xoves, 6 de novembro de 2025

O BANCO PASTOR DA CORUÑA E OS PIÑEIROS DE INSUABOA (SOANDRES)

   Ramón Otero Pedrayo dicía que o galego era tan serrador de pino como canteiro e nós, ante tal categórica afirmación do ilustre persoeiro, aproveitamos a ocasión para contar unha historia “pétrea-serradora” da que nos falaron recentemente Fran Barreiro e a súa muller Lidia Loureiro. Grazas a esta parella sabemos que é moi probable que se utilizaran (aquí viña acaído un redoble de tambor) grandes cantidades de piñeiros da Laracha para a construción do Banco Pastor, verdadeira icona da arquitectura da Coruña que cumpre estos días 100 anos de vida!

Vista do Cantón e do edificio do Banco Pastor dende o Hotel Palace  en 1925 (Ruth Matilda Anderson)

  A historia da construción do Banco Pastor é a de moitos edificios que nacen coa vocación de transformar a cidade herculina. A súa posición fronte ao porto, é un lugar fantástico que Ricardo Rodríguez Pastor e Pedro Barrié de la Maza1 decidiron adquirir en 1918 para construir a sede do seu banco, naquela hora coñecido baixo a razón social Sobrinos de José Pastor. Compradas as parcelas necesarias no Cantón Pequeno e derrubados os edificios alí existentes, de tres ou catro pisos con galerías, a obra obtén a luz verde nun momento de cambios na planificación municipal xa que facía pouco que se aprobara o proxecto urbanístico do segundo Ensanche2.

  A Comisión Municipal de Obras aproba o proxecto da edificación do Banco Pastor, que ía ocupar unha parcela de máis de 1000 metros cadrados e a ter unha altura de 38 metros a pesar de que o máximo aceptado naquel entón era de 20 metros, indicando a Comisión que o novo e moderno edificio faría máis fermosa a cidade.

  Naqueles primeiros anos 20 nos que se empeza a construír o inmoble, A Coruña vivía unha etapa de gran auxe económico que se ía traducir nunha transformación do centro da cidade. As remesas dos emigrantes e o crecemento do tráfico portuario tras o parón da posguerra eran, xunto á reforma agraria e o boiante sector servizos, claves deste desenvolvemento financeiro. No formal, o Eclecticismo, que mestura elementos da arte e a arquitectura doutras épocas, era o estilo predominante nas obras desta etapa. O Banco Pastor toma como referencia os rañaceos de finais do século XIX da Escola de Chicago e os bancos ingleses sumándolle elementos neobarrocos. Para moitos coruñeses trátase do edificio máis norteamericano da cidade, un anaquiño de Nova York na nosa Marineda. Como ben din os amigos da iniciativa CoruñeANDO, non é casualidade que no Salón do Cómic que acolle anualmente A Coruña, Batman escolla colocarse no alto da súa cornisa, xunto a un logotipo que, aínda hoxe en día, se resiste a desaparecer3. Así pois, deste xeito, nun estilo que referencia directamente á vangardista escola de Chicago en canto a súa linguaxe arquitectónica, o rañaceos coruñés ía ser deseñado por Antonio Tenreiro Rodríguez, Peregrín Estellés e Emilio Moya, aínda que só asinaron os planos os dous primeiros.

Imaxe do ano 1922 da construción do Banco Pastor (Real Academia Galega)

  Antonio Tenreiro nace na Coruña en 1893. Con oito anos sofre a perda de seu pai e queda baixo a tutela de seu tío materno, Ricardo Rodríguez Pastor, destacado membro da sociedade intelectual e empresarial coruñesa da época e impulsor, precisamente, do Banco Pastor. Tenreiro estuda na Escola Superior de Arquitectura en Madrid, lugar onde coñece a Peregrín Estellés, nado en Valencia en 1891, que sería o seu socio durante toda a carreira dende que obtiveran os títulos en 1919. Segundo nos conta Fernando Agrasar Quiroga, “o matrimonio de Antonio Tenreiro con Matilde Brochon, de nacionalidade francesa, incrementou os continuos contactos coa arquitectura daquel país. O coñecemento do clima de discusión e experimentación arquitectónica, desenvolvido en Europa naqueles anos, apoiábase na excepcional biblioteca de Tenreiro, continuamente nutrida de publicacións francesas, alemanas, holandesas e inglesas, e nas viaxes ao estranxeiro, fundamentalmente a Francia. Os dous arquitectos estableceron o seu despacho profesional na Coruña en 1919, o mesmo ano de finalización dos seus estudos. Inmediatamente asumen a excepcional encomenda do edificio do Banco Pastor. Este reto, de gran dificultade técnica e compositiva, ía ser resolto con solvencia e madurez polos mozos arquitectos4.

  O futuro rañaceos había que asentalo sobre un terreo que antes, séculos atrás, estaba na ribeira oceánica herculina. O substrato non é outro que area, ao igual que a praia. O edificio proxectado de 1000 metros cadrados, con case 40 metros de altura, presenta unha estrutura de formigón armado de muros de carga. O peso do inmoble é por tanto moi elevado, e o terreo amosa unha capacidade resistente moi baixa. O que podería suceder neste caso é que este, “al igual que un barco varado sea devorado paulatinamente por la arena del mar, puesto que se produciría una concentración de carga tal que lo hundiría5.

  Fronte a esta condición, a arquitecta Nuria Prieto comenta que existen varias solucións técnicas, a maioría das cales buscan unha redución de concentración de carga, solucións que de maneira simplificada pódense resumir en: pilotes, é dicir, paus de madeira que se cravan sobre a area aproveitando o rozamento do seu fuste (grazas á granulometría da area e a compacidade derivada da humidade do terreo) para soster un equilibrio estable a través da disposición dun gran número destos pilotes, provocando así a redución da presión sobre o terreo e un maior reparto de carga por superficie. Lousa permeable, é dicir unha lousa inferior que cerra o edificio, pero que de algunha maneira flota no interior do inmoble con respecto aos muros que a encerran dunha maneira controlada. O contacto entre lousa e muros é un punto delicado, polo que eventualmente penetrará auga derivada do exceso da presión que o terreo (area con auga) exerce de xeito directo contra o cerramento do edificio. Esta infiltración é asumida, e eliminada cando sucede. E, finalmente -segue comentando Nuria Prieto-, lousa impermeable, é decir, crear un casco dun barco que flota sobre o terreo. A estabilidade fronte ao envorco previsible conséguese a través da profundidade desta cimentación servíndose novamente da granulometría e a compacidade da area húmeda. A presión fronte ao posible afundimento é soportada pola distribución de cargas sobre a lousa, que se dimensionará de acordo coa capacidade portante admisible do mesmo. As dúas últimas técnicas son máis modernas, e derívanse da investigación das características constructivas do formigón como material de cimentación6.

   No caso do Banco Pastor, sempre se deu por feito que o edificio presenta unha cimentación de pilotes de madeira, do mesmo xeito que, por exemplo, se edificou o Teatro Nacional Dona María II da Praça Dom Pedro IV de Lisboa, antigamente coñecida como Praça do Rossio. Mais, segundo unha recente investigación do arquitecto técnico Elías de la Puente, todo apunta a que o inmoble non se levantou sobre pilotes de madeira, senón sobre pozos de cimentación (de dous tipos). Unha reportaxe publicada na revista ‘Alfar’ en 1923 ofreceu unha pista significativa: “Se invirtieron en la obra ocho meses, dos de los cuales fueron dedicados a la cimentación, cuya profundidad media es de 7 metros, alcanzando una máxima de 13, en la cual, a más de luchar con el obstáculo de los fangos y arenas que constituyen el subsuelo de esta parte de la Coruña, se han tenido que realizar importantes agotamientos de aguas”, pódese ler na devandita publicación. Nun artigo da autoría de Abel Peña e Rubén Ventureira, publicado en El Ideal Gallego o pasado mes de outubro, Elías de la Puente explicaba queal decir que tienen que achicar agua está describiendo un pozo de cimentación. Porque cuando realizas pilotes nunca tienes que achicar agua, simplemente hincas el pilote. Sin embargo, en los pozos de cimentación sí que hay que achicar7”.

  O desmentido de José Elías de la Puente non fai de menos ao edificio. Así o explicaba o arquitecto técnico en El Ideal Gallego: “Todo lo contrario. Es una cimentación más novedosa, distinta y más acorde con el edificio. Un pilote de madera era de lo más normal en la época, pero este es un tipo de cimentación que nunca vi en A Coruña, ni en Madrid8”. Mais, se as probas obtidas por él son tan esclarecedoras, ¿de onde nace o motivo da confusión (ou lenda urbana) de que o Pastor se levantou sobre simples pilotes de madeira? Para iso tamén ten resposta De la Puente, que se ocupou de atar todos os cabos, algúns comentados no artigo de Peña e Ventureira. Segundo a súa investigación, a orixe da confusión hai que buscala na ampliación que se fixo na parte traseira moitois tarde, en 1964. “El edificio son dos cuerpos: el original y el anexo, y hay que diferenciarlos”, explica el aparejador (...) Existe una foto de Durán Loriga en la que se puede ver como hincan grandes estacas de madera en el suelo. “Tiene más sentido, porque es un edificio mucho más bajo. El original tiene diez plantas y es de hormigón, y eso es mucho peso para los pilotes de madera”, comenta. Según este experto, para soportar semejante masa habría sido necesario hincar tantos que ni siquiera habría habido espacio para saneamiento. Conclusión: “El edificio del Banco Pastor se cimentó con dos tipos de pozos de hormigón, de más y menos profundidad, y el anexo, con pilotes de madera9”.

  Os arquitectos Tenreiro e Estellés confiaran a execución e deseño estrutural do edificio á empresa Valentín Vallhonrat S.A, decisión que viñera dada pola experiencia que adquirira esta empresa na execución de cimentacións en terreos blandos e con auga. No caso particular do Banco Pastor, “la difícil situación del edificio, prácticamente al lado del mar y con un terreno sobre fangos y arenas, propició que los arquitectos buscaran a una empresa especializada en cimentaciones especiales, encontrando en Valentín Vallhonrat al mejor especialista en ese momento en este tipo de obras. La importancia de esta obra para la empresa queda patente en los anuncios publicados por Valentín Vallhonrat S.A. en las revistas de construcción en la década de 1920. Varios años después de concluida su ejecución, la imagen del edificio del Banco Pastor seguía siendo la que incluía la sociedad en sus anuncios10”.

  Para construir o inmoble houbo que traer artesáns e materiais de moitos puntos do planeta. As informacións de José Elías de la Puente indican que ferro e cemento de Bélxica, cerámica de Ponferrada, mosaicos de Barcelona, mármore de Italia, pisos de madeira de Bilbao11... Interviron tamén canteiros coruñeses, os Escudero. Un edificio que ten un pouco de todas partes. Chegados a este punto, xa podedes imaxinar que A Laracha tamén tivo o seu protagonismo na construción do rañaceos.

Parcela na que se edificou o Banco Pastor (Arquivo do Reino de Galicia)


Imaxe antiga da construción do Banco Pastor (Pedro Ferrer)

  É doado imaxinar que durante os primeiros días da construción ducias de carros e zorras procedentes da Laracha, e doutros puntos da bisbarra, ateigaban, con certeza, a cidade herculina cargados con toradas e táboas de piñeiros dos serradoiros laracheses que ían ser utilizadas para levantar ese edificio do Cantón Pequeno que, un século despois, segue a ser un dos símbolos da Coruña. Tal e como contamos ao principio desta crónica, soubemos desta historia grazas a Fran Barreiro e a súa muller Lidia Loureiro, con quenes tivemos a sorte de contactar a través da Asociación Adro de Vilaño.

  -Xabier, tes que ir a Insuaboa e falar con Amador, o avó da miña muller Lidia. Disque o edificio do Banco Pastor da Coruña está levantado con moita madeira de pino da Laracha- díxonos Fran.

Panorámica do lugar de Insuaboa, parroquia de Soandres, A Laracha

   Rápidos e veloces contactamos con Amador Loureiro Casal, que nos recibiu coa maior das amabilidades na compaña da súa familia no seu domicilio de Insuaboa, lugar da parroquia de Soandres que linda co municipio de Cerceda. Nacido en 1937 nesta aldea, o noso protagonista afirmaba que o Banco Pastor ten moita madeira na parte máis baixa do edificio. Eu eso non o vin, pero contábao meu pai na casa. Dicía que o pino era eterno, que aguanta moito, e que a súa madeira era moi boa para absorver a humedad. Parece ser que por eso os enterraron nas cimentacións do Banco Pastor. Cando empezaron coa obra fixeron un burato enorme, de moita profundidade, tan fondo que encontraron area, E alí abaixo utilizaron puntais enteiros de madeira de pino que, polo que contaba meu pai, esos pinos eran de aquí, da zona de Insuaboa e doutros lugares de Soandres, da Laracha e de Cerceda. De feito, esas casas que ves(Amador sinala de fronte a súa casa) xa é Cerceda. Ese é o lugar da Albarda e ao outro lado está A Chanceira, que pertencen a parroquia de Cerceda... por aquí tamén pasa o río Anllóns”.

  Continuando con este lindo paseo pola súa memoria, o señor Amador afondaba un chisco máis sobre o seu proxenitor Manuel Loureiro Candeo. “Meu pai nacera aquí en 1911. De cativo ía moito a Coruña e tuvo que ser nesa época cando viu a obra no día a día. Seguramente sabía que a madeira destinada á construción do edificio era de aquí porque coñecería aos carreteiros que levaban os pinos para alí. Papá despois fixo vida na Coruña, foi sarxento do exército e montou unha casa de comidas da zona do Orzán. Eu ese conto do Banco Pastor e o dos pinos escoiteillo moitas veces, e acórdome que tamén dicía que, moito tempo atrás, o mar chegaba alí e seica había unha ponte para cruzar cara a Cidade Vella”.

  No seu testemuño Amador ofreceunos, ademais, valiosa información sobre os carreteiros, os fragueiros da zona na que naceu, e mesmo sobre algún que outro empresario do sector da madeira.Aquí a Insuaboa viñan os carreteiros de Celas de Peiro cos bois a buscar a madeira. Un deles era un dos de Pose. Viñan pola mañán co carro a baixar os pinos cortados do monte e, como non había carretera, despois levábana para Celas. E ao outro día levantábanse cedo e transportábana nas zorras para o Banco Pastor a máis para a Cidade, porque antes a madeira precisábase para todo. Vendíase un pinar e ía toda para A Coruña… para o Banco Pastor, para cocer o pan nos fornos de Monte Alto e para moitos sitios. Eso todo con pino. As veces ían puntais enteiros e outras veces ía fendida. Un tío meu, Luciano Casal Varela, era fragueiro. Traballou moito no monte cortando na madeira. Aínda teño aí o machado co que traballaba, que foi feito polo ferreiro e debe ter máis de 80 anos. Luciano cortaba no monte con Jesús Pedreira, que era da Albarda a máis con Manuel Patiño Regueira. Estes homes cortaban a madeira e despois viñan por ela os carreteiros de Celas. Carghábana, dábanlle descanso aos bois, e ao día seguinte, sobre ás 5 da mañán, levantábanse para levala á Coruña. Tamén había carreteiros da Laracha pero os que máis viñan a Insuaboa eran os de Celas. Precisamente en Celas había un que lle chamaban Lamelas e compráballes moita madeira, Lamelas de Peiro. Un fillo deste Lamelas, Jacinto, tivo aserradero en Larín, outro fillo tiña aserradero en San Pedro, e outro fillo tíñao na casa, o máis novo, que xa morreu, que era o sogro dos Pedreiras. Unha filla de Lamelas casou co de Pedreiras, que foi alcalde de Cerceda. Meu tío Luciano, Manuel Patiño e Jesús Pedreira axustaban os tres cos Lamelas. Cortaron moita madeira destos lugares para eles, que veñen sendo os de Maderas Lamelas. Luciano despois marchou para Buenos Aires e casou aló cunha muller que fora de aquí. Nós na casa aínda conservamos o machado co que tantos pinos cortara meu tío Luciano. A min de pequeno tamén me tocou andar bastante á madeira no monte. Despois, no ano 1963, marchei para A Coruña e alí fun policía local a máis profesor de autoescuela”.

Machado co que cortaba os piñeiros o fragueiro Luciano Casal Varela e que conserva no seu domicilio de Insuaboa o seu sobriño Amador Loureiro Casal

  Tras oito meses de traballo, a estrutura do edificio do Banco Pastor, todo de formigón armado, quedou rematado en decembro de 1922. “Terminó el rascacielo”, titulaba naquel entón La Voz de Galicia, que informaba que “para solemnizar la feliz terminación de la obra, se dispararon numerosas bombas desde el último piso de la nueva casa, sonaron alegres la gaita y el tamboril del país y se colocó en lo sumo del edificio el verde ramo —unha rama de loureiro que, vai ti a saber, se cadra ata era da Laracha— con que nuestros obreros tienen por costumbre indicar el remate de sus tareas cuando durante su curso no hubo accidente desgraciado que lamentar12”.

  As obras concluíron tres anos máis tarde e as novas instalacións inauguráronse o 8 de novembro de 1925, uns meses despois de que Sobrinos de José Pastor se convertera oficialmente en Banco Pastor. “La inauguración constituyó una nota local, una efeméride que hará etapa en el orden del progreso coruñés13”, contaba La Voz por aqueles días. A entidade, dicía o xornal herculino, “ha dado prueba imponderable de su gran potencialidad económica, levantando en la mejor avenida de esta ciudad un edificio de ingentes proporciones14”. Un inmoble que se convertía, cos seus 38 metros e as súas once plantas, no primeiro rañaceos de Galicia e mesmo hai fontes que indican que foi o edificio máis alto de España15 de formigón armado ata que en 1929 quedou desbancado polo Edificio Telefónica da Gran Vía de Madrid.

  Aínda que a súa altura non nos chame a atención hoxe en día, levantalo foi unha verdadeira ousadía na súa época, abofé! Neste centenario de vida que celebra agora o edificio, non esquezamos, pois, que A Laracha tamén tivo o seu protagonismo nesa proeza.

___________

1 Seu pai era o banqueiro coruñés Pedro Barrié Pastor e os seus bisavós foron dous dos comerciantes máis sobresaíntes da Coruña: por unha parte,o francés Juan Francisco Barrié D’Abadie e, por outra, o catalán José Pastor Taxonera, director de Jaime Dalmau y Cía., casa comercial e bancaria establecida na Coruña en 1776, precursora do que andando no tempo sería o Banco Pastor.  En 1912, tras regresar do seu periplo formativo, Pedro Barrié de la Maza empeza a traballar no negocio de seu pai, que por aquel entón atendía á razón social de Sobrinos de José Pastor e era a continuación da casa comercial e bancaria de su tío José Pastor Horta —da que seu pai fora único e universal herdeiro—. En 1915 prodúcese a súa admisión como novo socio, o que lle permitiu participar plenamente na dirección, a administración e a xerencia da casa bancaria xunto a seu pai e ao primo de este, Ricardo Rodríguez Pastor, socio minoritario da mesma. En 1925, a sociedade regular colectiva Sobrinos de José Pastor transformase en sociedade anónima coa denominación de Banco Pastor, adquirindo Ricardo Rodríguez Pastor a condición de presidente e Pedro Barrié de la Maza, a de vicepresidente. Barrié encargouse personalmente de aplicar os plans de expansión da casa de banca por toda Galicia. En 1939, tralo falecemento de Ricardo Rodríguez Pastor, Pedro Barrié de la Maza pasa a presidir o Banco Pastor, entidade que sería o núcleo financeiro das máis diversas iniciativas económicas.

2 O Ensanche é unha zona da Coruña composta polas ampliacións sucesivas da cidade fora do centro histórico. No primeiro Ensanche (proposto en 1878, aprobado en 1885 e terminado de urbanizarar nas décadas de 1930 e 1940 coa construción dos edificios que rodean a Praza de Vigo) estableceuse boa parte da burguesía da Coruña, dando lugar á existencia de edificios de interese de estilo modernista, como os que se encontran na Praza de Lugo e na Rúa Ferrol. O proxecto urbanístico do segundo Ensanche aprobouse en 1910 e ía marcar unha etapa significativa na expansión e modernización da urbe herculina a principios do século XX. Deseñado en 1906, o plan buscaba dar continuidade ao primeiro Ensanche, adaptándose ás novas demandas dunha poboación en crecemento.

3 CoruñeANDO, Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (2022): Paseos Arquitectónicos por A Coruña/Paseo por el Centro. Edificio Banco Pastor. “El nuevo poder”. coruneando.com

4 Fernando Agrasar Quiroga (2002): Artistas Galegos. Arquitectos. Do racionalismo á modernidade. Antonio Tenreiro/Peregrín Estellés, Nova Galicia Edicións. S.L., Vigo

5 Nuria Prieto (2019): “Fantasmas entre edificios de A Coruña: El Banco Pastor, la Fundación Barrié y Abanca”, El Español, Quincemil, 18 de decembro.

6 Ibídem.

7 Abel Peña/Rubén Ventureira (2025): “Una investigación desvela que el Banco Pastor de A Coruña no se levantó sobre pilotes de madera”, El Ideal Gallego, 24 de outubro.

8 Ibídem.

9 Ibídem.

10 Jacinto Ruiz Carmona/Juan Rey-Rey (2025): “Valentín Vallhonrat y Gómez, el pionero olvidado de la construcción con hormigón armado en España”. Informes de la Construcción, 77 (577):7131. https://doi.org/10.3989/ic.7131.

11 Abel Peña/Rubén Ventureira (2025): “Una investigación desvela que el Banco Pastor de A Coruña no se levantó sobre pilotes de madera”, El Ideal Gallego, 24 de outubro.

12 La Voz de Galicia, 7 de decembro de 1922, páx. 2,

13 La Voz de Galicia, 10 de novembro de 1925, páx. 1.

14 Ibídem.

15 Parece ser que o Edificio Metrópolis (45 metros e finalizado en 1911) e o Palacio de Cibeles (70 metros e finalizado en 1919) eran máis altos, aínda que cunha tipoloxía diferente ao edificio coruñés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario