xoves, 9 de xullo de 2026

O SERRADOIRO DO 'CASILLERO' (2ª parte e fin)

  Posteriormente, despois de traspasar o serradoiro de Lema, O Casillero empeza a construír o da Braña Grande, negocio que a mediados dos corenta xa funcionaba a pleno rendemento. Salvador Parga Pondal ofrécenos na súa tese doutoral Comarca natural de Bergantiños1, traballo do que escribía o último folio o 1 de xaneiro de 1950, unha serie de datos de notable interese para a nosa investigación sobre os serradoiros existentes na Laracha naqueles duros anos da posguerra. Segundo as súas informacións, a parroquia de Cabovilaño era a potencia madeireira do municipio xa que contaba cun total de cinco serradoiros: o de Ramón Esmorís García, no que traballaban 6 obreiros; o de Jesús Ramos Calviño ‘O Relojero’, con 7 operarios; o de Jesús Pallas Rabuñal, con 8; o de Pedro Iglesias Graña, con 18 obreiros; e o do noso protagonista José Rodríguez Fernández ‘O Casillero’, que con 9 operarios nas súas instalacións no momento no que Parga Pondal realizaba o traballo de campo para a súa tese -na segunda metade dos anos 40- era o segundo da parroquia con maior número de traballadores. Tres deses nove traballadores eran o propio José O Casillero e os seus fillos Salvador e Baldomero, que era o que andaba co camión da empresa. O outro fillo varón, Antonio, emigrara a Montevideo e xa non volvería nunca máis a Galicia. Dos catro irmáns só había unha muller, María, que vivía nunha casa onde agora está a oficina das instalacións do Casillero. Detrás desta vivenda era onde estaba o serradoiro. A pobre ía quedar viúva moi pronto de José Esmorís Marta e con catro fillos ao seu cargo, que sacaría adiante grazas á axuda do pai.


Imaxes dos anos 1955 e 2024 nas que podemos observar a parcela triangular das instalacións do que primeiro foi serradoiro e agora é a empresa de materiais de construción (https://mapas.xunta.gal)

  Cos Casilleros tamén traballaba Pepe do Rulo, que era o que habitualmente compraba madeira no monte. Disque nunha ocasión Pepe non quedara moi satisfeito coa operación que acababa de realizar:

- Tío José, hoxe creo que metín ben a pata!

- E logho que pasou, ho?

- Creo que non botei ben as contas cos pinos!

- Os pinos son ghordos ou delghados?

- Non, non... os pinos son bos!

- Pois daquela a compra está ben feita!

  Estamos xa nos anos 50. Un dos operarios que traballou no serradoiro do Casillero nesa época foi Luciano Esmorís, o construtor do Regado: “Eu nacín en 1939 e con 14 ou 15 anos traballei alí un tempo, ata que marchei a traballar na construción das torretas de electricidade. O señor José era un home moi bo. A min tratábame moi ben e axudábame a facer a tablilla para as caixas de pescado. Fáloche do ano 1955 ou 1956. Daquela xa era un home bastante maior”.

  Outra das persoas que nos falou do Casillero foi Melchor Freire Becerra, veciño de Larín (Arteixo) nacido en 1933. “O Casillero era un home serio e formal. Traballou no aserradero ata que era vello. Estivo alí ata que non puido andar. Con el traballaban dous fillos. Un chamábase Baldomero, que era o que andaba co camión, e o outro era Salvador”.

  Precisamente, Salvador, o fillo maior de José e Jesusa, ía falecer no serradoiro en 1957 aos 46 anos de idade. Aquel duro golpe non se superaría nunca, mais non quedaba outra que tirar cara a diante. Naqueles anos 50 a fábrica de madeira do Casillero, ao igual que todos os serradoiros da bisbarra, vendía madeira de piñeiro para encofrado da construción, para minas, táboa fina para as caixas de peixe e froita e táboa de todas as medidas. Polo que nos contou Lito Canedo, “naqueles tempos todos os aserraderos facían practicamente a mesma actividade. Aquí na Laracha exportouse moita moita madeira. Pensa que daquela había moita produción e pouco consumo e, ante tal cantidade de madeira de pino, foi moitísima para Barcelona. Supoño que despois distribuíana dende alí a outros lugares. E os do Casillero tamén mandaban moita madeira para Barcelona. Todos os aserraderos facían practicamente o mesmo”.

Publicidade da fábrica de José Rodríguez Fernández 'O Casillero' (El Ideal Gallego, 14 de agosto de 1955)

  Tal e como contaba Melchor Freire, José ‘O Casillero’ estivo no serradoiro que fundara nos inicios da década dos corenta ata que non puido andar. Testemuño daquela época era o camión co que tanta madeira transportara anos atrás e que xa levaba moito tempo parado nas instalacións. Parecía o camión no que xogaban Carlitos e os seus amigos na serie de TVE “Cuéntame”, dun xeito similar a como o facía Lito Canedo de cativo. Ese camión -recordaba- botou moito tempo parado alí no aserradero e nós sendo nenos íamos para alí para ghiar (risas). O camión estaba parado, pero nós movíamos o volante (risas)”.

  José Rodríguez Fernández ‘O Casillero’ falecería na súa casa da Braña Grande, que estaba situada en fronte do serradoiro, en febreiro de 1967 aos 86 anos de idade. Polo que nos contou Lito, “cando morreu o tío José a fábrica parou a súa actividade durante aproximadamente un ano ou un ano e medio. Meu padriño Baldomero estivera no aserradero dende rapaz e cando pararon co tema da madeira viviron un tempo da agricultura e da vaca que tiñan. Despois, sobre o ano 1969 ou así, volveu a retomar a actividade”.

  Baldomero, o novo propietario da empresa, que tamén herdaría o alcume do seu proxenitor, tiña naquela altura 48 anos. Estaba casado con Cándida García Marta, que era natural de Tuixe (Lemaio). Durante algún tempo residiron na patria chica de Cándida, que foi onde naceu a súa filla Asunción. Despois viviron nunha casa do lugar da Teixoeira (Cabovilaño), na que virían ao mundo María Jesús e Manuel. E finalmente, mudaron o seu domicilio á Braña Grande pouco despois de que o José ‘O Casillero’ quedase viúvo. Alí nacería en 1959 José, o máis novo dos Rodríguez García.

Baldomero Rodríguez Pallas e Cándida García Marta (Cortesía da familia Canedo García)

  Cando Baldomero Rodríguez Pallas se fixo cargo do serradoiro, a empresa tiña no seu cadro de persoal tres ou catro operarios. Un deles era Chucho de Bértoa, home da casa que coñecía ben oficio pois, anos antes, xa traballara con seu pai José ‘O Casillero’. Naquel tránsito dos 60 aos 70 os seus fillos varóns eran moi novos. Manolo era un adolescente de 15 ou 16 anos e Pepe apenas tiña 10 aniños. Co tempo ambos os dous tamén traballarían con seu pai no serradoiro. O primeiro en facelo foi Manolo, que non ía tardar en casar con Carmen Rama Pereira. Pepe, o máis novo, comezou na fábrica algo máis tarde e, ao pouco, empezou a saír con María José García Rostro, moza de Lema (Carballo) coa que acabaría casando posteriormente. María José, actual xerente da empresa de materiais de construción O Casillero, contounos unha anécdota moi linda sobre a época na que eran mozos: Eu daquela era moi xovenciña e a meus pais non lles facía moita gracia que saíra con Pepe, pero meu padriño, que era meu abuelo Ramón, Ramón Rostro, defendía a morte a nosa relación (risas):

  - Deixade andar a rapaza con ese mozo, ho! O rapaz é de boa familia, que eu xa traballei para o abuelo!, dicía.

  As voltas que dá a vida. Resulta que meu abuelo Ramón, que era da Chamusqueira de Lema, fora un dos carreteiros que lle carretaban a madeira ao abuelo do meu home cando tiñan o aserradero na Vixía, en Lema”.


Imaxes do serradoiro do Casillero a principios dos anos 70 (Arquivo do Reino de Galicia)

  Baldomero pouco tempo ía estar á fronte do serradoiro. Sufría bastante do corazón e un día, cando estaba ingresado no hospital da Coruña, tivérano que trasladar nun helicóptero a Madrid para ser intervido de urxencia. Corría febreiro de 1978. Un infarto acabaría coa súa vida con só 56 anos de idade.

  Despois da morte de Baldomero, a súa muller Cándida quedou á fronte do negocio xunto aos seus fillos Manolo e Pepe, que este aínda estaba solteiro cando finou o pai. Casaría anos máis tarde, en 1983, con María José.

  O serradoiro dos Casilleros ía botar así ata 1992, que foi cando os dous irmáns decidiron coller o seu propio camiño formando, cada un coa súa respectiva muller, a súa propia empresa.

O serradoiro do Casillero nunha nevada caída nos últimos tempos do negocio (Cortesía da familia Rodríguez Rama)

  Pepe e María José abriron, no propio lugar onde tantos anos estivera o serradoiro, unha empresa de materiais de construción que decidiron bautizar co nome co que empezara todo na familia: O Casillero. Constituída en decembro de 1993, a empresa ofrece desde aquela todo tipo de produtos para o xardín, casa, cociña e baño, ademais de vender materiais de construción como áridos e cerámicas ou ofrecer servizos como a colocación de mamparas e accesorios, pratos de ducha, bañeiras etc. Pepe faleceu en abril de 2008 con tan só 49 anos, un duro transo que a súa familia iría superando co paso do tempo. Na actualidade a súa viúva María José García Rostro, que nos atendeu coa maior das amabilidades na oficina do Casillero, segue ofrecendo no seu negocio produtos de calidade e deseño. A constante evolución da empresa que dirixe permitiulle incorporar servizos de vangarda, como o deseño 3D, para asegurar a completa satisfacción da clientela. Se visitades as súas instalacións ides quedar encantados, abofé, e de seguro que a propia María José vos vai contar algún conto dos tempos do serradoiro.

  Pola súa banda, Manolo e a súa muller Carmiña montaron un pouco máis adiante, indo cara a Carballo á man esquerda, Maderas Rodríguez Caima S.L. (o de Caima vén de CArmiña I MAnolo), unha empresa dedicada á fabricación de marcos, molduras e tarimas coa que continuaron coa lonxeva relación familiar coa madeira. Unha vez máis a gadaña apareceu cando non se contaba con ela para levar a vida doutro Rodríguez, neste caso Manolo, que faleceu en xuño de 2013 aos 59 anos de idade. Na actualidade a súa viúva Carmiña desfruta da súa merecida xubilación e son os dous fillos do matrimonio os que rexentan a empresa fundada polos pais. Raquel está na oficina e atende a exposición de portas, ao tempo que seu irmán José Manuel, coñecido como non podía ser doutro xeito como O Casillero, traballa abaixo, no almacén, coa maquinaria fabricando cos dous empregados que teñen os pedidos da clientela. Se pasades por alí comprobaredes que, dalgún xeito, manteñen vivo o espírito madeireiro dos Casilleros.

Instalacións da empresa dos irmáns Rodríguez Rama. En primeiro plano, o edificio onde está a exposición e a oficina. Na parte esquerda da imaxe vemos a fábrica ao fondo (Cortesía  de Maderas Rodríguez Caima S.L.)


_______________


1 Vid. Salvador Parga Pondal (2010): Comarca natural de Bergantiños, Buño: Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario