venres, 6 de novembro de 2026

O SERRADOIRO DO CAMPO DA RAN (3ª parte e fin)

 Cambón realiza o enganche da corrente eléctrica no serradoiro en 1962, nunha época na que a sangría da emigración non deixaba de producirse. Dada a debilidade económica que se vivía naquel momento, moitos dos seus amigos e familiares víanse na obriga de marchar a países como Venezuela ou Suíza, pero el tivo a sorte de non ter que facer a maleta porque os negocios lle ían bastante ben. Á parte da fábrica de madeira, da cal aínda queda xente na contorna que recorda como cada día soaba a sirena ás 12:00 h, Cambón tamén tiña unha granxa de porcos da que tamén nos falou a súa filla Julia: “Papá dáballe a todo. Todo o mundo o coñecía polo alcume do Fabricante: o aserradero do Fabricante, a granxa do Fabricante... A granxa de cochos e o aserradero conviviron ao mesmo tempo e tamén tivemos vacas, pero non estaban nesa granxa. As vacas estaban ao lado da casa. Alí hai un alpendre que ten a placa alta. Pois na parte de abaixo había o sitio para ter gando. Co tempo, chegamos a ter catro vacas e uns cuxos”.

Imaxe dos anos 70 da vivenda e do alpendre da familia Cambón Suárez (Arquivo do Reino de Galicia)

Os tempos van avanzando e, aos poucos, a maquinaria tamén vai aparecendo polos montes. No caso do serradoiro de Cambón, o tractor do Estanqueiro de Larín foi o que máis traballou con el ao principio. Contratábao para que lle fose pola madeira ao monte e lla levase á fábrica. O Fabricante non ía tardar en adquirir o seu primeiro tractor e unha carroceta. A súa filla contounos que o tractor, un John Deere, “comprouno na feira de Paiosaco sobre o ano 1965 ou 1966. Se non recordo mal, nesa época tamén comprara unha motoserra Husqvarna grande porque, claro, había pinos que non os abrazabas. A partir de aí xa foi a transformación definitiva do manual ao industrial. E tamén comprara unha carroceta, un camión pequeno que tiña unha grúa para cargar a madeira. Os obreiros cortaban os pinos e despois cargábanos coa pluma na carroceta. O primeiro que andou con ela foi un operario que se chamaba Álvaro e despois estivo outro que se chamaba Cabezas, que era da parte de Golmar. Coa carroceta tamén andaron Francisco de Centulle, Jesús da Ferralleira e ultimamente andaba Ramón Barrós. Coa condenada da carroceta papá gastou moitos cartos porque, claro, andaba por malos camiños ou porque a cargaban de máis. Un día rompía un palier, outro día rompía un latiguillo... era un pozo sen fondo. Pero bueno, facer fixo moito traballo. Ía á Coruña ben cargada, ía a Buño, ía a Rus porque o barrote de tabla que acantilaban ía para alí, para aló de Carballo, que había unha fábrica que recollía o casqueiro na que creo que facían algo de moer. Papá con ese casqueiro e ese barrote pagaba a letra do tractor cada mes. El desde neno era un verdadeiro artista para buscarse a vida”.

A madeira que máis se traballaba no serradoiro do Campo da Ran era a de piñeiro, aínda que tamén serraron moito castiñeiro, carballo, abenerio e bidueiro, madeira doada de labrar que, segundo Julia Cambón, “disque ía destinada para fabricar paus das escobas. A tabla de castaño serrábase de 4 cms e o tablón de 7. Papá ía comprando porque ao mellor saíanlle dous ou tres castaños cada certo tempo. Non vaias a pensar que a xente vendía un castañal enteiro. Tamén serraban moito carballo en tablóns grandes que ían para as vías do tren. E o carballo tamén se vendía para leña. O que non se traballaba nada era o eucalipto. Eu non recordo a miña infancia con moito eucalipto nos montes. Se cadra había un aquí, outro alí, pero papá nunca traballou con esa madeira. Tamén recordo que había unha cuba con auga tratada na que botaban uns polvos para que as tablas non viraran negras. Mollábanas nesa cuba e despois poñíanas a secar nos castillos que ían facendo detrás da casa, onde está o transformador, e tamén na outra parte da carretera, entre o aserradero e a granxa dos cochos”.

Panorámica actual dos restos do serradoiro - á esquerda- e da granxa dos porcos, que podemos observar no centro da imaxe

Os principais clientes de Manuel ‘O Fabricante’’ eran Darío Bautista Romero, que tiña as súas instalacións no porto da Coruña; os irmáns Mosquera (Pedro, Jesús e Germán), que tiñan un almacén entre Santa Gema e Palavea, cerca do que hoxe é Alcampo; e Maderas Dans. Precisamente, nesta última empresa foi onde xurdiu o nome de Julia, como así nolo contou a propia filla do Fabricante: “Maderas Dans estaba na Coruña e alí, na oficina, traballaba Julio Dans, que durante bastante tempo foi o principal comprador de meu pai. Este home seica era moi boa persoa. Cando eu nacín, como eran tan bos amigos e polo aprecio que lle tiñan na casa, pois disque lles dixo papá:

- A nena vaise chamar Julia.

Así que xa ves, puxéronme Julia por ese señor e hoxe aínda sigo sendo ‘Julia da Fábrica’. Cando se bautizou a miña afillada tamén quixen que se chamase coma min, porque eu tiña dous nenos. Como quería que o meu nome perdurase, puxémoslle Julia, que vén sendo Julia Peña, a autora da novela La niña del relicario”.

Ás veces eran os tractores e a carroceta de Cambón os que transportaban a madeira ata os respectivos almacéns na Coruña dos seus principais clientes. Noutras ocasións eran os camións contratados por Dans, Bautista Romero ou os irmáns Mosquera os que ían ata o Campo da Ran cargar a madeira vendida previamente por Cambón. Habitualmente, eses camións viñan de transportar froitas e outras mercancías desde Valencia, Barcelona ou Bilbao e facían a viaxe de retorno cargados con táboa e tablón do Fabricante que levaba por destino diferentes puntos de España. Vivimos no epicentro daqueles grandes acontecementos e non sabemos a importancia que tivo no pasado. Desde o centro da Laracha, O Campo da Ran e Erboedo convertíanse no centro do universo madeireiro estatal!

Imaxe dos anos 70 do serradoiro do Campo da Ran (Arquivo do Reino de Galicia)

Ao igual que o seu proxenitor, Julia facía un pouco de todo. Axudaba na casa e botaba unha man cos recados do serradoiro, indo ás viaxes á Coruña. Na cidade ía ao banco, ía levar as serras que rompían para soldalas e tamén facía de taxista de seu pai porque el non conducía. Ía con el onde vendía a madeira, cobrar ou falar cos compradores. “Eu quitei o carné de conducir en 1974 e despois era a que andaba de viaxe para a fábrica. Pódese dicir que, dalgún xeito, tamén traballei na empresa (risas). Eu quería serrar e quería saber comprar os pinos, bueno, colaboraba no que me tocaba ou no que unha muller podía facer naqueles tempos”.

Julia tamén traballaba na granxa dos cochos e atendía as vacas. De feito era ela a que coidaba os animais. Fíxoo ata 1983, que foi cando casou con Manuel Álvarez Canedo. Logo de pasar polo altar e ser nai de José Manuel e de David, os dous fillos que tivo o matrimonio, xa non tiña tempo para atender o gando. Por tal motivo, Manuel ‘O Fabricante’ pechou a granxa dos porcos e quedou soamente cunha vaca.

Nesa época era habitual ver os camións de Cerámica La Perfección, a telleira de Ferreira, polo Campo da Ran. Ían ao serradoiro cargar a casca da madeira que utilizaban para cocer no forno. Julia recorda que “un dos choferes dos camións de Ferreira era Pepe o Labrador, que tamén foi o chofer do meu marido o día que nos casamos. Para nós son da familia! O Labrador é unha eminencia porque coñece a todo o mundo”.

Naqueles anos 80 os operarios do serradoiro eran Claudio Mallo, que xa estivera con Manuel Cambón décadas atrás e, despois de botar uns anos en Suíza, volvera ser o seu empregado; José ‘O Zoqueiro’, que era de Cercido e serraba no banco con Claudio; Ramón Barrós, veciño de Santa Locaia (Loureda, Arteixo) que ultimamente andaba no monte coa carroceta xunto a Ramón Blanco, operario de Reirís, cerca do Igrexario de Erboedo. Eses catro foron os últimos obreiros que estiveron ata o peche definitivo da fábrica, un punto e final acontecido a principios dos anos 90. Uns días despois de levar o último pedido ao almacén dos irmáns Mosquera, Cambón díxolles aos seus empregados:

- Rapaces, ata aquí chegamos!

Manuel Cambón 'O Fabricante' (Cortesía da súa filla Julia Cambón Suárez)

Manuel ‘O Fabricante’ e a súa muller Celia continuaron vivindo na súa casa do Campo da Ran ata o último dos seus días. El faleceu en xaneiro de 1999 aos 78 anos de idade e ela en xaneiro de 2004, tamén aos 78 anos. “Cando morreu papá aínda quedaban unhas pilas grandes de castaño seco que xa tiñan anos, porque o castaño para traballalo ten que estar moi seco e alí, no Campo da Ran, secaba ao natural. Esa madeira botou alí bastante tempo, ata que a vendimos nós”, recordaba Julia Cambón. Así pois, a madeira do ‘Fabricante’ aínda tivo vida despois da súa morte, feito que contribuíu a eternizar o seu espírito que, despois de tantos anos do seu pasamento, aínda segue moi vivo en toda a bisbarra, abofé!

FIN