Este sábado 28 de febreiro o pavillón do IES Agra de Leborís será o escenario dunha velada de boxeo, evento no que o público asistente terá a oportunidade de ver ata un total de dez combates, nove de boxeo olímpico e un de boxeo birmano.
Esta velada danos pé para recordar o que supoñemos que foi a primeira que se celebrou na Laracha, da que soubemos grazas ao testemuño de José María Montes Bao, nacido en 1945 no lugar das Rañeiras, parroquia de Lestón.
Estamos a falar dos anos 50 do século pasado nos que xa existía a Federación Galega (Zona Norte) de Boxeo, que celebraba combates de profesionais na Praza de Touros da Coruña, “en los que se enfrentaban el coruñés Taibo I con el catalán Calvo, y el ferrolano Joaquín Alejos con el italiano Ringozzi, al que había vencido por K.O. en el segundo asalto, o el catalán Lorente con el vallisoletano Velasco1”.
Vicente I. Martelo conta que naqueles tempos na Coruña tamén se celebraban veladas de afeccionados, “principalmente en las instalaciones del C. C. y D. Santa Lucía de la calle Monforte, que presidía Julio López. En aquellos años se subían al ring los púgiles coruñeses Piñeiro y Pardo II, en peso mosca, el ferrolano “Chocolate” en los gallos, Kid Dinamita en los pluma, Carqueixas en peso ligero o Valiño en los medios. En categoría profesional estaba Francisco Beltrán, cubano afincado en A Coruña desde niño, y uno de nuestros primeros púgiles en conquistar títulos nacionales2”.
Na Laracha de aqueles tempos a xuventude divertíase no Gran Salón Tenerife, que era propiedade do avogado larachés Rafael Pet Riveiro. Don Rafael, como así lle chamaba a veciñanza daquela hora, casara en 1936 coa canaria Emma Morales y Fernández Lynch, que era natural de Icod de los Vinos, municipio de Tenerife.
Co nome da provincia de nacemento da súa dona, o salón de don Rafael empezara a funcionar nos anos 40, nunha altura na que seica rezaba o seguinte na fachada do edificio:
Gran Salón Tenerife. El primero de Galicia y el segundo de España
Polo local ían pasar as mellores orquestras e os mellores artistas daqueles anos.

Joaquín da Miñoteira e Pepe de Añón de Leborís. Á esquerda, o Gran Salón Tenerife (Foto do libro "Unha volta polo pasado. Parroquia de Torás". Asociación Veciñal A Cutareira)
Na década dos 50 don Rafael, que tiña o seu domicilio nunha casa tipo chalé da Avenida de Caión (xusto despois da tenda de Segundo), alugoulle o salón en diferentes épocas a varios laracheses que se ían converter durante certo tempo en empresarios do espectáculo, casos de Manuel Fraga Baldomir, Gelasio de Torás ou José Montes Bértoa, de quen falamos deseguido.
José, tamén coñecido como Che o Barbeiro, estaba casado con María de las Mercedes Bao Piñeiro, matrimonio que traería ao mundo sete fillos, cinco mulleres e dous homes. O cabeza de familia facía un pouco de todo na vida para gañar dous pesos. Era mestre das escolas de ferrado3, barbeiro, vendedor de seguros de decesos, canteiro e mesmo traballou no Gran Salón Tenerife, como así nolo recordaba o seu primoxénito José María:

José Montes e María Bao nos anos 50 con cinco dos seus sete fillos (Cortesía da familia Montes Bao)
“Cando don Rafael facía bailes, meu pai era o encargado de venderlle as entradas. Era o que estaba na ventanilla. Bueno, unhas veces vendía as entradas na taquilla e outras veces estaba na entrada do salón recolléndoas. Papá tamén levou o ambigú durante moito tempo cando era salón, que despois foi cine. Nesa época a min non tiña onde deixarme e por iso estaba sempre con Pumpido, que era un boticario que tiña farmacia xusto ao lado do salón”.
Continuando co seu testemuño, nesta viaxe ao pasado José María tamén nos contou que “cando don Rafael non organizaba baile no salón pois facíao papá, que supoño que lle alugaría o local por unha cantidade de diñeiro que descoñezo cal sería. Pero a meu pai o mundo do espectáculo non lle ía moi ben porque tiña máis perdas que ganancias. Dicía que lle custaban moito ás orquestras! E coa venda das entradas, ás veces non facía un can! Tamén lle teño escoitado que na Laracha había moitos fillos de militares, de garda civiles e de funcionarios. Seica lle ían á taquilla, falando en castellano, a ver se lle rebaixaban a entrada, que daquela custaba 10 pesetas. E arre demo que lle tiña que rebaixar 2 ou 3 pesetas. Papá dicía que os bailes na Laracha saían adiante grazas á xente da zona de San Román, de Soandres e de Coiro.”

Lugar onde estaba o Gran Salón Tenerife
A VELADA DE BOXEO
Por esas mesmas datas, Educación y Descanso organizaba na herculina praza de María Pita uns campionatos galegos, nunha xornada na que, segundo a crónica da época, acudiran tres mil espectadores. Polo que nos conta Vicente I. Martelo, outros recintos nos que se celebraban veladas de boxeo eran a pista do Liceo de Monelos, do Salón Doré ou do Salón Trianón, tamén en Monelos4. E agora, amigos e amigas, tamén sabemos que nos anos 50, nun momento de enorme afección ao boxeo, celebrouse unha velada no Gran Salón Tenerife da Laracha.
O organizador de aquel evento fora José Montes Bértoa, que, polo que intúe o seu fillo José María, contactara cos clubes de afeccionados da época para levar á Laracha aos mellores boxeadores da Coruña e de Ferrol. “Non che podo dicir como meu pai conseguiu esos contactos ou a través de quen. Puido ser a través de algún representante ou algo así, porque el contrataba orquestras e ao mellor a cousa viña por aí. Non descarto que incluso fora por mediación de don Luis, un amigo que sempre viña á festa á nosa casa e que creo que levaba unha compañía de seguros. E se cadra tamén puido ser por outra xente, porque papá ía todos os luns á Coruña a comprar cousas para a peluquería á Viuda de Mosteiro, que así lle chamaban á tenda na que compraba os produtos. Fora dun xeito ou doutro, o caso é que papá organizou a velada. Particularmente, eu penso que foi porque estaba metido no mundo do espectáculo”.
José María non pode precisar con exactitude o ano no que se celebrou aquela velada. “Eu tería 6 ou sete anos, polo que tivo que ser en 1951 ou 1952. Eu ese día estaba no salón con Pumpido, o farmacéutico, cerca da entrada do ambigú, do lado de abaixo. Antes do boxeo houbera unha especie de “combate” musical xa que meu pai levara a dous cantantes: a Francisco Iglesias, “El Niño de Soandres” e a Pepe Marqués, “El Niño del Matadero”, que cantaban flamencadas acompañados dun guitarrista”.
Logo da actuación musical, chega o prato forte da tarde-noite. O mesmo escenario no que cantaran os dous “Niños” convertíase agora no ring no que ían combater os afeccionados de Ferrol e da Coruña en distintas categorías, iso si, o palco non estaba limitado por cordas.
“Que eu saiba, era a primeira vez que se organizaba boxeo na Laracha”, recordaba José María Montes Bao, que tamén nos contou que “os boxeadores eran de Ferrol e da Coruña. Só me acordo do nome dun deles, que lle chamaban “Carqueixas”. Aínda parece que estou escoitando o que lle berraba a xente no salón:
-Dálle, dálle Carqueixas, dálle!
En realidade Carqueixas era de Ourense, aínda que naquel tempo residía na Coruña, onde traballaba como mecánico electricista. O seu nome era Manuel González Losada, coñecido como Young González I5 ou por Carqueixas. O boxeador gozara de certa popularidade no ambiente puxilístico galego dos anos 50. Pouco despois do combate da Laracha, intentou tender o voo cara ambicións máis altas e, durante algún tempo, non o fixo nada mal por toda a xeografía española. Mesmo chegaría a asinar un contrato para boxear en Cuba, pero dábanlle moi pouco diñeiro. Carqueixas tiña que poñer a cara e os demais recoller a bolsa dos cartos. A partir de aí a sorte non lle favoreceu e empozou a deixar o deporte. Ao pouco, tivo que emigrar a Venezuela, onde traballaba e boxeaba de cando en vez.

Manuel González Losada, 'Carqueixas' (https://boxrec.com)
Despois deste pequeno paréntese, voltamos ao combate que se celebrou na Laracha nos anos cincuenta do século pasado, no cal José María Montes tamén recorda que “a un dos boxeadores, logo de que lle deran un puñetazo, caéronlle as calzas (risas) e quedáronlle os cataplíns ao aire (risas). Aquilo si que fora un verdadeiro espectáculo”.
E así logo de celebrarse varios combates entre coruñeses e ferroláns de diferentes pesos (mosca, galo, pluma, lixeiro, medio...) a velada chegaba á súa fin.
Despois disto José Montes, Che O Barbeiro, xa non organizou nada máis no Salón Tenerife, nin bailes, nin espectáculos, “desquitouse e xa non quixo saber máis diso”, rememoraba o seu fillo José María.
Tras organizar o combate de boxeo, continuo dando escola en Lestón, no lugar onde houbo o bar O Picho, seguiu cortándolle o pelo a súa clientela de sempre e mesmo houbo tempo no que se dedicou a picar pedra. “O Concello contratáralle por 6.000 pesetas a carretera que vai de Peisaco á Medoña. Papá picou toda a pedra dese camiño… e eu ao seu carón sempre (risas). Eu tería sobre 8 anos e tamén me tocou picar algunha pedra, aínda que máis ben íalle á fonte buscar auga. Se non recordo mal, ese traballo foi ao ano seguinte do do boxeo, porque cando empezou co da pedra deixou o mundo do espectáculo”.
Posteriormente, sobre o ano 1959, a familia deixou As Rañeiras e estableceu o seu domicilio en Paoisaco. Alí, no Bico do Campo, Che montou a peluquería, xusto ao lado da carpintería de Che de Loureiro, e a partir de aí xa se dedicou a tempo completo á súa profesión de barbeiro, que foi do que se xubilou.
José Montes Bértoa faleceu o 4 de outubro de 2009 aos 91 anos de idade.
Agora, xusto 75 anos despois de que Che organizara aquela velada celebrada no Gran Salón Tenerife, o boxeo volve á Laracha. Poñémoslle a rama a esta crónica co cartel do evento:
________________________________
1 Vid. Vicente I. Martelo (2023): “El Boxeo como deporte muy sacrificado”, DxT Campeón, 16 de setembro.
2 Ibídem.
3 As escolas de ferrado foron un sistema de ensino galego. Impartíano os denominados escolantes, mestres non titulados habitualmente con escasa formación. O servizo pagábase cun ferrado de cereal, costume do que as escolas obteñen o seu nome.
4 Vid. Vicente I. Martelo (2023): “El Boxeo como deporte muy sacrificado”, DxT Campeón, 16 de setembro.
5 Seu irmán Arturo González Losada, tamén boxeador, era coñecido como Young González II.

Ningún comentario:
Publicar un comentario