mércores, 31 de maio de 2023

LENDAS DO LUGAR DA TEIXOEIRA: A TELLA, OS OVOS E A VIGA DE OURO

  As lendas forman parte importante da riqueza cultural dos pobos, que teñen nelas un dos tesouros máis valiosos do seu pasado. Pertencen, como os contos, ao acervo literario popular, transmitido oralmente durante séculos, mais manteñen con aqueles algunhas diferencias destacables. Os contos non teñen unha localización concreta e son intemporais; as lendas, polo contrario, están sempre referidas a un lugar e un tempo definidos, ademais de teren algún tipo de significado sobrenatural, con alusións frecuentes a poderes extraordinarios. 

  Este é o caso da lenda da tella de ouro, da que nos falou a señora Consuelo Vilas Díaz en febreiro de 2023 á arqueóloga Puri Soto e a un servidor. A señora Consuelo, que nos recibiu na compaña da súa familia coa maior das amabilidades no seu domicilio do lugar da Teixoeira, na parroquia de Cabovilaño, rememoraba os tempos da súa xuventude dicindo que… “eu sentíalle a mamá, que en paz descanse, que por aí había o camiño do lugar das Xestas á Laracha”. Nese camiño seica había unha muller agardando a que pasara alguén por alí, alguén que lle axudara ao que ela precisaba. Entón, veu unha muller e díxolle:

    -Mire, vostede pódeme facer un favor?

    -Señora, eu vou para a miña casa! Pero bueno… a ver logo, que lle teño que facer?

    -Mire, eu din a luz estes días, pero non teño leite no peito para darlle ao meu meniño!

   -Ai!, iso claro que llo podo facer. Eu tamén tiven un cativo estos días, así que podo darlle de mamar ao seu fillo.

    -Pois daquela faga o favor e acompáñeme.

   Foi con ela, deulle de mamar ao meniño, e cando xa marchaba díxolle a anfitroa a outra muller:

    -Moitas grazas señora; espere vostede un momentiño.

    -Ai! Non podo enredar moito, que tamén teño que atender ao meu neniño.

    -Non se preocupe, que non a vou a enredar nada!

    Uns intres despois botoulle algo no mandil, algo de certo peso que non sabía moi ben o que era. Ao marchar de alí, no camiño cara a súa casa, mirou o que lle dera a outra muller. Levaba o agasallo no regazo. Mirouno ben e... non daba crédito do que estaba vendo:

    -Ai meu Deus! Pero esta muller deume cachos de ouro!

   Cando chegou á casa díxolle ao seu home:

    -Mira o que me deron polo camiño!

    -E iso que é?

    -Son tellas rotas e son tellas de ouro. Deumas unha señora que me estaba esperando no camiño e dixo que tiña un meniño e que non tiña leite no peito para darlle de mamar.

 

Fabulación duns cachos de tellas de ouro (Brais Maceiras)

    -¿E por darlle de mamar ao neno deuche todo este ouro?

   E entón seica dixo ela:

   -Ai, eu non sabía o que me daba! 

   Despois de contarnos a lenda, a señora Consuelo, que naceu na propia casa onde nos recibiu, dixo que “esta historia sentinlla moitas veces a mamá e eu preguntáballe se era verdade; se foi certo ou non eu non o sei, pero a señora que recibiu o ouro seica contaba o que realmente lle pasara”.

    Pepe Ambroa, marido da señora Consuelo e natural do lugar de Formelle, tamén na parroquia de Cabovilaño, contounos outra versión da mesma lenda, unha versión que troca os cachos de tella por ovos.

    A lenda contada por Pepe iniciase do mesmo xeito que a de Consuelo. Despois de que a muller lle deu de mamar ao meniño da outra, esta, moi agradecida, díxolle:

    -Ai!, meu Deus, non sei con que pagarche este favor que me acabas de facer. Mira, pon o regazo que che vou dar algo!

    E a muller abriu o mandil e a outra botoulle uns cantos ovos no regazo!

    -Bueno, pois moitas grazas!

    -E, se pode, veña darlle a tetiña ao neno outro día -dixo a outra.

    A que lle deu de mamar ao meniño marchou e, ao chegar á casa, levou unha enorme sorpresa xa que os ovos cos que fora agasallada agora non eran de casca… agora eran ovos de ouro!

    A muller seica volveu máis veces pola casa da outra, e esta como lle daba ouro, aquela tiña ansia de darlle de mamar ao meniño.

    Pepe Ambroa recordaba o que lle contaba seu avó: “Coñécese que era xente potente, dicía meu abuelo”. O señor Pepe asocia esta lenda a outra das máis correntes do noso país que se repite con pequenas variantes en moitos lugares da xeografía galega: a da viga de ouro. 

 

Pepe Ambroa e Consuelo Vilas (Cortesía da súa neta Judith)

    “Claro -comenta Pepe Ambroa- se cadra alí había ouro porque incluso dicían que había dúas vigas dentro. Unha disque era de ouro e a outra de arsénico. As dúas xuntas non eran compatibles. E daquela cando quixeron levantar a de ouro…

    -Ai! Non podemos levantala que interrumpimos a que nos está fastidiando ao lado!

    E disque esta viga de arsénico aínda continúa alí e ninguén quere quitala por medo a que haxa algunha desgracia! A viga de ouro seica está ao carón da outra pero é difícil chegar a ela polo perigo que ten a de arsénico. Se cadra, para que ninguén fora alí, dicían esas cousas para meter medo. Eu sempre escoitei que a viga estaba enterrada aí (refírese a Montes Claros) e supoño que máis de un xa foi mirar!

   O señor Pepe conclúe dicindo que “uns dicían que lles pagaban con tellas de ouro cando chegaban alí a facerlle calquera axuda á señora que había alí nos Castros e que lles pagaban en cachos de tella, pero en vez de ser tella eran anacos de ouro… eu esto sentíallo a meu abuelo”.

   Non perdamos a memoria do pobo que somos!

    A memoria é o que nos configura como seres; conservemos este tesouro!

    Ata a semana que vén!

xoves, 25 de maio de 2023

A LARACHA, ANOS 50

  Entre finais dos anos corenta e principios dos cincuenta, Pepe da Foquecha, o seu curmán Luís, Aurelio, Xaime do Caeiro, Monsito Astray, Tito, Manolo de Eladio, Luís, Samuel de Negreira, Pepe de Mallo, Bautista e compañía, todos eles como xogadores, e o señor Hermida, Francisco Chispas, Benigno o Rallano, Plácido e Pepe Mijares, Francisco do Forno, Paco de la Fuente e Ramón Cacheiro na parte directiva, retomaban a actividade futboleira na vila da Laracha, que levaba un tanto adormecida dende os anos trinta e corenta, unha actividade da que daba boa conta La Voz de Galicia nos primeiros días de de novembro de 1950 ao informar dun enfrontamento xogado en Lañas. O xornal herculino, cun titular no que anunciaba que “El Laracha gana, pero no hay trofeo”, publicaba que ”con motivo de la festividad de Todos los Santos, se celebró en Lañas un partido amistoso de fútbol entre el equipo titular y el Laracha F.C.. Faltaban dos minutos para finalizar, y ganaba el Laracha por 2-1, cuando a causa de una discusión, se suspendió el partido, no efectuándose la entrega del trofeo en disputa al equipo vencedor, ya que el Lañas, que lo donaba, se negó a ello”1. 

   Casualidades da vida, consultando a hemeroteca de El Ideal Gallego para documentar o libro “100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha”, atopamos un tesouro etnográfico titulado O equipo da Laracha nun especial dos anos oitenta, con sinatura de Manolo Negreira, dedicado ás festas da vila no que, a xeito de cuartetos, poñíase de manifesto o acontecido naquel partido de Lañas xogado en 1950

  Ademais, nese pequeno tesouriño, tamén se describe o vivir e o sentir das familias larachesas daqueles tempos ao redor do fútbol e os síntomas de expansión desta práctica deportiva que, a teor da publicación, servía para a interrelación veciñal e de familias. 

 

A Laracha, anos 50. Na imaxe, de esquerda a dereita, Esther, Chona de Benigno e Maruja do Forno na Avenida de Fisterra (Foto do libro "Unha volta polo pasado. Parroquia de Torás", A.V. A Cutareira)

  Naqueles cuartetos escritos nos anos cincuenta, a veciñanza da Laracha tamén daba fe, cun acentuado espírito crítico, dun dos problemas da vila, que era a falta dun terreo de xogo, problema que non tería solución definitiva ata moitos anos despois:


Pepe da Foquecha

está enfadado.

Non o deixan xogar

porque está casado. 

 

E Luís o primo

ten moita pereza.

Mais en cambio ao balón

dalle de cabeza.


Sin embargo Aurelio

está moi gordinflón.

De cada patada,

quere romper o balón.


Xaime do Caeiro

xa non ven xogar.

Agora ten moza

e vaisenos casar.


E o de Quintáns

ten moi pouco fuelle,

que aos cinco minutos

está que no puede.


Monsito Astray

non pode xogar

porque teñen tenda

e ten que despachar.


Tamén está Tito,

debía ser primeiro

que para eso en Lañas

fixo de porteiro. 

 

Manolo de Eladio

non lle está ao oficio.

Xa se lle coñece

pois está no servicio. 

 

O outro Luís,

Carrecho de ole,

parece que ten

corriente do trole. 

 

Samuel de Negreira

arrastra nas herbas.

Non vos estrañedes,

non ten mais que pernas.


E Pepe de Mallo

é de categoría.

Por ir no equipo

deixou a banquilla.


Faltábanos un mirar

que contraste.

Vive no Petón,

traballa de xastre.


Xa nos esquecía

o noso artista.

Sabédeslle o nome,

chámanlle Bautista.


O noso equipo

está repartido.

Vaille pasar diñeiro

o Club Deportivo. 

 

Xa acabamos

con esta estiva.

Vamos empezar

cos da directiva.


O señor Hermida

es del consejo,

aunque para esto

está un poco viejo.


A Francisco Chispas

hai que terlle fe

porque está chiflado

polo efe ce (F.C.)


Benigno o Rallano

coma el non hai outro.

Transporta o equipo

dun lado pra outro. 

 

Pepe de Pallas, Pepe de Cachumbo, Lito, Leoncio e Mino no autobús de Benigno (Foto do libro "Unha volta polo pasado. Parroquia de Torás", A.V. A Cutareira)
 

Plácido Mijares

no sale de noche.

Por el F.C.

da aunque sea el coche. 

 

Su hermano Pepe

es lo que haría.

Ya tiene dispuesta

la ferretería.


Francisco do Forno

eso é un espanto.

Si ten unha leira

regalaa pro campo.


Paco de la Fuente

fará desta luchas,

polo F.C.

non deixa as truchas.


En cambio o irmán Gonzalo

é aficionado,

pero se hai truchas

vaise co hermano.


Ricardo o escribiente

ese é unha desgraza.

Non quere saber nada

mentres teña caza.


E Ramón Cacheiro

ese está casado.

Falarlle do equipo

é atragantalo.


Si hai que ir a un pleito

e facer escrito

temos na Telleira

ao señor perito.


Estamos acabando

e da un bon salto,

que os do Ayuntamiento

non compran o campo. 

 

Non teñen vergonza

e aínda é un espanto

non poder xogar

por non ter campo.


Cousa como esta

non lle pasa a nadie.

Hai que falar serio

co señor alcalde.


Hai unha protesta

sobre estos deberes.

As que falan máis claro

sonche as mulleres.


Comprade o campo,

soltade a marra

que é unha vergonza

o ir xogar a fora. 

 

Hai que xuntarse,

arrancar vuelo.

A ver si con esta

recerá o pueblo.


Eu creo que si

dira o que queira

con estas cousas

pode ir á feira.


O que dixo esto

é unha certeza

pra discurrir tanto

fai falla cabeza.


Fai falla cabeza

que teña cerebro.

Non a fixeron fora

foi no mesmo pueblo.


Laracha F.C.

foi xogar a Lañas

pero de volver

non lle quedaron ganas.


Non vaiades pensar

que che foi por medo

pois po noso medo

sodes moi pequenos.


Mirade o que é xogar

cos da aldea

que perden a copa

e quedan con ela.

 

La Voz de Galicia, 5 de novembro de 1950

Perde o noso equipo,

tamén tivo xenio

despois xa lla daban

e non a quixeron


E as trangalladas

acaban así,

que os de Laracha

non volven alí. 

 

E os do salón

xa rabeaban coa xente

porque lles marchaban

pra casa de enfrente.


Tirade a orquesta

e o acordeón

que os da Laracha

non van ao Salón.


Bailade a Muiñeira

e bailade a Jota

e despois viredes

pola nosa copa.


Non teñen vergonza.

Non a conocen.

Xa o di o refrán,

o roubado no loce.

 

E de xogar copas

non quedan vezados

que pola primeira

van ben escalados.


No campo de Lañas

avergonza o decir

que tivo que acudir

a Guardia Civil.


E eso os de Lañas

téñense por listos

van vir retratados

na caixa de mistos.


Para hoxe está ben,

deixalos en paz,

que o día primeiro

havos de acordar2.

 

__________

1 Vid. La Voz de Galicia, 5 de novembro de 1950, p. 4.

2 Vid. “O equipo da Laracha”. El Ideal Gallego, 15 de agosto de 1989. “Fiestas en Laracha”, páx. X.


xoves, 18 de maio de 2023

JOSÉ AÑÓN, O EMPRESARIO DE VILAÑO QUE FOI PRESIDENTE DO NACIONAL DE MONTEVIDEO E DA CUTCSA

  O Concello da Laracha hai uns anos que tivo a ben dedicarlle unha rúa1 a José Añón Canedo, un home que formara parte daquel continxente de galegos que, a principios do século XX, escolleran o Uruguai como destino para levar a cabo os seus soños. Añón abofé que non ía ter un camiño doado para poder realizalos mais, andando no tempo, a vida deste persoeiro íase transformar nun espello no que mirarse para moitos emigrantes, un claro exemplo da conquista do soño americano xa que acabou converténdose nun dos empresarios e emprendedores máis importantes de toda América Latina.

Imaxe dos anos 50 de José Añón Canedo (La Voz de Galicia)

    Nado o 13 de abril de 1898 no lugar do Pazo (parroquia de Vilaño), José era fillo de José Añón García e María Canedo Golán, proxenitores tamén de Jesús, Francisco, Lino, Francisca, Angustias e Gerardo.

    O noso protagonista, daquela un mociño imberbe, abandona a súa Laracha natal para embarcar cara a Montevideo, cidade a onde emigraran con anterioridade os seus irmáns Francisco e Gerardo. Uns anos máis tarde, sobre 1912, o rapaz de Vilaño volve á península para realizar algúns estudos. Marcha de novo para o Uruguai no 17 ou no 18 e alí, en Montevideo, empeza a gañar a vida traballando xunto a seu irmán Francisco como repartidor de leite dun tambo2 da rúa Guayabos y Minas. Pasado certo tempo, emprégase nun almacén de cereais e forraxes ata que, en 1925, merca un pequeno negocio que logra soster, con pouco éxito, durante dous anos.

    É aí, nesa altura, cando decide, xunto a seu irmán Gerardo e dous socios máis, mercar dous autobuses para cubrir unha das liñas do transporte metropolitano de Montevideo. Corre o ano 1927 e a súa vida ía cambiar para sempre a raíz da súa afiliación ao “Centro de Propietarios de Ómnibus”, unha institución con fins gremiais na cal José Añón se transformaría, en pouco tempo, en dirixente, presidente e líder indiscutido da defensa dos seus compañeiros. Nesa época xa casara coa bergantiñá Dorinda Esmorís Cotelo, matrimonio que tiña o seu domicilio no número 2333 da rúa Ibigaray.

    Tras un tempo de loitas coa “Atlas Electric and General Trust”, a poderosa compañía inglesa de tranvías que pretendía monopolizar o servizo de viaxeiros da capital uruguaia sen atender as demandas municipais de estender as liñas ás aforas da cidade, ao emigrante larachés tocaríalle ser a cabeza visible dese grupo de ex-cocheiros, condutores de taxímetros, etc., que formaban o “Centro de Propietarios”. Este grupo de soñadores, baixo o impulso de José e Gerardo Añón Canedo3, Rogelio Sande -veciño tamén da Laracha- e José Lago Lamas -natural da parroquia carballesa de Sísamo-, xuntaríanse para converterse en alternativa e competir cos tranvías británicos creando unha cooperativa de transportes en Montevideo que, en primeira instancia, se denomina CONAUSA4 para dar paso, o 13 de maio de 1937, á creación da “Cooperativa Uruguaya de Transportes Colectivos Sociedad Anónima, CUTCSA5, unha empresa que naquel intre tiña unha frota que alcanzaba os 526 coches e da que José Añón, copropietario de varios autobuses, sería presidente en varias etapas distintas.

    A pesar de prosperar e de facer a práctica totalidade da súa vida en Montevideo, onde ao pouco de asumir a presidencia da CUTCSA establece o seu domicilio na rúa Blanca del Tabaré n.º 2928, o de Vilaño non esquece nunca as súas raíces. Defensor a morte dos valores democráticos, a súa traxectoria non só se ía cinxir ao eido empresarial, xa que tamén exerce a galeguidade no seu país de acollida, co apoio a múltiples iniciativas de tipo cultural e social relacionadas coa diáspora. Boa proba disto foi a súa presenza coma directivo da Casa de Galicia, así como no Centro Republicano Español, o cal demostra que, a pesar do triunfo de Franco na Guerra Civil, o emigrante larachés ía permanecer sempre inquebrantablemente fiel aos seus principios republicanos e galeguistas, tal e como se pode testemuñar nas fotografías que se conservan das visitas de Castelao ao Uruguai, nas que José Añón Canedo adoita estar presente.

    Mais, se cadra, a maior paixón do empresario da Laracha foi o fútbol, en especial, o Nacional de Montevideo, club no que entrara como directivo en 1940 e que chegaría a presidir entre 1955 e 1961. Durante o seu mandato, o Nacional ía conseguir tres títulos de liga consecutivos6, íase coroar campión do “Campeonato Nacional General Artigas” -un torneo oficial creado coa intención de conseguir a integración entre os clubs capitalinos e os do interior-, ía inaugurar a sede da entidade na Avenida 8 de Octubre, e ía traspasar a varios futbolistas fillos de emigrantes galegos a equipos da liga española, entre eles as fichaxes de Héctor Núñez (fillo de emigrantes de Arteixo) ao Valencia, e de Héctor Rial e José Emilio Santamaría ao Real Madrid.

     Curiosamente un destes traspasos, o de Santamaría, acordárase en terras cercedenses. Segundo lle contara no seu momento o cura Fidel Fernández Bello (natural de Vilaño) ao escritor vimiancés Manuel Suárez, o presidente do Real Madrid, Santiago Bernabeu, enviara un directivo ao Uruguai a negociar a fichaxe do daquela xogador do Nacional. Alí infórmano de que o presidente Añón estaba de viaxe na súa terra natal, feito polo que o emisario madridista regresa a Baraxas en avión e, dende Madrid, viaxa en automóbil ata a parroquia de Rodís, en Cerceda, onde José Añón pasaba uns días na casa dun familiar, Manuel Riveiro Pallas7, que era o párroco do lugar. Alí mesmo, na casa reitoral da aldea de Vilameán, asinan o traspaso sen pisar as oficinas brancas. Santamaría, considerado un dos mellores defensas centrais de todos os tempos, ía gañar nada menos que cinco ligas e catro Copas de Europa co Real Madrid.

 

José Añón, no centro da imaxe, na súa etapa de presidente do Nacional de Montevideo (www.ovacion.digital.com.uy)

    Uns días despois daquela sinatura en Cerceda, o 7 de abril de 1957, José Añón desprazábase ao estadio de Riazor para facer o saque de honra do partido Deportivo-Sevilla, encontro no que a xunta directiva do club herculino lle entregaba ao persoeiro de Vilaño, como recoñecemento ao trato excepcional que lle dispensara á expedición coruñesa na xira que o Deportivo realizara por América do Sur en 1954, o título de Presidente de Honor8.

     Nesa época, dende 1956, Añón participa nunha das iniciativas económicas máis emblemáticas da colectividade galega no Uruguai, o Banco de Galicia, xunto co seu entrañable amigo, compañeiro de militancia republicana e tamén empresario en Montevideo, Jesús Canabal Fuentes (O Pino, 1897-Montevideo, 1985).

    José Añón Canedo sería ata a súa morte, acontecida en Montevideo o 11 de xullo de 1975, unha relevante personalidade nas empresas, entidades e asociacións benéficas da capital uruguaia polos seus cargos de presidente da “Asociación Española Primera de Socorros Mutuos”, chamada así por ser a pioneira no seu xénero en toda América Latina; presidente do Nacional de Montevideo, equipo que presidiría ata 1961; secretario do Banco de Galicia, cargo que ocupou ata que o banco pechou as súas portas en 1966; e conselleiro da CUTCSA que, por aqueles últimos anos 50 e primeiros 60 calculábase que tiña máis de catro mil obreiros e empregados, moitos deles emigrantes galegos. Segundo o escritor carballés Xan Fraga, foi tanta a xente de Bergantiños e doutras partes da xeografía galega que traballou nesta empresa que “a moitos emigrantes cando lles preguntaban a que país ían, contestaban que a CUTSA”9.

    O espíritu do empresario de Vilaño segue moi vivo en Montevideo, cidade onde se inaugurou no ano 2010 a Planta Industrial “José Añón”, situada na avenida José Pedro Varela. Esta planta, de 36.500 metros cadrados, é a sede da infraestrutura de apoio de toda a frota da empresa CUTCSA. 

 

Imaxe da Planta Industrial "José Añón" que a empresa CUTCSA  inaugurou en Montevideo no ano 2010 (www.cutcsa.com.uy)

___________

1 A que une a Avenida de Fisterra coa Avenida de Buenos Aires, unha rúa denominada anteriormente Camiño da Telleira.

2 Leitería.

3 Gerardo estaba casado con Perfecta Crespo López.

4 Cooperativa Nacional de Autobuses Sociedad Anónima.

5 A CUTCSA continúa sendo na actualidade a empresa encargada do transporte urbano de pasaxeiros de Montevideo.

6 1955, 1956 e 1957.

7 O parentesco era por parte de Francisco Canedo Riveiro, avó materno de José Añón.

8 A xunta directiva do Deportivo xa acordara conceder tal distinción o 5 de agosto de 1954.

9 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (1999): Crónicas de Carballo I, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, p. 64.