Nas Crónicas da Laracha desta semana retomamos a senda das serraduras e facemos parada agora no lugar da Braña Grande, na parroquia de Cabovilaño, que é onde podemos ver na actualidade as instalacións do Casillero, empresa dedicada á venda de materiais de construción que ten a súa orixe no sector madeireiro.
![]() |
| Panorámica das instalacións do Casillero |
‘O Casillero’ era o alcume de José Rodríguez Fernández, industrial natural de Lemaio nacido no ano 1882 na casilla de Proame, de aí o nome do Casillero. Segundo os datos que figuran no Xulgado de Paz da Laracha, José era fillo dos lugueses José Rodríguez Martínez e Rosenda Fernández, ambos naturais de Trigás1. O feito de que o fillo nacera nesta casilla levounos a pensar na posibilidade de que, tempo atrás, o matrimonio se desprazara desde a provincia lucense ata o noso municipio co fin de que o proxenitor ocupase o cargo de legoeiro2. Co ánimo de reforzar as nosas sospeitas, contactamos con Lolo López Míguez e coa súa nai Manuela Míguez Castro (Sofán, Carballo, 1931), viúva de Manuel López Mesejo, o último legoeiro de Proame. Con Manuela, que precisamente ten o seu domicilio na casilla dos legoeiros de Proame, falamos en varias ocasións. Sempre é un verdadeiro pracer facelo! Acudimos por enésima vez a súa memoria para saber se efectivamente O Casillero era orixinario do lugar no que ela reside e se sabía algo das orixes lucenses dos seus proxenitores. “Eu de onde eran nativos non cho sei. O que si che podo dicir é que el a máis os pais viviron aquí na casilla antes de que meu sogro, Manuel López Blanco, fora o legoeiro de Proame. Eso tivo que ser moito antes da Guerra Civil. Mira neno, meu sogro casou antes da Guerra con Filomena Mesejo García, que era natural do Regado, na parroquia de Cabovilaño, e despois viviron aquí na casilla. Ao igual que todas as demais, esta casilla estaba preparada para que viviran nela dúas familias, pero dende que eu viñen de Sofán aquí soamente estabamos nós. O meu home e os seus irmáns naceron todos aquí e como el era o máis vello, quedou de legoeiro no sitio do pai. Manolo, o meu home, naceu en 1928, polo que eu entendo que O Casillero e seus pais tiveron que vivir na casilla moito antes”.
Para axudar a esclarecer esta cuestión, tamén falamos co promotor inmobiliario Ángel Manuel Canedo García, Lito, que, dado o seu parentesco familiar, pasou moito tempo da súa infancia a carón do noso protagonista. Lito, nacido en Tuixe (Lemaio) en 1952, confirmounos que efectivamente “as orixes dos Casilleros están na casilla de Proame. O pai do tío José fora peón camiñeiro e el, de rapaz, tamén traballou nese oficio. Eso confírmocho eu ao 100 % porque na festa os rapaces que non marchaban da mesa do comedor manexaban moita información polos contos que alí se contaban (risas). Eu era dos que non me levantaba da mesa, e téñolle escoitado ao tío José, que era o sogro de miña tía Cándida, que tanto seu pai como el traballaran como peóns camiñeiros en Proame”.
![]() |
| Panorámica actual da casilla de Proame, lugar de nacemento de José Rodríguez Fernández 'O Casillero' |
Tras ocupar durante certo tempo o posto de legoeiro, José Rodríguez Fernández ía coller posteriormente outro camiño ao traballar como xornaleiro e cortando madeira no monte. Sobre o ano 1910, con vinte e tantos anos, casou con Jesusa, filla de Juan Pallas Castiñeiras e de Manuela Esmorís Vázquez, naturais e veciños de Cabovilaño. En 1911 José e Jesusa foron pais de Salvador, o primoxénito dos Rodríguez Pallas. Despois irían nacendo sucesivamente Antonio, María e Baldomero, o máis novo da prole, que veu ao mundo en maio de 1921. Lito Canedo recordaba que “na súa xuventude o tío José pasouse á madeira moi pronto e empezou a gañar cartos e daquela, ao ter os suficientes medios económicos, foi cando se estableceu na Braña Grande, en Cabovilaño, e os fillos xa naceron todos aí. O comentario na casa sempre foi ese”.
Un ano antes do nacemento do seu fillo máis novo, parece ser que José Rodríguez tivo a sorte de cara para realizar un negocio “oceánico” redondo co que ía mellorar significativamente a economía familiar. Estamos a falar dos primeiros días do ano 1920, época na que podiamos ver embarrancado en Baldaio, nos lindes do litoral das parroquias carballesas de Razo e Lema, o vapor sueco S.S. Falco. Malia que xa contamos polo miúdo a historia deste sinistro neste espazo (podes ver a crónica aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/search?q=falco), non está de máis refrescar a memoria recordando que o buque nórdico viña facendo singradura desde o porto de Liverpool e transportaba un cargamento de madeiras finas cara ao porto de Sevilla, madeiras que despois do embarrancamento non ían tardar en espallarse por esta parte do Atlántico. Pois ben, segundo o testemuño de Pedro Esmorís Rodríguez, veciño do Cancelo (Cabovilaño) falecido recentemente e nacido neste lugar en 1929, esas madeiras finas foron o comezo ou empurre definitivo dalgúns empresarios laracheses do sector madeireiro, entre eles O Casillero: “aquí na Laracha, vouche dicir unha cousa, eu non o vivín porque aínda non nacera, pero cando era neno sentín falar moitas veces dun barco grande de fóra que afundira ou embarrancara en Baldaio que viña cargado de madeira boa. Polo que contaban os vellos, despois de que o mar desfixera o barco, as tablas e os tablóns saían a flote e disque andaban por toda a praia. O conto é que ese barco foi o empece de algún home de aquí no tema da madeira, caso do Casillero e algún máis”.
![]() |
| Sinatura de José Rodríguez Fernández 'O Casillero' realizada en maio de 1921 con motivo da inscrición no rexistro do seu fillo Baldomero (Xulgado de Paz da Laracha) |
Cando o vapor Falco embarrancou en Baldaio, José Rodríguez Fernández ‘O Casillero’ tiña 38 anos. Aquela operación económica realizada coas táboas chegadas a Baldaio desde o norte de Europa ían impulsar a súa actividade madeireira, abofé!
Nesa altura, ou se cadra algo máis tarde, establece o seu primeiro almacén na Laracha, negocio que probablemente estaba na Braña Grande e que imaxinamos que sería o mesmo ao que facía referencia o Anuario industrial y artístico de España do ano 1929, no cal aparece o propio José Rodríguez xunto a Pedro Añón, José Caamaño, José Esmorís, José Gómez, Pedro Iglesias, Juan Insua e Pedro Longueira como propietarios de “Almacenes de maderas”.
Co transcorrer dos anos, monta o seu propio serradoiro na parroquia carballesa de Lema, concretamente na zona do Monte Vixía. Alí, polo que nos contaron diversas fontes, parece ser que durante certo tempo traballou en sociedade con Jesús Ramos Calviño ‘O Relojero’. Sobre este particular Pedro Añón Queijo, sobriño de Jesús e propietario durante anos do serradoiro do Regado (Cabovilaño), díxonos que “meu tío Jesús ‘O Relojero’ tivo sociedade con José Rodríguez ‘o Casillero’ cerca do aserradero do Francés”. Por outra banda, Pedro Ramos Rojo, bisneto de Jesús ‘o Relojero’, tamén nos comentou que “polo que lle escoitei a meu pai Pedro, meu bisavó seica antes de abrir o aserradero actual no Cancelo tivera outros dous a medias, un cerca da do Francés e outro co ‘Casillero’ na Braña Grande (Cabovilaño), onde está agora o almacén de materiais de construción”.
Cómpre lembrar que estamos falando de antes da Guerra Civil, polo que tede en conta que chover xa choveu un lote e que, se cadra, algunha palabra xa a levou o vento ou que algún dato dos que se foron transmitindo de xeración en xeración non é do todo preciso e pode ser corrixido. O que si sabemos con certeza é que, efectivamente, o noso protagonista tivo serradoiro en Lema (Carballo) durante algún tempo e que en 1939 llo traspasou a Jesús ‘O Relojero’:
Delegación de Industria de la provincia de La Coruña
Solicitada por D. Jesús Ramos Calviño, vecino de Vilaño (Laracha), la oportuna autorización para el traspaso de un aserradero de maderas, instalado en Lema (Carballo), propiedad de don José Rodríguez.
Cumplidos los trámites reglamentarios, respecto a información pública, y no habiéndose presentado ninguna reclamación durante dicho período de información.
De acuerdo con lo preceptuado en el Decreto del Ministerio de Industria y Comercio, de 20 de agosto de 1938, he resuelto conceder la autorización solicitada, bajo las siguientes condiciones:
1.ª La presente autorización es válida solamente para D. Jesús Ramos Calviño, debiendo comunicarse a esta Delegación de Industria todo cambio de propietario o cesión, a los efectos de nueva autorización.
2.ª La puesta en marcha normal del aserradero de maderas, tendrá lugar inmediatamente.
3.ª Los aparatos de la serrería no podrán ser trasladados, sin previa autorización, del Servicio Nacional de Industria.
4.ª Esta resulución, para su efectividad, es indispensable su publicación en el BOLETÍN OFICIAL de la provincia.
La Coruña 30 de enero de 1939.= Tercer Año Triunfal.= El Ingeniero Jefe, Jaime F. Castañeda3.
Unhas semanas máis tarde de que se emitira o anterior edicto, na sección de anuncios de vendas de La Voz de Galicia, podíamos ver como O Casillero intentaba vender algunha da maquinaria do serradoiro de Lema. O anuncio, publicado durante quince días seguidos, do 1 ao 15 de marzo de 1939, informaba do seguinte:
SE VENDE un aparato de sierra sin fin, de 0,90 de diámetro; se puede ver trabajar en el aserradero sito en Lema (Carballo). Informa su dueño, José Rodríguez Fernández4.
(...CONTINUARÁ)
_______________________________________
1 San Vicente de Trigás é unha parroquia do concello de Mondoñedo. Tamén hai unha aldea co mesmo nome na parroquia de Deade (Pantón, Lugo).
2 A figura do legoeiro ou peón camiñeiro fora creada en España en 1759, durante o reinado de Fernando VI, para coidar, a pé de camiño, a rede de estradas do Estado. A raíz dunha Real Orde de 1852 empezaríanse a construír as chamadas “casillas”, uns pequenos edificios que tiñan pozo e, nalgúns casos, un pequeno horto que estes operarios utilizaban como vivenda e lugar para gardar as ferramentas de traballo. O cometido destes peóns, que nos primeiros tempos cobraban uns cinco reais diarios e vestían traxe de pana e gorro de prato, era o arranxo, limpeza e coidado das vías nun treito determinado: unha legua, equivalente a 5.572 metros, de aí que en toda a xeografía galega se chamasen popularmente legoeiros.
3 Vid. Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña, A Coruña, 2 de febreiro de 1939, p. 87.
4 Vid. La Voz de Galicia, A Coruña, 1 de marzo de 1939, p. 4.


