mércores, 31 de agosto de 2022

A TRAXEDIA DO "UNIÓN" EN 1933

Nas primeiras horas do sábado, 27 de maio de 1933, os mariñeiros Rogelio Lareo, Basilio Freire, José de la Iglesia, Ramón Vázquez, Plácido Muíño e Manuel Martínez facían os preparativos para ir á langosta e á centola. Dispoñíanse a saír do porto de Caión no pequeno barco “Unión”, propiedade de Rogelio Lareo (matrícula da Coruña, folio número 1.212) para recoller as nasas que deixaran, na mañá do día anterior, pola zona da Vixiadoira, no litoral de Arteixo. Uns minutos antes de facerse ao mar, José de la Iglesia recibe un aviso para presentarse no seu domicilio e viuse na obriga de quedar en terra. Este aviso íalle salvar a vida, xa que desgraciadamente os seus cinco compañeiros afogarían unhas horas máis tarde.

La Voz de Galicia, 30 de maio de 1933

   Non se sabe con certeza a que foi debido o sinistro. Descoñécese se houbo unha vía de auga ou se foi un golpe de mar, mais o certo é que o “Unión” afundiu e os seus tripulantes desapareceron entre as ondas. O único que se puido recuperar nese día foi o do patrón Rogelio Lareo Naya, que, con 54 anos de idade, deixaba viúva a Rogelia Muñiz Fernández e orfos a cinco fillos menores. Basilio Freire1, de 46 anos e viúvo, deixaba tres fillos menores e un maior de idade. Ramón Vázquez, de 34 anos, deixaba viúva a Josefa Muñiz Fernández, irmá de Rogelia. Os outros dous mariñeiros falecidos eran moi novos. Plácido Muíño Vázquez, fillo de Celia Vázquez Aragón, tiña 15 anos, e Manuel Martínez Calviño, fillo de Pedro e Antonia, 14.

   O alcalde da Laracha, Ramiro Suárez Moreno, ao se enterar da terrible desgraza, trasládase ao areal do Reiro, en Chamín, a onde chega nas primeiras horas da tarde acompañado por Antonio González2; o veciño de Oseiro Marcelino Pan; o secretario do Concello, Bárcena; e o tenente alcalde e secretario de Cambre, señores González Freire e Ruisuárez. Ramiro Suárez estaba reunido con todas estas persoas cando lle comunicaron a triste nova. No areal, o alcalde puido observar que, preto dunhas rochas, estaba totalmente desfeita a caseta do motor do “Unión”, unha embarcación que xa estaba afundida e que o mar ía destruindo.

 

La Voz de Galicia, 27 de maio de 1933

   Pouco despois, Ramiro Suárez e os seus acompañantes abandonan Chamín e diríxense a Caión. Na vila mariñeira, entre a dor da veciñanza, o alcalde visita a casa onde estaba o único cadáver que fora recollido, o do patrón Rogelio Lareo. O cadro que se podía ver nese fogar era terrible: o pobre Rogelio xacía sobre unha cama e a súa viúva, Rogelia Muñiz, e os seus cinco fillos choraban desconsoladamente. Noutra cama Josefa Muñiz, irmá de Rogelia e muller dun dos afogados, agardaba que o mar lle dese o consolo de lle devolver o corpo do seu home, Ramón Vázquez.

   O alcalde sae do domicilio de Lareo consternado pola situación na que quedaban estas familias e, cruzando constantemente frases de consolo e de ánimo con toda a vila, inicia unha susbscrición popular, que el mesmo encabeza con 500 pesetas. Igualmente ofrece aos veciños a certeza de que o Goberno da República sabería encontrar o xeito de axudar a eses fogares sen sustento.

 

Ramiro Ruárez Moreno (Foto do libro 'Unha volta polo pasado', A.V. A Cutareira)

    Ao abandonar Caión, Ramiro Suárez comeza a facer xestións para que as autoridades da Coruña se comprometesen nas axudas e achegasen recursos ás familias das vítimas. Deste xeito, o presidente da Deputación, Manuel Insua, promételle dar conta aos seus compañeiros da corporación para que, na próxima sesión plenaria, se acordase a cantidade coa que contribuír á subscrición iniciada e encabezada polo Concello da Laracha. Iglesias Corral, o alcalde da Coruña, faríalle a mesma promesa. Ramiro Suárez tamén lle pediría colaboración ao presidente do Deportivo, Felipe Rodríguez, solicitándolle a oportuna autorización para realizar unha colecta no estadio de Riazor no encontro de ida dos cuartos de final de Copa, partido que ían disputar o Deportivo e o Athletic de Bilbao no día seguinte.

  O domingo, 28 de maio, o alcalde da Laracha chega a Caión acompañado do concelleiro Pedro Añón Añón, do secretario do Concello e de Antonio González co obxecto de asistir ao enterro de Rogelio Lareo. Despois de dar o pésame aos familiares das vítimas, trasládase ata o local da confraría de pescadores, onde estaban o presidente da mesma, o concelleiro síndico Generoso Cambón Suárez, os concelleiros Germán de la Fuente Blanco (cuñado do náufrago Basilio Freire) e Ramón Canedo Cambón, ademais de varios membros da directiva e algúns socios. Perante todas estas persoas, Ramiro Suárez dá conta das xestións realizadas no día anterior na Coruña, comentando que, nas xuntanzas coas autoridades, obtivera unha impresión favorable. Tamén se achegaran ata Caión o subdelegado da Mariña, Jesús Baños, e o axente de Vixilancia de Pesca, Francisco Rodríguez, para asistir ao enterro de Lareo, que principiaba ás cinco da tarde e que presidían as autoridades citadas, ás que acompañaba o pobo en masa.

    Á mesma hora que se enterraba o patrón do “Unión” xogábase en Riazor o Deportivo-Athletic Bilbao. Nos anos 30 os bilbaínos eran un equipo poderoso acostumado a gañar títulos e cun plantel no que a maioría dos xogadores eran internacionais. Era o Athletic do mítico Gorostiza. Pola contra, neses anos o Deportivo deambulaba pola Segunda División3 e, chegar aos cuartos de final da Copa xa era un éxito. Nos coruñeses destacaba o dianteiro Chacho, que a semana anterior ao naufraxio debutara coa selección española en Chamartín marcando seis goles (récord aínda vixente) no España 13-Bulgaria 0. O encontro entre o Deportivo e o Athletic causara gran expectación, achegándose a Riazor moitos afeccionados desde diveros puntos da xeografía galega. No intermedio do mesmo fíxose a colecta pública para axudar aos familiares dos cinco mariñeiros caioneses afogados en Arteixo. Recadáronse 1.233 pesetas, contribuíndo tamén cunha cantidade xenerosa, no nome do seu equipo, o presidente do cadro bilbaíno, Manuel Castellanos. O Athletic gañara aquel partido por 2-4 e posteriormente a Copa, vencendo na final ao Real Madrid.

  Naqueles tempos de carencias nos que a xente do mar estaba totalmente desprotexida, durante varios meses máis e grazas principalmente ao tesón do alcalde da Laracha, as familias das vítimas continuaron recibindo axudas, aliviando un pouco o desamparo no que quedaran.

  A última nova relacionada con este naufraxio é a que aparece na prensa a mediados de novembro de 1933 na que se anunciaba que, no nome da Mutualidade de Accidentes do Mar e de Traballo, do Secretariado Corporativo de Confrarías de Pescadores, Alfredo Saralegui Casellas, fundador destas organizacións da obra marítima en España, entregara ás familias dos afogados 24.098 pesetas.

______________________________________

1 Este home fora un dos tripulantes feridos (daquela tiña 15 anos) polos carabinerios cando, a bordo da lancha “San Francisco”, apañaran xéneros do vapor alemán “Trier” que embarrancara en Suevos en 1902.

2 Pai do deputado a Cortes pola Federación Republicana Galega, o avogado e profesor coruñés Emilio González López.

3 O Deportivo non ascendería á Primeira División ata 1941.

Ningún comentario:

Publicar un comentario