A SEGA DO TRIGO
Sei cantare e sei bailare
todo se me da na man,
senón a sacha do millo
amais a sega do vran.
Segundo o refrán, desde mediados de xullo os cereais, principalmente o trigo e o centeo, estaban en sazón e era o momento de chamar rogas de xente para facer a seitura, corta ou sega. Este traballo tradicional do agro galego consistía en segar as plantas destos cereais para despois, na malla, separar o gran da palla e almacenalo posteriormente nas huchas ou tullas para vendelo ou consumilo durante todo o ano, utilizandoo para facer pan, darlle de comer aos animais (a palla) e para sementar á volta do ano.
Seitura a principios dos 70 (https://gl.wikipedia.org) |
Por Santa Mariña,
pousar a eixada
e coller a fouciña.
Este refrán indicaba que remataba o tempo de sachar o millo e empezaba a época de segar o trigo. Segundo nos recordou José Rodo, nado en 1956 na Carballa Redonda (Montemaior), no día que se facía a sega, veciñanza e familiares presentábanse na casa do dono das leiras nada máis saír o sol, provistos dos apeiros necesarios para o labor que ían realizar: “Axudabamosnos uns aos outros, aínda que tamén había casas, os de familias numerosas, que facían a sega eles sós porque xa tiñan xente dabondo e non precisaban axuda. Á parte de segar na Carballa Redonda, recordo de ir con meus pais e meus irmáns a botarlle unha man aos veciños de Vilariño, Adrán, Balvís, O Penedo, O Igrexario…”
Antes do traballo duro había que ir co bandullo cheo, polo que en moitos lugares era costume que os propietarios dos terreos lles ofreceran aos segadores o almorzo, que ás veces era caldo requente, torresmos con pan ou leite mazado.
Rematado o almorzo (se é que o había), afiábanse os fouciños na moa da casa e despois cada segador ía provisto dunha pequena pedriña que utilizaba para afiar o apeiro se este se cegaba. Unha vez na leira, había quen realizaba a sega “á presa” (o segador suxeitaba un puñado de palla coa man), “á man” ou “a eito” (cortábase a palla co fouciño, sen apresala, deixándoa caer directamente no chan). Dun xeito ou doutro, o caso é que por norma xeral os homes ían en ringleiras segando a palla e poñéndoa en feixes.
Aínda que había algunha que o facía, era raro ver ás mulleres segando, xa que o traballo reservado para elas era coller os feixes de palla, sacudirlle os fentos ou outras herbas malas que levase, e atalos en monllos cunha especie de corda retorcida e corta, elaborada cunhas presas de palla, as chamadas ódegas ou vencellos.
Facendo os monllos (https://gl.wikipedia.org) |
Os nenos que ían ás leiras recollían, tras das mulleres, as espigas que ían quedando, uns cativos que tamén eran os encargados de ir á fonte máis próxima por auga fresca nuns porróns de barro para os xornaleiros, que poñían á sombra para que non se quentara.
Cando a calor apertaba, o normal era retirarse, ben para comer nunha carballeira ou na casa do dono, que tiña a obriga de ofrecerlles a comida, que en moitas ocasións era o único pago para moitos deles. Unha vez segada unha leira, se non estaba moi lonxe e había tempo dabondo no mesmo día, trasladábanse a outra do mesmo propietario ou doutro veciño para seguir co labor.
Realizada a sega, o trigo permanecía estirado na leira durante uns días para que secara.
Ségame louro
e sacarasme
un pan coma un ouro.
Este refrán fai alusión á cor castaño claro que debería ter o cereal no momento da sega, e a calidade das fogazas que se obtiñan del.
O último traballo era amorear os monllos en montóns perfectamente construídos que protexían o gran dos paxaros e posibles inclemencias do tempo. Polo que nos contou José Rodo, “a espiga escondíase no interior do montón e cara a fóra só quedaba a palla”. O conxunto de monllos colocados de pé na leira, despois de segar e antes de mallar, era o medeiro ou molgueiro (noutras zonas murgueiro), que en moitos lugares tiña o tamaño preciso para cargar un carro do país.
