O pasado domingo Chumi Brandariz Movilla debutou na máxima categoría do fútbol español e convertíase no terceiro futbolista da Laracha que cumpría este soño. O primeiro larachés que xogou na Primeira División foi Carlos García Becerra, que debutou en Riazor o 22 de febreiro de 1998 nun Deportivo-Athletic Bilbao (3-0, con gol do propio Carlos). O segundo foi David Añón, que fixo o propio co Deportivo en Vilarreal o 28 de febreiro do 2010 nun partido que os coruñeses perderon 1-0. E agora, o 14 de agosto de 2022, Chumi debutaba en Almería defendendo a camiseta do cadro andalúz contra o actual campión de Liga, o Real Madrid (1-2). Carlos García disputou sete partidos en Primeira e David Añón tres. Todo parece indicar que en pouco tempo Chumi Brandariz Movilla, o protagonista das Crónicas da Laracha desta semana, superará os rexistros dos seus veciños. Esta é a súa historia.
Chumi no seu debut na Primeira División (movijuan) |
Fernando Brandariz, Nando para os seus amigos, e Mercedes Movilla, máis coñecida polo apelativo de Uca, son unha das moitas parellas que a principios dos anos 90 decidiron abandonar o ruído e as présas da cidade e iniciar un camiño novo nunha vila tranquila como é A Laracha.
Nando, natural da Coruña e grande afeccionado á música1, xa tiña certa relación co municipio larachés, pois en 1988 montara uns invernadoiros na parroquia de Coiro, un negocio que abrira tras a decepción nunhas oposicións á administración que levaba preparando dende había varios anos. Uca, natural de Castro Caldelas, vila situada no corazón da Ribeira Sacra ourensá, naquela altura finalizara os seus estudos universitarios e preparaba as oposicións para ser profesora de secundaria.
En 1993, cando Nando xa case levaba cinco anos gañando a vida nos seus invernadoiros de Coiro, a parella abandona A Coruña e establece o seu novo domicilio na Laracha, vila na que ían nacer os seus fillos Ana e Juan, nados respectivamente en 1996 e 1999.
Naqueles primeiros 90, Uca entra na listaxe de substitucións da Consellería de Educación da Xunta e, despois de obter a súa primeira praza definitiva, comeza a dar clases nun instituto de Lugo cando Ana aínda era un bebé. Posteriormente ía ser profesora do IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto, en Camariñas, nun tempo no que coincide co nacemento do pequeno da casa, Juan, o noso homenaxeado, a quen dende moi cativo seus pais lle empezaron a chamar polo cariñoso apelativo de Chumi.
Nunha conversa mantida en 2020, Nando Brandariz lembraba con certa dose de humor que “a primeira vez que fun a Riazor na miña vida foi para ver un concerto de Miguel Ríos. Con iso xa podes imaxinar o que a min me gustaba o fútbol… mais un día o meu fillo díxome que quería xogar e aí empezou todo”.
Nando referíase ao 2006, que foi cando Juan Brandariz Movilla ‘Chumi’ entrou a formar parte das categorías inferiores do Laracha C.F.. O seu fillo tiña naquela hora 7 anos e, por idade, correspondíalle xogar nos prebenxamíns, mais como a entidade da camiseta verde e vermella non tiña equipo nesa categoría, Juanito empezou a xogar baixo as ordes de Velo na categoría benxamín con nenos maiores ca el.
A extraordinaria calidade do rapaciño defendendo as cores do equipo da súa vila natal pronto chamou a atención de varios equipos da Coruña que sempre apostaron forte polo fútbol de base. “Tiña oito anos e xa manexaba o equipo como se fose un veterano. Apenas tivemos tempo de desfrutalo”, recorda José Manuel Ceide ‘Canito’, o presidente do Laracha por aqueles días. “Xa se sabe o que pasa. Chumi apuntaba moitas cousas e pronto o viron os equipos da Coruña e levárono”, admitía Ceide, resignado e feliz. Feliz porque ese neno non tardou en compartir vestiario con Messi, Luís Suárez, Busquets...
Tras as boas actuacións co Laracha, Chumi pasou ao Montañeros, o histórico club herculino, antes de dar o salto á canteira do Dépor, onde se converte nun dos estandartes da xeración do 99, unha das mellores que saíu de Abegondo. Malia ser cadete de primeiro ano, no 2014 Juan Brandariz eríxese nun dos mellores efectivos do Cadete A do Deportivo que gañou a Liga Galega a tres xornadas do final e que en xuño do mesmo ano conseguía o segundo torneo estatal para a canteira deportivista, 18 anos despois de que o xuvenil se proclamase campión da División de Honra. Na localidade madrileña de Las Rozas, aquel grupo de nenos, dirixidos por Juan Ignacio Subirán, conquistaron o título tras gañarlle ao Zaragoza na final (1-0), despois de eliminar ao Madrid nunha inacabable quenda de penaltis. Ata 45 lanzamentos se tiveron que realizar despois de que o partido terminase 0-0. "Chumi é moi listo tacticamente, moi listo. É un marcador espectacular, vai ao corte moi ben. Á súa idade era máis maduro que os demais. Tiña, e ten, algo distinto”, rememoraba recentemente o ex-técnico deportivista Juan Ignacio Subirán.
Formación do R.C. Deportivo da Coruña do ano 2014. Chumi é o terceiro pola esquerda da fila superior (Iago López) |
Aquel triunfo alertou aos grandes e activou os ollos do F.C. Barcelona sobre a perla da Laracha, a quen a entidade azulgrana ficha en 2015. "Cando me chamaron do Barça pensei que era unha broma", admitía Chumi naquela altura.
Dende a súa chegada á cidade condal, o noso protagonista entra con bo pé no Barça e crece a pasos axigantados, subindo rapidamente ao Xuvenil B, cando aínda estaba en idade cadete. Chumi empeza a destacar pola súa velocidade no centro da defensa, o seu poderoso xogo aéreo grazas á súa potencia física e á súa boa técnica coa perna dereita, condicións que tamén o levarían a ser un dos fixos nas convocatorias de Santi Denia para as categorías inferiores da selección española. Denia apostou polo futbolista da Laracha como un dos seus fixos dende os primeiros pasos nas categorías inferiores masculinas en Las Rozas. Chamouno para a Sub-16 e a Sub-17, coa que se proclamou subcampión de Europa en Azerbaixán en 2016, tras perder a final na quenda de penaltis ante Portugal. "Yo le tengo un cariño tremendo por los años que lo tuve. Conmigo era titular, disfrutaba de toda la confianza; para mí fue de los mejores de ese campeonato. Dio un gran rendimiento", recordaba Santi Denia.
Na tempada 2017/18, Chumi consagrábase no Xuvenil A do F.C. Barcelona gañando a Liga e a Liga Xuvenil da UEFA, a chamada Youth League, sendo titular e xogando todos os minutos da final onde venceron por 0-3 ao Chelsea, e na que o vimos co brazalete de capitán. Esa mesma tempada foi convocado polo filial do Barça, naquela hora na Segunda División, en dúas ocasións, ante Sporting e o Almería, mais en ningunha delas chegou a disputar minutos. O larachés estaba ás portas do fútbol profesional nun momento no que, ademais, tamén empezaba a entrar nos plans do seleccionador español Sub-19 Luís de la Fuente.
Por aqueles días, ante a crise de centrais que vivía o primeiro equipo pola lesión de Samuel Umtiti, o adeus próximo de Mascherano e as lesións do belga Vermaelen, xeraron un efecto dominó que lle permite coquetear por vez primeira co primeiro equipo, xa que o técnico Ernesto Valverde elixe o central da Laracha para adestrar con eles ante as numerosas baixas no centro da zaga. Por se acaso, en xuño de 2018 o Barça renóvalle o contrato a Chumi ata o 2020 con tres tempadas máis opcionais e unha cláusula de rescisión de 100 millóns de euros, pasando a formar parte do cadro de xogadores oficial do Barça B.
Ese mesmo verán, Ernesto Valverde convócao para a xira polos Estados Unidos do primeiro equipo (naquela hora comandado por Messi), na que vai disputar a International Champions Cup. Foi no segundo partido da devandita xira onde se produciu o seu debut nunha competición non oficial co primeiro equipo azulgrana, disputando a segunda parte fronte ao AS Roma.
Unha vez iniciada a competición oficial, Chumi xoga o seu primeiro partido profesional co Barça B o 1 de setembro de 2018, día no que debutaba na Segunda División B co filial que dirixía o técnico García Pimienta. Era o partido da segunda xornada do campionato 18/19, e o conxunto barcelonista ía perder no Mini Estadi por 0-1 ante o Ejea, nun choque no que tamén estaba no once titular blaugrana Riqui Puig.
Nesa mesma tempada, Chumi xoga un total de 28 partidos na Segunda B co filial e tamén debuta de xeito oficial co primeiro equipo o 31 de outubro de 2018 no partido de ida dos dezaseisavos de final da Copa do Rei ante a Cultural Leonesa, partido que gaña o once catalán por 0-1 con esta aliñación: Cillessen; Semedo, Chumi, Cuenca, Miranda; Arturo Vidal, Samper, Denis Suárez; Munir, Malcom e Dembelé. Chumi volvería ser titular no partido de volta desta rolda acompañando a Vermaelen no centro da zaga, enfrontamento que o Barça gaña no Camp Nou por 4-1.
Chumi, segundo pola esquerda da fila superior, o día do seu debut en partido oficial co F.C. Barcelona (www.fotmob.com) |
Outra data que non vai esquecer Chumi é o 10 de xaneiro de 2019, día no que volve ser chamado polo primeiro equipo para ser titular no partido de ida dos oitavos de final da Copa do Rei ante o Levante. Un encontro que non lle foi nada ben para o Barça, que xa perdía 2-0 no minuto 18. O central da Laracha non tivo a súa mellor actuación e foi substituído no minuto 58 por Clément Lenglet. Aquel ía ser o último partido que disputase cos maiores.
Chumi
xogando no Camp Nou co F.C. Barcelona o partido de volta da
eliminatoria da Copa do Rei contra a Cultural Leonesa
(www.libertaddigital.com) |
Unha semana despois do enfrontamento de ida e na previa da volta, na que os culés tiñan que remontar, o diario El Mundo revelou que o Barça cometera aliñación indebida na súa derrota na ida ante o Levante (2-1) aliñando a Juan Brandariz ‘Chumi’. O Comité de Competición suspendera ao larachés o día anterior ao encontro por acumulación de amoestacións tras ver o quinto amarelo co Barça "B" no minuto 95 no partido do 6 de xaneiro que o filial xogara ante o Castellón. O Levante, nada máis coñecer a noticia, denunciouna ao Comité de Competición, un órgano que, meses máis tarde, declarou a aliñación indebida do conxunto blaugrana, mais desestimou a denuncia do Levante "por defecto de forma". O proceso sobre as posibles consecuencias do xa recordado “Caso Chumi” foi longo, mais dende o primeiro momento todas as demandas do Levante foron rexeitadas por estaren fóra de prazo. O caso fora moi mediático e foi tema de conversa en toda España durante varias semanas. A conclusión á que chegaron os organismos encargados de repartir xustiza era a máis estendida na opinión pública: o Barça parecía que cometera aliñación indebida, pero a denuncia dos granotas fora presentada fóra de prazo.
Se
a principios de 2019 acaparou todos os focos por debutar co F.C.
Barcelona e por formar parte da aliñación indebida ante o Levante,
a súa situación é moi
diferente na
tempada seguinte, a
19/20. Chumi
xoga 16 partidos co Barça B ata que se suspendeu o campionato
por mor da
COVID-19, e non
gozou da confianza
dos adestradores do primeiro equipo, nin con Valverde nin despois,
tras
a destitución do anterior,
con
Quique
Setién.
Ao final da campaña
remata a súa etapa no F.C.
Barcelona e inicia unha nova andaina
no
Almería,
club co que asina por dúas
tempadas.
Chumi coa camisola do Almería (www.laliga.com) |
Debuta na Segunda División co cadro andaluz o 10 de outubro de 2020, xogando de titular o partido que o Almería perde (1-0) coa UD Logroñés. Nesa tempada o central larachés non entrou moito nos plans do adestrador José Gómes mais, malia a non ter o protagonismo agardado no once almeriense, nunca alzou a voz e continuo traballando con dureza. Ía xogar 9 partidos máis do campionato (nun deles, o disputado na xornada 41ª contra a UD Logroñés que o seu equipo vence 2-1, anota o seu primeiro gol en Segunda) e catro de Copa. O Almería remata a tempada na cuarta praza e queda eliminado no play off de ascenso diante do Girona.
A alegría desa tempada producíase en maio de 2021, que foi cando anunciou en redes sociais que ía ser pai. Fíxoo a través da súa conta de Instagram xunto a súa parella Alessandra Pini, influencer que conta con máis de 160.000 seguidores.
Na tempada pasada, na 21/22, Chumi é peza indiscutible do esquema de Rubi durante a primeira metade do campionato, ata que se lesionou en febreiro e viuse na obriga de pasar polo quirófano por unha lesión no quinto metatarsiano do seu pé esquerdo. Ata ese momento o da Laracha fora o segundo xogador máis utilizado polo técnico catalán, cun total de 2.236 minutos, sendo ademais o que máis pases realizara do equipo, cadro que se ía proclamar campión de Segunda División (LaLiga SmartBank por patrocinio). Chumi participou nesa campaña en 25 encontros ligueiros (nos que marcou un gol) e dous de Copa. Malia a estar lesionado, os andaluces ían apostar pola continuidade do seu 'kaiser', que acababa contrato en xuño, e o larachés ampliou a súa vinculación co Almería por tres tempadas más, ata xuño de 2025.
Recuperado da súa lesión, o noso protagonista inicia a pretempada con total normalidade, e mesmo houbo rumores durante o verán de que estaba na axenda de Emery para o Vilarreal. O caso é que chegamos ao domingo pasado, o 14 de agosto de 2022, día no que Chumi debutaba en Primeira División xogando os 90 minutos co Almería ante o Real Madrid. A Laracha volvía a ter a un dos seus veciños xogando na máxima categoría do fútbol español.
Por se é do voso interese, a biografía de Chumi, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos e que tedes ao voso dispor nas librarías da bisbarra.
_________
1 Nando Brandariz é un dos integrantes do grupo Malavida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario