Se
paseades pola praia e atopades unha pedra o máis probable é que
efectivamente sexa… unha pedra. Mais tamén existe a
remota, moi moi remota
posibilidade,
como lle pasou a unha moza
de Caión no último terzo
do século XVI, de
que esteades
parados fronte a un tesouro:
un anaco
de ámbar gris, o
nome elegante co que se coñece
a certo tipo de materia fecal dos cachalotes.
 |
Praia das Salseiras de Caión
|
O
ámbar gris é unha secreción biliar dos intestinos do cachalote que
podedes ver, case coas mesmas posibilidades de atopar unha agulla nun
palleiro, flotando no mar ou na area da costa. Segundo nos contou
Alfredo López, á voz máis coñecida da Coordinadora para o Estudo
dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA), este material é unha
egagropila, por así dicir, que producen os cachalotes dos restos de
picos e pezas dos cefalópodos que comen estos grandes mamíferos
oceánicos.
Algúns
científicos propuxeron a teoría de que o intestino destos cetáceos
produce esta sustancia como medio para facilitar o tránsito de
obxectos duros e afiados que o animal come de xeito inadvertido.
Christopher Kemp, autor do
libro Floating Gold: A Natural (and Unnatural) History of
Ambergris ("Ouro
flotante: unha
historia natural (e
pouco
natural) do
ámbar gris"),
conta en BBC
Mundo que este
material “é produto dun problema intestinal e a súa rareza
débese a que en principio prodúceno soamente unha mínima fracción
da poboación dos cachalotes -cerca do 1%- en circunstancias
particulares”.

Trátase
dunha especie de resina
viscosa e cheirenta,
de cor gris mate ou negra,
con tonalidades variadas como o
marmol, pero, co paso do tempo -anos, décadas- e a medida que as
correntes a levan
de aquí para alá, vai adquirindo un corpo ceroso e
unha fragrancia particular, ata que finalmente
as ondas a empurran cara a costa.
Canto máis
tempo pase no mar,
máis
refinado e complexo
se torna o seu
aroma, e
máis
elevado o seu
valor.
Desde
hai moitos séculos, o ámbar gris foi considerado un produto de
verdadeiro luxo. Usado antigamente
en cerimonias
relixiosas,
como afrodisíaco en Medio Oriente, delicatessen
en China ou
como ingrediente en pocións
de mediciña
tradicional, na actualidade
este material
utilízase
maiormente
na industria do
perfume, principalmente,
para fixar e exaltar fragrancias máis delicadas e moi volátiles.
Cada vez é máis complicado atopalo e, dende a década de 1990, é
moi difícil que se engada en algún perfume. Moitas veces utilízase
ambroxan,
un sustituto sintético, pero que non consegue igualar o seu poder.
Para que me entendades, é como escoitar tocar a Luar na Lubre ou
unha banda que interpreta un tema de Luar na Lubre. Soan dalgún
xeito igual, pero definitivamente fáltalles unha certa cualidade
imposible de definir.
 |
Anaco de ámbar gris (Cristopher Kemp)
|
Aínda
que normalmente non supera uns centos de gramos, o bloque de maior
tamaño de ámbar gris rexistrado pesaba 63 quilos e proviña dun
cachalote cazado nas Indias Orientales Neerlandesas no que hoxe se
coñece como Indonesia.
Como
xa apuntamos, estímase
que só un
de cada 100 cachalotes é capaz de “fabricar” ámbar
gris, o que lle
confire a este produto un halo de extremada rareza e
desorbita o
seu valor
no
mercado.
Por
exemplo, un ámbar gris de
nove
quilos
e
medio de peso e
60 centímetros de diámetro localizado
hai uns anos valorouse nuns 500.000 euros.
Nalgúns
países,
aínda
se
taxa
con prezos
máis
elevados que o
ouro,
pero poucos
saben de onde
vén
realmente. Por
outra
parte, e
malia a que en moitas
partes (como
Europa)
a comercialización é
legal, en
Estados Unidos,
por exemplo,
unha
lei
de 1972 para protexer
aos mamíferos mariños
prohibe
a comercialización desta sustancia e mesmo
penaliza o
feito de
recoller
un anaco
de ámbar gris na praia.
Na
nosa contorna sabemos a historia, grazas ás investigacións de José
Raimundo Núñez-Varela
y Lendoiro, Cronista Oficial de Betanzos, Miño
e Paderne, dunha caionesa
que atopou no
areal da súa vila
un anaco deste raro
residuo abdominal nun
momento no que Caión era un dos grandes portos baleeiros galegos.
Viaxamos,
pois, ata o
último terzo
do
século
XVI, época
na que unha moza, solteira
e
menor de idade,
por non
cumprir
os vintecinco
anos,
de nome María Pereira de Toxo
e
filla
de Pedro Toxo,
veciños
desta
vila mariñeira,
encontrou
«…
en la costa de la mar dela dha Villa de cayon…»
nada menos que catorce libras de ámbar gris, cunha
valoración de trescentos ducados de ouro
cada libra.
 |
Panorámica aérea de Caión (www.turismo.gal)
|
Unha
libra
equivale a 0,45 quilogramos, polo tanto, 14 libras son 6,350
quilogramos. O
ducado do
século XVI e de comezos do século XVII tería
unha
equivalencia actual a uns 196 euros
(segundo
o prezo
do
ouro
en peso en 2023 de 54.54 € por gramo de 22 K), así
que aquelas catorce libras de ámbar gris localizadas en Caión eran
todo un fortunón, abofé!
Informado
o
comerciante
Agustín Garrido de semellante
achado,
púxose dacordo co pai da rapaza para
adquirir o
tesouro,
e
compartilo con Fernando de Cancelo, Juan Catoira e
Miguel Rajo, todos veciños
da vila
mariñeira.
 |
Anaco de ámbar gris (Cristopher Kemp)
|
Entrementres,
no transcurso daqueles días, ten lugar o matrimonio do comerciante
Antonio López de Hiebra, veciño así mesmo de Caión, coa
afortunada María Pereira, quen entende que se tratou dunha
transacción enganosa e en prexuízo da súa muller, polo que procede
a reclamar ao nomeado Agustín Garrido, á súa muller Beatriz de
Castro e a Claudia, a súa filla, unha compensación pola diferenza
que considera se lle pagou de menos, baixo a intimidación de que en
caso de non efectualo recorrerá aos tribunais.
Esta
enfastiada
situación resolvérona
mediante
escritura de compromiso formalizada no
lugar de
Crendes (Abegondo),
o
19 de xaneiro
de 1587, ante o
escribán
Juan Pérez Álvarez do
número de Betanzos, na que fan
constar «…E
por que los fines de los Pleitos son dudosos e peligrosos e muy
costososos (sic) por nos quitar y ebitar dellos somos convenidos e
concertados de nos conprometer con la dhas dudas deferencia En manos
E poder de Jueces arbitros…».
Por
parte do
reclamante nomease
a Gómez Fernández Catoira, Rexedor
da Coruña, como
o seu mediador,
e
por parte do
comerciante Agustín
Garrido ao
bacharel
Jácome Cortés, Tenente de Corrixidor
de Betanzos.
Segundo
nos conta José
Raimundo Núñez-Varela,
enténdese
que os xuíces
xa
estaban ao
tanto do
problema existente entre ambos comerciantes,
de aternos ao
feito
de que o
mesmo
día emiten a sentenza
arbitral, na que determinan que o
adquirente Agustín Garrido lle
aboe
ao
reclamante Antonio López cento setenta ducados de ouro
en dous
prazos,
e
que este
último poida
demandar «…qualquier
quantidad que del dho anbar ayan tomado y llebado quales quier
vecinos de la dha Villa de callon…»,
en clara referencia aos outros
tres veciños
que negociaran
con Pedro Toxo.
Acto
seguido Antonio López de Hiebra fai
saber, dando o seu testemuño e expresando o da súa muller María
Pereira
ausente
ante o
mesmo
escribán,
data
e
lugar, de que non
irá nin
demandará cousa
algunha
ao
comerciante
Agustín Garrido, a
súa muller e filla en
razón do
ámbar que «…ayan
tomado y llevado…» como
así consta
na
escritura coa que se da por finalizado
o
proceso.
Para
maior concreción e coñecemento documental, presentamos seguidamente
tres apéndices coa transcrición realizada por José
Raimundo Núñez-Varela das
partes máis relevantes das escrituras públicas formalizadas:
Descargar apéndices
FONTES:
Núñez-Varela
y Lendoiro, José Raimundo (2018): Arbitraje de La Coruña y
Betanzos para el ámbar gris hallado en Cayón en 1587, Sitio web
del Cronista Oficial de Betanzos, 15 de agosto.
Plitt,
Laura (2015): ¿Por qué la caca de cachalote se cotiza en
miles de dólares?, BBC
Mundo, 1 de outubro.
____________