TOPONIMIA

A LARACHA E A CIDADE MARROQUI DE LARACHE

    Os amigos do Instituto de Estudos Bergantiñáns din que A Laracha, o nome da capital do municipio, ten “toda a fasquía de ser un topónimo prerromano de procedencia celta, formado dende unha base igual ou similar á de *laragia, forma sufixada de *lara, “chaira”, vocábulo que parece ter boas correspondencias nas linguas celtas, caso do irlandés antigo lar, irlandés moderno lár, galés llawr, escocés làr, córnico antigo lor, bretón antigo laur e bretón moderno lawr, palabras que significan chaira, solo ou pavimento, polo que o topónimo A Laracha pode aludir á configuración chá do terreo, que se mostra especialmente plano na zona chamada A Gándara, a cal, comezando nas inmediacións da igrexa parroquial de Torás, lugar onde debeu nacer o topónimo A Laracha, chega ao actual casco urbano, de acordo co significado da voz galega gándara de “terreo chan enchoupado de auga”, “Terreo inculto e chan”, etc”1.

Panorámica dos anos 60-70 da vila da Laracha

    Hai unhas semanas tivemos a sorte de acudir ao Casino de Carballo ao ciclo de conferencias sobre a comarca de Bergantiños, programado polo Instituto de Estudos Bergantiñáns con motivo da celebración do seu 25 aniversario. Pois ben, nunha destas conferencias, a organizada o 22 de marzo baixo o título “Toponimia bergantiñá”, o filólogo Fernando Cabeza Quiles, deixaba enriba da mesa outra posibilidade sobre a orixe do topónimo A Laracha. O prezado e admirado mestre dixo que “o topónimo puidérono traer mozos laracheses que tiveron que ir á guerra de Larache, en Marrocos”.

    Segundo nos contou posteriormente o propio Cabeza Quiles, algo parecido pasou co topónimo Gurugú, que tamén existe en Galicia. De feito, para moitos veciños da Falperra este barrio coruñés é o do Gurugú, nome tomado do monte de Marrocos desde o que se domina Melilla. En 1909 as tropas españolas sufriron alí, no Barranco do Lobo, unha severa derrota a mans dos rifeños de Abd el-Krim. Agora é refuxio dos inmigrantes ilegais que están alí emboscados durante un tempo antes de intentar cruzar a España. O enxeño dalgún veciño da Falperra bautizando o barrio como o Gurugú, polas súas empinadas rúas, calou nunha zona na que andando no tempo ía vivir (na rúa Vila de Laxe) a poeta Luísa Villalta, a quen homenaxeamos  no Día das Letras Galegas deste 2024.

   ¿Pasaría o mesmo con algún larachés que estivo en Larache? Pois, segundo a opinión de Fernando Cabeza Quiles, é posible. Na Carta Xeométrica de Domingo Fontán (1834) aparece Larache no que hoxe é A Laracha, feito que reafirma a teoría exposta por Cabeza Quiles.

Carta Xeométrica de Domingo Fontán onde A Laracha aparece denominada como Larache

   Para entender mellor esta opción é necesario contextualizar aquel momento histórico. Situada a 85 quilómetros de Tánxer, a 105 de Tetuán e a 160 de Ceuta, Larache é unha cidade que ten unha larga e rica historia, que se remonta á época dos fenicios e cartaxineses, que se estableron na zona e fundaron Lixus, da que Larache foi sucesora. Despois da conquista romana, a cidade prosperou e converteuse nun importante centro comercial. No século VII foi saqueada polos vándalos e posteriormente ocupada polos árabes, que a chamaron Al-Araich. Durante a época medieval, Larache foi unha importante cidade do Reino de Fez, e tivo un papel relevante na loita contra os portugueses, que intentaron conquistala en varias ocasións. 

