mércores, 24 de agosto de 2022

ROGELIO SILVEIRA, O GAITEIRO DE CONDES

  Un dos grandes músicos da bisbarra foi Rogelio Silveira Castro, un gaiteiro que naceu en Condes (Soandres) en 1932 e que era o fillo máis novo do tamborileiro Domingo Silveira, 'Mingos de Teresa', e de Josefa Castro, matrimonio que uns anos antes xa foran pais de Aurora, nacida en 1925. O noso protagonista era afillado de Daniel Capelán, o gaiteiro de Erboedo, que tan só tiña 10 anos cando acompañou á pía bautismal ao meniño Rogelio.

Rogelio Silveira e seu pai Domingo tocando nunha festa (Cortesía da familia)

   O rapaz foi medrando no medio dun gran ambiente musical. Cando tiña 8 ou 9 anos, seu pai tocaba a caixa na Orquestra da Ameixeira e seu padriño Daniel amenizaba coa gaita as festas e os bailes da bisbarra, con certeza acompañado en máis dunha ocasión polo seu compadre 'Mingos'. Curiosamente Daniel Capelán, que non tiña ningún parentesco sanguíneo cos Silveira mais si moi boa amistade, ía casar en Condes con María Dolores Figueroa, veciña do lugar.

   De moi neno, cando lle botaba unha man a seus pais nas faenas do campo, Rogelio collía de cando en vez unha cana de canaveira e, tras facerlle os oportunos buratiños, facíaa soar ante a admiración dos seus. Naqueles campos de Soandres estaba nacendo un artista que non ía tardar en aprender a tocar a gaita con seu padriño Daniel.

   Posteriormente, segundo non contou Segismundo Silveira, fillo de Rogelio, cando aprendeu a tocar empezou a ir por aí con meu avó Mingos; un coa gaita e o outro co tamboril. Tocaban nas alboradas dos días de festa, nos salóns… Donde tocaban con bastante frecuencia seica era no salón de Rosende, nas festas de Soandres, nas de Ledoño, nas de Boedo... e mesmo teñen ido a Sada, que alí tamén os contrataron algunha vez”.

   Daniel Silveira, nacido en Condes en 1947, sobriño de Rogelio e curiosamente tamén afillado de Daniel Capelán, o gaiteiro de Erboedo, díxonos que “ás veces formaban un trío con José Iglesias Borrazás, un dos integrantes da Orquestra da Ameixeira. Rogelio tocaba a gaita, 'Mingos' a caixa e José o clarinete”.

    Van pasando os anos e chega a hora de facer o servizo militar, que Rogelio realiza na cidade de Lugo, no cuartel de San Cibrao. Actualmente estas instalacións militares están abandonadas, mais de seguro que aínda resoan entre as paredes do edificio as pezas que o gaiteiro de Condes aprendera con Daniel Capelán e que tocaba alí, no tempo de lecer, para alegrarlle un chisco a vida aos compañeiros de quinta.

    Rematadas as obrigas castrenses casa con Genoveva Varela Veiga, unha moza de Táboas (Soandres), lugar donde a parella establece o seu domicilio xa que ela era filla única. Alí ía nacer no ano 1954 Segismundo, o único fillo do matrimonio, que tivo a ben recordarnos algún dos episodios da vida de seu pai.

    Rogelio Silveira fai un pouco de todo para gañar a vida. Traballa de gandeiro, de labrador e mesmo fai uns pesos como zapateiro. Seica era moi bo neste oficio”, recorda Segismundo, que tamén nos dixo que naquela época ensinoulle a tocar a gaita a seu sobriño Daniel, o fillo de Aurora”.

    Rogelio segue tocando con seu pai ata mediados dos anos sesenta, que foi cando emigrou a Suíza con Genoveva. Estiveron alí dende 1964 ata finais de 1971. Primeiro foron el e miña nai para un restaurante no cantón de Berna que se chamaba 'Alpenrose', que era un hotel de montaña no que tamén había gandería. Despois estivo en Aarau, cando traballou nunha fábrica de calzados de Olten. Como podes imaxinar, levou a gaita para Suíza e tocaba moito nas barracas onde vivían os emigrantes que traballaban na construción. De feito, el tamén traballou neste sector durante dúas tempadas nunha empresa que se chamaba Zuble”.

 

Genoveva Varela e Rogelio Silveira nos anos 70 (Cortesía da familia)

    O matrimonio retorna da emigración en decembro de 1971. Rogelio adícase á gandería e volve a tocar a gaita en alboradas, festas ou en locais como o de Fina, a que montara en Coiro o Raio de Sol, unha muller moi festixeira coa que, polo que nos contou Segismundo, tiña moi boa amistade. “Meus pais levábanse moi ben con Fina desde facía moito tempo. Era modista e cando eu era cativo levábanme a súa casa a facer a roupa. Traballaba nunha casa vella que había fronte ao Raio de Sol.”

    Ao pouco, sobre o ano 73 ou o 74 forma o 'Grupo Silveira de Soandres' con Antonio Muíño (caixa) e José Campos (bombo), dous veciños de Queixas (Cerceda) que tamén estiveran na emigración en Suíza e con quenes tocou en numerosas ocasións pola bisbarra ao longo dos anos 70 e 80.

    Andando no tempo a esta formación incorporaríase José Ríos, veciño de Cerceda co que falamos durante a elaboración deste libro. “Eu viñera definitivamente de Suíza nos primeiros anos 90. Na emigración fun gaiteiro do Centro Galego de Lausana e ao pouco de vir entrei a formar parte da formación de Rogelio. Eramos dous gaiteiros unha caixa e un bombo e tocabamos en festas e todo tipo de celebracións.”

 

De esquerda a dereita José Campos, Antonio Muíño, José Ríos e Rogelio Silveira (Cortesía de José Ríos)

    O grupo ensaiba moitas veces nas Táboas, na casa de Rogelio. Noutras ocasións era o noso protagonista o que ía a Cerceda aos ensaios que facían nas casas dos seus compañeiros. “Nesa época eu vivía coa miña muller e os meus fillos na Coruña e as veces íamos pasar ás Táboas a fin de semana; pero calquera durmía alí… había música ata as 2 ou 3 da mañán”, recorda o seu fillo Segismundo.

    E así foi transcorrendo o tempo ata 1997, ano fatídico na vida de Rogelio. O día 3 de xuño, despois dun terrible cancro, a súa muller Genoveva falecía con tan só 62 anos. No mesmo ano e no mesmo mes, o día 29, morreu con 93 anos seu pai Domingo. A partir de aquí Rogelio Silveira decidiu abandonar o mundo da música e mesmo lle vendeu a gaita a un gaiteiro da zona de Cambre. O seu corazón non estaba para alegrías.

    Cando desapareceu o 'Grupo Silveira de Soandres' os seus compañeiros de formación crearon a 'Nova Xuntanza de Cerceda' coa incorporaron de José Villaverde, gaiteiro de Ledoño que tamén fora emigrante en Suíza. Esta nova agrupación, que segue tocando a día de hoxe, participara algunha vez no programa da TVG 'Luar', na sección de música tradicional que tiña Mercedes Peón. Tamén tocaron nalgunha ocasión no programa da Radio Galega 'Pensando en ti'. Mágoa que o noso homenaxeado non vivira aquelas marabillosas experiencias.

    Rogelio Silveira Castro, O Gaiteiro de Condes, tamén coñecido como o gaiteiro de Táboas, faleceu o 3 de abril de 2004 aos 72 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario