Los
Tamara foron unha banda de pop que nos
anos 60 e 70 gozaron
de enorme popularidade. Responsables
da difusión das músicas e sons de todo o mundo
e do
achegamento da canción popular galega ao gran público, o
grupo
estableceu
fortes vínculos entre música e a poesía coas adaptacións, en
varios dos seus discos, dos poetas galegos máis universais, caso
de
Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Francisco
Añón
ou Celso Emilio Ferreiro.
A
mítica
formación
foi creada
na
vila de Noia por
Prudencio Romo,
un
músico que levaba certo tempo tocando en varias orquestras noiesas
cando decide pór en marcha o seu propio conxunto para participar nun
concurso en Radio Vigo. Corría o ano 1958 e Los Tamara acababan de
nacer. Prudencio (baixo, guitarra e violín) bautiza así a
banda
en honor ao antigo nome do río Tambre, que desemboca en Noia, debido
a que pasaba por
terras dos condes de Trastámara. Xunto
a Prudencio, segundo
conta
Fernando Fernández
Rego no seu libro Unha
historia da música en Galicia 1952-2018”,
atopamos
a seu
irmán Alberto
Romo
(guitarra), Manolo Paz, José Sarmiento (guitarra
e clarinete), Germán
Olariaga (voz)
e Enrique
Paisal (teclados). Posteriormente uníuselles
o que sería o seu líder carismático, o cantante coruñés Pucho
Boedo, ademais doutros músicos como o batería larachés Francisco
Rodríguez
Cotelo, de
quen falamos deseguido.
 |
Francisco Rodríguez Cotelo, segundo pola esquerda, con Los Tamara (Cortesía da súa familia)
|
Francisco,
tamén coñecido polos
apelativos de
Pancho ou Paco, nace en 1926 en
Cabovilaño,
parroquia
da que eran naturais os seus proxenitores
Ramón Rodríguez Ríos e Purificación Cotelo Becerra, que
ían ser pais de seis fillos máis. Pura era
da
familia
dos de Fermelle de San Román e
tiña
un irmán
(Plácido)
que
rexentaba unha taberna na rúa da Estrella da
Coruña,
o Bar Pura. O pobre, que
bautizou a todos os seus afillados co seu propio nome,
perdera unha perna na Guerra Civil e por iso a clientela denominaba o
seu local 'O pata de pau'.
Ramón
e Pura eran
zoqueiros, oficio
que tamén ía aprender o seu fillo Pancho. Quen
sabe?
Se
cadra os
golpes do macico, da anxola, do mazo e do resto de instrumental da
profesión animaron
ao noso protagonista
a
entrar de cheo no mundo da percusión.
Despois
da Guerra, a familia Rodríguez Cotelo abandona A Laracha para
establecer o seu domicilio en Arteixo, na parroquia de Pastoriza,
onde naquela altura tiña moita sona a Feira da Madeira que se
celebraba o 28 de setembro, véspera de San Miguel, e os luns de
Pascua. Primeiramente viven no lugar do Coto e, certo tempo despois,
residen nunha casa de Barrionovo. Nesa época Pancho e seu irmán
Plácido, a quen coñecemos grazas ao amigo Sergio Naya e que foi
quen nos contou a historia familiar, asisten ás clases de solfexo
que naquela hora impartía o mestre Luís Brage na súa academia da
rúa San Andrés da Coruña. Xa podedes imaxinar onde tomaban un
aperitivo á saída das clases. Si, no 'Pata de pau', o bar que seu
tío materno tiña na rúa da Estrella.
De
Plácido, que tamén foi batería de grandes orquestras da bisbarra,
falaremos na vindeira semana. Sigamos, pois, coa homenaxe a seu irmán
Pancho Rodríguez, que era o maior dos fillos varóns de Ramón e
Pura.
En
1942, cando tiña 16 anos, Pancho convértese no percusionista de
orquestras como a Orfeo da Coruña ou mesmo os Guiliades, que se
chamaban así porque eran do lugar de Guiliade (Betanzos). Nos anos
corenta esta orquestra foi a sensación das Mariñas ao contar cunha
animadora, a lendaria Finita Gay, 'A Martela'. Á marcha de Finita
contaron con outra animadora que foi Obdulia Sánchez.
