martes, 22 de febreiro de 2022

OS SALÓNS DE BAILE (CAPÍTULO 3)

   Continuando co percorrido sobre a historia dos salóns de baile que houbo na Laracha, nesta terceira entrega arrincamos a viaxe na parroquia de Lendo, concretamente no lugar do Cruceiro, onde parece ser que nos anos trinta do século pasado xa tiñan taberna e salón Marcelino Rey de la Iglesia, tamén coñecido como o 'tío Marcelo', e a súa dona Carmen Martínez Aldao. Posteriormente ían rexentar os negocios un dos fillos do matrimonio, Constante, e a muller deste, Carmen Barbeito Aldao, 'Carmucha'.

   Constante morre moi xoven, en 1946, con tan só 38 anos, deixando tres fillos orfos, Marcelino, Carlos e José Luís, e unha viúva que, malia a terrible perda do seu home, decide tirar cara adiante traballando na taberna e no salón que, dende aquela, empezou a ser coñecido na bisbarra como o 'Salón de Carmucha'.

 

Lugar do Cruceiro onde estaba o salón vello. Á esquerda do edificio pódese ver o "ventanuco" onde se despachaban as entradas para o baile

    Non foron poucos os matrimonios que se fraguaron neste local, especialmente na festa de inverno do 7 e 8 de xaneiro e na do San Xián, nunha época na que, antes de entrar no salón, as mozas de Lendo seica deixaban os zocos na casa da señora Estrella cantando, algunha que outra vez, as seguintes coplas recollidas por Fransy González:


Uns dicen que viva Lendo

outros que viva Lemaio,

eu tamén digho que viva

la tierra donde me hallo”.

 

Para carretas, O Foxo,

para teitoeiras, Carballo,

para boas mozas, Lendo,

e para vos mozos, Lemaio”.

   Ao igual que en moitos dos salóns que naquela hora había por toda a xeografía do termo municipal Laracha, os irmáns Mallo de Feáns eran dos músicos que máis tocaban no local de Carmucha, aínda que tamén era frecuente a presenza de Lemos de Oseiro, a do acordeonista Genariño da Pereira ou mesmo a de Che, o gaiteiro de Lendo, que, segundo nos contou o seu fillo Manuel Cambón López, adquirira os primeiros coñecementos musicais facendo o servizo militar.

   Andando no tempo, Carmucha ía edificar a poucos metros deste vello salón de baile un novo establecemento con taberna e salón que rexentaría co seu fillo Carlos, un edifico que aínda está moi presente na memoria da veciñanza polos grandes bailes que alí se organizaban. Pilar Martínez contounos que “o salón novo estaba ao carón do bar actual do Cruceiro. Había baile con orquestra e no descanso os músicos ceaban alí na taberna. Meu tío Tavio de Modesto, chamábase Octavio pero todos lle chamaban Tavio, era o encargado da taquilla. E de porteiro estaba o señor Celso”.

 

Imaxe actual da "Taberna O Cruceiro". Á dereita, o lugar onde estaba o salón novo

    Este salón novo ía deixar de funcionar como tal entre finais dos anos 60 e principios dos 70, ata que o local xa só se utilizaba como almacén do bar no que traballaron media vida a señora Carmucha e o seu fillo Carlos ao tempo que Marcelino, outro dos fillos de Carmucha, facía o propio nunha taberna na rúa Juan Flórez da Coruña que moitas e moitos de vós recordaredes facendo esquina fronte a desaparecida estación dos Trolebuses Coruña-Carballo.

  Precisamente, a familia de Marcelino é a actual propietaria da "Taberna O Cruceiro", negocio que teñen alugado, e da casa onde estaba o salón vello, na que aínda se pode ver o pequeno "ventanuco" onde despachaban as entradas para o baile. 

   Na parroquia de Lestón, sabemos que en Paiosaco había o chamado Salón Vello, tamén coñecido como o Salón de Ramón hoxe desaparecido e situado fronte ao Bar Suíza. Era propiedade de Ramón do Alto e de Chuca de Vigo, avós de María Isabel Martínez Pazos, 'Ruja de Miro de Ramón', que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu negocio do Campo da Feira: 'Creaciones Jaro'.

  Polo que recorda 'Ruja', nada en Paiosaco en 1948… “antes de abrir o Salón tiveran taberna durante varios anos. O Salón debérono abrir sobre 1940, ou se cadra antes. A min levábanme para o baile sendo un bebé, porque nacín alí, e acórdome de estar no Salón cando case non andaba. Cando tiña tres aniños, meus avós sentábanme nunha repisa que fora un vertedoiro que facía de roupeiro do salón e estaba así a un lado, á dereita. Recordo que por alí viñan moito a orquestra “Os Satélites” e “Os Mallo” coa Martela e con Lemos de Oseiro”. 

 

Ano 1962. Vista da casa de Cabezas, Salón Vello, Casa de Ramiro de Ramón e a de Solina. A foto está tomada desde diante da casa de Hermelinda, que se estaba facendo (Paiosaco en Imaxes: dos Corenta aos Setenta)

   Á parte dos bailes, no Salón Vello tamén se representou algunha que outra obra teatral, entre elas “Genoveva de Brabante”, antes de que o señor Ramón e a señora Chuca pecharan o local definitivamente na primeira metade dos anos 50.

   Case medio século despois, o salón ía recobrar vida da man dos fillos de 'Ruja', Eloi Pérez Martínez e seu irmán Javier, máis coñecido polo apelativo de 'Lobo Darbuko', que nos contou que… “Hai anos, nós paramos moito tempo nun local que era propiedade de miña avoa. Era moi atípico, xa que tiña unha zona moi grande diáfana, ata que un día me enterei por miña nai que fora salón de baile. É unha historia curiosa. De feito, cando meus avós deixaron de vivir neste local por motivos que non veñen ao caso, meu irmán e os seus compis comezaron a ensaiar alí, e tamén empezamos a parar os que eramos amigos. Co tempo, aquilo converteuse nunha especie de local social de donde logo ía saír a Asociación Casa da Leiteira, que se chama así por miña avoa María, María Pazos Bello, que era leiteira”.

 

Vista do  Salón Vello cando era o local social da  Asociación Casa da Leiteira (Cortesía da A.G.A. A Casa da Leiteira)

    A señora María, mentora da Casa da Leiteira, ía compartir sabiduría e cultura en máis dunha ocasión cos seus netos, e coa xente da Asociación, neste local no que tan bos momentos pasara ao longo da súa vida, antano Salón Vello e que hoxe xa só se conserva na memoria da veciñanza de Paiosaco. Con todo, antes de ser derrubada, na Casa da Leiteira ían nacer grupos como Perfusión, The Privilege, Makrofönk, DJ Leuter... creados, como si se cerrara o círculo, no mesmo espazo onde medio século antes tocaban Os Satélites ou Os Mallo. 

   Pouco despois de que o señor Ramón e a señora Chuca cerraran o Salón Vello, Ramiro García Barros, 'Ramiro do Alto', abría un novo salón en Paiosaco, o “Salón Trébol”, lugar no que a xuventude da bisbarra de aquela hora ía pasar momentos inesquecibles moceando, bailando e mesmo competindo nos concursos de xota e muiñeira que organizaba o propietario do local.

   Segundo Ana García, unha das fillas de Ramiro, seu pai fixo nunha leira de patacas unha pista de baile que estreou a orquestra Bellas López. Posteriormente edificouse o salón, “que tiña dúas columnas no medio e bailabamos dando a volta ao redor delas mentres que os mozos contemplaban o ambiente e quen bailaba arrimados nelas. O roupeiro estaba á esquerda… e cantos quebradeiros de cabeza nos daba! Prendiamos os números con alfileres e, algún día, cando xa non chegaban as perchas, dobrabamos as prendas que, en máis dunha ocasión, teñen caido todas por aló abaixo… Non me fales!”1

 

Ano 1964. Amparo dos Camallóns e Consuelo da Fraga con Jorge de Carme de Morales e con Chona do Monte diante do Estanco. Ao fondo, a casa nova de Otilia e Manolo e máis o Salón de 'Ramiro do Alto' (Paiosaco en Imaxes: dos Corenta aos Setenta)

    Ao carón do roupeiro poñíanse as vendedoras de roscas e caramelos, o señor das garapiñadas e mesmo algunha señora maior que vixiaba con quen bailaba a súa neta. 'Ramiro do Alto' era un verdadeiro showman. Antes do descanso comezaba a anunciar todo o que estaba programado para aquel día, para a seguinte semana ou, se lle parecía oportuno, para todo o mes. Anos máis tarde, cando xa tiña o cine, facía o mesmo show anunciando as películas cos actores e actrices que interviñan en cada unha. Ramiro era todo un espectáculo, abofé, e sabía perfectamente as longametraxes que máis lle atraían á xuventude da bisbarra, que por aqueles días eran as de Sara Montiel, Antonio Molina, Marisol…

   O noso protagonista tamén tiña unha administración de lotaría na Coruña, La Favorita, que abrira a principios de 1958 nunca caseta situada máis ou menos fronte á cafetería Delicias, ao carón da consulta do médico don Carlos Alba e da dozaría La Coruñesa.

    E así, entre décimos de lotaría, sesións de cine e de baile, foron transcorrendo os anos para Ramiro García Barros e o seu Salón Trébol, por onde habían de pasar os mellores animadores e as mellores orquestras do momento, caso da Bellas López; Los Príncipes; Os Mallo; Pepe Pita; Tito Calviño; Sito; José Luís; Joselito dos Satélites; Luciano, o irmán de José Luís, a quen Ramiro sempre lle pedía o tema “Mirando hacia la bahía”, Juan Pardo, Los Trovadores e un longo etcétera de músicos que puxeron a banda sonora das vidas de innumerables parellas que se coñeceron neste Salón.

    A finais dos anos 60, vendo que as discotecas Pazos da Laracha e as existentes en de Carballo empezaban a coller auxe, 'Ramiro do Alto' vendeulle o Salón a 'Ramiro das Rañeiras' e, ao pouco tempo da venda, construiu un edificio na Coruña, na zona de Catro Camiños, onde en 1975 inaugurou a administración de lotaría La Favorita do lugar actual.

 

Ano 1969. Salón de 'Ramiro do Alto'. Na imaxe podemos observar o rótulo co nome 'Salón Trébol' e a carteleira coas películas da fin de semana. Á dereita, a ferretaría de Mercedes de Genaro (Paiosaco en Imaxes: dos Corenta aos Setenta)

    'Ramiro das Rañeiras' continuo co Salón aberto durante dous ou tres anos, tempo no que sería testemuña da decadencia definitiva dos bailes, que nunca recuperarían o gran esplendor do pasado, e acaboulle vendedendo o soar a un matrimonio que voltara da emigración. Actualmente, no mesmo lugar no que estaba o Salón Trébol, hai unha tenda de sofás, Hiper Sofá. A poucos metros deste negocio segue en pé outro dos locais míticos de Paiosaco, a Discoteca Vértigo, onde bailaron dende 1987 ata o 2005 os fillos e os netos de moitas parellas que se coñeceran, anos atrás, no Salón de Ramón e no Salón Trébol. Sobre a Discoteca Vértigo prometo falar máis polo miúdo noutra ocasión.

   Continuamos o percorrido na parroquia de Montemaior, onde falamos coa señora Jesusa García Rama no seu domicilio no lugar do Xestal. Nada en 1935, a señora Jesusa recordaba os tempos da súa xuventude dicindo que antes por aquí todo o mundo sementaba liño porque claro, a vestimenta era de liño, a roupa da cama era de liño, todo era de liño e por iso cando se fiaba facíase baile”.

    A señora Jesusa, viúva dende o 2005, casara con Edelmiro Pallas Bolón e abriran unha taberna na casa vella, hoxe restaurada e situada no mesmo lugar no que nos atendeu amablemente permitíndonos pasear pola súa memoria. Ao carón da taberna había un alpendre no que organizaron bailes polo Entroido e pola Pascua. “Case sempre era música de pandeireta, aínda que ás veces viñan tocar uns ghaiteiros da parte de Soandres e un acordeonista de Vilaño, Genariño de Vilaño, que o pobre tocaba sempre a mesma canción e a xente dicíalle que tiña que aprender outra. Pola Pascua había tres días de baile e polo Entroido catro, de sábado a martes. Viña moita xente de Montemaior, de Soutullo, de Golmar… Despois Edelmiro emigrou a Holanda e xa non houbo máis bailes. Botou aló once anos e ao vir marchamos os dous para Suíza”.

 

Lugar onde estaba a taberna de Edelmiro e Jesusa

   A poucos metros do domicilio da señora Jesusa, no mesmo lugar do Xestal e lindando xa co Batalo, hai unha fermosa casa de pedra na que, segundo nos contaron varios veciños, antigamente houbo unha taberna na que tamén se facían bailes nun pallote situado ao carón. Falamos da taberna dos de Puente, que ao parecer abriu ao pouco de que Edelmiro emigrara a Holanda. José Rodo, nado en 1956 na Carballa Redonda (Montemaior), díxonos que "miñas irmáns, que son maiores ca min, ían bailar alí. Os de Puente seica tiñan unha vitrola, un gramófono dos de antes, e poñían discos dos cantantes da época".

   O dono da casa chamábase Primitivo Puente, mais quenes rexentaban a taberna eran os fillos, unha taberna onde a veciñanza do Xestal, do Batalo, Bardenlos e doutros puntos da parroquia de Montemaior cantaban, con certeza, alalás e coplas como estas recollidas pola prezada e admirada cantareira Fransy González:

 "Santa Margharida tiene

una fuente con dos caños

a donde se van lavare ou curare

todos los males estraños".

