martes, 2 de agosto de 2022

DANIEL CAPELÁN, O GAITEIRO DE ERBOEDO

   Daniel Capelán Buño nace no lugar da Fontenla, na parroquia de Erboedo, o 13 de marzo de 1922. Era fillo de José Capelán Mallo e de Celia Buño Rodríguez, matrimonio que, á parte de Daniel, tivo outros dous cativos, Florencio e Leonor, meniños que morreron aos poucos meses de nacer. 

Imaxe dos anos 80 de Daniel Capelán, á esquerda, e de Leonardo Corral, un dos fundadores de 'Os cinco de Galicia' (Cortesía de Javier Capelán)

    Noutra traxedia familiar, o noso protagonista ía quedar orfo de nai con tan só catro anos. En 1930 seu pai casa en segundas nupcias con Francisca Otero Zas, muller coa que tivo catro fillos: Oliva, Che, Lola e Pedro Capelán Otero. Precisamente con Lola, tivemos a fortuna de conversar no seu domicilio da Fontenla nunha tarde do mes de xullo do 2022. Na compaña da súa filla Oliva e do seu xenro Zalo, recordounos que “meu irmán Daniel sempre quixo ser gaiteiro. De neno collía as canas das aveas, facíalle uns buracos e despois tocaba; facía o mesmo coas canas das canaveiras. Xa se vía nel ese artista que levaba dentro.

    Daniel non recibiu estudos de solfexo e ninguén da súa familia tivera relación algunha coa música. Tocaba de oído, aínda que é probable que aprendera algunhas nocións básicas con Segís 'de Gabenlle', Luciano 'da Ameixeira', Gumersindo 'de Erboedo de Abaixo' ou con Rogelio Silveira, o gaiteiro de Condes, todos músicos da Laracha e bos amigos del.

    O certo é que tiña un talento especial. Escoitaba unha peza e non paraba ata que a sabía tocar. Non tardou en converterse nun dos grandes gaiteiros da bisbarra. Súa irmá Lola tamén recorda “de velo facer as palletas da gaita dos mangos da escoba que tiñamos na casa para barrer, que era de pólas de xibarda. Cortáballe un anaquiño e facía as palletas.”

    Capelán fai o servizo militar en África, onde coincide con Chucho de Abeleira, un rapaz de Loureda co que, andando no tempo, acabaría tendo parentesco familiar. Seica cando un deles viña de permiso voltaba ao cuartel cargado de pan de molete para o outro.

    Corren os primeiros anos corenta e, ao pouco de cumprir as obrigas militares, casa con María Dolores Figueroa García, unha moza de Condes, parroquia de Soandres, veciña do seu amigo gaiteiro Rogelio Silveira.

   Nesa época toca con asiduidade por toda a bisbarra.

    -”¡Bótalle as Bravas¡”

   Así era como as mozas e mozos da parroquia de Montemaior lle solicitaban a Daniel as xotas e muiñeiras para “bailar o suelto”, ritmos tradicionais que aínda a mediados de século resistían ao imparable avance das músicas e bailes de moda. Outro dos temas que moito lle demandaban era o “Pasodoble de Pastor”, peza do seu repertorio que tocaba acompañado dun clarinete e caixa, formación coa que o gaiteiro de Erboedo percorreu nas décadas dos anos corenta e cincuenta numerosos lugares do municipio da Laracha e outros limítrofes1.

   Ao pouco de casar con Dolores atopa traballo na RENFE como operario de vía e obras e, durante a súa actividade profesional, ía ser destinado a Cerceda, Meirama, Garga-Trasmonte, O Carballiño e Oroso-Vilacide, estacións nas que foron nacendo cinco dos seis fillos do matrimonio: Francisco, Mariló, Manolo, Javier e Secundino. José, o maior dos irmáns, viñera ao mundo en Condes, na casa de seus avós maternos. Con Javier falamos no seu domicilio da herculina Avenida do Ferrocarril e contounos que “neste piso vivimos dende que eu tiña 4 anos. Esta era a súa casa e recórdoo de tocar a gaita sempre, no Nadal, en reunións familiares, nas festas da aldea… a gaita estaba presente en todas as celebracións”.

     Sempre que llo permitía o traballo, visitaba o seu lugar de nacemento. A Fontenla era o seu parnaso particular. Curiosamente, tamén era a patria chica doutros músicos como o saxofonista Genaro 'de Aurora', a tamén saxofonista Carmen Mallo, sobriña do anterior, ou Che 'da tía Sinda', tamborileiro que acompañou a Daniel Capelán en ducias de ruadas e celebracións e que, co andar dos anos, tamén se ía converter nun notable gaiteiro. A historia musical da Fontenla é digna dun profundo estudio, abofé. 

 

Daniel Capelán e Che 'da tía Sinda' nunha función en Loureda (Cortesía de Oliva Capelán)

    Daniel non perdía ocasión para tocar nas festas de Erboedo, onde de cando en vez tamén o acompaña co tamboril o lendario 'Lemos', músico de Oseiro (Arteixo) moi querido na parroquia.

 

Daniel Capelán e 'Lemos' nunha función en Erboedo (Cortesía de Carmen Mallo)

   Javier Capelán contounos que seu pai tocara ocasionalmente co Ballet Galego Rey de Viana e con outras agrupacións da Coruña das que non lembra o nome. Ao fío desta información, contactamos con Raúl Galego, 'O gaiteiro Nubeiro', e dixonos que Daniel tocou en Zoqueiriños, do Centro Social de Monelos e que despois se chamaron Xeitosiños, e algunha que outra vez cos Cinco de Galicia. “Entre os gaiteiros da Coruña da época era frecuente conformar un grupo con músicos de varias procedencias para resolver unha actuación ou un compromiso”. 

 

De esquerda a dereita: Josecho 'dos Macías', Valentín 'dos Labregos',  Daniel Capelán e máis Luís, que traballaba no bus urbano. Diante deles o actor estadounidense Dana Andrews nos actos de benvida do primeiro Festival de Cine de Comedia da Coruña celebrado en 1982 (Cortesía de Oliva Capelán)

    Moncho do Orzán, músico da Coruña e bo amigo, contounos que un dos temas do seu repertorio, “Muiñeira”, tamén coñecido como “Muiñeira de Capelán” forma parte do disco “Muiñada” que Cantigas da Terra gravou en 1984.

   Nesa época Daniel xa se prexubilara da RENFE. Ao abandonar a empresa ferroviaria fixo a maleta da emigración e botou varios meses en Suíza, traballando nunha obra en Vevey. De seguro que o noso protagonista tocou algunha das súas pezas ao carón do lago Léman cos Alpes de fondo e... quen sabe?... se cadra algún emigrante de Montemaior, recordando vellos tempo, díxolle:

    -”¡Bótalle as Bravas, Daniel¡”

    Ao pouco de vir de Suíza consegue traballo como xardineiro ao carón do seu domicilio, no Hogar Infantil Emilio Romay, a coñecida como Casa Cuna da Coruña, lugar no que se xubila definitivamente nos últimos anos da década dos oitenta.

   Unha vez xubilado Daniel, auténtico mestre gaiteiro, compartiu a súa música e sabiduría con todas asociacións e grupos que llo solicitaron ata que faleceu en xaneiro de 2007, aos 84 anos de idade, deixando un patrimonio espiritual moi importante. O seu recordo segue estando moi vivo na bisbarra.

 

Daniel Capelán tocando a gaita nunha ruada na Fontenla (Cortesía de Oliva Capelán)

________

1 A muiñeira “A Brava” e o “Pasadoble de Pastor” forman parte do CD “Cantos vellos para rapaces novos que a Asociación Cultural Santa María de Torás editou en 2002 coa A.C. Donaire dos Mallos, A Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario