O
Mosteiro
de Soandres é un dos elementos máis significativos da historia
da
Laracha e do
que hoxe coñecemos como Bergantiños, onde este templo beneditino
exerceu desde a súa fundación gran influencia en boa parte da
comarca.
Este
cenobio aparece xa citado a finais do século X, a través dun
documento de doazón que lle fai o conde Paio Pérez e a súa dona
Aragonta, no que se incluían varias igrexas e lugares, todos eles
dentro do actual municipio larachés. As doazóns continuarán
durante os séculos XI e XII, entre as que cabe citar a dos Condes de
Traba, familia que protexeu a moitos pequenos mosteiros que se
fundaron nas terras que estaban baixo o seu dominio.
Na
súa orixe o mosteiro estaba baixo a protección de San Salvador,
advocación habitual na Alta Idade Media, máis en
1351 o rei Pedro I de Castela demostrou a súa devoción polo templo
eximíndoo de pagar as taxas de yantare
e colleita.
Os monxes, como mostra de agradecemento ao
rei,
trocaron a advocación
a San Salvador pola de
San Pedro.
Durante
os séculos XIII e XIV temos abundante documentación que nos aporta
o investigador Manuel Lucas Álvarez, case toda ela referente a
contratos de foro que asinaron os distintos abades do mosteiro. Esta
época
é tamén
a orixe do esplendor arquitectónico do
edificio,
que chegaría ata nós coa feitura daqueles
días,
xa que a construción actual data de finais daquel século XIV, non
correndo tanta sorte as dependencias monásticas.
A
partir do século XIV, a nobreza local, sobre todo a familia dos
Pardo das Mariñas, señores das desaparecidas Torres de Cillobre, na
súa actuación de encomendeiros ou protectores do mosteiro, serán
os que cometan os maiores abusos e tropelías contra as propiedades
do
Mosteiro
e os monxes que nel habitaban. A pesar das reiteradas queixas que
estes lle elevaron aos
monarcas, as espoliacións non cesaron.
Ao
igual que hoxe, a
causa da súa extensión (é a
parroquia máis
extensa e oriental da comarca de Bergantiños),
Soandres
estaba dividida en copias,
unha
distribución que se conserva dende a Idade Media. Nun primeiro
momento esta división era de catro copias:
Borreiros, Boimir, Bocixa e Golmar, onde
precisamente os
freires beneditinos construiran
unha ermida dedicada ao fundador da súa orde, San Bieito, que na
actualidade é a igrexa parroquial
da freguesía de
Golmar.
No
ano 1877 Golmar convértese en parroquia, e a partir de aquí
Soandres segue conservando esta división, pero agora
con tres copias: Bocixa, Boimir e Borreiros.
A
finais do século XV e comezos do XVI o mosteiro comezaría a perder
os privilexios de antano
debido á reforma dos Reis Católicos. O
templo convértese nesta época nun priorado dependente do mosteiro
de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, unión confirmada
polo Papa Alexandre VI o 1 de outubro do ano 1500. Durante
o Antigo Réxime, a parroquia de Soandres formaba unha xurisdición
xunto coa de Sorrizo (Arteixo), baixo o señorío de San Martiño
Pinario, quen se encargaba de nomear o xuíz ordinario.
En
xullo de 1613 o
Cardeal Jerónimo
del
Hoyo visita o mosteiro, no
que habitaban dous
ou tres monxes, pertencentes a San Martiño, encargados de
administrar as súas rendas. Del
Hoyo infórmanos
tamén da existencia dentro da igrexa de Soandres dunha ara romana
dedicada a Hércules,
que mandou repicar por incitar ao culto pagán. No
seu libro manuscrito Memorias
del Arzobispado de Santiago,
o cardeal narra así a súa visita pastoral a Soandres:
“Esta
iglesia es muy grande y es priorato de San Martín de Santiago en que
hay de ordinario dos o tres flaires benitos. Es parrochial; tiene
pila baptismal y Santísimo Sacramento y tiene ciento y setenta y
seis fuegos. Hay en esta iglesia bicario perpetuo atitulado que
adeministra y sirve al curato y por su trabaxo le dan cinquenta
ducados el monasterio de San Martín y el pie de altar y lo demás se
llevan los frailes del monasterio de San Martín. La fábrica tiene
de renta seis ferrados de pan de unas heredades y de otras tiene más.