   Durante o século XVII, foi ocupada polos españois, que a fortificaron e convertérona nun importante porto comercial. Nese momento o cardeal Jerónimo del Hoyo daba fe nas súas Memorias del arzobispado de Santiago, escritas entre 1603 e 1620, do número de habitantes da parroquia de Torás e dicía que tiene esta feligresía diez y siete feligreses”. Aínda faltaban moitos anos para que a vila da Laracha existira como tal.

   Coa chegada do sultán Moulay Ismaíl ao trono en 1672, Marrocos ía vivir o seu apoxeo tras lograr centralizar o poder e reprimir as rebelións de varias tribus, combatendo tamén contra os otománs de Arxel. Mentres que varias cidades costeiras de Marrocos estaban baixo o control dos reinos cristiáns de España e Portugal, en 1681 Moulay Ismaíl recuperou Mehdía, baixo dominio español desde 1614, e tamén reconquistou Tánxer en 1684. Así mesmo decidiu recuperar a cidade de Larache, que controlaban os españois desde 1610.

   Na operación militar lanzada en 1689 polo sultán Ismaíl, que comandaba un exército de 30.000 soldados, as forzas do rei Carlos II de España víronse na obriga de capitular despois de tres meses de asedio. A gornición española de Larache constaba de 1500 a 2000 soldados armados con 200 armas de fogo. É probable, como indica Cabeza Quiles, que algún destes soldados fora natural da parroquia de Torás (ou doutras freguesías que conforman o municipio larachés) e que ao vir de África bautizara unha zona do que hoxe é a capital municipal co nome da cidade que viña de defender.

   Sexa como fora, o caso é que Larache sería atacada novamente, mais desta volta pola mariña francesa, que bombardeou a cidade en xuño de 1765 con 16 buques de guerra. Con todo, permaneceu baixo control marroquí durante moito tempo, ata que os españois a ocuparon outra vez a principios do século XX.

   Tralo Tratado de Fez de 1912, as zonas norte e sur de Marrocos foron adxudicadas a España como protectorado, mentres que a zona central foi adxudicada a Francia tamén como protectorado. O comezo do mesmo foino tamén da resistencia das poboacións rifeñas contra os españois, desencadeando un conflicto que se alargaría durante anos.

  O asentamento dos militares e civís españois en Larache supuxo a construción de instalacións, infraestruturas e vivendas para os novos residentes. En 1913 o protectorado dividiuse militarmente en tres Comandancias Xenerales situadas en Ceuta, Melilla e Larache, dependendo para asuntos de política xeral do Alto Comisario de Marrocos e do Ministerio da Guerra.

Obsérvese Larache, á esquerda deste mapa do protectorado español en Marrocos

   En 1921, as tropas españolas ían sufrir un grave desastre en Annual (entre 7.000 e 11.000 soldados mortos), amén dunha rebelión acaudillada polo líder rifeño Abd el-Krim. Os españois retiráronse a unhas cantas posicións fortificadas ao tempo que El-Krim creaba un Estado independente que chegaría a funcionar como tal, máis alá dos papeis: a República do Rif.

   Precisamente dese ano de 1921, datan os artigos que compartimos deseguido onde se da fe da doazón de madeiras dos montes da Laracha (e doutros municipios da bisbarra) destinadas á mellor instalación e resgardo dos soldados españois en lugares de África como Larache. 

La Voz de Galicia, 9 de decembro de 1921, páx. 2

La Voz de Galicia, 11 de decembro de 1921, páx 3

  Madeira da Laracha en Larache... historia ben curiosa, abofé, desas que tanto lle gustaban ao cineasta Luís García Berlanga. Se soubera dela no seu momento ¿quen sabe? se cadra ata se atravía a levala á gran pantalla converténdoa noutra das súas exitosas longametraxes. Soñar non ten cancelas!

  O desenvolvemento da Guerra do Rif, tamén chamada a segunda guerra de Marrocos, e o seu fin coincidiron coa ditadura do xeneral Primo de Rivera en España, que se ocupou da campaña de 1924 a 1927. Ademais, tras a batalla de Uarga (1925), os franceses interviron de cheo no conflito e estableceron unha colaboración con España que culminou cun desembarco en Alhucemas.

  Cara 1926 a zona ía ser pacificada, rendíndose Abd-el-Krim en xullo de 1927 e obtendo o exército español a reconquista do territorio anteriormente perdido. 

Postal antiga de Larache

  En 1943 renomeouse o Tercio con base en Krimda, ao norte de Larache, como Tercio Don Juan de Austria, que anos despois sería trasladado a El Aaiún no Sahara español.

  A Comandancia Xeneral de Larache desapareceu en 1956 coa independencia de Marrocos. Dende aquel entón a cidade íase converter en parte do territorio marroquí e continuou desenvolvéndose como un importante centro comercial e turístico desta parte do planeta… unha cidade que como dixo Fernando Cabeza Quiles puido dar orixe ao topónimo A Laracha.

Postal antiga de Larache

FONTES:

ANDRADE FIGUEIRAS, JOSÉ ANTONIO/CABEZA QUILES, FERNANDO/ DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO/ FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X./ GARCÍA LOSADA, ANTÓN/ GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño. Instituto de Estudos Bergantiñáns.

GARCÍA, RODRI (2020): “Confinados en el Gurugú”, La Voz de Galicia, 25 de abril.

________________

1 Vid. ANDRADE FIGUEIRAS, JOSÉ ANTONIO/CABEZA QUILES, FERNANDO/ DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO/ FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X./ GARCÍA LOSADA, ANTÓN/ GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño. Instituto de Estudos Bergantiñáns, páx. 16.


 

O CASTIÑEIRO DA MENTIRA

   Hai anos, entre os lugares da Avieira e O Toural, nos lindes das parroquias de Coiro e de Soandres, para máis sinais xusto en fronte do río Anllóns ao seu paso pola estrada que conduce a Erboedo, había un lugar ao que lle chamaban dende tempos inmemoriais O Castiñeiro da Mentira, topónimo ben curioso que xa leva certo tempo en desuso.

Á dereita da imaxe, era onde estaba o Castiñeiro da Mentira

   Seica alí, ao carón do castiñeiro que daba nome a ese lugar, as néboas mesturábanse cos vapores do Anllóns ofrecendo un espectáculo case que fantasmal no que fluía a imaxinación dos mozos, especialmente ao viren dos bailes que se facían na bisbarra. Baixo a luz da lúa e ao abrigo do castiñeiro, aquela mocidade de antano contaba as súas aventuras e os seus contos. Uns eran verdade e outros… mentira!

    Ese punto tamén era unha das paradas do Quintela, o autobús que conducía Manolo Peña (o pai da escritora Julia Peña) e que facía percorrido dende os Muíños de Coiro ata a Coruña, pasando por Soandres, Celas e Alvedro. Polo que recorda a veciña de Erboedo Carmiña Mallo, “mentres agardabamos polo Quintela, na parada a xente contaba os seus contos. Uns eran verdade e outros... mentira. Supoño que de aí viría o nome do Castiñeiro da Mentira”.

La Voz de Galicia, 11 de agosto de 1979

   Como zona de troitas que é, quen sabe? Se cadra algún pescador tamén esaxerou os quilos das súas capturas ou mesmo contou, ao carón do castiñeiro e despois de tomar un 'tóspiro' na de Fina, a muller que montara en Coiro o bar Raio de Sol, que vira á fada Caesg, unha serea que segundo a lenda escocesa posúe medio corpo de troita.

   Desgraciadamente esta lendaria árbore xa só se conserva na memoria colectiva. Preguntade na casa, por favor, aos vosos pais e avós se recordan algún conto sobre o Castiñeiro da Mentira. A ver que vos contan!


Ningún comentario:

Publicar un comentario