Continuando
co percorrido sobre a historia dos salóns de baile que houbo no
municipio da Laracha, nesta
cuarta
entrega arrincamos a viaxe na parroquia de Soandres,
concretamente no lugar do Niño,
onde Gumersindo Amor Loureiro
xa tiña salón e taberna
dende os anos dez ou
primeiros
vinte do século pasado, época na que con certeza tocaba no
seu establecemento o popular
Barreiro, o gaiteiro de Soandres.
|
Luga onde estaba o Salón de Gumersindo Amor
|
Á
parte de adicarse á
hostalería, Gumersindo, un
dos grandes labradores da zona,
tamén ía ser
membro activo do Sindicato Agrícola de Soandres na
década dos trinta. Destes
anos data
a seguinte noticia, que da fe
dun
incidente acontecido no salón do
noso protagonista:
A
TIROS EN UN BAILE. Dicen de Laracha que en el Lugar
de Niño, de la parroquia de Soandres, tiene un salón
de baile Gumersindo Amor Loureiro, y allí suelen acudir los mozos y
mozas de aquella parroquia y de las contiguas. El baile último
transcurrió sin que sucediese nada anormal, pero al terminar dos de
los mozos, S.I.B y su hermano A., de 24 y 21 años de edad,
respectivamente, provistos de un garrote y el otro de un revólver,
se hicieron dueños del salón. Trató de echarlos de allí Manuel
Domínguez Varela, de 44 años de edad, y los dos mozos
la emprendieron con el a tiros y estacazos, derribándolo en el
suelo, herido de un palo en la cabeza y de dos disparos en la cara y
oreja derecha. Avisada de lo ocurrido la Guardia Civil, detuvo a los
hermanos I. B. entregándolos al juez de distrito”.
|
Lugar onde estaba o Salón de Gumersindo Amor
|
Gumersindo
Amor casou dúas veces. Coa primeira muller tivo cinco fillos:
Gerardo, Domingo, Dorinda, Marina e Ramiro. E do seu segundo
matrimonio naceron Rafaela e María. Curiosamente,
dous dos seus fillos varóns, Gerardo e Domingo, andando no tempo ían
ter, ao igual que o seu proxenitor, o seu propio salón de baile. Do
salón de Domingo, situado no Campo da Ran, xa falamos neste
espazo hai unhas semanas. Do
local
de seu irmán Gerardo facémolo deseguido.
O
salón de
Gerardo Amor
estaba
no lugar
de A Veiga, moi preto do río
Anllóns,
e
era coñecido popularmente como “A Pachanga”. Segundo
nos contou Pacita, filla de Gerardo, o
local fora bautizado así
por
unha canción dos
primeiros 60
da
que se fixeran diferentes versións, entre elas a que
interpretaba o gran Luís Aguilé (1936-2009), cantautor
arxentino
de innumerables éxitos coma “Juanita
Banana”, “Cuando salí de Cuba”, “Es una lata el trabajar”
ou,
entre
outros,
o
nomeado
“La Pachanga”, tema
composto
polo cubano Eduardo Davidson. O músico portorriqueño
Joe Quijano (1935-2019) dicía: “Una charanga es la orquesta que
está de moda y una pachanga es el baile que se baila ahora”. Máis
que o baile, o ritmo nacera en Cuba o mesmo ano da Revolución
cubana: 1959, cando Eduardo Davidson, que na realidade chamábase
Claudio Cuza, compuxo “La pachanga”.
