CLAUDIO WILLIMAN, O CAIONÉS QUE FOI PRESIDENTE DE URUGUAI ENTRE 1907 E 1911
O
protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para un dos
fillos da emigración máis ilustres: o avogado e físico Claudio
Williman, que foi
presidente da República do
Uruguai entre 1907 e 1911.
Un
persoeiro que, malia ao seu apelido tan pouco bergantiñán, ten as
súas orixes en Caión.
![]() |
Claudio Williman (bibliotecadigital.bibna.gub.uy) |
Varios artigos publicados na prensa de Montevideo nos primeiros anos do século XX en torno á nacionalidade dos proxenitores de Williman suscitaran, no seu momento, non poucas discusións entre os xornalistas charrúas. Uns afirmaban que eran de orixe alemá, outros inglesa e os menos galega. Por riba, ningún dos contendentes aportaba probas satisfactorias aos seus contrincantes da pluma. Mais aquela incógnita ía quedar resolta coa información que publicaba, baixo a sinatura de Pedro Dubra Brandón, o xornal coruñés El Noroeste o día 20 de xuño de 1910:
"(…) publicamos a continuación la partida de matrimonio que los autores de la existencia de aquel, aunque joven, esclarecido gobernante. Los padres del presidente Williman, como los del presidente Gabriel Antonio Pereira y los del presidente Lorenzo Latorre, que también gobernaron aquel país en épocas no muy lejanas, nacieron en esta provincia de la Coruña, y en ella nació también el primer europeo que cruzó la América de oriente a occidente, Núñez de Balboa, para ofrecerle al mundo civilizado, con un nombre simpático (símbolo de la paz) el océano más extenso entre los que cubren la superficie de nuestro globo. La partida a que nos referimos dice así
“Don Domingo Carballo Antelo, cura párroco de Santa María del Socorro de la Villa y puerto de Cayón, distrito municipal de Laracha, provincia de la Coruña.
Certifico: que en el folio sesenta y nueve vuelto, del libro tercero de casamientos de esta de mi cargo se halla la partida siguiente:
En la capilla de San Roque que hace de parroquial de Santa María del Socorro de la villa y puerto de Cayón, a veintidos días del mes de Febrero, año de mil ochocientos cuarenta: Yo D. José Cambón, presbítero, teniente cura de la misma, con licencia expresa del P. P. Fr. Domingo Eujo, vicario cura de ella en propiedad, precedidas las tres canónicas moniciones en tres días festivos tanto en esta, como en la de Santiago de Arteijo, y no haber resultado impedimento alguno, según más bien consta de la certificación dada por D. Manuel Rodríguez Cambón, cura rector propio de la de Arteijo; asistí al matrimonio que por palabras de presente y mutuos consentimientos exteriormente sensibilizados contrajo José Williman, soltero natural de San Cosme de Mayanca y vecino de la referida de Arteijo, hijo legítimo de Claudio Williman, natural de la Saboya de Francia y de su mujer Caetana Lugrís, natural y vecinos que viviendo fueron de la de Moyanca; con Antonia González, también soltera, hija legítima de de Manuel González, ahora difunto, natural de Santa Justa de Moraña, y de su mujer Josefa de Otoño, natural y vecinos de este puerto; se observó lo prevenido en las Sinodales de este arzobispado y reales pragmáticas de S.M., en el mismo recibieron las bendiciones de la iglesia y se hallaron presentes Antonio Paz, Pedro de Otoño y D. Mariano García, todos vecinos de esta villa y puerto; y para que conste lo firmo al día, mes y año ut supra. José Cambón.”
Así pois, grazas a esta partida de matrimonio publicada en El Noroeste en 1910, ían quedar esclarecidas as orixes dos pais do noso homenaxeado: ata o momento de darse o “si quero”, José Williman Lugrís residía en Arteixo e Antonia González de Otoño en Caión. A parella non ía tardar en facer a maleta da emigración para empezar unha nova vida en Montevideo, onde montan un estabelecemento de ultramarinos na rúa de Andes, esquina coa rúa Mercedes. Segundo un xornal da época, na trastenda deste negocio, Claudio, que nacera na capital charrúa o 10 de outubro de 1861 … “estudiaba sus lecciones y algunas veces cosquilleaba en el humor de su buenísima madre, que le reprendía en gallego, dando lugar sus travesuras a que el severo D. José le advirtiese que era hora ya de que se fuese a clase, obedeciendo Claudio, no sin dejar de vocear y de dar saltos porque era un diablejo rubio y de ojos azules, tan travieso como avispado e inteligente”.
Claudio, que era sobriño de Mariano G. Williman, coñecido republicano federal da capital uruguaia, comeza a súa carreira universitaria aos 19 anos. Os seus méritos académicos ían ser extraordinarios, gañando a cátedra de Física da Universidade da República en 1885. Dende moi novo tivo claro que quería estudar enxeñería, un soño difícil de cumprir xa que por aqueles días non había ningún centro de estudo especializado no Uruguai. O caionés por vía materna principia, entón, a carreira de Dereito que compaxina coa política, actividade que xa levaba certo tempo chamando á súa porta.
Militante do Partido Colorado, no ano 1886 participa no departamento de Paysandú na rebelión do legalismo contra o militarismo, na coñecida como a Revolución do Quebracho. Nese mesmo ano, nesa época de radical oposición entre os “blancos” e os “colorados”, o noso protagonista, a quen os amigos e compañeiros coñecían polo alcume do Inglés, obtén a Licenciatura en Dereito.
Nos anos inmediatos o uruguaio-larachés alterna a labor docente coa súa actividade política e impulsa a fundación da Facultade de Matemáticas (1887), da que foi catedrático honorario, exercendo ademais de profesor na “Academia General Militar”. Moi popular na capital charrúa pola súa bonhomía e a súa singular intelixencia, en 1889 sería elexido edil por Montevideo. Maiztegui, historiador, profesor e xornalista falecido en 2015, definía a Williman como merecedor de grandes virtudes, pola súa “espléndida actividad docente, su cultura amplísima, su recia personalidad de revolucionario del Quebracho y hasta su carácter de eximio componedor, de nexo de entendimiento entre los hombres, tarea de la que hizo un arte basado en la serenidad de temperamento y el sentido del humor”.
En 1895, catro anos despois de converterse no Decano da Facultade de “Enseñanza Secundaria y Preparatoria”, Claudio casa con Carmen Pastora Martínez Santos, sendo froito do matrimonio José Claudio, Horacio Alberto, Osvaldo Alfredo e Enrique Guillermo.
Tres anos máis tarde do casamento, ao producirse o golpe de estado de Juan Lindolfo Cuestas, Williman ía ser nomeado membro do Consello de Estado. Malia ao seu notorio rexeitamento do formalismo militar, en 1904 combate na Guerra Civil o levantamento “blanco” para defender a constitucionalidade ameazada polo alzamento encabezado por Aparicio Saravia, sendo xefe do 4º Batallón de Infantería.
Rematada a Guerra Civil, José Batlle y Ordóñez desígnao ministro de Goberno nun tempo no que xa era unha das figuras máis populares do coloradismo, prestixio que conduciría a Batlle a decantarse polo persoeiro de orixe caionesa como o seu candidato para sucedelo na presidencia da República. E así, o día 1 de marzo de 1907 o Dr. Claudio Williman era elexido polo Parlamento presidente do Uruguai (70 votos de 79).
![]() |
Claudio Williman (https://es.wikipedia.org) |
O seu goberno íase caracterizar polo grande interese en reforzar o sistema xudicial e a promoción dun estado constitucional sólido. Entre as accións máis destacadas da súa xestión, hai que resaltar a abolición da pena de morte, a creación do Ministerio de Industria e o Ministerio de Obras Públicas, ademais da aprobación da Lei do Divorcio e a creación da Corte Suprema. Outro dos aspectos que melloraron considerablemente durante o goberno de Williman, foi o desenvolvemento económico do país fundamentado na gandería, na agricultura e no comercio, sector no que nacionalizou o porto de Montevideo e a rede telegráfica, instalando tamén a rede telefónica estatal que ía competir coas dúas privadas preexistentes.
Por outra banda, durante o seu goberno tamén se ían dar cambios importantes na educación, como a eliminación do ensino relixioso dos colexios públicos e a creación de centos de escolas distribuidas en toda a xeografía uruguaia, especialmente nas áreas rurais. En canto ao sector político, a convivencia entre os dous partidos maioritarios como o Partido Nacional e o Colorado, foi totalmente positiva e armónica, uns partidos que durante ese periodo 1907-1911 mantiveron unha disposición ao diálogo con tendencia moderada. En canto á xestión internacional, o goberno do caionés por vía materna tivo unha acertada visión negociadora que alcanzou a realización de acordos en termos fronteirizos cos gobernos arxentino e brasileño.
Finalizada a súa presidencia, Williman viaxou a Europa e a volta, en 1912, ocupou por segunda vez o reitorado da Universidade. Posteriormente, entre 1916 e 1924, apartado xa das loitas políticas, foi presidente do Banco de la República. O seu neto e biógrafo describíao así: “de aspecto sajón, delgado y erguido, pareciendo por ello de más altura que la real, de cabellos lacios, finos y rubios, ojos azules claros, con un gesto de seriedad que disimulaba de manera desconcertante su temperamento afectivo, afectuoso y a veces bromista”.
O noso homenaxeado falecería en Montevideo o 9 de febreiro de 1934. Camiño dos noventa anos do seu pasamento, no Uruguai aínda hai quen pensa que ten pendente un máis que merecido recoñecemento polos constantes esforzos realizados pola paz e pola súa importante obra reformista. Como esas brisas que de cando en vez atravesan as mañás soleadas, aquel fillo de José Williman e da caionesa Antonia González, pasou pola historia da súa patria de forma case desapercibida, mais iso si, regando a terra de fecundas sementes que floreceron anos despois nunha realidade superior.
-GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2020): Claudio Williman: abogado y físico, presidente de Uruguay en 1907 y natural de Caión, La Voz de Galicia, 10 de outubro.
-MAIZTEGUI CASAS, LINCOLN RAÚL. Uruguay-Recortes de Historia. El hombre que fue paréntesis. Blogdiario.com
CORONA GONZÁLEZ SANTOS, A FOTÓGRAFA DE VILAÑO
A fotografía percorreu un longo camiño na súa relativamente curta historia. En case 200 anos, a cámara pasou de ser unha simple caixa que tomaba fotos borrosas ás mini computadoras de alta tecnoloxía que se encontran nas DSLR e nos teléfonos intelixentes da actualidade. A historia da fotografía é fascinante, abofé. Por riba, e xa varrendo para a casa, o feito de que unha das primeiras fotógrafas de Galicia nacera na Laracha dálle o seu aquel e aínda a converte máis engaiolante.
Convén recordar que a primeira fotógrafa de estudio de toda a xeografía galega foi María Cardarelly, autora dos primeiros retratos coñecidos de Rosalía de Castro, que realizou a súa actividade na rúa do Horreo de Compostela en 1854. A seguinte da que se ten coñecemento foi Antonia Santos, que tomou as primeiras fotos na zona de Mondoñedo na década de 1870.
Precisamente nesa época, o 10 de outubro de 1875, nacía en Vilaño, no seu dunha familia acomodada, Corona María Josefa Jesusa Higinia González Santos1, que era filla de Faustino González Cobas, natural do municipio pontevedrés de Cotobade e médico da Laracha naquela altura, e de Jesusa Santos Cervela, natural da cidade de Ourense.
Corona González Santos (Foto Napoleón, Barcelona) |
Faustino e Jesusa xa eran pais de dous cativos, Carlos e Elodia, antes de que Corona nacera en Vilaño, onde se instalaron certo tempo despois da publicación no Boletín Oficial da Provincia do 21 de xullo de 1871 deste edicto no que se informa que... “Se acordó prevenir al alcalde de Laracha que instruya expediente para proveer tambien en propiedad el cargo de Médico titular vacante por renuncia de Don Roberto Fernández”2.
Non podemos determinar con exactitude o tempo que Faustino González estivo de médico na Laracha, mais de seguro que os seus fillos maiores botaron algunha que outra carreira polo castro de Montes Claros de Vilaño antes de que a familia se trasladara a Mos, onde a prole dos González Santos ía aumentar con cinco fillas máis: Josefa, Esther, Aurora, Acacia e Etelgiva.
En Mos, onde Faustino exercía de médico local, Corona recibe a formación escolar estipulada na sociedade da época para as mulleres, que non contemplaba para elas a posibilidade de seguir as ensinanzas universitarias. Andando no tempo, a nosa protagonista coñece a Ramón González Fernández, un rico empresario de Ribadeo que fixera fortuna en América.
Ramón nacera en Porcillán en 1856 e, tras estudar Náutica e Comercio, emigra de mozo a Rosario (Arxentina), onde gaña a vida como empregado dunha tenda. Tras facerse socio da firma Mendeto y Cía, quédase coa empresa e amasa unha gran fortuna. En 1899 tiña os recursos suficientes para poder regresar e vivir cómodamente. Cando se instalou en Galicia, abriu sucursais en Santiago e Vigo do “Banco Español del Río de la Plata” do que fora conselleiro delegado en Rosario. E nunha viaxe que fixo a Porriño para ver a un amigo arxentino, coñeceu a Corona.
O 22 de setembro de 1900, a larachesa de nacemento e Ramón contraen matrimonio na Capela das Angustias en Santa María de Sanguiñeda, parroquia do concello de Mos. El tiña 44 anos e ela 22. Un dos lugares que visitaron na súa lúa de mel foi a gran Exposición Universal que nesas datas se celebraba en París, onde ía agromar en Corona González o seu interese pola fotografía. De feito foi na capital francesa onde comprou a súa primeira cámara: unha Gaumont modelo Block-System “Carrée”, con caixa de madeira de caoba.
O matrimonio fixa a súa residencia nunha finca coñecida como Vila do Adro, situada na raia divisoria entre os concellos de Mos e Porriño, na estrada que une Porriño e Redondela, aínda que tamén residen por tempadas en Ribadeo, na vila de nacemento de Ramón, onde traban amizade con Benito Prieto Ferrero, fotógrafo establecido na localidade, con estudio propio, “Foto Prieto”, e con establecementos abertos en Navia, Vegadeo e Luarca.
Corona González Santos e Ramón González (Foto Napoleón, Barcelona) |
Aínda que non se dispoñen de datos sobre a adquisición de formación fotográfica da nosa protagonista, Fernanda Padín Ogando, autora dunha extraordinaria biografía sobre a larachesa (https://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972/), apunta que todo parece indicar que foi fundamentalmente autodidacta e que tiña os seus alicerces, na atracción e agrado que, segundo fontes familiares, mostraba polas actividades de tipo creativo e polo moite interese non só en fotografar, senón tamén en positivar os negativos.
Neste proceso de coñecemento, seguramente resultaron de moito apoio a relación de amizade mantida con Benito Prieto, o fotografo de Ribadeo, e con Pedro Cima, fotógrafo residente en Bos Aires, a quen Ramón e Corona sempre visitaban nas súas viaxes á Arxentina.
A obra fotográfica da nosa protagonista, que imaxinamos visitaría A Laracha nalgún momento da súa vida para amosarlle a Ramón o seu lugar de nacemento, asómase tanto ao interior da súa vida cotiá como ao universo exterior da súa contorna e as súas viaxes. Entre as fotografías de ámbito familiar e privado, cabe destacar a variedade de tomas que realizou, sempre utilizando a luz natural, tanto en interiores como en exteriores. Empregaba a galería da súa casa como estudio fotográfico, deixando testemuño da vida familiar e da oportunidade que as visitas de amigos da familia lles proporcionaban para o exercicio da súa artística vocación. No exterior, as paredes da casa, bancos, veladores e plantas do seu xardín, conformaban o escenario ornamentado de fondo para a realización de retratos individuais ou en grupo dos seus familiares e amigos. Para os retratos individuais ou en parellas, habitualmente femininos, gostaba de non repetir a composición, situando as persoas sentadas ou erguidas, ben na galería da casa, aproveitando a luz que se filtraba a través dos cristais, ben no xardín, onde previamente semella que preparaba as diferentes escenografías.
En xaneiro de 1914 Corona publica na revista “Vida Gallega” unha reportaxe fotográfica titulada “El arte y la belleza” en relación cunha festa benéfica realizada no Casino de Porriño, onde, baixo a dirección artística de D. José Palacios representábase teatralmente “Canción de Cuna”, unha obra que se estreara no Teatro Lara de Madrid en 1911, e que, debido ao seu argumento, calou moi fondo entre as persoas afeccionadas ao teatro en Galicia. Neste caso estaba interpretada por un elenco de actrices e actores da distinguida xuventude de Porriño, entre as que se atopaban familiares da propia Corona González.
Reportaxe gráfica na revista "Vida Gallega" |
Ademais de deixar pegada da actividade familiar e social na que se desenvolvía a través das fotografías, Corona contribuíu co altruísmo do seu marido durante a súa vida en común. En Ribadeo, Ramón González foi membro e presidente en 1910 da sociedade de socorros mutuos La Concordia. Subvencionou clases e instrumentos musicais do Ateneo. Financiou a construción do Teatro e as festas patronais de 1925 e deu 150.000 pesetas para comprar os terreos e construir a Praza de Abastos. A súa labor filantrópica íase completar cun mecenado de gran trascendencia social e cultural, concedendo becas a alumnos sen recursos para que puidesen estudar. Un deles foi Benito Prieto Coussent -que co andar do tempo sería un dos máis grandes pintores españois contemporáneos- ao que, nos seus inicios, axudou, protexeu e comprou varios cadros. En xusto recoñecemento dos seus méritos, os ribadenses deron o seu nome a unha rúa e o nomeárono Fillo Predilecto en 1922.
No Porriño, o matrimonio tamén ía exercer unha importante labor benéfica, social e cultural. Financiaron o templo parroquial, aportaron 40.000 pesetas para abastecer de fariñas ao pobo, axudaron a viúvas e orfos do mar, sufragaron a construción do campo de fútbol e contribuiron con grandes sumas de diñeiro a remediar as calamidades da gripe de 1918. A súa obra filantrópica máis recordada foi a construción do Consistorio porriñés que encargaron en 1921 ao famoso arquitecto galego Antonio Palacios autor, entre outros emblemáticos edificios, do Concello de Madrid ou do Banco Español del Río de la Plata -hoxe Instituto Cervantes-, ambos na madrileña Praza da Cibeles.
Non era doado achegarse ao traballo fotográfico como afección nesa época, e en maior medida se ademais eras muller. A súa práctica chegaba a constituír un auténtico privilexio. Como a maior parte das fotógrafas non profesionais da época, Corona González Santos, atopaba os contidos a fotografar no seu entorno, estando pendente do que sucedía ao seu redor. A súa produción fotográfica tiña un marcado carácter costumista, como así o confirman as 127 fotografías que o seu sobriño José Ramón Fontán González deixou en custodia do Museo de Pontevedra. Tendo en conta esta colección de imaxes, pódese deducir que a larachesa practicou a fotografía durante vinte e cinco anos, período coincidente entre o ano que mercou a cámara en 1900 e o ano da morte do seu marido, acontecida en 1925 aos 69 anos de idade.
Un ano despois do pasamento de Ramón, a corporación de Ribadeo nomeaba a Corona “Filla adoptiva” como proba de afecto e gratitude pola súa valiosa e eficaz colaboración nas altruístas actuacións levadas a cabo xunto ao seu finado marido. A nosa protagonista non ía abandonar a actividade altruísta e entre as súas novas contribucións cabe destacar, no ano 1929, a consistente na doazón de terreos, para a construción da nova igrexa para a “Orde Franciscana Terciaria” en Ribadeo, á que a mesma Corona pertencía e que se rematou de edificar o 17 de xuño de 1931. Neste templo, Corona mandaría erguer un mausoleo de estilo Art Decó, a fin de que servira como última morada dos restos do seu marido, e onde ela mesma, á súa morte, sería soterrada anos máis tarde.
Autoretrato (Museo de Pontevedra) |
Corona ía por diante do seu tempo. Á parte da fotografía, practicaba a escultura en barro e cemento e tamén escribía. O seu carácter e personalidade póñense de manifesto nos traballos que publicou en A Nosa Terra nos anos vinte do pasado século, artigos nos que se mostra como precursora do feminismo. Nas súas publicacións, asinadas desde lugares como París, Londres ou Río de Janeiro, predominan dous temas: a emigración e a morriña de Galicia e a necesidade de educar ás mulleres. Nun momento no que estas non abundaban en ningún ámbito profesional e tiñan escasa visibilidade social, Corona González defendía que se debía obrigar aos pais a dar instrucción aos seus fillos e que a falta de educación era a causa da marxinalidade de moitos galegos, sobre todo mulleres, na emigración. Nun artigo titulado «Pros pais que teñen fillas», publicado en A Nosa Terra o 1 de abril de 1927, Corona González escribe: «É necesario enseñar ás mulleres a traballar para ser independentes e facerlles comprender que non é necesario o casamento, nen ser monxa, para ser feliz neste mundo. Só poden adquirir a súa independencia por medio do traballo, e o día en que as nosas mulleres podan gañar a vida sin precisar de ninguén, terán independencia de carácter e poderán casarse, ou non, sin ter medo a quedar solteiras pois non precisan de ninguén que as manteña».
No comezo dá guerra civil, aos 61 anos, Corona incorporouse á Cruz Vermella exercendo como enfermeira auxiliar no “Hospital Militar de Evacuación de Bella Vista”. Durante os seguintes anos, continuou a súa colaboración en diferentes ámbitos de cooperación. En 1948, o concello de Ribadeo volveu a homenaxeala, en agradecemento ás contribucións pecuniarias que fixeran posible as necesarias obras executadas nas instalacións do Hospital Municipal. A corporación, en sesión ordinaria celebrada o 22 de maio, acordou se lle dera o nome do seu defunto marido, á sala de homes do piso segundo do devandito establecemento; ademais, da colocación nun lugar destacado do mesmo edificio, dunha lápida de mármore, onde se fixera constar a gratitude que o Concello e pobo amosaba a tan ilustre benfeitora.
Corona González Santos faleceu aos 96 anos, o 11 de maio de 1972, en Vigo, sendo soterrada o día 12 no cemiterio de Pereiró. As súas cinzas serían trasladadas anos máis tarde, o seis de maio de 1983, ao panteón que ela mesma mandara construír na Igrexa da Orde Franciscana Terciaria, en Ribadeo, onde como se dixo antes, repousaban os restos do seu marido.
FONTES:
Barás,
Milagros (2018): Candida Otero, la primera fotógrafa de
Pontevedra, Diario de
Pontevedra, 5 de agosto. https://www.diariodepontevedra.es/blog/milagros-bara/candida-otero-primera-fotografa-pontevedra/20180805195651994361.html
Fernández, Martín (2018): Corona González y Ramón González, los grandes mecenas de Ribadeo y O Porriño, La Voz de Galicia, 18 de febreiro.https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2018/02/18/corona-gonzalez-ramon-gonzalez-grandes-mecenas-ribadeo-porrino/0003_201802X18C6991.htm
Padín
Ogando, Fernanda (2018): Corona González Santos (1875-1972),https://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972/
_____________
1 Así figura no Tomo 5, folio 263, do Rexistro Civil de A Laracha.
2 Boletín Oficial da Provincia da Coruña n.º 18, 21 xullo 1871, páx 4.
LINO GÓMEZ CANEDO, O GRAN HISTORIADOR FRANCISCANO DE COIRO
![]() |
Lino Gómez Canedo (El Eco Franciscano: revista mensual, 15 de maio de 1934, páx. 52) |
Nado o 24 de xuño de 1908 no lugar de A Tenda, na parroquia de Coiro, o noso homenaxeado era un dos oitos fillos dos labradores José Gómez Domínguez e Carmen Canedo Cambón, el natural de Coiro e ela con orixes en Vilaño, que foron pais de Antonio, María, Manuel, Lino, Jesusa, Florentino, Luciano e Alfonso.
![]() |
Lugar de A Tenda |
![]() |
Casa na que naceu Lino Gómez Canedo |
Tras aprender as primeiras letras na súa Laracha natal (a súa familia non pode precisar se foi en Coiro, en Soandres ou na capital municipal), Lino estuda Humanidades no colexio de misioneiros de Herbón (Padrón) e, despois de pasar polo convento franciscano de San Diego de Canedo (Ponteareas, Pontevedra), cursa Filosofía no da Nosa Señora de Vistahermosa (Ourense), e Teoloxía en Santiago, donde profesou na Orde Franciscana en 1929 e se ordenou sacerdote en 1931.
Desde a súa etapa de estudante ía florecer nel a vocación de historiador, disciplina na que incursionou nos primeiros anos trinta con colaboracións habituais en medios galegos da época como El Compostelano, El Eco Franciscano, ou en revistas como a prestixiosa Nós ou a pontevedresa Logos na que, entre outros moitos, tamén colaboraban Castelao, Otero Pedrayo ou Filgueira Valverde. O larachés escribiu varios destos artigos en galego.
En vista da súa gran capacidade intelectual e da súa inclinación aos estudos históricos, foi designado axudante nas investigacións doutro insigne historiador franciscano, o padre Atanasio López Fernández, fundador da Revista Archivo-Iberoamericano, labor que o de Coiro alternaba con outros traballos ministeriais.
Lino viaxa en 1933 a Roma para traballar na Curia Xeral da Santa Sé. Alí estuda Historia Eclesiástica na Universidade Gregoriana, na que se licenciou en 1937 e se doctorou en 1939 cunha tese sobre a figura do cardeal Juan de Carvajal que foi calificada “summa cum laude”, o mesmo que a lección maxistral que precedeu á defensa. En Roma tamén estuda Biblioteconomía na correspondente escola da Biblioteca Vaticana, e Arquivística, Paleografía e Diplomática na escola do Arquivo Real do Estado de Roma.
Nesa altura ía ser elexido como un dos primeiros membros do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC):
Por el Ministerio de Educación Nacional ha sido nombrado Vocal de la Junta Bibliográfica y de Intercambio Científico del Consejo Superior de Investigaciones Científicas el sabio franciscano P. Lino Gómez Canedo.1
Instalado en Madrid desde 1941, o franciscano de Coiro está á fronte da casa de escritores Cardenal Cisneros, que se encargou de restaurar, ao tempo que daba clases de Historia Eclesiástica, durante o 41 e o 43, no seminario conciliar da capital do Estado. Nesa época, aproveitándose da hospitalidade franciscana, tamén comeza a realizar investigacións en arquivos e bibliotecas da antiga Iugoslavia, Italia, Austria, Hungría, Francia, Inglaterra, Alemaña, Bélxica, Países Baixos, Suecia ou Dinamarca.
En 1946 obtén unha beca da Junta de Relaciones Culturales del Ministerio de Asuntos Exteriores, e viaxa a Nova York. Gómez Canedo bota dous anos percorrendo todos os países de América e, tras unha ardua investigación na procura de informacións nos arquivos de medio planeta, en 1951 ingresa na Academy of American Franciscan History de Washington, na que traballou durante as décadas seguientes. Este “desembarco” en América, soño da súa vida, íalle brindar as mellores oportunidades para levar a cabo as súas iniciativas historiográficas.
En 1952 regresa a España e ao ano siguiente traballa no British Museum e no Public Record Office. Posteriormente, sobre 1958, volve a Washington grazas ás axudas da Fundación Creole e ao Programa de Becas da Organización de Estados Americanos. Con este apoio puido percorrer boa parte dos países hispanoamericanos, Estados Unidos e Canadá, para obter novas informacións sobre a acción española en América, sobre a historia dos franciscanos no Novo Mundo e sobre a educación das poboacións indianas, tema polo que sentía gran paixón.
Sen gran atractivo pola docencia, ditou cursos na Saint Bonaventure University de Estados Unidos, na Universidad de Puerto Rico e na Universidad Nacional Autónoma de México, acerca da historia de América e a súa metodoloxía. Lino asistiu a diversos congresos internacionais de historia e arquivística. Ademais, tamén participou intensamente en comisións e comités reunidos para establecer criterios ecdóticos actualizados.
![]() |
Lino Gómez Canedo (Biblioteca Franciscana) |
Sempre dentro da súa actividade histórico-documental, reorganizou o arquivo diocesano de San Juan de Puerto Rico, pronunciou conferencias en distintos centros e ofreceu cursillos aos doctorandos de escolas especializadas e universidades. Era académico correspondente da Real Academia Galega, da Real Academia da Historia, da Academia Colombiana de Historia, da Academia Colombiana de Historia Eclesiástica, da Academia Nacional da Historia de Venezuela e da Sociedade Mexicana de Historia.
Viaxeiro infatigable e home de trato moi cordial, como así o recorda don Manuel Mallo Mallo, sacerdote de Soandres e doutras parroquias larachesas que tivo a ben colaborar con nós nesta homenaxe, Lino Gómez Canedo foi quen de rodearse dunha constelación de amigos nos diversos países sudamericanos e moi especialmente nos caribeños. De feito, residiu gran parte da súa vida en México, país no que publicou os seus mellores estudos históricos. Historiador de recoñecido prestixio no seu tempo, o persoeiro de Coiro era moi estimado no mundo dos hispanistas tanto europeos como americanos, cos que concorría asiduamente aos congresos e asambleas internacionais.
Á parte dos artigos escritos na súa xuventude nalgúns medios galegos que xa mencionamos anteriormente, tamén colaborou en numerosas publicacións, entre elas o Archivo Ibero Americano, revista da que foi director; Revista de Indias; Archivum Franciscanum Historicum (Museo Histórico, Quito); The Americas (Washington); Revista Interamericana de Bibliografía (Washington); Estudios Históricos (Guadalajara, México); Humanitas (Monterrey, México); Revista de Historia de América (México); Handbook of Latin American Studies (gran publicación anual da Biblioteca do Congreso de Washington, na que tivo ao seu cargo a sección “Sudamérica Colonial” de 1962 a 1970); Dictionnaire de Géographie et d’Histoire Ecclésiastiques (París); Guide to the Diplomatic Archives of Western Europe (Filadelfía, 1959), etc.
Obras da súa autoría son: Don Juan de Carvajal y el Cisma de Basilea (1443-1448), Madrid, 1943; Un español al servicio de la Santa Sede. Don Juan de Carvajal, cardenal de Sant’ Angelo, legado en Alemania v Hungría (1399-1469), Madrid, CSIC, Instituto Jerónimo Zurita, 1947; Nuevos estudios histórico-críticos acerca de Galicia, del padre Atanasio López, ed. de ~, Santiago, 1947; Crónica franciscana de las provincias del Perú de fray Diego de Córdoba Salinas, ed. de ~, Washington, Academy of American Franciscan History, 1957; Los archivos de la Historia de América, Madrid, Instituto Panamericano de Geografía e Historia, 1961; Los archivos históricos de Puerto Rico, San Juan, 1964; Crónica de los colegios de Propaganda Fide de la Nueva España de fray Isidro Félix de Espinosa, ed. de ~, Washington, 1964; Los archivos históricos de Venezuela, Universidad de Zulia, 1966; Las misiones de Píritu. Documentos para su historia, selecc. e est. prelim. de ~, Caracas [Academia Nacional de la Historia], 1967; Primeras exploraciones y poblamiento de Texas (1686- 1694), Monterrey, 1968; San Francisco de Asís. Sus escritos: las florecillas. Biografías del santo, ed. de ~, Madrid [La Editorial Católica], 1971 (5.ª ed.) (Biblioteca de Autores Cristianos, vol. 4). As súas obras poden encontrarse nas mellores bibliotecas especializadas do mundo.
Pouco antes de finar, o noso homenaxeado foi o pregoeiro das festas da Laracha. No seu pregón, que tivo lugar na noite do 14 de agosto de 1987, o franciscano falou sobre os emigrantes galegos, en especial dos que ían a América e destacou a importancia de Galicia no continente americano que, “aínda que pouco coñecida, debe terse en conta porque oito Virreis e varios Gobernadores da América posterior ao descubrimento foron naturais de Galicia”.2
![]() |
Lino Gómez Canedo (La Voz de Galicia, 16 de agosto de 1987, páx. 22) |
Lino Gómez Canedo faleceu en México o 24 de decembro de 1990 aos 82 anos de idade. Os seus restos descansan na igrexa de San Francisco de Tilaco, en Querétaro (México). Algúns autores sinalan que preferiu esa morada final ao igual que outros “conquistadores conquistados”, referíndose aos españois que desenvolveron boa parte do seu traballo en América, como así foi no caso do de Coiro, e se enamoraron desa terra. Precisamente, entre os seus moitos estudos e publicacións realizadas en América, está a investigación sobre Junípero Serra, frade franciscano do século XVIII que foi canonizado en 2015 polo Papa Francisco. Con motivo deste acontecemento, José Luis Soto, tamén franciscano, escritor, historiador e amigo persoal de Lino, publicou o libro Junípero Serra en la vida y obra de Lino Gómez Canedo, un monográfico co que Soto ofrece información de ambas figuras.
Nunha decisión plenamente xustificada, en maio de 2004 o Concello da Laracha decidiu nomear a unha rúa céntrica da capital municipal co nome de Lino Gómez Canedo, incansable home de letras e de palabras que, ao compás dos seus quefaceres clericais, empregou toda a súa vida para furgar nesos atados eclesiástico-historiográficos que hoxe se encontran repartidos polas diversas bibliotecas e institucións culturais da nosa xeografía e as dos continentes americano e asiático, deixando un numerosísimo legado histórico de incalculable valor documental.
FONTES:
García Oro, José (OFM): Lino Gómez Canedo, https://www.dbe.rah.es/biografias
Garrido Ríal, Santiago (2008): El siglo de Lino Gómez Canedo, La Voz de Galicia, 24 de xuño.
____________
1 Vid:
El
Correo gallego : diario político de la mañana, 7
de abril de 1940, páx 4.
2 Vid: La Voz de Galicia, 16 de agosto de 1987, páx 22.
ANTONIO BARREIRO RAMOS, O VECIÑO DE VILAÑO QUE FOI UN DOS GRANDES EDITORES DO URUGUAI
O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para Antonio Barreiro Ramos, unha figura fundamental na historia cultural e social da cidade de Montevideo xa que foi un dos editores máis importantes do Uruguai a finais do século XIX e principios do XX.
![]() |
Antonio Barreiro Ramos (Biblioteca Nacional Montevideo) |
Fillo de José Barreiro e María Ramos, o noso homenaxeado nace no ano 1851 no lugar de Fragunde, na parroquia de Vilaño, nunha casa que aínda conserva parte da súa estrutura. Ao igual que miles de galegos do seu tempo, con dezaseis anos emigra ao Uruguai na procura dunha mellor vida e establécese en Montevideo.
![]() |
Casa do lugar de Fragunde na que naceu Antonio Barreiro Ramos (Xabier Maceiras) |
Corre o ano 1867 e comeza a traballar na libraría de Teodomiro Real y Prado, que por aquel entón era unha das máis prestixiosas da capital uruguaia. Ao tempo que adquiría experiencia nas prácticas comerciais e de libraría, o mozo larachés íase adoutrinando sobre o país de adopción, as súas xentes e costumes, nas conversas da tertulia que diariamente se celebraba no seu lugar do traballo, onde o seu patrón faríao socio comanditario do establecemento. Nesa época casou con Ana Ortega Alegre, coa que tería seis fillos: Antonio Prudencio, Enrique, Ana Julia, Samuel, María Judith e Guillermo.
Os seus contactos en Real y Prado cos incipientes sectores intelectuais da cidade ía ser a lanzadeira para o que acontecería en 1871, que foi cando o larachés comezou a traballar pola súa conta logo de fundar o seu propio negocio: a Librería Nacional, un pequeno establecemento de venda de libros que respondía á firma social Barreiro y Cía., constituida polo propio Antonio e Teodomiro Real y Prado, o seu antigo patrón, un home crucial na súa vida. Andando no tempo, esa firma daría lugar a unha sustitutiva, que xirou como A. Barreiro y Ramos, formada por Antonio e seu irmán Antonio Ramón, que tamén abandonara o lugar de Fragunde na procura das oportunidades que non tiña na súa terra de nacemento.
![]() |
Publicidade da Librería Nacional (Montevideo en Fotos) |
Un país novo como era o Uruguai naquela altura, ao que chegaban grandes ondadas migratorias e no que se empezaba a fraguar o sentimento nacional, propiciaba a publicación dun gran número de textos, feito do que Barreiro Ramos ía tomar boa nota. Deste xeito, seis anos despois de abrir a Librería Nacional, aproveitando o momento histórico tan favorable, instala en Montevideo talleres gráficos para editar, publicar e comercializar numerosos libros.
O larachés, xa convertido en empresario ía encontrar no boom da produción de textos escolares, impulsada pola Reforma educativa que vivía o país nesa época, a oportunidade para que o seu negocio non fora únicamente a venda de libros senón tamén a súa edición. Este emprendemento era dunha notoria actualidade ao chegar a publicar incluso textos sobre novos recursos existentes para aplicar no medio educativo. Un exemplo disto foi o traballo de Carlos Arocena denominado Las proyecciones como un medio de enseñanza, un texto de 52 páxinas sobre os beneficios que tiña a utilización de proxectores no ensino e a difusión das ciencias.
A partir de 1882 vinculouse, como administrador, a unha empresa cultural de curta vida, mais de significativa incidencia no campo das ciencias xurídicas, a Revista del Plata, destinada a canalizar as leccións que nesas disciplinas se ditaban nas aulas universitarias.
![]() |
Debuxo de Antonio Barreiro Ramos realizado en 1895 por Juan Bellver baixo o pseudónimo Juan Sanuy |
Posteriormente, segundo os apuntamentos de Leonardo Guedes Marrero, investigador da Universidad de la República de Montevideo que no 2019 impartiu coa tamén historiadora uruguaia Alejandra Torres unha charla1 no consistorio da Laracha para dar a coñecer ao persoeiro de Vilaño, a figura de Barreiro Ramos e o seu negocio cobraron relevancia no ámbito intelectual, converténdose nada máis e nada menos que en editor do historiador Francisco Bauzá, do poeta Juan Zorrilla de San Martín e do xurista Justino Jiménez de Aréchaga, os tres figuras notables da intelectualidade uruguaia.
Na década de 1890, o de Fragunde comeza a publicar Biblioteca Popular de Historia Nacional, unha colección de libros non moi extensos e accesibles co obxectivo de achegar as obras históricas a todos os sectores sociais, como por exemplo Las grandes batallas (1893), de Orestes Araujo, un texto que, desde unha estrutura épica da Batalla de Sarandí2, intentaba contribuir á construción dunha identidade nacional para un país que levaba con moi poucos anos coa súa primeira Constitución, de 1830.
A devandita colección nacía como expresión dun proxecto difusor en harmonía coa integración á sociedade receptora, que se encargou de xustificar o propio Barreiro nun prólogo da súa autoría: “Sabido es de todos que entre nosotros las obras de carácter histórico no llegan hasta las clases populares, ni menos a manos de la infancia, debido al hecho de ser aquellas excesivamente costosas, demasiado extensas, al par que su estudio requiere cierta preparación especial que, por desgracia, ni todo el pueblo posee, ni se suministra a la infancia (...); lo que nos induce a creer que todo empeño hecho en el sentido de difundir la historia patria entre las clases sociales de posición humilde, tendrá buena acogida, por más que esta, por grande que sea, no compense lo bastante la magnitud de la empresa que abordamos”.
Á parte dos nomeados anteriormente, outros autores célebres que o larachés apoiou editando as súas obras foron os historiadores Clemente Fregueiro e Carlos M.ª Ramírez; o poeta Benjamín Fernández y Medina; os narradores Alejandro Magariños Cervantes e Samuel Blixen; o filólogo Daniel Granada; ou, entre outros Eduardo Acevedo Díaz, considerado como o iniciador da novela nacional do Uruguai.
A labor do persoeiro da Laracha como editor e libreiro permitiulle establecer contactos con estudosos e políticos da época, chegándose a crear a Tertulia de Barreiro, unha agrupación consolidada de intelectuais na que se xeraban importantes intercambios e debates sobre a realidade uruguaia daquel momento e que levou a Antonio Barreiro Ramos a ser considerado un dos empresarios máis importantes de Montevideo e mesmo a participar no directorio do Banco de la República. De seguro que un daqueles intelectuais que frecuentaban a Librería Nacional foi, con certeza, outro persoiero de orixe larachés, o avogado e físico Claudio Williman, que foi presidente da República do Uruguai entre 1907 e 1911. Malia ao seu apelido tan pouco bergantiñán, Williman, que nacera en Montevideo en 1861, ten as súas orixes en Caión3.
![]() |
O nº 8 é Antonio Barreiro Ramos e o nº 6 seu irmán Antonio Ramón (Biblioteca Nacional Montevideo) |
O éxito empresarial de Antonio Barreiro Ramos, que tamén foi presidente da Unión Industrial Uruguaya, íase manter ata o último dos seus días. O noso protagonista, figura de gran peso no mundo cultural e dos negocios na época que lle tocou vivir, faleceu en 1916 aos 66 anos de idade. Trala morte do larachés, o seu fillo Guillermo seguiría á fronte da Librería Nacional e da Editorial Barreiro y Ramos durante décadas.
![]() |
Guillermo Barreiro Ortega, o fillo máis novo do editor e libreiro da Laracha, en 1961 (Biblioteca Nacional Montevideo) |
Moitas xeracións de uruguaios medraron escoitando esta pregunta, -¿Donde lo compraste?, seguida da resposta – Lo conseguí en Barreiro. Estas preguntas e resposta referíanse ás librarías Barreiro, librarías e papelerías que tiveron sucursais en varios barrios montevideanos, presentes na sociedade charrúa ata finais do século pasado, ata a xubilación da terceira xeración da estirpe.
![]() |
Publicidade dos anos 60 (Biblioteca Nacional Montevideo) |
O espíritu daquel emigrante larachés, que tivera a coraxe de cruzar o Atlántico na procura do soño americano e que triunfaría plenamente na súa terra de adopción, segue moi presente en Montevideo. O local que antigamente fora a sede da Librería Nacional en pleno corazón da Ciudad Vieja, popularmente coñecido como esquina de los libros, a poucos metros da Plaza Matriz e da Plaza Independencia, foi mercado no ano 2010 polo grupo económico Tikto, que o transformou nun moderno edificio destinado a centro comercial, oficinas e vivendas respectando a primixenia construción. Os novos propietarios, motivados polo enorme pouso que sempre tivo para os uruguaios a emblemática libraría, acordaron que a remodelada obra mantivera o nome do larachés. O espléndido Edificio Barreiro & Ramos rinde tributo a aquel rapaz de Fragunde que chegaría a ser un dos máis prestixiosos libreiros e editores do Uruguai, un persoeiro que tamén ten adicada unha praza nunha zona próxima ao Estadio Parque Federico Omar Saroldi, a Plaza Antonio Barreiro y Ramos.
![]() |
Imaxe actual do edificio Barreiro & Ramos (www.tixto.es) |
FONTES:
GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2016): Un mozo de Soandres, libreiro e editor en Montevideo, Revista das Festas de Soandres 2016.
GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2019): Un emigrante larachés fue uno de los grandes editores de la historia de Uruguay, La Voz de Galicia, 9 de outubro.
GUEDES MARRERO, LEONARDO (2017): Semblanza de Antonio Barreiro y Ramos (1851-1916). En Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes - Portal Editores y Editoriales Iberoamericanos (siglos XIX-XXI) – EDI-RED: http://www.cervantesvirtual.com/obra/antonio-barreiro-yramos-laracha-1851--montevideo-1916-semblanza-788445
___________________
1 Coordinada polo Concello da Laracha a charla impartida por Leonardo Guedes e Alejandra Torres, que farían o propio en diferentes puntos da xeografía galego durante novembro de 2019, levaba por título Edición, educación y canon literario. La incidencia cultural de los editores gallegos en el Uruguay moderno: los casos de Antonio Barreiro y Ramos y de los hermanos Maximino y Claudio García.
2 A batalla de Serendí foi un enfrontamento militar producido o 12 de outubro de 1825 dentro do contexto da chamada Cruzada Libertadora entre as milicias independentistas orientais e as tropas do Imperio do Brasil, con victoria das primeiras.
3 A historia de Claudio Williman xa a publicamos no seu momento en Crónicas da Laracha. Podes ler o artigo aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/search?q=williman
JOSÉ AÑÓN, O EMPRESARIO DE VILAÑO QUE FOI PRESIDENTE DO NACIONAL DE MONTEVIDEO E DA CUTCS
O Concello da Laracha hai uns anos que tivo a ben dedicarlle unha rúa1 a José Añón Canedo, un home que formara parte daquel continxente de galegos que, a principios do século XX, escolleran o Uruguai como destino para levar a cabo os seus soños. Añón abofé que non ía ter un camiño doado para poder realizalos mais, andando no tempo, a vida deste persoeiro íase transformar nun espello no que mirarse para moitos emigrantes, un claro exemplo da conquista do soño americano xa que acabou converténdose nun dos empresarios e emprendedores máis importantes de toda América Latina.
![]() |
Imaxe dos anos 50 de José Añón Canedo (La Voz de Galicia) |
Nado o 13 de abril de 1898 no lugar do Pazo (parroquia de Vilaño), José era fillo de José Añón García e María Canedo Golán, proxenitores tamén de Jesús, Francisco, Lino, Francisca, Angustias e Gerardo.
O noso protagonista, daquela un mociño imberbe, abandona a súa Laracha natal para embarcar cara a Montevideo, cidade a onde emigraran con anterioridade os seus irmáns Francisco e Gerardo. Uns anos máis tarde, sobre 1912, o rapaz de Vilaño volve á península para realizar algúns estudos. Marcha de novo para o Uruguai no 17 ou no 18 e alí, en Montevideo, empeza a gañar a vida traballando xunto a seu irmán Francisco como repartidor de leite dun tambo2 da rúa Guayabos y Minas. Pasado certo tempo, emprégase nun almacén de cereais e forraxes ata que, en 1925, merca un pequeno negocio que logra soster, con pouco éxito, durante dous anos.
É aí, nesa altura, cando decide, xunto a seu irmán Gerardo e dous socios máis, mercar dous autobuses para cubrir unha das liñas do transporte metropolitano de Montevideo. Corre o ano 1927 e a súa vida ía cambiar para sempre a raíz da súa afiliación ao “Centro de Propietarios de Ómnibus”, unha institución con fins gremiais na cal José Añón se transformaría, en pouco tempo, en dirixente, presidente e líder indiscutido da defensa dos seus compañeiros. Nesa época xa casara coa bergantiñá Dorinda Esmorís Cotelo, matrimonio que tiña o seu domicilio no número 2333 da rúa Ibigaray.
Tras un tempo de loitas coa “Atlas Electric and General Trust”, a poderosa compañía inglesa de tranvías que pretendía monopolizar o servizo de viaxeiros da capital uruguaia sen atender as demandas municipais de estender as liñas ás aforas da cidade, ao emigrante larachés tocaríalle ser a cabeza visible dese grupo de ex-cocheiros, condutores de taxímetros, etc., que formaban o “Centro de Propietarios”. Este grupo de soñadores, baixo o impulso de José e Gerardo Añón Canedo3, Rogelio Sande -veciño tamén da Laracha- e José Lago Lamas -natural da parroquia carballesa de Sísamo-, xuntaríanse para converterse en alternativa e competir cos tranvías británicos creando unha cooperativa de transportes en Montevideo que, en primeira instancia, se denomina CONAUSA4 para dar paso, o 13 de maio de 1937, á creación da “Cooperativa Uruguaya de Transportes Colectivos Sociedad Anónima, CUTCSA5, unha empresa que naquel intre tiña unha frota que alcanzaba os 526 coches e da que José Añón, copropietario de varios autobuses, sería presidente en varias etapas distintas.
A pesar de prosperar e de facer a práctica totalidade da súa vida en Montevideo, onde ao pouco de asumir a presidencia da CUTCSA establece o seu domicilio na rúa Blanca del Tabaré n.º 2928, o de Vilaño non esquece nunca as súas raíces. Defensor a morte dos valores democráticos, a súa traxectoria non só se ía cinxir ao eido empresarial, xa que tamén exerce a galeguidade no seu país de acollida, co apoio a múltiples iniciativas de tipo cultural e social relacionadas coa diáspora. Boa proba disto foi a súa presenza coma directivo da Casa de Galicia, así como no Centro Republicano Español, o cal demostra que, a pesar do triunfo de Franco na Guerra Civil, o emigrante larachés ía permanecer sempre inquebrantablemente fiel aos seus principios republicanos e galeguistas, tal e como se pode testemuñar nas fotografías que se conservan das visitas de Castelao ao Uruguai, nas que José Añón Canedo adoita estar presente.
Mais, se cadra, a maior paixón do empresario da Laracha foi o fútbol, en especial, o Nacional de Montevideo, club no que entrara como directivo en 1940 e que chegaría a presidir entre 1955 e 1961. Durante o seu mandato, o Nacional ía conseguir tres títulos de liga consecutivos6, íase coroar campión do “Campeonato Nacional General Artigas” -un torneo oficial creado coa intención de conseguir a integración entre os clubs capitalinos e os do interior-, ía inaugurar a sede da entidade na Avenida 8 de Octubre, e ía traspasar a varios futbolistas fillos de emigrantes galegos a equipos da liga española, entre eles as fichaxes de Héctor Núñez (fillo de emigrantes de Arteixo) ao Valencia, e de Héctor Rial e José Emilio Santamaría ao Real Madrid.
Curiosamente un destes traspasos, o de Santamaría, acordárase en terras cercedenses. Segundo lle contara no seu momento o cura Fidel Fernández Bello (natural de Vilaño) ao escritor vimiancés Manuel Suárez, o presidente do Real Madrid, Santiago Bernabeu, enviara un directivo ao Uruguai a negociar a fichaxe do daquela xogador do Nacional. Alí infórmano de que o presidente Añón estaba de viaxe na súa terra natal, feito polo que o emisario madridista regresa a Baraxas en avión e, dende Madrid, viaxa en automóbil ata a parroquia de Rodís, en Cerceda, onde José Añón pasaba uns días na casa dun familiar, Manuel Riveiro Pallas7, que era o párroco do lugar. Alí mesmo, na casa reitoral da aldea de Vilameán, asinan o traspaso sen pisar as oficinas brancas. Santamaría, considerado un dos mellores defensas centrais de todos os tempos, ía gañar nada menos que cinco ligas e catro Copas de Europa co Real Madrid.
![]() |
José Añón, no centro da imaxe, na súa etapa de presidente do Nacional de Montevideo (www.ovacion.digital.com.uy) |
Uns días despois daquela sinatura en Cerceda, o 7 de abril de 1957, José Añón desprazábase ao estadio de Riazor para facer o saque de honra do partido Deportivo-Sevilla, encontro no que a xunta directiva do club herculino lle entregaba ao persoeiro de Vilaño, como recoñecemento ao trato excepcional que lle dispensara á expedición coruñesa na xira que o Deportivo realizara por América do Sur en 1954, o título de Presidente de Honor8.
Nesa época, dende 1956, Añón participa nunha das iniciativas económicas máis emblemáticas da colectividade galega no Uruguai, o Banco de Galicia, xunto co seu entrañable amigo, compañeiro de militancia republicana e tamén empresario en Montevideo, Jesús Canabal Fuentes (O Pino, 1897-Montevideo, 1985).
José Añón Canedo sería ata a súa morte, acontecida en Montevideo o 11 de xullo de 1975, unha relevante personalidade nas empresas, entidades e asociacións benéficas da capital uruguaia polos seus cargos de presidente da “Asociación Española Primera de Socorros Mutuos”, chamada así por ser a pioneira no seu xénero en toda América Latina; presidente do Nacional de Montevideo, equipo que presidiría ata 1961; secretario do Banco de Galicia, cargo que ocupou ata que o banco pechou as súas portas en 1966; e conselleiro da CUTCSA que, por aqueles últimos anos 50 e primeiros 60 calculábase que tiña máis de catro mil obreiros e empregados, moitos deles emigrantes galegos. Segundo o escritor carballés Xan Fraga, foi tanta a xente de Bergantiños e doutras partes da xeografía galega que traballou nesta empresa que “a moitos emigrantes cando lles preguntaban a que país ían, contestaban que a CUTSA”9.
O espíritu do empresario de Vilaño segue moi vivo en Montevideo, cidade onde se inaugurou no ano 2010 a Planta Industrial “José Añón”, situada na avenida José Pedro Varela. Esta planta, de 36.500 metros cadrados, é a sede da infraestrutura de apoio de toda a frota da empresa CUTCSA.
![]() |
Imaxe da Planta Industrial "José Añón" que a empresa CUTCSA inaugurou en Montevideo no ano 2010 (www.cutcsa.com.uy) |
___________
1 A que une a Avenida de Fisterra coa Avenida de Buenos Aires, unha rúa denominada anteriormente Camiño da Telleira.
2 Leitería.
3 Gerardo estaba casado con Perfecta Crespo López.
4 Cooperativa Nacional de Autobuses Sociedad Anónima.
5 A CUTCSA continúa sendo na actualidade a empresa encargada do transporte urbano de pasaxeiros de Montevideo.
6 1955, 1956 e 1957.
7 O parentesco era por parte de Francisco Canedo Riveiro, avó materno de José Añón.
8 A xunta directiva do Deportivo xa acordara conceder tal distinción o 5 de agosto de 1954.
9 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (1999): Crónicas de Carballo I, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, p. 64.
O LARACHÉS ENRIQUE MUÍÑO, UNHA DAS GRANDES ESTRELAS DO CINE DE ARXENTINA
A súa soa mención encadra unha das etapas de maior brillo da historia do teatro e do cine arxentino. Coñeceu e tratou a grandes persoeiros da cultura da primeira metade do século XX, entre eles o lendario Carlos Gardel. E constituiu unha das sociedades máis superlativas dos escenarios da época xunto a Elías Alippi dándolle corpo e alma a moitos personaxes instalados, aínda hoxe, no corazón do público suramericano. Falamos de Enrique Muíño Vila, un larachés nado en 1881 no lugar da Torre, na parroquia de Lendo, que, á parte de pertencer a esa pléiade de intérpretes fundacionais do teatro e da historia de ouro do cinema da Arxentina, tamén cultivou de xeito notable a pintura, a imitación do seu mestre Fernando Fader.
![]() |
Enrique Muíño |
Non hai moitos datos sobre o seu nacemento na Laracha. Sabése que era o máis pequeno de once irmáns, dúas mulleres, Raquel e Palmira, e nove varóns, e que seus pais Antonio e Antonia decidiron emprender viaxe cara o soño americano, buscando fortuna na Arxentina cando Enrique era un meniño de 4 ou 5 anos.
O matrimonio e a súa ampla prole establécense en Bos Aires, nunha modesta casa da rúa Potosí, na que Antonio ten o seu taller de carpintería e Antonia axuda, na delicada economía familiar, lavando roupa e pasando o ferro a bonaerenses podentes.
Con trece bocas que alimentar, o rancho da pota non chegaba a nada e por momentos a fame perfilábase coma unha sombra sempre presente. En 1893, cando o noso protagonista tiña doce anos, seu pai sincérase con el e dille que é necesario que se poña a traballar ante a precaria situación doméstica. Naquela altura, Enrique fai un pouco de todo, gañando o seu pan como fregaplatos, estibador, carpinteiro… ata que un día descubre de xeito casual o mundo do teatro. Na casa di que quere ser actor, mais o pai fai todo o posible por quitarlle esa idea da cabeza e obrígao a ingresar na Armada, onde non abandonaría a súa vocación artística.
Despois de sete anos no exército, desde os 14 ata os 21, a súa idea seguía sendo a mesma. Xa era un home feito e dereito, e libre para decidir o seu futuro. Cando volve ao fogar, o pai pregúntalle:
-¿Qué pensas facer agora, Enrique?
-Traballar no teatro.
-¡Pénsao ben!
-Xa está decidido!
-Pois daquela non volvas a poñer un pé nesta casa!
Trala conversa co pai, Enrique viviu durante un tempo na casa dunha irmá que estaba casada, mais logo tivo que marchar do seu domicilio para evitar disgustos cos proxenitores. A irmá, que tiña un almacén de víveres, deixáballe todas as noites figos e almendras debaixo do portal. E así puido comer moitas veces.
Aínda que xa debutara como figurante na compañía de Leopoldo Burón antes de entrar na Armada, o larachés empeza a súa carreira escénica na Compañía de Gerónimo Podestá en 1902. Os primeiros anos ían ser duros. Moi duros, abofé. A fame e a pobreza eran o día a día dun mozo que quería ser actor fora como fora. Comía cando podía, en ocasións das sobras, e dormía cada noite nun lugar distinto, moitas veces á intemperie nun banco do xardín, ao abrigo das estrelas e dos seus soños.
A súa gran paixón polo teatro, levaríano a realizar un feixe de sacrificios antes da súa primera incursión, que foi na posta en escena da obra “Raquel” (1902), de Félix Sáenz, no Teatro Rivadavia de Bos Aires coa compañía de Jerónimo Podestá. O actor de Lendo debuta en calidade de comparsa, sen soldo, permanecendo nestas condicións durante sete meses. Pronto seguirían títulos como “Caín” (1903), “La cuartelera” (1904), “Justicia criolla” (1904), “Marco Severi” (1905), e “Locos de verano” (1905). O progreso da súa carreira ía significar a obtención dun soldo, que en principio foi de cinco pesos por semana, e que en tres anos ascende a cinco pesos diarios.
Paralelamente, a este inicio da profesionalización da súa carreira, nesta altura acontece outro feito relevante para Muíño: o encontro con Ezequiel Soria, director artístico da compañía de Podestá. Este persoeiro ía desempeñar para o actor da Laracha un rol tutorial, axudándoo non só a perfeccionarse no artístico, potenciando a súa profesionalización, senón tamén na formación cultural e intelectual. A partir dos consellos de Soria, Muíño retoma a educación escolar que abandonara de neno, e dedícase ao estudo do teatro universal. Nesta época, e tamén a raíz da intervención de Soria, o noso homenaxeado participa nas tertulias do Café El Ateneo nas que acudían personalidades como José Ingenieros, Florencio Sánchez, Joaquín de Vedia, Roberto J. Payró, entre outros, que incitarían á iniciación do actor en determinadas lecturas que ían complementar os seus estudos e a súa cultura.
En 1907, Enrique foi contratado pola compañía de Pepe Podestá –que se disolveu rápidamente-, obtendo una remuneración de 200 pesos mensuais, e compartindo cartel cos actores José, Juan e Antonio Podestá, Lea Conti, Blanca Vidal, Florencio Parravicini, Luís Vittone e Segundo Pomar. Por aqueles días o de Lendo empeza a conquistar, e de que xeito, ao publico porteño e vai incrementando a súa remuneración á vez que o seu traballo actoral adquire maior dimensión. Neste ano casa con Luisa Galli, con quen ía ter tres fillos: Enrique Antonio, María Luisa e Isabel.
En 1908 forma parte da compañía de Florencio Parravicini, donde permanece ata 1915, gañando xa un soldo de primeiro actor. En 1912 iniciase no xénero do monólogo na “Compañía de Vaudevielles y Revista” no Teatro Nacional. Catro anos máis tarde, en 1916, prodúcese a unión co actor Elías Alippi, a quen coñecera mentres interpretaba “Caín” na compañía de Jerónimo Podestá. Xunto a Alippi conformaría unha das compañías máis exitosas do circuito profesional popular da época, que obtiña as recaudacións máis altas. Esta etapa foi, seguramente, a que o consagra como un dos mellores actores do teatro arxentino, unha etapa na que tamén debuta no cine mudo. O éxito do dúo Muíño–Alippi co seu repertorio lévase a España, donde fan unha xira de gran repercusión entre 1922 e 1923.
![]() |
Caricaturizado por Tovar (La Voz, 14 de decembro de 1922) |
A función inaugural realízase no Teatro da Zarzuela de Madrid con tres pequenas pezas: “El último gaucho”, “Cuidado con los ladrones” e “La Borrachera del tango”. A presentación congrega ás figuras máis insignes do teatro, as letras, a política e a realeza, encabezadas pola Infanta Isabel de Borbón. Na capital madrileña Muíño tamén recibe unha calorosa homenaxe nun xantar celebrado no Centro Galego, onde Marcial de la Iglesia le un poema da súa autoría dedicado ao actor da Laracha.
A compañía percorre triunfalmente Zaragoza, Valladolid, Valencia, Barcelona, San Sebastián, Bilbao e A Coruña, donde actúan no teatro Linares Rivas durante tres días cun éxito abrumador. Enrique, que daquela tiña 41 anos, aproveita a estadía na cidade herculina para visitar o seu lugar de nacemento, feito que aparece reflexado na edición do 13 de abril de 1923 de La Voz de Galicia. Baixo a cabeceira “Las lágrimas de Muíño”, e con sinatura de Agustín Remón, cónsul de Arxentina en Vigo, o artigo di así:
“Al subir al automóvil tenemos el arrugado gesto del trasnochador que deja la cama a las ocho, es decir, a poco de haberse acostado.
Sin decirnos una palabra, procuramos acomodarnos en el Ford y en seguida emprendemos el viaje. Este, debido al mal estado de la carretera, resulta un tanto lento, pero no monótono. Y de un lado la belleza suave del paisaje y por otra parte la diversidad de brincos que el coche da sobre los baches, nos hace desistir de nuestro inconfesado propósito de dar unas cabezadas durante el camino. Al fin, despabilados, mandamos bajar la capota, y entablamos conversación.
Muíño, como siempre, está locuaz, con esa locuacidad tan gráfica y pintoresca que -lo que es frecuente en un actor cómico- le hace hace tan irresistiblemente gracioso en la intimidad como en las tablas.
-Acá tenés a Galicia. ¡Fíjate que maravilla! Dan ganas de sacarse el sombrero y largar un viva a la Naturaleza… Mira aquellos pinos clavados como una alfombra de oro… Aquel monte cuya falda, cultivada en pequeños lotes, parece un muestrario… Y el mar a lo lejos… Cuando hable de Galicia en Buenos Aires y afirme que Suíza a su lado es un poroto, me dirán, como si lo viera, que soy un macaneador… Ahí viene una muchacha. ¡Eh, rapaza! Se ha sonreido. ¿Nos bajamos, che?
-Ni en broma, ¿Sabes lo dificil que nos sería subir luego? Y nos esperan…
Es cierto. Oiga chófer. Métale a todo lo que dé la cafetera…
El coche acelera un poco la marcha, y durante un rato nos limitamos a combinar unos saltos con nuestro organismo, a fin de que no los subraye demasiado.
-¿Qué familia te queda acá?- pregunto al gran artista.
-Una prima casada y algunos sobrinos. Tío Silvestre murió últimamente, y los demás parientes residen en la Argentina y el Uruguay… A mi viejita, ya sabes, la perdí allá hace dos años…
Cae Enrique en un súbito ensimismamiento, y como su rostro se ensombrece por instantes, procuro ahuyentar sus afligidos recuerdos.
-Aquello debe ser Laracha.
-¿Ya?
-No, señor -interrumpe el chófer-. Faltan aún diez minutos.
Llegamos al cabo, y nos recibe el secretario del Ayuntamiento, señor Astray. En su casa, típica y confortable, nos detenemos unos momentos. Nuestro ya buen amigo llama entonces a una mujer aún joven, vestida de luto, y señalándole a Muíño, le dice afectuoso:
-Ahí lo tienes, mujer…
Enrique se apresura a tenderle la mano. ¿Tú eres la hija de Juan?
Si, señor -responde ella, cohibida.
-Que señor!- exclama Muíño, reprochándoselo. Y pareciéndole poco el apretón de manos la estrecha en sus brazos, y, emocionado, la besa.
Simultaneamente se oye abajo es estampido de bombas. Ello causa al actor profunda impresión y lleva a su pariente a sentarse a un sofá.
-Vamos a bajar a Lendo- dice el señor Astray. Verá usted la casa donde nació su familia…
El camino no pasa de una huella, cubierta a menudo por los tojos. De vez en cuanto tenemos que salvar las divisiones del terreno, que el barro producido por las lluvias transforma en serios obstáculos. Muíño y yo comenzamos a sudar, mas no decimos nada ante la facilidad con que lo atraviesan la pariente del actor y el señor Astray. Este nos explica que tales anfractuosidades se llaman “esqueiros”, y ya conocido su nombre, parece que nos armamos de más ánimo para cruzarlos.
A poco, las casitas que forman la aldea de Lendo aparecen al pie de un monte lleno de pinos, tras el que corre el mar. Muíño se agarra a mi brazo. El hombre tiembla levemente, y en su moreno semblante se dibuja una viva ansiedad. Entramos en la primera casa que tropezamos en el camino, guiados por la prima de Enrique, que se adelanta diligente. En el umbral aparece un mocetón en mangas de camisa; su parecido con el actor es evidente.
Dentro ya, subimos una escalera que nos conduce a unha habitación -la única- baja de techo, pero bastante espaciosa. En un lado hay una cama y en el otro extremo dos arcones. Por las paredes se ve un crucifijo y varios retratos sin marco.
-Ahí nacieron el abuelo y nuestros “pais”...
Ha hablado la prima, rodeada ahora de cuatro hijos. Muíño se dirije hacia el techo y permanece unos segundos contemplándolo en silencio. Luego, lentamente, se acerca a la cabecera, y besa sus hierros con unción, quedándose apoyado en ellos, con la vista fija en el suelo.
La escena es conmovedora, y todos nos sentimos embargados por una emoción intensa y noble. Cuando el formidable actor cómico se separa del lecho, brillan en sus ojos las lágrimas. Sus parientes se le aproximan entonces, abrazándolo.
Al cabo de un rato, luego que se nos obsequia con un licor, volvemos a Laracha, donde en casa del señor Astray se ofrece un suculento almuerzo al triunfador hijo pródigo. Resulta el acto animado en extremo, y en él participan la familia del actor, la del anfitrión, el alcalde de la parroquia y un grupo de amigos de la casa. Y mientras Muíño, entre los suculentos, abrumadores e interminables relatos, deleita a los comensales con su charla, llegan las notas que la banda del pueblo lanza en la carretera en honor del gran artista argentino…
Todo es alegría y bullicio en la despedida. Sin embargo, al alejarse el automóvil, Muíño rompe de pronto en un sollozo.
-Vamos, Enrique. Hoy debe ser un día de alegría para vos. El día más feliz de tu vida quizás…
-Sí, hermano. Pero déjeme llorar. Yo le había prometido a mi pobre vieja que este día lo pasaría con ella…
Una hora después, ya en la Coruña, Muíño tenía que arrancar al público las carcajadas de siempre...”
Ao día seguinte daquela visita a Lendo, realizada o luns 9 de abril de 1923, Enrique Muíño e o resto da súa compañía teatral embarcaba no trasatlántico británico “Almanzora” rumbo a Arxentina. Unhas semanas máis tarde, a prensa da colectividade galega en Bos Aires tamén se facía eco da visita do actor ao seu lugar de nacemento nun artigo que nos parece de interese rescatar do esquecemento:
“A eso de las diez de la mañana llegaba el insigne actor frente a la Casa Consistorial de Laracha, donde le esperaban el alcalde Sr. Iglesias, varios concejales de aquel Ayuntamiento, el secretario Sr. Astray, el juez municipal, el secretario del juzgado Sr. Racedo, el médico don Ramón Astray, varios profesionales, algunos parientes del señor Muíño y una compacta multitud de campesinos que prorrumpió en vivas y aclamaciones, al mismo tiempo que atronaba el espacio el estampido de las bombas y que la música de Soandres daba al aire los acordes de un bullicioso pasodoble.
Cambiados los saludos de obligada cortesía, Muíño se fijó en una mujer, una moza y un rapaz que le rodeaban e incontinente los abrazó fuertemente, al propio tiempo que decía:
-Estos, basta mirarle para la cara son de mi sangre.
En casa del Sr. Astray fue obsequiado a su llegada a Laracha el señor Muíño, los amigos que lo acompañaban, las autoridades y otros invitados, con un refresco.
Terminado éste, el notabilísmo actor pidió, con verdadera ansia, que se le llevase a la antigua casa de sus padres.
Para ello hubo necesidad de seguir viaje en automóvil, dos o tres kilómetros, hasta el lugar del Cancelo, desde donde emprendieron todos el camino a pie hacia el lugar de la Torre.
A otros dos kilómetros de la carretera se halla el lugar de la Torre, la casa donde nació, vivió y se casó el padre de Muíño, situada en un valle frondoso y encantador, bañado por las brisas del mar, muy cerca de la costa brava.
Muíño, que como todos tuvo que marchar por senderos entre los montes y las “leiras” para llegar al lugar de la Torre, tal era el estado de los caminos, se detuvo absorto ante un tojal floreado, y preguntó que planta era aquella que de modo tan sorprendente doraba los campos gallegos; y al oír que era tojo exclamó:
-No, mi viejo decía “toxo”.
Unos pasos más y se ofrece a la vista de Muíño y de sus acompañantes una casita aldeana, de planta alta, rodeada por un muro, dentro del cual, además de la vivienda, se hallan un hórreo de cantería labrada, media docena de castaños y otros árboles frutales.
-Aquella es la casa de su padre- le dicen a Muíño; y Muíño emocionado, se adelanta y con verdadera unción religiosa besa las paredes.
-Si ustedes supieran- dice Muíño, volviéndose hacia sus acompañantes- la pena con que murió el pobre viejo mío por no morir en esta tierra y en esta casa, comprenderían la intensa emoción que a mi tiene que dominarme en estos momentos. ¿Qué será esto que sienten los gallegos, que, en cuanto reúnen unos pesos, no piensan ni sueñan más que en volver a su tierra? Los vascos no son lo mismo; emigran para siempre. ¡Oh, la morriña del gallego, que es algo santo y que debe merecer tanto respeto!
En la casa de los padres de Muíño viven hoy una prima carnal de éste, cuyo marido se halla en Montevideo, y siete hijos de ambos, dos de ellos mozos.
A todos los parientes prodigió mil ternezas el notable cómico, quien tuvo que hacer uso de cuantos resortes posee su voluntad para dejar aquella casita aldeana, para la cual miraba incesantemente al irse alejando, reflejando en su rostro la pena del que mira acaso por última vez lo que tanto quiere… ¡aquella casa, aquellos árboles, aquel hórreo, aquel paisaje que tanto amaban sus padres y que, por lo mismo, tantos íntimos y sagrados recuerdos evocaban para él!…
De retorno de Laracha, otra vez bombas, música y aclamaciones; y a la una, un suculento banquete en casa del señor Astray, a cuya mesa toman asiento cerca de cincuenta comensales.
Durante el almuerzo, Muíño, que es también un notabilísimo conversador, relata como a espaldas de su padre dá sus primeros pasos artísticos, allado con otros mozalbetes, bajo un toldo, cobrando una vil moneda de cobre por cada entrada; nos dice cómo su viejo lo expulsa de casa, arguyendo que en su familia nunca hubo payasos, y cómo pasado algún tiempo, su padre, que asiste a uno de los mayores triunfos de Muíño en un teatro de Buenos Aires, al verlo clamorosamente aplaudido, exclama:
-¡Ese, a quien tanto aplauden, es mi hijo!
Formando contraste con lo que nos relata Muíño, algunos de los que se hallan a la mesa, recuerdan la manera de ser del padre de aquél, y aseveran que era un hombre de mucha gracia y de gran ingenio.
A la hora del champagne, Muíño dice que desearía poder volver por la tierra bergantiñana, y expresa su gratitud para con las autoridades de Laracha y el pueblo, y muy especialmente, para con la familia Astray, cuya generosidad, cortesía y hospitalidad superan, en verdad, a toda ponderación.
Son las tres de la tarde, a las cuatro en punto debe estar Muíño en escena, y su regreso se impone.
La despedida de Muíño es todavía más brillante que el recibimiento, porque el ilustre actor es de los que fácilmente se adentran en el corazón, y de aquellos cuyo talento también tiene que admirar fuera de la escena.
Las bombas de palenque estallan con mayor estrépito, los acordes de la música de Soandres suenan más intensos, los vivas y aclamaciones parecen arrancar de más adentro y Muíño llora más tiernas lágrimas…
-¡Adiós, tierra de mis viejos, tierra encantadora de Bergantiños…!
Os dous artigos, auténticas xoias etnográficas sobre o noso pasado máis recente, denotan certa ambigüidade sobre a veracidade do nacemento do afamado artista en Lendo, ao que lle hai que sumar a confusión que durante certo tempo o propio Muíño se encorgou de aportar sobre este particular e, tamén, as non poucas veces que se terxiversaron as súas declaracións sobre o asunto. Mais, co andar dos anos, íase contrastar o nacemento do actor no lugar da Torre.
Coa aparición do cine, Muíño irrompe no sétimo arte chegando a converterse nun dos artistas máis famosos do cine suramericano. A súa celebridade cimentouse en case trinta longametraxes que filmou en Arxentina e EEUU, sempre en roles principais.
En 1931 contrae novo matrimonio con Amelia Carmen Díaz en Uruguai, xa que na Arxentina por aquela época non estaban permitidas as segundas nupcias, formalizando o devandito enlace en 1936 co falecemento da primeira muller. Con Amelia Carmen tivo dous fillos: Stella Maris e Miguel Ángel.
Neses anos 30 protagoniza filmes como “Cadetes de San Martín” (1937); “Viento Norte” (1937); “El cabo Rivero” (1938); “El viejo doctor” (1939); “Alas de mi patria” (1939) ou “Así es la vida” (1939).
Na década seguinte seguirían sucedéndose os éxitos e as xiras nacionais e internacionais, xerando enorme repercusión grazas aos seus aportes en producións como “El cura gaucho” (1941), onde a interpretación de Muíño foi galardoada co premio ao mellor actor pola Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas da Arxentina (tedes a película aqui:https://www.youtube.com/watch?v=osSUmZKjbeM). Nesa altura o artista da Laracha e o seu socio Elías Alippi fundan a produtora cinematográfica “Artistas Argentinos Asociados” xunto a destacados actores como Ángel Magaña e Francisco Petrone e o director Lucas Demare. A primeira película desta produtora foi “El viejo Hucha”, estreada o 29 de abril de 1942. Seis días despois falecía o seu amigo e socio Alippi.
O 20 de novembro do mesmo ano estrease “La guerra gaucha”. Muíño, Magaña, Petrone e Amelia Bence foron os protagonistas deste gran éxito do cine arxentino, unha película que ía alcanzar cifras de recadación non igualadas por ningún outro filme ata aquela data.
En 1944 recibe outro premio por "Su mejor alumno", unha biografía novelada do presidente arxentino Sarmiento (1811-1888) e a relación co seu fillo Dominguito.
A mediados desta década dos 40, xusto cando o peronismo fai a aparición na escena política arxentina, o larachés xa era unha figura consagrada polo público e a crítica periodística, cunha traxectoria de corenta anos no teatro e unha presenza notable no mundo de fala castelá, coas súas películas percorrendo todos os cines de América e de España. Nesa época, sobre 1946, despois de residir durante anos na casa herdada de seus pais Antonio e Antonia, múdase a vivir coa segunda muller e os dous fillos do matriminio, Stella Maris e Miguel Ángel, a un suntuoso chalé de Palermo Chico, onde continuaría o seu idilio coa pintura (exhíbense cadros del no Museo Provincial de Belas Artes de San Juan, no Liceo Militar ‘General San Martín’, no Museo Municipal de Lomas de Zamora, e no escolar ‘Fernando Fader’ de Bos Aires).
Desde os comezos do peronismo, Muíño non agachou as súas simpatías cara este movemento e non tardou en manifestar a súa adhesión política. A carreira actoral do artista de Lendo durante os anos de goberno de Perón íanse desenvolver de xeito normal, como sucedera nos anos previos. Nesta altura, en 1951, mesmo recibe unha homenaxe pola súa traxectoria xunto a outras grandes figuras da escena arxentina. Durante esa época intervén nas películas “Caballito criollo” (1953); “Los problemas de papá” (1954) , “El Abuelo” (1954), que foi unha adaptación da novela de Benito Pérez Galdós; “Adiós problemas” (1955); “Lo que le pasó a Reynoso” (1955) e “Surcos de mar” (1956).
Mais o peronismo íalle traer máis consecuencias negativas que beneficios. Coa súa caída en 1955, e o xurdimento da chamada Revolución Libertadora, as investigacións e persecucións realizadas polas novas autoridades militares aos artistas que se identificaran co anterior goberno ían ser dramáticas para moitos. No caso de Muíño, que se separara a principios dos 50 da segunda muller, sería o principio do fin. O noso protagonista falecía o 24 de maio de 1956, aos 74 anos, en Capilla del Monte, Córdoba, nun ámbito de escasos recursos económicos, e no anonimato e indiferencia de gran parte da colonia artística arxentina.
Medio século despois do seu falecemento, o escritor e crítico cinematográfico Manuel Curiel Fernández (A Fonsagrada, 1948), con quen tivemos o pracer de conversar recentemente, cruzaba o Atlántico para investigar e documentar “Enrique Muíño. El gaucho gallego”, libro editado en 2010 e que o propio Curiel presentou na Laracha nese mesmo ano co propósito de que a veciñanza coñecera a vida e obra do artista de Lendo, que tamén era especialmente recordado esos días no seo da edición número 32 da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, cuxo comité organizador dirixía precisamente Manuel Curiel. Posteriormente, o Concello da Laracha tería a ben adicarlle ao seu ilustre veciño unha rúa na zona do centro de saúde da capital do municipio.
![]() |
Rúa Enrique Muíño da Laracha |
Na actualidade nada se conserva da casa na que naceu Enrique Muíño en 1881. Mais iso si, no lugar da Torre, onde nos atenderon con toda a amabalidade do mundo José Antonio Añón -pai do futbolista David Añón, futuro protagonista desta bitácota- e María Josefa Bragunde, aínda se comenta de cando en vez algún que outro conto sobre o seu popular veciño. María Josefa pensa que “se cadra, a muller que estaba na casa dos Astray, esa que aparece no periódico, era a nai de meu pai. Papá chamábase Cesáreo Bragunde Muíño e naceu aquí, na casa vella, onde agora temos o alpendre, que seica foi a mesma na que naceu o actor”.
![]() |
O libro de Manuel Curiel no lugar da Torre onde naceu en 1881 |
FONTES:
CURIEL FERNÁNDEZ, MANUEL (2010): Enrique Muíño. El Gaucho gallego.
FILIGHERA, RICARDO (2021): Enrique Muíño, el patriarca, https://www.diarioshow.com
GARRIDO, SANTIAGO (2005): Un larachés brilló entre las estrellas de cine de Argentina, La Voz de Galicia, 8 de febreiro.
LEONARDI, YANINA ANDRE (2009): Enrique Muiño y la concreción de la identidad nacional, Revista del GETEA, año XIV, Nº 27, Bos Aires
PÉREZ LEIRA, LOIS (2005): Cine y teatro argentino. Evocando al gallego Enrique Muíño, http://www.argentinamundo.com
DON DAVID MALLO GÓMEZ, O MÉDICO DE BORREIROS
Nado o 4 de abril de 1908 en Borreiros, na parroquia de Soandres, don David Mallo Gómez foi un notable médico que deixou unha profunda pegada na historia máis recente da Laracha, municipio onde exerceu medicina xeral durante 55 anos prestando os seus servizos tanto ao pobre coma ao rico, sen importarlle o horario, nin se ía cobrar ou non os seus honorarios. A piques de cumprirse 25 anos do seu falecemento, esta é a pequena homenaxe de Crónicas da Laracha á súa memoria.
Don David Mallo Gómez nos anos 40 |
Don David era un dos cinco fillos de Antonio Mallo Landeira e de Emilia Gómez Sánchez, grandes labradores da zona que, á parte do insigne doutor, tamén foron pais de Domingo, Amalia, Antonio e Avelino. “O nacemento de David seica fora moi complicado. Viñera atender o parto o médico de Cerceda, Antonio Canedo. Ante a gravidade da situación, fora o propio médico o encargado de bautizar ao meniño porque xa non contaban con el”. Así nolo comentou don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres (e de outras parroquias) e parente do noso homenaxeado.
David realiza os seus estudos primarios na escola da Revoltiña e, unha vez rematados, fai o bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña. Esta etapa da súa vida ía coincidir co duro trago da perda de súa nai Emilia, morta en 1924 con tan só 51 anos, cando o futuro médico era un adolescente que acababa de cumprir 16 anos. O mozo de Borreiros obtería o título de bacharelato en 1927: “De la Universidad. Al Instituto nacional de La Coruña el rector remitió hoy los títulos de bachiller para (…) don David Mallo Gómez de Soandres (Laracha)”1.
Ao pouco, matricúlase na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde vive a última etapa da ditadura de Primo de Rivera, a proclamación da II República, o alzamento de Franco e, por conseguinte, a Guerra Civil na que acaba combatendo. Precisamente, por estar ausentes na fronte, nin el nin o seu irmán Avelino poideran acudir ao enterro de seu pai Antonio, que facelera no seu domicilio en xaneiro de 1939.
Despois da Guerra, a finais de 1940, o reitor da Universidade de Santiago faille entrega do seu título de doutor en medicina e ciruxía e, a partir de aí, concretamente o 1 de abril do 42, abre a súa consulta na casa familiar de Borreiros, o mesmo domicilio onde vive con seus irmáns Domingo e Avelino, grandes labradores e gandeiros da comarca, como o foran os seus proxenitores anos antes. Dos cinco irmáns Mallo Gómez, Domingo, Avelino e David estaban solteiros (e así permanecerían toda a vida); Antonio casara con Dolores Varela e tamén vivían en Borreiros, moi cerca da súa casa de nacemento; e Amalia establecera o seu domicilio na parroquia arteixá de Loureda despois de contraer nupcias con Jacinto Vázquez Rumbo, xuíz municipal de Arteixo.
Casa de Borreiros na que naceu, residiu e tiña a consulta o médico don David Mallo Gómez |
Naqueles duros anos da posguerra, a sona de bo médico e mellor persoa non ía tardar en traspasar os límites parroquiais. Na consulta de don David en Borreiros presentábase acotío xente enferma chegada dende varios puntos da bisbarra, pacientes que atendía sen facer nunca ostentación da súa privilexiada posición social ou profesional. Iso si, tiña moi claro o que significaba ser médico do rural, é dicir, había que valer o mesmo “para un roto que para un descosido”. Por iso tamén exerceu, en non poucas ocasións, de odontólogo. A saber os dentes e moas que sacou na comarca!
Se tiña que desprazarse a atender algunha urxencia alí onde o demandaban, facíao no seu cabalo polas corredoiras daquela Laracha en branco e negro. María Luisa Rebón, nena naquela difícil época, contounos que… “grazas á gran nobreza de don David, aínda conservo as dúas pernas porque aos 8 anos, hoxe vou camiño dos 83, tiña que amputar unha delas por unha infección. Facía pouco que chegara a España a penicilina, que era máis valiosa que o ouro. Tiña o prezo do valor dunha vaca e meu pai só tiña dúas. Puxéronme 29 inxeccións e estiven hospitalizada 40 días. Grazas á marabillosa humanidade que don David tiña cos máis desposuídos economicamente, foi el quen se encargou de sufragar u custe do tratamento. Isto só é parte das moitas máis cousas boas que realizou. Que Deus o garde na gloria”.
Estamos xa a finais da década dos 50, época na que Domingo, un dos irmáns de don David, fora alcalde dunha Laracha que, ao igual que no resto da xeografía galega, sufría o contínuo goteo da emigración cara Arxentina, Uruguai ou Venezuela, que vivía anos de esplendor polo seu potencial petrolífero. En paralelo, a partir dos 60, outros emigrantes do municipio tamén ían facer a maleta cara países do centro de Europa, principalmente Suíza, así como a zonas industriais de Cataluña ou o País Vasco. Os que quedaban aquí principiaban a gozar de forma lenta e paulatina de avances tecnolóxicos da época, como era o caso de dispor de corrente eléctrica nos seus domicilios ou da televisión, artigo de luxo que só estaba ao alcance duns poucos. Naquela altura tamén habería algún avance da vida de don David, xa que o cabalo ía dar paso ao seu primeiro Seat 600. Precisamente, seica por aqueles días tivera que deixar de traballar como dentista porque o seu cabaliño lle dera unha chantada nunha man, impedíndolle realizar ese traballo.
Naqueles tempos, nos que boa parte dos seus pacientes tiñan seguro pola Agraria e os ingresos da maioría da xente que vivía do agro eran os que eran, o médico de Borreiros practicamente non lle cobraba a ninguén. Onde vía pobreza ou miseria, e naquela hora non había pouca, brindaba o apoio sanitario e a súa profesionalidade a toda esa xente de maneira totalmente altruísta.
-¿Canto é, don David?
-Nada ho, ¿que che vou cobrar por iso?
- Don David, ¿que lle debo?
- Anda ho, anda… iso non é nada!
- Don David, ¿canto é?
- Anda ho, xa me pagarás!
Don David Mallo era así; era a súa forma de ser. Se no día atendía a 15 ou 20 persoas, se cadra cobráballe a 4 ou a 5, ás que tiñan mellor situación económica. E así, pouco a pouco, o noso homenaxeado foi gañando o ceo e o corazón da xente.
Durante moitos anos tivo de criada á señora María que, segundo nos dixo Alicia López Barbeito, “era de Cerceda e traballou con don David ata que quedou cega”. Alicia tamén recorda que da súa consulta... “ninguén marchaba sen ser atendido, a calquera hora, tanto de día como de noite. Levaras cartos ou non, el atendía a todo o mundo por igual, fose rico ou pobre, non facía distincións. Un día, fai agora 46 anos para o mes de agosto, levei ao meu fillo recén nacido porque choraba día e noite e ningún médico da seguridade social sabía o que lle pasaba; e el encontroulle un granuloma no embigo. Queimoullo con algo parecido a un misto e Carlos deixou de chorar”.
Casa do médico de Borreiros |
Xosé Collazo Regueiro, veciño da parroquia de Soandres, tamén nos comentou que a súa avoa materna María Álvarez, larachesa natural da aldea de Boimir (Soandres) que estivera servindo na casa do músico Xosé Castro “Chané”... “estivo de criada na súa casa e ténme contado que sempre foi moi ben tratada. Xa de moi maior, veu a visitala e medicala, sempre a criterio seu. Medicinas baratas e eficaces. Sempre miraba pola economía dos máis desfavorecidos”.
No mundo da medicina, o ollo clínico pode definirse como o don que posúen algúns médicos para realizar diagnósticos rápidos e certeiros. Este termo, antano popular, está caendo en desuso e na actualidade utilízase con maior frecuencia en ambientes non médicos, para resaltar a habilidade de anticipar acontecementos ou de calibrar a simple vista aspectos ocultos da natureza humana. Don David posuía ese don, e o seu ollo clínico salvou de grandes doenzas, e incluso da morte, a varias persoas da contorna. María Eulogia Liñares Iglesias recorda que… “un día viñera á nosa casa un médico da Seguridade Social a ver a un tío meu. Dixo que non había nada que facer. Daquela meu pai foi a buscar a don David. Chegou e púxolle unha inxección e díxolle a papá que o metera no coche e que o levara ao hospital, daquela non había ambulancias para vir á casa, e meu tío viviu varios anos máis”.
Con ese porte e esa elegancia innata que tiña, o noso protagonista falaba sempre en galego e explicaba as enfermidades cunha linguaxe sinxela. David Martínez Iglesias recorda que “nunha ocasión foi visitar a unha persoa maior que rondaba os 100 anos de idade, e a súa familia transmitiulle a súa preocupación porque o home fumaba algún pitillo e bebía algún vaso de viño, cousas que a familia pensaba que eran perxudiciais para a súa saúde. Ante estas queixas don David díxolles: " Pero vós que lle queredes a este home, coa idade que ten, deixádeo que fume e que beba e faga o que lle dea a gana, ou pensades que vai durar douscentos anos". E así calmou as preocupacións familiares”.
Agás a súa xente máis achegada, ninguén soubo que o día 11 de maio de 1978 o Colexio Oficial de Médicos de A Coruña o nomeara colexiado honorífico, título que lle outorgaba o dereito de usar o tratamento de Ilustrísimo Señor, algo que don David ía rexeitar ata o último dos seus días.
Pouco despois daquel recoñecemento, en febreiro de 1981, morría seu irmán Avelino. Domingo, o outro irmán que vivía con eles na casa de Borreiros, o mesmo que fora alcalde da Laracha a finais da década dos 50, xa había anos que falecera. Finara en agosto de 1967.
E así, atendendo sempre daquel xeito bondadoso e con toda a amabilidade do mundo a súa xente, foron discorrendo os días... os meses... e os anos. Sendo xa moi velliño, cando case non saía da casa, mantiña a consulta aberta para todos aqueles que o precisasen. Don David tamén era moi afeccionado ao fútbol, sobre todo do Deportivo da Coruña, que nos anos 90 déulle moitas alegrías e algún que outro desgusto (o penalti de Djukic). Nesa época, o 27 de setembro de 1995, o concello da Laracha adoptaba en sesión plenaria aprobar a denominación Rúa Médico David Mallo Gómez a unha das rúas da capital municipal que, como non podía ser doutro xeito, está situada ao carón do Centro de Saúde.
Aquel médico de bondade infinita que tanto se sacrificara con moitos dos nosos devanceiros naqueles tempos difíciles, falecía o 17 de xuño de 1997 na súa casa de Borreiros aos 89 anos. Foise con discreción e humildade, coma sempre se comportara ao longo da súa vida. O párroco don Manuel Mallo recorda que “era un home moi humilde, moi simple, agarimoso, sen ningunha fachenda e tranquilo, de moita calma. Como médico era moi práctico. Tamén era un gran psicólogo. Os domingos viña á Misa das 9:30 para estar liberado todo o día e atender a súa xente por se había algunha urxencia. Sempre estaba pendente de todo.”
Un ano despois do seu falecemento, un numeroso grupo de veciños e de veciñas rendeulle unha cariñosa homenaxe póstuma erguendo un monólito, obra do veciño de Erboedo Manuel Montes, na entrada do adro de Soandres coa seguinte inscrición: “Soandres ós seus devanceiros. 28 de xuño de 1998. D. David Mallo Gómez Médico 1908-1997”.
Monólito de don David situado no adro de Soandres |
Vaia este humilde tributo e sentido homenaxe para que uns o recorden, outros o coñezan e todas e todos admiren a este gran persoeiro que foi don David Mallo Gómez.
__________
“MOITO QUE CONTAR” DE MONCHO VIÑA
O día 25 de xullo de 1971, coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo, RTVE inauguraba a súa delegación en Galicia, que inicialmente estivo emprazada nun piso da compostelá rúa do Vilar ata que se trasladou, anos máis tarde, ao Pazo de Raxoi. En 1974 nacía o programa pioneiro dos informativos rexionais en España: Panorama de Galicia, marca histórica da casa creada por Luís Mariñas, o xornalista coruñés que adiantou a televisión democrática e con quen a lingua galega se usou por vez primeira en televisión. A ese espazo de desconexión autonómica seguirían pronto outros espazos informativos e de entretemento, como o ‘Telexornal’, que continúa hoxe en antena. O centro territorial de TVE en Galicia chegou a ter catro horas e media de programación, fronte aos trinta minutos actuais.
Naquela altura non había a cantidade inxente de canles que existen hoxe e o que saía na pequena pantalla facíase moi moi grande. As catro horas e media de programación eran un mundo e daban para moito, abofé! ¿Lembrades as presentadoras e os presentadores de Panorama de Galicia? Se tedes máis de 50 anos de idade, de seguro que lle poñedes cara a algúns dos profesionais da comunicación que xa forman parte da historia da televisión. Falamos, por exemplo, de Tareixa Navaza (o que escribe recórdaa pola retransmisión da chegada dos restos de Castelao a Galicia), Cecilia Fernández, Juan Barro coas súas crónicas poético-deportivas ou, entre outros, do protagonista das Crónicas da Laracha desta semana, o prezado e admirado Moncho Viña.
![]() |
Moncho Viña na primeira edición de "A radio conta" |
O noso homenaxeado nace en Golmar do Medio (Golmar, A Laracha) en 1955 e foi o único fillo que tiveron Jesús Viña Varela e Emilia Varela Esmorís, os dous naturais da freguesía de Golmar. Un irmán de Jesús, Ramón, era desde 1962 o crego de Santa María de Vilariño e de San Pedro de Présaras, parroquias pertencentes ao concello coruñés de Vilasantar. Posteriormente foi párroco de Santiago do Burgo (Culleredo, A Coruña), sendo testemuña de primeira man do período do gran crecemento demográfico e industrial desta localidade.
Jesús, o pai de Moncho, empregouse na CAMPSA e destinárono a diversos puntos do estado, primeiramente a San Sebastián. Ao marcharen para a cidade donostiarra, Jesús e Emilia deixaron ao seu fillo con Ramón, o crego de Vilariño e de Présaras, e alí (en Présaras) viviu o futuro xornalista con seu tío ata que os seus proxenitores abandonaron Euskadi para instalarse con Moncho en Ferrol, novo destino laboral do cabeza de familia.
Corren os primeiros anos setenta e a Jesús destínano á refinería da Coruña, onde os Viña Varela establecen o seu domicilio nun piso da Avenida das Conchiñas. Ao pouco, Jesús sofre unha doenza pola que tivo que operarse en Madrid. Por tal motivo, durante o tempo de hospitalización, Ramón, o crego de Vilariño e Présaras, volve a facerse cargo de seu sobriño Moncho. Desgraciadamente, a saúde de Jesús íase quebrantar ata tal punto que acabou os últimos anos da súa vida nunha cadeira de rodas.
Despois da operación do pai, o noso protagonista retorna de novo á Coruña. Naquela época se querías ver fútbol de calidade tiñas que agardar ao Teresa Herrera. Aínda faltaba moito para que o Deportivo se convertera no “SuperDepor”. O mozo de Golmar, por aqueles días en época adolescente, adoecía de todo, de diñeiro, de vergoña... O que lle sobraba, a el e ao seu grupo de amigos, era imaxinación e facían o posible por coarse cada ano nos partidos do popular torneo. Co tempo, caeron na conta que o mellor que podían facer era botar unha man trasladando o material dos equipos participantes, sobre todo dos uruguaios, arxentinos ou brasileiros, porque sempre lles caía algunha entrada dalgún directivo ou algún xogador. Daquela non imaxinaba, nin por asomo, a cantidade de partidos do Teresa Herrera que retransmitiría no futuro.
Moncho realiza os seus estudos de secundaria na Coruña, onde ía coñecer a María Menéndez, unha asturiana de Cangas del Narcea que residía cunha tía na Coruña. Ao tempo que estudaba, María coidaba ocasionalmente aos cativos Javier e a Alfonso, dous irmáns que eran fillos dun matrimonio veciño.
A principios dos setenta o mozo da Laracha inicia a súa etapa universitaria, unha altura na que colaboraba habitualmente nos xornais El Ideal Gallego e El Orzán, onde facía o propio un rapaciño dous anos máis novo ca el que, andando no tempo, íase converter nunha das mellores plumas do país. Estamos a falar do grande Manolo Rivas. A relación de Moncho e Manolo era e é de confesada amizade. De feito foi Moncho Viña o que presentou na Coruña a primeira novela de Rivas, Todo ben, publicada por Xerais en 1985, unha novela relacionada co mundo do deporte que comeza coa noticia do asasinato de Andrés Fingoy, un rico emigrante galego aspirante á presidencia do Flamengo, no estadio de Maracaná do Río de Janeiro.
Na época na que se estudaba Filosofía e Psicoloxía, o noso protagonista dá os seus primeiros pasos no mundo radiofónico cun programa sobre antropoloxía que se emitía en Radio Juventud da Coruña, onde o seu primeiro soldo fora de 300 pesetas. Esta emisora, fundada en 1952, estaba integrada na Cadena Azul de Readiodifusión e dende 1956 ata 1981 estivo dirixida por José Couceiro Tovar1. Aínda hai quen recorda como as frecuencias de Radio Juventud interferían no sistema da megafonía do cine Avenida e nas grúas do porto. Á parte de Moncho Viña, nesta emisora tamén traballaron profesionais como Xosé Antonio Perozo, Antón Luaces, Jesús Mariñas, Alberte Suras, Francisco Gutiérrez Ríos, Carmen Deus, José María Comesaña, Manuel Torreiglesias, María Xosé Porteiro ou, entre outros, Nonito Pereira.
Nunha ocasión, ante a ausencia en Radio Juventud do compañeiro de deportes, o locutor de Golmar viuse na obriga de cambiar rapidamente o “chip” da antropoloxía polo da información deportiva. Sen ser moi consciente, aquel día Moncho Viña iniciaba un camiño do que xa nunca máis sairía e, en pouco tempo, íase converter nun dos grandes xornalistas deportivos de Galicia.
En 1974 Cadena Azul de Radiodifusión fusionouse con outras redes públicas de radiodifusión para dar lugar a Radio Cadena Española, unha cadea de titularidade pública, integrada no ente público RTVE que se centraba na radio local, dos municipios, sen perder o seu carácter estatal. En 1980, xa coa licenciatura en Filosofía e Psicoloxía, Moncho entra en Radio Cadena, emisora onde acabou sendo xefe de deportes.
Naquela época, moitos afeccionados ao mundo do deporte da bisbarra, entre eles un servidor, íamos medrando escoitando a información deportiva que nos contaba Moncho Viña no magazine “La Terraza”.
Nesa etapa en Radio Cadena, o xornalista larachés casa con María Menéndez e establecen o seu domicilio no piso da Avenida das Conchiñas. Alí ía nacer en 1980 Pachi, a filla maior da parella, que aumentaría a súa prole con Adrián (1983) e Ángela (1984). María tamén montaría na zona, na rúa Barcelona, o seu propio negocio, a tenda de roupa “Tarabela”, que actualmente está en Riego de Agua.
Nos primeiros anos oitenta, o OAR de Ferrol de baloncesto, por ser terceiro na liga, gañara praza europea no 1983. Nese momento Moncho xa levaba tres anos en Radio Cadena Española e, desde o comezo viaxaba todas as semanas a Ferrol, a ese Ferrol no que pasara algún tempo da súa adolescencia, para informar en directo para a programación nacional dos partidos do OAR.
O programa de Televisión Española en Galicia que dirixía Juan Barro e presentaban Tereixa Navaza e Moncho Viña emitíase os luns ao mediodía con resumos de toda a actividade do deporte galego que xenerara a fin de semana. Panorama de Galicia, edición deportes dos luns, xa viña de atrás e continuou, pero ao de Golmar déronlle a responsabilidade de presentalo desde 1984 ata comezos de 1999. De aqueles tempos é a entrevista que o noso homenaxeado lle realizou ao seu prezado amigo Arsenio Iglesias que podedes ver aquí:
Paralelamente, Moncho seguía traballando en Radio Cadena, onde Alfonso, un dos irmáns que coidara María Menéndez cando era un cativiño, deu os seus primeiros pasos no xornalismo na redacción de deportes desta emisora. Si, falamos de Alfonso Hermida, que daquela tiña 17 anos e posteriormente tamén pasaría polas redaccións de deportes de RNE, TVE G, Antena 3 e Radio Coruña antes de presentar desde 1994 na TVG En Xogo, A xornada en xogo e o Telexornal, que tamén editou.
![]() |
Alfonso Hermida e Moncho Viña na redacción de RNE |
O Consello de Ministros celebrado o 20 de xullo de 1988 aprobaba a fusión das dúas sociedades de radio públicas dependentes do ente público RTVE -naquela hora dirixido por Pilar Miró-, Radio Nacional de España e Radio Cadena Española. Con esta medida, a nova Radio Nacional de España pasaba a converterse na principal empresa radiofónica española en número de emisoras, persoal e presuposto económico. Xa podedes imaxinar quen se ía converter no xefe de deportes de RNE na Coruña.
Precisamente nese ano 1988 disputouse na Coruña o Campionato do Mundo de hóckey a patíns, un exitazo deportivo e de organización por parte do comité que dirixía Augusto César Lendoiro, naquela hora presidente do Liceo. Nesa altura, a redacción de deportes de TVE en Galicia estaba formada por Juan Barro a tempo completo e mais Moncho Viña a tempo parcial, porque o da Laracha era empregado por oposición en RNE pero, ao pertencer á mesma corporación podían simultanear. Ás previas dese mundial dedicáronlles moito tempo de gravación, moitas cámaras e pezas para programas especiais e moitas horas de emisión. “E moita imaxinación. Innovamos todo o que puidemos”, recordaba Moncho.
Por aqueles días o tándem Augusto César Lendoiro-Arsenio Iglesias empezaba a escribir as primeiras páxinas da mellor época da historia do Deportivo, moitas delas narradas polo xornalista larachés, a quen vimos na televisión durante case quince anos. Os programas en RNE e en TVE permitíronlle a Moncho medrar, gozar e vivir dignamente do xornalismo. Desgraciadamente non existe rastro do arquivo sonoro da redacción de deportes de RNE en Galicia de todo este tempo, uns anos nos que o locutor de Golmar narrou hóckey a patins, ciclismo e sobre todo as alegrías e as penas do Deportivo ao que acompañou nas súas viaxes dentro e fóra de España, sendo un dos seus cronistas máis relevantes.
![]() |
Moncho Viña entrevistando a López Rekarte |
Unha das grandes alegrías foi o ascenso do cadro deportivista contra o Murcia no último partido da tempada 1990/91. Moncho pasara toda a noite entrando en directo desde a radio para todos os programas nacionais nos que querían que contara a festa. O caso é que ao día seguinte quedara sen voz. Estaba tan afónico que non puido presentar o programa de deportes do circuito galego de Televisión Española das 16.00 horas. Entón, entre el e o director do programa, Juan Barro, decidiron chamar de urxencia a Alfonso Hermida, que estaba na Coruña, para que presentase o programa. “Alfonso con 21 anos nunca fixera televisión. Chegou sobre as 15.00 h, démoslle unha escaleta cos datos básicos dos vídeos aos que debía dar paso, Juan prestoulle unha gravata e mandámolo a maquillaxe. Entrou no estudio co tempo xusto. Era a súa primeira vez e en condicións totalmente adversas. E bordouno. Juan Barro e mais eu estabamos no control e mirabámonos asombrados. Asistimos ao nacemento dunha estrela da televisión. E por riba, como persoa e como amigo é mellor aínda”2.
Naqueles 90 o número da revista Bravú de Selección Galega Xa! púxose á venda cun discazo editado por Xerais no que mesmo participaron os irmáns Fran e José Ramón González, Michel Salgado, Nacho o ex do Compostela... e si, tamén participou Moncho Viña, que aparece no disco narrando unha final soñada dun Mundial entre Galicia e Brasil.
![]() |
Moncho Viña entrevistando a Arsenio Iglesias no día no que o míster de Arteixo inaugurou a avenida que leva o seu nome na súa vila de nacemento |
Moncho e a súa familia fixeron todo o que estaba nas súas mans por mellorar a saúde de seu pai e ofrecerlle, dentro da gravidade, a mellor calidade de vida posible. Xa paralítico, levábao de xeito habitual a “osixenarse” a Caión. Tamén o levaba ao 'Bruxo' Torrado, que logrou con el avances milagreiros. Torrado viaxaba cada semana a Santiago para darlle fregas lumbares a Manuel Fraga cando era presidente da Xunta. Jesús, o proxenitor do noso homenaxeado, ía falecer no ano 2000.
Tras certo tempo no que o día a día en RNE xa non era o de antano, a principios de 2008, despois de ser un referente no mundo da comunicación durante máis de tres décadas, Moncho Viña acolleuse á prexubilación. En RNE chegara a traballar co seu fillo Adrián, con Xabier Fortes, Nacho Carretero, Xosé Antón Fraga, Carlos Alberto Sánchez, Xosé Manuel Mallo, Óscar Losada ou, entre outros, con Fernando González 'Gonzo' , o do programa Salvados.
Cu inquieto, ao pouco de prexubilarse abriu en Caión o restaurante A Furna Atlántica, que rexentou durante varios anos.
Na actualidade Moncho e María residen nas Lagoas, en Monte Alto, a onde se mudaron en 2013. Domicilio oceánico no que respiran aires atlánticos e dende o cal disfrutan da bravura do Orzán mirando para Riazor… sempre Riazor!
Coa radio no corazón no seu día a día, na actualidade segue ligado a este medio grazas a "A radio conta", proxecto que reúne con fins solidarios a tódalas emisoras de radio da cidade da Coruña e que coordina o propio Moncho. “A radio conta” xa vai camiño da duodécima edición.
Ademais tamén é colaborador do Foro Comunicación y Escuela (IES Elisa e Luis Villamil, en Vegadeo), da Radio Galega, Radio Marca, Radio Coruña e DXT.
![]() |
Arsenio Iglesias, Moncho Viña, Fernando Vázquez e Alfonso Hermida na primeira edición de "A radio conta" |
Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias.
Sabemos de boa tinta que Moncho Viña escribiu dúas novelas que agardamos que se publiquen algún día. O que si vén de publicar é Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias, libro editado neste 2024 por Baía Edicións.
Sobre o traballo metódico e vivencial do de Golmar, Moito que contar ábrese tamén ás achegas que realizaron o xornalista Alfonso Hermida (tantas veces nomeado nesta crónica), o escritor e mestre de Filoloxía Galega Henrique Rabuñal e o seu fillo Adrián Viña Menéndez, licenciado en Socioloxía e en Ciencias Políticas que desde o 2007 é o responsable de comunicación do Concello da Laracha.
Dende que saíu do prelo, o libro presentouse na Feira do Libro da Coruña e, o pasado 16 de agosto, no salón de actos do Centro Socio Comunitario da súa querida vila de Caión. Decimos querida porque é unha certeza que Moncho é caionés de corazón. Se cadra, unha definición máis axustada a realidade sería...
xornalista larachés
coruñés de adopción,
natural de Golmar
e caionés de corazón.
![]() |
De esquerda a dereita, Adrián V. Menéndez, Alfonso Hermida, Moncho Viña e Henrique Rabuñal (Basilio Bello, La Voz de Galicia, Carballo) |
Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias é unha conversa que percorre os anos dourados do deporte na cidade da Coruña; cargada de anécdotas, de nostalxia, e da lembranza dunha figura única e irrepetible: o seu gran amigo Arsenio Iglesias. De feito, Moito que contar é unha frase que inevitablemente trae ao recordo ao míster de Arteixo.
O libro, que é o colofón a unha etapa exemplar no mundo da comunicación, está inspirado na experiencia de Moncho como xornalista deportivo, sobre todo no ámbito radiofónico. Nel podemos ler historias descoñecidas, curtas, que che arrincan un sorriso, contadas dende o lugar onde se cociñaron, dende a óptica de quen as viviu e narrou.
Moito que contar é un verdadeiro exercicio de xornalismo. A carón dos grandes nomes do deporte agroman tamén persoeiros e feitos menos visibles. A historia e a intrahistoria. No libro fálase do Deportivo de onte, de hoxe e de sempre. Das súas xestas en España, das internacionais e das súas lendas: Amancio, Arsenio, Luís Suárez, Vicente, Fran, Djukic, Bebeto, Mauro Silva ou Djalminha. O foco ábrese para inserir historias do Celta ou do Compostela e doutros deportes como o baloncesto, o ciclismo ou o hóckey a patíns. En total son cento dez historias e unha galería fotográfica que nutre boa parte delas. A obra contén grandes recordos que permitirá ás novas xeracións descubrir os detalles da marabillosa historia que envolve ao Deportivo.
![]() |
Moncho Viña con Amancio Amaro no consistorio coruñés no día que nomearon a Arsenio Iglesias Fillo Adoptivo da Coruña |
Moito que contar tamén ten a súa vertente larachesa xa que non son poucas as anécdotas relacionadas con este municipio. Non imos fusilar ningunha delas pero si que lle adiantamos á veciñanza da Laracha que Moncho Viña narra varias historias nas que Caión ten moito protagonismo, por exemplo de cando Djukic e a súa muller Çeça veraneaban na vila mariñeira; a anécdota duns centolos que lle encargou a Nión, peixeiro de Caión, para levarllas a Madrid a Vicente del Bosque; da Peña Royal e da colección de camisolas reunidas por Suso Martínez, encargado de material do Deportivo; a visita que o xornalista xaponés Shigeki Sugiyama realizou á vila acompañado con Moncho Viña e con Arsenio Iglesias (comeron no Beiramar nunha mesa fronte ao mar) para a revista Sports Graphic Number, que naquel tempo tiña unha tiraxe de 700.000 exemplares. Ademais, tamén podemos ver fotografías de Liaño e Djukic nunha cea en Caión; de Nacho Carretero, Alfonso Hermida, Fernando Vázquez e Arturo Lezcano na compaña de Moncho e o seu fillo Adrián no paseo marítimo da vila mariñeira. Ou mesmo podemos ler algunha que outra anécdota do alcalde José Manuel López Varela facendo de “escolta” a un futbolista do Deportivo na previa do “Centenariazo”; duns camareiros de Golmar que traballaban no “Don Pepe”, un restaurante que está en Victoria Street e que Moncho coñeceu cando o Deportivo foi xogar a Liverpool na Champions League; ou algunha pincelada de como Vaca Films, a produtora de Emma Lustres, rodou varias secuencias de algunha longametraxe no campo de fútbol municipal da Laracha.
![]() |
Moncho Viña con Mauro Silva e con membros da Peña Royal en Caión |
Moito que ler en Moito que contar, abofé!
Moitos moitos parabéns, Moncho!
____________
1 O primeiro director da emisora foi Joaquín Antonio Tabernero Balsa (1952-1956),
2 Vid. Moncho Viña (2024): Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias, Baía Edicións, A Coruña, páx. 76.
LUIS VARELA CURBERA, O MÉDICO DE CAIÓN NA POSGUERRA
Luis Gumersindo Agustín Andrés Varela Curbera, máis coñecido como “don Luis”, foi un notable médico que deixou unha profunda pegada no Caión dos duros anos da posguerra. Persoa moi querida entre as xentes do mar naqueles "tempos incestuosos", como dicía o poeta Manuel María, asistía aos seus pacientes sen importarlle o horario, nin se lles ía cobrar ou non. Unha rúa da vila mariñeira honra dende hai décadas a memoria deste benfeitor ao que lle dedicamos as Crónicas da Laracha desta semana.
![]() |
Imaxe dos anos 50 do médico Luis Varela Curbera (Cortesía da familia) |
![]() |
Panorámica actual da rúa Luis Varela Curbera de Caión |
O noso homenaxeado nace en Santiago de Compostela o 26 de febreiro de 1901, no número 65 da rúa do Vilar. Era o primoxénito do afamado oftalmólogo Ángel Varela Santos e da viguesa Carmen Curbera Collazo, que cando foron pais de Luis tiñan, respectivamente, 23 e 21 anos de idade. Co andar do tempo o matrimonio ía traer ao mundo sete fillos máis: Purificación, Ramón, Carmen, Rafael, Elena, José e Alfonso.
Ángel Varela Santos, foi un pioneiro da óptica precursor das lentes de contacto. Grande investigador, realizou os estudos de Medicina e Oftalmoloxía como alumno libre ao tempo que levaba a reloxería legada por seu pai Gumersindo Victoriano, licenciándose en 1911. Inquedo e universalista, viaxou á procura de novas técnicas e innovacións e percorreu gran número de clínicas de Francia e Alemaña onde pasaba grande parte do ano. Segundo nos conta o seu biógrafo Rafael Sisto Edreira1, Vicente Risco (1934) fai referencia ao seu encontro en Berlín con Varela Santos en 1930, cando este estaba asistindo á fase de experimentación e estudo que alí se facía das hoxe populares lentes de contacto2.
![]() |
Ángel Varela Santos, pai do médico de Caión (Cortesía da familia) |
Outro dos aspectos que queremos destacar da biografía de Ángel Varela Santos é que foi o oftalmólogo de Castelao, a quen recordamos estos días polo 75 aniversario do seu pasamento acontecido en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Ademais de ser o seu oculista, mantivo con el unha gran amizade e unha intensa relación epistolar, como persoa comprometida tamén coa realidade e futuro de Galicia. Froito de aquela amizade, un dos cadros de Castelao ía viaxar ata Caión na década dos anos corenta. ¿Cómo chegou alí esta obra? Contámolo máis adiante.
Luis, o fillo maior de Ángel Varela Santos e de Carmen Curbera Collazo, vai medrando naquel ambiente de compromiso arrededor do cal ía xermolando e alumeando un camiño que presaxiaba unha nova vida política e cultural en Galicia. Aquel xermolo e aquela luz non ían tardar en cortarse de raíz e en apagarse coa longa noite de pedra.
O noso homenaxeado realiza os seus estudos primarios e de bacharelato na súa cidade natal. Unha vez rematados, inicia a carreira de Medicina na Universidade de Compostela, onde tivo de compañeiro, entre outros, ao carballés José Regueira Pumpido. Un irmán deste médico, Luciano, foi fundador e primeiro presidente do Bergantiños F.C. e outra irmá, María del Carmen, ía casar co tamén médico Pedro Abelenda, “gran beneficiado das minas de volframio en Monteneme e tío do excelente pintor Alfonso Abelenda”3.
Estudante extraordinario, Luis Varela Curbera gradúase e termina a carreira de Medicina na universidade compostelá en xuño de 1921, ano no que inicia o servizo militar en Zaragoza. Concluídas as obrigas castrenses na capital aragonesa, volta á súa cidade natal na que non tarda en casar con Elisa García González, nacida en Santiago de Compostela o 28 de decembro de 1910.
![]() |
Elisa García González (Cortesía da familia) |
A parella establece o seu domicilio na serra madrileña, en Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, onde Luis exerce a súa profesión como médico da localidade. Neste lugar, que ten o curioso récord de ser o municipio co nome oficial máis largo de España, ían nacer a primoxénita do matrimonio: Carmen, que veu ao mundo en 1928.
A familia ía aumentar en 1930 co nacemento de Luisa Fernanda mais, desgraciadamente, Elisa morre en Gargantilla pouco despois de ser nai por segunda vez deixando orfas ás dúas meniñas e viúvo a Luis Varela Curbera, que naquela altura tiña 29 anos.
Ao pouco de falecer a súa muller, Luis decide que o mellor para a súa filla Carmen era que se criara coa súa familia en Galicia. A meniña Luisa Fernanda, a quen seu pai chamaba cariñosamente Maruxa, íase quedar con el en Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, onde o médico compostelán continúa exercendo a súa profesión durante algún ano máis, iso si, coas vistas postas noutro destino pois sabemos que en 1934 oposita, xunto a 650 aspirantes máis, para ingresar no “Cuerpo Médico de la Marina Civil”.
![]() |
Luis
Varela Curbera coa súa filla Luisa Fernanda en Gargantilla del Lozoyay
Pinilla de Buitrago no ano 1932, aproximadamente (Cortesía da familia) |
Nas eleccións de 1936 convértese nun destacado activista do Frente Popular. Nesa época, cando empezan a soar os tambores da Guerra Civil, parece ser que tamén se encontraba na localidade madrileña axudando a Luis na consulta un irmán que estudara (ou estudaba naquel momento) a carreira de Medicina. Segundo nos contou Maruxa Heras, bisneta de Luis Varela Curbera, todo apunta a que se trataba de Ramón. O pobre ía ser “paseado” entre 1938 e 1939 e nunca máis se soubo nada del. A día de hoxe, malia que Maruxa Heras leva moitos anos buscándoo, aínda non se descubriron os seus restos4.
No caos dos primeiros días da contenda, para que non tivera problemas no futuro, Luis ensínalle a rezar a súa filla pequena, unha nena que estiveran a piques de enviala para a Unión Soviétiva mais, no último momento levárona para un colexio republicano de Alicante. Neste centro Luisa Fernanda ía botar case tres anos sen saber nada do pai nin da súa familia de Galicia.
![]() |
Luis
Varela Curbera coa súa filla Luisa Fernanda en Gargantilla del Lozoya y
Pinilla de Buitrago no ano 1933, aproximadamente (Cortesía da familia) |
Durante aquela horrenda etapa do noso pasado, Luis Varela Curbera realiza servizos facultativos en diversos frontes da Guerra Civil. Grazas a unha información publicada no “Diario Oficial del Ministerio de Defensa Nacional”, sabemos que en abril de 1938 foi designado capitán médico:
Circular. Excmo. Sr.: En cumplimiento a lo dispuesto en la orden circular de 28 de mayo del pasado año (D.O. núm. 139) he resuelto promover al empleo de capitán médico provisional, por el tiempo de la duración de la campaña, a los médicos que figuran en la siguiente relación, por hallarse comprendidos en el artículo octavo de la citada disposición y en lo preceptuado en la orden circular de 16 de agosto siguiente (D.O. núm. 206), quedando confirmados en los destinos que actualmente tiene asignado cada uno. Surte efectos administrativos esta disposición a partir de la revista de Comisario del próximo mes de abril.
Lo comunico a V.E. para su conocimiento y cumplimiento. Barcelona, 28 de marzo de 1938.
P.D.,
PÉREZ SALAS
Señor…
Relación que se cita…
Don Luis Varela Curbera, a las órdenes del general jefe del Estado Mayor del Ejército de Tierra.
Don Antonio Martínez Rodó, a las órdenes del general jefe del Ejército del Centro.
Don Antonio Aznar Riazuelo, a las órdenes del general jefe del Ejército del Este.
Barcelona, 28 de marzo de 1938.- Pérez Salas5.
Como capitán médico, o noso homenaxeado forma parte da 10.ª Brigada Mixta que fora constituida o 21 de decembro de 1936 e que orixinalmente se formara sobre a base das forzas da columna mandada por Valentín González González, coñecido popularmente polo alcume de “El Campesino”. Durante case toda a Guerra, a 10ª Brigada Mixta permaneceu integrada na 46ª División e participou en algunha das principais batallas da contenda, casos de Guadalaxara, Brunete, Teruel, Aragón e a do Ebro.
Despois da toma de Teruel polas forzas franquistas, máis de 400 efectivos da columna de “El Campesino” foron capturados polo enemigo. Un dos prisioneiros era o futuro médico de Caión, que ingresa na prisión de Victoria o 21 de febreiro de 1938. Un mes e medio máis tarde, o 10 de abril, trasládano a Prisión Provincial de Zaragoza, onde ía ser procesado o 19 de outubro de 1939.
Durante todo este tempo, o doutor compostelán non soubo nada da súa filla pequena. A propia Luisa Fernanda ten contado moitos anos despois que, ao pouco de acabar a guerra, un día apareceu en Alicante seu avó Ángel Varela Santos. O oftalmólogo díxolle á cativa quen era e, acto seguido, levouna a un parque e estiveron dándolle de comer cacahuetes aos monos. Despois a nena recolleu as cousas e volveu a Galicia a reencontrase coa súa familia, da que nada soubera durante a contenda. Fernanda Luisa íase criar en Pontevedra cunha irmá de súa nai e o seu marido, un matrimonio que non tiñan fillos e criárona como tal.
![]() |
Luisa
Fernanda coa súa avoa Carmen Curbera Collazo na consulta de seu avó,
Ángel Varela Santos. A nena non tiña lentes, xogaba coas monturas de seu
avó (Cortesía da familia) |
Paralelamente, Luis ía ser ratificado de prisión o 18 de novembro de 1940. Neste mes de novembro do ano 40 trasládano ao campo de concentración e prisión provisional de San Juan de Mozarrifar, tamén en Zaragoza, que serviu para a retención, clasificación de presos e o seu destino noutros presidios do Estado. Entre a dor e o medo, miles de republicanos viron naufragar neste aterrador lugar as súas vidas, entre eles o doutor de Compostela, que ía estar recluído alí durante varios anos agardando a un consello de guerra polo simple feito de defender as liberdades democráticas.
Acusado en causa nº 1312-40 por un delito de auxilio de rebelión militar, cando o único que fixera era opoñerse á rebelión fascista e defender a única legalidade existente, Luis Varela Curbera fora condenado á pena de 12 anos e un día de reclusión menor, unha pena que non ía deixar extinguida ata o día 16 de febreiro de 1950.
Van pasando os días, as semanas, os meses... Na longa espera polo seu consello de guerra exerce como axudante médico no inferno de San Juan de Mozarrifar, ocupación que tamén desempeñara anteriormente na Prisión Provincial de Zaragoza.
O soño de liberdade esvaece por momentos, máis aínda cando os militares franquistas que instruían na “Capitanía General de la 5ª Región Militar6” a súa causa o 21 de outubro de 1941 determinan que, segundo os cargos que figuraban na súa acusación, non procedía que fora posto en liberdade mentres non se vira en consello de guerra.
O xuízo, ou farsa de xuízo, íase celebrar o 15 de xullo de 1942 en Zaragoza, sendo sentenciado por consello de guerra por un delito de “auxilio a la rebelión” á pena de 12 anos e un día de reclusión menor que, como xa dixemos, non se extinguiría ata o 16 de febreiro de 1950. Na súa causa, facilitada polo centro documental da memoria histórica do Archivo Histórico Provincial de Zaragoza, constan xoias como esta:
“De antecedentes izquierdistas hizo propaganda y en las elecciones del 36 su actuación personal en pro del Frente Popular fue de un prodiletismo manifiesto y decidido. Iniciado nuestro Glorioso Movimiento, comenzó a presentar servicios facultativos a los rojos requerido a tal efecto pero ingresando más tarde voluntario en la columna del “Campesino” llegando a ser de la confianza del cabecilla llegando a alcanzar el empleo de capitán médico prestando servicios en varios frentes hasta caer en poder de nuestras fuerzas en Teruel”.
Tres meses máis tarde, o 26 de outubro de 1942, o xulgado nº 11 do cuartel de Palafox (Zaragoza) no que se tramitaba a súa causa solicítalle telegraficamente informes sobre concesión liberdade condicional e residencia ás tres “autoridades” de Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, municipio no que Luis causa baixa definitiva como médico neste destino que tiña antes da Guerra Civil.
Nesa mesma semana, o 29 de outubro, é posto en prisión atenuada7, medida que lle permite cumprir o tempo restante da súa condena fora do centro penitenciario. A principios de novembro o xulgado franquista que instrue a súa causa recibe informes favorables para a concesión da liberdade condicional do Alcalde, da Falanxe e da Garda Civil de Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, iso si, liberdade condicional pero con desterro. E por fin, o 4 de febreiro de 1943 é posto provisionalmente en liberdade condicional.
A finais deste mes de febreiro, Luis Varela Curbera solicita o cambio de residencia a Caión, onde naquel momento os mariñeiros que sufrían algunha doenza tiñan que desprazarse ata Arteixo, que era o lugar onde residía o médico que prestaba os servizos de asistencia na Delegación Local da Mutualidade de Accidentes de Mar.
O noso protagonista chega á vila mariñeira na segunda quincena de maio de 1943. En opinión do historiador local Marcos Amado, o feito de que en Caión houbera xente ligada á CNT en 1936 puido ter algo que ver no acordo unánime dos directivos da Delegación caionesa para que Varela Curbera fora o seu médico. Sexa como fora, resulta de moito interese o seguinte documento gardado a bo recaudo no Arquivo da Pesca da Confraría que nos cedeu, coa súa habitual cortesía, Marcos Amado:
![]() |
Documento
no que se solicita o nombramento de Luis Varela Curbera como médico da
Delegación Local da Mutualidade de Accidentes de Mar de Caión (Arquivo
da Pesca. Cortesía de Marcos Amado) |
En
el puerto y villa de Cayón, ayuntamiento de Laracha, provincia de La
Coruña, a los 17 días del mes de febrero del año de 1943, se
convoca a los Señores Directivos de la Delegación Local de la
Mutualidad de Accidentes de Mar de este puerto, a sesión ordinaria,
los que una vez reunidos en su totalidad en el Local Social del
Pósito de Pescadores, se toman los siguientes acuerdos:
1. Por el Sr. Presidente de la Delegación se abre esta sesión a las 15 horas procediéndose acto seguido a la aprobación del acta anterior.
2. Por unanimidad se acuerda elevar un escrito a la Dirección de Mutualidad por mediación del Inspector Regional, en el que se interese el nombramiento de Don Luis Varela Curbera como médico de esta Delegación Local, residente en esta villa, ya que este nombramiento supondría ciertas ventajas a los accidentados al proporcionar la asistencia médica sin necesidad de tener que desplazarse al pueblo de Arteijo, lugar de residencia del médico que viene prestando los servicios de asistencia en esta Delegación, y que dista de este puerto unos once kilómetros, surgiendo con frecuencia el obstáculo de no poder desplazarse a causa de no contar con los medios de locomoción suficientes dadas las circunstancias actuales, y otras veces por no permitírselo el estado del lesionado, sufriendo así los asegurados de esta Delegación graves consecuencias al no disponer de un servicio perfecto de asistencia facultativa.
No habiendo más asuntos de que tratar se da por terminada la sesión levantándose a las 17 horas de este día, de la que como secretario certifico.
