mércores, 4 de marzo de 2026

AS FOTOGRAFÍAS QUE SACOU EN CILLOBRE NO ANO 1948 O ARQUITECTO MIGUEL DURÁN-LORIGA SALGADO

  Hai exactamente un mes, o pasado 10 de febreiro, o Concello da Laracha presentaba á cidadanía o plan director do recinto que alberga os restos do conxunto arquitectónico das antigas Torres de Cillobre, un documento clave para avanzar na recuperación, posta en valor e reaproveitamento social e cultural deste enclave histórico, que mesmo aparece representado no escudo do municipio (a torre que ocupa o centro do emblema fai honra ás Torres do Viso, en Montemaior, e ás Torres de Cillobre).

 O acto de presentación, ao cal tivemos a sorte de asistir, tivo lugar na Casa da Cultura a cargo de Leo González, responsable de proxectos de Trivium Estrategias en Cultura y Turismo, a empresa redactora do plan director. Alí déronse a coñecer as actuacións previstas a corto, medio e largo prazo para poñer en valor este histórico lugar.

 Grazas a Leo soubemos que o arquitecto coruñés Miguel Durán-Loriga y Salgado (1886-1950), fillo do insigne matemático Juan Jacobo Durán y Loriga, visitou o lugar de Cillobre en 1948, dous anos antes da súa morte, e realizou unha serie de sete fotografías que se conservan a día de hoxe no Museo de Pontevedra, e que tamén se poden ver no portal https://atopo.depo.gal/ (https://atopo.depo.gal/Search/Results?lookfor=Cillobre&type=AllFields&filter%5B%5D=repository%3A%22Repo_Archive%22).

 Nunha das fotografías vemos a un grupo de dezaseis persoas (a maioría rapazada) posando sentadas no patín dun hórreo. Noutra das imaxes aparecen dous nenos diante da capela de San Roque e San Antonio. Tamén podemos ver o hórreo e o pombal da casa de Dolores Castiñeiras, que é o nome que figura na parte traseira da fotografía. E nas outras imaxes apreciamos diferentes panorámicas das Torres de Cillobre.

  Esta colección representa un verdadeiro tesouriño etnográfico para A Laracha, abofé!

Veciñanza de Cillobre en 1948 (Arquivo do Museo de Pontevedra.  Fondo : Miguel Durán-Loriga Salgado)

Torres de Cillobre, 1948  (Arquivo do Museo de Pontevedra. Fondo: Miguel Durán-Loriga Salgado)

Torres de Cillobre, 1948 (Arquivo do Museo de Pontevedra, Fondo: Miguel Durán-Loriga Salgado)

Torres de Cillobre, 1948 (Arquivo do Museo de Pontevedra. Fondo: Miguel Durán-Loriga Salgado)

Cillobre, 1948 (Arquivo do Museo de Pontevedra. Fondo: Miguel Durán-Loriga Salgado)

Pombal e hórreo de Dolores Castiñeiras en 1948 (Arquivo do Museo de Pontevedra. Fondo: Miguel Durán-Loriga Salgado)

Capela de San Roque e de San Antonio (Arquivo do Museo de Pontevedra. Fondo: Miguel Durán-Loriga Salgado)

Ningún comentario:

Publicar un comentario