O
Salón de Gerardo Amor, que tamén tiña taberna no mesmo edificio,
foi durante moitos anos un verdadeiro referente festixeiro na
bisbarra, un lugar de moita diversión no que se celebraron bailes ao
ritmo dos mellores músicos e bandas da época. Polo
que recorda algunha xente, tamén
se
realizaran
varias proxeccións cinematográficas, celebracións do Entroido e
mesmo algún que outro baile no exterior, no
aparcadoiro existente diante
do local, no campo que hai ao carón do río Anllóns.
|
Músicos na taberna de Gerardo Amor
|
Mais,
ao igual ca o resto de salóns do municipio, “A Pachanga” iría
perdendo fol paulatinamente, e nos seus últimos tempos, antes do seu
peche definitivo nos anos oitenta, xa só funcionaba como taberna. Azucena
Iglesias, que rexenta o Bar Raio de Sol de Coiro, contounos que “teño
un vago recordo, de
cando ía con meus
pais de pequena á Pachanga, de quedar hipnotizada pola
bola de espellos que colgaba do teito.
A última
vez
que fun aínda
conservaban o escenario onde tocaban as orquestras”.
En
1992 o local ía recobrar vida de novo coa apertura da Parrillada
Paco, negocio
no que se celebraron vodas, comunións, comidas de empresa,
banquetes, etc. A
boa oferta de carnes á grella e o seu bo e variado menú tiveron
sona durante moitos anos, ata
a chegada da
COVID-19 que
foi cando Paco pechou as portas do seu
local
sobranceiro.
|
Imaxe actual da Parrillada Paco
|
A
poucos metros da Pachanga, na
mesma parroquia de Soandres,
entre
os lugares de A Veiga e A Curuxeira,
tivo salón Avelino Mallo Gómez,
que
era irmán
de
don David, o
médico de
Borreiros, e
de Domingo, alcalde da Laracha nos primeiros anos 50.
Este
Salón, que tamén era coñecido como 'o de Rosende', estaba nun
edificio
de dúas plantas do
que hoxe só se pode
ver
parte da estrutura. O
tempo e a vexetación fórono devorando pouco a pouco.
Na
planta baixa deste edificio do que era propietario Avelino Mallo,
tiña taberna Eladio, veciño
do
lugar de Condes (Soandres). Os
bailes facíanse no
piso de arriba, e para acceder ao Salón a
xuventude
tiña
que subir por unhas escaleiras que había no exterior.
Avelino,
que de cando en vez tamén lle alugaba o local a outra xente, era
o que cobraba a entrada habitualmente.
|
Aspecto actual do Salón de Avelino Mallo. Ao fondo, a Parrillada Paco
|
Os
tempos de esplendor deste Salón foron na
década dos
50, tempos de
músicas de gaitas e pandeiretas e de bailes que
se facían, principalmente,
polas festas ou polo Entroido. “Baixábase
dende Boimir e os choqueiros enchían
o Salón de Avelino”,
recordounos Manuel, un mozo de aquela época.
Polo Entroido había baile 3 ou 4 días e quen tocaba moitas veces
neste local era Rogelio, o gaiteiro de Condes, a
quen acompañaba co
tambor
seu pai, o señor Silveira.
Estrella
Peña, que emigrou ao Uruguai en 1955 con tan só 18 anos, contaba
recentemente
nun
audio de WhatsApp que nos enviou dende Montevideo a súa filla
Lourdes,
que “as poucas
veces que fun ao Salón de Rosende, os bailes facíanse
algúns
sábados. Empezaban
sobre as nove da noite e duraban ata
as doce,
aproximadamente. Ese
día vestiamonos coas
mellores roupas que tiñamos. Os bailes eran de gaita e pandeireta e
nos descansos facíase unha roda de
xente na
que unha parella
bailaba no medio mentres os demais cantaban. Recordo
que unha das cancións
era Río Verde.”
No
Salón de Avelino é
probable que nalgunha ocasión tamén tocara a
famosa orquestra de Soandres, tamén
coñecida como a de Ameixeira,
sobre a que o admirado Gumersindo García Gómez, cronista da
parroquia, comentaba o seguinte na Revista das Festas do ano 2006:
“A
comezos dos anos noventa faláronme da Orquesta de Soandres, e co
gallo de ler o Pregón das Festas de 1992, fixen unha evocación dos
seus membros como uns personaxes pintorescos da nosa parroquia e a
súa bisbarra. Os poucos días, María Martínez de Silvoso puxo na
miña man un vello retrato que hoxe é unha auténtica reliquia, que
da fe da tan entrañable, e xa desaparecida, agrupación musical da nosa
terra.
Rebosantes
de xuventude e fachendosos móstranse
sete mozos garridos: Luciano de Silvoso co primeiro acordeón; Celso
de Compañeiro co trombón de varas; Ramón de Matías de Soutullo o
frente da batería; Juan de Picardel coa trompeta; Luciano de
Ameixeira co saxofón; Gumersindo de Erboedo de Abaixo co clarinete
e, pechando a formación, Eduardo do Cabaleiro co segundo acordeón
(...)”
|
Orquestra de Soandres
|
Nos
primeiros tempos da orquestra seica tocaban a pleno pulmón, e así o
fixeron ata que lle alugaron uns altofalantes de batería a Manolo, o
taberneiro de Meirama. Algúns dos temas que nunca faltaban no seu
repertorio eran María de la O, Islas Canarias, Gato Montés ou
Siboney, cancións que cantaban nas súas frecuentes actuacións nas
romarías de Santo Adrián ou Santa Margarida, en Carballo, Rodís, A
Tablilla ou nas festas e salóns da Laracha como o 'de
Rosende',
no
que o seu propietario, Avelino Mallo,
ía deixar de
organizar bailes pouco antes de que Gerardo Amor abrira “A
Pachanga”.
Na
mesma parroquia de Soandres,
no lugar de Vilanova,
nos
lindes co
Convento, tiña
forno e taberna Domingo
do Zapateiro, que
seica argallaba bos bailes nos
anos duros da posguerra.
Manuel
Peña, veciño
de Santa Baia nado en 1934,
ao
que moitas e moitos de vós
recordaredes
por ser o conductor do autobús de Asicasa que
facía a ruta A Coruña-Coiro, contounos que na taberna de Domingo
“foi onde
escoitei a radio por primeira vez. De neno meus
avós mandábanme alí
a buscar o viño. Disque
sempre tiñan moi bo
viño”.
|
Aspecto actual da taberna de Domingo do Zapateiro
|
Os
'do
Zapateiro'
vivían nunha casa que
tiñan apegada
arriba da taberna e do alprendre que facía de Salón.
Na
actualidade xa non queda nada desa vivenda, mais si do pendello
onde
se facían os bailes.
Se nos achegamos a esta
vella
e
pequena edificación
e pechamos os ollos con forza, aínda
podemos escoitar os
alalás e
as
coplas que alí se cantaban...
“Para
quen entrou no baile,
para
quen entrou agora,
para
quen entrou no baile
cantarei
a noite toda.”
“Miña
Santa Margarida,
miña
Margarida Santa,
tedes
a casa no monte
onde
o paxariño canta.”
“O
creguiño de Laracha
non
ten capa nin capelo,
o
de Carballo ben pode
gastalos
de terciopelo”.
Rematamos
o percorrido pola parroquia de Soandres
na Vista Alegre, onde houbo
no seu momento ata cinco tabernas, practicamente
unha en cada casa do lugar: a
de Liboria Iglesias; a de Tapa, que
foi onde
naceu o popular “Niño de Soandres”
e, sen chegar a ser unha
taberna ao uso, si que
vendía algún viño; a
Cantina; a de Pilara e Primitivo; e a de Estrella Cotelo.
Tal
cantidade de tabernas débese a importancia que tivo Vista Alegre no
pasado, coa feira que alí se celebrou durante máis de medio século,
ata finais da década dos 50, e tamén ao movemento que xeraron os
máis de 400 obreiros que traballaron nos anos vinte na construción
do túnel do Cotaredo que, con 1.828 metros de lonxitude, era o máis
longo da liña ferroviaria Santiago-A Coruña. Durante o tempo no que
se levaron a cabo as obras, iniciadas en setembro de 1927 e
finalizadas en decembro de 1929, a veciñanza de Soandres vería como
as perforadoras mecánicas e os compresores eléctricos enchían de
ruído a súa apacible parroquia que, cada dous por tres, vibraba cos
estoupidos dos barrenos semellando un combate bélico, un nutrido
bombardeo que o eco alongaba ata outras freguesías da Laracha
mentres que unha lexión de homes traballaba día e noite nas obras
da vía, moitas veces coa presenza da atenta mirada dalgúns veciños
que acudían alí, sobre todo ás noites, atraídos polo resplandor
das luces na boca do túnel, algo fantástico, algo apocalíptico
para os ollos de aqueles xentes.
Unha
vez rematadas
as obras do túnel, Vista Alegre retomaría a súa habitual
tranquilidade, só
alterada o
segundo e terceiro sábados de cada mes nos que
as
xentes da bisbarra acudían
á
súa
popular feira que, como dixemos anteriormente,
se
celebrou
ata os anos 50 na
esplanada denominada O Campo. Nos
seus últimos tempos, cando
xa foi minguando a súa importancia,
a feira facíase
en semanas alternas, un venres si e outro non.
Nesa
época, os
mellores bailes da
Vista Alegre organizábanse
na taberna de Estrella Cotelo, muller
casada
con Domingo
Antonio Gómez
e nai de dous fillos:
Manolo e Inés. Nunha
viaxe pola súa memoria, Manuel Peña recordaba que neste local “os
bailes facíanse na planta baixa da casa, que
era onde tamén tiñan a taberna.
Cando había Feira viñan os músicos que tocaban neses
días no Salón de Catoira en Regocheo (Loureda). A
Feira
de
Vista Alegre
era cada quince
días. Facíase
os venres,
e os sábados era
a
de Cerceda. Cando non coincidían coa Feira de Paiosaco, era cando
facían os bailes na de Estrella, que
sempre se enchía pola
Feira
das Cereixas. Nesa época tamén había,
habitualmente,
foliada
no Salón de Catoira e
cando os músicos
acababan de tocar alí
viñan por Boedo
e
subían
para Vista Alegre. Deixábanse
ver pola Feira e
logo
entraban na taberna de Estrella para que a xente se
animara a ir ao baile.”
|
A taberna de Estrella na actualidade
|
A
raíz da desaparición da Feira de Vista Alegre os bailes tamén
foron a menos no negocio de
Estrella,
unha
muller loitadora que ía
traballar
toda a vida na súa
popular
taberna. Non
nos esquecemos do
bo facer nos
fogóns
da nosa protagonista, que
converteu
a 'Casa
Estrella'
nun lugar
de sona na gastronomía da contorna. Julia
Peña, escritora
de Soandres que vén de publicar a novela “La niña del relicario”, recordaba con nostalxia que “cando
era nena, os
fins
de semana ía
xantar moitas veces alí
con meus pais”.
Ao
xubilarse Estrella, que faleceu na súa casa de Vista Alegre en
novembro de 1989, aos 78 anos de idade, o
seu fillo Manolo foi
quen rexentou a taberna, un
local que frecuentou moita xuventude de Soandres ao
longo dos anos noventa,
época na que tiñan alí
a peña de fútbol. Coa
morte de Manolo
en 1998, o
bar ía
pechar
durante certo tempo, ata
que abriu de novo baixo o nome de Taberna Vista Alegre, dando alegría
e movemento a esta parte da Laracha
ata
a chegada da COVID, que
foi cando volveu a pechar. Agardamos pola súa reapertura para
recobrar o espíritu festixeiro dos tempos de antano!
(CONTINUARÁ...)
FONTES:
CABANILLAS,
RAMÓN (1983): Cancioneiro popular galego, Biblioteca Básica
da Cultura Galega, Editorial Galaxia.
GARCÍA
GÓMEZ, GUMERSINDO (2006): Aquela Orquestra de Soandres de
mediados do século pasado. Revista das festas de Soandres.
_________