mércores, 22 de xuño de 2022

CACHELIÑA DE SAN XOÁN

Cacheliña de San Xoá
que non me morda
cadela nin can.

     O día vintetrés voume erguer cediño para "ir coller a virtú". De todas as herbas do campo escollerei a espadana, a fieita real, o fiuncho, a herba de Santa María e a fieita de San Xoán. E con todas estas herbas adornarei a casa e en cada buratiño poñerei unha para que esa noite non nos entre ningún meigallo. O resto espallareino por diante da porta e gardarei unhas poucas para a cachela da noite. Esquecíaseme o monllo que teño que facer con todas as herbas para despois pola noite deixar ao resío. Este monllo vaime servir o resto do ano para afumarme con el cando me pique algún bicho.
 

Noite de maxia
igual que a noite de San Silvestre,
solsticio de inverno.
Noite de bruxas
en que desparramarán á caída da noite
toda a súa fascinación.
Noite de plantas
protectoras e medicinais
para nós.

     E cando chegue a noite farei a cachela con moita leña que bote moito fume para que se vexa ben lonxe. Colocareina nun lugar donde se vexa a casa e as leiras. E cando me queira afumar e saltar a cachela botareille as herbas da virtú. Saltarei a cachela nove veces e unha sen contar mentras vou dicindo:

 
Cacheliña de San Xoán,
que non me morda
cadela nin can.

     E se podo asarei patacas nas brasas e botarei un anaco  de noite comendo, falando e contando contos.

Noite de lume
disque as chamas purifican todo.
Noite de lume
solsticio de verán.
Noite de lume
que nos protexe contra todo mal.

     Para deixalas ao resío da noite teño que buscar flores: herbas de San Xoán, romeo, bieiteiro, caraveles, trebisco, herba luísa, folla de nogal, ruda, follas de parra... Metereinas nun caldeiro con auga, deixareinas toda a noite ao sereno e pola mañanciña lavarei a cara coa auga de rosas.


Noite de auga
que limpa
que bota as meigas fora.
Noite de lume.
Noite de plantas.
Noite de auga.

¡¡Meigas fora!! 


(Relato de Carme, a de "Cóntame un conto")       

Ningún comentario:

Publicar un comentario