ARQUEOLOXÍA

 O MARCO DA ANTA


     “Pedra fita: nome que se atopa en varias localidades e que semella aludir aos menhires da arqueoloxía celto-atlántica, aínda que hai quen o nega. Crese que as pedras fitas eran obxectos de culto; dise que moitas foron destruídas para que os campesiños non levaran a elas as ofrendas; en escrituras da Idade Media cítanse algunhas que servían de fitos ou marcos, e non faltan escritores que crean que moitas pedras fitas foron substituídas a partir do século XVI polos cruceiros galegos”… velaí está a teoría en torno ás pedrafitas que o escritor Eladio Rodríguez (1864-1949) publicou no seu “Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións populares de Galicia”, libro no que o autor ourensán, que foi un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega -a cal presidiu entre 1926 e 1934- deixou un eco sobre o cal debemos reflexionar:

   “Quen sabe quén é, sabe quén pode ser; e quen sabe de ónde vén sabe a ónde pode chegar”.
 
Imaxe do Marco da Anta

    Con esa lección da obra eladiana que facemos propia, hoxe, nesta modesta bitácora, falamos do Megalitismo, un fenómeno que aparece no Neolítico en Europa Occidental e que se caracteriza polos enterramentos en grandes cámaras ou mausoleos, realizadas con pedras fincadas cubertas dunha gran lousa e baixo un gran túmulo de terra con coiraza de seixos ao redor.

    O gran cambio na economía que supuxo o desenvolvemento da agricultura e a domesticación traería consigo importantes transformacións sociais: aumento demográfico, xurdimento dos primeiros asentamentos estables ou aldeas, e xerarquización social con aparición de elites guerreiras. Outras achegas serán a mellora da talla en pedra (machados pulidos, cinceis, aixolas, láminas de silex ou seixo, puntas de frecha), o descubrimento da cerámica, os tecidos e a primeira metalurxia en cobre (Calcolítico 2.500-1.800 AC).

Cartaz informativo do Marco da Anta (Puri Soto)
 
   Dentro do apartado da pedra, os menhires (a palabra de orixe bretón menhir significa “pedra longa” e equivale a pedrafita, pedra fincada) ou pedrafitas forman parte das manifestacións artísticas do Megalitismo e, xunto coas necrópoles de mámoas, os círculos líticos e os aliñamentos, representan a primeira arquitectura monumental, actuando como marcas territoriais na paisaxe e ocupando unha posición moi visible, en lugares altos ou nas proximidades das vías de comunicación. Atendendo á súa forma, tamaño e lugar de emprazamento, atribúenselles distintas interpretacións:

-Pedrafitas nun contexto funerario, que anuncian unha necrópole.
-Pedrafitas de observación astronómica, de enorme relevancia se consideramos a importancia do calendario nas sociedades agrarias.
-Pedrafitas fálico-fecundadoras, con fins relixiosos e rituais relacionadas coa prosperidade e co culto ás pedras.
-Pedrafitas antropomorfas (estelas-menhir), de época mais tardía, representan a mulleres (deusas nai) e guerreiros.

    Na nosa bisbarra contamos co chamado Marco da Anta, menhir que recentemente entrou a formar parte do Parque do Megalitismo da Costa da Morte e que se atopa nos montes de Santa Locaia (373 m), á beira dun antigo camiño na cunca alta do río Anllóns, zona de mananciais e altimetría considerable onde se avistan extensos eidos.

   Ata hai ben pouco, esta pedrafita estaba situada na parroquia arteixá de Loureda, mais, a raíz dos novos deslindes realizados polos Concellos de A Laracha e de Arteixo, actualmente forma parte da parroquia larachesa de Erboedo, moi preto do límite administrativo entre os dous municipios.

   Trátase dun menhir realizado en granito de grao groso, cos lados asimétricos, de 205 cm de altura, 75 cm de ancho na base prismática e 38 cm na punta. No extremo distal presenta un suco de 4 cm de grosor nunha vea de seixo que se aproveitou para realizar unha escotadura pola cara oeste. Conserva catro calzos á vista.
 
   Na Geografía General del Reino de Galicia, Provincia de A Coruña, publicada na segunda metade da década dos anos 20 do século pasado, Carré Aldao menciona este menhir por primeira vez, un monumento megalítico que a veciñanza da zona denomina Marco Grande, Marco do Ramallal, Pedra do Ghicho, Pedra do Carallo e, tamén, Marco da Anta, como recolle nas súas investigacións o arqueólogo Luís Monteagudo, que visitou a devandita pedrafita en 1950 e 1981:

   “Marco da Anta, cota 330, a 600 m SW de la aldea de Santa Locaia (Leocadia) SSW Arteixo. Está en la divisoria de los ayuntamientos de Arteixo y Laracha, divisoria que sigue hacia el SE hasta la Pedra da Cebola, en la que confluyen dichos ayuntamientos y el de Culleredo. El Marco da Anta (pron. d’Anta) mide 2,05 m de alto, y es una laja vertical de granito cóncavo-convexa con tendencia al prisma triangular; su aspecto fálico es debido a que cerca de la punta presenta un surco producido por una veta de cuarzo de 4 cm de ancho, continuando en la cara W por un surco de picadas poco perceptibles. Carré (BRAG 1945, 473) lo sitúa muy vagamente “entre las Mariñas y Bergantiños”!!. Lo hemos visitado hacia 1950, y por segunda vez, y dibujado, el 25/12/1981”.
 
Debuxo do Marco da Anta da autoría do arqueólogo Luís Monteagudo (Anuario Brigantino 2003)

  Segundo a arqueóloga Puri Soto, unha das persoas que máis loitou para poñer en valor o Marco da Anta,  a entalladura da que estamos a falar, lembra as que teñen algúns dos ídolos das antas de corredor e se interpreta como un resgo antropomorfo; tamén se ten entendido como unha representación fálica da pedra: na cultura popular a “Pedra do Ghicho” ten un marcado folclore sexual. 
 
   Mais, que mellor que visitala in situ… xa me contaredes!


FONTES:
 
Monteagudo, Luís. Menhires y Marcos de Portugal y Galicia. Anuario Brigantino 2003, n.º 26 (páx. 35-36)
 
Rodríguez, Eladio. Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións populares de Galicia. Edición de Camilo Fernández Valdehorras. Editorial La Voz de Galicia. A Coruña, 2001.



Ningún comentario:

Publicar un comentario