Daniel Lema Ramón Morgade
Segundo o testemuño de Constante Caamaño Carballo, caionés de 90 anos, “don Luis chegou aquí sobre o ano 1943 e viña acompañado das dúas fillas e de súa sogra. El estaba viúvo. Ao principio vivía nunha casiña moi humilde que era propiedade de Mariano Fuentes Verdía, que naquela hora era o patrón maior da cofradía. O médico daba consulta nunha habitación da casa deste Mariano, que está a poucos metros da outra, na que vivía don Luis coa súa familia”.
Por outra banda, Maruxa Heras, bisneta do médico, contounos que “quen viviu en Caión foi a súa filla maior Carmen. Miña avoa, Luisa Fernanda8, pasaba alí algunha temporada polas vacacións escolares do verán”.
![]() |
Vivenda na que viviu Luis Varela Curbera e a súa familia cando chegaron a Caión en 1943 |
![]() |
Domicilio
de Mariano Fuentes Verdía, patrón maior da confraría nos anos 40. Cando
o médico Luis Varela Curbera chegou a Caión tiña a súa consulta nunha
habitación desta casa |
![]() |
Á
dereita observamos a casiña na que residiu o médico cando chegou a
Caión e, ao seu carón, o domicilio de Mariano Fuentes Verdía, patrón
maior da confraría naquela altura |
Non deixa de ser curioso que só 4 anos despois da visita de Franco a Caión agora un represaliado do dictador empezaba a gañarse o cariño da xente da vila co seu proceder de benfeitor. Home dunha grande humanidade, axudaba a todos os que podía. Non foron poucas as ocasións nas que os mariñeiros ou a súa familia ían buscar algún medicamento a súa consulta e el, que naquela época de miseria non lle sobraban os cartos, non lles cobraba nada.
-¿Canto é, don Luís?
-Nada ho, ¿que che vou cobrar por iso?
- Don Luís, ¿que lle debo?
- Anda ho, anda… iso non é nada!
- Don Luís, ¿canto é?
- Anda ho, xa me pagarás!
Uns meses despois da súa chegada a Caión, o 29 de febreiro de 1944, Luis Varela Curbera quedaba liberado do desterro que sufría ao extinguirse a metade da condena imposta pola xustiza franquista. Nese mesmo ano, o 21 de xullo, falece aos 68 anos seu pai Ángel Varela Santos, o popular oftalmólogo santiagués e amigo persoal de Castelao. De feito debeu ser nesa época cando Luis levou para Caión un cadro9 que o popular persoeiro galego lle agasallara no seu momento ao seu gran amigo Ángel, cadro do que falaremos nas Crónicas da Laracha da vindeira semana.
Nesa altura Luis cambia de domicilio en Caión e aluga unha casa no Rueiro das Figueiras, casa na que da consulta e na que vive coa súa filla maior Carmen. A pequena, Luisa Fernanda, soamente residía alí durante as vacacións de verán.
Na súa nova residencia, o médico contrata para traballar nas tarefas do fogar a Estrella Nogareda Verdía10, unha moza de Caión nacida en San Roque o 22 de xullo de 1923 que facía pouco tempo que quedara viúva do mariñeiro José Felípez Queiro e que tamén ía sufrir o infortunio de ver morrer o único fillo do matrimonio, unha nena que faleceu de moi noviña.
O refraneiro popular di que o roce fai o cariño. Neste caso foi así, abofé, xa que despois de que Cupido disparara unha das súas frechas, o 6 de febreiro de 1954 Luis e Estrella dábanse o “si quero” na igrexa coruñesa de San Pedro de Mezonzo. No momento do enlace matrimonial el tiña 52 anos anos e ela 30.
![]() |
Montaxe fotográfica de Estrella Nogareda Verdía e de Luis Varela Curbera (Cortesía da súa neta Ángeles Souto Varela) |
Carmen, a filla maior do médico, viviu con eles durante algún tempo, ata que fixo a maleta da emigración con destino ao Uruguai.
Non foron poucas as persoas de Caión que nos falaron deste doutor tan querido na vila. No seu testemuño, todas repetiron con insistencia que “era moi boa persoa e moi bo médico”, e mesmo houbo quen quixo lembrar que ata o último dos seus días continuou sen cobrarlle os medicamentos e produtos farmacéuticos a quen lle custaba un mundo pagalos, produtos como o “pelargón”, a primeira leite infantil que lanzou Nestle en plena postguerra e que actualmente se asocia simbólicamente no imaxinario colectivo español cos tempos posteriores á Guerra Civil e á xeración criada nos anos 40 e 50. Luisa Fernanda, a filla pequena do primeiro matrimonio do médico, contaba acotío que seu pai non lle cobraba á maioría da xente que atendía na consulta. “Na cociña da casa sempre había pulpos, langostas e todo tipo de marisco porque era a maneira con que lle pagaban moitos mariñeiros a papá”, recordaba Luisa Fernanda.
En Caión ían nacer María de los Ángeles e Luís, os dous fillos maiores da familia Varela Nogareda, que pasaron os primeiros anos da súa vida naquel Caión dos 50 que vivía case que exclusivamente do mar.
Luis Gumersindo Agustín Andrés Varela Curbera é desas persoas que teñen a curiosa estadística de morrer o mesmo día que nacen. Nacera o 26 de febreiro de 1901 e finou o 26 de febreiro de 1958. No momento do seu pasamento, acontecido no seu domicilio da Avenida de Rajoy, en Compostela, Estrella estaba embarazada de catro meses dunha nena que ía bautizar co nome de María Asunción, Marita para os máis achegados, nacida tamén en Caión.
![]() |
Estampa necrolóxica de Luis Varela Curbera (Cortesía da súa familia) |
Os restos do protagonista das Crónicas da Laracha desta semana descansaron durante uns anos no cemiterio dominico de San Domingos de Bonaval da súa Compostela natal, cidade na que ía establecer o seu domicilio Estrella Nogareda cos tres fillos do matrimonio e na que a caionesa rexentou unha pensión de estudantes no número 106 da rúa do Hórreo, xusto en fronte do edificio do Parlamento de Galicia. Certo tempo despois do seu pasamento, Bonaval íase converter no parque que hoxe podemos desfrutar e, por tal motivo, os restos de Luis Varela Curbera foron trasladados ao cemiterio de Boisaca.
Hai case setenta anos que faleceu, mais o seu espíritu e o seu recordo seguen a estar moi presentes en Caión, onde aquel médico benfeitor que tanto se sacrificara coa veciñanza naqueles tempos tan duros e tan difíciles ten, merecidamente, unha rúa dedicada na zona na que residiu e deu consulta ao pouco de chegar á vila despois de estar varios anos represaliado nas cárceres franquistas polo seu compromiso coa democracia. Vaia este humilde tributo e sentido homenaxe para que unhas persoas o recorden, outras o coñezan e todas e todos admiren a este gran persoeiro que foi don Luis Varela Curbera.
![]() |
Panorámica da rúa caionesa Luis Varela Curbera |
____________
1 Texto sobre Ángel Varela Santos da autoría de Rafael Sisto Edreira. DOI. 10.17075/adg.2012.22394:
“Oftalmólogo
de gran capacidade técnica e sólida formación internacional.
Estudou o bacharelato no Instituto de Santiago e graduouse en 1892.
Realizou os estudos de Medicina e Oftalmoloxía como alumno libre ao
tempo que atendía a reloxería legada polo seu pai, licenciándose
en 1911. Inquedo e universalista, viaxou á busca de novas técnicas
e innovacións e percorreu gran número de clínicas de Francia e
Alemaña, onde pasaba grande parte do ano. Vicente Risco (1934) fai
referencia ao seu encontro en Berlín con Varela Santos en 1930,
cando este estaba asistindo á fase de experimentación e estudo que
alí se facía das hoxe populares lentes de contacto.
Xunto cos
tamén composteláns Gradaille e Romero Molezún, foron os primeiros
oftalmólogos galegos formados no estranxeiro na nova medicina
experimental e técnica que renovaba as vellas ensinanzas clínicas.
Esta formación mediante estadías en diversos países de Europa
mantívoa durante toda a súa vida. Nos anos 1935 e 1936, Vázquez
Barro (1998) sitúao en Bordeos (clínicas Moure e Lagrange), París
(Hotel de Dieu) e Berlín (Charité e Nalle). Participou en moitos
congresos internacionais da súa especialidade con comunicacións e
traballos científicos.
De grande capacidade técnica, foi
premiado por un estudo sobre reprodución fotomecánica nun certame
organizado en 1908 por La
Oliva,
de Vigo. Noutra orde de cousas, cómpre salientar a preocupación
que Varela Santos tivo por outras facetas da cultura galega, como o
interese que prestou aos restos arqueolóxicos da Illa de Arousa no
artigo Un
descubrimiento del Dr. Varela Santos
(Otero Maestu, 1932). Mantivo unha estreita relación con Castelao,
de quen foi oculista, e con quen mantivo unha interesante
comunicación epistolar. Ricardo Gurriarán (2006), sitúao como un
dos posibles informadores da Junta para Ampliación de Estudios e
Investigaciones Científicas en Galicia.
Dedicou especial
atención as afeccións visuais. Froito dos seus coñecementos
técnicos inventou, segundo cita A. Tarrío, un aparato para graduar
a vista, o taquitoscopio ou takitoscopio, que mereceu a honra de
figurar nos catálogos de instrumental de París. Inventou tamén un
novo oftalmostato que fixaba de forma automática o globo do ollo,
permitindo unha precisión absoluta nas operacións e evitando a
intervención obrigatoria de axudantes. Colaborou nas revistas
médicas da época, con estudos como “Úlcera de la córnea
infectada por diacrotitis, seguida de panoftalmia y fenómenos
simpatizantes” (Varela, 1916), no que advirte sobre o tratamento
das vías lacrimais como método de curación das úlceras de córnea
infectadas, e da necesidade de enucleación urxente do ollo
simpatizante no caso de úlceras profundas con síntomas de
reaccións simpáticas no ollo conxénere. Nun artigo publicado ao
pouco da morte de Varela Santos polo Dr. Devesa (1944), resaltaba o
profundo coñecemento que tiña das leis da física e da óptica,
especialmente das relativas á refracción, e a particular atención
que dedicou ao estudo do fondo do ollo. Tamén se coñecen
contribucións súas no estudo da conservación dos alimentos por
deshidratación, publicados en Industria
conservera
no ano 1943, se ben non foi posible localizar esta fonte”.
Rafael
Sisto
Edreira (2012): Álbum
de Galicia.
Ángel Varela
Santos. Consello
da Cultura Galega
(https://consellodacultura.gal/)
2 Rafael Sisto Edreira (2012): Álbum de Galicia. Ángel Varela Santos. Consello da Cultura Galega (https://consellodacultura.gal/)
3 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (2012): Crónicas de Carballo IV, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, páx, 80.
4 Maruxa Heras soubo da historia de Ramón porque lla contara no seu momento súa avoa Luisa Fernanda. Díxolle que o levaran unha noite e que nunca máis se soubo del. Por iso Maruxa busca os seus restos dende hai moito tempo para darlle digna sepultura.
5 Vid. Diario Oficial del Ministerio de Defensa Nacional. Año LI. Número 80. Barcelona 4 de Abril de 1938. Tomo II. Páx. 45 (Número 5.404).
6 Xulgado nº 11, cuartel de Palafox, Zaragoza.
7 Tamén coñecida como “prisión domiciliaria” ou “arresto domiciliario”.
8 O médico de Caión chamaba Maruxa á súa filla pequena Luisa Fernanda. Anecdoticamente, a bisneta de Luis que colaborou con nós nesta crónica leva o mesmo nome que súa avoa, Luisa Fernanda, e tamén a chamaron Maruxa toda a vida.
9 Hai quen di que foron dous cadros.
10 Estrella Nogareda Verdía era filla de Manuel Nogareda e de Dolores Berdía Fernández, ambos de 33 anos no nacemento da súa filla e dedicados ao mar.
FONTES:
Fraga Rodríguez, Xan M. (2012): Crónicas de Carballo IV, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo
Rolland, Eduardo (2021): Varela Santos, precursor das lentes de contacto, Gciencia Xornalismo+Divulfación (https://www.gciencia.com/), 13 de novembro.
Sisto Edreira, Rafael (2012): Álbum de Galicia. Ángel Varela Santos. Consello da Cultura Galega (https://consellodacultura.gal/)
Wikipedia
O CADRO DE CASTELAO QUE ESTIVO EN CAIÓN NA POSGUERRA
Como ben sabedes, as Crónicas da Laracha da semana pasada dedicámosllas a Luis Varela Curbera, médico de Caión dende 1943 ata 1958. Para documentar esa crónica (tela ao teu dispor aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2025/01/luis-varela-curbera-o-medico-de-caion.html) contamos coa inestimable colaboración de Ángeles Souto Varela e de Maruxa Heras, neta e bisneta do médico que tiveron a ben contarnos numerosas pinceladas dos seus devanceiros e cedernos abondosa documentación da época na que Luis fora represaliado polo franquismo, ademais de algunhas fotografías dos seus familiares. Nunha destas imaxes, na que sae María de los Ángeles Varela Nogareda (nai de Ángeles), mesmo podemos ver o Caión dos anos 50.
Mais amigos e amigas, Ángeles tamén nos falou dunha anécdota que nos parece de grande interese por coincidir estos días co 75 aniversario do pasamento de Castelao, finado en Buenos Aires o 7 xaneiro de 1950.
![]() |
Castelao |
Como ben sabedes Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nacido en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886, foi un intelectual galego moi comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaíasta, dramaturgo, debuxante e político, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero habitualmente confesaba que se fixera médico “por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
![]() |
Castelao. "Autocaricatura", 1914, gravado/serigrafía. Colección do Museo de Pontevedra |
Para a crónica que nos ocupa hoxe ímonos centrar na súa faceta de pintor xa que, tal e como adiantamos neste espazo hai uns días, un dos seus cadros estivo durante algúns anos na casa do Rueiro das Figueiras na que o médico Luis Varela Curbera residiu coa súa familia e daba consulta en Caión nos anos 50.
![]() |
Luis Varela Curbera (Cortesía da familia) |
![]() |
Panorámica actual da casa na que residiu Luis Varela Curbera no Rueiro das Figueiras de Caión |
Os debuxos de Castelao, complementados con textos agudos, móstranos a Galicia agraria e o caciquismo. Representados por personaxes populares, labregos e mariñeiros, e pobres xentes do campo, cegos e desamparados, as ilustracións transmiten o sufrimento que estes padecen, todo isto baixo un punto de vista crítico e realista mais cunha fina ollada humorista.
O asunto dos cegos será recorrente na súa obra desde que en 1914 sufrira un desprendemento de retina, que o ía ter a tratamento de por vida, de aí que durante moitos anos estivera baixo o coidado do seu amigo oftalmólogo Ángel Varela Santos, pai do médico de Caión.
![]() |
Ángel Varela Santos (Cortesía da familia) |
No seu álbum Nós, Castelao reúne unha colección de cincuenta debuxos que datan de 1916 a 1918, tal como fai constar o propio artista no prólogo manuscrito. As láminas foron expostas en diferentes lugares a partir de 1920, ata que o afamado persoeiro deixou Madrid en 1936, levando consigo os orixinais. Estes terminaron perdéndose ata ser felizmente recuperados en 2016, coincidindo coa organización dunha exposición no Museo de Pontevedra sobre o artista. Pasaron a ser expostos nas salas do Museo, en réxime de cesión, ata que foron adquiridas en 2021 pola Deputación de Pontevedra para formar parte da colección do Museo. Desde entón, o Álbum Nós está exposto na sala 8 da segunda planta do edificio Castelao do Museo.
![]() |
Cego con lazarillo, 1915. Óleo sobre lenzo. Cadro de Tríptico dos cegos, realizado por Castelao para o Balneario de Mondariz (Museo de Pontevedra, Real Academia Galega) |
Os derradeiros álbums son a expresión dos horrores da Guerra Civil. De temática totalmente diferente é un novo álbum que debuxa en 1939 durante o seu exilio en Cuba e Nova York, baixo o título Debuxos de negros. Finalmente, entre as súas representacións gráficas cómpre citar a serie de catro debuxos a lapis, de gran formato, titulada Cegos: os meus compañeiros (1940-1941), exposta tamén no Museo de Pontevedra1.
Ángeles Souto Varela, neta do médico de Caión, contounos que “Castelao regaláralle un cadro a meu bisavó Ángel Varela Santos, que ademais de ser o seu oculista eran moi bos amigos. Ese cadro permaneceu oculto en Caión durante moitos anos. Miña avoa Estrella soubo del despois de morrer meu avó Luis. Mamá recorda que o cadro estaba no faiado da casa de Caión e que era como unha paisaxe cunha escalinata… víase unha paisaxe e había como unha escaleira grande e cre que había nenos. Miña nai ten un vago recordo do cadro porque, claro, hai moitos anos diso. Ela era moi pequerrecha. Parece ser que no faiado había dous cadros e durante un tempo seica pensaron que os dous eran de Castelao. Ao final soubose que só era un. No Museo de Pontevedra acreditaron que esta obra era, efectivamente, de Castelao. Pouco máis che podo contar.”
A vena artística de Castelao parece que se mantivo sempre, dalgún xeito, oculta fronte aos seus traballos literarios, ou aos indispensables idearios políticos. Con todo, os seus debuxos marcaron profundamente o subconsciente galego e algúns deles convertéronse en auténticos símbolos. E agora, cousas do destino, coincidindo coa celebración do 75 aniversario do seu pasamento, sabemos que unha das súas obras estivo en Caión!
FONTES:
Rolland, Eduardo (2021): Varela Santos, precursor das lentes de contacto, Gciencia Xornalismo+Divulfación (https://www.gciencia.com/), 13 de novembro.
Sisto Edreira, Rafael (2012): Álbum de Galicia. Ángel Varela Santos. Consello da Cultura Galega (https://consellodacultura.gal/)
Wikipedia
1 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Alfonso_Daniel_Rodr%C3%ADguez_Castelao
Ningún comentario:
Publicar un comentario