Na mañá do 31 de decembro de 1919, o litoral de Carballo era o escenario dun novo sinistro marítimo acontecido nesta parte do Atlántico ao embarrancar, nos lindes das parroquias de Razo e Lema, o vapor sueco ‘S.S. Falco’, que dende o porto de Liverpool viña facendo singradura transportando un cargamento de madeiras finas cara o porto de Sevilla, madeiras que non ían tardar en espallarse por todo o areal de Razo e Baldaio.
![]() |
| Fotografía do 'S.S. Falco' (www.wrecksite.eu) |
O navío escandinavo pertencía á compañía Afrikanska Rederi e era propiedade de G.E. Sandstrom. Fora construído co nome inicial de Aestern, nos estaleiros británicos de Southwick, Sunderland, en 1888 por William Pickersgill & Sons Ltd., que comezara a súa actividade no mundo naval en 1838 con tres socios máis: Miller, Rawson e Watson. A firma dividiríase en 1845, sendo aí, nesa altura, cando abre os seus estaleiros de Southwick onde Pickersgill, xa cos fillos á fronte da compañía, constrúe en 1888 o ‘Aestern’. Este vapor era un buque de carga de aceiro de 82,3 metros de eslora, 12,2 de puntal e 5,7 de manga que sería rebautizado posteriormente, cando a compañía sueca Afrikanska Rederi se fixo con el, co nome de ‘Falco’.
O protagonista desta historia iniciara a súa derradeira viaxe en Kotka, cidade do sur de Finlandia dende a que partiría cun cargamento de madeira que tiña que transportar ata Sevilla. Mais antes de iniciar a viaxe cara a Península Ibérica fixera parada en Göteborg, onde a compañía propietaria do buque, a Afrikanska Rederi, tiña a súa sede. Pouco antes do Nadal emprendía a viaxe con vinte e dous tripulantes a bordo (quince mariñeiros e sete oficiais) que comandaba o capitán Nasholm.
Tras facer a travesía polo Mar do Norte, as crónicas da época informaban que o cargueiro fixera unha nova escala no porto de Liverpool, do cal partiría cara o de Sevilla naqueles últimos días do ano 1919 e, cando xa navegaba por diante do litoral galego, unha tempestade con ventos furacanados e forte marusía levarían ao cargueiro a sufrir unha avaría no temón. O ‘Falco’, ao quedar sen goberno, convertiríase nun xoguete do mar e, como se dunha pluma se tratase, non tarda en chantarse a escasos metros da beira do areal de Razo e Baldaio.
Tralo embarrancamento, no que non houbera que lamentar ningunha vítima, os vinte e dous tripulantes arriban na praia a bordo dos dous botes salvavidas do buque. A pesar do mal tempo, acudirían de contado ducias de veciñas e veciños da contorna que, cun comportamento exemplar, rivalizaban nas axudas aos náufragos facilitándolles todos os obxectos que precisaban, así como bebidas alcólicas e quentes para escorrentar o frío e os nervios do mal trago vivido minutos antes.
Tres dos mariñeiros suecos serían hospedados nunhas casas de Razo por mor das súas doenzas, un deles ferido nun brazo. O resto dos tripulantes, agás o capitán, parten acompañados de varios veciños do lugar cara a Carballo, a onde chegarían unhas horas máis tarde, esgotados de camiñar de corredoira en corredoira pois, naquela hora, a estrada que une a capital de Bergantiños con Razo aínda era un soño por realizar (aínda terían que pasar tres anos para que se empezase a construír).
Ao mesmo tempo que os náufragos suecos comezaran a andaina cara a Carballo, o capitán Nashlom facía o propio desprazándose ata A Coruña, onde nada máis chegar daría parte do acontecido ao cónsul do seu país, Antonio Conde quen, despois de atendelo debidamente, aloxaría ao escandinavo no Hotel Palace. Nashlom, que chegara desfeito pola viaxe, tivera que adquirir roupas novas na cidade herculina xa que as súas estaban medio esnaquizadas. Esa mesma noite do 31 de decembro de 1919, Antonio Conde sae cara a Carballo a facerse cargo dos náufragos (que alí permanecían dende as primeiras horas da tarde) e levalos á Coruña, a onde chegarían na mañá do día seguinte previo paso pola Laracha e Arteixo. Unha vez alí, na cidade herculina, o cónsul encargaríase de hospedar aos mariñeiros no Hotel La Perla e aos oficiais no mesmo hotel no que se aloxaba o capitán Nasholm, o Hotel Palace.
Os tres náufragos que resultaran feridos no sinistro despediran o ano en Razo e, tras dous días de estadía na parroquia costeira, trasladaríanse a Carballo. De aí, logo de ver fumegar con certeza a chimenea de algún dos serradoiros da Laracha durante o traxecto, farían o propio ata A Coruña, onde se xuntarían no Hotel La Perla co resto dos seus compañeiros. Días despois os tripulantes suecos abandonaban a cidade herculina a bordo dun vapor inglés, excepto o capitán Nashlom, do que temos noticias de que nas primeiras semanas de febrerio aínda permanecía na Coruña intentando vender parte da carga recuperada.
Paralelamente, ao tempo que os mariñeiros nórdicos poñían fin á súa accidentada aventura polas terras de Bergantiños, as ondas que levaban días barrendo a popa do ‘Falco’ encargábanse de tronzar o seu pau maior, feito que daría pé a que a meirande parte das táboas e taboleiros de madeiras finas que transportaba se espallaran polo areal en pouco tempo.
Naquel intre, cando xa só se conservaba intacta a parte da proa, ao lugar do naufraxio acudían numerosas persoas, algunhas da Laracha, coa idea de facerse coa carga do buque. Para evitalo, vixiaban o areal tres parellas do corpo de Carabineiros e cinco números da Garda Civil, efectivos que non serían suficientes para impedir que a xente da contorna se apoderase das madeiras que o mar cuspía de xeito continuo por toda a praia, polo que unha boa cantidade destas táboas e taboleiros acabarían en moitas casas das parroquias costeiras de Carballo e mesmo nalgún negocio da Laracha e da Coruña, como comprobaremos máis adiante.
Case cen anos despois deste sinistro, cando realizamos o traballo de campo para o libro Contos mariños de Carballo, editado polo Concello de Carballo en 2017, tivemos a sorte de coñecer a Jesús Esmorís Cotelo, veciño do lugar da Casanova, na parroquia de Noicela. Jesús, nado en 1926, falounos dalgún dos contos que escoitaba na súa casa cando era neno. Sobre o naufraxio do ‘Falco’ díxonos que “a xente seica ía cos carros de bois ao areal recoller as táboas e vigas que o mar deixaba na beira. Era unha madeira ben boa, dicían que era de tea e era ben mellor que a de hoxe. Na nosa casa fixéranse dúas camas con esa madeira”.
Marcelino Villar e a súa muller Mercedes Rodríguez tamén contaron que no seu domicilio de Rebordelos houbo unha cama feita con esta madeira: “Meu avó fixera unha mesa e unha cama cunha madeira moi boa que viña dun barco que encallara por aquí hai moitos anos, moito antes de eu nacer, e a cama estivo nun cuarto da nosa casa ata hai ben pouco”, comentaba Mercedes.
Antonio Rodríguez Areosa, veciño tamén de Rebordelos, nado en 1938, gardaba na súa memoria un feixe de contos mariños dos tempos nos que viaxou por medio planeta embarcado durante varios anos en petroleiros e mercantes. Antonio aseguraba, polos contos que oíra na súa infancia, que “o altar da igrexa de Noicela foi feito con esas madeiras”.
Outra das fontes orais, o veciño de Lema José Rodríguez Romero, nado en 1928, tamén nos falou da madeira do ‘Falco’: “Algunhas casas da zona, aproveitando a ocasión, meteran esta madeira nos pisos. Eu aínda non nacera, pero na nosa casa fixeran unha varanda e tamén unha escada, que por certo aínda conservo. Era unha madeira moi dura e difícil de serrar. Sei do que falo porque fun carpinteiro moitos anos e teño traballado con algunha daquelas táboas”.
Como os efectivos das forzas de seguridade eran escasos para a vixianza de todo o areal, non foron poucas as transaccións que se fixeron con aquela madeira dende Carballo ata A Coruña. Exemplo disto é o que publicaba o xornal La Voz de Galicia na súa edición do 6 de febreiro de 1920:
“Descubrió la Guardia civil dos importantes depósitos de madera procedentes del naufragio del vapor sueco “Falco”, ocurrido en la playa de Baldayo.
Fueron halladas en el muelle del Este, y en un almacén de D. José Vilariño Gosende, 245 piezas de aquella madera, que arrojó el mar a la citada playa y que el que las recogió, que no se sabe quién pueda ser, las vendió al señor Vilariño.
El juzgado de instrucción entiende en el asunto1.”
Zona do areal de Baldaio que divide as parroquias de Lema e Razo, lugar aproximado no que embarrancou o vapor sueco 'Falco' o 31 de decembro de 1919
A carga do ‘Falco’ deu para moitos contos, abofé, e mesmo algún deles tivemos a sorte de que nolo narraran durante as investigacións para a edición do libro sobre os serradoiros da Laracha no que levamos traballando dende o 2024 para o Concello da Laracha. Tendo claro que hai que explotar ao máximo a transmisión oral dos coñecementos que atesouran moitas das nosas persoas maiores pois, se non se recollen a tempo, acaban por perderse por razóns biolóxicas, acudimos unha vez máis ao domicilio dunha das nosas fontes habituais. Falamos de Pedro Esmorís Rodríguez, veciño do Cancelo (Cabovilaño) nacido neste lugar en 1929 que nos agasallou cunha verdadeira xoia sobre o pasado industrial da Laracha ao afirmar que a madeira do ‘Falco’ foi o comezo dalgún dos serradoiros do municipio. Quen sabe, se cadra a madeira que acabou no almacén da Coruña do tal Vilariño que mencionaba La Voz de Galicia, foi transportada por algúns destos primeiros industriais madereiros da Laracha.
Nese paseo pola súa memoria, o señor Pedro contounos que “aquí na Laracha, vouche dicir unha cousa, eu non o vivín porque aínda non nacera, pero cando era neno sentín falar moitas veces dun barco grande de fóra que afundira ou embarrancara en Baldaio que viña cargado de madeira boa. Polo que contaban os vellos, despois de que o mar desfixera o barco, as tablas e os tablóns saían a flote e disque andaban por toda a praia. O conto é que ese barco foi o empece de algún home de aquí no tema da madeira. caso do Casillero e algún máis. Creo que Iglesias o da Tendeira e os do Mariñán tamén empezaran con esa madeira. Non me acordo ben se lla compraran a alguén alí en Baldaio, porque ata me parece que a compañía do barco non viñera a levantar nada. O que si sei é que trouxeron para A Laracha toda a que puideron. Fixéronse dueños das tablas e dos tablóns e supoño que farían unha ou dúas viaxes ao día e que os transportarían para aquí en zorras e en carros. Eles foron acumulando madeira e despois empezaron a vendela nas casas ou nas tendas que tiñan. Cando eu era mozo papá fixérase con algún desos tablóns para a nosa telleira. Eu aínda me acordo dun que era moi largo, medía de aquí a alá… que ese tablón aínda che botou ben tempo na telleira”.
Ao fío do que nos contou o señor Pedro, con referencia a que “a compañía do barco non viñera levantar nada”, resulta de interese o anuncio publicado en diferentes medios da época, durante varios días do mes de febreiro de 1920, co obxectivo de vender “los pertrechos de repuesto y demás provisiones de este buque, embarrancado en la playa de Baldayos”.
________________
1 La Voz de Galicia, 6 de febreiro de 1920, páx. 3.



Ningún comentario:
Publicar un comentario