xoves, 3 de marzo de 2022

OS SALÓNS DE BAILE (CAPÍTULO 4)

  Continuando co percorrido sobre a historia dos salóns de baile que houbo no municipio da Laracha, nesta cuarta entrega arrincamos a viaxe na parroquia de Soandres, concretamente no lugar do Niño, onde Gumersindo Amor Loureiro xa tiña salón e taberna dende os anos dez ou primeiros vinte do século pasado, época na que con certeza tocaba no seu establecemento o popular Barreiro, o gaiteiro de Soandres. 

Luga onde estaba o Salón de Gumersindo Amor

   Á parte de adicarse á hostalería, Gumersindo, un dos grandes labradores da zona, tamén ía ser membro activo do Sindicato Agrícola de Soandres na década dos trinta. Destes anos data a seguinte noticia, que da fe dun incidente acontecido no salón do noso protagonista:

A TIROS EN UN BAILE. Dicen de Laracha que en el Lugar de Niño, de la parroquia de Soandres, tiene un salón de baile Gumersindo Amor Loureiro, y allí suelen acudir los mozos y mozas de aquella parroquia y de las contiguas. El baile último transcurrió sin que sucediese nada anormal, pero al terminar dos de los mozos, S.I.B y su hermano A., de 24 y 21 años de edad, respectivamente, provistos de un garrote y el otro de un revólver, se hicieron dueños del salón. Trató de echarlos de allí Manuel Domínguez Varela, de 44 años de edad, y los dos mozos la emprendieron con el a tiros y estacazos, derribándolo en el suelo, herido de un palo en la cabeza y de dos disparos en la cara y oreja derecha. Avisada de lo ocurrido la Guardia Civil, detuvo a los hermanos I. B. entregándolos al juez de distrito”1.
Lugar onde estaba o Salón de Gumersindo Amor

   Gumersindo Amor casou dúas veces. Coa primeira muller tivo cinco fillos: Gerardo, Domingo, Dorinda, Marina e Ramiro. E do seu segundo matrimonio naceron Rafaela e María. Curiosamente, dous dos seus fillos varóns, Gerardo e Domingo, andando no tempo ían ter, ao igual que o seu proxenitor, o seu propio salón de baile. Do salón de Domingo, situado no Campo da Ran, xa falamos neste espazo hai unhas semanas. Do local de seu irmán Gerardo facémolo deseguido.

    O salón de Gerardo Amor estaba no lugar de A Veiga, moi preto do río Anllóns, e era coñecido popularmente como “A Pachanga”. Segundo nos contou Pacita, filla de Gerardo, o local fora bautizado así por unha canción dos primeiros 60 da que se fixeran diferentes versións, entre elas a que interpretaba o gran Luís Aguilé (1936-2009), cantautor arxentino de innumerables éxitos coma “Juanita Banana”, “Cuando salí de Cuba”, “Es una lata el trabajar” ou, entre outros, o nomeado “La Pachanga”, tema composto polo cubano Eduardo Davidson. O músico portorriqueño Joe Quijano (1935-2019) dicía: “Una charanga es la orquesta que está de moda y una pachanga es el baile que se baila ahora”. Máis que o baile, o ritmo nacera en Cuba o mesmo ano da Revolución cubana: 1959, cando Eduardo Davidson, que na realidade chamábase Claudio Cuza, compuxo “La pachanga”.

   O Salón de Gerardo Amor, que tamén tiña taberna no mesmo edificio, foi durante moitos anos un verdadeiro referente festixeiro na bisbarra, un lugar de moita diversión no que se celebraron bailes ao ritmo dos mellores músicos e bandas da época. Polo que recorda algunha xente, tamén se realizaran varias proxeccións cinematográficas, celebracións do Entroido e mesmo algún que outro baile no exterior, no aparcadoiro existente diante do local, no campo que hai ao carón do río Anllóns.

 

Músicos na taberna de Gerardo Amor

  Mais, ao igual ca o resto de salóns do municipio, “A Pachanga” iría perdendo fol paulatinamente, e nos seus últimos tempos, antes do seu peche definitivo nos anos oitenta, xa só funcionaba como taberna. Azucena Iglesias, que rexenta o Bar Raio de Sol de Coiro, contounos que teño un vago recordo, de cando ía con meus pais de pequena á Pachanga, de quedar hipnotizada pola bola de espellos que colgaba do teito. A última vez que fun aínda conservaban o escenario onde tocaban as orquestras”.

    En 1992 o local ía recobrar vida de novo coa apertura da Parrillada Paco, negocio no que se celebraron vodas, comunións, comidas de empresa, banquetes, etc. A boa oferta de carnes á grella e o seu bo e variado menú tiveron sona durante moitos anos, ata a chegada da COVID-19 que foi cando Paco pechou as portas do seu local sobranceiro.


Imaxe actual da Parrillada Paco

    A poucos metros da Pachanga, na mesma parroquia de Soandres, entre os lugares de A Veiga e A Curuxeira, tivo salón Avelino Mallo Gómez, que era irmán de don David, o médico de Borreiros, e de Domingo, alcalde da Laracha nos primeiros anos 50. Este Salón, que tamén era coñecido como 'o de Rosende', estaba nun edificio de dúas plantas do que hoxe só se pode ver parte da estrutura. O tempo e a vexetación fórono devorando pouco a pouco.

  Na planta baixa deste edificio do que era propietario Avelino Mallo, tiña taberna Eladio, veciño do lugar de Condes (Soandres). Os bailes facíanse no piso de arriba, e para acceder ao Salón a xuventude tiña que subir por unhas escaleiras que había no exterior. Avelino, que de cando en vez tamén lle alugaba o local a outra xente, era o que cobraba a entrada habitualmente.

 

Aspecto actual do Salón de Avelino Mallo. Ao fondo, a Parrillada Paco

    Os tempos de esplendor deste Salón foron na década dos 50, tempos de músicas de gaitas e pandeiretas e de bailes que se facían, principalmente, polas festas ou polo Entroido. “Baixábase dende Boimir e os choqueiros enchían o Salón de Avelino”, recordounos Manuel, un mozo de aquela época. Polo Entroido había baile 3 ou 4 días e quen tocaba moitas veces neste local era Rogelio, o gaiteiro de Condes, a quen acompañaba co tambor seu pai, o señor Silveira. Estrella Peña, que emigrou ao Uruguai en 1955 con tan só 18 anos, contaba recentemente nun audio de WhatsApp que nos enviou dende Montevideo a súa filla Lourdes, que “as poucas veces que fun ao Salón de Rosende, os bailes facíanse algúns sábados. Empezaban sobre as nove da noite e duraban ata as doce, aproximadamente. Ese día vestiamonos coas mellores roupas que tiñamos. Os bailes eran de gaita e pandeireta e nos descansos facíase unha roda de xente na que unha parella bailaba no medio mentres os demais cantaban. Recordo que unha das cancións era Río Verde.”

    No Salón de Avelino é probable que nalgunha ocasión tamén tocara a famosa orquestra de Soandres, tamén coñecida como a de Ameixeira, sobre a que o admirado Gumersindo García Gómez, cronista da parroquia, comentaba o seguinte na Revista das Festas do ano 2006:

A comezos dos anos noventa faláronme da Orquesta de Soandres, e co gallo de ler o Pregón das Festas de 1992, fixen unha evocación dos seus membros como uns personaxes pintorescos da nosa parroquia e a súa bisbarra. Os poucos días, María Martínez de Silvoso puxo na miña man un vello retrato que hoxe é unha auténtica reliquia, que da fe da tan entrañable, e xa desaparecida, agrupación musical da nosa terra.
Rebosantes de xuventude e fachendosos móstranse sete mozos garridos: Luciano de Silvoso co primeiro acordeón; Celso de Compañeiro co trombón de varas; Ramón de Matías de Soutullo o frente da batería; Juan de Picardel coa trompeta; Luciano de Ameixeira co saxofón; Gumersindo de Erboedo de Abaixo co clarinete e, pechando a formación, Eduardo do Cabaleiro co segundo acordeón (...)”
Orquestra de Soandres

   Nos primeiros tempos da orquestra seica tocaban a pleno pulmón, e así o fixeron ata que lle alugaron uns altofalantes de batería a Manolo, o taberneiro de Meirama. Algúns dos temas que nunca faltaban no seu repertorio eran María de la O, Islas Canarias, Gato Montés ou Siboney, cancións que cantaban nas súas frecuentes actuacións nas romarías de Santo Adrián ou Santa Margarida, en Carballo, Rodís, A Tablilla ou nas festas e salóns da Laracha como o 'de Rosende', no que o seu propietario, Avelino Mallo, ía deixar de organizar bailes pouco antes de que Gerardo Amor abrira “A Pachanga”.

    Na mesma parroquia de Soandres, no lugar de Vilanova, nos lindes co Convento, tiña forno e taberna Domingo do Zapateiro, que seica argallaba bos bailes nos anos duros da posguerra.

    Manuel Peña, veciño de Santa Baia nado en 1934, ao que moitas e moitos de vós recordaredes por ser o conductor do autobús de Asicasa que facía a ruta A Coruña-Coiro, contounos que na taberna de Domingo “foi onde escoitei a radio por primeira vez. De neno meus avós mandábanme alí a buscar o viño. Disque sempre tiñan moi bo viño”.

 

Aspecto actual da taberna de Domingo do Zapateiro

   Os 'do Zapateiro' vivían nunha casa que tiñan apegada arriba da taberna e do alprendre que facía de Salón. Na actualidade xa non queda nada desa vivenda, mais si do pendello onde se facían os bailes. Se nos achegamos a esta vella e pequena edificación e pechamos os ollos con forza, aínda podemos escoitar os alalás e as coplas que alí se cantaban...

Para quen entrou no baile,

para quen entrou agora,

para quen entrou no baile

cantarei a noite toda.”


Miña Santa Margarida,

miña Margarida Santa,

tedes a casa no monte

onde o paxariño canta.”


O creguiño de Laracha

non ten capa nin capelo,

o de Carballo ben pode

gastalos de terciopelo”.

 

    Rematamos o percorrido pola parroquia de Soandres na Vista Alegre, onde houbo no seu momento ata cinco tabernas, practicamente unha en cada casa do lugar: a de Liboria Iglesias; a de Tapa, que foi onde naceu o popular “Niño de Soandres” e, sen chegar a ser unha taberna ao uso, si que vendía algún viño; a Cantina; a de Pilara e Primitivo; e a de Estrella Cotelo.

   Tal cantidade de tabernas débese a importancia que tivo Vista Alegre no pasado, coa feira que alí se celebrou durante máis de medio século, ata finais da década dos 50, e tamén ao movemento que xeraron os máis de 400 obreiros que traballaron nos anos vinte na construción do túnel do Cotaredo que, con 1.828 metros de lonxitude, era o máis longo da liña ferroviaria Santiago-A Coruña. Durante o tempo no que se levaron a cabo as obras, iniciadas en setembro de 1927 e finalizadas en decembro de 1929, a veciñanza de Soandres vería como as perforadoras mecánicas e os compresores eléctricos enchían de ruído a súa apacible parroquia que, cada dous por tres, vibraba cos estoupidos dos barrenos semellando un combate bélico, un nutrido bombardeo que o eco alongaba ata outras freguesías da Laracha mentres que unha lexión de homes traballaba día e noite nas obras da vía, moitas veces coa presenza da atenta mirada dalgúns veciños que acudían alí, sobre todo ás noites, atraídos polo resplandor das luces na boca do túnel, algo fantástico, algo apocalíptico para os ollos de aqueles xentes.

    Unha vez rematadas as obras do túnel, Vista Alegre retomaría a súa habitual tranquilidade, só alterada o segundo e terceiro sábados de cada mes nos que as xentes da bisbarra acudían á súa popular feira que, como dixemos anteriormente, se celebrou ata os anos 50 na esplanada denominada O Campo. Nos seus últimos tempos, cando xa foi minguando a súa importancia, a feira facíase en semanas alternas, un venres si e outro non.

   Nesa época, os mellores bailes da Vista Alegre organizábanse na taberna de Estrella Cotelo, muller casada con Domingo Antonio Gómez e nai de dous fillos: Manolo e Inés. Nunha viaxe pola súa memoria, Manuel Peña recordaba que neste local “os bailes facíanse na planta baixa da casa, que era onde tamén tiñan a taberna. Cando había Feira viñan os músicos que tocaban neses días no Salón de Catoira en Regocheo (Loureda). A Feira de Vista Alegre era cada quince días. Facíase os venres, e os sábados era a de Cerceda. Cando non coincidían coa Feira de Paiosaco, era cando facían os bailes na de Estrella, que sempre se enchía pola Feira das Cereixas. Nesa época tamén había, habitualmente, foliada no Salón de Catoira e cando os músicos acababan de tocar alí viñan por Boedo e subían para Vista Alegre. Deixábanse ver pola Feira e logo entraban na taberna de Estrella para que a xente se animara a ir ao baile.”

 

A taberna de Estrella na actualidade

   A raíz da desaparición da Feira de Vista Alegre os bailes tamén foron a menos no negocio de Estrella, unha muller loitadora que ía traballar toda a vida na súa popular taberna. Non nos esquecemos do bo facer nos fogóns da nosa protagonista, que converteu a 'Casa Estrella' nun lugar de sona na gastronomía da contorna. Julia Peña, escritora de Soandres que vén de publicar a novela “La niña del relicario”, recordaba con nostalxia que cando era nena, os fins de semana ía xantar moitas veces alí con meus pais”.

    Ao xubilarse Estrella, que faleceu na súa casa de Vista Alegre en novembro de 1989, aos 78 anos de idade, o seu fillo Manolo foi quen rexentou a taberna, un local que frecuentou moita xuventude de Soandres ao longo dos anos noventa, época na que tiñan alí a peña de fútbol. Coa morte de Manolo en 1998, o bar ía pechar durante certo tempo, ata que abriu de novo baixo o nome de Taberna Vista Alegre, dando alegría e movemento a esta parte da Laracha ata a chegada da COVID, que foi cando volveu a pechar. Agardamos pola súa reapertura para recobrar o espíritu festixeiro dos tempos de antano!

(CONTINUARÁ...)


FONTES:

CABANILLAS, RAMÓN (1983): Cancioneiro popular galego, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia.

GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2006): Aquela Orquestra de Soandres de mediados do século pasado. Revista das festas de Soandres.


_________

1 Vid. La Zarpa. Diario de los agrarios gallegos, 30 de outubro de 1930, páx 11.

Ningún comentario:

Publicar un comentario