CASTROS

O CASTRO DA CONDESA DE LEMAIO E ALGUNHAS LENDAS DO LUGAR

(1ª Parte)

  A alta densidade de poboación de A Laracha coñécese na época dos castros polo importante número deles que aínda se poden localizar e estudar. Actualmente consérvanse case unha vintena de recintos castrexos distribuidos polas trece parroquias do municipio larachés: castro da Lagarteira e castro de Riotorto (ou Os Castros, ou o Petón do Castro, os dous en Cabovilaño); castro de A Medoña (Coiro); A Castreira (ou As Castreiras, en Erboedo); castro de Erboedo (ou Os Castros, ou As Croas, no lugar da Fontenla, Erboedo); castro de O Petón (Golmar); castro da Condesa (ou Bico do Castro, ou Xanzón, en Lemaio); castro de Lestón (ou Os Castros, ou Agra do Castro), castro do Retorno e castro de Fofelle, os tres recintos na parroquia de Lestón; castro da Pena ou O Petón (Montemaior); castro de Condesuso (ou O Castriño), castro de Santa Baia (ou Croa de Santa Baia), castro da Cerqueira (ou de Refoxo), castro de Revirente e O Castro (ou Os Castros), todos estos en Soandres; castro de Gabenlle (ou Castro das Croas, ou Os Castros, en Torás); castro de Montes Claros (ou Os Castros, en Vilaño) e castro Pequeno (ou castro das Motas, ou a Mota) en Pereiro, Vilaño. 

  Territorio habitado, vivido e traballado desde hai miles de anos, case todas as parroquias larachesas son confín dun verde castro. Eran as aldeas dos nosos antepasados e poboaron o noso territorio na Idade de Ferro eis alá, entre o século VIII antes de Cristo e o III despois de Cristo.

   Moitos destes recintos castrexos xa son soamente recordos. Dos outros, de nós depende que sexan presente, como é o caso de Montes Claros, que o Concello da Laracha decidiu nos últimos tempos apostar fortemente pola súa posta en valor.

   Ao longo dos vindeiros meses, de todos e cada un destos recintos iremos falando polo miúdo nestas Crónicas da Laracha para coñecer as súas localizacións e mesmo algunhas lendas que aínda se manteñen vivas. Comezamos esta xeira en Lemaio, co castro da Condesa.

 

Ao fondo, o Castro da Condesa

QUEN ERA A CONDESA?

    Se consultamos a cartografía da páxina web da Sede Electrónica do Catastro, á altura dos quilómetros 26 e 27 da autoestrada AG-55, na zona que atravesa a parroquia larachesa de Lemaio e a carballesa de Bértoa, podemos ver unha serie de topónimos que nos informan sobre un asentamento castrexo que houbo alí no pasado. Na parte pertencente a Lemaio, no devandito Catastro aparecen leiras e montes con nomes tan suxestivos como Castro da Condesa, Tenza da Condesa, Castro, Castro de Arriba, Castro de Abaixo, Castro da Cova ou mesmo Chousa da Santa. O mesmo pasa nos lindes con Bértoa, onde podemos atopar nomes como Castro, Chousa de Castro Lamoso (moi cerca da Fonte do Cuco), Castro de Arriba, O Petón ou o Outeiro. Máis abaixo, e tamén na parroquia carballesa de Bértoa, entre o lugar de Queo de Arriba e Guilfonxe está o Castro de Queo, non moi lonxe da Agra de San Martiño e mesmo do Castro da Condesa. Pois ben, chegados a este punto, a pregunta é: ¿Quen era esta condesa? ¿De que que condado estamos a falar e dende cando?

 

Castro da Condesa (Cortesía de Puri Soto)

    Unha das posibilidades pode ser a condesa de Torre Penela, tan vencellada á comarca de Bergantiños desde tempos pretéritos. Nas súas Crónicas de Carballo, Xan Fraga faise a mesma pregunta e tamén apunta que “O Campo da Condesa, Casa da Condesa, etc, xa non existe no vocabulario oficial carballés”1.

   O condado de Torre Penela é un título nobiliario outorgado polo Rei Carlos II en 1689 ao cabaleiro da Orde de Santiago Pedro Tomás de Ojea Ulloa y Enríquez, quen casou con Luisa Antonia de Ayala y Rojas e tiveron por fillos a Juan Antonio (II Conde); María Ignacia (III Condesa) e Catalina Nicolasa, que casou con Fernando Bérmúdez de Castro y Riobóo, señor de Montemaior e Torres do Viso (A Laracha)2.

   Viaxamos uns anos na máquina no tempo e chegamos á época da IX Condesa de Torre Penela, Clotilde Flórez de Losada, que casou con Pedro Sanjurjo y Pérez (Ourense, 1812-A Coruña, 1879). Pedro estudou dereito e foi xuíz ata que se dedicou á política e aos negocios. Membro do Partido Moderado, chegou a ser oidor da Real Audiencia da Habana así como maxistrado da de Manila. Foi deputado en diversas lexislaturas e Alcalde da Coruña en 1875. Era fillo do médico Pedro Sanjurjo y Mosquera, que estivera de director do Balneario de Carballo entre 1835 e 1837. Fíxose con esta propiedade no ano 1851 por 4.965 reás, reformando o recinto termal notablemente.

   Pedro Sanjurjo e Clotilde Flórez (que faleceu en 1923) tiveron tres fillos: Pedro; María Asunción (X Condesa), casada con Eduardo Torres Taboada; e Clotilde Sanjurjo Flórez Quiroga, casada con Antonio del Moral (deputado e senador pola provincia da Coruña en varias lexislaturas), que tiñan a casa da condesa en Carballo, baños de catro pozos, fonda e amplo xardín contiguo3. Sería algunha das Señoras nomeadas anteriormente a nosa condesa, a condesa do castro situado na parroquia de Lemaio? En Carballo aínda hai quen fala de “a Condesa” e da súa casa na que estaban os Baños Vellos, xunto á capela da Estrela, que hoxe da nome a unha das rúas da capital de Bergantiños.

 

Casa da Condesa de Torre Penela en Carballo en 1925 ( https://www.carballonamemoria.org/?fbclid=IwAR3-oQWv2F07DqHgvCGEC3A49YbZZE-Zok5VH6uvICRPYYdacGkU97onUls )

    Séculos atrás, o conde de Traba, Pedro Froilaz, que tivo unha numerosa descendencia, casaba por primeira vez con Urraca Froilaz (filla do Conde Frolia Arias), coa que tivo cinco fillos, un deles Fernando Pérez de Traba. Os dominios da parella incluían un extenso territorio entre Noia e Ortigueira, básicamente, a parte da provincia da Coruña entre o río Tambre e o mar. Uns anos despois da morte de Urraca, Pedro Froilaz casou en segundas nupcias con Mayor Rodríguez, filla do conde Rodrigo Muñoz e coa que tivo oito fillos. O 31 de maio de 1158, a condesa dona Sancha González, esposa de don Fernando Pérez de Traba, viúva, doou a Santiago pola alma do se defunto marido o conde don Fernando, boa parte das súas herdades. ¿Sería algunha destas mulleres a “nosa” condesa?

   Outra das posibilidades pode vir pola liñaxe dos Moscoso, que posuían moitas das terras que conforman boa parte do que hoxe é o municipio da Laracha. Lopo Sánchez de Moscoso y Ulloa4, primeiro Conde de Altamira, casou en primeras nupcias con Constanza das Mariñas, señora de Miraflores, Bergondo, Faro, Cillobre (con xuros sobre alcabalas reais en San Román de Cabovilaño, San Xián de Coiro, Santa María de Erboedo, San Xián de Lendo, San Martiño de Lestón, Santa María de Soutullo, Santa María de Torás e Santiago de Vilaño) e Parada. Constanza das Mariñas, unha das catro fillas herdeiras do gran Gómez Pérez da Mariñas, non tivo sucesión co I Conde de Altamira e non tardou en repudiado. Segundo o cronista medieval Vasco da Ponte “este conde no era hombre para mujer y doña Constanza no le quería por marido”. ¿Sería dona Constanza das Mariñas a “nosa” condesa?

   Sobre a estirpe das Mariñas sabemos, grazas ás investigacións de Marcos Amado que en Martín (Xordo) das Mariñas (+1515) recaerían por herdanza nun primeiro grupo de bens, o groso de posesións de Roi Xordo II das Mariñas, “pois á súa morte xa faleceran todos os nomeados en tales vontades. Neste bloque tamén obtería os bens maternos e do seu avó homónimo, isto é, o señorío do coto de Cecebre cos seus casares, herdades, viñas e co pazo de Pravío. Á súa vez unimos aquí as propiedades da liñaxe no arciprestado de Bergantiños, onde sabemos a posteriori que dispoñería do señorío, vasalaxe e xurisdición do porto e parroquia de Santa María de Caión, Santa Mariña de Lemaio; parte de San Lourenzo de Berdillo cos seus casares, de San Cristovo de Lema con Castelo, de Santa María de Noicela cos casares da Vespilleira, e coas súas casas, viñas e pazo de Nandufe, cabeza destes dominios”5.

 

Situación do Castro da Condesa (mapasxunta.gal)

   Numerosos títulos de avoengo están ligados á Costa da Morte, algúns xa desaparecidos ou insertados en Casas de maior lustre como a de Alba. Hai apelidos moi ilustres, con gran peso histórico, que forman parte do ADN comarcal, como os Mariño, os Bermúdez de Castro os Moscoso, os Riobóo, os Caamaño ou os Oca. No caso concreto de Lemaio, seica o primeiro señor do Pazo alí situado foi o Capitán Fernán Álvarez de Carantoña, escudeiro de Lopo Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira. O Pazo tamén pertenceu aos Varela e aos Bermúdez de Castro, deixando nela o seu escudo, aos Moscoso, Rodríguez de Arijón, García de Pardiñas, e aos Romay. ¿Poden vir por aquí as posibilidades da “nosa” condesa?

   Deixamos tamén enriba da mesa outras opcións de quen puido ser esa nobre, esa condesa do castro. No Catastro do Marqués de Ensenada de 1752, na segunda pregunta sobre a parroquia de Lemaio… ¿Si es de realengo o de señorío, a quien pertenece, que derechos percibe y cuanto produce?, a resposta foi “(…) la expresada feligresía es de señorío, que pertenece a Don Diego y Cadórniga, vecino de la ciudad de Betanzos(...)6. E na pregunta décimo quinta¿Que derechos se hallan impuestos sobe las tierras del término, como diezmo, primicia, tercio-diezmo u otros; y a quien pertenecen?, a contestación foi “(…) de todos los que producen las tierras que cultivan diez labradores, percibe dicho cura im solidum los diezmos de ellas, y la mitad de las de otros siete; la restante, por iguales partes al excelente señor Conde de Altamira y a la Marquesa de Parga; de los restantes diez y siete casares o vecinos, corresponden enteramente a don Diego de Oca, vecino de Betanzos7.

  A morte en 1796 de Dona Joaquina Josefa de Oca, filla de don Diego de Oca, ía marcar o final da liñaxe dos Oca. Joaquina, coñecida como "a marquesa", casara con Benito Bernardo Correa de Sotomayor y Yebra (IV Marqués de Mos) e non tiveron fillos, pasando os seus morgados á descendencia doutra liña sucesoria: á aberta con María Josefa, unha irmá de Don Diego de Oca. Esta María Josefa de Oca casou en 1723 con Don Pedro Isidro de Yebra, Pimentel  y Suárez de Deza, Señor da luguesa casa de Láncara. Os Láncara ían señorear boa parte da nosa contorna dende esta época ata 1936, ano no que faleceu Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza, coñecido polas súas amizades como Gerardo Láncara en alusión ao seu señorío que ía morrer solteiro só e sen descendencia.

   Descubrir quen era a condesa que da nome ao castro existente na parroquia larachesa de Lemaio e na carballesa de Bértoa non ha de ser doado (un servidor aposta pola condesa de Torre Penela). Promete ser un arduo traballo, mais, dende a confianza e a amistade que nos une con varios membros do Instituto de Estudos Bergantiñáns, aproveitamos a ocasión para deixarlles esta tarefa de investigación, e aproveitamos tamén a ocasión para animalos a publicar un novo número da súa exitosa colección “Andando por Bergantiños” no que teña protagonismo a parroquia de Lemaio que, no seu momento, cando no Trienio Liberal (1820-1823) se levara a cabo a división territorial en provincias e concellos constitucionais, formara parte do desaparecido Concello de Sísamo. Non deixa de ser curioso que unha porcentaxe importante da superficie da parroquia de Lemaio pertencera aos Láncara, incluido o castro, un asentamento que, á parte de ser coñecido como o Castro da Condesa, tamén se denomina Bico do Castro ou Castro de Xanzón. Este último nome vén por Antonio de Xanzón, caseiro dos Láncara que, segundo nos contaron, foi quen comprou parte dos terreos que esta estirpe ilustre tiña en Lemaio.

   Pola nosa banda dicirvos que a vindeira semana seguiremos falando do Castro da Condesa e das súas lendas.

 

(CONTINUARÁ...)

 

___________________________

1 Vid. Xan M. Fraga Rodíguez (2004): Crónicas de Carballo II, A. C. Lumieira, páx. 232.

2 Ibídem.

3 Ibídem

4 D. Lope Sanchez de Moscoso e Ulloa non tivo descendencia lexítima, e por iso deixou os bens da súa casa e o Condado a seu curmán D. Rodrigo de Moscoso e Ossorio, fillo de sua tía Dª Urraca Sánchez de Moscoso, e de D Pedro Alvarez Ossorio, conde de Trastamara.

5 Vid. Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, Señores de Montaos, Autoedición, páx. 67.

6 Vid. Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña, páx. 89.

7 Ibídem, páx. 93.

 

 

O CASTRO DA CONDESA DE LEMAIO E ALGUNHAS LENDAS DO LUGAR

(2ª Parte)

 

   Tal e como comentamos a semana pasada, o Castro da Condesa (a ver se algún día descubrimos quen era esta condesa) tamén se denomina Bico do Castro ou Castro de Xanzón. Este último nome vén por Antonio de Xanzón, caseiro dos Láncara e veciño do lugar da Fontaíña de Abaixo que, segundo nos contaron, foi quen comprou algúns dos terreos que esta ilustre estirpe tiña en Lemaio.

    O asentamento está situado a unha altura de 215 metros sobre o nivel do mar. Trátase dun castro fronteirizo xa que a parte suroeste pertence á parroquia carballesa de Bértoa e, o resto do recinto, á larachesa de Lemaio, non moi lonxe do Rego Maior, afluente do Río Anllóns, e dos lugares de A Fraga, Villaviciosa e Quenxe, situados a poucos metros da AG-55.

O Castro da Condesa visto dende a autoestrada AG-55 (Xabier Maceiras)

   Hai uns días pateamos polo seu interior, mais os eucaliptos e a espesa vexetación pouco nos deixaron ver deste tesouriño do patrimonio bergantiñán. Sobre este castro a prezada arqueóloga Puri Soto contounos que “está encaramado nun picoto ao estilo dos castros antigos, da primeira Idade do Ferro, quizais, cun sistema defensivo sinxelo pero efectivo: dobre parapeto seguramente con foxo intermedio pero nun lugar xa de por si de difícil acceso (como seu nome indica, Bico). Para que facer máis? Só se complican defensivamente aqueles castros que baixan en altitude. Ten unha forma lixeiramente oval, é moi xeitosiño e como se ve no croquis que debuxou o profesor Rodríguez Casal, ten un reforzo dun pequeno parapeto ao norte, seguramente para dificultar máis a única entrada que se lle intúe por esa banda. O muro do parapeto exterior parece que o conserva completo. Dentro seguramente tamén. Das primeiras veces que o pateei descubrín unha interesante poza ou corgo, acaroado ao parapato xusto polo norte, cerca da entrada natural”.

Muro do parapeto do Castro da Condesa (Xabier Maceiras)

   Segundo a descrición que o admirado historiador Xosé Troiano realizou para patrimoniogalego.net (http://patrimoniogalego.net/index.php/44361/2013/05/castro-da-condesa/), este xacemento posúe unha forma elíptica cunhas medidas de NL-SO de 155 metros e NO-SE de 110 metros de lonxitude que acada unha superficie de máis menos 1,8 Ha. A súa croa ten unhas medidas de N-S de 65 metros por 70 metros de lonxitude de O-L. acadando unha superficie de máis menos 3100 metros cadrados.

    O profesor Antón Rodríguez Casal, na súa Carta arqueológica del partido judicial de Carballo de Bergantiños1, editada polo concello de Carballo en 1975, informa que o castro está rodeado por un muro de aparello irregular de 1 m. de altura por 0,40 de grosor e que, tras él, polo Norte, exténdese un foxo que culmina nun terraplén de 5 m. de altura. No seu estudo arqueolóxico, Rodríguez Casal tamén recolle unhas pinceladiñas do folclore popular que a veciñanza da contorna lle contara naqueles anos setenta ao devandito profesor: “No castro viviron naqueles tempos antigos os mouros, como tamén no Castro de Queo.”

O castro da Condena visto dende Proame, Lemaio (Xabier Maceiras)

    Sobre as lendas relacionadas co castro da Condesa falamos recentemente con varias persoas do lugar da Pedreira que prefiren manter o seu anonimato e que nos contaron algúns dos contos que lle escoitaban aos seus maiores cando eran rapaces: Os vellos contaban que desde o castro de Lendo ao castro da Condesa uns homes grandes tiraban as ferramentas para traballar. O castro de Lendo quedou debaixo da igrexa”.

   Estes veciños da Pedreira temén nos dixeron que moito despois, ao Castro da Condesa chamábanlle o de Xanzón porque era o nome dos propietarios e que “seica non se podía entrar nel porque no camiño había unha viga de ouro. A viga estaba antes de chegar ao castro. Había unha viga de ouro e outra de veleno e, por iso, non se podía sacar a de ouro, porque estaba a do veleno, que polo que contaban era de xofre, e se a tocabas morrías. Disque o demo tamén cheira a xofre.

    A lenda das dúas vigas, a de ouro e a do veleno, é unha das máis correntes do noso país que se repite con pequenas variantes en moitos lugares da xeografía galega.

    No lugar de Villaviciosa, nos lindes de A Laracha con Carballo, falamos con Belén, que nos atendeu coa maior das amabilidades recordando algunhas das historias que lle contaban súa avoa, súa tía Inés, e súa nai, Herminia Villares, cando era nena. “A avoa, que xa hai anos que morreu, dicía que cando era cativa, e ían coller no toxo ao castro, vía as pedras das casiñas. Mamá tamén falaba desas pedras do castro. Moito lle chamaban a atención pola feitura que tiñan. Seica desde Lendo tiraban ferramentas para o castro da Condesa e construían as casas dun día para outro. O lugar de Lendo desde o cal lanzaban estas ferramentas seica era un castro que quedou debaixo da igrexa, que, polo que dicían, fora edificada da noite para a mañán por uns homes grandes”.

    Belén continuou compartindo con nós os recordos da súa infancia lembrando que mamá non quería que nos achegaramos ata os muros ou arredores do castro da Condesa porque alí había dúas vigas, unha seica era de ouro e outra de veleno. Dicían que estaban cerca do muíño da Gándara. Ante a curiosidade, nós, cando eramos nenos, preguntabamos: 

Muíño da Gándara (Xabier Maceiras)

   -Pero vamos a ver, ¿porque non escavastes no castro?

   -Vaia ho, porque hai unha viga de ouro e outra de veleno, dicían!

   E claro, todo o mundo lle tiña medo ao veleno e por iso non escavaron.

   De noite ían moer a ese muíño e seica saían os encantos do castro. Vían luces. Eu penso que debían ser lucecús ou vagalumes, pero bueno... Alí, no muíño da Gándara, tamén lavaban a roupa e deixábana estendida. E nós, os rapaces, iamos de día a ver esas luces, pero ao demo cousa vimos!

   O caso é que máis para aló do muíño da Gándara, entre A Fraga e A Pedreira, hai ou outro muíño que lle chaman o de Areosa, que é da casa grande que está fronte a igrexa de Lemaio, e contaban que un dos fillos dos desa casa estudara para cura grazas a un anaco de ouro que encontraran alí, nese muíño, que disque era da viga de ouro”. 

Muíño de Areosa (Xabier Maceiras)

   O cura que mencionou Belén imaxinamos que sería don Manuel Areosa Castro, crego de Lemaio falecido en xullo de 1949 que era un dos fillos de Bonifacio Areosa, natural do Igrexario de Lemaio, e de Josefa (Pepa) Castro Doldán, nacida no lugar da Braña, parroquia de Oza (Carballo). Neste caso pensamos que, ao longo dos anos, a lenda foise mesturando coa realidade, ou a realidade coa lenda, pois, nunha información publicada en La Voz de Galicia en setembro de 1910, o xornal herculino daba conta da seguinte información:

HALLAZGO ARQUEOLÓGICO
En la parroquia de Lemayo, Ayuntamiento de Laracha, al hacer una excavación en un riachuelo para establecer un molino apareció un trozo de cadena de oro, formado por cuatro eslabones de unos dos centímetros de diámetro. Está labrada con suma tosquedad, al parecer á golpe de piedra. El oro es pálido, sin mezcla ni aleación alguna. Pesan los cuatro eslabones, 88 gramos.
Presúmese que serviría para llevar suspendida un arma; pero es difícil asignarle uso, mientras no se encuentren otros trozos que den alguna indicación segura.
El labrador propietario del terreno, excitado por personas entendidas, va á emprender excavaciones en el lugar en donde apareció la cadena. Con ella se desenterraron dos trozos de madera de roble, al parecer fosilizados.
Es de esperar que el hallazgo no llegue a desaparecer por fusión en el crisol de algún joyero. Lo procedente sería cederlo o venderlo á coleccionista del país que lo conserve como se merece.2

   Grazas a inestimable colaboración de Marisa Lema, veciña de Proame, tivemos a ocasión de poñernos en contacto con José Tasende Areosa e con seu curmán Francisco Arcos Areosa, sobriños netos do crego don Manuel Areosa Castro. Ningún dos dous sabía nada dese conto da casa da súa familia, que, segundo nos contou Francisco, mestre xubilado de Xeografía e Historia en Málaga, tamén é coñecida como “a dos cinco médicos”. Sobre esta casa, construída en 1923, prometo falar máis polo miúdo no futuro.

   ¿En cal dos muíños de Lemaio apareceu ese ouro en 1910? ¿De quen serían os elos da cadea de ouro? ¿Da Condesa? ¿Da Santa que da nome a unha das leiras do castro? ¿Dos mouros? ¿Da viga de ouro? As lendas, lendas son, si, mais hai que mantelas vivas porque forman parte da nosa identidade e do noso patrimonio inmaterial.

E que, como a cobiza dos homes é tan desvariada, o mouro quere coutar o que lle rouben os tesouros que alí ten: cousas de ouro e de pedrería, e moita prata en xerros e pratos e cuncas, e que sei eu... E daquela fixo unha trabe de ouro e outra de alcatrán, e o que entrar no grande estrado da cova, en vendo a trabe relucente de ouro quererá arrincala para levala e se facer rico para toda a vida; mais, se tal fixer, un enxeño que ten nos dous cabos rebentará e poñerá lume á trabe de alcatrán e daquela todo se afundirá derrubándose enriba do que quixer facer o roubo e alí morrerá sen que ninguén lle poida valer”.3
Castro da Condesa (Cortesía de Puri Soto)

______________________________

1 Vid. Antón A. Rodríguez Casal (1975): Carta Arqueológica del partido judicial de Carballo de Bergantiños (Coruña), Departamento de Prehistoria y Arqueología Facultad de Geografía e Historia Universidad Santiago de Compostela; Departamento de Prehistoria y Arqueología Facultad de Filosofía y Letras. Edición patrocinada por el Ilmo. Ayuntamiento de Carballo de Bergantiños.

2 Vid. La Voz de Galicia, 21 de setembro de 1910, páx. 1.

3 Vid. Xosé Manuel González Reboredo (2007): Lendas galegas de tradición oral (9ª edición), Editorial Galaxia, páx. 89.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario