mércores, 1 de xuño de 2022

O PASADO BALEEIRO DE CAIÓN (3ª PARTE)

 Sen dúbida algunha, o oficio de arpoeiro era o máis destacado entre todos os mareantes, seguido do goberno da embarcación, posto que normalmente ocupaban os tripulantes máis vellos e experimentados. Segundo Valdés Hansen, os dos arpoeiros máis importantes de Caión foron os primeiros que houbo nesta vila larachesa: Jácome Vidal e Bartolomé Fernández, cada un ao mando das dúas lanchas coa que contaban alí para a matanza de baleas. Eles eran os encargados de representar aos demais mareantes cando había que resolver asuntos que afectaban a todos, como o arrendamento do porto. 

Litografía Perigos da caza da balea de Francis Allyn Olmsted (1841), na que se ve como se afunde unha chalupa

    O armador Jácome Vidal falece en 1617, sucedéndolle o seu fillo de igual nome no negocio que, no mes de marzo dese ano reclamou ao resto de mareantes a graxa e as barbas que lle correspondían a seu pai naquela costeira. Andando no tempo Jácome Vidal “o Mozo”, alcume que perdería ao morrer seu pai, íase converter nun dos arpoeiros e mercadores máis destacados de Bergantiños, xunto a Rodrigo Suárez do porto de Malpica.

   O primoxénito de Jácome Vidal “o Mozo” foi Felipe Vidal. O fillo de Bartolomé Fernández, de igual nome, tamén foi arpoeiro e neste caso dáse a particularidade que exerceu o oficio sen retirarse ou falecer seu pai. Descendentes e parentes dos Vidal e dos Fernández continuaron coa actividade ata que na segunda metade do século XVII a sobrepesca irá mermando a especie e descenden drasticamente as capturas. A balea cazada no mes de novembro de 1700 foi a derradeira á que se lle deu morte no porto de Caión.

 

Panorámica actual da vila de Caión

   A partir da segunda metade do século XVII, a caza dos grandes mamíferos oceánicos nas augas galegas decaería notablemente e esfumaríase definitivamente no seguinte. Facendo alusión da ría de Pontevedra, onde as baleas entraban en procesión todos os invernos, o Padre Sarmiento escribía que... era constante su aparición todos los años en época fija, pero que por no haber harponeros ni disposición para esta pesca, nadie las ofendía6.

    Tal vez pola intensa persecución masiva de que foron obxecto, coas constantes batidas organizadas para a súa captura, ou tamén, como opinan algúns especialistas, por causa do quecemento das augas, que puido provocar unha mudanza da ruta emigrando cara a rexións glaciais, o certo é que as baleas fóronse afastando do noso litoral, e houbo unha considerable diminución delas.

   O negocio ía deixar de ser rendible, máis aínda cando en 1708 se autorizaban as importacións de graxa e saín procedentes de Terranova e que, comercializado por holandeses, británicos e vascos, inunda o mercado español. Xa no ano 1788, o xeógrafo, naturalista e humanista galego José Cornide Folgueira informaba que a captura das baleas estaba practicamente abandonada, e iso que aínda frecuentaban a costa galega. A caza artesanal dos grandes mamíferos coas rudimentarias embarcacións chegaba así ao seu final. Os valentes baleeiros bergantiñáns que eran admirados en medio mundo pola súa coraxe e valentía, empezarían a dedicarse fundamentalmente á pesca de sardiña, congro e pescada.

 

Recreación dunha chalupa da época baleeira (Museo do Mar de Caión)

   A actividade resucitaría xa en pleno século XX, creándose as factorías de Caneliñas (Cee), Punta Balea (Cangas) e Morás (Lugo), mais baixo unhas condicións radicalmente distintas, e extinguiríase definitivamente, sen pena nen gloria, nos anos oitenta como unha das peaxes que tivo que pagar España ao entrar na Unión Europea. A última captura dun barco baleeiro galego producíase no ano 1985, un navío que pertencía á IBSA, Industria Ballenera Española S.A., que chegou a ser propiedade do armador coruñés José Chas Rodríguez, quen pretendeu construír unha factoría baleeira en Razo. Posteriormente a devandita empresa pasou a mans dos Massó, que era a familia propietaria da IBSA cando foi liquidada en 1994. Este último barco baleeiro galego é hoxe un museo flotante en Noruega.

  A pegada galega da balea quedou reflectida en numerosos topónimos do país tan evidentes como Balea; Baleato; Cedeira, derivado de cetaria, lugar de grandes cetáceos; Balieiros; Balieiras ou As Baleas, punto do litoral arteixán da aldea do Rañal dende o cal podemos contemplar, nun día soleado, Caión e Malpica, vilas nas que aínda se conserva o topónimo Atalaia en clara alusión aos lugares dende os que os vixías enxergaban as baleas que pasaban preto da costa. Curiosamente, en toda a xeografía galega só o Concello da Laracha, homenaxeando a vila de Caión, ten no seu escudo heráldico, nunha decisión plenamente xustificada, unha balea. 

Escudo heráldico do Concello da Laracha

    Rematamos esta crónica cun convite ao Museo do Mar de Caión, que está situado no Arquivo Histórico da Confraría de Pescadores desta vila mariñeira (rúa Baixo da Confraría de pescadores. Praza Eduardo Vila Fano, nº 3) e que alberga unha exposición que percorre a historia de Caión a través da actividade pesqueira, desde a caza da balea no século XVI, ata a época dourada da pesca no século XX. Neste espazo móstranse documentos, obxectos, paneis explicativos e material audiovisual. Visita obrigada, abofé!

 

Museo do Mar da Confraría de Pescadores de Caión


FONTES:

AMADO CASDELO, MARCOS EMILIO (2017): Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, Señores de Montaos, Autoedición, Caión.

CARRÉ ALDAO, EUGENIO (1928): Geografía General del Reino de Galicia, Ediciones Gallegas, A Coruña, 1980.

HOYO, JERÓNIMO DEL (1950): Memorias del arzobispado de Santiago (1607), Santiago de Compostela.

MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2017): Contos mariños de Carballo, Concello de Carballo.

MOLINA, BARTOLOMÉ SAGRARIO DE (1550): Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, Mondoñedo.

QUIÑONES, FERNANDO (1968): Las crónicas de mar y tierra, Editorial Ciencia Nueva, Madrid.

VALDÉS HANSEN, FELIPE (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), Fundación Barrié, A Coruña.


_________________________

6 CARRÉ ALDAO, EUGENIO (1928): Geografía General del Reino de Galicia, Ediciones Gallegas, A Coruña, 1980, páx. 520.

Ningún comentario:

Publicar un comentario