Pouco
despois, sobre o ano 1944, os Rodríguez Cotelo establecen o seu
domicilio en Meicende, nunha casa que había a poucos metros da
actual Avenida do Butano. Nesa época, cando non tiña actuacións,
Pancho segue botándolle unha man a seus pais traballando coma
zoqueiro.
Durante
varios anos encárgase da percusión da Orquesta Orfeo. Compúñase
aquilo dun bombo con pedal para zouparlle, un tambor, que lle
chamaban 'caixa', un platillo grande, pendurado dun gancho e outros
artefactos. Segundo nos
contou seu irmán Plácido, nos invernos seica actuaban con certa
asiduidade no Hotel Embajador, sede actual da Deputación da Coruña,
e no Finisterre, curiosamente os dous edificios inaugurados en 1948.
Nos veráns tocaban moito nas instalacións da Solana e, como todas
as orquestras da época, nas festas parroquiais e nos salóns da
bisbarra.
Estamos
xa nos 50. O noso homenaxeado coñece a Carmen Deza, unha moza de
Mesoiro coa que casa na Coruña. En 1954 ía nacer Agustina (Tita) a
primeira filla do matrimonio. A finais desta década é cando
Prudencio Promo crea Los Tamara en Noia, onde existe un vello refrán
que di: "xente de Noia campana de pau", por ser esta vila
antigamente terra de zoqueiros e carpinteiros de grande monta. Tería
algo que ver o refrán coa chegada do músico-zoqueiro de Cabovilaño
aos Tamara? Camiño dos 91 anos, seu irmán Plácido non pode
precisar cal foi a primeira actuación de Pancho co lendario grupo.
“O que si che podo dicir é que deixou a Orfeo para tocar con eles
en Vigo e despois foi ao norte de África e a Francia. Cando marchou,
eu quedei no sitio del e fun o batería da orquestra Orfeo durante
algún tempo”.
 |
Los Tamara cos futbolistas do Real Madrid Alfredo Di Stéfano e Emilio Santamaría, a quenes abraza Pucho Boedo. Paco Rodríguez é o primeiro pola esquerda da fila superior (Cortesía da súa familia)
|
Segundo
o investigador vigués Manuel Costas, Los Tamara chegan á cidade
olívica para participar nun certame de promesas de Radio Vigo e
hospédanse nunha pensión en Urzaiz, próxima ao hotel Lisboa.
Despois de tocar no concurso radiofónico foron contratados para
amenizar os seráns na terraza da Marquesina (posteriormente o
Flamingo de Príncipe) e as noites do Real Club Náutico. Nunha
ocasión, cando tocaban neste lugar, chega un trasatlántico con
turistas coa sorte de que nel viña Monsieur Marly e a súa familia.
Marly era un importante produtor de espectáculos residente en Mónaco
e encantáralle a actuación da banda galega. Mandoulles unha tarxeta
á mesa na que estaban por medio dun camareiro para que se puxeran en
contacto con el. Ese encontro ía ser determinante porque Marly
introduciría a Los Tamara no circuito do Norte de África, unha
importante rede de actuacións para o turista e o público,
fundamentalmente francés.
O
certo é que os feitos se suceden de maneira vertixinosa. Entran no
circuito de actuacións do Magreb e tocan en lugares tan prestixiosos
como o Casino de Orán ou o Negresco de Casabranca así como en
Tánxer, facendo xiras durante tres anos seguidos por países como
Marrocos, Alxeria, Tunisia ou o Líbano… e aí estaba o noso
veciño, que cando integraba Los Tamara era coñecido como Francisco
ou Paco Rodríguez. O alias de Pancho era para os familiares máis
achegados.
 |
Los Tamara nunha das súas viaxes. Á dereita, aplaudindo, vemos a Paco Rodríguez (Cortesía da súa familia)
|
A
viaxe resulta apaixoante. Polo que nos conta Fernando Fernández
Rego, chámalles a atención o ambiente cosmopolita de cidades como
Tánxer, que era porto franco, e unha urbe que parecía que nunca
durmía, con tránsito de xente día e noite. Literalmente alucinan
ao ver as bailarinas semiespidas do Casino de Tánxer. Mais, tras
moitos meses actuando sen sobresaltos, todo se complica. Alxeria
vivía tempos moi convulsos coa guerra de independencia contra a
colonización francesa, con constantes levantamentos militares, e
vense obrigados a abandonar o país ao recrudecerse os enfrontamentos
do Fronte de Liberación Nacional (FLN) co poder colonial francés.
Saen
de
Alxeria
prácticamente co posto, nun avión da Cruz Vermella que os leva a
Marsella. Marly
búscalles nun par de días actuacións pola zona e teñen que
realizar unha escapada a Suíza para armarse cos instrumentos
necesarios. En Marsella, o cantante Germán
Olariaga namórase
perdidamente dunha moza corsa e marcha para
Córcega da noite á mañá, abandonando o grupo. Nese mesmo día
Prudencio Romo chamou ao seu amigo Pucho Boedo, que se encontraba en
Madrid cos Trovadores, para ver se lles podía botar unha man. A
elección de Pucho sería unha das decisións máis acertadas de
Prudencio, abofé.
Nun abrir e pechar de ollos o da Silva chega a Marsella e aprende
todo o repertorio, aínda que ao principio as cancións en francés
non lle saían, como
era lóxico,
e tiveron que pasar moitos temas da
lingua gala
para o español. Con
Pucho na banda, Los Tamara ían
alcanzar
de pleno o
recoñecemento
e o lendario cantante encontraría a plataforma
necesaria para acadar
a trascendencia á
marxe
do
tempo e
a distancia.
De
Marsella, Los Tamara foron a Suíza, Alemaña e despois á Costa
Azul. A banda sempre levaba a súa terra por bandeira. A moitas das
súas actuacións no estranxeiro acudían galegos emigrantes que
residían nestos países. Para eles, escoitar a Los Tamara era unha
forma de volver por un momento á súa terra. A emoción que sentían
era enorme!
 |
Los Tamara nunha actuación nos anos 60 na que vemos ao batería Paco Rodríguez no medio da fila superior (consellodacultura.gal)
|
As
xiras por toda Europa sucédense. As actuacións máis soadas son as
que realizan no Sporting de Montecarlo e, sobre todo, no Olympia de
París, compartindo cartel con Jacques Brel e Charles Aznavour. Ata
ese momento o único artista español que pisara o Olympia fora Lola
Flores. Para as xiras europeas tiñan outro cantante, ademais de
Pucho, Tony Preysler, que era filipino, curmá de Isabel Preysler.
Falaba seis idiomas e encargábase de cantar os temas en inglés e
italiano.
É
o selo francés Bel Air o que lles edita as súas primeiras
gravacións, un conxunto de cinco EP que comeza con Esperanza
Esperanza/ El otorrinolaringólogo/ Camino del Sahara/ Pide (Bel
Air, 1962) e termina con Todo ya pasó, Joey/ El padrino lloró/
Seguir soñando/ Acurradito (Bel Air, 1963).
A
súa primeira gran actuación en España foi na sala Titos, en
Mallorca, onde cantaban artistas como Frank Sinatra. Naqueles
primeiros anos 60 o éxito tamén era grande en cidades como
Barcelona ou Madrid como así o reflexa
o xornal madrileño Pueblo nun artigo no que tamén aparece a
fotografía que acompañamos:
 |
Postal promocional de Los Tamara para o selo discográfico francés Bel Air. Abaixo, á esquerda, o larachés Paco Rodríguez (consellodacultura.gal)
|
“Estos
son los Tamara, la orquesta, posiblemente, la mejor orquesta que ha
pasado por Madrid desde hace años, y que en el “rendez-vous” del
Hilton ha obtenido el espaldarazo del mejor público de Madrid. Los
Tamara son todos de la dulce Galicia, y han tomado el nombre
primitivo de su villa natal, Noya. Sus nombres: Prudencio Romo,
Germán Olariaga, Pucho Boedo, Alberto Romo, José Sarmiento,
Francisco Rodríguez y Enrique Paisal. Edad media, veintisiete años.
Discos Barclay. Repertorio, 250 números. Actuaciones en Francia,
Suiza, Alemania, norte de África y España. Contratos firmados hasta
marzo de 1963. Los Tamara son “responsables” de los llenos
diarios. Arreglos fabulosos de Romo, de los cuales el de “Exodo”
es el más impresionante y logrado de cuantos puedan oír”.
Mais,
malia ao grande éxito de Los Tamara, que andando no tempo tamén ía
alcanzar América do Sur, onde varias das súas cancións
convertiríanse en número un, o larachés Francisco Rodríguez
decide abandonar o grupo a mediados dos 60 para empezar unha nova
vida en Barcelona coa súa muller Carmen e a súa filla Tita, que
naquela altura tiña 9 anos.
