O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para o 'Parking', un bar que montaran na segunda metade dos anos setenta José Gerardo García Gómez e a súa muller Elena Iglesias Rodríguez cando viñeron da emigración de Suíza.
O matrimonio casara en 1969 e durante aproximadamente un ano residiron en Villamir (Soandres) cos pais dela, o señor Luciano e a señora Asunción. Luciano era unha verdadeira eminencia en toda a bisbarra, un home que ao acabar a Guerra Civil montara un taller de máquinas de coser e que ademais reparaba armas, vendía navallas e mesmo se dedicaba á fabricación de xoias. O conto non queda aí xa que nos anos corenta tamén montaría nun rego unha nora con cazos que, ao xirar polo peso da auga, movía unha dínamo dun coche que cargaba unha batería para alimentar un flexo de 12 vatios. Dous ou tres anos despois, Luciano ía ser quen de construír un salto de luz, que durante tres décadas abastecería de enerxía eléctrica máis de vinte lugares de Soandres, Coiro e Erboedo. Naqueles tempos el e a súa muller Asunción tamén abriran unha ferretería, que vén sendo a mesma que segue aberta en Villamir e que foi onde traballaron a súa filla Elena e o seu xenro José Gerardo antes de facer a maleta da emigración a Suíza a finais de 1970.
No país helvético a parella ía traballar no cantón de Berna durante seis anos, ata que naceu a súa filla Montse en 1977. Regresan á Laracha cando a meniña ten catro meses e cos aforros da emigración establecen o seu domicilio no Campo da Ran, nunha casa que construíran xusto en fronte do serradoiro de Manuel Cambón ‘O Fabricante’, nun terreo lindeiro co leito do río Anllóns, arteria principal de Bergantiños e inspirador de grandes soños como os que ían levar a cabo os nosos protagonistas.
Certo tempo despois, sobre 1978, é cando José Gerardo e Elena abren o bar no baixo da casa, negocio ao que deciden bautizar co nome de “Parking” polo grande aparcadoiro que tiñan diante do local. Como “efecto chamada” a futuros clientes, o flamante Citroën GS que a parella comprara ao vir de Suíza foi o coche que inaugurou o aparcadoiro do “Parking”.
![]() |
| O Bar 'Parking' estaba no baixo desta casa (Xabier Maceiras) |
Nunha tarde de decembro de 2025 José Gerardo e a súa filla Montse tiveron a ben recibirnos no seu domicilio do Campo da Ran, onde realizaron con nós un marabilloso paseo pola memoria da contorna e do seu antigo establecemento. “Cando abrimos o bar, aquí paraba moita xente do Noso Señor, sobre todo os domingos. Recordo que tamén eran bos clientes Cambón e os obreiros do seu aserradero, que naquela hora aínda funcionaba bastante ben. Viñan tomar o café a mais a copiña de caña para escorrentar o frío (risas). Nesa época, no 78 ou no 79, eu tamén estivera traballando con eles no monte. A Cambón marcháralle un chofer e botei un mes, ou mes e pico, andando na carroceta”, recordaba José Gerardo.
Posteriormente, ao tempo que Elena atende o bar e vai criando a Montse, o seu marido consegue un emprego en Autos Lobelle dando servizo externo nun Land Rover aos traballadores encargados de bombear a auga da mina de Meirama, onde José Gerardo coñece algún enxeñeiro que lle ía abrir os ollos de futuros negocios.
Detrás do bar tamén tiñan un campo de fútbol no que xogaba como local a Peña Deportivo Villafranca. Manolo o da ferretería de Soandres, irmán de Elena, díxonos que "á peña púxoselle ese nome porque no Campo da Ran había un salón de baile, o salón de Domingo do Niño; este home estaba casado cunha barcelonesa dese lugar". Manolo referíase a Josefa Martí Pujol, que era natural de Vilafranca del Penedés. Domingo coñeceuna cando fixo a mili alí, en Barcelona.
Antes de disputar os seus partidos no Campo da Ran, parece ser que o Deportivo Villafranca xa xogara con esa denominación moito antes onde está actualmente a ferretería de Soandres. Hai uns días comentamos no Facebook que estabamos preparando unha crónica sobre o 'Parking' e, para a nosa sorpresa, non foron poucas as persoas que compartiron algún dos seus recordos sobre este local. E mesmo houbo varios antigos futbolistas que comentaron algún detalle da época na que xogaban no pequeno Maracaná de Erboedo, caso de Luís Bocija Rey: "eu xoguei aí co Encrobas; os vestiarios eran no sótano da casa e as duchas eran o río que pasaba polo fondo do campo". Outro dos que xogou alí foi Xosé Collazo Regueira, que recorda que "detrás do bar houbo un campo de fútbol no que xoguei coa peña de Soandres e que fomos campións de Liga un ano. Era un campo á costa, que non sabías se era mellor xogar costa arriba ou costa abaixo".
![]() |
| Peña Deportivo Villafranca (Cortesía da familia García Iglesias) |
![]() |
| Futbolistas no campo do Bar 'Parking' (Cortesía da familia García Iglesias) |
Tamén houbo quen nos dixo que foi alí a ver algún partido e ata demos cunha persoa, Julia Peña, que recorda con moito cariño unha piscina que había alí.
Entre a peña de fútbol, os obreiros do serradoiro, os vellos da partida diaria e o resto da clientela habitual, o Café Bar 'Parking' funcionaba moi ben, tanto que, polo que recordaba José Gerardo, incluso fixeran unha ampliación do local para cubrir algunhas das necesidades que demandaban os seus clientes. "Fixemos un apartado para facer unha lareira para o churrasco. Nese apartado temos feito bos banquetes de cochinillo".
![]() |
| Partida de tute no Café Bar 'Parking'. O señor da boina é Cambón 'O Fabricante' (Cortesía da familia García Iglesias) |
Mais, avatares da vida, catro ou cinco anos despois da inauguración do bar, a causa dunha doenza de Elena, o 'Parking', con gran tristura da súa clientela, baixaba a persiana para sempre.
Naquela altura José Gerardo xa levaba un par de anos en Lobelle, empresa na que ía traballar ata a segunda metade da década dos 80. Foi aí cando, sobre o ano 1989, comezaría a súa curta actividade no sector madeireiro que inicia logo de construír unha nave detrás da casa. “Despois de estar seis ou sete anos en Lobelle foi cando montei en sociedade con outra persoa o aserradero. A nave fíxena eu e as máquinas, que eran de segunda man pero estaban novas, comprámolas a medias por un millón de pesetas. O outro socio chamábase Francisco e era da zona de Arteixo. Traballamos xuntos durante un par de anos e despois xa me quedei eu solo. Recordo que tiñamos unha máquina que afiaba soa pero, claro, había que saber afiar igualmente. Para aprender a utilizala, fora a un aserradero que había na Pesqueira, na zona de Ponteceso, que tiñan unha afiadora igual á nosa. Alí ensinoume un paisano como había que facer e enseguida lle collín o tranganillo. E despois xa empecei a afiar eu e a serrar a madeira. No aserradero facíamos tablilla de pino a mazo, para as caixas de madeira que ían para o porto da Coruña. Temos feito ata 1000 caixas diarias. Daquela tiñamos un camión de segunda man que o pobre, vaia por Dios (risas). O que nos compraba a madeira viña nun camión grande e nós, ao mellor, tiñamos que facer catro ou cinco viaxes para transportar cada pedido. Toda a madeira coa que traballabamos era de pino, porque naquel tempo para o peixe non valía outra cousa. Agora é todo porexpan”, contaba José Gerardo.
![]() |
| Nave na que José Gerardo tivo o serradoiro durante uns tres anos (Cortesía da familia García Iglesias) |
Á parte das caixas de madeira que ían destinadas para o porto da Coruña, para os almacéns que tiña alí un tal Manuel Riveiro, José Gerardo tamén se dedicaba a facer palés e a serrar algunha madeira para os labradores, traballo que facía os sábados polas mañás. A madeira coa que realizaba as caixas e os palés compráballela aos Bello de Paiosaco, ou a xente que vendía madeira como Barral, Edelmiro ou Manuel Pardo. Incluso o propio José Gerardo tamén andou polo monte comprando madeira. A experiencia co serradoiro tan só duraría uns tres anos, “ata que o que me compraba as caixas de madeira me meteu un sablazo de moito nabo. Funlle levando, funlle levando... e o tipo non pagaba. Fáloche dun sablazo duns oito millóns de pesetas, que naquel tempo eran moitos cartos do Noso Señor”.
![]() |
| José Gerardo co camión co que facían o reparto (Cortesía da familia García Iglesias) |
Tras aquel duro pau que o levaría a poñer punto e final á actividade madeireira, José Gerardo ía traballar ata a xubilación en diferentes sectores. “Eu estivera pagando un seguro para ter dereito ao paro. Solicitei cobralo todo xunto e con eses cartos comprei unha cisterna para o John Deere que xa tiña e a partir de aí dediqueime durante un tempo a regar alí onde me contrataban”. Tempo despois dedicouse á recría de becerros nunha corte que tiña ao carón do que fora o serradoiro. “Cheguei a ter entre 25 e 30 terneros na cuadra. Eu ía a compralos á feira de Santiago. Recriábaos e despois vendíallos a quen mellor mos pagaba”. Posteriormente, José Gerardo traballou ata que se xubilou na construción, choio que recorda “como o máis esclavo que todos".iven”.
Despois de tanto tempo, o bar segue como estaba no momento do peche. Parouse no tempo 40 anos, ata que abriu de novo en decembro de 2025 para estas Crónicas da Laracha. Aquel día José Gerardo púxose outra vez detrás da barra. No outro lado, a súa filla Montse e un servidor escoitabamos con atención os pormenores do antigo taberneiro sobre a máquina do café, a báscula... e un feixe de lembranzas máis coas que enchemos as alforxas da memoria! Grazas por tan marabillosa tarde, familia!
![]() |
| José Gerardo en decembro de 2025 detras da barra do Bar 'Parking' (Xabier Maceiras) |
Na actualidade, a familia utiliza como garaxe o lugar no que tivo o serradoiro José Gerardo García, lugar que terá o seu protagonismo no libro no que levamos traballando dende o 2024 para o Concello da Laracha (Na fraga do esquecemento. Un paseo polo onte e hoxe do sector forestal da Laracha). Por certo, no garaxe aínda gardan o antigo letreiro do bar 'Parking'. Disque en ocasións os obxectos actúan como áncoras físicas de recordos, persoas e momentos importantes. Desfacerse deles séntese, ás veces, como traizoar eses recordos. O letreiro do 'Parking' simboliza un bo anaco da memoria da bisbarra que os García Iglesias seguen mantendo viva, abofé!
![]() |
| Letreiro do Café Bar 'Parking' (Cortesía de Montse García Iglesias) |









Ningún comentario:
Publicar un comentario