El edificio muestra antigüedad y es lástima que todo está teja
bana. Los feligreses biven (fol. 244, r.) algunos legua y media y
para venir a misa atraviesan dos feligresías.
En
un altar pequeño questá arrimado al poste principal de la capilla
mayor del lado de la Epístola, que tiene una piedra grande sentada
sobre una basa cuadrada; paresce que la dicha basa
fué árula gentíleça porque tiene estas letras:
I
O M
HERKVLI
. IONICO
Mandóse
por una visita picar las dichas letras, porque no quede rastro de
cosa semejante”.
No
verán de 1745, cento trinta e dous anos despois de aquela visita
pastoral do cardeal Jerónimo del Hoyo, o Padre Sarmiento hospédase
no mosteiro e, no seu caderno de viaxe, escribe:
“Ó
lado da epístola (lado S.) da igrexa de Soandres, había esta
inscripción: “I.O.M. Herkuli Ionico”. E que por visita
(arcebispal do cardeal Jerónimo del Hoyo) mandárase picar por ser
de xentís. Rexistrei o dito lado e aínda recoñécese a
picadura, que se cubrira de cal e se embarrara. Notei que moitas
pedras da igrexa teñen unha ou dúas letras, góticas ou romanas”
Durante
o século XVII, coincidindo cun novo esplendor dos mosteiros galegos
e das rendas parroquiais, acometeranse en Soandres varias reformas.
Será cando se constrúa a actual fachada barroca que conserva a
igrexa, e o edificio adosado á mesma que na actualidade fai de casa
reitoral.
En
novembro de 1805, con motivo das obras que se estaban realizando na
igrexa, a ara nomeada anteriormente foi soterrada no presbiterio, onde ía permanecer
esquecida durante un século, ata que
a localizou Rafael Balsa de la Vega
en xuño de 1909. Nese
mesmo ano formou
parte dunha exposición arqueolóxica celebrada en Santiago, lugar do
que nunca regresou. Na actualidade encóntrase no museo da Catedral
de Santiago. Trátase dun pequeno
altar conmemorativo da época politeísta
romana, unha
ara votiva de granito, perimétrica, con base e cornixa e con focus
triangular coa presenza dunha pátera con asas. O
actual texto que ten escrito suponse
que foi gravado despois de que se borrara a
inscrición
orixinal, que
diría... “Xúpiter Óptimo
Máximo. Hércules Jónico presentou a ofrenda”.
Antigamente,
os cristiáns recibían sepultura dentro do mesmo recinto da igrexa.
O último enterramento efectuado dentro da igrexa data de agosto de
1833. A vida monacal finaliza pouco
despois,
o 6 de decembro do ano 1835. O mosteiro, coas
desamortizacións de Mendizábal,
perde as súas propiedades e a súa función limítase, desde entón,
á de igrexa parroquial. O último frade beneditino de Soandres foi
don Justo Barrio Castroviejo, que recibiu sepultura nun nicho de
cantaría que el mesmo mandou construír pegado aos muros da parte
dereita da porta principal da igrexa. Actualmente, xa non queda
vestixio algún desta sepultura, tan só unhas marcas entrantes na
parede da igrexa, á dereita da porta principal, que delatan os
curiosos restos da súa localización.
Hoxe
en día consérvase o conxunto arquitectónico que conforman a
igrexa, de
planta basilical,
e a casa reitoral. As reformas posteriores, especialmente durante os
séculos XVII e XVIII, ían
dotar ao cenobio beneditino con
elementos de diferentes estilos arquitectónicos para que na
actualidade
combine con natural harmonía o gótico da cabeceira, o barroco das
naves e restos do primitivo templo románico en elementos do muro
norte.
No
interior, nas ábsidas laterais posúe baldaquinos do século XVIII
que albergan as imaxes de Santa Lucía
e Santa
Marta, esta
procedente
da antiga capela do mesmo nome, que se encontra no Coto de Santa
Marta.
O
altar maior e a imaxe do titular, San Pedro, son de factura
neoclásica e están datados a principios do séxulo XIX.
Os
altares das capelas absidais do lado da epístola e do evanxeo,
atopáronse durante os traballos realizados para cambiar a
pavimentación das capelas laterais, unha vez desmontados os sobancos
dos retablos. Son dúas mesas de altar con cinco soportes cada unha,
catro en posición angular e un en posición central, que suxeitan a
táboa da mesa do altar. A atribución destas mesas como altares
susténtase en que os soportes centrais que sosteñen a táboa,
conteñen uns depósitos relicarios, situados nos ocos existentes no
interior do propio soporte central. Na mesa do lado do evanxeo
atopouse unha caixa de madeira de sección circular, na que se
custodiaban envoltas nun pano vermello dúas lipsanotecas. Sen
embargo, na da epístola non apareceu ningún relicario, senón que
este espazo albergaba unhas cinzas. Por último, crese que estes
altares serían unha obra da segunda metade do século XIV, e son
unhas estruturas pétreas de cronoloxía gótica únicas en Galicia.
A
parte
correspondente á
parroquial foi rehabilitada na década de 1990,
restaurándose tamén o seu adro convertido nunha atractiva praza
pública que permite apreciar como é debido o templo. Ademais fai
uns anos construíuse unha segunda praza no entorno, que á súa vez
serve de aparcadoiro. Hoxe, aínda que a parroquial non sempre se
atopa visitable e moito menos os espazos privados, o lugar segue
sendo unha das visitas obrigadas do Concello de Laracha. Alí
agarda por
vós
o párroco don Manuel Mallo Mallo, a
quen lle quero agradecer, unha vez máis, a atención e amabilidade coa
que sempre trata a quen escribe.
Rematamos
esta pequena historia do Mosteiro de Soandres cunha cronoloxía da
autoría do historiador da parroquia Gumersindo García Gómez:
956,
30 de agosto.-
É a data máis antiga na que se menciona o noso Mosteiro nunha
doazón que fixo o conde Paio e a súa dona Aragonta.
969,
24 de febreiro.-
O
Bispo de Santiago, Nuño, confirma a doazón do conde Paio
engadíndolle as parroquias de Queixas, Cerceda, Montemaior, Golmar,
Soutullo e Larín.
1.193,
30 de xullo.- Dona
Urraca Fernández de Trava lega a “Suandres” cinco moios de
trigo.
1.282.-
Pedro
Pérez de Coiro renuncia ante Frai Martín Pérez, abade de Soandres,
aos dereitos que poida ter no lugar da Ferrería.
1.351.-
O
Rei de Castela, Pedro I, exime ao mosteiro de pagar os trabucos de
“yantar e colleita”
1.392,
12 de xaneiro.- Alonso
García de Cerceda dona unha leira ao mosteiro para que, á súa
morte, o enterren na igrexa de Soandres.
1.404,
30 de xuño.- O
Rei Enrique III firma unha carta de Emprazamento contra Martín
Sánchez das Mariñas para que restituia ao mosteiro certas
propiedades.
1.416,
16 de setembro.- A
Raíña Rexente de Castela, Dona Catalina de Lancaster firma unhas
cartas executorias contra certos cabaleiros da bisbarra, que en
moitas ocasións cercaron o mosteiro con homes armados de a pé e a
cabalo, e feriron gravemente ao abade, monxes e servintes.
1.420,
27 de decembro.- O
notario Pedro Vidal, a pedimento do abade Fernán García, “copia
fielmente” as doazóns do conde Paio e do bispo Nuño.
1.424,
20 de xaneiro.- O
Rei Juan II de Castela firma en Alcalá de Henares unha real
provisión pola que acolle baixo a súa real garda e amparo ao abade,
monxes e vasallos do mosteiro.
1.459,
11 de maio.- O
Papa Pío II expide en Roma unha Bula Apostólica na que prové á
abadía de Soandres na persoa do Cardeal Juan do título de Santa
Prisca.
1.499,
13 de xullo.- Frai
Rodrigo de Valencia procede á reforma do mosteiro.
1.500,
1 de outubro.- O
Papa Alejandro VI confirma a unión do mosteiro de Soandres co de San
Martín de Santiago.
1.518,
21 de xuño.- O
Abade de San Martín toma posesión do Priorado de Soandres.
1.573,
15 de maio.- Martiño
do Corgo, dono do pazo de Paradela, dona dúas leiras en Encián
á fábrica da igrexa por dúas sepulturas.
1.595,
15 de outubro.- O
Arcebispo de Santiago, don Juan de San Clemente y Torquemada, fai a
Visita Canónica.
1.613,
3 de xullo.- O
Cardeal Jerónimo del Hoyo executa a Visita Pastoral a Soandres e, ao
mesmo tempo, recolle datos para o seu libro manuscrito titulado
“Memorias del Arzobispado de Santiago”.
1.722,
13 de febreiro.- O
Arcebispo de Santiago, don Luis de Salcedo y Azcona, visita o
Priorado de Soandres.
1.745,
12 de agosto.- Frai
Martín Sarmiento hospédase un día coa súa noite no Priorado e
anota no seu caderno de viaxe todo canto lle chama a atención.
1.752,
12 de agosto.- O
Padre Prior de Soandres, Frai Benito Pizarro, colabora cos
funcionarios da Real Facenda na elaboración do “Catastro de
Ensenada”.
1.761.-
O
Mosteiro de San Martín Pinario de Santiago percibe do Priorado de
Soandres máis de 30.000 reás de vellón en rendas.
1.798,
17 de marzo.- Unha
gavilla de bandoleiros capitaneada por Juan Manuel Varela “El Tuno”
asaltan a man armada o Priorado e rouban 9.300 reás de vellón de
diversos obxectos de moito valor.
1.805.-
Ao
longo do verán execútanse na igrexa diversas obras como a
remodelación do coro, o enlousado dos presbiterios e a talla dos
baldaquinos.
1.835,
4 de novembro.- Co
obxecto de dar cumprimento á Lei de Desamortización, o intendente
da provincia da Coruña concede pasaporte a don Andrés Castro
Barbeito, Delegado de Arbitrios de Amortización, para que efectúe o
inventario do Priorado de Soandres. O día 6 de decembro rematou o
reconto e con el a vida monástica.
1.982,
11 de maio.- No
Boletín Oficial do Estado publícase unha resolución datada o 9 de
marzo pola que se adorna ter por incoado expediente de declaración
de Monumento Histórico Artístico o Mosteiro de San Pedro de
Soandres.
FONTES:
Alonso
Otero, Mª Leonor & Giadás Álvarez, Luís Antonio (1998):
Itinerario
bergantián do Padre Sarmiento,
Deputación da Coruña, páx. 49.
Fernández
Carrera, Xan (2000): Viaxe
pola historia de Soandres,
La
Voz de Galicia, 26 de maio.
García
Gómez, Gumersindo (2008):
Cronoloxía
do Monasterio
de San Pedro de Soandres,
Revistas das Festas de Soandres 2008.
García
Gómez, Gumersindo (2015):
A
memoria de tres testemuñas de pedra en Soandres,
Revistas das Festas de Soandres 2015.
Mouzo
Riobóo, Íñigo (2018): San
Pedro de Soandres, a xoia gótica descoñecida de Bergantiños,
Historia de Galicia.
Patrimonio
Galego (http://patrimoniogalego.net)
Turismo
A
Laracha (https://www.alaracha.gal/turismo)
_______________