Na
Cidade Condal abre un restaurante ao que bautiza, en lembranza do
tempo que botara no popular grupo, o Tamara. O restaurante venderíao
posteriormente, e os novos propietarios chamáronlle Carballeira.
En
Barcelona
Paco Rodríguez e Carmen Deza tamén
ían ser
pais da súa segunda filla, Elena, que nace en
1966. Nesa
época o de Cabovilaño a base de traballo, ambición e creatividade
rexenta máis restaurantes, negocios que vendía cando funcionaban
ben. Continúa
mantendo o contacto con Los Tamara, a
quen se lles atribue
a
gravación da primeira canción pop en galego: “Galicia terra
nosa”, incluída no single Allá,
allá / Galicia terra nosa / El amor/Mashed Potato Time
(Zafiro, 1964),
iniciando
así
un
estilo popular enraizado na música e,
sobre todo, na poesía galega, que lles
daría grandes éxitos nos setenta, xunto
coas
súas
versións
dos temas máis
dispares, desde Aznavour,
Mikis Theodorakis e a súa Zorba o grego, Otis Redding, ata James
Brown e o seu I
Got You (I Feel Good),
que eles
versionaron
co
título de Soy
muy feliz
na cara B do
famoso tema A
Santiago voy
(1967), e mesmo
o
clásico popular grego Misirlou,
do
que en 1994 Quentin
Tarantino incluiu a
versión de Dick
Dale na súa película Pul Fiction.
Ao
tempo que o éxito de Los Tamara chegaba a medio planeta, Paco
continuaba cos seus negocios en Barcelona, onde o larachés traballou
durante algún tempo co constructor galego Carlos López Conde.
Posteriormente ía dirixir un complexo con piscinas e bares chamado
Escala e tamén rexentou o popular Pippermint, un bar que continua
aberto co mesmo nome no n.º 20 da rúa Bori i Fontestà da Cidade
Condal.
Paco
Rodríguez, que foi presidente de honor do Centro Galego de
Barcelona, finou en maio de 1984 aos 58 anos de idade, dous anos
antes da morte de Pucho Boedo e da disolución de Los Tamara. Os
integrantes orixinais reuniríanse
tras a morte
de Pucho para gravar
en 1990 o
disco homenaxe
Carta
a un amigo
con Sito
Sedes
á
voz. A iniciativa do
Instituto
Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), volveron con esta
formación en 2002
co CD Agora
é sempre.
Case
corenta anos despois da morte de Paco
Rodríguez
Cotelo en
Barcelona, o
seu espiritu continua a estar
moi presente na
capital catalá
xa que a súa batería, a
batería que
tocaba
con
Los Tamara, está colgada
no
teito
do
restaurante
La
Taberna del Cura
(Gran
de Gràcia, 83)
propiedade do seu amigo Moncho Neira. No
bombo do instrumento reza: “RECUERDO DE LOS TAMARA DE PACO PARA SU
AMIGO MONCHO.”
 |
Imaxe da batería que Paco Rodríguez lle regalou ao seu amigo Moncho Neira (La Taberna del Cura)
|
O
empresario José Ramón Neira Pérez é
o propietario do grupo Moncho's,
un auténtico imperio do
sector
da restauración. Natural
de Pol (Lugo), Neira
é
un daqueles
galegos como
o propio Paco Rodríguez
que crearon excelentes restaurantes en Barcelona. En 1975 inaugurou
a
famosa marisquería Botafumeiro,
que no
seu día
liderou
a restauración da
Cidade Condal
en volume de ingresos. Actualmente
ten unha quincena de negocios, sendo os máis
destacados o
Asador
del Mar, Marina Bay,
Moncho's House, The Chipirón ou
a devandita
Taberna del Cura que,
como xa dixemos, é o lugar no que podedes ver colgada no teito a
batería que o larachés Paco Rodríguez tocou con Los Tamara.
FONTES:
Baena,
Ana (2021): Manuel
Costas reivindica la leyenda de Los Tamara,
www.atlantico.net, 18 de
abril.
Cuns
Lousa, Xulio & Veiga Ferreira, Xosé M.ª (2006): Orquestras
populares das Mariñas,
Concello de Betanzos.
_______________