Ampla, moi ampla é a relación que o Concello da Laracha ten coa comarca pontevedresa do Salnés, a cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Neste espazo xa temos falado, por exemplo, de como Epifanio Campo Núñez iniciara en Vilalonga (Sanxenxo) a súa actividade industrial que se ampliaría entre os anos 50 e os 60 en Lendo coa creación de Cerámica Campo.
Precisamente, a raíz da creación desta empresa na Laracha, chegara numerosa man de obra do Salnés para traballar na primeira fábrica de Campo en Lendo, inaugurada na década dos 60. Un daqueles operarios foi Jacinto Meniño Álvarez, nacido en Meaño en 1949 e protagonista do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño. “Naquela época viñéramos moitos operarios de Meaño traballar aquí. Non sei se me acordarei de todos, pero viñera meu irmán Celso, Minguillo, Luís ‘da Ghandra’, Doro (Teodoro), Eligio, Arturo, Nené, Tino, Isidoro, Manuel Meis ‘Marabillas’, Enrique, José de Adelina, que este era natural de Cambados… Estabamos todos na pensión que había no Cruceiro de Lendo, que naquela hora o bar do Cruceiro era taberna, salón de baile e pensión. Precisamente, eu coñecín alí a miña muller, Herminia Piñeiro, que traballaba no bar axudando coas comidas. Outros operarios do Salnés que acabaron casando coma min na Laracha foron meu irmán Celso, Arturo, Marabillas, Doro, Luís da Ghandra e José de Adelina”, recordaba Jacinto Meniño.
Casualidades da vida, naquela época un veciño de Lendo facía á viaxe a inversa. Falamos de don José Aldao Rey, sacerdote de Cambados ao que lle dedicamos ás Crónicas da Láracha desta semana.
![]() |
| Don José na igrexa de San Xián de Lendo no día da celebración do 60 aniversario no sacerdocio (Álbum persoal de don José Aldao Rey) |
O noso protagonista é fillo de Ramón Aldao Queijeiro e Natalia Rey Martínez. O seu proxenitor, casado en segundas nupcias tras enviuvar da primeira muller, tiña dous fillos do primeiro matrimonio: Daría e Manuel, ambos falecidos.
Con José, nacido no lugar de Bragunde o 21 de xaneiro de 1942, contactamos recentemente por medio de súa sobriña Nati, bibliotecaria do Concello da Laracha. Falamos con el este domingo, 26 de xullo. Despois dun fin de semana de gran actividade litúrxica (o sábado oficiou tres vodas e a misa e procesión de Santa Margarita, e o domingo as tres misas de sempre), tivo a ben atender a nosa chamada telefónica permitíndonos realizar un lindo paseo polo máis profundo da súa memoria.
O noso homenaxeado comezaba a conversa recordando os primeiros anos da súa vida, en plena posguerra. “En nacín en Bragunde e alí estiven ata os 9 anos. Naquel tempo ía dunha escola para outra. Estiven na escola de Che de Martínez, botei algún tempo na escola pública de Lendo que estaba no Cruceiro nunha casa dos de María do Ferreiro, tamén fun á escola que había na Barreira… pero con quen máis estiven foi con Che de Martínez, un mestre que despois traballou nas oficinas de Cerámica Campo. Pódese dicir que con Che foi onde eu tratei de coller rumbo na vida”.
![]() |
| Imaxe dos anos 40 da escola pública de Lendo (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
Malia ser un cativo de curta idade, naquel intre José empezaba a ter moi claro o que daba Bragunde de sí: traballo duro co gando e dobrar o lombo enriba do legón no campo día si e día tamén. “Entón aos 9 anos foi cando plantexaron na casa a posibilidade de seguir estudando e prepareime para o ingreso no seminario na escola de Julio de Cacheiro, que estaba na Laracha, no Empalme, case en fronte ao concello. Naquel momento aínda non tiña nada claro que o meu camiño ía ser o sacerdocio. Eu o único que quería era estudar e saír de Bragunde porque, claro, nesa época non había nin carretera, nin luz, nin nada de nada”.
Como Bragunde era un espazo no que dificilmente se lle abrirían as portas do futuro, o cativo, logo de que na casa lle confirmaran a posibilidade de continuar cos estudos, soubo que o seminario era a alternativa para algo máis na súa vida. “Ese ‘algo máis’ era o que nos motivaba, e xa digo, prepareime na de Julio de Cacheiro. Aos 11 anos, en 1953, foi cando entrei no Seminario Menor de Santiago de Compostela, en San Roque. Fun para alí porque no Seminario Maior non collíamos todos. Daquela eramos moitos, ao contrario de agora (risas). Despois pasei para o Maior. En Santiago fixen cinco anos de Humanidades, tres de Filosofía e posteriormente catro de Teoloxía, que eran os propios da carreira de sacerdote”.
Logo desos doce anos de formación, chega o 22 de xullo de 1965, día no que o mozo de Lendo foi ordenado sacerdote, xunto con outros compañeiros, na catedral de Santiago sendo cardeal o ourensán Fernando Quiroga Palacios. Poucos días despois, o 1 de agosto, José oficiaba a súa primeira misa na súa patria chica, na igrexa de San Xián de Lendo.
Unhas semanas máis tarde, o 23 de outubro de 1965, o larachés chega a Cambados, o seu primeiro destino, onde xa levaba algún tempo don Antonio Liste, cura que estivo á fronte da parroquia de Santa María de Torás nos anos corenta e do cal falamos a semana pasada nestas Crónicas da Laracha (pódese ver a crónica sobre don Antonio e súa sobriña Marisa aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2026/07/a-estrada-e-laracha-dous-concellos_01012301734.html ).
José Aldao Rey pasara pola vila do albariño unha vez, nunha excursión, e recorda que xa daquela quedara impresionado con aquela maxestosa Praza de Fefiñáns. “Cambados foi o meu primeiro destino e, polas circunstancias da vida, é o primeiro, o único e o último. Eu cheguei aquí porque naquel entón en Cambados había a posibilidade de dispoñer de dous capeláns ou coadxutores (o outro era don Crisanto). Don Antonio Liste, que tiña moita influencia en Santiago, pediu un coadxutor que cantara así que xa ves, o tema do canto foi o motivo principal polo que eu viñen para Cambados”.
![]() |
| De esquerda a dereita: don José, don Antonio e don Crisanto en Cambados (Álbum persoal de don José Aldao Rey) |
Don José non estudara música pero tiña boa orella, abofé! No Bragunde da súa infancia facíanse bailes de pandeireta pero el di que “iso non influiu para nada en que eu fora cantor no futuro. Sei que se facían bailes e, como neno que era, pois oía o que cantaban e ía cos outros rapaces da aldea a estrebillar un pouco por alí. Xa digo, iso non influiu para nada. A voz é unha desas cualidades que a vida e Dios me deron”.
Ao noso veciño íalle tocar vivir os tempos duros do narcotráfico na súa vila de adopción, sendo testemuña das secuelas que a droga deixaba durante xeracións na xuventude da comarca. “Foi moi triste deixar no cemiterio a rapaces que non tiñan que estar alí”. Refírese ás vítimas das sobredoses, da violencia e do SIDA que, especialmente nos anos oitenta, foron moitas na vila cambadesa “porque había desalmados que traballaban con iso, xente que para facer cartos non lle importara que morreran os seus veciños”. O problema da drogadición non está resolto e afirma que “segue habendo demasiado silencio do que todos somos un pouco cómplices”. Don José foi dos que alzou a súa voz contra os traficantes, ben desde a parroquia ou ben a través da Fundación Galega contra o Narcotráfico da que forma parte. De feito, o de Lendo ten recibido algún premio Nécora desta fundación, outorgado ás persoas que destacaron en combater esta lacra. Non lle faltaron reproches e enemistades por esta loita, pero o larachés prefire pasar páxina sobre este asunto.
Xunto co viño e a hostalería, o mar é un dos grandes piares da economía de Cambados e do Salnés. O mar da a vida, si, pero tamén trae dor. Don José non se esquece “da xente que perdeu a vida nos naufraxios, que tamén son outro punto negro da miña estadía aquí. Houbo veciños de porta con porta que morreron no mar. Iso foi algo que me impresionou moito e que deixou un vacío moi grande nas familias”.
Comezabamos esta crónica falando dos operarios da comarca do Salnés que viñeron para A Laracha a traballar en Cerámica Campo, xusto cando don José, daquela un mozo de 23 anos que acababa de saír do Seminario, facía a viaxe a inversa. Dado que hai varios destos operarios que casaron no seu concello de nacemento preguntámoslle se tiña relación con eles e coa familia Campo. “Si home, eu coñezo á xente da comarca do Salnés que vive en Lendo. A algúns téñoos de veciños (risas). De feito eu casei a Divina Meniño, a filla de Jacinto e de Herminia, na igrexa de Lendo. E tamén casei a algúns desta familia aquí en Dena (Meaño), Barrantes (Ribadumia), Vilalonga (Sanxenxo)… e tamén, dada a boa amistade que tiña coa familia Campo, casei en Vilalonga ou en Armenteira (Meis) aos fillos de Epifanio, que quería que eu fose de cura para Vilalonga. Pero bueno, eu estaba en Cambados e aquí seguín”.
E tanto que seguiu! Chegou en 1965 e dende aquela alí segue, un caso case excepcional en Galicia, onde a movilidade é o habitual nos sacerdotes, sobre todo nos primeiros anos. Dende a súa chegada como coadxutor colaborou durante case catro décadas en perfecta sintonía co párroco don Antonio Liste, ata o falecemento deste en 2003 aos 90 anos de idade. Santiago Tirado, alcalde naquel tempo de Cambados, nunha reunión plenaria do concello, fixera constar que recollía a opinión unánime de toda esta vila dicindo que “os cambadeses queremos que se quede don José como sucesor de don Antonio xa que é un cambadés máis despois de corenta anos entre nós”. Naquela altura esa declaración institucional reflexaba claramente a posición dos seus fregueses, e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, tivo a ben confirmar a don José Aldao Rey como cura párroco de Santa Mariña de Cambados o 22 de outubro de 2004. Este nomeamento causou inmensa ledicia e foi celebrado con toda satisfacción entre os fregueses.
![]() |
| Don José na entrada da igrexa de Santa María de Dozo de Cambados no día no que celebraba os 50 anos de sacerdocio (Álbum persoal de don José Aldao Rey) |
En 2025, xa con 83 anos ás súas costas, Cambados dedicoulle unha máis que merecida homenaxe ao noso protagonista celebrando as súas «bodas de diamante» coa vila do albariño. Esa homenaxe comezaba co repicar das campás de Santa Mariña e San Bieito, tocadas por algúns dos máis novos da súa parroquia, antes de celebrarse unha eucaristía na que participaron sacerdotes dos municipios limítrofes e un aperitivo na Sociedad Cultural de Cambados. Ademais, tamén se organizara unha exposición fotográfica sobre estas seis décadas de estadía do sacerdote natural de Lendo en Cambados. Naquel día inesquecible para o veciño de Bragunde, os seus fregueses entregáronlle unha pequena sorpresa en forma de cadro, un agasallo que obviamente non agardaba. O momento máis emotivo de aquela homenaxe foi a lectura dunha carta, unha misiva que comezaba cun rotundo «grazas» polo apoio que deu a tantas familias cuando perdían a un dos seus e na que se lle definía como «un sacerdote que soubo evolucionar co mundo, adaptarse como ninguén aos cambios, comprender e loitar en momentos duros, ademais de protestar cando era necesario». Na misiva, que leron varios fregueses, tamén reclamaban a Xesús que «nolo garde durante moito tempo», pola súa capacidade de entender a idiosincrasia dos cambadeses e por estar presente nos momentos bos e malos de todas as familias da vila do albariño.
E agora, en 2026, neste humilde espazo que é Crónicas da Laracha tamén nos queremos sumar a este recoñecemento a este larachés que, coa crise de vocación que sofre a igrexa afronta esperanzado o futuro. “Cando cheguei a Cambados os tempos da fe eran ben diferentes aos de hoxe. Eu o futuro sempre o vin, antes, agora e sempre, con esperanza porque aínda no medio da indeferencia o que noto é que hai bastante compromiso social. A xente deixa de ir á igrexa por tal ou cal motivo, si, pero o que non deixan é o que vai por dentro. Sempre hai grupos de xente marabillosos. Eu por exemplo teño aquí en Cambados unha comunidade fantástica na que os distintos grupos atenden aos nenos, aos mozos, aos maiores… os grupos de Cáritas atenden á xente que o necesita. E iso para min é un motivo de ilusión e de esperanza”.
Don José xa non vén á terra que o viu nacer coa frecuencia que o facía antes “porque non debo conducir en traxectos largos”, pero A Laracha e a súa querida parroquia de Lendo seguen estando no corazón deste sacerdote cantor que xa leva máis de seis decenios en Cambados.





Ningún comentario:
Publicar un comentario