A
fotografía percorreu un longo camiño na súa relativamente curta
historia. En case
200 anos,
a cámara pasou
de ser unha
simple caixa
que tomaba fotos borrosas ás
mini computadoras de alta tecnoloxía
que se encontran
nas DSLR e nos
teléfonos intelixentes
da actualidade.
A
historia da fotografía é
fascinante, abofé.
Por riba, e
xa varrendo
para a casa, o feito de que unha das primeiras fotógrafas de Galicia
nacera na Laracha dálle
o seu aquel e
aínda a
converte
máis engaiolante.
Convén
recordar que a primeira fotógrafa de estudio de toda a xeografía
galega foi María Cardarelly, autora dos primeiros retratos coñecidos
de Rosalía de Castro, que
realizou a súa actividade na rúa do Horreo de Compostela en 1854. A
seguinte da que se ten coñecemento foi Antonia Santos, que tomou
as primeiras fotos na zona
de Mondoñedo na década de 1870.
Precisamente
nesa época, o 10 de outubro de 1875, nacía en Vilaño, no seu dunha
familia acomodada, Corona
María Josefa Jesusa Higinia González Santos,
que era
filla de Faustino González
Cobas, natural do municipio
pontevedrés de Cotobade e
médico da Laracha naquela altura,
e de Jesusa Santos Cervela, natural da
cidade de Ourense.
|
Corona González Santos (Foto Napoleón, Barcelona)
|
Faustino
e Jesusa xa eran pais de
dous cativos,
Carlos e Elodia, antes de que Corona
nacera en Vilaño, onde se
instalaron certo tempo despois da publicación no
Boletín Oficial da Provincia do
21 de xullo de 1871 deste
edicto no que se informa
que... “Se
acordó prevenir al alcalde de Laracha que instruya expediente para
proveer tambien en propiedad el cargo de Médico titular vacante por
renuncia de Don Roberto Fernández”.
Non
podemos determinar
con exactitude
o tempo que Faustino González estivo de médico na
Laracha, mais de seguro
que os seus fillos maiores botaron algunha que
outra carreira polo
castro de Montes Claros de
Vilaño antes de que a
familia se trasladara a Mos,
onde a
prole dos González Santos
ía aumentar con
cinco fillas máis: Josefa, Esther, Aurora, Acacia e Etelgiva.
En
Mos, onde
Faustino exercía de médico local, Corona
recibe
a
formación escolar estipulada na sociedade da época para as
mulleres, que non contemplaba para elas a posibilidade de seguir as
ensinanzas universitarias. Andando
no tempo,
a
nosa protagonista
coñece a
Ramón González Fernández, un
rico empresario de Ribadeo que fixera fortuna en América.
|
Retrato
familiar realizado na galería de Vilar do Adro na década de 1910. Na
foto figuran o pai don Faustino González, a nai dona Jesusa Santos, dúas
irmás de Corona e a propia fotógrafa, sentada en primeiro plano á
esquerda (Museo de Pontevedra)
|
Ramón
nacera en
Porcillán en 1856 e,
tras estudar Náutica e
Comercio, emigra
de mozo a
Rosario (Arxentina),
onde
gaña a vida como empregado dunha tenda. Tras facerse
socio da firma Mendeto
y Cía,
quédase
coa empresa
e
amasa unha gran
fortuna. En 1899 tiña
os recursos suficientes para poder regresar e
vivir cómodamente. Cando se instalou
en Galicia, abriu
sucursais
en Santiago e
Vigo do
“Banco Español del Río de la Plata” do
que fora
conselleiro
delegado en Rosario. E
nunha viaxe que fixo
a Porriño para ver a un amigo arxentino,
coñeceu
a Corona.
O
22 de setembro de 1900, a
larachesa de nacemento e
Ramón contraen
matrimonio na Capela
das Angustias
en
Santa María de Sanguiñeda, parroquia do concello de Mos. El
tiña 44 anos e ela 22. Un
dos lugares que visitaron na súa lúa de mel foi a gran Exposición
Universal
que
nesas datas se celebraba
en París, onde
ía agromar en Corona González
o seu interese pola fotografía. De feito foi na capital francesa
onde comprou a súa primeira cámara:
unha
Gaumont
modelo
Block-System “Carrée”, con caixa de madeira de caoba.
O
matrimonio
fixa a súa residencia nunha finca coñecida como Vila
do Adro,
situada na raia divisoria entre os concellos de Mos e Porriño, na
estrada que une Porriño e Redondela, aínda
que tamén residen por tempadas en Ribadeo, na vila de nacemento de
Ramón, onde traban
amizade con Benito Prieto Ferrero, fotógrafo establecido na
localidade, con estudio propio, “Foto Prieto”, e con
establecementos abertos en Navia, Vegadeo e Luarca.
|
Corona González Santos e Ramón González (Foto Napoleón, Barcelona)
|
Aínda
que non se dispoñen de datos sobre a adquisición de formación
fotográfica da
nosa protagonista, Fernanda
Padín Ogando, autora
dunha extraordinaria biografía sobre
a
larachesa (https://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972/), apunta que todo
parece indicar que foi fundamentalmente autodidacta e que tiña os
seus alicerces, na atracción e agrado que, segundo fontes
familiares, mostraba polas actividades de tipo creativo e
polo moite interese non
só en fotografar, senón tamén en positivar os negativos.
