AS CASAS DOS LEGOEIROS DE FOFELLE E PROAME
(1ª PARTE)
A figura do legoeiro ou peón camiñeiro fora creada en España en 1759, durante o reinado de Fernando VI, para cuidar, a pé de camiño, a rede de estradas do Estado. A raíz dunha Real Orde de 1852, empezaríanse a construir as chamadas "casillas", uns pequenos edificios que tiñan pozo e, nalgúns casos, un pequeno horto que estos operarios utilizaban como vivenda e como lugar para gardar as ferramentas de traballo.
O cometido destos peóns, que nos primeiros tempos cobraban uns cinco reais diarios e vestían traxe de pana e gorro de prato, era o arranxo, limpeza e coidado das vías nun treito determinado: unha legua, equivalente a 5.572 metros, de aí que en toda a xeografía galega se chamaran popularmente legoeiros.
![]() |
Panorámica actual da casilla dos legoeiros de Fofelle |
Segundo a Real Orde promulgada en Madrid o 30 de decembro de 1909, todo aquel home que quixera entrar no corpo de legoeiros para ter en propiedade unha praza de peón, tiña que saber ler, escribir e contar; estar licenciado do exército; ter un mínimo de vinte anos e un máximo de trinta e cinco; non ter impedimento algún persoal para o traballo; e acreditar boa conduta coa oportuna certificación do xefe ao que servira con anterioridade ou, en todo caso, do alcalde da súa vila de residencia. A devandita Real Orde tamén estipulaba que entre 15 e 30 quilómetros de estrada habería un xefe ou peón capataz formando unha sección. Os peóns de treitos consecutivos configuraban unha cuadrilla e debían vixiar se había posibles sospeitosos, delincuentes e, de ser así, trasladalos ao centro de postas1 máis próximo.
Durante moitas décadas os legoeiros serían esenciais para as comunicacións. Todos os días, desde o amencer ata o solpor, percorrían a súa legua correspondente coas súas ferramentas ao lombo para comprobar que as vías estaban nas mellores condicións posibles que permitían os medios da época. Limpaban e desbrozaban as gabias para que non se acumulara a auga ou, entre outras tarefas, arranxaban os furados que a choiva e o tránsito formaban na calzada parcheándoos con area, grava e unha mestura de auga con betume coa que conseguían unha masa semellante ao cimento.
No século XX, a medida que se ía incrementando o tráfico rodado, o número de peóns e de capataces tamén aumentaría. No que ao municipio da Laracha se refire, os legoeiros encargados do mantemento da estrada A Coruña-Fisterra tiñan "casilla" en Fofelle (parroquia de Lestón) e en Proame (parroquia de Lemaio), edificacións que aínda se manteñen en pé e das que falaremos nas vindeiras semanas.
![]() |
Panorámica actual da casilla dos legoeiros de Proame |
(CONTINUARÁ...)
_____________________
1 As casas de postas eran lugares de parada situados nas estras e camiños, onde antigamente se efectuaba o cambio das dilixencias, correo, etc.
AS CASAS DOS LEGOEIROS DE FOFELLE E PROAME
(2ª PARTE)
Grazas a amabilidade coa que nos atendeu Miguel Vázquez, neto do legoeiro José Cambón Vitureira, hai unhas semanas tivemos a oportunidade de entrar na casilla de Fofelle, que xa leva varias décadas abandonada. Ao entrar comprobamos que o edificio fora construido para que habitaran nel dúas familias, e vemos un pasillo con tres portas. Unha delas está ao fondo; dá a un terreo que os legoeiros utilizaban como horta, onde hai un pozo e un alpendre no que gardaban as ferramentas de traballo. Ese pendello tamén se utilizaba como galiñeiro e corte dos porcos. As outras dúas portas, unha á dereita e outra á esquerda do pasillo, abren as respectivas vivendas que ofrecen simétrica división con dous cuartos cada unha e unha cociña con lareira ao fondo.
![]() |
Imaxe da casilla dos legoeiros de Fofelle nos anos 70 (Cortesía de Miguel Vázquez) |
Estas casillas dos legoeiros tamén se utilizaron no seu momento como colexios electorais, como foi o caso da de Fofelle que, polo que poidemos comprobar no Boletín Oficial da Provincia, desempeñou este papel durante os primeiros anos do século pasado:
Certifico: que la Junta municipal de este término, en sesión del día de hoy, acordó designar los locales en donde han de constituirse las Mesas electorales para el próximo año de 1910, en la forma siguiente:
Primer distrito.= Sección 1ª.= Casa-escuela de Dª. María Gómez, sita en Laracha.
Sección 2ª.= Casa de D. Ramón Varela García, sita en el lugar de Bragunde, de la parroquia de Lendo.
Sección 3ª.= Casa del peón caminero, sita en el lugar de Fofelle, de la parroquia de Lestón (…)1
Polo que nos contou Miguel Vázquez, seus avós maternos, José Cambón Vitureira (Vilaño, 1904) e Manuela Marta Ramos (Cabovilaño, 1909), casaron en xaneiro de 1932 e xa foron pais de Esther, a nai de Miguel, nese mesmo ano. “Meu avó estudara nos xesuítas da Coruña; se cadra puido vir por aí a posibilidade de traballar como legoeiro. Miña avoa era dos Marta de Cardois. Era filla de Xosé Marta, que foi concelleiro da Laracha durante a II República. Emigrou de moi mociña ao Uruguai. Fora con súa nai e estiveran servindo na casa duns cuáqueros2 de Montevideo. Nunha ocasión, na que viñeran pasar unhas vacacións, coñeceu a meu avó e xa casaron ao pouco. Ao desposaren, viviron de alugueiro nunha casa de San Román, que foi onde naceu miña nai en 1932. Cando mamá tiña 6 ou 7 anos, deixaron San Román e viñeron para a casilla de Fofelle, polo que eu calculo que meu avó empezou a traballar como peón camiñeiro ao acabar a Guerra Civil. Descoñezo quen era o legoeiro que había antes alí”.
![]() |
Imaxe do legoeiro José Cambón Vitureira (Cortesía do seu neto Miguel Vázquez) |
Na casilla de Fofelle, Manuela Marta e o legoeiro José Cambón, que era irmán de Ramón e Manolo, panadeiros coñecidos como os de 'Paxín', ían ser pais de Susa, Carlos e Carme, os outros tres fillos do matrimonio.
É certo que os legoeiros tiñan o grao máis baixo na cualificación profesional do mundo das infraestructuras viarias, mais abofé que tiveron unha vida peculiar. De feito, como conta Xan Fraga nas súas Crónicas de Carballo3, ata o artista galego Carlos O Xestal rendíralles unha pequena homenaxe ao realizar unha gravación en 1962 (Ep. Hispavox) titulada "Música y cuentos gallegos", onde ten un tema titulado "O peón camiñeiro".
José Cambón era o legoeiro encargado de arranxar o treito que vai dende Fofelle ata Proame, ata a casilla na que residía Manuel López Mesejo, de quen falaremos a vindeira semana. Segundo o seu neto Miguel, José foi o primeiro veciño da zona que tivo un aparato de radio. “Polo que me ten contado miña nai, a xente ía á casa dos avós a escoitar na cociña, ao carón do lume da lareira, as noticias e programas de música como 'Desfile de Estrellas', un concurso que emitía Radio Nacional.”
Cambón, o derradeiro legoeiro de Fofelle, finou en decembro de 1964 aos 60 anos de idade. A súa viúva e os seus fillos ían seguir residindo na casilla ata que a emigración, ou a crueldade do destino, se cruzaron no seu camiño. Susa fixo a maleta rumbo a Alemaña, país no que coñeceu a Werner Harmann, un mozo teutón co que creou a súa propia familia. Esther casou co peisaqués Julio Vázquez e, ao pouco de nacer o seu fillo Miguel (que veu ao mundo na casilla de Fofelle), emigraron primeiramente a País de Gales e despois a Londres, cidade na que botaron varias décadas antes de retornar e establecer o seu domicilio en Paiosaco. Carmen, a máis nova dos catro fillos do legoeiro e de Manuela Marta, morreu vítima dun accidente de tráfico cando era unha moza. “A miña tía atropelouna un coche cando ía para unha horta que tiñamos ao outro lado da estrada, entre a casilla e a casa do Zapateiro, que está antes da pista que baixa para a igrexa de Lestón. Carme tería 21 anos. Eu era moi pequeno e apenas me acordo dela”, lembraba Miguel.
![]() |
Carlos e Susa na casilla de Fofelle (Cortesía de Miguel Vázquez) |
O destino quixo que Carlos falecera nos anos oitenta do mesmo xeito que súa irmá Carme. O pobre xa sufrira un atropelo en 1971, accidente do que se facía eco La Voz de Galicia por aqueles días:
HERIDO AL SER ALCANZADO POR UNA FURGONETA
A las once y media de la mañana de ayer, en el lugar de Laracha, una furgoneta «D.K.W.» matrícula LU-14.154, conducida por Mario García Riveira, vecino de Lugo, atropelló a José Carlos Cambón Marta, de 33 años4.
Carlos era un dos barbeiros laracheses da época. Aínda hai quen o recorda cortando o pelo na casilla de Fofelle. Seica a súa clientela era, principalmente, das parroquias de Lestón e de Torás, clientes aos que lles cobraba 25 pesetas polo corte. O seu sobriño Miguel contounos que morreu en 1984 cando tiña 47 anos. “Atropelouno un coche onde estaba a granxa de Corzo, en Larín, cerca da Parrillada Cabanas. Ingresou no hospital e botou varias semanas moi grave ata que finalmente morreu alí. Non me acordo do tempo exacto que estivo ingresado, pero foron varias semanas. Eu viñera ao seu enterro dende Londres”.
A casilla de Fofelle continuo con vida ata finais de 1989, que foi cando faleceu, aos 80 anos de idade, a señora Manuela Marta Ramos, a viúva do legoeiro José Cambón Vitureira.
![]() |
A señora Manuela coas súas fillas Esther-no centro- e Susa na lareira da casilla de Fofelle (Cortesía de Miguel Vázquez) |
Teño que confesar que cando vexo unha casilla, deixome levar pola imaxinación e penso que algún día escribirei un conto sobre un deses antigos legoeiros como personaxe principal. Trataría dun peón que, na súa zona de traballo, gozaba de ilimitado prestixio porque o saudaban coa man, ao pasar, todos os condutores dos coches de liña. Ou mesmo porque un enxeñeiro lle confiaba as misións máis difíciles, distinguíndoo co seu particular afecto, segundo pregoaba incansablemente o legoeiro. Nun dos capítulos faríao entrar altivamente na taberna da aldea, lucindo nos galóns vermellos da súa viseira -coma se fose un sol cegante- esa chispiña de autoridade que lle concedían os poderes públicos. E ata pode ser -todo dependerá do meu humor do momento- que o una en matrimonial enlace con algunha alta dama, que o legoeiro salvara en calquera sinistro acontecido no hectómetro sete do quilómetro cincuenta e cinco.
Quen sabe? Se cadra algún día escribo ese conto. Polo de agora quedades citados para a vindeira semana na que falaremos, nestas Crónicas da Laracha, dos legoeiros de Proame.
(CONTINUARÁ...)
1 Boletín Oficial da Provincia, 7 de decembro de 1909, páx. 6.
2 Os cuáqueros son membros dunha seita protestante fundada en Inglaterra no século XVII por George Fox, que se caracteriza polo gran rigor moral, o rexeitamento dos sacramentos e a xerarquía eclesiástica.
3 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (2012): Crónicas de Carballo IV, A.C. Lumieira, Carballo, páx. 100.
4 Vid. La Voz de Galicia, 15 de agosto de 1971, páx. 4.
AS CASAS DOS LEGOEIROS DE FOFELLE E PROAME
(3ª
PARTE )
Chegamos ao final deste paseo polos tempos dos legoeiros da Laracha falando da casilla de Proame, na cal estivemos, grazas ás xestións realizadas por Marisa Lema, o pasado 21 de outubro coa señora Manuela Míguez Castro (Sofán, Carballo, 1931), viúva de Manuel López Mesejo, o último legoeiro de Proame.
![]() |
Manuel López Mesejo, en Proame, co seu traxe de legoeiro (Cortesía da familia) |
Polo que nos contou a señora Manuela, que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu domicilio, “a casilla estaba preparada, ao igual que todas as demais, para que viviran nela dúas familias, pero aquí soamente estabamos nós. O meu home e os seus irmáns naceron todos aquí e como el era o máis vello, quedou no sitio do pai, que tamén fora legoeiro”.
O proxenitor de Manuel, Manuel López Blanco, legoeiro de Proame antes da Guerra Civil e durante os primeiros anos da posguerra, casara con Filomena Mesejo García, que era natural do lugar do Regado, na parroquia de Cabovilaño. O matrimonio ía establecer o seu domicilio na casilla de Proame, que foi onde viñeron ao mundo os seus sete fillos. O maior, Manuel, o defunto marido da señora Manuela, nace o 4 de maio de 1928 e empeza a traballar como legoeiro de moi novo. “Cando lle tocou facer o servizo militar quedou seu irmán Che ocupando o seu sitio. Tamén tiña un tío por parte da nai, Luciano Mesejo García, que traballaba como legoeiro pola zona de San Román. Debía estar con Cambón, que era o legoeiro encargado de facer o treito dende Fofelle ata Proame. Cando Manolo quedou libre de quintas recuperou o seu posto. Casamos e aquí naceron os nosos tres fillos, Lola, Carmiña e Lolo”, recordaba a señora Manuela.
![]() |
Filomena Mesejo García e Manuel López Blanco coa súa filla Herminia (Cortesía da familia) |
Manuel López Mesejo era o encargado de arranxar a vía ata Carballo, precisamente ata o barrio coñecido actualmente como “A Casilla”, denominado así por ser este o lugar no que estaba a casilla de Balsa. “Alí vive Carmen, que é sobriña de Balsa. Manolo ténme contado moitas veces que, na ponte que hai cerca da casilla de Carballo, había unha placa co ano da construcción das casillas de alí e desta de Proame. Manolo tamén traballaba noutras carreteras xa que era un dos que andaba co alquitrán. Levantábase ás 6 da mañán para preparalo e quentalo. Ás veces tiña que traballar dende A Coruña ata Carballo”.
A casilla de Proame foi sempre un lugar de moita vida. Era o sitio onde moitas veces xantaban os operarios dos aserradoiros de Mariñán, do que aínda se poden ver as ruínas ao carón do domicilio dos legoeiros de Proame, e do aserradoiro de Regueira, que estaba en fronte do de Mariñán. Seica cando os empregados destos aserradoiros vían pasar ás pescas de Malpica, berrábanlle á muller do legoeiro dende o alto dos castelos das táboas:
-Manuela, colle unha ducia de xurelos e cómpralle un molete a Paxín!
Dito e feito. Manuela asaba os xurelos ou as sardiñas na lareira da casa e collíalle o pan aos Paxín, panadeiros da Laracha que eran irmáns de Cambón, o legoeiro de Fofelle.
Pola tarde, despois do traballo, os obreiros destos aserradoiros botaban a partida na casilla. Naquela altura non había tabernas na zona. “Xogaban a garrafeta (unha botella de viño de 2 litros). Uns xogaban na artesa e outros na mesa redonda que teño aí no pasillo. Saían ás presas dos aserradoiros para coller esta mesa redonda… claro, estaban máis cómodos porque podían apoiar os pés nela; na artesa tiñan que xogar de lado”, contou a señora Manuela.
![]() |
A casilla de Proame na actualidade |
Outro dos recordos que conserva a memoria desta muller é de cando a xente de Proame e doutros lugares da parroquia de Lemaio escoitaban a radio na súa casa. “A xente viña aquí a escoitar o programa 'Desfile de Estrellas', no que cantara Celsa Bolón, unha moza de Carballo que creo que ganara un ano ese concurso. A radio comprámola con algúns cartos que mandou de Montevideo meu cuñado Che e, arrimados aos que puxemos nós, poidemola comprar. Aquí viñan todos os veciños. Esta sempre foi unha casa de xente. Esa radio aínda a ten meu fillo Lolo no seu piso de Carballo.”
Andando no tempo, despois da morte de Franco e coa chegada da democracia, a casilla de Proame foi o lugar ao que acudiu a votar a veciñanza de Lemaio, unha xente que exerceu o seu dereito a voto no lugar no que hoxe a señora Manuela ten o salón da súa casa. Así aparecía o lugar da votación nos medios da época:
DISTRITO UNICO-SECCION SEXTA
Comprende la parroquia de Lemayo
Local electoral: Casa de Peones Camineros de Proame1.
Xan Fraga conta nas súas Crónicas de Carballo que cando xa non "pateaban" os correspondentes 5.572 metros de estrada, o que coñecían como "cacho", e sobre o que, cada un, tiña responsabilidade e vixianza, os legoeiros pasarían de depender das Deputacións provinciais a ser adscritos ao Ministerio de Fomento, logo a Obras Públicas (MOPU), e posteriormente as súas competencias foron transferidas á Xunta e á consellaría correspondente. No 2001 aínda houbo unha convocatoria para "categoría 31 (peón camiñeiro) do grupo IV de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia."
No caso de Manuel López Mesejo traballou certo tempo con Luciano Esmorís, o constructor do Regado antes da súa xubilación. Faleceu en xuño de 1998 aos 70 anos de idade. A súa viúva, a señora Manuela, camiño dos 92 anos, segue conservando na súa memoria un feixe de anécdotas dos tempos dos legoeiros e dos aserradoiros que había nas proximidades do seu domicilio, das que daremos boa conta noutra ocasión.
![]() |
Manuel López e Manuela Míguez nos anos 90 (Cortesía da familia) |
Rematamos cunha curiosidade sobre a casilla de Proame, que mesmo foi a redacción dunha das primeiras publicacións que se realizaron na Laracha, da cal nos falou o seu editor Kiko Arcos Areosa, mestre xubilado de Xeografía e Historia en Málaga. “Intentei facer unha gaceta na parroquia que se chamaba A Folla de Lemaio. Era un folio A3 doblado que daba para catro páxinas. Pero morreu a directora, que era quen me enviaba os artículos, e soamente se editou o primeiro número”. Kiko estaba a falar de Elena Viña Louro, que a pobre morreu no 2006 con tan só 44 anos. Elena era a muller de Lolo, o fillo máis novo da señora Manuela e do legoeiro Manuel López Mesejo. Se alguén ten un exemplar dese único número de A folla de Lemaio, por favor que nolo comunique!
O noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron nestas Crónicas da Laracha sobre as casas dos legoeiros de Fofelle e Proame.
FIN
______________________
1 Vid. Hoja Oficial del Lunes, 2 de abril de 1979, páx.15.
Ningún comentario:
Publicar un comentario