Rodado do ano 2011, "Outro máis" é un filme producido en Galicia que trata a historia do acontecido nunha pequena vila da costa galega durante a catástrofe do Prestige, vila onde a chegada da marea negra afectará a todos os habitantes e ás relacións entre eles.
O director, Ricardo Llovo, xa dirixira en 2001 outro filme oceánico, "Xinetes da tormenta", baseado nun dos contos do libro de Manuel Rivas "Ela, maldita alma", no que desenvolve a historia cotiá da vida no mar, as tensións entre os mariñeiros que, tras horas de dura faena, comezan a ocasionar problemas a bordo dun barco de baixura.
A produción executiva de "Outro máis" corre a cargo de Antón Reixa. No elenco artístico destaca a presenza de coñecidos actores e actrices galegos como María Vázquez, que interpreta o papel de Barca; Federico Pérez Rey, como Beni; Fran Peleteiro, como Raúl; Marta Larralde, como Bea; e tamén podemos ver a Dorotea Bárcena, Carolina Vázquez, César Cambeiro, María Mera ou, entre outros, a Toñito de Poi.
Durante seis semanas, o equipo de rodaxe integrado por vinte actores e máis de corenta técnicos deu vida á historia que transcorre en localizaciós de municipios como A Laracha, Arteixo, Carballo, Oleiros ou Narón.
No caso da Laracha, Caión ten unha alta dose de protagonismo xa que non son poucos os puntos da vila mariñeira que aparecen no filme.
E mesmo tamén participaron, como figurantes ou extras, un gran número de caioneses e caionesas. Podedes ver a película aquí:



Ningún comentario:
Publicar un comentario