mércores, 22 de xullo de 2026

A ESTRADA E A LARACHA: DOUS CONCELLOS UNIDOS POR UN BRASÓN, O CREGO ANTONIO LISTE E POLA VECIÑA DE CILLOBRE MARISA ALDAO

  Cun total de 51 parroquias, A Estrada é o concello con maior número de divisións parroquiais de toda Galicia. Entre todas elas podemos mencionar a Sabucedo, famosísima por celebrarse nela a “Rapa das Bestas”; Callobre, moi coñecida polas súas festas e o seu festival folk; Couso, que conta con importantes restos románicos; Oca, célebre polo seu popular Pazo, coñecido como o “Versalles galego” pola magnificencia dos seus xardíns; ou a parroquia de Riobó, que ten unha igrexa románica das máis importantes deste municipio pontevedrés e que conta ademais co Pazo da Mota, o segundo en importancia tras o Pazo de Oca.

   Foi precisamente alí en San Martiño de Riobó, concretamente no lugar de Os Besteiros, onde naceu o 15 de xullo de 1912 Antonio Liste Rodríguez, cativo que andando no tempo sería crego da parroquia larachesa de Santa María de Torás durante varios anos da posguerra.

   Antonio era o sétimo dos trece fillos do matrimonio formado por Manuel Liste e Eladia Rodríguez quenes, por orde de idade, trouxeron ao mundo a Cecilia, Matilde, Daniel, Luisa, José, Antonio, Sergio, Félix e César, máis outros tres nacementos malogrados. Co andar dos anos Matilde ía ser nai de Marisa Aldao Liste, veciña de Cillobre protagonista das Crónicas da Laracha desta semana.

Marisa Aldao en xullo de 2024

  Manuel, o proxenitor da ampla prole, era natural de San Pedro de Orazo, parroquia pertencente tamén ao municipio da Estrada. Gañaba a vida como industrial madeireiro. Dirixía un serradoiro da súa propiedade que estaba instalado no lugar de Chancelas, na parroquia de Oca. “A forza motriz procedía dunha máquina de vapor que movía dúas serras. Anos máis tarde trasladan esta industria para o lugar de Balboa, na parroquia de Arnois. Pero eiquí xa movida por unha maquinaria coa potencia necesaria para mover catro serras e unha cepilladora. Manuel Liste foi tamén director dunha banda de música que naquel tempo lle chamaban a “Banda de Orazo”. Este conxunto musical amenizaba os bailes nos campos das festas parroquiais, acompañaba ás procesións e daba os concertos despois da misa cantada que se celebraba en honra do santo ou patrón da parroquia1”.

Manuel Liste, avó de Marisa  (Foto da revista A Estrada: miscelánea histórica e cultural, Vol. 14)

  Naquel tempo era frecuente que moitas familias quixesen dedicar un fillo á igrexa custeándolle os estudos do sacerdocio. A orixe da vocacación sacerdotal de Antonio, Antucho, como así lle chamaba a súa familia, xurde de moi neno, aínda non adolescente. “Un día estaba escoitando con atención a homilía dun misioneiro na igrexa parroquial e quedou tan entusiasmado das bonitas verbas do predicador, que na súa mente propúxose ser algún día coma el. Coa inocencia dos seus poucos anos comentouno cos pais. Estes, engaiolados pola nova, animaron a este mociño e falaron co señor cura da parroquia2”.

Foto datada en 1915 da casa da familia Liste Rodríguez en Os Besteiros (Foto da revista A Estrada: miscelánea histórica e cultural, Vol. 14)

  Antonio ingresa no Seminario, naquel tempo acugulado de alumnos, pois vocacións sacerdotais non faltaban. Formaba parte do cadro de profesores o que máis tarde sería o Cardeal Quiroga Palacios que tanto había de influír na súa vida de sacerdote3.

  Coincidindo coa época dos estudos eclesiásticos de Antonio, é cando nace a relación entre A Estrada e A Laracha, concretamente entre Oca e Cillobre. Nesa altura editábase a Geografía del Reino de Galicia (1926-30), onde Carré Aldao describe o estado das Torres de Cillobre por aqueles días:

En Cillobre hay una ermita de San Roque, propiedad de los dueños de las Torres.
La antigua fortaleza que aún llaman Torres de Cillobre, perdió todo su carácter por la transformación que sufrió. Fueron demolidos sus torreones en más de la mitad de su altura para construír casas de labradores. Las forman ahora una serie de edificaciones, de las que es la principal la casa-palacio de planta cuadrada, tan sólida, que sus muros tienen más de dos metros de espesor. A ella da acceso un portalón moderno que se abre al lado derecho de la carretera de Coruña a Finisterre, y en el que en su parte superior luce un hermoso escudo de armas de los antiguos señores, que son los blasones de los Bolaño, o sea el cordero y la cruz de los Ribadeneyra, las tres fajas de los Parragués, las fajas escacadas de los Sotomayor o Junquera y la estrella de los Mariñas4”.

  A carón deste texto aparece unha fotografía (a mesma que podemos ver no Boletín da Real Academia Galega n.º 105) do portalón moderno, construído con sillares de granito e rematado no frontón curvo co fachendoso escudo que tamén nos describe Carré Aldao. Ten aos lados uns pináculos rematados en bolas, e como remate unha cruz. Ángel del Castillo na súa obra Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (1972), dinos que: “Consta de una casa palacio señorial con varios cuerpos de torres de planta rectangular; reformada, perdió bastante carácter, pues incluso se rebajó la altura de las torres; tiene aún su patín, portalón y capilla5.

Portalón das Torres de Cillobre (Foto publicada por César Vaamonde Lores no Boletín da Real Academia Galega nº 105 e por Carré Aldao na Geografía del Reino de Galicia)

  Pois ben, ese portalón (portalón barroco con escudo) retirouse de Cillobre a principios da década dos anos trinta do século pasado e trasladouse á Estrada, ao coñecido como o “Versalles galego”, o Pazo de Oca, propiedade de Ignacio Fernández de Henestrosa y Gayoso de los Cobos, Marqués de Camarasa e Señor de Cillobre cando se tomou a devandita foto. Sobre este traslado ao Pazo de Oca, resulta de moito interese o que nos apunta Antonio Sánchez González dende o Departamento de Historia, Xeografía e Antropoloxía da Universidade de Huelva:

Llegados al siglo XX, Oca conoce dos etapas claramente intervencionistas. La primera, la acometida durante los años 20 por el marqués de Camarasa Ignacio Fernández de Henestrosa y su esposa Blanca Pérez de Guzmán, fase que incidió principalmente en restaurar determinadas zonas del viejo edificio, como la escalera de madera para bajar a la llamada torre desmochada, así como en la instalación del portal de Cillobre (traído de aquella casa-fuerte y torre en 1930)… De Cillobre trajeron también los marqueses de Camarasa dos sepulcros de los señores de Junqueras (uno de Esteban de Junqueras y el otro de su mujer Teresa Vázquez de Sotomayor) y de una hija de ambos (Teresa de Junqueras), hoy situados en cada uno de los brazos del crucero de la Capilla del pazo (García, 2016). También están enterrados allí otros familiares como Ares Pardo das Mariñas y Tomás de los Cobos, marqués de la Puebla de Parga (Bértolo et al., 2014: 85-86)6”.

  Chegados a este punto é momento de seguir falando de Antonio Liste. Terminados os estudos eclesiásticos foi ordenado sacerdote na catedral de Santiago nunha cerimonia colectiva con outros quince condiscípulos celebrada o 6 de xuño de 1936. E catro días máis tarde, celebra a primeira misa na capela do pazo de Oca, moi preto da súa casa, pazo a onde facía pouco tempo que se trasladara o partalón e o brasón procedentes de Cillobre.

Don Antonio Liste Rodríguez (Foto da revista A Estrada: miscelánea histórica e cultural, Vol. 14)

  Ao pouco asignáronlle o primeiro destino na parroquia de San Pedro de Cambás, pertencente ao municipio coruñés de Aranga. Alí, nunha aldea totalmente illada e sen acceso doado, atopouse cunha realidade allea aos estudos teóricos de dogma, moral e teoloxía. Como era costume, ao párroco facíanlle compaña os pais ou unha irmá. Neste caso acompañouno Matilde, a maior dos irmáns, que exerceu de ama de casa do cura7”.

  No mes de agosto do 1937 o crego é reclamado para incorporarse a filas porque a súa quinta fora mobilizada para incrementar o número de combatentes na Guerra Civil que tanta destrución, dor e mortes estaba causando por aqueles días. Antonio foi destinado á fronte de Madrid, onde se estaba a loitar polo control da capital. Non foi coma combatente na vangarda, foi para atender ás necesidades espirituais dos soldados como capelán castrense. O crego da Estrada tamén estaría presente nas longas e crueis batallas do Ebro, onde tamén exerceu de camioneiro militar seu irmán Sergio, que se incorporara máis tarde.

  Segundo o que nos conta Juan Fernández Casal, “neste tempo fíxose especialista radiotelegrafista, cargo que desempeñou de maneira permanente compartíndoo co de capelán castrense. Conquistado Madrid, as obrigas militares deste soldado con dous destinos non debían ser moi ríxidas porque, ademais de atender estas dúas misións de capelán e radiotelegrafista, ten a oportunidade de facer un curso de periodismo na escola “El Debate” fundada por Ángel Herrera Oria, quen máis tarde sería nomeado cardeal8”.

  Rematada a Guerra Civil, Antonio incorpórase ao seu labor pastoral na parroquia de Cambás (Aranga). A finais de 1940 chega á Laracha logo de ser designado párroco de Santa María de Torás, previa presentación in solidum polo marqués de Camarasa a quen correspondía este dereito como sucesor e posuidor das prerrogativas vinculantes inherentes ás casas de Parga, Cillobre e Xunqueira. Acompáñao súa irmá Matilde, que continúa exercendo como ama de chaves do cura.

  Nesta estadía na Laracha inicia o labor de misioneiro predicador nas comarcas da bisbarra e ao parecer con grande aceptación. Ademais, a súa actividade na capital municipal tamén era notoria:

LARACHA
El domingo, día 12, se han celebrado dos conferencias del cursillo pre-matrimonial organizado por los jóvenes de Acción Católica. Primero, habló el secretario del Centro de Laracha, D. Julio Cacheiro sobre los fines del matrimonio. A continuación lo hizo el consiliario D. Antonio Liste Rodríguez sobre el tema “La familia cristiana”.
Presidieron las autoridades locales y asistió numeroso público que llenó completamente el salón y salió muy complacido9.

  Naquela altura tanto o cura como súa irmá Matilde pensaban que a parroquia de Santa María de Torás ía ser a definitiva nas súas vidas. E foino para ela, logo de que o amor chamara a súa porta. O pretendente era Manuel Aldao Pérez, mozo de Cillobre ao que non tardaría en darlle o “si quero”, como así nolo recordaba no seu domicilio a súa filla Marisa Aldao Liste: "Papá fíxose moi amigo de meu tío o cura, que tiña boa amistade con Álvaro Cunqueiro, Fraga Iribarne, os Marqueses de Camarasa e os de Medinacelli, que o invitaban todos os anos a comer. Naquelas visitas que lle facía a meu tío o cura, papá foise enamorando de mamá. Pouco despois casaron e mamá xa quedou aquí en Cillobre para sempre".

  Segundo o que nos contou Marisa, cando seu tío Antonio Liste era o crego de Torás, en Cillobre seica residía unha muller que lle chamaban a señora da Torre. “Iso é o que dicía meu pai, que eu penso que debía ser a administradora dos condes de Camarasa, e era esa muller a que se encargaba de cobrar as rendas dos foros. Disque había días nos que a caravana de carros cargados de ferrados de trigo, fabas ou millo chegaba ata San Román, porque claro, todo esto era dos marqueses de Camarasa. A fortaleza eran dúas torres cadradas e, no medio delas había un espazo rectangular (tipoloxía prerrenancentista, como as Torres do Allo10). A torre da dereita era o celeiro onde se gardaba o cereal que traían estos carros. Esta torre foi desfeita, e coas súas pedras fíxose a ponte do Formigueiro a finais dos 50 ou principios dos 60. A outra torre, a da esquerda, que é a que quedou, tiña habitacións e na parte de abaixo penso que houbo cárcere porque eu acordo de ver uns ferros que parecían os grillóns dos presos. Papá tamén contaba que aí na entrada de Cillobre, ao carón da carretera, estaba A Portería e a xente de aquí disque que quedou moi contenta cando a desmontaron e a levaron para o Pazo de Oca. Era unha entrada moi estreita. Os de Patiño, os de García e os da nosa casa non podían pasar cos carros de toxo porque era unha entrada moi reducida. Cargaban os carros todo o que podían e claro, despois non podían pasar. Por iso quedaron moi contentos cando a desmontaron e a levaron para o Pazo de Oca.”

  Marisa ten unha relación ben curiosa co portalón do que estamos a falar,  unha relación que vén dada pola patria chica de súa nai Matilde. "Que casualidade! Parece como se a portería e o seu brasón estiveran perseguíndome (risas)". A Marisa non lle falta razón, abofé, pois é ben curioso que ese tesouriño que estivo en Cillobre ata os primeiros anos trinta do século pasado leve dende aquela no Pazo de Oca, situado a pouca distancia de Os Besteiros, na parroquia de Riobó, que foi o lugar no que naceu a nosa protagonista en agosto de 1945: "Eu nacín na Estrada porque miña nai tiña problemas para dar a luz. Meu abuelo Manuel tiña unha boa posición económica e cando a miña nai xa lle faltaba pouco para parir díxolle que fora para Os Besteiros.

-Vente para Riobó que quero que a criatura naza aquí-, díxolle a mamá.

  Mamá arrancou e foi para alá. O parto complicouse e meu abuelo colleu e mandouna para Santiago, que estaba máis cerca da Estrada que de Pontevedra. Eu viñen para A Laracha cando tiña un mes ou mes e pico. A portería e o brasón sempre estiveron pegados a min, ben fisicamente ou ben en recordos da familia e dos contos que se contaban na casa. Recordo que nas vacacións da escola ía sempre para alá. Meu tío, un irmán de mamá que herdou a casa de meus abuelos, víñame buscar. Collía a roupa que tiña e marchaba con el para alá pasar o verán. Tempo despois, cando xa era máis mociña, seguía tendo moita debilidade por meus tíos e eles seguíanme levando para alá. Nesa casa queríanme moito porque fun unha nena que nacín alí e, á parte, mamá levábase moi ben coa cuñada. Eran como dúas irmás moi queridas. Posteriormente meus tíos venderon o que tiñan por alá e establecéronse en Vigo, ao lado do campo de fútbol. E cando chegaban as vacacións eu ía para alá, para Vigo. Un día fomos ver a casa de meus abuelos e díxome meu tío:

-Vouche enseñar unha cousa que ti non coñeces!

-E que é?

-Imos ao Pazo de Oca.

Eu ao Pazo de Oca ía xogar moito de pequena porque a miña familia materna tiña moi boa relación coa xente de alí. Chegamos ao Pazo de Oca e díxome meu tío:

-Mira, este portalón era o que había na entrada que vai para a vosa casa en Cillobre e era dos Marqueses de Camarasa. Hai anos desmontárono e trouxérono para aquí, pero antes estaba nas Torres de Cillobre".

Imaxe actual dun recuncho do Pazo de Oca no que se pode observar o portalón que estaba nas Torres de Cillobre (Pazo de Oca, A Estrada www.tripadvisor.es)

  Esa portería co seu brasón viña sendo o tesouriño do que tanto oíra falar na súa casa de Cillobre, eses contos que lle escoitara de nena a seu pai de cando a desmontaron e levaron para Oca "e a xente de aquí quedou toda contenta porque non podían pasar cos carros de toxo porque era unha entrada moi estreita".

Marisa en Cillobre en xullo do 2024

  Pouco tempo despois Marisa empezaba a traballar como telefonista na tenda de Segundo García, o mesmo negocio que segue rexentando na actualidida a súa filla Piqui. Sobre este negocio e dos tempos das primeiras telefonistas da Laracha prometemos falar noutra ocasión.

  Na época na que Marisa traballaba de telefonista na de Segundo, seu tío Antonio Liste era o crego de Cambados. Tras levar a parroquia de Santa María de Torás durante varios anos da posguerra, o Vicario Pastoral da diócese santiaguesa íalle dar un novo destino: a parroquia de Romai, no concello de Portas, na provincia de Pontevedra, parroquia da que toma posesión no ano 1946. Posteriormente, a principios dos 60, chegaría a Cambados, onde fixou a súa residencia definitiva. Moi vinculado á cultura local, alí íase converter nunha figura clave nos primeiros anos da Festa do Albariño, onde colaborou estreitamente cos impulsores do evento e participou activamente nas catas públicas pioneiras que se celebraban na contorna do Pazo de Fefiñáns. O cura Liste, falecido en 2003 aos 90 anos de idade, axudaría a dar renome e cimentar a tradición de evaluar os caldos.

En plena cata do viño vemos ao cura Liste, Fraga Iribarne e Álvaro Cunqueiro, entre outros (Foto da revista A Estrada: miscelánea histórica e cultural, Vol. 14)

 Cando don Antonio levaba poucos anos ao fronte da parroquia de Cambados, solicitáralle a Quiroga Palacios que destinara como coadxutor a José Aldao que poucos meses antes saíra do seminario ordenado sacerdote. Sobre este cura, natural de Lendo, falaremos a vindeira semana nestas Crónicas da Laracha.

_____________________________

1 Juan Fernández Casal (2011):Breve achega biográfica a don Antonio Liste Rodríguez, “O Cura Liste” (Riobó 1912-Cambados 2003), A Estrada, miscelánea histórica e cultural, Volume 14, páx. 37.

2 Ibídem, páx. 39.

3 Ibídem, páx. 39.

4 Uxío Carré Aldao, Uxío (1928): Geografía General del Reino de Galicia. Dirigida por F. Carreras y Candi. Volumen VI. Provincia de La Coruña. Tomo V, Barcelona: Casa Editorial Alberto Martín, páx. 176.

5 José Antonio Andrade Figueiras/ Fernando Cabeza Quiles/ Evaristo Domínguez Rial/ Xan X. Fernández Carrera/ Antón García Losada/ Luís A. Giadás Álvarez (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, pp. 29-30.

6 Antonio Sánchez González (2020): Departamento de Historia, Geografía y Antropología. Universidad de Huelva. Contribución a la historia constructiva del Pazo de Oca a través de la planimetría de sus propietarios, Estudios e Investigaciones, Anales de Geografía de la Universidad Complutense, ISSN: 0211-9803, https://dx.doi.org/10.5209/aguc.76729 Recibido: 7 de abril del 2020 / Enviado a evaluar: 4 de mayo del 2020 / Aceptado: 25 de mayo del 2021, páx. 201.

7 Juan Fernández Casal (2011):Breve achega biográfica a don Antonio Liste Rodríguez, “O Cura Liste” (Riobó 1912-Cambados 2003), A Estrada, miscelánea histórica e cultural, Volume 14, páx. 40.

8 Ibídem, páx. 42.

9 Vid. El Ideal Gallego, 14 de decembro de 1943, páx. 9.

10 José Antonio Andrade Figueiras/ Fernando Cabeza Quiles/ Evaristo Domínguez Rial/ Xan X. Fernández Carrera/ Antón García Losada/ Luís A. Giadás Álvarez (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, pp. 30-31.

Ningún comentario:

Publicar un comentario