“Estuvieron muy animados los carnavales en la capitalidad de este ayuntamiento. Hubo derroche de disfraces, variedad de carrozas y animados bailes en los salones del Regado, Cillobre y Payosaco”1.
Este salón seica era da familia Vioño de José Viña Gómez e estivo en funcionamento ata os anos 40, época na que, polo que nos contou José Manuel Viña Parada, o local converteuse en muíño con motor de gasóleo e, posteriormente, eléctrico. “De feito -recorda José Manuel- o transformador de Cillobre fíxose para dar enerxía ao muíño e aos veciños do lugar tralo acordo con Martínez, o antigo dono de Hidroeléctrica da Laracha. O muíño estivo operativo ata 1975, aproximadamente”.
Edificio de Cillobre que foi salón de baile |
Polo que recorda a señora Celia de Estramil, nacida en Lendo en 1934, cando ela era moza bailábanse pandeiradas, despois das colleitas ou das fiadas, na casa de Sinda do Roxo, situada no lugar da Barreira a poucos metros da chamada taberna 'dos Vientos'. Este local estaba nun edificio que o seu propietario, o señor Manolo de Bastón, tiña dividido en dúas vivendas. Nunha delas residía de alugueira a señora Clarisa dos Vientos. Na outra parte vivían dúas irmás naturais da parroquia carballesa de Rus, Clotilde e Josefa, que eran as que rexentaban a devandita taberna.
Casa de Sinda do Roxo |
Casa da Barreira onde estaba a taberna 'dos Vientos' |
Na actual Avenida de Caión da capital do municipio, ao carón da casa que fai esquina coa rúa Silverio Moreda Alvariño, estaba o Gran Salón Tenerife, que era propiedade do avogado larachés Rafael Pet Riveiro, xuíz do xulgado da Laracha entre a segunda metade dos anos vinte e a primeira dos trinta. Don Rafael, como así lle chamaba a veciñanza de aquela hora, ía casar en maio de 1936 coa canaria Emma Morales y Fernández Lynch, que era natural de Icod de los Vinos, municipio de Tenerife coñecido como “La ciudad del Drago” por albergar o famoso drago milenario.
E así, co nome da provincia de nacemento da súa dona, o salón de don Rafael empezaría a funcionar nos anos corenta. Naquela altura, na fachada do edificio seica rezaba o seguinte:
Gran Salón Tenerife. El primero de Galicia y el segundo de España
Joaquín
da Miñoteira e Pepe de Añón de Leborís. Á esquerda o Gran Salón
Tenerife (Foto do libro "Unha volta polo pasado. Parroquia de Torás",
Asociación Veciñal A Cutareira) |
Polo que nos contou Belén Gómez, sabemos que no teito do salón colgaban unhas tremendas lámpadas e que, ao carón das paredes do recinto de baile, había uns impoñentes floreiros de porcelana. Belén tamén nos dixo que “no roupeiro estaba Pepa de Mallo e o seu marido Genaro. Parece ser que tamén facían vodas, coma se fora un restaurante. Alí casouse Carmiña de Chispas e Tina Astray, a farmaceutica. Dentro había unha barra para tomar algo que se chamaba o ambigú”.
Lugar onde estaba o Gran Salón Tenerife |
Polo Gran Salón Tenerife ían pasar as mellores orquestras de aqueles anos, entre elas a dos irmáns Mallo de Feáns, que seica que actuaban alí con bastante frecuencia.
Sobre os anos 50 don Rafael alugoulle o salón a Manuel Fraga Baldomir e a Gelasio de Torás. Agustín Fraga, sobriño de Manuel, recorda con nostalxia as actuacións no local nesa época, especialmente as de Francisco Iglesias Silveira, cantante nacido en Vista Alegre o 16 de maio de 1931 e coñecido polo nome artístico de “El Niño de Soandres”.
Tras varios anos con Manuel Fraga e Gelasio de Torás ao fronte do negocio, se cadra dous ou tres, unha vez que lles rematou o contrato de aluguer, o Gran Salón Tenerife permacería pechado durante certo tempo, ata que se converteu no cine que moitas e moitos de vós recordades perfectamente xa que alí se proxectaron ducias de películas ata os primeiros anos oitenta, tempos nos que a xuventude da bisbarra enchía cada fin de semana a Discoteca Pazos, que significou o adeus definitivo dos salóns de baile, o fin dunha era e o iniciou doutra da que daremos conta a vindeira semana.
Panorámica actual do lugar onde estaba o Gran Salón Tenerife |
FIN
____________
1 Vid. El pueblo gallego : rotativo de la mañana, 12 de marzo de 1935, páx. 15.
Ningún comentario:
Publicar un comentario