 

"Miña Santa Margharida

i ela de Montemaior-e

dálle o aire, dálle o vento

todo lle dá darredore".

 

"Montemaior ten a sona

e Sofán tamén a ten-e

Montemaior ten a sona

de cantar e bailar ben-e".

 

"I avivalo i avivalo

i avivalo para arriba

i avivalo i avivalo

para Santa Margharida".

 

"Miña Santa Margharida

miña Margharida Santa

a augha da túa fonte

sanou a miña gharghanta".

 

"Miña Santa Margharida

por ela me vou sudando

e aghora que a vin-e

xa sudar me vai pasando".

 

"Miña Santa Margharida

este ano aló non vou-e

pola falta de diñeiro

moita xente se quedou-e". 

 

Terra de Montemaior-e

terra mellor non a fan-e

se lle botan o abono

inda dá o azafrán-e”.


Hei d´ir a Montemaior-e

hei d´ir por ver á Santiña

heite levar, miña nena

heite levar, queridiña”.


Lugar onde estaba a taberna dos irmáns Puente. Ao fondo a casa da señora Jesusa García

  No lugar do Lorteiro, tamén na parroquia de Montemaior, houbo o “Salón El Empalme” nome moi suxestivo que na realidade non reflexaba o que algún está pensando, senón que se refería á bifurcación que hai fronte ao edificio, a que nos conduce cara a parroquia carballesa de Sofán.

    En pouco máis de cinco quilómetros había tres salóns: o de Benigno da Silva, “O Cobertizo” na Tablilla, estos dous non concello de Cerceda, e “El Empalme”, lugares onde moito moceou a xuventude de Montemaior daqueles tempos, mozos e mozas que, en moitos casos, non ían tardar en facer a maleta da emigración.

    "El Empalme" era salón e taberna. Estaba na primeira casa que hai á man esquerda no Lorteiro vindo da Laracha, un lugar onde o señor Eladio Puente rexentaba a taberna e o seu fillo máis novo, Manolo, facía o propio no salón, que abrira as súas portas nos anos 60.

   Manolo emigrara a Suíza e nas súas idas e voltas do país helvético, ou mesmo nas vacacións, organizaba bailes no “Empalme” que aínda se recordan na actualidade con moita nostalxia. Nos primeiros tempos do salón traballaba como porteiro 'Santiago das Bouzas' e posteriormente faríao 'Eduardo da Penela'. Os rapaces da zona gañaban uns pesiños botando unha man no roupeiro, caso de Suso Ponte, ou lavando nos vasos nos que a xuventude de Montemaior, de Golmar, de Sofán ou de Cerceda, lugares de procedencia da maioría da clientela do salón, bebía os seus primeiros cubalibres.

    Ao tempo, Pepa da Santa cociñaba a cea das orquestras, que repoñían forzas na taberna de Eladio nos descansos. Precisamente, mentres que os músicos ceaban, Manolo, festixeiro e gran animador, subía ao palco e cantaba algún que outro tema do seu homónimo Manolo Escobar. Outro que tamén cantaba nos descansos era Florentino, un rapaz de Cumiáns que seica o facía moi ben. 

 

Lugar onde estaba a taberna e o 'Salón El Empalme'

    E así foron transcorrendo os anos ata que o salón pechou definitivamente as portas en 1975. Manolo seguiu gañando a vida en Suíza, a onde tamén emigrara seu irmán Julio, e Eladio continou traballando na taberna coa súa nora Maruja, a muller de Julio.

     A taberna funcionaba do mesmo xeito que o facían moitos dos negocios deste tipo por aqueles días, é dicir, era bar, tenda de alimentación e incluso daban comidas. Esther Esmorís contounos que “aínda teño os pratos e tazóns que nos regalaban alí nos anos 70 cada vez que comprabas deterxente.” Outro veciño, que prefire manterse no anonimato, díxonos que un día unha muller fora comprar algo á taberna. Envolvéronlle o produto con aquel papel que había antes nas tendas e que se utilizara a noite anterior para apuntar as consumicións que se beberan durante a partida de tute. Ao chegar á casa a muller seica lle dixo ao seu home:

   -”Ghanaches o perdiches? Eu ben sei o que bebestes onte a noite, teño aquí todo apuntadiño, eh”.

    A taberna do Lorteiro pechou a mediados dos anos oitenta, aproximadamente unha década despos de que o fixera o “Salón El Empalme”, tan recordado aínda na zona.


(CONTINUARÁ…)


________

1 Manuel Rodríguez López & Manuel Pazos Crespo (2011): Paiosaco en Imaxes. Dos Corenta aos Setenta, Concello da Laracha, pp. 224-225.

Ningún comentario:

Publicar un comentario