xoves, 27 de abril de 2023

AS TELLEIRAS DA LARACHA NO CATASTRO DE ENSENADA DE 1752

  Decretado o 10 de outubro de 1749 por Fernando VI a proposta do seu Ministro Zenón de Somodevila y Bengoechea, I Marqués de Ensenada (Hervías, Logroño, 1702-Medina del Campo, Valladolid, 1781), o chamado Catastro de Ensenada é un documento de carácter fiscal que se elaborou naquela altura para a implantación da Real Única Contribución co que se pretendía acabar cos privilexios fiscais dos que gozaran tradicionalmente certos sectores da sociedade, así como crear un aparato de recadación fiscal máis eficaz e equilibrado, no que os impostos foran proporcionais á riqueza de cada cidadán. 

  Trátase dun interrogatorio de corenta preguntas sobre as características económicas e xeográficas de todas as poboacións das vinte e dúas provincias do antigo Reino de Castela no cal se realizou, dende abril de 1750 ata o mesmo mes de 1756, nos 15.000 lugares cos que contaba Castela naquel entón, unha minuciosa indagación a grande escala dos seus habitantes, bens, edificios, oficios, rentas… co obxectivo de obter os datos necesarios para modificar o sistema tributario vixente naquela época.

   Con este interrogatorio o Marqués da Ensenada pretendía conseguir información sobre todos os medios de produción e dos ingresos de cada persoa, mais finalmente a iniciativa non chegou a bo porto e acabaría fracasando.

   Como era de agardar, o importante papel da nobreza e do clero naqueles días, e o feito de ser un dos grupos máis perxudicados polo establecemento dun imposto único en función da renda, ía impedir, dada a súa postura de rexeitamento e oposición, que finalmente se levara a cabo a devandita Real Única Contribución.

   Mais afortunadamente, podemos sacar algo moi positivo deste catastro, e é o feito de que gran parte da información recompilada chegou ata os nosos días a través dos arquivos históricos, que podemos consultar no portal PARES1 e que nos resultan de grande utilidade para elaborar unha reconstrución de cómo sería a España do século XVIII, grazas ás máis de 350.000 imaxes sobre estos interrogatorios ás que podemos acceder. É tamén de agredecer a transcrición do interrogatorio das parroquias que hoxe conforman o municipio da Laracha publicada pola Deputación da Coruña no ano 2017. Quitámonos o sombreiro co traballo de investigación e transcrición que realizou o caionés Marcos Emilio Amado Casdelo neste proxecto.

    Aínda que o Concello da Laracha non existía como tal naquela hora, as respostas dadas nas trece parroquias ofrecen unha idea de como se estruturaban no eido social e económico, ofrecéndonos datos de número de veciños coas súas rendas, bens, oficios ou mesmo os tipos de terras de cultivo, colleitas, gandos, e outros recursos que xeraban valor como as colmeas, muíños, embarcacións ou fábricas, que é o que realmente nos interesa para esta crónica.

  De seguido imos analizar as contestacións ás preguntas número dezasete e número trinta e tres do devandito Catastro.

    Con relación a decimosétima, que preguntasi hay algunas Minas, Salinas, Molinos Harineros, ú de Papel, Batanes, ú otros Artefactos en el Termino, distinguiendo de qué metales, y de qué uso, explicando sus dueños, y lo que se regula produce cada uno de utilidad al año”, Cabovilaño, Lemaio e Vilaño foron as únicas parroquias do actual municipio larachés no que se deixou constancia que naquela hora había algunha telleira nos seus respectivos termos. Deste xeito, no interrogatorio realizado en Cabovilaño aparece a seguinte información:

Horno de teja
Uno al sitio de Oldán que pertenece a Manuel Cotelo, Andres da Vila y Francisco Cerqueiro, cuya respectiva utilidad ba cargada en el capítulo 24. 
Panorámica actual do lugar de Oldán

   Durante as investigacións e o traballo de campo realizado para a publicación desta crónica, visitamos en varias ocasións o lugar de Oldán co obxectivo de situar o punto exacto no que estaba a telleira nomeada no Catastro de Ensenada. Mais, desgraciadamente, non fomos quen de cumprir con este propósito xa que ningunha das persoas entrevistadas en Oldán era coñecedora de que houbera alí algunha telleira no pasado. Dous séculos e medio é moito tempo para que o forno se mantivera vivo na memoria oral. Con todo, ante a afouteza e fermosura do topónimo, quixemos saber a procedencia do nome deste lugar da parroquia de Cabovilaño e, para tal fin, contactamos co admirado investigador carballés Fernando Cabeza Quiles, que nos dixo que “en Oldán escóndese un nome de orixe xermánica dun posesor de orixe medieval en caso xenitivo; debe ser o mesmo ca Aldán pero cunha metátase (cambio do primeiro A- a O- por influencia do outro a)”.

  Pola súa banda, sen precisar o lugar no que estaban situados, no interrogatorio da parroquia de Lemaio dise que...

Tambien hay tres hornos de fabricar teja: el uno pertenece al expresado Don Diego2, cuio producto de el regulan en veinte reales: otro a Salvador da Vila, el que regulan en quince reales; y en otra tanta cantidad el de Simón Rodríguez; y responden.

    Ante a contundente aseveración que nos indica o nome dun monte situado nos lindes dos municipios da Laracha e Carballo, o Monte da Telleira, é doado intuír que estas telleiras nomeadas no Catastro de Ensenada estaban situadas á altura do quilómetro 26 da AC-552, non moi lonxe do muíño da Cheda e das augas do rego de Reiros e do río Anllóns. 

 

Zona na que supoñemos que estaban as tres telleiras de Lemaio nomeadas no Catastro de Ensenada (http://mapas.xunta.gal/visualizador-de-mapas)

    A gran cantidade de microtoponimia que deixou a súa pegada nos terreos existentes entre os lugares da Estrada, Tuixe de Arriba e Entrerríos, vén a confirmar as nosas sospeitas de que “los tres hornos de fabricar teja”estaban nesta zona da parroquia de Lemaio na que existen leiras con nomes tan suxestivos como A Telleira, A Telleira do Forno, A Tenza do Pozo, Pozos, Camiño dos Pozos ou mesmo o xa nomeado Monte da Telleira. Podemos comprobar a existencia destos vestixios toponímicos que suxiren unha viaxe ao pasado entrando no buscador de inmobles da páxina web da Sede Electrónica do Catastro3.

    E, finalmente, transcribimos o que aparece no interrogatorio realizado na parroquia de Vilaño:

Hornos de cocer teja
Dos al sitio da Telleira de don Manuel de Aldao, vecino de Mens, y le productan de utilidad cada uno ciento treinta y cinco reales al año.

    O Catastro de Ensenada achéganos outros datos de interese sobre a parroquia de Vilaño. Dinos, entre outras abondosas informacións, que a mediados do século XVIII había dezaseis muíños, todos dunha roda, agás un que tiña dúas. Un deles, o que se podía ver “arruinado de una rueda en el arroyo das Penouqueiras”, pertencía a Manuel de Aldao, veciño de Mens, Malpica, propietario das dúas telleiras e que tamén figura no interrogatorio, xunto a Teresa de Caamaño (viúva) e José Rodríguez Añón, como un dos tres fidalgos que naquela hora había nesta freguesía. Para obter outras referencias sobre Manuel de Aldao consultamos o interrogatorio da parroquia de Mens, onde figura como administrador do Conde de Altamira cobrando polo seu cargo “trescientos y sesenta Reales de Vellón”.

    Precisar con exactitude o lugar no que Manuel de Aldao posuía os dous fornos é tarefa complexa. Na actualidade tanto na parroquia de Cabovilaño como na de Vilaño existe un núcleo de poboación denominado A Telleira, que na realidade están un ao carón do outro divididos polos lindes das dúas freguesías. Despois de deixar atrás os últimos edificios da capital municipal e o lugar da Gándara, na parroquia de Torás, á man dereita en dirección a Carballo podemos ver un letreiro no que reza o nome “A Telleira”, que vén sendo o lugar da Telleira da parroquia de Cabovilaño. Uns metros máis adiante deste indicador está o desvío que conduce ao CEIP Otero Pedrayo. Na entrada deste acceso ao colexio, que é a actual rúa José Añón Canedo -antano denominada Camiño da Telleira- está a única casa do lugar da Telleira da parroquia de Vilaño.

 

Á dereita da imaxe podemos ver o indicador do lugar da Telleira correspondente á parroquia de Cabovilaño. Un pouco máis adiante está o desvío que conduce ao CEIP Otero Pedrayo

    Coa información que aparece no interrogatorio do Marqués de Ensenada realizado en Vilaño a mediados do século XVIII, dos al sitio da Telleira”, todo parece indicar que antigamente A Telleira era un só lugar da parroquia de Vilaño e non os dous da actualidade de freguesías diferentes mais, con todo, é algo que non podemos aseverar. Segundo os amigos do Instituto de Estudos Bergantiñáns, “no século IX aparece documentada a igrexa de San Román en Vilaño, daquela pertencente á sede iriense. Naquel tempo había unha soa parroquia dedicada a aquel santo, un dos máis antigos no culto hispánico, en lugar das dúas actuais (Vilaño e Cabovilaño), seguramente a parroquial estaba situada en Vilaño Vello. No século XIV xa aparecen as dúas parroquias diferenciadas (Vilaño e Cabovilaño), co seu patrón correspondente. Parte dos beneficios de Cabovilaño pertencíanlle aos Mariñas, señores de Cillobre. A comezos do século XVII, San Román era anexo de Santiago de Vilaño, así consta en Jerónimo del Hoyo (1607), ao revés do que sucede actualmente. Co cal poderíamos deducir que en Vilaño estivese a primitiva parroquia”4.

    Dada a abondosa microtoponimia existente no perímetro cuadrangular formado polo lugar da Telleira, na parroquia de Cabovilaño, a actual rúa José Añón Canedo, e os lugares de Bos Aires, Vilaño Vello e A Telleira, os tres na freguesía de Vilaño, aventurámonos a pensar que os dous “hornos de cocer teja” que eran propiedade do fidalgo de Mens (Malpica) Manuel de Aldao estaban nesta zona, unha zona na que existen varias parcelas con nomes tan esclarecedores como Dos Barreiros, situada ao carón do CEIP Otero Pedrayo; Das Barreiras; Barreiro; Telleira ou Camiño da Telleira. Estos microtopónimos, que son a mellor proba da existencia dunha industria antiga de fabricación de tella nesta parte da xeografía do municipio, pódense consultar, como xa dixemos anteriormente, entrando no buscador de inmobles da páxina web da Sede Electrónica do Catastro5.

 

Imaxe do CEIP Otero Pedrayo e da rúa José Añón Canedo, antigamente denominada Camiño da Telleira

   Para a nosa investigación tamén resulta de moito interese as contestacións da pregunta trixésimo terceira do Catastro: “qué ocupaciones de Artes macanicos hay en el Pueblo, con distincion, como Albañiles, Canteros, Albeytares, Herreros, Sogueros, Zapateros, Sastres, Perayres, Texedores, Sombrereros, Manguiteros, y Guanteros, etc. explicando en cada oficio de los que huviere el numero que haya de Maestros, Oficiales, y Aprendices; y que utilidad le puede resultar, trabajando meramente de su Oficio, al dia a cada uno”.

   No interrogatorio celebrado en Cabovilaño noméanse a un total de 11 persoas que, á parte de gañar a vida cos traballos do campo, tamén facían algún carto fabricando tellas. Nesa época había na freguesía 62 veciños cabezas de familia e un total de 248 habitantes. A resposta foi a seguinte:

Fabricantes de teja:
Manuel Cotelo, labrador, y como fabricante lucra al año quarenta y cinco Reales. Y como dueño de la tercia parte de un orno de ella situado en Oldán, percive asimismo quarenta y cinco Reales.
Francisco Cerqueiro, Ydem, utiliza al año quarenta y cinco Reales, y por otra tercia parte del orno interesa igualmente quarenta y cinco reales.
Andrés da Vila, Ydem en todo, lucra nobenta Reales.
Domingo Cotelo, como mero fabricante, gana cuarenta y cinco Reales.
Manuel Cotelo, Ydem. Benito Cotelo, Ydem. Antonia Lopez, Ydem. Silvestre Asprobal, Ydem. Alonso Lopez, Ydem. Pablo López, Ydem. Fructuoso de Esmoriz, Ydem. 
Panorámica actual do lugar de Oldán

   Na parroquia de Lemaio o número de fabricantes de tella era aínda maior que en Cabovilaño. Traballaban un total de 14 dos 43 veciños cabezas de familia que había naquela hora en toda a freguesía6. A contestación á devandita pregunta foi a seguinte:

A la trigesima tercia dijeron que en dicha feligresía hai a Salvador Rodríguez y Vila; Andres de Lago; Alejandro Rodriguez; Gregorio Varela; Lorenzo Sueiro; Pablo Vazquez; Manuel Varela; Fernando Lorenzo Pombo; Jacobo García; Manuel Baston; Gregorio da Vila; Rosendo Correxido; Francisco Posse y Simon Rodriguez, Fabricantes de teja, cuia utilidad, que cada uno tiene, regulan en quarenta reales.  
Á esquerda da imaxe vemos a estrada AC-552 e, detrás do letreiro, a leira denominada A Telleira
Imaxe tomada dende o lugar de Tuixe de Arriba na que podemos ver, en primeiro plano, o Monte da Telleira. Á esquerda, o lugar de Entrerríos, pertencente á parroquia carballesa de Bértoa, e, no centro da fotografía, o castro da Condesa

   E finalmente, nalgún dos numerosos datos correspondentes á pregunta trixésimo terceira do interrogatorio efectuado na parroquia de Vilaño, onde naquel momento había 75 veciños cabeza de familias7 e 300 habitantes, aparecen seis labradores e un carpinteiro que diversificaban as súas actividades habituais coa de telleiros:

Carpinteros que ganan al día tres reales:
Pablo Cotelo; Manuel de San Christobal, y como fabricante de teja gana al año quarenta y cinco reales; Juan Negraia, y como tabernero lucra al año cien reales.
Labradores
Pedro Boutureyra; Joseph Gomez; Juan Garcia; Pascual do Lago, como fabricante de teja gana al año quarenta y cinco reales; Juan Fernandez; Antonio Patiño; Pasqual Lopez; Cuxenio Verdia; Fabian do Mato; Phelipe Cambon; Matheo Ramilo Zapatero; Benito do Xesto; Alverto da Cruz; Jacobo Mariño; Ygnacio Rodriguez; Andres Teixoeira; Domingo da Viña; Silbestre Mariño; Domingo da Marta; Antonio de Riotorto, y como fabricante de teja lucra al año quarenta y cinco reales; Antonio Freyre, y como fabricante de teja gana al año quarenta y cinco reales; Antonio Varela, y como fabricante de teja gana al año quarenta y cinco reales; Juan Alvarez como fabricante de teja gana al año quarenta y cinco reales; Pasqual da Cruz, como fabricante de teja gana al año quarenta y cinco reales: es sastre; Silbestre Esmoriz; Francisco de Andrade; Blas de Baldomir; Carlos Cambon; Domingo de Corral; Francisco Fernandez; Pedro de San Christobal; Juan de Riotorto; Jacobo Nobais; Jacobo Cotelo; Domingo da Piña; Silbestre Fernandez; Domingo Antonio Canedo; Fernando de Castro; Salvador Cambon; Joseph Cotelo; Joseph da Piña; Juan Lopez; Juan Loureyro; Casimiro Cotelo; Pedro Corral; Juan Antonio de Lista; Juan Ramos; Pablo Brandon; Miguel Estevez; Domingo do Mato; Antonio Varela; Domingo Teixoeira; Candido de Areosa; Lucas Fernandez; Marcos Mallo; Alonso do Monte; Antonio Lopez; Joseph da Vila; Agustin Suarez; Bentura de Novas, Miliciano. 
Fotografía tomada dende a AC-552, diante da rúa José Añón. Á dereita da imaxe, a única casa do lugar da Telleira da parroquia de Vilaño

   Así pois, resumindo os interesantes datos que nos proporciona o Catastro do Marques de Ensenada de 1752, sabemos que nesa hora había seis fornos telleiros no que hoxe é A Laracha, un en Cabovilaño, tres en Lemaio e dous en Vilaño, telleiras que tiñan unha importante produción para a época xa que alí traballaban 32 persoas nun momento no que as parroquias que hoxe forman o municipio larachés sumaban un total de 891 veciños cabezas de familia e 3.564 habitantes.

________________

2 Refírese a Don Diego de Oca y Cadórniga, Señor da Xurisdición de Erboedo que constituían as parroquias de Chamín, Erboedo, Lendo, Lemaio. Monteagudo e Verdillo

4 Vid. José Antonio Andrade Figueiras, Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada, Luís A. Giadás Álvarez (2016): Andando por Bergantiños nª 17, parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, p. 36.

6 Lemaio tiña nesa época 172 habitantes.

7 Dos 75 cabezas de familia de Vilaño, 60 eran labradores.

xoves, 20 de abril de 2023

A LENDA DA CIDADE DA FRAGA DE BRAGUNDE

   É probable que ao falar das cidades soterradas ou asolagadas, o expoñente máis popular de Galicia sexa a Atlántida, unha illa sobre a que moito se ten escrito mais, iso si, sen facelo ninguén coa fantasía do escritor e pintor surrealista galego Urbano Lugrís, o pintor do noso mar, que sería quen de convertela en perla do universo mitolóxico occidental atlántico. Unha Atlántida que, segundo o filósofo grego Platón, tiña as dimensións dun continente e que desapareceu na Antigüidade baixo as augas do océano Atlántico porque os seus habitantes, os atlantes, foran castigados polos deuses por mor da súa soberbia, castigo divino que polo que conta a lenda, no tempo que transcorren un día e unha noite, sucumbiron por mor dun volcán ou dun gran terremoto. 

  A día de hoxe, no litoral das terras de Bergantiños, aínda sobrevive a memoria desta lendaria cidade asolagada e as súas xentes falan que fronte ás súas parroquias costeiras, a unhas doce millas mar adentro, hai unhas rochas que sobresaen do mar e que, cando baixa a marea, pódense ver os restos de muros e escaleiras que corresponden ás edificacións dalgunha vila ou cidade da desaparecida grande illa.

   En Bergantiños tamén se conta que, antes de que esta cidade desaparecera para sempre, aqueles homes e mulleres que levaran unha vida dedicada a facer o ben, tiveron a oportunidade de salvarse e fuxir en barcas de pedra e, co tempo, algúns convertiríanse en santos e santas fundando santuarios na xeografía galega como o de Santa Comba, en Covas; Santo André, en Teixido; a Virxe da Barca, en Muxía; Santo Adrián, en Malpica…

   Mais, á parte da Atlántida, hai outros contos populares que nos falan de ducias de cidades desaparecidas entre as nosas augas, cidades das que moitos historiadores, escritores e etnógrafos ían tratar nos seus respectivos traballos recompilando lendas de tradición oral sobre os seus afundimentos e asolagamentos. Un deles foi Manuel Murguía, quen dicía que apenas se atopa en Galicia unha lagoa ou lago de certa importancia que non teña a tradición dunha cidade sepultada, normalmente co nome de Vilaverde.

   Entre as cidades lendarias, se cadra Duiu, na praia de Langosteira (Fisterra) é a máis popular. Trátase da antiga Dugium, mítica capital da tribo dos nerios, sita entre os cabos da Nave e Fisterra, da que o arqueólogo Luís Monteagudo di que é o mítico porto dos Ártabros, citado polos xeógrafos clásicos gregos Estrabón e Ptolomeo, lugar de embarque do ouro e estaño galegos. A lenda xacobea sobre esta cidade fala de que o delegado romano fixo prisioneiro aos discípulos do Apóstolo Santiago, que se liberarían milagrosamente despois de que o mar, como castigo divino polo seu apresamento, asolagara á lendaria Dugium.

   Outras das cidades máis citadas son a de Beria ou Veria, afundida baixo a lagoa de Cospeito, pertencente ao territorio habitado polos míticos baluros, na Terra Cha lucense, comarca na que tamén, segundo as lendas populares, están asolagadas a de Buriz, en Vilalba, e as de Trasparga e Boedo en Guitiriz; a de Reirís, desaparecida na lagoa do Carregal en Corrubedo (Ribeira); as sumidas en Doniños (Ferrol); Pantín (Valdoviño); O Roxal (Neda); Brandomil (Zas); Estebañón (Viveiro); Lagoa Sacra (Forcarei); Portocelo (Xove); Lagoa de Alcaián (Coristanco); na praia do Orzán da Coruña, da que Lugrís di que tiña cen torres de ouro con campás de sal e unha praza porticada de tres días de andadura de largo pavimentada de ámbar; Carracedo (As Pontes); Os Curbeiros (Friol); Montouto (Mondoñedo); O Carballiño; Pozo de Lago (Maside, Ourense); a lagoa das Xarfas, tamén coñecida como lagoa de Louro (Muros); na lagoa da Antela, onde está a mítica Antioquia fundada polo lendario heroe grego da Ilíada Antíloco, emigrante da guerra de Troia, asolagada por Xesús por negárselle a esmola que pedía; Gomorra, na ría de Corcubión, que desapareceu mentres os seus habitantes celebraban unha gran comellada; Vilaverde, fronte á praia dese nome en Moraime (Muxía); a Fonte de Ricamonde (Carnota), onde seica quedou sepultada unha vila romana; as de Valverde, na praia de Corme e na lagoa de Traba, en Laxe; ou a de Galilea (diante do litoral de Arteixo, A Laracha, Carballo e Malpica. Outros versións sitúana na lagoa de Baldaio), cidade que, segundo estas lendas populares, fora asolagada porque a veciñanza se negara a darlle pousada a Xesús cando veu predicar por esta parte do mundo xunto con San Miro e Santa Mariña.

   Non deixa de ser curioso que, gran parte das lendas referidas a todas estas cidades cubertas polas augas, repiten os tradicionais nomes de Valverde e Lucerna que, polo que nos conta Manuel Murguía, proceden dunha pasaxe da Vida de Carlomagno descrita na Crónica de Turpin, un dos libros que forma parte do Códice Calixtino, onde se conta a destrución da cidade de Lucerna, situada no Valle Verde (Valverde) e onde, por mor da difusión desta Crónica ou pola propagación dos romances, a lenda espallaríase máis tarde por numerosos lugares de Galicia.

   Tratábase dun tema mítico, cristianizado no medievo, orixe dunha morea de lendas semellantes por todo o mundo cristián onde, un dos principais compoñentes que acompañan a estes contos ou lendas, é o inmediato castigo de Deus asolagando as cidades por mor dos pecados dos seus moradores, case sempre abandonados ao desenfreo e ao paganismo, e tamén por non auxiliar ao seu fillo, á Virxe, San Pedro, Santiago ou outro santo, ao tempo que procura a salvación das persoas caritativas, e queda como testemuño o son das campás emerxendo cara á superficie a través das augas, símbolo eterno do castigo divino ao pecador.

   E como non podía ser doutro xeito, na Laracha, concretamente no lugar de Bragunde, na parroquia de Lendo, tamén temos a nosa propia lenda sobre unha cidade asolagada ou soterrada, unha lenda que recolle o profesor malpicán Xelucho Abella Chouciño no seu marabilloso libro Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte, onde nos conta que... “Na braña O campo da fraga de Bragunde, topónimo que parece incorporar o brag- (castro, cidade) céltico, no camiño que vai de Lendo (A Laracha) ó Rapadoiro (Noicela, Carballo), hai unha cidade soterrada na que vivían os mouros ou os xentís, e que garda un tesouro fabuloso. Estes xentís habitaban dúas covas debaixo do Picoto da Veiga, na lindante parroquia de Monteagudo (Arteixo). Os xentís non tiñan a onde ir á misa, polo que ordearon levantar unhas igrexas. Fixeron nunha soa noite a de Monteagudo, a de Lañas (Arteixo) e o convento de Soandres (A Laracha). Para daren servizo uns ós outros arrebolaban polo aire dunha igrexa á outra as pedras e outros materiais. Outra variante desta lenda di que as igrexas construídas nesa noite de tan alta produtividade laboral foron as ermidas da Virxe da Estrela (Monteagudo), Santa Marta (hoxe a imaxe está na parroquial de Soandres) e San Roque de Larín (Arteixo)1.

 

Panorámica do lugar de Bragunde. Ao fondo as Illas Sisargas

   Bragunde abofé que é un lugar cun encanto especial. Quen sabe? Se cadra está enfeitizado por algunha que outra moura da época dos xentís. Non deixa de ser curioso, aí o deixamos caer, que algúns dos terreos existentes entre o Cruceiro Novo e Bragunde sexan coñecidos co nome das Mouras. 

 

https://www1.sedecatastro.gob.es

   O certo é que algo máxico hai nese lugar. Un servidor cando pasa por alí co seu coche, nos días clarexados nos que o sol ilumina as augas dos Baixos de Baldaio, dende alí, dende Bragunde, dá a impresión que se poden tocar as Illas Sisargas coa punta dos dedos, e mesmo parece que se poden ver os chanzos da escalinata principal da casa grande de Galilea, a cidade asolagada que unhas versións sitúan na lagoa de Baldaio e outras diante do litoral de Malpica, Carballo, A Laracha e Arteixo.

   Baixo o impulso do Concello da Laracha, hai uns días o equipo que dirixe a prezada arqueóloga Puri Soto comezou a segunda escavación do castro de Montes Claros, un xacemento dende o cal os seus antigos habitantes contemplaban a inmensidade oceánica e, con certeza, as cidades de Galilea e de Bragunde. Como a lenda conta a que os xentís tamén habitaron Montes Claros, a ver se nas devanditas escavacións que se están a realizar alí encontran algún túnel que comunique coa cidade soterrada de Bragunde, a mesma que disque garda un tesouro fabuloso. Escavade Puri, escavade!

 

Á dereita o lugar de Bragunde e, ao fondo, as Illas Sisargas

FONTES:

-Abella Chouciño, Xermán Roxelio 'Xelucho' (2019): Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte. Editorial Toxosoutos, Noia, A Coruña.

-Alonso Otero, M.ª Leonor & Giadás Álvarez, Luís Antonio (1998): Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña.

-Fernández Carrera, Xan X. (2017): Lendas da Costa da Morte, Edicións Embora, Ferrol.

-Maceiras Rodríguez, Xabier (2017): Contos mariños de Carballo, Concello de Carballo.


_______________

1 Vid. Xermán Roxelio 'Xelucho' Abella Chouciño(2019): Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte. Editorial Toxosoutos, Noia, A Coruña, p. 266.

 

xoves, 13 de abril de 2023

O 'SEMINARIO' DE SAN ROMÁN DE D. MANUEL MATO TOJA

 Pois si, houbo un tempo no que en San Román existía unha especie de academia ou pequeno seminario no que iniciaron a súa formación varios mozos da Laracha que, co andar dos anos, acabaron exercendo o sacerdocio.

  O promotor daquel 'seminario' fora D. Manuel Mato Toja, nomeado ecónomo1 de San Román de Cabovilaño o 12 de abril de 1931 e, catro anos máis tarde, o 30 de agosto de 1935, párroco da mesma freguesía por presentación.

 

Igrexa de San Román de Cabovilaño

   Fillo de Francisco Mato e de Dolores Toja, Manuel nacera no ano 1897 en San Tirso de Cospindo, parroquia do municipio de Ponteceso, e era irmán de Prudencia, Concepción, Eduardo, Francisco, Juan, Leonardo e José María.

  Manuel segue os pasos de seu tío materno Manuel, cura en San Tirso de Vilanova (Malpica), e tras estudar no seminario de Santiago, ordénase sacerdote o 12 de marzo de 1921. Ao pouco da súa ordenación aparece nomeado como coadxutor da parroquia de San Fins de Anllóns (Ponteceso), converténdose ademais en pouco tempo no superior do Seminario Conciliar no que cursara os seus estudos. Seguíndolle o rastro na hemeroteca, unha información dos primeiros días de xuño de 1924 daba fe de que...En la Universidad Pontífica recibió con la más alta censura el grado de doctor en Derecho canónico el profesor de dicho centro don Manuel Mato Toja, quien desarrolló la tesis siguiente: “Confessio extraindicialis, omnibus requisitis munita, probat plena in civilibus, non autem in criminalibus”.2

   En 1927 seu irmán Eduardo tamén se ordena cura. Curiosamente, ao mes seguinte da súa ordenación, aparece nomeado como coadxutor de San Fins de Anllóns, onde Manuel seguía sendo ecónomo.

 

Imaxe de Eduardo Mato Toja (Foto do libro Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II, Manuel Blanco Rey, páx. 982)

    Tres anos máis tarde, en outubro de 1930, D. Manuel Mato Toja é nomeado ecónomo de Ponte do Porto (Camariñas). En outubro dese mesmo ano seu irmán Eduardo toma posesión como párroco de Monteagudo (Arteixo).

   Tras unha breve estadía en Piloño (Vila de Cruces, Pontevedra), en marzo de 1931 D. Manuel chega a terras larachesas, onde exerce de ecónomo de Cabovilaño. A súa chegada a esta freguesía coincide coa morte de D. Ramón Casal Pérez, de 68 anos, natural de Leiloio (Malpica) que dende o ano 1924 era o párroco de Cabovilaño e de Vilaño.

    Despois da Guerra Civil os irmáns Mato Toja habíanse de converter en persoeiros de certo peso na política e na sociedade da época. Eduardo, párroco de Monteagudo, sería tamén Rexente de Caión. Precisamente, na visita que Franco realiza á vila mariñeira en xuño de 1939, ante a presenza do ditador, o crego sorprendeu aos alí presentes coas súas dotes musicais ao entonar unhas regueifas que dicían:

Nunca tal cousa se viu

na nosa hermosa nación

que o noso Caudillo Franco

viñese ver Caión”

   Meses despois, xa en 1940, D. Eduardo faríase cargo da parroquia de Bergondo. Pola súa banda, Leonardo foi fiscal municipal de Ponteceso, concello do que sería alcalde (a partir da segunda metade dos anos 50) José María; Juan, procurador dos tribunais de Carballo, contrae matrimonio con Jesusa Canedo González, filla dos propietarios de Montes Claros; e o noso protagonista D. Manuel, andando no tempo (en xaneiro de 1960) convertiríase no primeiro arcipreste do arciprestado de Laracha.3

    Anos antes deste nomeamento, ao longo da dura posguerra, foi cando tivo a iniciativa de activar unha especie de academia ou pequeno seminario no que iniciaron a súa formación varios mozos da Laracha que, como diciamos ao principio desta crónica, acabaron exercendo o sacerdocio. Sendo o antigo director da Universidade Pontificia de Compostela, como non ía montar o seu propio 'seminario' en Cabovilaño!

    Polo que nos contou a señora Maruja do Igrexario, as clases impartíaas na antiga casa reitoral, situada no mesmo lugar no que está a actual, e seica mesmo había alumnos internos. “Os de máis lonxe -recorda a señora Maruja- durmían alí. Había mozos da parte de Coristanco. Da Laracha había varios mozos de Vilaño, un deles era dos de Negreira. De Vilaño saíron tres ou catro curas. Aquí tamén estaba un sobriño de don Manuel que, se non recordo mal, creo que se chamaba Pepe e que despois foi para a parte de Betanzos. Un tío del, don Eduardo, era cura en Bergondo e viña moito a Montes Claros porque estaban emparentados”.

 

Imaxe actual da reitoral de Cabovilaño

    Ao fío do que nos contou a señora Maruja, parécenos de moito interese a información publicada en El Ideal Gallego en setembro de 1945, nun artigo que daba boa conta da relación que tiñan Cabovilaño e Vilaño con Bergondo, parroquias nas que exerceron o sacerdocio os irmáns Mato Toja ata o último dos seus días:

CABOVILAÑO (LARACHA)
El 31 de agosto, en esta parroquia y en la hermosa capilla de Montesclaros, se celebró la fiesta del Catecismo de esta zona de Laracha, resultando en extremo simpática y emocionante. Asistieron los niños de la zona de Soutullo, con sus respectivos párrocos de Golmar, Montemayor y Coiro y los niños del Catecismo de Bergondo, en número de setenta, con sus catequistas, que dieron realce a la fiesta. Después de la misa, que celebró el párroco de Bergondo y en la que comulgaron muchos niños y catequistas, pronunció una plática el párroco de Cabovilaño, don Manuel Mato Toja. A continuación, en la robleda del Brañón, alegre comida campestre y seguidamente los niños y niñas de Bergondo interpretaron las escenas catequísticas “El secuestro del hijo del millonario” y “La cieguecita”. Las niñas Jesusita y Florita Tasende, Julita Astray y Prudenciña Gromá de Laracha, vestiditas de pastoras, interpretaron maravillosamente “El Ángel de Fátima”. Seguidamente, Luís Guntiñas, Manolo Esmorís y Eliseo Montes, de Cabovilaño, pusieron en escena el cuadro titulado “El Divino Prisionero”. Y por último, las niñas Marinita Pérez Jaspe y Lolita Campos Ríos, de Bergondo, interpretaron el gracioso diálogo “La venta de anteojos”. Todos los actos fueron amenizados con canciones regionales por un afinado coro del Catecismo de Cabovilaño. Cerró el acto, con unas sentidas palabras, el señor Abad de la Colegiata.4

    Continuando cos recordos sobre o 'seminario' de Cabovilaño, don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres (e doutras parroquias) sempre disposto a colaborar con estas Crónicas da Laracha contounos que “efectivamente entre os anos 40 e 60 don Manuel Mato Toja preparaba aos rapaces para o ingreso no seminario, ou instituto, pois as academias para os que eramos do campo quedaban un pouco lonxe. O que non me explico eu, que sendo de Erboedo, a min me levaran a case 100 quilómetros para a preparación en Bugallido, no concello de Ames. Supoño que sería por influencia doutros párrocos da Laracha que tamén foran alí: Ramiro Amor Suárez, que faleceu sendo cóengo da Colexiata da Coruña; ou o seu parente José García Verdía, que foi párroco de Guísamo e que sabía moitos idiomas, mesmo ruso e chino, que estaba perfeccionando un ano antes de morrer. Dos rapaces que preparou don Manuel en Cabovilaño saíron polo menos catro párrocos. Eu recordo a José Mato Amado, que era sobriño de don Manuel, e a Santiago Varela Pet, Eliseo Negreira Pazos e a Fidel Fernández Bello, os tres naturais de Vilaño. Tamén houbo outros rapaces que foron ao seminario pero logo, ao terminar o bacharelato, estudaron outras carreiras.”

    De José Mato Amado sabemos que levou a parroquia de Requián (Betanzos); Santiago Varela Pet foi párroco de Buño e Cambre (Malpica); Eliseo Negreira Pazos levou Tabeaio (Carral) e Fidel Fernandez estivo en Allo e Pazos (Zas).

 

Entrevista a José Mato Amado (La Voz de Galicia, 24 de xullo de 1970)

    Don Manuel Mato Toja segue estando moi presente na Laracha. Hai quen o recorda polas súas pregarias e polo bo cantor que era, aínda que tamén hai quen non esquece o seu xenio. E mesmo hai quen o ten presente nos seus recordos da infancia, coma un veciño do lugar de Cardois que lembra unha visita que fixo co crego ao castro de Montes Claros cando era neno: “Tería eu oito ou nove anos, cando o párroco de San Román, Manuel Mato Toja, levounos aos nenos ao castro de Montes Claros, a ver o Petón da Mula, onde se ve o sinal do cu dela cando caeu, e o Petón da Ferradura, onde está a marca desta.”5

   Manuel Mato Toja faleceu en Cabovilaño o 24 de xaneiro de 1962 aos 64 anos de idade. Os seus restos están enterrados no panteón dos párrocos do cemiterio desta parroquia.

 

Lápida de D. Manuel Mato Toja

_______________

1 Eclesiástico que substitúe interinamente a outro nas súas funcións.

2 Vid. El Ideal Gallego, 5 de xuño de 1924, p. 5.

3 En 2009 houbo unha reorganización dos arciprestados, pola que desapareceron algúns arciprestados históricos, entre eles o de Laracha, repartido dende ese ano entre Bergantiños e Riazor.

4 Vid. El Ideal Gallego, 4 de setembro de 1945, páx. 6.

5 Vid. José Antonio Andrade Figueiras, Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada, Luís A. Giadás Álvarez (2016 ): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, páx. 39.