mércores, 9 de marzo de 2022

OS SALÓNS DE BAILE (CAPÍTULO 5)

  Continuando co percorrido sobre a historia dos salóns de baile que houbo no municipio da Laracha, nesta quinta e penúltima entrega arrincamos a viaxe na parroquia de Soutullo, concretamente no lugar da Xesta, onde Fidel Ferreiro Casanova xa tiña taberna nos anos corenta do século pasado. Matilde Vilas, nada no lugar da Abeleira (Soandres) en 1932, contounos que cando eu era rapaza facíanse bailes no cruce da Xesta, diante da forxa, nun campiño que había ao carón dun castiñeiro e dun bidueiro. Tamén se facían na taberna de Fidel, nun alpendre grande que tiñan detrás da casa”.

Casa de Soutullo na que estivo a taberna de Fidel

    Fidel Ferreiro estaba casado con María García Mariño e eran pais de cinco fillos: Maximino, que o pobre ía falecer con tan só 21 anos; José, andando no tempo párroco no Castiñeiriño (Santiago de Compostela), Boiro, onde foi o primeiro cura que oficiou unha misa en galego1, e O Burgo (Culleredo); Jesusa; María del Carmen, hospitalaria de Jesús Nazareno; e Manuel. Jesusa, Chucha para as súas amizades, recordaba recentemente que “nós viviamos na Coruña e despois papá quixo ir para a Xesta. Iso foi polos 40. Na taberna, os mellores bailes facíanse polas festas das Candeas, o 2 de febreiro; polo San Antonio, o 13 de xuño; e polo San Miguel, o 29 de setembro.”

    Anos máis tarde Fidel, que morreu en 1965 aos 65 anos de idade, alugoulle a taberna a Manuel do Cruceiro. Posteriormente ían rexentar o establecemento Manuel (un dos fillos de Fidel e María) e a súa muller Jacinta, matrimonio que traballou alí ata a segunda metade dos anos sesenta. Nesta época Melchor Vilas e a súa muller Delia Rodríguez, que naquela altura estaban emigrados en Suíza, deciden comprarlle a casa aos de Fidel e, ao tempo que traballaban no país helvético, alugánlle a taberna a un tal Bragunde de Compañeiro, que estivo detrás da barra do popular negocio da Xesta ata que os propietarios retornaron definitivamente da emigración. Ao vir de Suíza, Melchor e Delia rexentaron a taberna durante algún tempo, ata que finalmente, sobre os anos oitenta, decidiron pechar o establecemento.

    A uns metros da antiga taberna de Fidel, tamén tiñan negocio José Castro Patiño e a súa dona Amelia Suárez Veiga, a coñecida como a “taberna de Patiño da Xesta”. Mónica Castro, neta de José e Amelia, díxonos que “miña tía Carme naceu en 1951 en Vilanova, un lugar que está un pouco máis abaixo da Xesta, e ao pouco de nacer ela meus avós xa abriron a taberna. Era un ultramarinos dos de antes, vendían azucre, tambores de sardiñas… O viño seica llo traían de Ribadavia e despois repartíano pola Laracha na besta. Polo que lle sentín a miña avoa, na taberna tamén facían bailes con gaiteiros”.

 

Casa onde estaba a taberna de Patiño da Xesta

    Precisamente, Carmen Castro, a tía de Mónica, tamén da fe, ao igual que Matilde Vilas, de haber baile na pequena casiña que hai no cruce da Xesta, na antiga forxa. Neste lugar a señora María de Manuel da Abeleira recorda que “antes chamábanlle a “caseta da Santa” e despois foi a forxa porque se instalou alí o ferreiro Evaristo 'do Rato'. Recordo que cando había baile o palco poñíase alí, na forxa, e viñan tocar os ghaiteiros de Erboedo, de Queixas, de Silvoso… e incluso algunha vez tocou alí a orquestra da Maricaina de Erboedo”.

 

Á esquerda, a antiga forxa ou caseta da Santa. Ao fondo, a taberna de Fidel e a taberna de Patiño da Xesta

    Á parte dos bailes que se facían nas tabernas de Fidel, na de Patiño e na forxa, a veciñanza da Xesta de máis idade tamén recorda algunha que outra pandeirada que se argallaban no alpendre da tía Carmela cando había fiadas.

   Outra taberna que houbo no lugar da Xesta foi a de Genara Méndez, que estaba á marxe esquerda da estrada que conduce a Golmar. Aínda que neste establecemento parece ser que non houbo ningún baile, si que nos parece de interese o que recorda Carlos López, o fillo de Genara: “A taberna abriuse no ano que eu nacín, en 1967, ou no seguinte, no 68. Pouco tempo botou aberta pero, cando se fixo a parcelaria, os operarios xantaban na taberna de miña nai”.

 

Casa onde estaba a taberna de Genara Méndez

    Continuamos o percorrido na parroquia de Vilaño, onde estivemos coas irmáns Otilia e Mari Luz Rama Patiño na Areosa, lugar onde seus pais José, máis coñecido polo alcume de 'Gendes', e Visitación, Visita para as súas amizades, rexentaron un salón de moita sona nos anos sesenta. Falamos do 'Salón de Gendes', referente festexeiro naquela época no que xermolaron innumerables matrimonios da bisbarra durante o tempo que permaneceu aberto.

    A idea de abrir un salón xurdira na segunda metade dos anos 50, cando se presentou un grupo andaluz de teatro itinerante diante da casa de Gendes e Visita para alugarlles a eira e o alpendre e montar alí o seu espectáculo. A música dos altofalantes chegaba a moitos puntos do municipio e a xente amontoábase para ver o teatro da compañía ambulante. Otilia e Mari Luz, que nos atenderon coa maior das amabilidades na casa familiar, recordaban que “papá tratou con eles e chegaron a acordo. Durmían no alpendre e botaron aquí varias semanas”

 

Eira e alpendre nos que se celebraban os bailes no salón de Gendes

    Ante o éxito maiúsculo do espéctaculo e a grande afluencia de público, Gendes díxolle ao seu fillo Manuel:

    -E sabes unha cousa? Aquí, se se puxera un salón de baile, aínda que non fora moita cousa, co alpendre e coa eira que temos, eu creo que non sería mal negocio!

   -Pois veña, probamos a ver que pasa!- dixo o fillo.

    Despois de sacar os oportunos permisos e acometer as obras necesarias, coa construción dun palco de madeira para as orquestras, servizos, etc., o Salón de Gendes inaugúrase dun xeito oficioso coa actuación de Celsa Bolón2, unha moza de Artes (Carballo) que en 1961 gañara, na categoría de canto rexional, o certame do popular programa “Desfile de Estrellas” que naquela hora organizaba Radio Nacional de España.

 

Aspecto actual do que foron, no seu momento, os servizos do Salón de Gendes

    Otilia e Mari Luz contaban que “despois de Celsa Bolón por aquí pasaron moitas orquestras. O salón estaba sempre a tope. Incluso puxeron un chiringuito dentro da casa, unha taberna na que se facían comidas e vendían un pouco de todo. Aquí viña xente de todas as parroquias da Laracha, de Arteixo, de Cerceda, de Carballo...”.

    Outro dos músicos que actuaba con frecuencia na de Gendes era o acordeonista Genariño de Amboade, que era da mesma parroquia de Vilaño e seica tocaba o acordeón no patín do hórreo de José e Visita.

    Mais aquela ebulición festeira ía chegar ao seu fin a finais da década dos sesenta. Otilia recordaba que “meu irmán Manuel casouse e marchou da casa. Eu emigrei a Suíza en 1969 e, claro, meus pais ao quedar sós, sen ter a ninguén que lles botara unha man no negocio, decidiron pechar”.

   Mari Luz contaba que “moita da xente que paraba aquí, especialmente os da xeración de miña irmá, emigrou en bandada a Suíza e claro, entre iso e a inauguración da Pazos, a meus pais non lles quedou outra que cerrar”.

    Na actualidade, se ides polo lugar de Areosa, aínda podedes ver o alpendre onde estaba o Salón, e mesmo o lugar onde a xuventude de aqueles días compraba as entradas para bailar nun dos referentes festexeiros da bisbarra: o Salón de Gendes!

 

O oco das reixas era o lugar no que se vendían as entradas para o Salón

 

(CONTINUARÁ...)
________

2 https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2020/05/14/span-langgl-madrid-ceei-coa-familia-borbonspan/0003_202005C14C8991.htm

Ningún comentario:

Publicar un comentario