Neste
proceso de coñecemento, seguramente resultaron
de moito apoio a relación de amizade mantida con Benito Prieto, o
fotografo de Ribadeo, e con Pedro Cima, fotógrafo residente en Bos
Aires, a quen Ramón
e Corona sempre visitaban
nas súas viaxes á Arxentina.
A
obra fotográfica da
nosa protagonista, que
imaxinamos visitaría A Laracha nalgún momento da súa vida para
amosarlle a Ramón o seu lugar de nacemento,
asómase
tanto ao interior da súa vida cotiá como ao universo exterior da
súa contorna e as súas viaxes. Entre as fotografías de ámbito
familiar e privado, cabe destacar a variedade de tomas que realizou,
sempre utilizando a luz natural, tanto en interiores como en
exteriores. Empregaba a galería da súa casa como estudio
fotográfico, deixando testemuño da vida familiar e da oportunidade
que as visitas de amigos da familia lles proporcionaban para o
exercicio da súa artística vocación. No exterior, as paredes da
casa, bancos, veladores e plantas do seu xardín, conformaban o
escenario ornamentado de fondo para a realización de retratos
individuais ou en grupo dos seus familiares e amigos. Para
os retratos individuais ou en parellas, habitualmente femininos,
gostaba de non repetir a composición, situando as persoas sentadas
ou erguidas, ben na galería da casa, aproveitando a luz que se
filtraba a través dos cristais, ben no xardín, onde previamente
semella que preparaba as diferentes escenografías.
En
xaneiro de 1914 Corona publica na
revista “Vida Gallega” unha reportaxe fotográfica titulada “El
arte y la belleza” en relación cunha festa benéfica realizada no
Casino de
Porriño,
onde, baixo a dirección artística de D. José Palacios
representábase teatralmente “Canción de Cuna”, unha obra que se
estreara no Teatro Lara de Madrid en 1911, e que, debido ao seu
argumento, calou moi fondo entre as persoas afeccionadas ao teatro en
Galicia. Neste caso estaba interpretada por un elenco de actrices e
actores da distinguida xuventude de Porriño, entre as que se
atopaban familiares da propia Corona González.
|
Reportaxe gráfica na revista "Vida Gallega"
|
Ademais
de deixar pegada da actividade familiar e social na que se
desenvolvía a través das fotografías, Corona
contribuíu
co altruísmo do seu marido durante a súa vida en común.
En
Ribadeo, Ramón González foi
membro e
presidente en 1910 da sociedade
de socorros mutuos La
Concordia.
Subvencionou
clases e instrumentos musicais
do
Ateneo. Financiou
a construción do
Teatro e
as festas patronais
de 1925 e
deu
150.000 pesetas para comprar os terreos e
construir a Praza
de Abastos. A
súa labor filantrópica
íase
completar cun mecenado
de gran trascendencia social e
cultural, concedendo
becas a alumnos sen
recursos para que puidesen
estudar. Un deles
foi
Benito
Prieto Coussent -que co
andar do tempo
sería un dos máis
grandes pintores españois
contemporáneos- ao
que, nos
seus inicios,
axudou,
protexeu
e comprou
varios cadros. En xusto
recoñecemento
dos
seus
méritos, os ribadenses deron o
seu nome a unha rúa e o nomeárono Fillo
Predilecto en 1922.
No
Porriño, o
matrimonio tamén ía
exercer
unha
importante labor benéfica, social e
cultural. Financiaron o
templo parroquial, aportaron 40.000 pesetas para abastecer de fariñas
ao
pobo,
axudaron
a viúvas
e
orfos
do
mar, sufragaron a construción do
campo de fútbol e
contribuiron
con grandes sumas de
diñeiro
a remediar as calamidades da gripe de 1918. A
súa obra
filantrópica máis
recordada foi
a construción do
Consistorio porriñés que encargaron en 1921 ao
famoso arquitecto galego Antonio Palacios autor, entre outros
emblemáticos edificios, do
Concello
de Madrid ou
do
Banco Español del Río de la Plata -hoxe
Instituto Cervantes-, ambos na
madrileña
Praza
da Cibeles.
Non
era doado achegarse ao traballo fotográfico como afección nesa
época, e en maior medida se ademais eras muller. A súa práctica
chegaba a constituír un auténtico privilexio. Como a maior parte
das fotógrafas non profesionais da época, Corona González Santos,
atopaba os contidos a fotografar no seu entorno, estando pendente do
que sucedía ao seu redor. A
súa
produción fotográfica tiña
un marcado carácter costumista, como
así o confirman as 127 fotografías que
o seu sobriño José Ramón Fontán González
deixou
en custodia do Museo de Pontevedra. Tendo en conta esta colección de
imaxes, pódese deducir que a
larachesa
practicou a fotografía durante vinte e cinco anos, período
coincidente entre o ano que mercou a cámara en 1900 e o ano da morte
do seu marido, acontecida
en 1925 aos
69 anos de idade.
Un
ano despois do pasamento de Ramón, a corporación de Ribadeo nomeaba
a Corona “Filla adoptiva” como
proba de afecto e gratitude pola súa valiosa e eficaz colaboración
nas altruístas actuacións levadas a cabo xunto
ao seu finado
marido.
A
nosa
protagonista
non ía abandonar
a actividade altruísta e
entre as
súas novas contribucións cabe destacar, no ano 1929, a consistente
na doazón de terreos, para a construción da nova igrexa para a
“Orde Franciscana Terciaria” en Ribadeo, á que a mesma Corona
pertencía e que se rematou de edificar o 17 de xuño de 1931. Neste
templo, Corona mandaría erguer un mausoleo de estilo Art
Decó,
a fin de que servira como última morada dos restos do seu marido, e
onde ela mesma, á súa morte, sería soterrada anos máis tarde.
|
Autoretrato (Museo de Pontevedra)
|
Corona
ía
por diante do
seu
tempo. Á
parte da fotografía, practicaba a escultura en barro e cemento e
tamén escribía. O
seu carácter
e
personalidade
póñense
de
manifesto nos traballos
que publicou
en A
Nosa Terra
nos anos
vinte do
pasado século,
artigos
nos que se mostra
como precursora do
feminismo. Nas
súas publicacións, asinadas
desde lugares como París, Londres ou
Río de Janeiro, predominan dous
temas: a emigración e
a morriña de Galicia e
a necesidade
de educar ás
mulleres.
Nun
momento
no
que estas non
abundaban en ningún ámbito profesional e
tiñan
escasa visibilidade
social, Corona González defendía que se debía obrigar
aos pais
a dar instrucción aos
seus fillos
e
que
a falta de educación era a causa da marxinalidade
de moitos
galegos, sobre todo mulleres,
na emigración. Nun
artigo titulado
«Pros pais
que teñen fillas», publicado en A
Nosa Terra o
1 de
abril
de 1927,
Corona González escribe: «É necesario enseñar ás mulleres a
traballar para ser independentes e facerlles comprender que non é
necesario o casamento, nen ser monxa, para ser feliz neste mundo. Só
poden adquirir a súa independencia por medio do traballo, e o día
en que as nosas mulleres podan gañar a vida sin precisar de ninguén,
terán independencia de carácter e poderán casarse, ou non, sin ter
medo a quedar solteiras pois non precisan de ninguén que as
manteña».
No
comezo dá guerra civil, aos 61 anos, Corona incorporouse á Cruz
Vermella
exercendo como enfermeira auxiliar no “Hospital Militar de
Evacuación de Bella Vista”. Durante os seguintes anos, continuou a
súa colaboración en diferentes ámbitos de cooperación. En 1948, o
concello de Ribadeo volveu a homenaxeala, en agradecemento ás
contribucións pecuniarias que fixeran posible as necesarias obras
executadas nas instalacións do Hospital Municipal. A corporación,
en sesión ordinaria celebrada o 22 de maio, acordou se lle dera o
nome do seu defunto marido, á sala de homes do piso segundo do
devandito
establecemento; ademais, da colocación nun lugar destacado do mesmo
edificio, dunha lápida de mármore, onde se fixera constar a
gratitude que o Concello e pobo amosaba
a tan ilustre benfeitora.
Corona
González Santos faleceu aos 96 anos, o 11 de maio de 1972, en Vigo,
sendo soterrada o día 12 no cemiterio de Pereiró. As súas cinzas
serían trasladadas anos máis tarde, o seis de maio de 1983, ao
panteón que ela mesma mandara construír na Igrexa
da Orde Franciscana Terciaria,
en Ribadeo, onde como se dixo antes, repousaban os restos do seu
marido.
FONTES:
Barás,
Milagros (2018): Candida Otero, la primera fotógrafa de
Pontevedra, Diario de
Pontevedra, 5 de agosto. https://www.diariodepontevedra.es/blog/milagros-bara/candida-otero-primera-fotografa-pontevedra/20180805195651994361.html
Fernández,
Martín (2018): Corona González y Ramón González, los
grandes mecenas de Ribadeo y O Porriño,
La Voz de Galicia, 18 de
febreiro.https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2018/02/18/corona-gonzalez-ramon-gonzalez-grandes-mecenas-ribadeo-porrino/0003_201802X18C6991.htm
Padín
Ogando, Fernanda (2018): Corona González Santos (1875-1972),https://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972/
_____________