Unha
das
informacións
que aparecen no Diccionario
geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de
Ultramar,
é a que fai referencia á existencia de oleiros na Laracha. O
seu autor Pascual
Madoz, cando
describe a industria que había naquela hora neste
municipio, dinos
que “se
dedican muchos brazos sin perjuicio de la agrícola; se encuentran
tambien molinos harineros, telares caseros, algunos tejares y
alfarerías, así como artesanos de primera necesidad”.
Esta
noticia levounos a procurar referencias documentais en diferentes
arquivos sobre os lugares da Laracha nos que, algúns veciños, se
dedicaron á fabricación e venda de pezas de olaría nas
“alfarerías” das que daba fe Madoz a mediados do século XIX no
seu Diccionario. É moi probable que se tratara dalgunhas simples
rodas instaladas ao amparo dos hórreos das casas nas que algúns labregos
traballaban temporalmente como oleiros cando as faenas do campo llo
permitían. Nestos casos o centro oleiro, máis ou menos familiar,
efectivamente existía, pero os seus operarios tiñan como profesión
principal outra distinta. Desgraciadamente, o feito de que o Concello
da Laracha perdera a documentación do seu arquivo nun incendio
acaecido hai xa bastante tempo, foi un factor determinante nesta
procura de referencias sobre eses oleiros laracheses dos que, tras un
arduo traballo de investigación, só podemos ofrecer exiguos (pero interesantes) datos.
|
Foto do libro La alfarería de Galicia
|
Polo
que nos conta o
investigador etnográfico Luciano García Alén no seu marabilloso
libro
La alfarería de Galicia,
a
maior
expansión da olaría galega prodúcese no transcurso do século
XVIII ata o primeiro terzo do
século XX. No caso da comarca de Bergantiños, a primeira
noticia documental que se ten
da existencia de olaría
en Buño, capital galega da artesanía do barro, data do século XVI,
cando a cidade
da
Coruña contratou
aos artesáns
desta
vila malpicá para
elaborar
os
canos da súa primeira traída de augas.
O
nivel técnico amosado
para crear esas pezas indica que os oleiros
de Buño
tiñan
xa
décadas, se
cadra séculos,
de experiencia e
tradición.
A
mellora da economía labrega entre os séculos XVII e XVIII ía
motivar
o desenvolvemento da produción oleira para o consumo das xentes do
campo. A evolución desta parte da nosa historia podémola seguir a
través das “memorias” de algúns dos historiadores da época
como
Eugenio
Larruga,
que
en 1799 informaba
que en
toda a xeografía galega había naquela época cento setenta e sete
fábricas de olaría e que “en la jurisdicción de Mens, y
Feligresía de San Esteban de Buño, se encuentran unos setenta
vecinos que fabrican
loza muy ordinaria”.
En 1804 Lucas Labrada, na
súa
Descripción
económica del Reino de Galicia,
menciona
as
fabricas de “loza ordinaria” que había
no país e dinos, ademais,
que na
Coruña celebrábanse
“dos
mercados
semanales los miércoles, y sábados, á donde se lleva harina, pan
cocido, gallinas, pollos, lechones, huevos, manteca, y algunos otros
comestibles, como también telas de lienzo del país,
y loza de las parroquias
de Buño, y Leiloio.”
Hai
que aclarar que cando Labrada emprega a palabra “loza” refírese
únicamente a vasillas en arxila ou barro cocido, e ao empregar
“fábrica” alude a obradoiros ou talleres familiares
característicos dos oleiros-labregos.
Labrada
tamén informa de que en contadas ocasións existiu algún taller con
incipiente organización industrial que, por diversas razóns, non
tiveron unha prolongada existencia. Conclúe o autor a súa obra
cunha recopilación numérica destos artesáns, considerando que
naquel momento existían en Galicia 143 mestres e 25 oficiais
oleiros, engadindo 6 mestres e 8 oficiais de “loza”, utilizándoa
nun sentido diferenciador. Acaso con isto aludise a algún intento
entón de fabricar “loza” con baño de sales de estaño, ou ben
alude xa á incipiente Fábrica de Sargadelos para aquela época.
Algúns
anos despois, en 1846, Pascual Madoz enumera no seu Diccionario
geográfico-estadístico nomeado
ao inicio desta
crónica
as
“fábricas
de loza” -enténdase novamente que se fala de talleres de oleiros-
existentes
en toda a xeografía galega e tamén as
“alfarerías”, entre
elas,
as que afirma
que había
na Laracha naquela
altura.
A
produción oleira e telleira en Galicia ten ata finais do século
XVIII características exclusivamente artesanais e rurais, unha
actividade intermitente na que se aproveita a estación de menos
choivas para efectuar unicamente a cocción necesaria para cubrir as
necesidades locais. Porén, hai xa zonas que acadan unha certa
especialización como agrupacións de vivendas-taller e que actúan
como centro de distribución comarcal, como foi o caso de Betanzos,
Buño, Mondoñedo, Bonxe, Samos, Gundivós, Lobios, Niñodaguia,
Portomourisco, Ramirás, Tioira, Bamio ou Prado, entre outras.
As
aldeas e vilas destos artesáns galegos ían acadar o seu maior grao
de expansión a finais do século XIX. O aumento da productividade do
campo (aínda
que foi a expensas dun maior esforzo
humano),
a introdución de novos produtos como o millo e a pataca, a mellora
da gandería, o aumento da poboación, ao mesmo tempo que outros
diversos factores como a apertura de novos camiños e o
desenvolvemento de mercados, xunto á posibilidade do labrego a
adquirir, polo menos, unha parte da terra que cultivaba, ían
significar un aumento no consumo de utensilios para a casa e para as
faenas do campo.
En
Galicia importábase olaría e louza de heteroxénea procedencia: de
Portugal, de Castela, posteriormente de Cataluña e a relación
podería prolongarse extensamente. A isto hai que engadir a constante
emigración dos galegos que, á súa volta, aportaban novas ideas.
“Alguna vez contamos con una referencia expresa de esas
aportaciones, como el 'paragüeiro' conocido por 'O Luintra', que
trajo para Niñodaguia una 'pota' de Castilla. Se dice que a finales
del siglo XIX era frecuente 'a passagem dos galegos como artistas de
compor louça e guarda-sois, os quáis deixavam marcas ou nomes
excritos nas paredes caiadas da Igreja Matriz de S. Tiago de Areias,
al N. de Portugal. La
aldea de 'louceiros' de Prado es consecuencia de un campesino que
durante años trabajó en Barcelos. En nuestra opinión las aldeas
próximas a Samos son una consecuencia de quienes iban a Castilla
como segadores. Y las gentes marineras de Galicia han sido un
incesante vehículo de aporte de cultura material. A Galicia llegaron
alfareros oriundos de la comarca de la Bañeza y portugueses de
Barcelos, que establecieron sus talleres por diversos lugares de
nuestro país, importando los caracteres de la alfarería de su
comarca de origen.”
Tamén
debemos
subliñar
que
nos séculos
XIX e
XX, houbo
moito
intercambio de ideas entre oleiros
de distintos
puntos da xeografía
galega.
Así, os artesáns
de Buño pasaron polos
talleres de Bonxe e
viceversa. Parece
ser que a estadía dos primeiros nos obradoiros da Terra Chá motivou
un aumento da riqueza decorativa. Outros de Buño, xa por épocas
pasadas, fóronse a Betanzos, Ares, Narón e outros lugares,
ocasionando formas híbridas na nosa olaría. E en tal sentido é de
singular interese a emigración dos oleiros da Guarda, entre 1935 e
1950, que traballaron nun importante taller de cerámica
galego-portuguesa.
|
Oleiro de Buño coa súa familia no primeiro cuarto do século XX (Foto do libro La alfarería de Galicia)
|
No
transcorrer da produción oleira característicamente ruralizada en
Galicia, houbo varios intentos de industrialización, que
esporadicamente e con diversa fortuna foron producíndose xa no
século XVIII. Unha veces pretendíase industrializar a produción
oleira e outras o que se intenta é a fabricación de louza. Ao fío
disto, referíndose a Pontevedra, Alfredo Brañas opinaba que “(...)
además no sería difícil en determinados puntos de la provincia
montar pequeños establecimientos que tuviesen
por objeto la fabricación de utensilios de porcelana y barro, algo
más perfectos que los famosos de Buño, en la provincia de La
Coruña. En efecto, pucheros, barreños, platos, caños, tiestos para
jardín, etc., podrían elaborarse con las arcillas más groseras que
se dedican a fabricar tejas y ladrillos; y con el caolín bien
preparado, las mejores vajillas que pudieran competir ventajosamente
con las que proceden de
las
fábricas catalanas
y
sevillanas.”
Xa
polo ano 1765 pretende D. Pedro Costal a creación dunha fábrica de
louza
ordinaria en Tui, que ía ter unha duración efémera. Dúas
décadas máis tarde, en 1786, D. Lorenzo de Riba y Otero trata de
desenvolver unha fábrica de louza
basta no lugar de San Caetano de Mondoñedo. E é ben coñecida a
creación na
parroquia de Santiago de Sargadelos (Cervo, Lugo)
da fábrica de louza de Sargadelos en 1804 por D. Antonio
Raimundo
Ibáñez, coa pretensión de fabricar auténtica louza a imitación
da de Bristol. A actividade desta fábrica finalizou polo ano 1875,
pero no seu tempo a produción foi dunha elevada calidade,
diferenciándose en catro épocas polos seus característicos modelos
e decoracións e as diversas pastas cerámicas empregadas.
Nesa
época foron xurdindo outros proxectos para a industrialización da
olaría e para fabricar diversos tipos de cerámica, proxectos
que na
súa maioría non terían unha
duración
moi longa. Neste concepto é destacable a pretensión dun
notable número de fabricantes de tella, ou telleiros, tan abundantes
por determinadas áreas da xeografía galega, entre elas A Laracha,
para desenvolver a súa produción mediante a fabricación da olaría.
O propio Ibáñez posuía unha telleira en Xove, lugar próximo a
Sargadelos, antes de iniciar a fábrica de louza. E tal é, como
outro exemplo, a “Fábrica El Progreso” da
Guarda (Pontevedra),
antiga telleira que á
parte de contar cos mellores oleiros do lugar,
incorpora a un grupo de artesáns
emigrados de Portugal e inicia a produción dunha ampla gama de
vasillas de barro e mesmo obxectos de barro fino e louza, durante os
primeiros anos do
século XX.
A
desexada transformación das telleiras en fábricas de olaría tamén
tiveron o seu exemplo na Laracha, onde, segundo
as informacións que localizamos
no Anuario
del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la
Administración,
sabemos
que
un tal Antonio Varela foi
propietario a
finais do século XIX
dunha telleira e dun
obradoiro
de
olaría existentes
no municipio.
|
A páxina 15 de revista Vida Gallega do 10 de novembro de 1920 representa a desexada transformación das telleiras en olarías
|
O
devandito
Anuario
del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la
Administración
é unha continuación, a partir de 1881, do Anuario-almanaque
del comercio, de la industria, de la magistratura y de la
administración
que, en 1879, comezara a editar o libreiro madrileño Carlos
Bailly-Baillière, e que máis tarde tamén farían os seus fillos,
ao estilo dos que se publicaban nesa altura noutros países de Europa
e en Estados Unidos, seguindo a estrutura do francés
Annuaire-almanach,
de Diderot-Bottin.
Na
colección da Biblioteca Nacional faltan os anuarios correspondentes
aos anos 1889-1893 e 1907. Debido ao estado da colección e á
inxente paxinación dos seus volumes, a dixitalización do ano 1886
está dividida en 64 entregas, e algúns anos posteriores en diversas
partes. Algúns carecen de portada e primeiras páxinas. Despois de
trinta e tres anos publicándose baixo este título, en 1912 fúndese
coa guía catalá Anuario-Riera (Barcelona: 1896-1911), para
seguir editándose, iniciando a súa segunda época e numeración,
baixo o título Anuario general de España (1912-1978), o cal
non está incluido na Hemeroteca Dixital ao estar suxeito a dereitos
de propiedade intelectual.
Pois
ben, na edición do ano 1881 do devandito Anuario figura
Antonio Varela como propietario de una “fábrica de tejas”. Como
anécdota, comentar que nese mesmo ano (e nos seguintes) aparece Juan
Astray López como propietario dunha fábrica de xabón sen
especificar, en ambos os dous casos, o lugar da Laracha na que
estaban situados esos negocios.
No
1882 o nomeado Varela non figura no Anuario,
mais volve
a aparecer en 1883, 1884 e 1885, desta volta como propietario dunha
“fábrica de alfarería”, polo que supoñemos que foi un daqueles
telleiros que transoformaron a súa telleira nun obradoiro de olaría.
Non
nos aventuramos a determinar o lugar no que estaba o taller de
Antonio Varela, artesán do que non temos máis noticias desde 1885,
mais o que si apostamos é que fabricaba os seus cacharros de barro
con caolín (que é unha arxila branca de gran pureza que se emprega
para a fabricación de louzas e porcelanas) extraído nalgún dos
barreiros da Laracha.
Segundo
as informacións de Luciano García Alén, na época da que estamos a
falar non deixaban de acudir aos mercados galegos as vasillas de
barro, ademais de louza, con orixe de moi diversos lugares, e que en
maior abundancia procedían de Portugal, Castela e Cataluña. Con
inusitada frecuencia, o seu mellor acabado e máis abundante
decoración relegaban a un segundo plano á sinxela olaría dos
artesáns do país. E por este dominio comercial e ante a ausencia do
máis mínimo apoio á industria que perduraba no campo como
fundamental medio de subsistencia dos labregos, o historiador Ramón
Otero Pedrayo crispábase de indignación ao expresar… “A
revolución foi non industrial senón comercial na miña terra. Ela
quedou como país colonizado pola tenda, non veu en troques de unha
farta e tradizoal industria caseira ou popular outra nova. Fíxose a
Galicia mercado… Manexouse a arma da bulra contra as industrias e
labouras antigas enxebres (...).”
Despois
dos ensaios industriais sucedidos durante o século XIX e ata
traspasar o primeiro cuarto do século XX non foi posible en Galicia
o desenvolvemento dunha apropiada fabricación de louza e porcelana,
en tanto que están destinados á exportación unha parte importante
dos caolíns que se gardan no seu subsolo.
Ao
fío da información anterior cabe lembrar que, cando o empresario de
Vilalonga (Pontevedra) Epifanio Campo Núñez comezou coa súa
actividade empresarial na Laracha, foi precisamente coa explotación
dun xacemento de caolín en Lendo, material que exportou a Alemaña,
País Vasco, etc., durante varios anos, ata que construíu a primeira
fábrica de Cerámica Campo. Mais disto xa falaremos noutra ocasión.
|
Panorámica
actual do barreiro de Cerámica Campo no que se observa, cun ton máis
claro que o resto da imaxe, o xacemento de caolín
|
A
información sobre os oleiros que houbo na Laracha é moi exigua,
sabémolo. Só temos o apuntamento de Pascual Madoz, cando informa de
que a mediados do XIX había no municipio “algunos
tejares y alfarerías”,
e as referencias do Anuario
del Comercio nos
que figura Antonio Varela como propietario
dunha
“fábrica
de alfarería”. Mais,
con todo, estos exiguos datos parécennos de moito interese para a historia local xa que
axudan a ter unha nova perspectiva da relación do municipio larachés
coa cerámica.
Ata
a semana que vén!
____________