Suso Souto, veciño de Cumiáns nado en 1958, apuntounons que "na parroquia de Montemaior, a agrupación de monllos na leira denominábase mulgheiro e estaba construído en forma de cruz con cinco monllos por "brazo", e coas espigas no eixe da crus, de tal modo que aínda que chovese estas estaban protexidas da auga; co mesmo criterio construíanse as medas, pero en forma circular; é dicir, un mulgheiro igual a 20 monllos. Ironicamente, a falecida María de Brumiáns, cesteira ela, cando lle preguntaban a idade dicía os anos que tiña co símil de mulgheiros e monllos. Na última que lle recordo, contestou:
-catro mulgheiros e doce monllos (= 92 anos)".
Souto tamén recordou que na zona de Montemaior,
nas leiras de labradío, o trigo "sementábase xeralmente de palla alta
na "souma", resultante de sucar a leira. Esto facíase cun arado de pau
con vertedeiras laterais (sucadoiro) coas que se acumulaba a terra nos
laterais do rego. Esa terra nivelábase á man con rastrillos de madeira
dotados con dentes de ferro. Os sucos (regos) tiñan unha separación
variable de aproximadamente un metro entre eles. Para sucar necesitábase
moita forza de tracción, polo que ante a falta de bois enganchábanse
dúas e ata tres parellas de vacas. O obxecto dos sucos era a drenaxe do
terreo para previr escorrentías que levasen a semente e, ademais, para
colocar as "pobeas" de trigo segado transversalmente no rego de forma
que airease a palla para facilitarlle o seu secado e, conseguintemente, a
súa malla. Facilitaba tamén a labor do atado dos monllos, xa que a
persoa que os facía camiñaba polo rego metendo un brazo por debaixo da
segha e co de arriba acomodaba a palla para apretar ben o monllo no momento do atado. A man de abaixo era a que recibía a ódegha
collida polo lado da espiga, mentres o brazado descansaba na cintura do
paisano, pasándoa para a outra man, e entre as dúas volteábase o
"brazado" rodeando posteriormente, e xa no chan, as espigas cunha lazada
circular enchufando o resto da ódegha cun atador de madeira feito
xeralmente de buxo por debaixo da ódegha".
Normalmente na construción dos medeiros ou mulgheiro participaban os máis vellos do lugar, que dirixían este labor ou facíanos eles mesmos, namentres os rapaces lles levaban os monllos espallados pola leira. Era costume que as mulleres fosen provistas de medias gordas ou ben de pantalóns para evitar as feridas das canas que quedaban unha vez cortado o cereal, precaución que tamén tiñan que adoptar os nenos.
Un días despois chegaba a hora de transportar os medeiros, ás costas ou en carros, ata a eira da casa para facer a meda, que era a morea grande de monllos de cereal colocados ordenadamente en redondo ao redor dun pau, que se confeccionaba no lugar onde despois se mallaban. Había outro tipo de meda, neste caso tamén chamado palleiro, que eran as moreas de herba seca ou de palla, das mesmas características ca a anterior, que se facían nas eira para ter alimento para o gando no inverno. En todo caso, unha das máximas da aldea era “medar, non meda calquera”. E era ben certo, abofé!
Veciños
da Miñoteira diante dun palleiro (Foto do libro "Unha volta polo
pasado. Parroquia de Torás" publicado pola A. V. "A Cutareira") |
Así, resultaba imprescindible que dirixira a operación unha
persona adulta especialmente habilidosa, mentres que os mais pequenos
se encargaban de subir á meda para ir collendo todos os
monllos. A meda permanecía na eira entre unha e dúas
semanas, o tempo que se tardaba en iniciar a malla.
Facendo unha meda (aquamlatan.blogspot.com) |
Este xeito de facer a sega resistiu inalterable durante séculos, ata que a finais da década de 1960 e principios de 1970 apareceron as segadoras mecánicas, as clásicas "Bartollini", que substituíron aos fouciños, se ben as ódegas, os monllos, os medeiros e as medas seguíronse facendo igual durante algún tempo máis. E xa a mediados da década de 1980 chegaron as colleitadoras que facían a un tempo a sega e a malla, actividade da que falaremos nas Crónicas da Laracha da vindeira semana.
Fotografía de Ozores do ano 1969 |
FONTES:
Carme, a de "Cóntame un conto" (199?): A sega de verán. Boletín Informativo Municipal.
Lucía Rey Insua (2006): Las gentes. Labregos, gandeiros e feirantes. Reencuentro con la Galicia rural. Gran Biblioteca Temática de Galicia, n.º 2. Ea Editorial.
A MALLA DO TRIGO
Na actualidade agosto é un dos meses do ano no que, moitas das persoas que estades lendo esta crónica, colledes vacacións para a tan necesaria "recarga das pilas". Mais antano, nos tempos nos que os nosos pais e avós eran mozos, abofé que o conto érache ben distinto xa que era un mes no que había que traballar de sol a sol, como nos lembra o refrán: “O agosto fártanos e o agosto mátanos”.
Tamén era, e aínda segue sendo, mes de vixiar as viñas: “ Agosto madura e setembro vendima as uvas”; mes de traballo na horta: no minguante de agosto arráncanse as cebolas, mesma lúa na que se sementa as escarolas e, en torno ao día 15, os nabos... o refraneiro lembra que “Por San Bartolo (24 de agosto) planta o repolo”; e mes da malla, un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans...“Agosto pasou, quen mallou, mallou”.
Nas Crónicas da Laracha da semana pasada falamos da sega e comentamos que unha vez que os mulgheiros de monllos se retiraban da leira, transportábanse para a eira da casa para facer a meda, que era a morea grande de monllos de cereal colocados ordenadamente en redondo ao redor dun pau, que se confeccionaba no lugar onde despois se mallaban.
Pois ben, a meda permanecía na eira entre unha e dúas semanas, o tempo que se tardaba en iniciar a malla, a operación de bater os cerais, principalmente centeo e trigo, coa finalidade de separar o gran da palla.
Esta tarefa comunitaria fíxose durante séculos manualmente nas eiras cos "manlles", "manles" ou “manllos” que eran dous paus de madeira, habitualmente de castiñeiro, que estaban unidos cunha tira de coiro ou cun anaco de corda. O pau máis longo era o que facía de mango e o pequeno, lixeiramente curvo, o que mallaba o monllo do cereal.
Mallando cos manlles en 1932 (www.pinterest.es) |
Para facer a malla, primeiro limpábase ben a eira con vasoiras de xesta, xibardas ou de codeso, eliminando todas as pedras e terra solta que puidese ter. Se nas eiras había furados, estos enchíanse con terra ou mesmo cunha pasta feita con bosta de vaca e auga que se estendía cos varredoiros para alisar o chan. E se a eira estaba empedrada, pois íase cubrindo ano tras ano con terra. O caso é que unha vez preparado o terreo, facíanse as rogas á veciñanza que se podía emprestar á axuda da malla.
Limpando a eira para facer a malla |
Na eira, o primeiro que había que facer era sacar os monllos das medas, operación da que nos falou Suso Souto, veciño de Cumiáns (Montemaior) nado en 1958: “Os rapaces éramos os encargados de trepar a meda para tirar os monllos para mallar. Incluso faciamos carreiras en vertical de trepa similares as que fan agora nos rocódromos. Ao ir subindo pola meda, ao rozar coas canas da palla que estaba cortada en diagonal, había veces nas que faciamos cortes nas mans de consideración. A malla facíase en grupo arredor da morea que se ía renovando. Tamén se mallaba coas vacas pisando a palla.”
Os malladores empezaban a malla moi cedo formando dúas filas enfrontadas, cada unha delas de cinco ou seis homes armados do seu manlle. Cada fila mallaba alternativamente sobre o cereal a un tempo, acompasadamente e de xeito rítmico, desprazándose lateralmente para percorrer todo o eirado. Ao tempo, as mulleres colocaban lenzos para impedir que por efecto dos golpes o gran saltase fóra da eira. De cando en vez, os malladores paraban o mallado para que as mulleres ou nenos sacudiran a palla, para que acabase de separarse o gran, varrendo a eira e afastandoo da palla.
Co andar dos anos foron aparecendo as primeiras malladoras de fabricación industrial, pero eran poucos os labregos que dispoñían destos apeiros en propiedade e o que facían era comprar unha para utilizala en mancomunidade. Outras veces, algún dos veciños máis ricos adquiría unha malladora e, a cambio de certo pago, ía mallando casa por casa. A máquina de mallar tiña dúas partes: a desbulladora, que desfacía a espiga do cereal, e a limpadora, da que saían as canas coas que os máis pequenos enchían os cestos.
Mallando con malladora (pradaweb.blogspot.com) |
Segundo nos recordou Suso Souto, cando apareceron as primeiras máquinas malladoras pola zona de Montemaior “eran transportadas en carro ata a eira. Tratábase dun motor e dunha trilladora aos que se lle acoplaban unhas rodas eixadas e unha cabezalla, ambas tiradas por parexas de vacas. O motor, independente da trilladora, transmitía a súa forza a través dunha correa de varios metros. Cando esta correa non se aliñaba perfectamente coas poleas das dúas máquinas, desmontábase e resultaba perigoso causando algúns accidentes graves”.
Mallando con malladora (Jesús Frailde Oro) |
Coa utilización destas máquinas malladoras, os veciños xuntábanse como o facían antigamente, só que agora os máis novos situábanse na meda tirando os monllos á máquina, donde tres ou catro persoas desatábanos e poñíanos no taboleiro. Outras dúas, a relevos, espelíanos para poder meter o cereal na máquina malladora. Polo lado que saía a palla, recollíana as espalladoras coidando de que non levase gran. Neste punto esperaban os carretadores, normalmente os máis novos, para que lles enchesen as cordas co brazado, que levaban ao lugar onde dúas persoas, normalmente as máis veteranas e curiosas, a colocaban e facían o palleiro, que posteriormente se cubría cunha rede da que colgaban tres ou catro pedras por cada lado. Nesta época da que estamos a falar en cada casa había como mínimo un palleiro e, grazas a esta reserva de palla, a xente da aldea alimentaba ao gando durante todo o inverno. Deste xeito, ás vacas dábaselles unha gavela ou feixe ao día.
Facendo o palleiro (tinoetome.blogspot.com) |
Mozas da Laracha diante dun palleiro (Foto do libro "Unha volta polo pasado. Parroquia de Torás" publicado pola A.V. "A Cutareira") |
Ao tempo que uns levantaban o palleiro, outros arrastraban o gran cun rodo para unha pila. Este limpábase cunha máquina limpadora e a continuación era medido co ferrado (especie de caixón trapezoide con esa capacidade). Logo había que despoxar as derradeiras rabeiras que levase... po, restos de palla, areas, etc, tarefa que se realizaba en lugares aireados coas peneiras, cribas, pandeiros ou zarandos.
Peneirando o trigo (www.pinterest.es) |
Posteriormente aparecen os tractores, que xa movían as trilladoras de maneira autónoma polos donos do equipo. Aínda que, iso si, mantiñan a correa de transmisión fabricada cunha lona grosa moi resistente. Esta desapareceu cando xa se puido conectar o tractor á trilladora mediante a toma de forza do tractor. Esto simplificaba aínda máis o tempo de "asentar" a maquinaria na eira”.
O cereal pasaba logo a ser gardado en arcas, huchas ou tullas, desde as que se ían retirando durante todo o ano en sacos para o muíño, onde o gran se moía nos muíños para facer pan.
Ao rematar a malla, tralos oportunos tóspiros de augardente e outros licores para limpar a gorxa do po, comíase na casa que tocara facer o traballo. Carmen Pallas Míguez, nada no lugar de A Riba (Coiro) en 1931 recorda que a toda esa xente que botaba unha man “dábaselle o que se podía naqueles tempos... caldo, uns cachelos, follazo (filloa máis grosa), guiso, pan... o que non faltaba era a caña (augardente) ou o anís. Logo a xente cantaba e bailaba ata cansar.”
Comida despois da malla (tinoetome.blogspot.com) |
E ao día seguinte, as vacas levaban as máquinas malladoras para outra casa, repetindo esta operación ata finais do oitavo mes do ano!
“Agosto pasou,
quen mallou, mallou”.
FONTES:
Carme, a de "Cóntame un conto" (199?): A sega de verán. Boletín Informativo Municipal.
Lucía Rey Insua (2006): Las gentes. Labregos, gandeiros e feirantes. Reencuentro con la Galicia rural. Gran Biblioteca Temática de Galicia, n.º 2. Ea Editorial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario