O PAZO DE PARADELA
Na parte oriental da parroquia de Soandres, nos lindes co municipio de Cerceda, atopamos o lugar de Paradela que está asentado sobre un outeiro que mira cara as augas do Anllóns e cara unha das ladeiras da serra de Montemaior. Aquí, ata o remate da década dos anos setenta, podíase ver un pazo de recia construción en cantería que amosaba fachendoso unha pedra armeira1.
![]() |
Imaxe dos anos setenta do pazo de Paradela (Carlos Martínez Barbeito) |
É máis que probable que a primitiva fundación deste histórico edificio se fixera sobre terreos aforados polo poderoso mosteiro beneditino de Soandres, que posuía todas, ou case todas, as terras circundantes.
O primeiro dono coñecido do pazo foi Martín do Corgo, fundador deste vínculo no ano 1604 xunto coa súa dona María Domínguez. Os dous foron tamén fundadores, nun soar próximo, dunha pequena capela con advocación do Espíritu Santo.
A Martín e a María herdoulles en Paradela a súa filla María Domínguez do Corgo, que levou os seus bens e dereitos aos Ares da Barreira ao casar co Capitán Alonso Ares da Barreira. Deste matrimonio naceu Lope, chamado tamén Alonso Ares da Barreira. E ademais naceu Pedro Ares da Barreira y Montenegro, que non deixou descendencia. Polo que nos conta Carlos Martínez Barbeito no seu libro Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, ao chegar a este punto da árbore xenealóxica “se produce una reiteración de nombres que impide ver con claridad por donde sigue la línea sucesoria. Hay dos clérigos, don Pedro Ares da Barreira Montenegro, cura de Trasanquelos y Comisario del Santo Oficio, y don Pedro Ares da Barreira y Bermúdez, cura de Mandaio (Oza-Cesuras), que fundan sendas capellanías bajo la advocación de La Concepción, una en San Pedro de Quembre (Carral) donde radicaba la casa de Esperante, y otra en Mandaio de donde el fundador era párroco. Estos vínculos, más el que funda en 1705 doña María Montenegro, dueña de Esperante y de Paradela, en forma de patronato real de legos, recaen luego en alguien cuyo nombre hace suponer que, extinguida la línea primogénita, hubo que remontarse a los viejos patriarcas fundadores de la casa para que no saliese de la familia. Se llamaba esa persona que heredó las casas de los Corgo y de los Ares da Barreira, doña Mayor Domínguez do Corgo, cuyo consorte fue don Juan Romero del Río.”2
Deste matrimonio ía nacer Blas Romero del Río, que casou con Beatriz de Ulloa y Figueroa (que non sería allea ao pazo de Herves que posuían os Ulloa, enlazados cos descendentes dos antigos Basanta).
De Blas e Beatriz foi fillo Antonio Romero de Ulloa, cónxuxe de Teodora Reymóndez de Figueroa, muller cuns apelidos que delatan relación coa casa de Armuño, e coa de Moruxo, nas Mariñas. Por carta executoria datada o 4 de decembro de 1710, Antonio obtivo en posesión os maiorazgos, bens e regalías das casas de Esperante, Paradela e outras. Andando no tempo, herda o pazo de Paradela, con todos os seus agregados, a súa filla Antonia Romero Reymóndez, que casa con Juan Álvarez de Valdés ou Juan de Valdés.
É aquí onde os Valdés entran a señorear Paradela, e quen coloca en este pazo o escudo de armas é o fillo destos señores, Nicolás Valdés Montenegro de Ulloa y Figueroa, nacido no pazo de Esperante o 29 de setembro de 1716. Nicolás, que posuía ademais a torre da Espenuca e, entre outros, os pazos de Bolaño e de Boimille, exerceu de Rexedor Perpetuo e Capitán de Milicias da Coruña, sendo tamén Intendente do Exército e Reino de Galicia e fundador da Real Academia de Agricultura de Galicia. Nicolás casou con Mariana de Lago y Moscoso, filla de Antonio de Lago e de María Moscoso e irmá de Bernardino de Lago y Moscoso, prreminente figura da vida coruñesa no século XVIII, que foi secretario da nomeada Real Academia de Agricultura de Galicia e marido de María Josefa Bermúdez de Castro.
![]() |
Imaxe dos anos setenta do escudo de armas dos Valdés no pazo de Paradela (Carlos Martínez Barbeito) |
Nicolás e Mariana teñen dous fillos. O maior, Antonio, morre sen descendencia. O outro, Gregorio Valdés Lago y Montenegro pasa o ocupar o posto de seu irmán na liña sucesoria e enlaza con Juana Romero de Ulloa, que a xulgar polos apelidos todo a punta a que eran parentes.
Froito desa unión é Manuel Valdés y Romero, que contrae nupcias con Orosia Salazar, da casa de Ribeira no val de Barcia (Carral), soar dos Salazar. Posteriormente herda o pazo de Paradela, con todo o que lle estaba agregado, o seu fillo Antonio Valdés y Salazar, que casaría con María Brea y Suárez nacendo da súa unión Evaristo Valdés y Brea.
Casa este último con Matilde Pardo y Lage e ambos son pais de Eduardo Valdés Pardo, que contraería matrimonio con dona Ermelinda García Crespo. Fillo deles foi Eduardo Valdés García, quen en 1978 trasladou o escudo heráldico do pazo de Paradela a Carral, onde na actualidade pode verse adosado na fronte principal do pazo de Esperante, convertido hoxe nun exitoso complexo hoteleiro.
O pazo de Paradela continuou en mans da familia Valdés ata finais do século pasado, mais ía botar anos en estado de abandono. Accedíase a esta casa fidalga por unha porta de arco de medio punto. “Na primeira planta abríase unha fiestra rectangular e contiguo adiviñábase un vano, cegado con barro e cachote, que mostraba sinais de ter un arco semirredondo. No esquinal dereito, ostentaba pretenciosa unha pedra armeira, de tosca labra, que reproducía o brasón dos Valdés. O escudo heráldico (que estaba situado debaixo da cornixa do esquinal da fachada principal) mostraba unha cimeira frontal adornada de plumas; e entre lambrequins, tres faixas, e no campo postas, tres, dúas, dúas e tres unhas figuras redondas que semellan roeles, con crucetas no seu interior3 ”.
Na actualidade este histórico edificio está en fase de rehabilitación, polo que as súas paredes continuarán mantendo vivo o esplendoroso pasado do lugar de Paradela!
![]() |
Imaxes actuais do que fora o pazo de Paradela |
FONTES:
CABEZA QUILES, FERNANDO; DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO; FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X.; GARCÍA LOSADA, ANTÓN; GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, Instituto de Estudos Bergantiñáns.
GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2015): A memoria de tres testemuñas de pedra en Soandres, Revista Festas Soandres 2015.
MARTÍNEZ BARBEITO, CARLOS (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest S.A., León.
_____________
1 Vid. Gumersindo García Gómez (2015): A memoria de tres testemuñas de pedra en Soandres, Revista Festas Soandres 2015.
2 Vid. Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest S.A., León, pp-456-459.
3 Vid. Gumersindo García Gómez (2015): A memoria de tres testemuñas de pedra en Soandres, Revista Festas Soandres 2015.
O PAZO E A CAPELA DA CASANOVA
Na descrición sobre a parroquia de Coiro publicada no tomo dedicado á provincia da Coruña da Geografía General del Reino de Galicia, Carré Aldao conta que, ademais da igrexa de San Xián, había nesta freguesía “tres capillas, las de San Marcos, San José y Santa Rita” que estaban situadas nos lugares da Casanova, Coirón e O Loureiro. Pois ben, nas Crónicas da Laracha desta semana viaxamos ata A Casanova para falar da casa señorial e da capela que podemos ver alí e que, parece ser, que antigamente formaban parte das propiedades que os García Varela tiñan en Coiro.
![]() |
Panorámica actual da casa señorial da Casanova |
Para recordar o esplendoroso pasado deste lugar entrevistamos a Manuel Seijas López, actual propietario do vetusto pazo no que naceu en 1937. Mentres tomabamos un café con el en Arteixo, vila na que reside dende que se xubilou despois de botar corenta anos en Suíza (boa parte deles conducindo un taxi), Manuel contounos que “esa casa ten moita historia, era o pazo dunha familia podente de Santiago que eran donos de cinco lugares da parroquia de Coiro: A Ameixeira, A Ferraría, A Lourenceira, O Pereiro e A Casanova. O brasón que aínda se conserva na fachada era o escudo de armas desta familia, os García Varela, que disque eran avogados ou escribáns. A poucos metros da casa hai unha capela que se construiu no 1600. Chámase a capela de San Marcos e San José, aínda que se coñecía máis ben como a de San Marcos. Precisamente, diante dela, hai alí uns terreos, que son propiedade dun veciño noso, que figura nas escrituras co nome de “leira de San Marcos”. Nós tamén temos alí un terreo que se chama a “leira da capilla”.
![]() |
Brasón que aínda se conserva na fachada do edificio |
Poucos días despois de entrevistar a Manuel Seijas desprazámonos ata A Casanova, onde comprobamos a grandeza e a importancia desta casa señorial, co seu brasón e as súas dependencias. Posteriormente, co temor inicial da música de fondo do voo das vespas velutinas, entramos no interior da capela, difícil de ver xa que estaba camuflada entre a espesa vexetación dominada polas hedras. No interior, onde aínda se conserva o altar e algunhas imaxes santorais, chamounos a atención unha placa de madeira que conmemora a fundación do modesto edificio:
Esta capilla fue fundada por D. Domingo Varela de Carracedo en 1609, y reedificada por D. Angel G. Varela, último varón de la línea directa del fundador, en el año de 1900
Interior da capela
Vista exterior da capela
Andando no tempo e logo da oportuna compra, o pazo, a capela e unha extensión duns corenta ferrados de terreo situados na zona, acabaron sendo propiedade dos avós maternos de Manuel Seijas, José López Matos e María Capelán Domínguez, labradores fortes que se preocuparon de darlle estudos aos seus fillos. Manuel Seijas recordaba que “un de meus tíos maternos foi empregado do Banco Pastor en Pontevedra; outro era radiotelegrafista na Marina, que estaba no cruceiro “Cervantes”; e tamen tiña outros dous tíos, Ramón e Campio López Capelán, que eran freires franciscanos igual que o seu amigo Lino Gómez Canedo, un historiador franciscano que nacera en Coiro, na Tenda, e que ten rúa dedicada na Laracha1. Estos dous tíos estudaran en Herbón (Padrón). Un deles era comandante do exército e republicano acérrimo, co perigo que isto supoñía naqueles tempos. De feito, na nosa casa da Casanova conservouse durante moitos anos unha bandeira republicana que era del. Este tío meu era capelán castrense e estivo por África adiante. Cando viñan de vacacións, Ramón e Campio celebraban misa na capela”.
![]() |
José López Matos e María Capelán Dominguez (Cortesía do seu neto Manuel Seijas López) |
Á parte das propiedades que posuían na Casanova, compradas todas elas á familia García Varela de Santiago, os avós maternos de Manuel, José López Matos e María Capelán Domínguez, tamén tiñan terreos na Matosa. Esas fincas están partidas na actualidade pola estrada DP-1913, vindo da Laracha á man esquerda, entre a perigosa rasante e os campos de fútbol que hai antes de chegar ao Cafe Bar Raio de Sol. Pois ben, sabemos que nos anos 20 ou nos primeiros 30 de século pasado o señor José, que contaba cun segundo apelido ben suxestivo á hora de pensar na orixe do lugar da Matosa, arrendáballe unha daquelas leiras que tiña alí, ao carón do río Anllóns, a Generoso Álvarez, telleiro do Baixo Miño que estivera algún tempo no Brasil fabricando cerámica cos dous fillos máis vellos, Anselmo e Ramón… mais a historia destos telleiros xa vola contarei noutra ocasión!
Ata a semana que vén!
____________________
1 Para máis información sobre Lino Gómez Canedo, consultar https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2022/12/lino-gomez-canedo-o-gran-historiador.html
AS TORRES DE CILLOBRE (1ª parte)
Os elementos que compoñen o escudo do Concello da Laracha fan referencia aos momentos máis significativos do seu pasado e proporcionan unha información relevante para coñecer mellor a cultura do municipio.
![]() |
Escudo do Concello da Laracha |
Boa parte da historia larachesa pode interpretarse nestos distintos elementos do emblema oficial e só hai que saber ler o seu significado. Deste xeito, comezando a lectura de fóra cara dentro, en cada lado do escudo aparecen dúas espigas de trigo, símbolo do carácter agrícola da Laracha. Na parte inferior podemos ver unha balea sucando o mar que rememora a importancia que en épocas pasadas tivo o porto baleeiro de Caión, un dos de maior actividade na captura de baleas en Galicia. E finalmente, a torre que ocupa o centro do emblema fai honra ás Torres do Viso (Montemaior) e ás Torres de Cillobre, unha fortaleza e casa señorial da que falamos deseguido.
![]() |
Escudo do Concello da Laracha |
Diferentes fontes históricas afirman que as Torres de Cillobre construíronse enriba dun antigo castro. Curiosamente, segundo a lenda que nos transmitiu José Antonio Castro Mallo, a veciñanza da zona comentaba en tempos pretéritos que no interior dunha das torres vivía unha estadea. “Á xente seica lle daba medo entrar. Dicían que a estadea estaba enriba dun castro”, recordaba José Antonio.
Acredítase que os primitivos propietarios desta fortaleza foron os Andeiro, familia orixinaria das terras de Bergantiños que se espallou por boa parte da xeografía galega, pasando unha das súas ramas ao Reino de Portugal na época de Pedro I de Portugal (1320-1367).
No conflictivo panorama que presentaba a Galicia do século XIV a emerxente casa das Mariñas, unha das liñaxes menores que non ía tardar en pugnar con outras grandes estirpes pola supremacía na bisbarra, soubo aproveitar a inestabilidade das loitas dinásticas para acrecentar a súa importancia e posesións empregando a partes iguais belicosidade e habilidade, do mesmo modo que o facían (entre outros) os seus veciños territoriais, os Andrade. Uns e outros conseguiron do triunfador Enrique II de Trastámara1 mercedes en terras ou cartos, oficios en municipios realengos como A Coruña e Betanzos, e sobre todo a fundación de señoríos e casas, e mesmo vilas como Pontedeume, Ferrol e Vilalba no caso dos Andrade.
Os Mariñas nun principio víronse especialmente favorecidos pola abolición do señorío dos Parada, adxudicándose todos os seus bens nas freguesías de Oza, Lesa, Bandoxa, Rodeiro, Regueira e o couto de Fervenzas. A aspiración a lograr “casa y estado”, común a todas as linaxes, concentrábase en posuír un señorío autónomo e soberano para, deste xeito, destacar dentro do estamento nobre2. No plano material o máis corrente era que estos señoríos contaran cun castelo ou fortaleza ao que se engadían as edificacións para a vivenda da familia e toda a clientela de servos e vasalos, que os Mariñas así o materializaron e significaron no que hoxe é A Laracha coas Torres de Cillobre, antiga propiedade dos Andeiro.
![]() |
Vista das desaparecidas Torres de Cillobre a principios do século XX (Foto publicada en 1916 por César Vaamonde Lores no Boletín da Real Academia Galega, nº 105, tomo IX, páx. 208) |
Entre os integrantes da casa das Mariñas no século XIV hai que comezar por sinalar a Gómez Pérez de Pereira, tamén coñecido como Gómez Pérez das Mariñas “o Vello”, casado con dona Teresa Alonso (pertencente á liñaxe dos Pardo) e que foi Señor de Suevos, Oseiro, Erboedo, Torás, Orto e outros lugares.
O seu fillo Martín Sánchez das Mariñas ía recibir numerosas doazóns do rei Enrique II de Trastámara e do arcebispo compostelán Rodrigo III de Moscoso, como a Mariña dos Condes, entre Betanzos e A Coruña, ou a Terra de Parada en Oza dos Ríos. Tamén recibiu a encomenda de varios mosteiros, entre eles o de San Pedro de Soandres, outorgado polo arcebispo, irmán da súa muller Berenguela de Moscoso, que era Señora de San Xián de Sergude (Carral), San Fiz de Vixoi (Bergondo), Santa Mariña de Rois (Bergondo), Santa María de Cortiñán (Bergondo) e Guiliade (Piadela, Betanzos). Sabemos, ademais, que Martín Sánchez das Mariñas tamén obtivo do Conde de Trastámara e Lemos varias posesións no couto de Cillobre, segundo documento de marzo de 14043. O cronista Vasco da Ponte, na súa obra Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galiza4, conta que “fue muy buen hombre, y ganó por su lança sirviendo a los reyes a Mariña dos Condes, e terra de Parada, e San Viçençio de Vigo”. Grazas a unhas informacións localizadas nun pergamiño do mosteiro de Soandres, sábese que don Martín Sánchez das Mariñas finou no ano 13975.
Sucedeulle o seu fillo Ares Pardo das Mariñas, meiriño6 dos reis casteláns Enrique III e Juan II na terra de Bergantiños, cargo que levaba implícito o goberno e administración da xustiza e que deshonrou en non poucas ocasións. Este temible e detestable cabaleiro, que dispoñía de setenta homes de armas e mil cincocentos vasalos, era Señor da Mariña dos Condes, Señor de Santa Marta de Babío e foreiro das sinecuras das igrexas de San Xoán de Carballo, San Lourenzo de Berdillo, Santa María Madalena de Montemaior e Santa María de Pastoriza e varios casares nas feligresías de Lema, Vilaño, Erboedo e Armentón7. Sábese que cometeu continuos abusos contra o cenobio de Soandres, ocupando os seus bens e mesmo agredindo aos monxes beneditinos. Por tales feitos foi apercibido en varias ocasións polo rei, pero isto non impediu que os seus homes seguisen cometendo atropelos contra bens e xente daquel mosteiro8. Ares Pardo das Mariñas, que logrou que a súa liñaxe comezara a prevalecer sobre os Andrade, “era vecino y Regidor de la ciudad de la Coruña. Se titulaba Señor de Parga y Cillobre. Tuvo varios juzgados, y entre ellos los de Payo Saco y Puente de Barcia, estos últimos, en virtud de R.C. expedida en Madrid a 8 de Febrero de 15309”. Casou con dona Teresa de Montaos, descendente dos condes de Traba que aportou as freguesías da casa de Silván e consolidou o núcleo de posesións do señorío. De ambos naceu a principal figura da liñaxe e un dos persoeiros máis notables da nobreza galega do século XV: Gómez Pérez das Mariñas.
Segundo relata o cronista Vasco da Ponte, Gómez Pérez das Mariñas era “hombre muy dispuesto, hermoso de corpo e de gesto, gentilhombre muy solto, el mayor justador que en su tiempo hubo en Castilla”. O nobre galego que máis se aproximou á novelesca imaxe do cabaleiro andante marchara de mozo á corte do rei Juan II, onde a súa valía e a súa destreza coa espada íanlle permitir gañar fama e honra. Despois de vencer a un “muy grande alemán” que presumía de invencible e que ninguén ousaba retar, converteuse no maior xustador que houbo no seu tempo en Castela. Alí, dos encontros e contactos con outros nobres na corte real, íase fraguar o matrimonio con Teresa de Haro, filla de don Diego López de Haro, pertencente a unha das principais liñaxes castelás. Grazas ao favor real, conseguiría a estrela de azur en campo de prata que adorna o escudo dos Mariñas e a tenencia vitalicia do castelo de A Coruña, cidade na que se instala coa súa dona e da que foi Rexedor desde 1440 en adiante. Como anécdota de aquela altura, sinalar que o 18 de agosto de 1452, viuse favorecido polo rei Juan II, que estendeu no seu favor unha cédula real pola cal se lle concede a Gómez Pérez das Mariñas licenza para fabricar unha “grilanda” na torre que posuía na fortaleza de Cillobre10.
![]() |
Escudo da Casa das Mariñas (X. A. García León) |
Morto Juan II, logra novos privilexios de Enrique IV (rei do que era conselleiro e brazo dereito) como o cargo de gobernador de Betanzos ou a concesión de 30.000 maravedíes de xuro ao ano a perpetuidade para el e os seus descendentes en atención dos seus bos servizos:
“Yo el Rey fago saber a vos los mis contadores mayores que yo acatando los muchos y buenos servicios que por gomes peres de las mariñas mi capitan e vasallo me han seydo e son fechas y espero que me fara de cada dia tengo por bien e es mi merced que haya e tenga por mi de merced este año de la fecha deste albala e ende en adelante en cada un año por juro de heredad para siempre jamas treinta mill moravedis para el e para sus herederos e subcesores (...)”
Gómez Pérez das Mariñas ía solicitar que estos 30.000 maravedíes lle foran situados nas rendas de alcabalas dos coutos seguintes: Couto da Coruña, 10.000; Couto de Cines, 8.500; Couto de Bergondo, 3.500; Couto de Cambre, 2.000; Couto de Brives, 1.500; Couto de Soandres, 1.500; Couto de San Vicente de Vigo, 1.500; Couto de Morás, 600; Couto de Monteagudo, 300; Couto de Barrañán, 300: e Couto de Lestón, 30011.
Con estas mercedes o noso persoeiro obtivo a supremacía na comarca, adiantándose á liñaxe dos Andrade. Convertido no Señor máis poderoso e rico da bisbarra, Gómez Pérez sería quen de intervir con éxito nas contendas nobiliarias que convulsionaron á sociedade dese século, entre elas a Revolta Irmandiña (1467-1469), que fora un exemplo de dignidade do pobo galego daquela hora. Farto dos impostos desorbitados, abusos de toda índole e expolio permanente dos seus mermados recursos, os labregos estouparían manifestando a súa indefensión ante o vasalaxe, máis parecido ao esclavismo que a unha relación con contrapartidas, que exercía sobre eles boa parte da nobreza local, unha nobreza que acabou decantando ao seu favor aquela gran Revolta Irmandiña iniciada polos pobres labregos.
(… CONTINUARÁ)
__________
1 Enrique II de Castela, tamén coñecido como Enrique de Trastámara, chamado «o Fratricida» ou «o das Mercedes» (Sevilla, 13 de xaneiro de 1334-Santo Domingo da Calzada, 29 de maio de 1379), foi rei de Castela, o primeiro da Casa de Trastámara.
2 Jesús Ángel Sánchez García (1999): Mariñán. Pazo de los sentidos, Deputación de A Coruña, páx. 20.
3 Archivo Ducal de Medinaceli. Sección Cillobre. Leg. 3, Doc. Nº 4.
4 Vasco da Ponte (2008): Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galiza. Noia. Editorial Toxosoutos. Edición de Clodio González Pérez.
5 Gumersindo García Gómez (1987): Los Mariñas, señores de las Torres de Cillobre, El Ideal Gallego, 14 de agosto, páx. 40.
6 Xuíz con ampla xurisdición para gobernar un territorio.
7 Gumersindo García Gómez (2018): Juan II de Castela acolle baixo o seu amparo o Mosteiro de Soandres, Revista das Festas de Soandres. pp. 19 a 21.
8 Ibídem.
9 César Vaamonde Lores (1916): Gómez Pérez das Mariñas y sus descendientes (Apuntes históricos y genealógicos), Boletín da Real Academia Galega nº 104, Tomo IX, páx. 181.
10 Gumersindo García Gómez (1987): Los Mariñas, señores de las Torres de Cillobre, El Ideal Gallego, 14 de agosto, páx. 40.
11 Ibídem.
AS TORRES DE CILLOBRE (2ª parte)
Cillobre foi unha das fortalezas que sufriu as consecuencias dos ataques dos irmandiños1. O escritor caionés Marcos Amado describe o papel realizado por un xa máis vello Gómez Pérez das Mariñas naquel episodio da nosa historia no seu libro Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos:
“Chegada a contenda irmandiña en 1467, Gómez Pérez refuxíase dos alzados no mosteiro de Samos, pero pronto se unirá ao contraataque iniciado polo arcebispo, e agrupará as súas tropas en Santiago coas de Andrade, Ulloa e Lope Pérez de Moscoso “o groso”. Rapidamente foron vencidos os irmandiños e instaurado o poder señorial precedente, e estes últimos catro señores unidos ao das Mariñas, aliaranse na vista confederación antiarcebispal para frear o exceso de fortalezas ocupadas por Fonseca II (que eran da igrexa quen llas tiña cedidas en feudo a aqueles). Na reconquista para os Moscoso do castelo de Altamira cercado polo prelado en 1471, sitúase o lance no que Vasco da Ponte dá boa conta do respecto que os seus iguais tiñan a Gómez Pérez das Mariñas, “que era más viejo y más sabio y en las guerras… todos consentían con él”, de maneira que os seus plans foron acatados ante as vehementes ansias de ataque doutros señores. Recuperada Altamira e posteriormente tamén Vimianzo, os confederados diríxense á fortaleza de Mesía, propiedade de Gómez Pérez das Mariñas pero ocupada polo xefe das tropas arcebispais, irmán do prelado Alonso II de Fonseca e Acebedo, que heroicamente soportaron tres meses de sitio e trabucazos ata a súa entrega2”.
Sobre a descendencia de Gómez Pérez das Mariñas, dende o infortunio dun primoxénito e dúas fillas mortas prontamente, este importante persoeiro da historia galega tería sucesivamente outras tres fillas máis con dona Teresa de Haro: María das Mariñas, Constanza das Mariñas e Xenebra das Mariñas, ademais de procrear fóra de matrimonio a unha sexta filla ilexítima, Mencía das Mariñas. Gómez Pérez ía lograr para as catro fillas outros tantos pactos matrimoniais con grandes herdeiros ou Señores das súas respectivas casas nobiliarias, concertados na elite da contorna señorial galega. Así mesmo, como ben nos conta Marcos Amado no libro anteriormente referido, estes, conscientes da ausencia dun herdeiro varón, agardaron esperanzados unha futura porción da Casa das Mariñas para os seus señoríos tralo pasamento do seu sogro, que falecería no ano 1475.
María das Mariñas, a maior delas, casa con Diego de Andrade, Señor da poderosa Casa de Andrade, e recibe de seu pai os señoríos das Mariñas dos Condes, co pazo de Miraflores como cabeza de xurisdición, correspondente cos actuais concellos de Oleiros e Sada, e das Mariñas dos Freires, bens situados no arciprestado de Faro e entre os ríos Mero e Mandeo, dominados desde o pazo de Bergondo-Mariñán e hoxe pertencentes ao concello de Bergondo, con partes nos de Abegondo, Cambre, Carral e Betanzos.
Sobre o legado da seguinte, Constanza das Mariñas, que casou en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso y Ulloa, os bens reservados serán “as merindades e señorios que yo el dicho Gómez Pérez llievo e poseyo desde la agua do Burgo fasta la Ponte Ceso e Val de Ruus”. Eran bens dos cotos anexos á cidade da Coruña, coas antigas freguesías da liñaxe de Suevos e Oseiro, pasando ás interiores de Erboedo e Meirama, e englobando todas as súas abundantes posesións en terras de Bergantiños, dominadas desde a fortaleza de Cillobre. Constanza tamén recibiu outro pazo situado na cidade da Coruña, na rúa Ferreirías… “estas mys casas con sus huertas en la que agora moramos”, que viña sendo o pazo no que residía a familia e se atopaba Gómez Pérez ao outorgar testamento en 1474.
Xenebra das Mariñas, coa que os seus pais quixeron afianzar alianzas coa mitra compostelá desposándoa moi nova con Luís de Acevedo, Pertegueiro Maior dos exércitos arcebispais, recibiría de seu pai todas as casas, rendas e propiedades sitas na cidade de Betanzos, ademais do señorío dos coutos de Oza-Cesuras e da Casa de Mesía, coa súa torre e fortaleza.
Mencía das Mariñas, a filla bastarda, ía enlazar co fidalgo Juan García Barba de Figueroa, Señor da Casa de Figueiroa (Abegondo). Os sepulcros deste matrimonio, labrados coas armas e figuras xacentes, pódense visitar na igrexa parroquial de San Miguel de Figueiroa, no concello de Abegondo.
Mais centrémonos agora na segunda das fillas de Gómez Pérez das Mariñas e dona Teresa de Haro, en Constanza, unha muller nacida sobre o ano 1450 que, como xa dixemos anteriormente, casara en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso “o groso” quen, segundo as crónicas de Vasco da Ponte… “non era para ter xerazón (...) non era hombre para mujer y doña Constanza no le quería por marido”. Por tal motivo, Constanza separouse do seu home a principios do reinado dos Reis Católicos e, anulado este primeiro matrimonio, volta ao domicilio de seus pais. Grande foi o desgusto que por estos feitos tería Gómez Pérez das Mariñas, mais as razóns expostas pola súa filla eran dabondo para xustificar tal decisión e había que dala por ben feita.
Un día chegou á residencia de Gómez o cabaleiro Fernán Pérez Parragués quen, de mozo, fóra paxe de aquel seguindo a costume adoptada entre os grandes señores que adoitaban enviar aos seus fillos á morada de algún dos amigos da nobreza para que se educaran ao seu carón, apartados da casa paterna, aprendendo todo canto conviña a súa condición. Os mozos fillos dos nobres empezaban como paxes para ser, co paso do tempo, escudeiros ata que máis tarde poideran, con algún feito notable, obter o título de cabaleiros.
Gómez Pérez das Mariñas dispensaríalle un afectuoso acollemento ao seu antigo paxe Fernán Pérez de Parragués, Señor da fortaleza de Parga que quedara viúvo tras o recente falecemento da súa dona, que era filla de Fernán Díez de Ribadeneira. Se cadra aquela visita non tiña soamente o desexo de saudar ao seu antigo Señor. Probablemente, no recordo da súa primeira estadía na residencia de Gómez Pérez tiña unha gran importancia unha moza loira que, naqueles intres, era unha fermosa muller que non facía moito que abandonara ao seu home: Constanza das Mariñas.
O certo é que pouco despois desta visita, dona Constanza e don Fernán Pérez Parragués casaban, mais casaban en secreto, sen que o soupera o pai dela, Gómez Pérez. Segundo Leandro Carré Alvarellos, “algunas veces, doña Constanza trasladábase a La Coruña para ver a su esposo; otros días era don Fernán el que iba a Bergantiños cuando tenía saudades de su mujer. Dícese que estos viajes casi siempre se hacían por mar y que embarcaban o tomaban tierra en las playas de Valcovo o de Barrañán3”.
Conta a lenda que en certa ocasión dona Constanza agardaba a chegada do seu marido e, impaciente por velo, achegouse ata á beiramar do areal de Sabón. Ben por parecerlle que podía ollar máis pronto que tarde a embarcación na que viría o seu amado, ou ben porque acostumaban a empregar aquel lugar para baixar mellor da barca a terra, o caso é que sentou nun gran penedo que había cerca da praia. Coa impaciencia, cravados os ollos no horizonte mariño, non se decataría dona Constanza de que a marea estaba subindo. Naquel intre xa non tiña moito marxe de maniobra para poñerse a salvo, principiando as salpicaduras das ondas a mollar o seu vestido. Tras certos momentos de incerteza e angustia, apareceu o seu amado Fernán que a salvou dunha morte segura. Dende aquel entón, este penedo próximo á praia de Sabón coñécese como “A pena da Constanza”, nome que aínda se mantén nos nosos días. Superado o tremendo susto, semellaba que ningunha outra consecuencia tería aquel amargo acontecemento, mais non sería así xa que foi aí cando Gómez Pérez das Mariñas enterouse de que a súa filla casara en secreto con Fernán Pérez Parragués e, ao considerarse humillado e aldraxado, cubriu a súa cabeza cun capuz negro, que non quitaría xamais ata a súa morte4.
![]() |
Imaxe actual da Pena da Constanza tomada en Sabón (Oseiro, Arteixo). Ao fondo, Sorrizo, Caión, Malpica e as illas Sisargas |
Esta lenda que recolle Leandro Carré Alvarellos no seu libro “Las leyendas tradicionales gallegas”, xa aparece mencionada polo pai deste, Uxío Carré Aldao, na súa popular “Geografía General del Reino de Galicia” onde, no apartado que lle adica á parroquia de Oseiro, di que… “En las playas inmediatas se dice hay la llamada “Pena da Constanza”, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas, la casada en segundas nupcias y “a furto de su padre” con Fernán Pérez Parragués, por haberse separado de su primer marido, un Conde de Altamira “que no servía para casado”, según nos cuenta Vasco da Ponte. Esta doña Constanza, llamada “a vella” para diferenciarla de su hija doña Constanza, que apellidaban “a nova”, tuvo en mayorazgo, fundado por su padre en los bienes que éste le legó en testamento de 4 de Noviembre de 1474, hecho cuando la hija era menor de edad, “todo lo que poseía en bergantiños en oseyro e suevos e val de miis heruoedo e meyrama e con las encomiendas de santo andres e monteagudo e con los foros casas e casares que yo el dicho gomer perez llievo en las dichas encomyendas e en la terra señorio que foi de Iohan de coyro e de martin sanchez e en la terra de iohan dandero5”.
(…CONTINUARÁ)
___________________
1 Castelos derrubados na actual provincia da Coruña polos Irmandiños: Castelo da Lúa (Rianxo); Castelo da Rocha Forte (Santiago de Compostela); Torres de Altamira (Brión); Castelo de Moeche; Castelo de Vimianzo; Torre de Celas de Peiro (Culleredo); Torres de Mens (Malpica de Bergantiños); Torre de Xunqueira (A Pobra do Caramiñal); Castelo dos Andrade (Pontedeume); Torreón dos Andrade (Pontedeume); Castelo de Mesía; Torre de Lama (Mañón); Torre de Nogueira (Coristanco); Torre da Penela (Cabana de Bergantiños); Fortaleza da Mota de Ois (Coirós); Torre de Figueiroa (Abegondo); Torres de Goiáns (Boiro) e Torre de Cillobre (A Laracha).
2 Amado, Marcos Emilio. Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos. Edición do autor. Caión, 2017, páx. 74.
3 Leandro Carré Alvarellos,(2000): Las leyendas tradicionales gallegas. La Voz de Galicia, páx. 233.
4 Gómez Pérez das Mariñas foi sepultado na capela de San Marcos do convento de Santo Domingo da Coruña, onde xacían os restos dalgúnhas persoas da súa liñaxe. A consecuencia do asedio de Drake á cidade herculina en 1589 o convento quedou en ruínas e perdéronse para sempre o rastro das cinzas de Gómez Pérez.
5 Uxío Carré Aldao(1928): Geografía General del Reino de Galicia. Dirigida por F. Carreras y Candi. Volumen VI. Provincia de La Coruña. Tomo V, Barcelona: Casa Editorial Alberto Martín, páx. 702.
AS TORRES DE CILLOBRE (3ª parte)
De don Fernán Pérez Parragués e dona Constanza das Mariñas naceu don Ares Pardo das Mariñas, que foi o fundador dos morgados de Parga-Bergantiños e de Xunqueira. O primeiro deles comprendía as torres de Cillobre e outros moitos bens que esta familia posuía na nosa comarca: as freguesías de Santa María de Torás e Santiago de Vilaño, cos seus señoríos e xurisdicións civil e criminal; parte dos bens de San Román de Cabovilaño, San Lourenzo de Verdillo, Santa María de Traba e San Miguel de Vilela, e máis o casal de Vilar de Francos e outros lugares1. O segundo morgado, pertencía a súa muller dona Teresa Vázquez de Xunqueiras y Sotomayor, filla de Esteban de Xunqueiras, importante cabaleiro en tempos dos Reis Católicos que era dono da torre de Xunqueiras, na Pobra do Caramiñal.
Os bens de don Ares e de dona Teresa pasarían ao seu primoxénito, don Fernando Perez Parragués das Mariñas, casado en primeiras nupcias cunha tal dona Lucía de Castro, veciña de Santiago, e en segundas con dona María de las Alas Pumariño, fundadora do Convento das Concepcionistas de Viveiro e da capela de San Roque e Santo Antonio de Cillobre. Sobre esta capela, que pertenceu ás torres de Cillobre, “achéganos datos a historiadora Désirée Domínguez Pallas, tras mostrarnos o documento da fundación da mesma. Foi outorgado ante notario en Santiago o ano 1575 por Fernando Pérez Parragués e a súa dona María de las Alas. Dotan á capela con dúas cargas de trigo de renda anual perpetua sobre uns bens situados no lugar da Viña (Santiago de Vilaño), coa condición de que o crego oficie unha misa cada semana do ano. A fundadora foi María de las Alas, despois de sufrir unha grave enfermidade. Actualmente está restaurada e ademais de San Roque, santo moi venerado nos séculos XV e XVI por ser avogoso contra a peste, está dedicada a Santo Antonio2.”
![]() |
Exterior da capela de San Roque e San Antonio de Cillobre |
![]() |
Interior da capela de San Roque e San Antonio de Cillobre |
Don Fernando Pérez Parragués morre en 1577. Ao igual que outros membros da súa estirpe, os seus restos foron sepultados3 na capela de San Xoán Bautista do convento de San Francisco de Betanzos, cidade que sempre estivo moi vencellada aos Mariñas. Morto sen sucesión, herdou o patrimonio e os dereitos vinculares seu irmán, outro don Gómez Pérez das Mariñas, co que veu a suceder tamén na casa de Cillobre4. Casado con Juana Ortiz de Matienzo, Señora de Matilla (Valladolid), Gómez servira en Flandes como Capitán e tamén estivo na famosa batalla de San Quintín, aquel 10 de agosto de 1557, a raíz da cal Felipe II decidiu celebrar a victoria do imperio español contra o exército francés ordenando a construción do Real Monasterio de San Lorenzo de El Escorial. Foi dedicado a san Lourenzo, santo do día da victoria na que participara o Señor de Cillobre.
Gómez Pérez das Mariñas e Juana Ortiz de Matienzo tiveron un único fillo, don Diego Parragués das Mariñas, persoeiro que ocupou o cargo, dun modo interino, de Capitán Xeral do Reino de Galicia de 1593 a 1596 e de 1606 a 1608, a pesar de que os Reis Católicos decretaran anos antes que ningún galego podía desempeñar este alto cargo. A el se debe a fortificación da cidade da Coruña desde a antiga fortaleza (hoxe xardín de San Carlos) ata o Campo da Estrada. Tamén puxo en marcha a construción do castelo de Santa Cruz e, segundo algunhas fontes, do desaparecido castelo de San Diego “ao que deu o nome do seu santo patrón, san Diego5”. De neno fora paxe de Felipe II e de adolescente comezaría a súa carreira militar da man do gran almirante Juan de Austria, que o levaría por Túnez e Italia, donde máis tarde asentaría amistades. Sabemos que se casou dúas veces, a primeira en 1571 con María de Almaraz, e ao finar esta con Mariana de Velasco.
![]() |
Sinatura de don Diego das Mariñas (Publicada por César Vaamonde Lores no Boletín da Real Academia Galega nº 110, tomo X, páx. 42) |
En 1612 pasa ás ordes de Filiberto Manuel de Saboya, un neto de Felipe II ao que nomearan nese ano Capitán General de la Mar. Diego das Mariñas íase converter na súa man dereita: capitán da súa garda, tenente da súa frota e ata embaixador ante a Santa Sede, que repetiría 400 anos máis tarde outro coruñés: Paco Vázquez. En 1619, pouco despois de saír do porto siciliano de Messina, don Diego das Mariñas, Señor de Cillobre, falecía nas costas de Grecia. Sabemos dos seus feitos grazas a máis de setenta misivas con un gran amigo, o escritor, diplomático e pensador Diego Sarmiento, I Conde de Gondomar6. A súa azarosa vida alimentou un cántico, a “Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués”, de 110 versos, que o catapultou á popularidade perpetua e que di así:
“Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués7.”
Ora sea nalgún tempo
alça musa galega o rostro ó ceo
con gozo e passatempo
e deyja ese burel cuitado e feo,
pois se che offrece un milagroso caso
qu´entre as noue doncelas de Parnaso
serás por el dend´oje conocida
con nome eterno e vida,
e en pago de tal noua e tas albrizas
recebe do teu verso estas primizas.
E ben que na ciudade,
porque son muy galás e pezpuntados,
no escuiten de vontade
estes groseiros versos mal limados,
con todo, musa miña, a uoz leuanta
e con zanfoña e rústica garganta
faiz que entre estas silueiras,
que cengen a Mandeu con suas ribeiras,
resonen froitas, árbores e viñas
o sangre escrarecido das Mariñas.
Cantou no-á moitos días
outro galego con moy doce canto
as altas profecías
que esperan de Sebilla ó varón santo,
e porque achou a metade en el galega
feço del grande festa e grande emprega,
mays, ¿a quen pode vir, mirado a geito,
con máys justo dereito
a galega cançión que a uós, Diego,
pois por todas as partes sos galego?
Da uosa antigua liña,
que por sorte mezquiña
está tan mal tratada e de tal arte;
mays en os anchos Reinos de Castilla
fan dela tanta conta e marauilla
que por muy escollidos
e de tan limpa sangre producidos
entre os máis istimados cabaleiros
os da uosa linage son primeiros.
Das muy altas proezas
dos infançós antigos Parragueses
dan seguras certeças
tantos escudos, armas e paueses
en qu´están esculpidas e estampadas
as insinias de Parga, tan honrradas.
E vós que de tal pranta aués saydo,
como un rramo frorido,
despoys da tempestad de tanta guerra
tragees nouas de paz á uosa terra.
En vós está en tal punto
a honrra posta da cabalería…
con mil virtudes junto
de gracias, gentileza e valentía,
que postas a Phelipe por diante
vos escolleu de moitos por vastante
en prudencia e cordura,
que tan compridas poso en vós natura,
para ajudar a apaciguar o estado,
do Reino de Aragón alborotado.
E foi cousa mui certa
que por voso valor, auiso e arte,
estando ja desperta
a furia entr´eles do sangrento Marte,
andando vós do general ó lado
foi logo o furor deles apagado,
e así gran justiçia
para os altos misterios da milicia,
por fiel conselleiro do de Bargas,
o Rey escolleu da fror dos Pargas.
En fin, esa bondade
que corre sempre ó igual coa bosa casta
fará, a pesar da edade
que as cousas máis subidas roe e gasta,
que o voso nome para sempre viua
e entretallado en mármores se escriba
con letra e versos d´ouro, de maneira
que hasta a edad postreira,
de siglo en siglo, por millós de anos,
dure a vosa memoria entre os humanos.
Cruña, que lastimosa
chora os danos dos crués yreges
no-estés máis congojosa,
pois non che falta cousa que deseges
para estar pola terra e mar segura.
¿Non ves tua dita, oh ollo, e gran ventura?
Ora verás ben cedo,
sen ter rezeo algún de guerra ou medo,
as túas altas torres derrubadas
por este cabaleiro ó ceo alçadas.
Farate gornecida
de baluartes fortes e seguros,
tan fresca e tan polida,
con edificios de soberbios muros,
que por eles en breue tempo olbides
a torre que algús din que feço Alcides
e bondad´acharás nel tan enteira
que che terrán denteira
moytos reinos de verte gobernada
do máys cabal varón que cinge espada.
Honrrado cabaleiro,
aunque tiren por vós cousas máis grandes,
que a ualor tan enteiro
certo é que é pouco gobernar a Frandes,
con todo, como fillo agradecido,
honrrade a patria donde aués naçido,
facé coesa presencia
que a guerra faga dela sempre ausençia.
Así vos logrés ben coa vosa esposa,
honrrada, principal e tan fermosa.
(…CONTINUARÁ)
____________
1 José Antonio Andrade Figueiras/ Fernando Cabeza Quiles/ Evaristo Domínguez Rial/ Xan X. Fernández Carrera/ Antón García Losada/ Luís A. Giadás Álvarez (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, páx. 29.
2 Ibídem, páx. 31.
3 Prudencio Leza Tella (2010): Apuntes para la historia del Convento y Comunidad de San Francisco de Betanzos, Anuario Brigantino 2010, nº 33, páx. 121-144.
4 Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest, León, páx. 210.
5 Gumersindo García Gómez (1989): Don Diego Parragués de Las Mariñas, un ilustre larachés, El Ideal Gallego, 16 de agosto, Fiestas en Laracha, pp. IV-V.
6 Antonio Lage-Seara (2023): Diego Pérez das Mariñas, teniente de príncipe de la mar, @mundiario, 11 de novembro.
7 Concepción Delgado Corral (2010): A tradición literaria de Betanzos:«Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués», Anuario Brigantino 2010, nº 33, páx. 415-422.
AS TORRES DE CILLOBRE (4ª parte)
Ao morrer sen descendenica, os bens de don Diego das Mariñas pasaron a depender da liñaxe luguesa dos Ribadeneira. Foron a parar ás mans de súa tía (irmá de seu pai) dona Berenguela das Mariñas, que estaba casada co Señor da fortaleza da Barreira, na provincia de Lugo, don Fernán Díaz de Ribadeneira1, da familia dos señores de Ribadeneira e dos da antiga casa de Torés, situada no municipio de As Nogais, no máis abrupto das montañas de Lugo. O seu fillo Álvaro González de Ribanedeira das Mariñas foi o que herdou Cillobre. Fillo de don Fernán e de dona Berenguela tamén foi Gómez Pérez das Mariñas y Ribadeneira2, capitán xeral de Filipinas en 1590.
Don Álvaro ía casar coa súa prima dona Beatriz de Castro, Señora da casa de Torés. Froito de tal enlace foi don Pedro Bolaño Castro y Ribadeneira, que foi Señor de Cillobre e tamén de Parga, Xunqueiras e Torés, e que casou con dona Francisca Osorio y Estrada, sobriña do arcebispo de Sevilla e Inquisidor General don Fernando de Valdés y Salas3. Ao seu falecemento, pasou Cillobre ao seu fillo, outro don Pedro Bolaño Ribadeneira, que enlazou con dona María de Losada.
Morto don Pedro, o seu fillo maior don Diego Bolaño Ribadeneira y Losada, que casou con dona Antonia Taboada y Figueroa (da casa dos señores e condes de Taboada), converteuse no novo Señor de Cillobre. Como a parella non tivo descendencia, as posesións pasaron a seu irmán Juan Bolaño Ribadeneira, a quen Carlos II concedeu en 1679 o título de marqués da Pobra de Parga (Guitiriz, Lugo) en recoñecemento da “importancia y antigüedad de su linaje”. Cónxuxe deste prócer foi dona Inés de Castro y Pimentel, filla dos señores de Guitiriz e Baamonde.
Herdou o marquesado da Pobra de Parga, e con el a fortaleza de Cillobre, a súa filla dona María Josefa Bolaño y Castro, que contrae nupcias con Antonio de Navia y Bolaño. Viúva e sen fillos, en 1696 casa en segundas nupcias con don Tomás de los Cobos, descendente do célebre secretario e valido de Carlos I don Francisco de los Cobos. O marquesado de Camarasa e o condado de Ribadavia, incorporados á casa dos Cobos, uníanse agora ao marquesado da Pobra de Parga e ao señorío de Cillobre para gozo e desfrute da filla de aqueles señores, dona Josefa de los Cobos Bolaño, quen se titulaba, entre outras cousas, Señora de Cillobre.
Casou esta dama co marqués de San Miguel das Penas (Monterroso, Lugo) e conde de Amarante (Antas de Ulla, Lugo), amén de vizconde de Oca (da casa ourensá do mesmo nome), don Fernando Gayoso Arias y Ozores. Inicialmente o matrimonio estableceuse na cidade de Santiago na casa señorial que habitaran os pais del na rúa da Algalia. Don Fernando foi o que mandou fabricar a capela do Pazo de Oca (A Estrada, Pontevedra) que na actualidade, como comprobaremos posteriormente, aínda garda relación con Cillobre, e as fontes dos xardíns co escudo dos Gayoso. O enlace de don Fernando e dona Josefa ía dar orixe ao apelido composto de Gayoso de los Cobos, “que aún hoy perdura4”.
O seu fillo don Domingo Francisco Gayoso de los Cobos, marqués de Camarasa, da Pobra de Parga e de San Miguel das Penas, conde de Amarante e de Ribadavia e como tal Adelantado Mayor del Reino de Galicia, foi o seguinte Señor das Torres de Cillobre. Don Domingo ía casar con dona Ana Gertrudis Bermúdez de Castro, filla dos Señores de Gondar (Xeve, Pontevedra) e de San Pantaleón das Viñas (Paderne, A Coruña), e do matrimonio naceu don Joaquín María Gayoso de los Cobos y Bermúdez de Castro, que contraeu matrimonio en 1800 con dona Josefa Manuela Téllez-Girón Pimentel, filla dos IX duques de Osuna e condes-duques de Benavente. Deste matrimonio ían nacer María Josefa; María del Pilar; Francisco, que pasará a ser XIII marqués de Camarasa; María de la Encarnación; Joaquina; Ángela e Jacobo María Gayoso de los Cobos y Téllez Girón, quen, tras falecer seu irmán Francisco, pasará a ser XIV Marqués de Camarasa e, polo tanto, o novo Señor de Cillobre.
![]() |
Francisco de Borja Gayoso de los Cobos y Téllez-Girón, XIII marqués de Camarasa (https://es.wikipedia.org) |
A don Jacobo, que casara en 1853 con dona Ana María de Sevilla y Villanueva, sucédeo a súa filla dona Francisca de Borja Gayoso de los Cobos y Sevilla, esposa de don Ignacio Fernández de Henestrosa y Ortiz de Mioño, conde de Moriana del Río (Burgos). Nos tempos nos que dona Francisca era a Señora de Cillobre (foi marquesa de Camarasa dende 1877 ata 1926), o mariño mercante e historiador galego César Vaamonde Lores publica en varios números do Boletín da Real Academia un monográfico ao que titula Gomez Perez das Mariñas y sus descendientes (Apuntes históricos y genealógicos). Pois ben, no número 105 do devandito Boletín aparecen dúas imaxes das Torres de Cillobre, que debemos considerar coma un verdadeiro tesouro xa que, seguramente, foron as primeiras fotografías tomadas deste lugar. Ademais. no texto da súa autoría, Vaamonde describe Cillobre do seguinte xeito:
“Esta antigua fortaleza, llamada aún hoy las torres de Cillobre por las varias de que se componía, sufrió una tan radical transformación, que ha perdido por completo todo su carácter. Sus torres fueron demolidas en mas de la mitad de su altura para con su piedra y otros materiales construír viviendas de labradores. Consta ahora de una serie de edificaciones, resto de las erigidas en otros tiempos, siendo la principal de ellas, la casa-palacio, de planta cuadrada, tan sólidamente construída, que sus paredes tienen más de dos metros de espesor. El primero de los dos gráficos que insertamos representa la fachada principal del edificio, al que, a corta distancia, da acceso un gran portalón relativamente moderno, en el cual se ve un hermoso escudo que obstenta las armas de los antiguos señores de la fortaleza y su jurisdicción. Hállase situada en la parroquia de Santa María de Torás, ayuntamiento de Laracha5”.
Do matrimonio entre don Ignacio Fernández de Henestrosa y Ortiz de Mioño e dona Francisca de Borja Gayoso de los Cobos y Sevilla, que se deran o “si quero” o 10 de abril de 1877, ía nacer Ignacio Fernández de Henestrosa y Gayoso de los Cobos, novo marqués de Camarasa, conde de Ribadavia, titular das dignidades nobiliarias entre as que se incluía a de grande de España e representante dos dereitos vinculares de Cillobre.
![]() |
Francisca de Borja Gayoso de los Cobos y Sevilla, XV Condesa de Camarasa (https://gw.geneanet.org) |
Don Ignacio casou no verán de 1918 coa sevillana dona Blanca Pérez de Guzmán y Sanjuán, filla dos duques de T´Serclaes e dama da Súa Maxestade a Raíña Dona Victoria. Un anos despois deste casamento editábase a Geografía del Reino del Galicia (1926-30), onde Carré Aldao tamén describe o estado de Cillobre nesa época:
“En Cillobre hay una ermita de San Roque, propiedad de los dueños de las Torres.
La antigua fortaleza que aún llaman Torres de Cillobre, perdió todo su carácter por la transformación que sufrió. Fueron demolidos sus torreones en más de la mitad de su altura para construír casas de labradores. Las forman ahora una serie de edificaciones, de las que es la principal la casa-palacio de planta cuadrada, tan sólida, que sus muros tienen más de dos metros de espesor. A ella da acceso un portalón moderno que se abre al lado derecho de la carretera de Coruña a Finisterre, y en el que en su parte superior luce un hermoso escudo de armas de los antiguos señores, que son los blasones de los Bolaño, o sea el cordero y la cruz de los Ribadeneyra, las tres fajas de los Parragués, las fajas escacadas de los Sotomayor o Junquera y la estrella de los Mariñas6”.
A carón deste texto aparece unha fotografía (a mesma que podemos ver no Boletín da Real Academia Galega n.º 105) do portalón moderno, construído con sillares de granito e rematado no frontón curvo co fachendoso escudo que tamén nos describe Carré Aldao. Ten aos lados uns pináculos rematados en bolas, e como remate unha cruz. Ángel del Castillo na súa obra Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (1972), recolle: “Consta de una casa palacio señorial con varios cuerpos de torres de planta rectangular; reformada, perdió bastante carácter, pues incluso se rebajó la altura de las torres; tiene aún su patín, portalón y capilla7”.
![]() |
Portalón
das Torres de Cillobre (Foto publicada por César Vaamonde Lores no
Boletín da Real Academia Galega nº 105 e por Carré Aldao na Geografía del Reino de Galicia) |
Ese portalón (portalón barroco con escudo) retirouse de Cillobre a principios da década dos anos 30 do século pasado e trasladouse á Estrada (Pontevedra) ao coñecido como o Versalles galego, o Pazo de Oca, propiedade tamén de Ignacio Fernández de Henestrosa y Gayoso de los Cobos, Marqués de Camarasa e Señor de Cillobre cando se tomou esa foto. Sobre este traslado ao Pazo de Oca, resulta de moito interese para a nosa investigación o que nos apunta Antonio Sánchez González dende o Departamento de Historia, Xeografía e Antropoloxía da Universidade de Huelva:
“Llegados al siglo XX, Oca conoce dos etapas claramente intervencionistas. La primera, la acometida durante los años 20 por el marqués de Camarasa Ignacio Fernández de Henestrosa y su esposa Blanca Pérez de Guzmán, fase que incidió principalmente en restaurar determinadas zonas del viejo edificio, como la escalera de madera para bajar a la llamada torre desmochada, así como en la instalación del portal de Cillobre (traído de aquella casa-fuerte y torre en 1930)… De Cillobre trajeron también los marqueses de Camarasa dos sepulcros de los señores de Junqueras (uno de Esteban de Junqueras y el otro de su mujer Teresa Vázquez de Sotomayor) y de una hija de ambos (Teresa de Junqueras), hoy situados en cada uno de los brazos del crucero de la Capilla del pazo (García, 2016). También están enterrados en allí otros familiares como Ares Pardo das Mariñas y Tomás de los Cobos, marqués de la Puebla de Parga (Bértolo et al., 2014: 85-86)8”.
Imaxe actual dun recuncho do Pazo de Oca no que se pode observar o portalón que estaba nas Torres de Cillobre (Pazo de Oca, A Estrada www.tripadvisor.es)
Don Ignacio e dona Blanca foron pais dun fillo, Ignacio Fernández de Henestrosa y Pérez de Guzmán, que faleceu antes que seu pai sen ter descendencia. Sobre don Ignacio, morto en Los Ángeles (Estados Unidos) en 1948, Carlos Martínez Barbeito conta no seu marabillosos libro Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña que “escribió lo menos cinco tratados y alegaciones jurídico-económicas en torno a la cuestión de los foros, y no dejó sucesión9”.
Despois do pasamento deste prócer ían quedar á fronte do patrimonio as súas irmás dona Ana María, casada en 1911 con Luis Jesús Fernández de Córdoba y Salabert, duque de Medinaceli; dona Rafaela, duquesa de Mandas e marquesa da Pobra de Parga; dona Casilda, duquesa de San Mauro e marquesa viúva de Santa Cruz; dona Cristina, condesa de Ricla; e dona María Josefa Fernández de Henestrosa y Gayoso de los Cobos, esposa do historiador e arqueólogo mexicano Pablo Martínez del Río y Vinent.
![]() |
Retrato de Ana María Fernández de Henestrosa y Gayoso de los Cobos, duquesa de Medinaceli (https://es.wikipedia.org) |
Dona Victoria Eugenia Fernández de Córdoba y Fernández de Henestrosa (1917–2013), duquesa de Medinaceli, como primoxénita que era da irmá maior do marqués de Camarasa, Ana María Fernández de Henestrosa y Gayoso de los Cobos, foi a sucesora dos títulos da estirpe, como así nolo recordaba Carlos Martínez Barbeito:
“La representación vincular de las torres de Cillobre corresponde hoy a la hija mayor de doña Ana, es decir a doña Victoria Eugenia Fernández de Córdoba y Fernández de Henestrosa, duquesa de Medinaceli, marquesa de Camarasa, señora de Cillobre y otros muchos títulos y grandezas, esposa de don Rafael de Medina10”.
Dona Victoria Eugenia, que fora bautizada no Palacio Real sendo apadriñada polos reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia, de quen recibiu o seu nome de pila (no ámbito familiar era coñecida por Mimí) faleceu en agosto de 2013 na súa residencia sevillana de Casa de Pilatos aos 96 anos de idade. Esta señora creara en 1978 a Fundación Casa Ducal de Medinaceli e transferira a esta institución de carácter cultural varias propiedades, entre elas o Pazo de Oca, para garantir o seu mellor estado e conservación no futuro. É de supoñer que foi a ela a quen os caseiros da nosa bisbarra eximiron antigas rendas forais e compraron os terreos desta estirpe que tantos anos “señoreou” na Laracha. Véxase como exemplo de redención dun canon foral a escritura do ano 1928 que nos cedeu, coa súa habitual cortesía, o veciño do lugar do Pazo, Vilaño, Leonardo Fariña Lista que podedes ver no apéndice documental que publicamos deseguido.
APÉNDICE DOCUMENTAL
Escritura de redención dun canon foral en 1928
(Cedida por Leonardo Fariña Lista)
En las Torres de Cillobre, parroquia de Santa María de Torás, municipio de Laracha, a diez de agosto de mil novecientos veintiocho.- Ante mí, el Licenciado Don Andrés Regueiro Vázquez, Notario del Ilustre Colegio de La Coruña, con residencia en la villa de Carballo; presenciales: ----------------------------------------------------------------------------------
Don Camilo López Pardo, de treinta y un años de edad, casado, Abogado y procurador, vecino de la ciudad de Lugo, con domicilio en la calle de San Marcos número nueve, provisto de cédula personal clase novena, tarifa tercera por alquileres, número dos mil setecientos cincuenta, librada a diecisiete de octubre próximo pasado, y ---------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Don Jesús Añón Canedo, de cuarenta y cuatro años de edad, célibe, coadjutor, vecino de la parroquia de Santa María de Pastoriza, término municipal de Arteijo, provisto de cédula personal clase quince número cuatro mil cuatrocientos dos, librada por el recaudador de La Coruña en veinte de noviembre próximo pasado. -------------------------
Concurre el Don Camilo López en nombre de los Excelentísimos señores Don Ignacio Fernandez de Henestrosa y Mioño, Marqués viudo de Camarasa y de sus hijos Don Ignacio, Conde de Ribadavia, Doña María Josefa, Doña Cristina, Doña Casilda, Doña Ana, Duquesa de Medinaceli, y Doña Rafaela Fernandez de Henestrosa y Gayoso de los Cobos, Duquesa de Mandas en virtud de poder conferido por el primero y sustitución de los que le tenían conferido sus seis hijos como aparece de la escritura otorgada en la villa de Madrid a veintiuno de mayo próximo pasado, ante el Notario Don Camilo Avila y Fernandez, según copia que está a la vista en cuatro folios útiles, legalidada por los Notarios Don Fidel Perlado y Don Alejandro Santa María, de la que resulta que el compareciente, señor López Pardo, está facultado para redimir toda especie de foros, percibiendo el capital e intereses procedentes y todos los demás que sean del caso, formalizando y firmando las escrituras y documentos que se requieran, según aparece mas en detalle de la expresada copia de poder y sustitución que el Señor López Pardo me asegura no estarle revocado ni limitado en modo alguno.- Y el Don Jesús Añón Canedo también concurre en nombre y como apoderado de su hermana Doña Angustias Añón Canedo11, mayor de edad, soltera, labradora, vecina de la parroquia de Santiago de Vilaño, haciendo uso del poder que le ha conferido ante el Notario de la ciudad de La Coruña, Don Ildefonso Fernandez Feijóo a siete de enero de mil novecientos veinticinco, por cuyo poder faculta a su hermano el Señor compareciente para que en su nombre pueda redimir toda clase de renta, bien sean censos y foros que la mandante viene obligada a abonar por los precios, pactos y condiciones que libremente estipule, otorgando y firmando las escrituras públicas y privadas en que se consignen dichos contratos con todas las cláusulas y requisitos inherentes para su mayor estabilidad y firmeza, asegurándose también el Don Jesús Añón que dicho poder no le está revocado ni limitado en modo alguno.- Con cuyas circunstancias tienen los comparecientes, a juicio de mí Notario, la capacidad legal bastante para celebrar la presente escritura de redención de un canon foral; y por ella: ---------------------------------
El Don Camilo López Pardo, en nombre de los Excelentísimos señores Don Ignacio Fernandez de Henestrosa y sus hijos, en uso del poder y sustitución de otros que se dejan mencionados, otorga: Que da por redimidos desde ahora, pura y perpetuamente, a favor del Don Jesús Añón Canedo que adquiere para su hermana la Doña Angustias Añón Canedo, haciendo uso del poder que queda reseñado. ----------------------------------
El canon foral de doce ferrados de trigo, equivalentes a un Hectolitro, noventa y tres litros ochenta centilitros y dos gallinas, que anualmente viene pagando a dichos señores como sucesores del Conde de Camarasa, en reconocimiento del dominio directo de fincas que constituyen el lugar do Pazo de Vilaño, sito en dicha parroquia de Vilaño, en este municipio de Laracha, partido judicial de Carballo, las cuales constan del foro otorgado a favor de Marcos Folgar y su mujer María Gómez en el año mil seiscientos veintiuno, y en el prorrateo practicado en mil setecientos ochenta y ocho, sin que puedan detallar el nombre del Notario autorizante del expresado foro, que fué constituido por el canon de los doce ferrados de trigo y las dos gallinas, habiendo sucedido en el cultivo del lugar do Pazo la Doña Angustias Añón Canedo por herencia de su abuelo Don Francisco Canedo Riveiro. -------------------------------------------------------
Consiste el precio de la redención en la cantidad de mil setecientas cincuenta y cinco pesetas cincuenta céntimos que el Don Jesús Añón Canedo, en nombre de su hermana la Doña Angustias Añón, entrega en el acto en billetes del Banco de España y monedas de plata y cobre usuales y corrientes y el Don Camilo López Pardo cuenta y recoge a su poder para sus mandantes, de que yo Notario doy fé.- Y desde ahora el Señor López Pardo, en uso del poder que queda reseñado, da por extinguido el canon de los doce ferrados de trigo y dos gallinas, por consolidación de los dominios directo y útil en la persona del foratario, quedando liberadas las fincas, exentos los dueños del pago sucesivo de la pensión y canceladas todas las cuentas entre los dominios directo y útil, tanto por las rentas vencidas, incluso la de la anualidad corriente como por las contribuciones que pudieran afectar al canon.- Queda obligada la foratoria Doña Angustias Añón Canedo a concurrir ante la Junta Pericial de este ayuntamiento a tomar en su nombre por virtud de esta redención el capital imponible que corresponde a los doce ferrados de trigo, descartándola de la que figura a nombre del Señor Marqués de Camarasa, y mientras esa alteración no se verifique continuará abonando a los señores redimentes o su apoderado la cantidad que corresponda. ----------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Don Jesús Añón Canedo, en nombre de su hermana Doña Angustias Añón Canedo, en uso del poder que le ha conferido, acepta esta escritura de redención quedando de su cuenta los gastos del original. -------------------------------------------------------------------------
Se hace la advertencia referente al pago del impuesto a la Hacienda, presentando copia de esta escritura en la oficina Liquidadora de este partido dentro de los treinta días hábiles siguientes. ----------------------------------------------------------------------------------
Así lo otorgan; firman los señores comparecientes con los testigos instrumentales Don Cándido Piquero Casado y Don Ricardo García Díaz, vecinos de la villa de Carballo, sin incapacidad.- Ya leído yo Notario, a todos, a su instancia, integramente y en un solo acto esta escritura, extendida en dos pliegos timbrado común, clase octava, serie A., de los cuales el anterior lleva el número cinco millones trescientos setenta mil cuatrocientos ochenta y nueve.- De cuyo contenido y de conocer a los otorgantes, yo Notario doy fé.= Camilo L. Pardo= Jesús Añón= Cándido Piquero= Ricardo García.= Signado: Lic. Andrés Regueiro.= Hay las rúbricas. ---------------------------------------------------------------------------
Es primera copia de su matriz que en dos pliegos clase octava y con el número de orden trescientos sesenta y dos, figura en el protocolo general corriente de instrumentos públicos de mí Notaría.- Y para el Don Jesús Añón Canedo, expido, signo y firmo la presente en estos dos pliegos timbrado común, el primero clase quinta, serie A., número 0.295,759 y el otro de la octava, también serie A., número 5.370,256; dejando rubricadas las hojas anteriores y anotada esta saca en la villa de Carballo a diez de septiembre del año de su otorgamiento.= Valga lo enmendado: de=s=d=a=r. -----------------------------------------------------------------------------------------------
(…CONTINUARÁ)
__________
1 Casado con dona Berenguela en segundas nupcias.
2 Nacido en 1539, Gómez Pérez das Mariñas y Ribadeneira foi cabaleiro da Orden de Santiago, corrixidor de León e Cartaxena, xustiza maior, adiantado e capitán xeral do Reino de Murcia, antes de ser nomeado capitán xeral de Filipinas en 1590; alí concluíu a construción das murallas de Cavite e Manila, e ordenou o comezo das obras da fortaleza da Real Fuerza de Santiago. No transcurso da expedición para a conquista das Molucas, foi asasinado en 1593.
3 Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest, León, páx. 210.
4 Ibídem.
5 César Vaamonde Lores (1916): Gomez Perez das Mariñas y sus descendientes (Apuntes históricos y genealógicos), Boletín da Real Academia Galega nº 105, tomo IX, páx. 207.
6 Uxío Carré Aldao, Uxío (1928): Geografía General del Reino de Galicia. Dirigida por F. Carreras y Candi. Volumen VI. Provincia de La Coruña. Tomo V, Barcelona: Casa Editorial Alberto Martín, páx. 176.
7 José Antonio Andrade Figueiras/ Fernando Cabeza Quiles/ Evaristo Domínguez Rial/ Xan X. Fernández Carrera/ Antón García Losada/ Luís A. Giadás Álvarez (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, pp. 29-30.
8 Antonio Sánchez González (2020): Departamento de Historia, Geografía y Antropología. Universidad de Huelva. E-mail: antonio.sanchez@dhis2.uhu.es: Contribución a la historia constructiva del Pazo de Oca a través de la planimetría de sus propietarios, Estudios e Investigaciones, Anales de Geografía de la Universidad Complutense, ISSN: 0211-9803, https://dx.doi.org/10.5209/aguc.76729 Recibido: 7 de abril del 2020 / Enviado a evaluar: 4 de mayo del 2020 / Aceptado: 25 de mayo del 2021, páx. 201.
9 Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest, León, páx. 210.
10 Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest, León, pp. 210-211.
11 Jesús e Angustias eran irmáns de José Añón Canedo, presidente da CUTCSA e presidente do Nacional de Montevideo do que xa temos falado nestas Crónicas da Laracha. Pode verse a súa crónica aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2023/05/jose-anon-o-empresario-de-vilano-que.html
AS
TORRES DE CILLOBRE (5ª
parte e fin)
Para recordar os tempos de esplendor de Cillobre falamos con algunhas persoas da Laracha, entre elas Marisa Aldao Liste, veciña deste lugar da Laracha que nos recibiu coa maior das amabilidades no seu domicilio en xullo de 2024. “Meu pai dicía -recordaba Marisa- que aquí en Cillobre había unha muller que lle chamaban a señora da Torre, que eu penso que debía ser a administradora dos condes de Camarasa, e era esa muller a que se encargaba de cobrar as rendas dos foros. Disque había días nos que a caravana de carros cargados de ferrados de trigo, fabas ou millo chegaba ata San Román, porque claro, todo esto era dos marqueses de Camarasa. A fortaleza eran dúas torres cadradas e, no medio delas había un espazo rectangular (tipoloxía prerrenancentista, como as Torres do Allo1). A torre da dereita era o celeiro onde se gardaba o cereal que traían estos carros. Esta torre foi desfeita, e coas súas pedras fíxose a ponte do Formigueiro a finais dos 50 ou principios dos 60. A outra torre, a da esquerda, que é a que quedou, tiña habitacións e na parte de abaixo penso que houbo cárcere porque eu acordo de ver uns ferros que parecían os grillóns dos presos. Papá tamén contaba que aí na entrada de Cillobre, ao carón da carretera, estaba A Portería e a xente de aquí disque que quedou moi contenta cando a desmontaron e a levaron para o Pazo de Oca. Era unha entrada moi estreita. Os de Patiño, os de García e os da nosa casa non podían pasar cos carros de toxo porque era unha entrada moi reducida. Cargaban os carros todo o que podían e claro, despois non podían pasar. Por iso quedaron moi contentos cando a desmontaron e a levaron para o Pazo de Oca.”
![]() |
Imaxe actual do que aínda se mantén en pé da chamada torre da esquerda |
Marisa ten unha relación abofé que ben curiosa coa Portería da que estamos a falar, unha relación da que prometemos falar no futuro nestas Crónicas da Laracha.
Isabel Verdía tamén nos contou algunhas lembranzas da súa infancia e díxonos que “os últimos propietarios das Torres de Cillobre foron o señor Gelasio e a señora Jesusa. Tiñan tres fillos e eu, de pequena, ía moito a xogar alí e a darlle de comer ás galiñas cos pitiños e a un can que se chamaba Zoco. Das torres soamente me acordo de unha e de que venderon as pedras para facer outras casas. Tamén me gustaría dicir que a capela de San Roque, hoxe restaurada, estivo en ruínas durante moito tempo, pero os veciños fixemos unha colecta na Laracha e restaurouse nos anos 90 cos cartos que xuntamos. Actualmente, cada 16 de agosto, celébrase unha misa e procesión na honra de san Roque. Nos tempos nos que a capela estivo en ruínas non se facía nada, e por iso os veciños unímonos para restaurala porque era unha romaría moi bonita, hoxe vida a menos, pero polo menos faise unha misa ao ano”.
![]() |
Cillobre, anos 50 (https://mapas.xunta.gal/visores/basico/) |
![]() |
Cillobre na actualidade (https://mapas.xunta.gal/visores/basico/) |
Susa de García, veciña de Cillobre, aínda garda na súa memoria o seguinte cantar:
Dende A Coruña a Carballo
non hai lugar coma Cillobre,
porque din que teñen dentro
as Torres do señor Conde
E, por último, José Antonio Castro Mallo tamén nos deixou enriba da mesa unha serie de datos e informacións moi interesantes sobre as Torres de Cillobre e de elementos como un hórreo que se retirou de alí e se trasladou a outro lugar, neste caso non tan lonxe como o portalón, un hórreo que dende hai anos está nunha casa particular do lugar do Cruceiro, en Lestón. “Este hórreo é de granito e ten pés, unha tipoloxía que pouco se ve na Laracha. En Zas si que hai moitos”, contounos José Antonio. Esta fonte oral tamén nos dixo que Cillobre aparece no pleito Tabera-Fonseca: “Eu lin o libro hai moito tempo. Era a transcrición do manuscrito pero non me acordo de todo, soamente de algo. Se non recordo mal, menciónase a destrución dunha das torres. A construción que queda é unha torre rebaixada, a torre da esquerda, e foi convertida en vivenda. Ten parladoiros ou ventás de asento e porta elevada. Este tipo de portas parece ser que tamén se denominan portóns normandos. O edificio aínda conserva un par de seteiras2, por certo, unha delas está debaixo do portón. Moita da pedra acabou en casas que construíron os labradores alí, en Cillobre. No antigo muíño de Vioño, ao lado da casa de García, aínda hoxe se ve pedra que procede da torre da esquerda, segundo me dixo xente moi maior que non vive e que escoitaran estos contos cando eran pequenos.”
![]() |
Imaxe actual do que aínda se mantén en pé da chamada torre da esquerda |
José Antonio tamén nos falou dunha curiosa estrutura circular existente en Cillobre e doutras informacións que foi recompilando ao longo dos anos. “Do castro para o lado de atrás hai unha especie de foso onde está o río de lavar. Nunha leira onde o hórreo de García, fóra da muralla, hai unha estrutura circular feita de grandes pedras e outras máis pequenas que fan un semicírculo ben feito. A muralla perimetral está detrás. Paréceme o resto dun forno de cocer o pan, pero habería que mirar moito mellor. Tamén hai pedras montadas nunha corte dentro da muralla perimetral, e aínda hai solo empedrado e un piar de granito, moi ben labrado por certo. Tiñan xardín francés e daba moi boas peras e mazáns. Por outra banda, o dato que di que o pazo tiña paredes de máis de dous metros de grosor creo que non era o pazo. O que as tiña, segundo me dixeron hai tempo, era a torre da dereita, que era onde gardaban o trigo dos pagos dos foros. As pedras desta torre son as que están na ponte do Formigueiro xunto coas do pazo. E para que muros dese grosor? Pode ser para os ataques con pólvora, penso. Senón, que explicación ten ese grosor.”
![]() |
Construción da ponte do Formigueiro nos anos 50-60 coas pedras dunha das torres de Cillobre (Cortesía de Jesús Manuel Carracedo) |
José Antonio conclúe a súa argumentación comentando que “ao lado das torres, que están enriba dun castro, non o olvidemos, pasa a actual estrada. A esa altura o paso chámase A Brea e ao outro lado da estrada está o castro de Gabenlle. Existe aínda a casa da Brea, topónimo importante que indica lugar de paso, de aí que o camiño vello pasara por As Calzadas preto do castro de Montes Claros, onde apareceu un miliario na igrexa. Todo estába ben conectado desde a Idade do Ferro, e mesmo o megalitismo. Non olvidemos tampouco que no lugar de Fofelle hai unha mámoa, segundo a carta arqueolóxica. En definitiva, no medio do castro de Cillobre, rodeada do seu arruinado peche perimetral, rebaixada en altura e convertida en vivenda, érguese con gallardía a torre da esquerda, símbolo vetusto do pasado do pobo e parte do seu futuro, presente no seu insigne escudo”.
![]() |
Imaxe actual do que aínda se mantén en pé da chamada torre da esquerda |
Din que as pedras gardan miles de secretos e que, se prestamos a debida atención, mesmo falan con nós de historias de vida, de acontecementos históricos, de pensamentos, de costumes, de historias de amor e de odio, de relixión… pedras como as que aínda quedan en Cillobre, que de seguro foron testemuñas dos amores e desamores de Constanza das Mariñas e mesmo viron botar fume polas orellas a seu pai, Gómez Pérez das Mariñas. Continuando coa liña de recuperación de bens como o Castro de Montes Claros ou o Marco da Anta (o menhir de Erboedo) en marzo de 2023 o Concello da Laracha, con 54.000 euros de remanente de tesourería, decidiu afrontar a compra de todos os terreos vinculados ao conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre, icona do seu escudo e catalogados no Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo, por parte do consistorio, de garantir a súa máxima protección. A ver logo, se as súa pedras volven falar!
FIN
______________
1 José Antonio Andrade Figueiras/ Fernando Cabeza Quiles/ Evaristo Domínguez Rial/ Xan X. Fernández Carrera/ Antón García Losada/ Luís A. Giadás Álvarez (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, pp. 30-31.
2 Unha seteira e unha ventá estreita e alongada dunha torre ou fortificación por onde se disparaban setas ou frechas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario