SERRADOIROS DA LARACHA

A MADEIRA DO BUQUE SUECO 'S.S. FALCO' E AS CONSECUENCIAS QUE TIVO NA LARACHA 

Na mañá do 31 de decembro de 1919, o litoral de Carballo era o escenario dun novo sinistro marítimo acontecido nesta parte do Atlántico ao embarrancar, nos lindes das parroquias de Razo e Lema, o vapor sueco ‘S.S. Falco’, que dende o porto de Liverpool viña facendo singradura transportando un cargamento de madeiras finas cara o porto de Sevilla, madeiras que non ían tardar en espallarse por todo o areal de Razo e Baldaio.

Fotografía do 'S.S. Falco' (www.wrecksite.eu)

  O navío escandinavo pertencía á compañía Afrikanska Rederi e era propiedade de G.E. Sandstrom. Fora construído co nome inicial de Aestern, nos estaleiros británicos de Southwick, Sunderland, en 1888 por William Pickersgill & Sons Ltd., que comezara a súa actividade no mundo naval en 1838 con tres socios máis: Miller, Rawson e Watson. A firma dividiríase en 1845, sendo aí, nesa altura, cando abre os seus estaleiros de Southwick onde Pickersgill, xa cos fillos á fronte da compañía, constrúe en 1888 o ‘Aestern’. Este vapor era un buque de carga de aceiro de 82,3 metros de eslora, 12,2 de puntal e 5,7 de manga que sería rebautizado posteriormente, cando a compañía sueca Afrikanska Rederi se fixo con el, co nome de ‘Falco’.

  O protagonista desta historia iniciara a súa derradeira viaxe en Kotka, cidade do sur de Finlandia dende a que partiría cun cargamento de madeira que tiña que transportar ata Sevilla. Mais antes de iniciar a viaxe cara a Península Ibérica fixera parada en Göteborg, onde a compañía propietaria do buque, a Afrikanska Rederi, tiña a súa sede. Pouco antes do Nadal emprendía a viaxe con vinte e dous tripulantes a bordo (quince mariñeiros e sete oficiais) que comandaba o capitán Nasholm.

  Tras facer a travesía polo Mar do Norte, as crónicas da época informaban que o cargueiro fixera unha nova escala no porto de Liverpool, do cal partiría cara o de Sevilla naqueles últimos días do ano 1919 e, cando xa navegaba por diante do litoral galego, unha tempestade con ventos furacanados e forte marusía levarían ao cargueiro a sufrir unha avaría no temón. O ‘Falco’, ao quedar sen goberno, convertiríase nun xoguete do mar e, como se dunha pluma se tratase, non tarda en chantarse a escasos metros da beira do areal de Razo e Baldaio.

  Tralo embarrancamento, no que non houbera que lamentar ningunha vítima, os vinte e dous tripulantes arriban na praia a bordo dos dous botes salvavidas do buque. A pesar do mal tempo, acudirían de contado ducias de veciñas e veciños da contorna que, cun comportamento exemplar, rivalizaban nas axudas aos náufragos facilitándolles todos os obxectos que precisaban, así como bebidas alcólicas e quentes para escorrentar o frío e os nervios do mal trago vivido minutos antes.

  Tres dos mariñeiros suecos serían hospedados nunhas casas de Razo por mor das súas doenzas, un deles ferido nun brazo. O resto dos tripulantes, agás o capitán, parten acompañados de varios veciños do lugar cara a Carballo, a onde chegarían unhas horas máis tarde, esgotados de camiñar de corredoira en corredoira pois, naquela hora, a estrada que une a capital de Bergantiños con Razo aínda era un soño por realizar (aínda terían que pasar tres anos para que se empezase a construír).

  Ao mesmo tempo que os náufragos suecos comezaran a andaina cara a Carballo, o capitán Nashlom facía o propio desprazándose ata A Coruña, onde nada máis chegar daría parte do acontecido ao cónsul do seu país, Antonio Conde quen, despois de atendelo debidamente, aloxaría ao escandinavo no Hotel Palace. Nashlom, que chegara desfeito pola viaxe, tivera que adquirir roupas novas na cidade herculina xa que as súas estaban medio esnaquizadas. Esa mesma noite do 31 de decembro de 1919, Antonio Conde sae cara a Carballo a facerse cargo dos náufragos (que alí permanecían dende as primeiras horas da tarde) e levalos á Coruña, a onde chegarían na mañá do día seguinte previo paso pola Laracha e Arteixo. Unha vez alí, na cidade herculina, o cónsul encargaríase de hospedar aos mariñeiros no Hotel La Perla e aos oficiais no mesmo hotel no que se aloxaba o capitán Nasholm, o Hotel Palace.

  Os tres náufragos que resultaran feridos no sinistro despediran o ano en Razo e, tras dous días de estadía na parroquia costeira, trasladaríanse a Carballo. De aí, logo de ver fumegar con certeza a chimenea de algún dos serradoiros da Laracha durante o traxecto, farían o propio ata A Coruña, onde se xuntarían no Hotel La Perla co resto dos seus compañeiros. Días despois os tripulantes suecos abandonaban a cidade herculina a bordo dun vapor inglés, excepto o capitán Nashlom, do que temos noticias de que nas primeiras semanas de febrerio aínda permanecía na Coruña intentando vender parte da carga recuperada.

  Paralelamente, ao tempo que os mariñeiros nórdicos poñían fin á súa accidentada aventura polas terras de Bergantiños, as ondas que levaban días barrendo a popa do ‘Falco’ encargábanse de tronzar o seu pau maior, feito que daría pé a que a meirande parte das táboas e taboleiros de madeiras finas que transportaba se espallaran polo areal en pouco tempo.

  Naquel intre, cando xa só se conservaba intacta a parte da proa, ao lugar do naufraxio acudían numerosas persoas, algunhas da Laracha, coa idea de facerse coa carga do buque. Para evitalo, vixiaban o areal tres parellas do corpo de Carabineiros e cinco números da Garda Civil, efectivos que non serían suficientes para impedir que a xente da contorna se apoderase das madeiras que o mar cuspía de xeito continuo por toda a praia, polo que unha boa cantidade destas táboas e taboleiros acabarían en moitas casas das parroquias costeiras de Carballo e mesmo nalgún negocio da Laracha e da Coruña, como comprobaremos máis adiante.

  Case cen anos despois deste sinistro, cando realizamos o traballo de campo para o libro Contos mariños de Carballo, editado polo Concello de Carballo en 2017, tivemos a sorte de coñecer a Jesús Esmorís Cotelo, veciño do lugar da Casanova, na parroquia de Noicela. Jesús, nado en 1926, falounos dalgún dos contos que escoitaba na súa casa cando era neno. Sobre o naufraxio do ‘Falco’ díxonos que “a xente seica ía cos carros de bois ao areal recoller as táboas e vigas que o mar deixaba na beira. Era unha madeira ben boa, dicían que era de tea e era ben mellor que a de hoxe. Na nosa casa fixéranse dúas camas con esa madeira”.

  Marcelino Villar e a súa muller Mercedes Rodríguez tamén contaron que no seu domicilio de Rebordelos houbo unha cama feita con esta madeira: “Meu avó fixera unha mesa e unha cama cunha madeira moi boa que viña dun barco que encallara por aquí hai moitos anos, moito antes de eu nacer, e a cama estivo nun cuarto da nosa casa ata hai ben pouco”, comentaba Mercedes.

  Antonio Rodríguez Areosa, veciño tamén de Rebordelos, nado en 1938, gardaba na súa memoria un feixe de contos mariños dos tempos nos que viaxou por medio planeta embarcado durante varios anos en petroleiros e mercantes. Antonio aseguraba, polos contos que oíra na súa infancia, que “o altar da igrexa de Noicela foi feito con esas madeiras”.

  Outra das fontes orais, o veciño de Lema José Rodríguez Romero, nado en 1928, tamén nos falou da madeira do ‘Falco’: “Algunhas casas da zona, aproveitando a ocasión, meteran esta madeira nos pisos. Eu aínda non nacera, pero na nosa casa fixeran unha varanda e tamén unha escada, que por certo aínda conservo. Era unha madeira moi dura e difícil de serrar. Sei do que falo porque fun carpinteiro moitos anos e teño traballado con algunha daquelas táboas”.

  Como os efectivos das forzas de seguridade eran escasos para a vixianza de todo o areal, non foron poucas as transaccións que se fixeron con aquela madeira dende Carballo ata A Coruña. Exemplo disto é o que publicaba o xornal La Voz de Galicia na súa edición do 6 de febreiro de 1920:

Descubrió la Guardia civil dos importantes depósitos de madera procedentes del naufragio del vapor sueco “Falco”, ocurrido en la playa de Baldayo.

Fueron halladas en el muelle del Este, y en un almacén de D. José Vilariño Gosende, 245 piezas de aquella madera, que arrojó el mar a la citada playa y que el que las recogió, que no se sabe quién pueda ser, las vendió al señor Vilariño.

El juzgado de instrucción entiende en el asunto1. 

Zona do areal de Baldaio que divide as parroquias de Lema e Razo, lugar aproximado no que embarrancou o vapor sueco 'Falco' o 31 de decembro de 1919

  A carga do ‘Falco’ deu para moitos contos, abofé, e mesmo algún deles tivemos a sorte de que nolo narraran durante as investigacións para a edición do libro sobre os serradoiros da Laracha no que levamos traballando dende o 2024 para o Concello da Laracha. Tendo claro que hai que explotar ao máximo a transmisión oral dos coñecementos que atesouran moitas das nosas persoas maiores pois, se non se recollen a tempo, acaban por perderse por razóns biolóxicas, acudimos unha vez máis ao domicilio dunha das nosas fontes habituais. Falamos de Pedro Esmorís Rodríguez, veciño do Cancelo (Cabovilaño) nacido neste lugar en 1929 que nos agasallou cunha verdadeira xoia sobre o pasado industrial da Laracha ao afirmar que a madeira do ‘Falco’ foi o comezo dalgún dos serradoiros do municipio. Quen sabe, se cadra a madeira que acabou no almacén da Coruña do tal Vilariño que mencionaba La Voz de Galicia, foi transportada por algúns destos primeiros industriais madereiros da Laracha.

  Nese paseo pola súa memoria, o señor Pedro contounos que “aquí na Laracha, vouche dicir unha cousa, eu non o vivín porque aínda non nacera, pero cando era neno sentín falar moitas veces dun barco grande de fóra que afundira ou embarrancara en Baldaio que viña cargado de madeira boa. Polo que contaban os vellos, despois de que o mar desfixera o barco, as tablas e os tablóns saían a flote e disque andaban por toda a praia. O conto é que ese barco foi o empece de algún home de aquí no tema da madeira. caso do Casillero e algún máis. Creo que Iglesias o da Tendeira e os do Mariñán tamén empezaran con esa madeira. Non me acordo ben se lla compraran a alguén alí en Baldaio, porque ata me parece que a compañía do barco non viñera a levantar nada. O que si sei é que trouxeron para A Laracha toda a que puideron. Fixéronse dueños das tablas e dos tablóns e supoño que farían unha ou dúas viaxes ao día e que os transportarían para aquí en zorras e en carros. Eles foron acumulando madeira e despois empezaron a vendela nas casas ou nas tendas que tiñan. Cando eu era mozo papá fixérase con algún desos tablóns para a nosa telleira. Eu aínda me acordo dun que era moi largo, medía de aquí a alá… que ese tablón aínda che botou ben tempo na telleira”.

  Ao fío do que nos contou o señor Pedro, con referencia a que “a compañía do barco non viñera levantar nada”, resulta de interese o anuncio publicado en diferentes medios da época, durante varios días do mes de febreiro de 1920, co obxectivo de vender “los pertrechos de repuesto y demás provisiones de este buque, embarrancado en la playa de Baldayos”.

________________

1 La Voz de Galicia6 de febreiro de 1920, páx. 3.



OS PRIMEIROS SERRADOIROS DA LARACHA (1ª PARTE)

  Aínda que é probable que xa houbera algunha serra sen fin traballando na Laracha con anterioridade, os primeiros datos que lle podemos ofrecer ao lector sobre a instalación de serradoiros no municipio larachés datan de inicios do século XX. 

  O feito de que se perdera a documentación do arquivo municipal nun incendio acontecido hai moitos anos supuxo un enorme atranco nas nosas indagacións mais, con todo, obtivemos informacións de relevancia por outras vías, especialmente os datos relativos da chamada contribución industrial, un imposto que a partir da reforma do Ministro de Facenda, Alejandro Mon y Menéndez, en 1845 converteuse nun canon fixo segundo a actividade e a poboación onde estaba establecida a industria, e un variable, consistente nun 10 % dos locais utilizados para o exercicio. Ao ser unha cantidade fixa, rexíase polo sistema de cota polo mero exercicio, fixándose unha listaxe con cada unha das actividades e debéndose pagar por outros conceptos o resto dos elementos gravados (edificios, capital, utilidades ou beneficios, etc.). Evolucionou en 1896 á contribución sobre utilidades.

   Deste xeito, no Boletín Oficial da Provincia do 10 de maio de 1913 aparece na contribución industrial, dentro da tarifa 3ª e cunha cota anual de 78,75 pesetas, José Díaz Díaz como propietario dunha “sierra sin fin” instalada en Lemaio, moi probablemente ao carón da casa dos legoeiros de Proame. Este mesmo empresario tamén o podemos ver nas matrículas da contribución dos anos seguintes e, en 1917, mesmo é o industrial que contribúe coa maior cantidade do municipio, pagando unha cota de 93, 44 pesetas.

 

Contribución industrial para o ano 1913 na que consta, na "Tarifa 3ª", a serra sen fin de José Díaz Díaz (Boletín Oficial da Provincia da Coruña, 10 de maio de 1913)

    Grazas á colaboración de José Antonio Esmorís Gómez, arquiveiro do Concello de Carballo, sabemos que este José Díaz Díaz residía na capital de Bergantiños, onde rexentaba unha taberna na rúa do Sol, e que foi pai de José Díaz Docampo, tamén empresario do sector madereiro, “e este foi pai de José Díaz  Fraga, dono do serradoiro que había onde hoxe están os terreos do ambulatorio de Carballo cara a estrada que vén da Coruña”, díxonos Esmorís. Precisamente, nun capítulo dedicado ás fábricas de madeira carballesas de antano, o escritor Xan Fraga fala dun serradoiro desta familia, o de José Díaz Docampo, nas súas Crónicas de Carballo:

Sobre 1940 monta a fábrica, ao carón do campo de fútbol vello Pedras Brancas, José Díaz Docampo, que xa tivera outra na Rega, no cruce para Baldaio. A de Pedras Brancas era das máis importantes de Galicia, tiña entre trinta e cinco e corenta traballadores, funcionaba cunha máquina de vapor, cunha gran cheminea de 35 metros. Do pozo de auga acordámonos ben os que xogabamos ao fútbol no campo vello. Tiña varias máquinas de serrar, dous carros de galeiras para facer a táboa e tres circulares para quentala. Traballaba sobre todo o pino, facéndose táboa que se exportaba especialmente a Barcelona e Bilbao, e caixas de envases (tomates, laranxas...) cuxo mercado principal era o de Canarias; tamén, claro está, barrotillo para a construción. Para o transporte na zona usábanse carros, zorras e os camións sobre todo para o embarque nos portos da Coruña e Corme1.”
Anuncio da época da fábrica que tiña en Carballo José Díaz Docampo (Foto do libro Crónicas de Carballo II, da autoría de Xan M. Fraga)

    Mais sigamos falando dos serradoiros da Laracha, onde en 1918 empeza a funcionar unha nova serra. Naquela hora, ao xa existente de José Díaz Díaz, sumábase a “sierra sin fin” que tamén estableceu en Lemaio, en fronte da casa dos legoeiros de Proame, José Caamaño Pallas, empresario que segundo consta na “matrícula para el año 1918 de todos los individuos que existen en dicha población sujetos á la contribución industrial”, pagaba, ao igual que o carballés Díaz, unha cota de 93,94 pesetas ao ano. Polo que nos contou a súa bisneta Marisa Lema, Caamaño nacera en Trasende (Cabovilaño), “na actual casa de turismo rural que hai nese lugar, e de moi noviño emigrara a América, creo que ao Uruguai. Ao vir de alá, con dous pesos no peto, casou en Proame con miña bisavoa, Manuela Rodríguez Rodríguez, e estableceron o domicilio alí. Parte dos aforros que fixera na emigración investiunos no serradoiro que estaba en fronte da casa dos peóns camiñeiros. O que non sei é se o montou antes ou despois de casar”.

 

Imaxe do ano 2002 na que vemos, na parte superior, a casa dos legoeiros de Proame. Abaixo, á esquerda, no medio da vexetación obsérvanse os restos dun edificio, que vén sendo o serradoiro que fundara en 1918 José Caamaño Pallas (https://mapas.xunta.gal)

    Naquela época, xa co cambio de década e en tempos do alcalde José Castiñeiras, José Rodríguez Cotelo e Enrique Calviño tamén montaban en sociedade un serradoiro en Vilaño (hai certa confusión se exactamente estaba en Vilaño ou Cabovilaño), no lugar da Telleira, negocio que ía ser pasto das chamas no verán de 1921:

INCENDIO EN LARACHA
En la madrugada de anteayer, un incendio destruyó la fábrica de aserrar maderas que tenía en la parroquia de Vilaño, en Laracha, D. José Rodríguez Cotelo.
Se desconoce cómo pudo iniciarse el incendio.
Las pérdidas se calculan en veinte mil pesetas, aproximadamente2.

   Nos días posteriores ao sinistro, o xornal El Ideal Gallego, facéndose eco dos díxomedíxome relativos ao incendio que circulaban de boca en boca naquel momento na Laracha, publicaba o seguinte artigo no que se poñían de manifesto algunhas sospeitas sobre o autor dos feitos:

Desde Laracha
Recibimos de Laracha una carta escrita con indignación y tristeza en la que se protesta contra las extralimitaciones del caciquismo, que por lo visto no se detiene ni ante el crimen. Atribúyese en dicha carta a un cacique el incendio producido en la fábrica de aserrar madera, que en el sitio denominado Telleira poseían D. José Rodríguez Cotelo y D. Enrique Calviño Cambre. Agregan que en las primeras horas del incendio se notaba un fuerte olor a petróleo con el que se supone que fue rociado el edificio y parte de las tablas próximas al mismo.
Desean que se llame la atención de las autoridades para que se depuren las responsabilidades a que haya lugar, se castigue a los culpables y poder exigir la oportuna indemnización de daños y perjuicios3.

   Moito nos tememos que o segundo apelido do tal D. Enrique Calviño Cambre do que se fai alusión no artigo non é correcto. Na nosa humilde opinión foi un erro de transcrición do xornal herculino, tratándose, na realidade, do empresario madeireiro Enrique Calviño Cambón, que abastecía con toradas da Laracha (e doutros lugares) o almacén de madeiras que posuía dende había anos na Coruña, na Explanada do Orzán.

 

Panorámica actual do serradoiro da Telleira, nos lindes das parroquias de Cabovilaño e Vilaño. Obsérvese o muro de pedra que, con certeza, xa formaba parte da antiga fábrica de Calviño. Tempo despois, o negocio convertiríase no serradoiro de "Lecos" (Xabier Maceiras)

   Uns meses despois do incendio, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña informaba que “D. Enrique Calviño Cambón solicita derivar agua del río Pequeño de Monte Mayor, en Laracha4. Ao pouco, logo das oportunas obras e reparacións, o serradoiro da Telleira, que estaba situado nos lindes das parroquias de Vilaño e de Cabovilaño, volve a funcionar baixo a dirección do noso protagonista.

   Andando no tempo este negocio sería o serradoiro de “Lecos”. Os seus vestixios aínda se poden ver na actualidade, en fronte da Farmacia San Román, vestixios que visitamos no verán de 2024 grazas a atención de José Freire Esmorís e da súa filla Elena, que atenderon a un servidor coa maior das amabilidades. José, nacido en Nogán en 1932 e coñecido polo mesmo alcume que seu pai Eladio “Lecos”, contounos que o serradoiro familiar “fundárao un tal Calviño da Coruña. Disque lle chamaban a fábrica de Calviño. O ladrillo que aínda se ve hoxe era do serradoiro antigo, que seica ardera e que no incendio morrera o fogoneiro. Polo que teño oido de rapaz, este tal Calviño parece ser que llo vendeu a Ramón de Mallo, Ramón Esmorís García, que era do Arén. E, pasado un tempo, Ramón de Mallo vendeulle a meu pai”. Desa época, de cando Enrique Calviño Cambón decide vender o seu negocio da Laracha, localizamos na prensa herculina da época o seguinte anuncio:

SE VENDE una fábrica de aserrar maderas con caldera-máquina locomóvil fuerza 30 HP., sierra circular, una cinta de 1,20m. De diámetro con galera para troncos y dos molinos harineros en la Telleira, Laracha y en la misma carretera. Para informes, a D. Enrique Calviño, fábrica de aserrar. Explanada del Orzán5.

   Nestes primeiros anos vinte dos que estamos a falar íanse abrindo (ou cambiando de mans) novos serradoiros no municipio, negocios que nalgún caso concreto tamén foron devorados, total ou parcialmente, polo lume. Así, sobre este particular, temos noticias de que en 1924 Pedro Iglesias Graña, empresario do que falaremos máis polo miúdo noutra ocasión, perdeu unha caseta do serradeiro que tiña en Proame (probablemente o que inicialmente fora de José Díaz) a raíz dun incendio que parece ser que provocara un veciño da zona:

En Laracha, en la noche del 19 al 20 del corriente, un incendio destruyó una caseta que había contigua a la fábrica de aserrar maderas que allí tiene D. Pedro Iglesias Graña.
Por creerse autor del hecho ha sido detenido Antonio R., de 57 años de edad, vecino de Cabo Vilaño6.

   Outro medio da Coruña, El Orzán, tamén se facía eco deste incidente e do posible autor dos feitos:

LARACHA
Como presunto autor del incendio de una caseta de la fábrica de aserrar de D. Pedro Iglesias Graña, situada en el lugar de Proame, fue detenido por la guardia civil el vecino de la parroquia de Cabo Vilaño Antonio R. R. Calcúlanse las pérdidas en 225 pesetas7.

   Dous anos máis tarde de que se producira o sinistro anterior, o serradoiro de José Caamaño Pallas, instalado en fronte da casa dos legoeiros de Proame dende 1918, tamén sufría un colosal incendio a causa dunha chispa provocada pola caldeira:

LARACHA
A las dos de la tarde del día 13 del actual se produjo un incendio en la fábrica de aserrar maderas que en el lugar de Proame, parroquia de Lemayo (Laracha) tiene establecido la razón social “Caamaño y Compañía”.
Una hora después de iniciarse el fuego la fábrica había quedado reducida a cenizas.
El incendio fue casual. Se cree que alguna chispa de la caldera saltó al serrín prendiendo fuego que se propagó al edicio que era de madera.
Las pérdidas se calculan en 15.000 pesetas8.

 

(CONTINUARÁ...)


___________

1 Xan M. Fraga Rodríguez (2004): Crónicas de Carballo II, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, páx. 97.

2 La Voz de Galicia, 28 de xuño de 1921, páx. 1.

3.El Ideal Gallego, 14 de xullo de 1921, páx. 2.

4 Boletín Oficial de la provincia de la Coruña, 30 de setembro de 1921, páx. 4.

5 La Voz de Galicia, 22 de decembro de 1923, páx. 6.

6 La Voz de Galicia, 4 de xuño de 1924, páx. 5.

7 El Orzán, 31 de maio de 1924, páx. 2.

8 El Ideal Gallego, 17 de xuño de 1926, páx. 3.

 

  OS PRIMEIROS SERRADOIROS DA LARACHA 

(2ª PARTE E FIN)

  Naquela altura, durante aqueles anos 20 do século pasado, o libreiro, editor e escritor coruñes Uxío Carré Aldao andaba pateando toda a provincia da Coruña para documentar e escribir a súa Geografía General del Reino de Galicia, obra que finalmente se ía publicar en 1928. Carré viu, con certeza, fumegar algunha que outra cheminea dos serradoiros da Laracha. Cando describe a parroquia de Vilaño, dinos o seguinte:

Los lugares de Formigueiro, Bostelo y Quintáns, en la parte alta son muy frondosos, con muchos castaños y arbolado fértil: estas aldeas son como la parte media de la feligresía, en la que existen nueve molinos, el más importante con tres piedras, en la Areosa, y un aserradero mecánico en Vilán1.
Panorámica do lugar de Quintáns (Xabier Maceiras)

   Na devandita obra, e con relación á foresta e a industria da Laracha, o autor herculino tamén conta que naquela hora no municipio larachés non escaseaba “el arbolado, especialmente el pino del país2e que a industria “es casi nula, y el comercio, fuera de los productos agrícolas y ganaderos y sus derivados, está concretado a las necesidades locales3”.

    Nesa mesma época, segundo os datos do Anuario industrial y artístico de España correspondentes ao ano 1929, sabemos que na Laracha tiñan cadanseu serradoiro Pedro Añón, José Caamaño, José Esmorís, José Gómez, Pedro Iglesias, Juan Insua, Pedro Longueira e José Rodríguez. Estos oito empresarios seguen aparecendo como propietarios de serradoiros nos primeiros anos da década dos 30 mais, desgraciadamente, o devandito anuario non especifica o lugar concreto do municipio no que estos industriais tiñan o seu respectivo negocio. Hai certa contradición cos datos que nos ofrece o Anuario regional descriptivo, informativo y seleccionado de la industria, comercio, agricultura, profesiones, arte y turismo del norte de España correspondente ao ano 1932, onde aparecen como propietarios de “serrarías mecánicas” José Caamaño Pallas y Compañía, José Rey Suárez y Compañía, José Rodríguez Fernández e José V. Gómez. No devandito anuario tamén aparecen Eliseo Barreiro, José Caamaño Pallas, Pedro Iglesias Graña e José Rodriguez Fernández no apartado titulado “maderas”.

    Grazas ao señor José Freire “Lecos” sabemos que entre finais dos anos 20 e principios dos 40 houbo outro serradoiro no lugar da Telleira (Cabovilaño), situado a poucos metros do negocio deles. “Naqueles tempos seica había outra fábrica de madeira na Laracha e disque lle chamaban a de Gisán, que creo que era un señor da Coruña. Ese aserradero estaba despois do noso, na curva, indo para A Laracha á man esquerda, no que hoxe é a casa de Varela.” 

 

Panorámica actual do lugar da Telleira, na parroquia de Cabovilaño, no que estaba a fábrica de Santiago Guisán (Xabier Maceiras)

    Tras o paseo que nos permitiu realizar o señor José pola súa memoria, nada máis chegar á casa, acudimos á Web para consultar os anuarios industriais dos primeiros anos do século pasado co obxectivo de localizar a este empresario. E, efectivamente, atopamos a un tal Santiago Guisán, que tiña almacén de madeiras na rúa herculina García Prieto, rúa que ata fai pouco era a Avenida General Sanjurjo e na actualidade é a Avenida de Oza.

    Á parte da de Guisán, en 1929 na cidade da Coruña había outra ducia de fábricas de madeira, entre elas a de Ricardo Alonso Criado, que tiña o almacén no Camiño da Estación; Antonio Jaspe Dans, con fábrica tamén no Camiño da Estación; Hijos de Emilio Ceroagán, na rúa do Socorro; Ricardo Molesmi, no Camiño Novo; Ricardo Molezún, en Juan Flórez; Hijos de Aquilino Santeco, na Palloza; Viuda de Antonio Wais, na Gaiteira; Pastor Varela, na rúa José Lombardero; Domingo Zamaola, no Corralón da Gaiteira; Elvira Zapata Dono, na rúa Cordonería; e o xa nomeado Enrique Calviño Cambón, empresario que, ao igual que facía Santiago Guisán, abastecía o seu almacén na Explanada do Orzán con madeira da Laracha.

 

Tarifa de prezos de venda ao público de madeira de piñeiro nun serradoiro galego en 1929

   É posible que Guisán tivera establecida sociedade con algún dos oito empresarios madeireiros que naquela hora existían na Laracha e que, por tal motivo, non figura na listaxe do anuario de industria entre os anos 1929 e 1934. Polo que sospeita o señor José Freire “Lecos”, parece ser que a fábrica que Guisán tiña na Telleira (Cabovilaño) deixou de funcionar na época da Guerra Civil ou durante os primeiros anos da posguerra.Eu nacín no 1932. A fábrica de Gisán xa non traballaba cando eu era rapaz pero acórdome de ver as paredes”, díxonos o señor José. Ao fío do seu testemuño, deixamos enriba da mesa o anuncio breve que localizamos na edición do 4 de maio de 1941 do xornal La Voz de Galicia: “VENDO fábrica de aserrar maderas en La Laracha. Informarán Franja, 10, 2º. De 2 a 44.¿Sería a fábrica de Santiago Guisán?

   Á parte dos serradoiros propiamente ditos, tamén temos constancia da instalación, entre os últimos anos vinte e primeiros trinta, de outro modelo de serra nalgún muíño da Laracha:

AUTORIZACIONES
Las industrias en la provincia
En la “Gazeta” del 16 se publica la concesión de numerosas autorizaciones para ampliar industrias y maquinaria, en que las cuales figuran las siguientes para esta provincia:
(...) A don José Viña, de Laracha, para instalar en su molino harinero, y para ser movido por el mismo motor que éste, un aparato de sierra de cinta de cien centímetros de diámetro de volante (...)5.”

   Cabe a posibilidade de que este José Viña sexa o mesmo José Viña Gómez da familia Vioño do que falamos no libro Os bailes dos avós. Música e salóns da Laracha de antano, propietario dun salón de baile en Cillobre nos anos 20-30. Polo que nos contou o seu neto Manuel Viña Parada, José converteu o salón en muíño con motor de gasóleo e, posteriormente, eléctrico. O neto tamén nos dixo que seu avó tivera serradoiro en Larín (Arteixo), pero con relación á serra de cinta da que se fai alusión na prensa de 1930 dixo non saber nada.

   Esa serra de cinta de José Viña (que ben poderíase ser outro veciño de calquera parroquia) tamén podería tratarse do modelo que era accionado pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal se convertía o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela6. Quen sabe, se cadra na actualidade, agochada no medio da espesura da maleza na que se sobreviven moitos dos nosos muíños, aínda se conserva algunha destas serras hidráulicas. Se sabedes da existencia de algunha na Laracha, contactade con nós por favor.

 

Interior do serradoiro e muíño do Pighorro, O Rosal, Pontevedra (Xabier Maceiras)

   Esos primeiros serradoiros hidráulicos, que tamén cumprían a labor de muíño, tiñan unha serra simple, e os máis complexos dispoñían ademais de serras, tornos e cepilladoras, accionados tamén hidraulicamente combinando rodas e correas de transmisión. Precisamente, en outubro de 2024, horas antes da presentación no Rosal do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, tivemos a sorte de visitar un destos tesouriños etnográficos que aínda manteñen viva a nosa cultura tradicional. Trátase da serra do Pighorro, serradoiro e muíño que data de finais do século XIX e que se acciona pola auga do regato Padrón, sito no lugar do Cardal, xuradía de Marzán, parroquia e concello do Rosal. Estivemos alí na compaña de varios membros da corporación do Rosal, entre eles a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, do propietario da serra e do prezado e admirado José Álvarez Alonso, 'Pepe o Buraco', artífice da visita que tivo a ben explicarnos aos alí presentes o funcionamento da maquinaria. Tarde inesquecible, abofé!

 

Panorámica do serradoiro e muíño do Pighorro, O Rosal, Pontevedra (Xabier Maceiras)

   Chegamos xa anos anos corenta, época na que na Laracha traballaban a un tempo case unha decena de serradoiros dos que fai mención Salvador Parga Pondal na súa tese doutoral Comarca natural de Bergantiños7. Nacido do seo dunha estirpe de destacados investigadores e literatos, Parga Pondal doutourouse en filosofía e letras coa devandita tese, da que escribía o último folio o 1 de xaneiro de 1950. Neste traballo compilou textos, láminas e fotografías para conformar un magnífico orixinal de dous tomos nos que amosaba toda a sabedoría dunha vida como investigador. Con relación aos serradoiros laracheses ofrece unha serie de datos de notable interese para a nosa investigación. Segundo as súas informacións, a parroquia de Cabovilaño era a potencia madeireira do municipio xa que naqueles anos corenta contaba cun total de cinco serradoiros, o de Pedro Iglesias Graña, no que traballaban 18 obreiros, o de José Rodríguez Fernández, que tiña 9 operarios, o de Jesús Pallas Rabuñal con 8, o de Jesús Ramos Calviño con 7, e o de Ramón Esmorís García con 6. Salvador Parga Pondal nomea dous serradoiros na parroquia de Lemaio, o de José Rodríguez Gayoso8, no que gañaban o pan 7 persoas, e o de José Insua González, que tiña 6 operarios. E, finalmente, fai mención de dous serradoiros máis, o que tiña Florencio Rey Queijo na parroquia de Torás (estaba situado na actual Avenida Doutor López Astray) e do de Felicísimo Pombo Souto na de Golmar, negocios nos que traballaban 5 operarios en ámbolos dous.

    De todos estos serradoiros, e dos que empezaron a funcionar posteriormente, falaremos de xeito pormenorizado no futuro nestas Crónicas da Laracha.

__________

1 Uxío Carreo Aldao (1980): Geografía General del Reino de Galicia, dirigida por F. Carreras y Candi, Volumen VI, La Coruña, Tomo 3º, Ediciones Gallegas, S.A., A Coruña, páx. 184.

2 Ibídem, páx. 173.

3 Ibídem, páx. 174..

4 La Voz de Galicia, 4 de maio de 1941, páx. 7.

5 El Orzán, 18 de xaneiro de 1930, páx. 2.

6 Peza de certos mecanismos, en forma de barra, articulada con dúas pezas móbiles nos extremos, entre as que transmite un movemento, que pode transformar de rectilíneo alternativo en circular, ou viceversa.

7 Salvador Parga Pondal (2010): Comarca natural de Bergantiños, Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños, A Camposa, Buño, Malpica de Bergantiños, A Coruña.

8 Parga Pondal trabucouse nun apelido xa que na realidade era José Regueira Gayoso.



 O SERRADOIRO DA BREA (SOANDRES)

   Un dos lugares coas vistas máis espectaculares do municipio da Laracha é o miradoiro de Santa Marta, abofé! Situado no bico do monte do mesmo nome a unha altura de 432 metros, para visitalo existen varios itinerarios. Partindo da capital municipal, o máis sinxelo pode realizarse pola estrada A Laracha-Cerceda, en dirección á Xesta, na parroquia de Soutullo. Uns dous quilómetros máis adiante deste lugar, á man esquerda hai un desvío ben sinalizado que indica a subida cara o miradoiro. Unha vez alí, dende a parte máis alta, onde aínda se conservan os restos da capela de Santa Marta, podemos contemplar boa parte do municipio e, se a néboa o permite, tamén podemos divisar no horizonte a beleza do Golfo Ártabro e as augas oceánicas de Bergantiños batendo nas illas Sisargas. Mesmo se abrimos ben os ollos, cun ápice de imaxinación, veremos a Urbano Lugrís, o noso pintor do mar, dando trazos co pincel a algunha das baleas que en tempos pretéritos frecuentaban este recuncho do Atlántico.

  Despois de contemplar durante uns intres a fermosura da paisaxe, baixamos de novo ata a estrada A Laracha-Cerceda. Facemos o oportuno stop, xiramos á esquerda e continuamos esta viaxe pola memoria da industria madeireira conducindo durante un quilómetro e pico ata A Brea, na parroquia de Soandres. Xusto antes da sinal que indica que chegamos a este lugar, que tamén sinala a vía de acceso a Compañeiro, á man esquerda, que vén sendo a parte baixa do monte de Santa Marta, hai un chamativo e fermoso edificio de pedra que xa leva anos abandonado.

Edificio do lugar da Brea do que estamos a falar

  A través das redes sociais, non foron poucas as persoas que nos dixeron que alí houbo unha taberna, un negocio que rexentou en alugueiro durante algún tempo Luciano García Prego, o pai da señora Carmiña, a do Estanco de Villamir (Soandres), a mesma que anos máis tarde ía cociñar os mellores cocidos e os mellores callos de toda a volta. De feito, polo que recorda Carmen Pallas Míguez, nacida no lugar da Riba (Coiro) en 1931, “Carmiña, que é da miña quinta, era unha nena cando seu pai levaba esa taberna da Brea. Ao pouco, Luciano comprou o que sería o Estanco do Souto, no Villamir, que despois levou con moito éxito Carmiña”.

  E tamén nos contaron, que verdadeiramente é o que nos interesa para a nosa investigación sobre o pasado madeireiro da Laracha, que na leira dese edificio da Brea houbo durante un breve espazo de tempo un serradoiro. Soubemos desta pequena industria grazas a Ramiro Bello, que estivo traballando ata a súa xubilación con seus irmáns no serradoiro de Paiosaco.

  -Ese aserradero -díxonos Bello- era dun tal Ernesto de Compañeiro. A súa muller e a súa filla creo que viven en Cerceda.

  Logo de varias chamadas e algún que outro WhatsApp que confirmaban a veracidade da información anterior, aos poucos días tivemos a sorte de poder contactar con S., filla dun dos protagonistas desta crónica que, dende o anonimato, tivo a ben compartir con nós algún dos recordos da súa infancia.

 Ernesto -o pai de S.- nacera en Sabaceda (Montemaior) e era un dos trece fillos de José Pallas e Sofía Queijo Graña1. Casara en Compañeiro (Soandres) con Otilia Rodríguez Varela, filla de Joaquín e Elisa e neta por parte materna do señor Varela de Coiro, que estivera emigrado na Arxentina a principios do século XXPrecisamente, este señor era o propietario da casa da que estamos a falar e do terreo na que está edificada.

  Ernesto e Otilia vivían en Compañeiro cos pais dela. Aqueles eran tempos de estreiteces nos que ducias de veciños e veciñas da Laracha facían a maleta da emigración na procura dunha mellor vida. Os que quedaron, na inmensa maioría dos casos, tiñan pouca carteira da que dispoñer. Sempre co lombo dobrado enriba do legón, a venda da madeira era unha solución ocasional para facer catro pesos. Así foi como un día chegou a Compañeiro un tal Espiñeira, madeireiro de Ponte Carreira, lugar da parroquia de Gafoi, no municipio de Frades, situado a orillas do río Tambre.

  Co fin de obter algunha información sobre a actividade profesional deste home, contactamos coManuel Pazos Gómez, escritor de Oroso e incansable divulgador cultural da comarca de Ordes. Logo de aceptar a nosa encomenda e de realizar o oportuno traballo de campoManuel transmitíanos días despois o que lle contara unha das súas fontes orais sobre o devandito madeirista: “Xabier, acabo de falar con José Lino Espiñeira Pardo, un dos mellores informantes da Ponte Carreira. Este señor díxome que no seu pobo existiu naquela época o serradoiro dos irmáns Luís, Antonio, Severino e Jesús (Suso) Espiñeira García. Ademais, tamén comentou que todos eles traballaron nel nalgún momento e parece ser que o único que andaba de serrador ambulante era Luís. Sábese que, efectivamente, este Luís estivo na Laracha cortando unha fraga para facer taboeiros. Seguramente era unha cuadrilla, igual que os canteiros que andaban dun lado para outro. O señor informante asegurou literalmente que “Luís estivo serrando en Paiosaco”. Curiosamente esta familia de serradores tamén tiña máquina de mallar e ían polas parroquias de Frades, Oroso, Mesía e doutros concellos da zona. Foi canto meu contou o señor José Lino.”

  S., a filla de Ernesto, recorda que ese home “veu a Compañeiro cobrando por serrar uns castaños que miña avoa Elisa tiña na Fraga. Talaron a madeira no monte, que daquela non había nin pistas nin tractor, e despois levárona en carros para a leira da casa da Brea. Alí fixeron tablóns con ela cunha máquina que tiña motor de gasoil. O madeirista da Ponte Carreira debeu botar uns cinco ou seis meses facendo ese traballo. Na época de aserrar, miña avoa facíalles alí a comida aos operarios e durmían nesa casa. Os tablóns vendéronllos a unha carpintería de Paiosaco que creo que estaba no Bico do Campo. Cando acabaron o traballo o tal Espiñeira vendeulles a meu pai e ao seu socio, Marcelino Ferreño, os trastos e o motor. E despois botarían dous ou tres anos traballando xuntos no serradoiro”.

José das Senras, José Buño e Manolo do Taller no taller do Bico do Campo de Paiosaco, lugar no que con certeza se compraron os tablóns feitos na Brea (Foto do libro Paiosaco en imaxes. Dos corenta aos setenta)

  Marcelino Ferreño Rodríguez, o outro socio do serradoiro, era natural do Cruceiro, na parroquia de Coiro, e estaba casado con María Clemencia Vilas Graña, nativa do lugar de Golán, Soandres. Precisamente, foi en Golán onde estableceron o seu domicilio e, tamén, onde viñeron ao mundo Emilia e América, as dúas fillas do matrimonio. A maior, Mili para os seus amigos, tivo a ben recibirnos no seu domicilio de Larín (Arteixo). Na compaña do seu marido e do seu fillo, díxonos que non sabía se seu pai e Ernesto xa se coñecían de solteiros “pero o que si che podo afirmar é que papá sempre tivo moi boa relación con esa familia, con Otilia e cos pais dela, Joaquín e Elisa. Así que a amistade viña por aí. Meu pai era xornaleiro e de mozo estivera de criado en Compañeiro, na casa deles. Cando se casou foi traballar a Asturias e despois, ao vir, cando había traballo andaba ao xornal para eles. Xa o coñecían ben e queríano para todo, porque meu pai era moi traballador”.

  O matrimonio e as dúas fillas vivían de alugueiro na casa de Golán e cultivaban unhas terras deste lugar que eran propiedade de Clemencia. Como aqueles eran tempos difíciles de moito traballo e pouco carto, sobre o ano 1962, ao pouco de nacer a súa filla máis nova, Marcelino decide emigrar a Alemaña, onde botaría uns anos choiando nunha fábrica antes de regresar a Galicia.

  Xa de volta na terriña, debeu ser nesa altura, na segunda metade da década dos sesenta, cando Ernesto e Marcelino, logo de comprarlle a maquinaria ao madeirista de Ponte Carreira, determinan traballar xuntos montando un serradoiro que establecen na Brea, no terreo que era propiedade da familia de Otilia. Segundo nos contou Manolo, o marido de Mili, “o motor tamén o usaban para mallar o trigho e despois volvíano a levar para o aserradero. Andaban con el dun lado para o outro no carro, e tíñanlle que levar un bidón de augha para arrefriar. Esto tenmo contado a min meu soghro”.

  Nos primeiros tempos traballo non lles falta, tendo bastantes pedidos para o sector da construción. Marcelino dedicábase única e exclusivamente á madeira. Ernesto tiña que alternar a actividade no serradoiro con outros traballos da labranza, como por exemplo cando era a época da milleira.

Edificio e terreo do lugar da Brea no que estivo o serradoiro de Ernesto Pallas e Marcelino Ferreño

  Os dous socios ían traballar xuntos entre dous e tres anos, ata que Marcelino fixo de novo a maleta da emigración con destino a Alemaña. A súa filla Mili recorda que “en 1970 volveu aló a traballar noutra zona do país, e ano ano seguinte xa nos levou a nós con el. Marchamos de Golán sendo eu adolescente. En Alemaña estabamos moi ben. Meus pais tiñan bos traballos e vivíamos nunha casiña cerca de Bonn.”

  Pola súa banda, Ernesto, ao deixar o sector madeireiro seguiu dedicándose á labranza e a atender a granxa que tiña en Compañeiro. O pobre ía falecer en 1974, no mellor da súa vida.

  Marcelino e a súa familia ían continuar no país teutón durante varios anos máis, ata que a morriña e a nostalxia da terra puideron máis que o carto, como así nolo recordaba a súa filla Mili. “Miña nai non estaba moito pola labor de regresar pero el, arredemo que había que vir. E viñemos. Compramos un piso na Coruña e papá traballou no porto ata que se xubilou. Co tempo eu a máis Manolo, o meu marido, tivemos a oportunidade de vir para Larín e aquí estamos, porque esto xa o tiña meu pai comprado”.

  Precisamente foi en Larín onde Marcelino Ferreño Rodríguez faleceu en agosto de 2014 aos 83 anos de idade. Os seus restos descansan xunto aos da súa muller Clemencia no cemiterio de Coiro.

____________

1 Outro dos membros desta ampla prole era Eladio Pallas Queijo, párroco durante máis de dúas décadas en San Tirso de Cornado, municipio de Touro, e dende 1977 ata o seu falecemento en 1991, crego das freguesías de Santo Estevo de Trasmonte e de Santa María de Deixebre, ambas as dúas pertencentes ao municipio de Oroso.



O SERRADOIRO E A GASOLINEIRA 'DOS DA TENDEIRA' (1ª parte)

 Cando circulamos co noso coche pola estrada AC-552 en dirección a Carballo, á altura de Cabovilaño, uns 300 metros máis adiante do acceso á AG-55 e do Polígono Industrial da Laracha, no lugar do Cancelo de Abaixo encontrámonos coa Estación de Servicio San Marcos. Esta gasolineira, que pertence ao Grupo Valcarce, fundárana nos anos setenta Leonor Iglesias Varela e o seu home Manuel Rodríguez Areosa, negocio que xestionou o seu neto Marcos García Rodríguez ata hai pouco. Pois ben, alí, a pouca distancia dos surtidores de combustible, aínda se mantén en pé a cheminea do serradoiro que montara antes da Guerra Civil Pedro Iglesias Graña, bisavó de Marcos.

Panorámica da Estación de Servicio San Marcos na que  podemos observar a cheminea que formaba parte do serradoiro  'dos da tendeira'

  Símbolo dunha época e testemuña da historia da Laracha de antano e de hogano, a cheminea é o elemento que une o noso anterior traballo de investigación, As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, co que levamos preparando dende o 2024 sobre os serradoiros do municipio. Seguramente construída con ladrillo fabricado polos cabaqueiros da Guarda e do Rosal nas telleiras larachesas existentes na primeira metade do século XX, ao pé dela traballaron ducias de persoas con miles de soños ou, simplemente, para poder manter a súa familia no día a día. Cando se levantaron estas construcións, a lei obrigaba a contar cunha altura mínima de seis metros, establecendo unha distancia de dous entre a saída e a parte máis alta do edificio. A nosa especial protagonista ten, segundo nos apuntou Marcos, uns dez metros de altura.

  Icona arquitectónica do municipio (alomenos para quen escribe), convidamos ao lector a facer unha viaxe no tempo con ela no noso subconsciente durante a lectura desta crónica. Abertos, logo, a este canto á memoria e á imaxinación, se pechamos os ollos uns intres podemos ver como o serradoiro xa ten a cheminea lista para poñer en funcionamento as máquinas de vapor, serras de cinta ou sen fin e outros aparatos da fábrica de Pedro Iglesias Graña, de quen sabemos que nos anos vinte do século pasado xa se dedicaba ao sector madeireiro.

  Pedro Iglesias nacera en 1890 no Cancelo de Abaixo (Cabovilaño) e de moi novo casara con Carmen Varela Sotelo, veciña do lugar da Xesteira, na parroquia de Lendo. O matrimonio establece o seu domicilio na casa del, lugar onde virían ao mundo os sete fillos do matrimonio: Mercedes, José, Santiago, Miguel, Pedro, María e a máis nova da prole, Leonor, nacida en 1930.

  Con tantas bocas que alimentar o proxenitor dedicouse a traballar duro, moi duro, para sacar adiante aos cativos. Ao tempo, a súa muller Carmen facía o propio vendendo teas nas feiras da bisbarra, actividade polo que era coñecida como Carmen ‘a Tendeira’. A forza matriarcal dese alcume ía perdurar no tempo, abofé. Dende aquela época todos e cada un dos membros da familia foron coñecidos ata o último dos seus días como ‘os da Tendeira’, e mesmo o serradoiro do seu home Pedro, Pedro ‘da Tendeira’, tamén era coñecido familiarmente así.

  Temos noticias de que na primeira metade dos anos vinte do século pasado Pedro xa tiña serradoiro en Proame1, como así consta na prensa da época a raíz dun incendio producido nestas instalacións que, parece ser, provocara un veciño da zona:

En Laracha, en la noche del 19 al 20 del corriente, un incendio destruyó una caseta que había contigua a la fábrica de aserrar maderas que allí tiene D. Pedro Iglesias Graña.

Por creerse autor del hecho ha sido detenido Antonio R., de 57 años de edad, vecino de Cabo Vilaño2.

  Outro medio da Coruña, El Orzán, tamén se facía eco deste incidente e do posible autor dos feitos:

         LARACHA

Como presunto autor del incendio de una caseta de la fábrica de aserrar de D. Pedro Iglesias Graña, situada en el lugar de Proame, fue detenido por la guardia civil el vecino de la parroquia de Cabo Vilaño Antonio R. R. Calcúlanse las pérdidas en 225 pesetas3.

  Posteriormente, tras aqueles inicios neste lugar da parroquia de Lemaio, Pedro constrúe no Cancelo de Abaixo, ao carón do domicilio familiar, un novo serradoiro onde as cousas iríanlle realmente ben dende o principio. Un día si e outro tamén, a cheminea non paraba de fumegar dando saída aos fumes procedentes da combustión das caldeiras de vapor que facían posible o funcionamento. Naquel momento, ao igual que no resto de serradoiros do municipio, as madeiras que máis se procesaban no negocio de Iglesias Graña eran as de piñeiro, para ser distribuídas posteriormente por doquier pola Coruña e pola bisbarra.

  Segundo nos contou a súa neta María del Carmen Rodríguez Iglesias, o noso homenaxeado tamén se dedicou á exportación de madeira durante algúns anos. “Meu avó relacionábase con empresarios da Coruña. Iso recórdoo ben porque ás veces levábame con el e xogaban as partidas no bar El Molino, que estaba en Santa Catalina. Nese local, e con esa xente, anos atrás xurdíralle a oportunidade de importar madeira. Meu avó era moi intelixente e sabía ben o que facía. Recordo que era moi querido e apreciado na Coruña. Polo que se contaba na casa, parece ser que quixo instalarse co negocio alá pero miña avoa non lle quixo marchar de San Román. El estivo un tempo así, indo e vindo da Laracha á Coruña polo tema da importación da madeira ata que, finalmente, deixou este negocio e seguiu traballando soamente no serradoiro do Cancelo”.

  Naquela hora, nun momento da historia no que aínda non eran accesibles os motores a explosión, os sistemas de vapor cumprían o rol de poñer a industria en marcha. As caldeiras, que eran tanques de auga de máis de mil litros, funcionaban quentándose ata que a forza do vapor movía as serras de cinta, bombas e outros elementos como a afiadora “Antuñano” que había no serradoiro de Pedro ‘da Tendeira’, como así o comprabamos nun anuncio publicitario da época.

Publicidade da máquina afiadora de serras Antuñano na que figura o serradoiro de Pedro Iglesias Graña (La Voz de Galicia, 15 de setembro de 1932)

  Nos anos previos á Guerra Civil, época na que era o maior contribuinte por industrial da Laracha con domicilio no termo municipal, Pedro Iglesias Graña sufre o atentado dunha bomba na vivenda familiar no que, afortunadamente, non houbera que lamentar víctima algunha (Apéndice Documental n.º 1). Home de destacada rectitude e de ideais conservadores, uns meses despois de padecer aquel ataque, decide integrar o comité da CEDA4, creado no municipio a finais de 1934, ocupando o cargo de vicepresidente (Apéndice Documental n.º 2). Nese convulso contexto político e social, cando xa soaban os tambores da Guerra, polo que recorda a súa neta María, “miña avoa marchara para A Xesteira cos fillos pequenos e meu avó quedara resgardando a casa do Cancelo con algún dos seus fillos varóns”.

  Naquela época o negocio familiar tamén sufriría un devastador incendio. Sobre este sinistro obtivemos información no sumario número 33 do ano 1937 instruido no xulgado de Carballo, causa que puidemos consultar no Arquivo do Reino de Galicia:

RESULTANDO: que en la madrugada del catorce de julio último y en una fábrica aserradero de maderas sita en el lugar del Cancelo, parroquia de Cabovilaño, propiedad de Pedro Iglesias Graña, se declaró un incendio que produjo daños tasados parcialmente en cuatro mil quinientas pesetas, resultando de las actuaciones sumariales que el hecho al parecer fué casual5.

  Pedro ‘da Tendeira’ non ía tardar en levantar das cinzas o seu negocio. Pouco tempo despois, en base ás informacións da tese doutoral sobre a comarca de Bergantiños que Salvador Parga Pondal realizou por aqueles días, o seu serradoiro era o de maior productividade da Laracha, contando na segunda metade dos anos corenta cun total de 18 obreiros.6

  Neses anos a maioría dos fillos de Pedro e Carmen xa saíran do niño familiar. A maior da prole, Mercedes, casara con José Zas Caamaño e establecera unha carnicería na Laracha (a primeira que houbo na capital municipal) que, polo que nos contou a súa sobriña María, seica vendía moita carne na Coruña.

  José Iglesias Varela, Pepe para os seus amigos, era o maior dos fillos varóns. Nacera en 1914 e estaba casado coa arteixá María Naya Fernández, natural do lugar de Rodís, parroquia de Armentón. Nos anos duros da posguerra íase converter nun exitoso empresario madeireiro na Coruña da época. Melchor Freire Becerra, veciño de Larín (Arteixo) nacido en 1933, falounos do serradoiro que Pepe tiña na cidade herculina. “Na época de meu pai, e tamén na miña, vendímoslle algunha madeira a Pepe Iglesias, que tiña un aserradero entrando na rotonda da Grela, indo para A Coruña á esquerda, na zona onde está a Estrella Galicia pero un pouco máis para aquí”. Sobre a actividade madeireira do empresario do Cancelo, localizamos a seguinte información no Boletín Oficial do Estado do 15 de setembro de 1947:

DELEGACION DE INDUSTRIA DE LA CORUÑA

Nueva industria núm. 2.858

Peticionario: Don José Iglesias Varela.

Domicilio: Laracha.

Objeto: Instalación de una serrería mecánica.

Producción: Cuatro metros cúbicos diarios.

Esta industria empleará maquinaría y materias primas nacionales. Se hace pública esta petición para que los industriales que se consideren afec­tados por la misma presenten los escri­tos que estimen oportunos, debidamente reintegrados y por duplicado, dentro del plazo de diez días, en las oficinas de esta Delegación, calle Ramón de la Sagra, número 1, primero.

La Coruña, 19 de agosto de 1947.—

El Ingeniero Jefe, M. Pérez Alcalde.7

   Uns anos despois, sempre coa viveza dun emprendedor e coa iniciativa que sempre o caracterizou, Pepe Iglesias diversifica a súa actividade empresarial e adéntrase no sector mineiro. Segundo nos contou o seu fillo Pedro “as instalacións mineiras e madeireiras lindaban habitualmente unhas con outras; tivo minas de volframio, estaño e titanio en Arteixo, Buño e Santa Comba e tamén traballou algo en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense). E máis tarde tivo mina de ferro en Cabreiros, cerca de Vilalba (Lugo)”.

José Iglesias Varela coa súa dona María Naya Fernández (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

  O volframio galego fora un mineral estratéxico durante a Segunda Guerra Mundial debido ás súas propiedades. En aliaxe co aceiro, aumentaba a súa temperatura de fusión, o que permitía fabricar proxectís con maior capacidade de perforación. Este mineral era crucial para a industria bélica, especialmente para a fabricación de blindaxes e armas. As minas de volframio íanse reactivar grazas á escalada bélica que se inicia coa Guerra de Corea (1950-1953), tempos nos que José Iglesias Varela entra a formar parte da xunta directiva do R.C. Deportivo da Coruña, entidade que presidiría dende agosto de 1954 ata novembro de 1956.

(...CONTINUARÁ)


____________________


APÉNDICE DOCUMENTAL


Documento n.º 1


Artigo publicado en El Pueblo Gallego o 9 de setembro de 1934, p. 10:

En la parroquia de Cabo Vilaño, de Laracha, fueron detenidos por la guardia civil Andrés M. L. y Perfecto M.R., como presuntos autores de la colocación de una bomba hace unos días en el domicilio de su convecino Pedro Iglesias Graña.


Documento n.º 2


Artigo publicado en El Ideal Gallego o 7 de decembro de 1934, p. 6:


Nuevo comité de la CEDA

HA SIDO CREADO EN LARACHA

La U.R.D. de La Coruña continúa su intensa labor de organización en la provincia, con las restricciones que el Estado de guerra impone, y hace unos días varios directivos de esta entidad se trasladaron a Laracha donde se fundó un nuevo comité adherido a la Ceda, integrado por destacados elementos de aquella localidad.

En medio del mayor entusiasmo y con el total beneplácito de las fuerzas derechistas de Laracha ha quedado constituído el Comité del siguiente modo: Presidente: D. Juan Mato Toja; vice: D. Pedro Iglesias Graña; secretario: D. Eladio Lamela Reino; vice: D. Eladio Suárez Canedo; D. Francisco Verdín Perira; contador: D. Francisco Areosa Castro; bibliotecario: D. Antonio Pacín Sánchez; vocales: D. Edelmiro González, D. José Caamaño, D. Constantino Iglesias Morales, D. Ramón Varela Iglesias, D. José Cambón Suárez y don Manuel Rey.

También los directivos de la JAP coruñesa realizaron interesantes gestiones y en vista del formidable elemento juvenil de Laracha, uno de estos días será presentado el reglamento al señor gobernador y será constituída definitivamente la directiva de la JAP.

__________________

1 Descoñecemos o lugar de Proame no que estaba ese serradoiro. Tamén cabe a posibilidade que fora o serradoiro de Caamaño ou o de Díaz e que estivera alugado durante certo tempo nalgún deles.

2 La Voz de Galicia, 4 de xuñde 1924, páx. 5.

3 El Orzán31 de maide 1924, páx. 2.

4 Confederación Española de Derechas Autónomas.

5 Causa Audiencia Provincial. Signatura 52167 26. Arquivo do Reino de Galicia.

6 Vid. Salvador Parga Pondal (2010): Comarca natural de Bergantiños, Asociación de Desenvolvemento da comarca de Bergantiños, Buño, Malpica de Bergantiños, páx. 365.

7 Boletín Oficial del Estado nº 258, 15 de setembro de 1947.


O SERRADOIRO E A GASOLINEIRA 'DOS DA TENDEIRA' (2ª parte e fin)

   Naquela época na que José era o máximo mandatario do Deportivo seus irmáns Santiago e Miguel, seguindo a tradición familiar, montaran o seu propio serradoiro en Queo de Abaixo (Bértoa, Carballo), que estaba ao pasar o actual Café Bar A Galleguiña. Casados respectivamente con Teresa López Varela e María Varela Vázquez, mestra de Carballo durante décadas, ían traballar en sociedade ata a morte de Santiago, acaecida en xuño de 1981. Outro dos Iglesias Varela, Pedro, que estaba casado con Manuela Negreira Porteiro, tamén se había converter nun exitoso empresario: tiña paleadoras e vivía a cabalo entre Vilagarcia de Arousa e A Coruña. Maruja casara en Carballo con José Facal Muñiz, propietario da Fábrica de chocolates Facal que, segundo Xan Fraga, era fillo de Francisco Facal Gómez e Manuela Muñíz Cancela, matrimonio que nos anos trinta tiveran na carballesa rúa do Sol un ultramarinos e casa de comidas1. E por último Leonor, a máis nova da prole, casou con Manuel Rodríguez Areosa, vencellado tamén ao sector madeireiro, e quedaron a vivir na casa familiar do Cancelo. De Leonor e de Manuel falaremos máis polo miúdo posteriormente.

Bonita foto familiar na que vemos na parte superior e de esquerda a dereita a Pedro Iglesias Varela, José Zas Caamaño, Manuela Negreira Porteiro, Leonor Iglesias Varela, Manuel Rodríguez Areosa,  Santiago Iglesias Varela, Teresa López Varela, José Facal Muñiz, María Varela Vázquez e Miguel Iglesias Varela. Sentados, na mesma orde, Mercedes Iglesias Varela, Pedro Iglesias Graña, Carmen Varela Sotelo e Maruja Iglesias Varela (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

  Na década dos 50 e dos 60 o serradoiro ‘dos da Tendeira’ ía seguir gozando de boa saúde como factoría e almacén de madeiras. Polo que reza nun anuncio publicitario publicado na revista das festas da Laracha do ano 1954, a empresa comandada por Pedro Iglesias Graña era especialista “en machihembrado”. Nas numerosas conversas que mantivemos por WhatsApp durante a edición deste libro con María Rodríguez Iglesias, filla de Manuel e Leonor, preguntámoslle se sabía o nome dos obreiros que traballaban con seu avó. A María pouco lle tocou vivir aqueles tempos mais, polo que ten escoitado na casa cando era moza, recorda que “había un operario que andaba polos montes comprando a madeira. Era Pepe, que vivía no Canedo, en Nogán. Este home estaba nos tempos de meu pai e non sei se xa estivera co avó. Tamén recordo que había un encargado, que este obreiro si que xa estaba en tempos do avó. Este señor tamén vivía en Nogán e durmía na fábrica para resgardala de noite. Estaba día e noite. Era como da casa. Queríamos moito a aquel home. Logo había varios empregados traballando nas máquinas, pero non recordo os nomes porque miñas irmás e eu pouco íamos por alí. Ademais, claro, nós na casa pouco parabamos porque estabamos internas en Santiago. O único que che podo dicir é que algúns empregados traballaban unha temporada, marchaban e viñan outros no seu lugar. Só recordo aos dous que che dixen antes porque eran os que máis viñan á oficina da casa a arranxar os asuntos con meu avó ou meu pai”.

Publicidade do serradoiro de Pedro Iglesias Graña na revista das Festas da Laracha do ano 1954 (Cortesía de Julia López Tuset)

  E así foron transcorrendo os anos ata que Pedro se xubilou e quedou á fronte do negocio o seu xenro Manuel Rodríguez Areosa. O novo capitán do barco era natural da Rega (Bértoa), onde seu pai Ánxelo tiña serradoiro en fronte do actual restaurante Cima, no inicio da estrada que comunica con Baldaio. Tras darse o “si quero” en 1952, Manuel e Leonor establecen o seu domicilio no Cancelo, na casa dela. Ao tempo que foron pais de María del Carmen, María José e Mercedes, el traballaba con seu sogro Pedro e ela coidaba aos rapaces e a súa nai Carmen, que xa levaba certo tempo enferma.

  Naquela altura a cidade da Coruña medraba a pasos axigantados. Bueno, na realidade medraba a urbe herculina, medraba Bergantiños e medraba o mundo enteiro. A madeira do serradoiro ‘dos da Tendeira’ abastecía ducias de edificacións que se levantaron por aqueles días na bisbarra. E así o seguiron facendo ata os anos setenta, que foi cando o sector sufriu unha gran crise que levou a moitas de aquelas empresas madeireiras a pechar definitivamente a súa actividade ou a reinventarse, como foi o caso do serradoiro que fundara Pedro Iglesias Graña, que ía falecer en abril de 1978 aos 88 anos de idade.

  Nesa segunda metade da década de 1970 Manuel e Leonor deciden pechar o negocio da madeira e montan unha gasolineira. A súa filla María del Carmen, que tivo a amabilidade de contarnos a historia da súa familia e de cedernos algunha das fotografías que aparecen neste crónica, recordaba como seus pais deron aquel paso dicindo que “os negocios da madeira atravesaron unha crise a nivel xeral e moitos acabaron cerrando, como foi o caso do de meus pais, Como tiñan terreo suficiente, xurdiulles a idea de montar unha gasolineira uns metros maís adiante de onde estaba a fábrica de madeira. Sen coñecemento ningún, arriscáronse e saiulles moi ben. Tamén che digo que en aquela época na carretera A Coruña- Carballo só había a gasolineira de Vilarrodís, a de Paiosaco e a de Pallas, en Carballo. Na nosa, recordo as colas de coches agardando no arcén da carretera. Era unha pasada! Ademais a autovía acababa alí, antes da nosa estación de servicio e logo tardaron moitos anos en facela ata Carballo. A partir de aí todo o mundo empezou a facer gasolineiras. Meus avós tiveran sorte cos negocios e meus pais tamén. Despois empezou a caer a maldición na familia de enfermedades tremendas e foi unha loita con todos moi larga”.

Arriba, de esquerda a dereita, Manuel Rodríguez Areosa, Pedro Iglesias Graña, Carmen Varela Sotelo e Leonor Iglesias Varela. Abaixo, na mesma orde, as cativas María del Carmen, Mercedes e María José Rodríguez Iglesias (Cortesía de María del Carmen Rodríguez Iglesias)

  Manuel Rodríguez Areosa íase xubilar na gasolineira á que, xunto a súa muller Leonor, decidira bautizar co nome dun dos seus netos: San Marcos. Ben curioso o conto, abofé. Agora moitos dos antigos clientes do serradoiro, e mesmo os antigos empregados, enchían os depósitos dos seus vehículos alí recordando os tempos madeireiros de antano. Con el traballou na gasolineira o seu neto Marcos, fillo de María del Carmen, que xestionou a gasolineira ata o 2025. Manuel finou en 2014 aos 85 anos e Leonor en 2022 aos 92.

  Despois de tantos anos, a antiga cheminea do serradoiro segué en pé controlando o ir e vir do transito e da clientela da estación de servicio. Con ela, segue vivo o recordo de unha das épocas máis prosperas da Laracha, nun dos emprendementos madeireiros máis grandes da bisbarra que, no seu momento, axudou a marcar a identidade forestal á economía do municipio larachés e da comarca de Bergantiños.

Imaxe do serradoiro dos 'da Tendeira' tomada entre 1965 e 1970 (Arquivo do Reino de Galicia)

___________

1 Xan M. Fraga Rodríguez (2004): Crónicas de Carballo II, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, p. 91.

Ningún comentario:

Publicar un comentario