comezos de 2010. Foi tamén accionista de Abeconsa, da firma que explota as estacións de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) en Galicia, de firmas de xestión de residuos, de hostalería, seguridade e loita contra a contaminación marítimas e náutica. Ata faría os seus “pinitos” no sector primario, no mundo vitivinícola e piscicultor. En certos negocios era moi sentimental. Non lle importaba que un fose mal se os outros ían ben. Con todo, estaba encima deles e intentaba melloralos con afouteza, iso si, sempre dende o seu Parnaso particular. Falamos dos seus despachos de Lendo e Vilalonga, verdadeiro centro de operacións que eran o eixe sobre o que pivotaba o seu conglomerado e dende os cal controlaba o resto de empresas. O apego ás fábricas destes dous lugares da Laracha e de Sanxenxo era enorme malia non ser, con certeza, os seus negocios máis rendibles.

    Amigo dos seus amigos e, sobre todo, boa persoa”, así o describen os que o coñecían. E é que, pese ao seu éxito empresarial, os veciños de Vilalonga e de Lendo (e doutros puntos de Sanxenxo e A Laracha), moitos amigos, sinalan que nunca esqueceu as súas raíces e que nos momentos importantes “sempre estivo aí”, como así nolo recordaba David Rodríguez Rodríguez, empregado de Cerámica Campo: “Unha frase que repetía moi acotío era que ‘hay que tener la fábrica en la cabeza’, esta frase reflexa a importancia que para el tiñan as industrias cerámicas. Para Epifanio todo estaba interrelacionado e funcionaba como un conxunto, perfectamente estruturado. Non precisaba ningún ordenador para saber en cada momento como estaba un determinado negocio. Na parte que me toca, o habitual era velo dando unha volta pola fábrica, interactuando con todo o persoal, sen distinción de rango ou cargo. Era quen de recopilar a información que lle permitía, en todo momento, levar o control e tomar as decisións correctas. Cada conversa con el supoñían unha formación impagable. Ese trato co persoal conseguía, dalgún xeito, lograr a motivación da xente. Esto permitíalle ten unha relación directa cos empregados, e se alguén tiña un problema e el se enteraba, era o primeiro en ofrecer a súa axuda. É incontable a xente á que axudou, entre os cales me atopo. Por poñerche un exemplo, cando naceu o meu fillo, no 2013, quedou ingresado seis días, non faltou un só día que non recibise unha chamada para interesarse polo neno. Trataba aos seus empregados como membros da súa familia e as axudas que prestaba sempre as facía de xeito discreto e sen buscar o recoñecemento de ninguén. A axuda sempre era de forma desinteresada”.

     Pouco amigo dos recoñecementos públicos e de homenaxes, Epifanio pasaba as vacacións na súa casa de Vilalonga con discreción e desfrutando das súas amizades e da súa familia. Era habitual velo pasear pola vila e estaba ao tanto do que sucedía nese lugar ao que chegara con tan só catros anos e ao que lle profesaba unha grande admiración. De feito, o apoio de Campo Fernández fixo posible o primeiro campo de fútbol de Vilalonga, así como a praza pública da que hoxe desfruta toda a veciñanza da vila cunha escultura que recorda ao empresario. Mais a súa figura de benfeitor, recoñecida por todos, transcende outros ámbitos de Sanxenxo e A Laracha, municipios nos que activou a economía local dando emprego durante décadas a ducias de persoas do Salnés e de Bergantiños.


(CONTINUARÁ...)


_________

1 Amalia Méndez Tacón, viúva de Epifanio Campo Núñez, faleceu o 14 de outubro de 1980.

 

EPIFANIO CAMPO FERNÁNDEZ, O EMPRESARIO TOTAL (3ª parte e fin)  

   O propietario do grupo Cerámica Campo, que controlaba -como todas as súas empresas- a través da sociedade patrimonial Rodonita e a medias coa súa muller, loitou nos últimos anos da súa vida contra unha longa enfermidade que non puido superar. Durante a doenza, Campo reestruturou o seu grupo proxectando unha sucesión tranquila. Deste xeito, desde o 2012 os seus fillos van gañando postos no conglomerado familiar. Blanca Campo Sáez forma parte do consello de Rodonita, mentres que seu irmán Jacobo, ois activo na dinámica diaria das sociedades, figuraba naquela hora como apoderado.

En primeiro plano, Epifanio Campo Fernández (La Voz de Galicia)

   Epifanio padecía un cancro terminal do que falaba con naturalidade cos seus amigos e achegados. Con todo, o proceso íase acelerar nos últimos meses nos que a súa saúde empeoraría sensiblemente e despediuse, pouco a pouco, dos seus: “Ya estoy de retirada; ahora le corresponde a mis hijos tomar las riendas”. Claro e sen rodeos, así explicaba Campo Fernández a situación persoal e profesional pola que atravesaba a causa do maldito cancro. Estas palabras pronunciounas diante dalgunhas persoas da súa máxima confianza, a quen o empresario falaba con orgullo das súas fillas Blanca, María e Irene, e do seu fillo Jacobo, subliñando a valía de cada un e a importancia da súa educación. “Una de mis hijas estudió en una gran universidad pública, de prestigio, buenísima y sin nada que envidiar a alguna de las de gran renombre privadas. Siempre se lo digo a mis amigos», dicía.

   A pesar daquelas palabras, o empresario nunca estivo de retirada. Ata o último momento tomou decisións sobre o negocio familiar, que derivara ao longo dos últimos anos cara ao sector enerxético, onde Rodonita, o brazo investidor de referencia, acumulaba máis de 215 millóns en activos, con forte presenza en desenvolvementos eólicos. Da división enerxética colgaban xa por aqueles días sociedades como Eólicos do Morrazo, Eólicos da Mariña ou Sociedad Eólica de Ourol.

   O noso protagonista faleceu na súa casa de Vilalonga o 18 de agosto de 2016, aos 63 anos de idade. O desenvolvemento tanto de Sanxenxo, onde unha rúa da capital municipal conta co nome do coñecido empresario, coma da Laracha, non se pode entender se non é vinculado á súa figura. Epifanio Campo Fernández, do mesmo xeito que Epifanio Campo Núñez, quedará no recordo de todos como auténtico benfeitor e como unha das persoas que máis fixo polo benestar e a proxección industrial destes dous municipios que tantos anos levan irmandados grazas aos Campo.

   Tras a súa perda, a terceira xeración da familia Campo faise cargo do grupo empresarial mantendo a vocación investidora que caracterizou aos seus predecesores e acometendo unha remodelación e modernización de todas as las de negocio. Jacobo Campo Sáez, enxeñeiro de minas, ocupa un papel preponderante dende aquela. Tras o falecemento de seu pai, dábase por feito que comandaría o proceso de sucesión debido ao papel que xogaba xa no día a día da empresa, onde leva á práctica, dende aqueles días, algo que forma parte do léxico familiar e que foi pasando de xeración en xeración: “Mi padre me decía que para dirigir una empresa hay que estar. Es lo que hago”.

   Durante este novo período, a actividade do grupo empresarial Rodonita que dirixen Blanca e Jacobo Campo Sáez inclúe –entre outras– a xeración de enerxías renovables (fotovoltaica, coxeneración e eólica), a recollida, xestión e tratamento de residuos e, por suposto, a fabricación e comercialización dos produtos de Cerámica Campo. O grupo conta con diversas explotacións mineiras para a extracción de arxilas de primeira calidade e cun total de cinco instalacións industriais nas provincias de Pontevedra e A Coruña: as plantas de fabricación de produtos cerámicos para a construción de Lendo, na Laracha (onde David Rodríguez Rodríguez, xefe de operacións de Cerámica Campo, e Roberto Ferreiro Fuentes, encargado xeral da fábrica de Lendo nos explicaron amablemente todo o proceso de fabricación), e da Fieiteira en Albixoi (Mesía), as factorías de produtos prefabricados de formigón para a construción de Lendo e da Fianteira, en Vilalonga (Sanxenxo), e a planta de fabricación de produtos refractarios para usos industriais de Arnosa en Vilalonga, na cal se produce un tipo de ladrillo refractario único no mundo que se comercializa a distintos países.

Planta de fabricación de produtos cerámicos de Lendo

   Ademais, o grupo empresarial entrou en 2021 no capital de Cerámicas El Progreso, empresa histórica da localidade de Buño (Malpica de Bergantiños), o que lle permitiu incorporar aos seus activos outra planta industrial e unha concesión de extracción de arxila de primeira calidade. Con este novo investimento, o grupo engade ao seu amplo catálogo as arxilas e pastas cerámicas de Terras de Buño, materiais de recoñecido prestixio que habitualmente se destinan á olería e artesanía, bioconstrución e retacado de explosivos.

   Grazas á calidade dos seus produtos e á eficiencia dos servizos que ofrece aos seus clientes, na actualidade Cerámica Campo foi quen de consolidar o seu liderado como fabricante de produtos de arxila cocida e de formigón dentro dos mercados nos que opera. Nos últimos anos, a organización avanzou significativamente na economía circular e nos procesos de descarbonización, implementando procesos produtivos máis limpos e desenvolvendo produtos máis ecolóxicos e con altas prestacións co obxectivo de optimizar o consumo de recursos e de enerxía e, ao mesmo tempo, de reducir a xeración de residuos e a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Imaxe actual do interior das instalacións da planta de produtos cerámicos de Lendo na que podemos observar vagonetas con ladrillo seco e cocido (Cortesía de Cerámica Campo)

   Nestes anos, Cerámica Campo tamén avanzou cara a unha Industria 4.0 na que se integran as tecnoloxías dixitais, a robótica e a xestión avanzada da información, e na que se leva a cabo unha xestión integrada da calidade, o medio ambiente, a prevención de riscos laborais e a responsabilidade social corporativa, o que lle permite á empresa desenvolver unha actividade produtiva máis eficiente, limpa e responsable e encarar con garantías os novos retos do grupo, que con certeza chegarán.

   Por último, hai que destacar que en novembro de 2019 o Grupo Rodonita subscribiu un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña polo cal se creaba e regulaba o funcionamento da Cátedra Epifanio Campo, que dende aquel entón está adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol, cun ámbito de actuación sobre o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Outra merecida homenaxe á figura deste grande empresario que foi Epifanio Campo Fernández.


Ningún comentario:

Publicar un comentario