mércores, 30 de setembro de 2026

OS CAIONESES MANUEL E JOSÉ ARIJÓN COLLAZO E A CIDADE ARXENTINA DE ROSARIO (1ª parte)

 Os irmáns caioneses Manuel e José Arijón Collazo foron os fundadores na segunda metade do século XIX dunha numerosa familia en Rosario, cidade da provincia de Santa Fe (Arxentina), que ía ter ramificacións noutras provincias arxentinas como Buenos Aires, Córdoba ou Entre Ríos.

Ambos os dous traballaron con tesón ata conseguir as metas que se propuxeron cando, de moi cativos, abandonaron o seu Caión natal. Exemplos de constancia e tenacidade, ademais de forxar grandes fortunas, aportaron xenerosamente a diferentes causas nobres e ao progreso de Rosario e de Santa Fe, onde a día de hoxe, a súa memoria segue estando moi viva con avenidas ou lugares que levan o seu nome.

Manuel e José eran fillos de José Rodríguez de Arijón, natural de Rebordelos (Carballo), e da caionesa Francisca Collazo Varela, parella que contraeu nupcias o 16 de xuño de 1824 en Caión e que, á parte dos nosos homenaxeados, tamén foron pais e de María, Francisco e Nicolás.

Descoñecendo o motivo e cal das xeracións o fixo, o certo é que houbo un momento da historia desta familia na que, algún ou algúns dos seus membros, arrombaron o patronímico Rodríguez para quedar só co apelido Arijón, que foi o que espallaron en Rosario os dous irmáns de Caión: Manuel foi pai de once fillos e José de dezasete.

MANUEL ARIJÓN (1841-1900)


Manuel Arijón (Facebook Barrio Saladillo)

Comezamos esta serie falando de Manuel Ventura Rodríguez de Arijón y Collazo (ao que nos referiremos de aquí en diante como Manuel Arijón), que nace o 12 de abril de 1841 en Caión, sendo Ventura de Cobas e Carmen Verdiñas os padriños do seu bautizo.

Logo de pasar a súa infancia na vila mariñeira con algunha que outra penuria, en 1855, con tan só 14 anos, Manuel emprende viaxe a Uruguai na compaña de seu pai José. En Montevideo buscan a un amigo, seguramente tamén bergantiñán, que se establecera alí tempo atrás pero que nunca encontrarían. Manuel botaría en Montevideo dous anos e pico traballando no que podía e vivindo cunha familia de apelido Marengo.

Entre 1857 e 1858 abandona a capital uruguaia e proba fortuna na cidade arxentina de Rosario. Chega alí coa familia do señor Luis Lamas, quen estableceu un almacén e barraca de froitos do país na rúa Córdoba, esquina coa rúa Orden (hoxe España). Manuel Arijón contaba naquela altura 17 anos e inmediatamente entrou a traballar como dependente no almacén de Lamas, negocio denominado “Pobre diablo”.

Certo tempo despois pasaría a outro “El pobre diablo”, situado na rúa San Luis fronte ao Mercado Sud (posteriormente chamado Mercado Central e na actualidade praza Montenegro). O nome do local onde traballaba, abofé que se identificaba co aspecto do empregado caionés, dado os seus escasos recursos.

En 1859, outra vez en calidade de dependente, comeza a traballar na barraca de froitos que os señores Rodríguez e Larreta tiñan establecida na rúa Buenos Aires, entre Cerrito e Riobamba.

Co seu esforzo constante e logo de ser quen de aforrar algúns cartos, en 1861 decide establecerse pola súa conta. Non tarda en comezar a difundir o uso da area para a construción, que, coa viveza que sempre tería para os negocios, observaba que se encontraba en grandes cantidades na ribeira do río Paraná.

Porto de Rosario, na ribeira do río Paraná na década de 1860 (es.wikipedia.org)

Naquel intre, o ferrocarril estaba a estenderse moi rápidamente polas provincias interiores da Arxentina, en particular as da “llanura pampeana” que abarca total ou parcialmente as provincias de Buenos Aires, Córdoba, Santa Fe, Entre Ríos e La Pampa. Dado o seu relevo chan, nesta zona era máis sinxelo instalar vías e, ademais, era moi factible conseguir contratos de cargas, xa que se trata dun dos solos agrícolas máis fecundos do planeta. A historia do ferrocarril na Arxentina comezara na década de 1850 en Buenos Aires. A maior parte das liñas estaban sendo construídas por empresas británicas, con capital en parte de orixe europea pero con grandes aportes do Estado arxentino. Este foi o caso de Ferrocarril Central Argentino (en inglés Central Argentine Railway), empresa que operou nas provincias de Santa Fe e Córdoba durante a segunda metade do século XIX e a primeira metade do XX.

Como podedes imaxinar, aí entraría en escena Manuel Arijón, que en 1863 asinou un contrato co Ferrocarril Central Argentino para prestar o servizo de carga e descarga de materiais. Isto permitiulle estreitar vínculos cos empregados desta empresa, quenes, antes as dificultades que sufrían co transporte, impulsaron a Manuel a establecer unha corte ou cabalariza destinada a gardar, alimentar e coidar cabalos e outros animais de carga para realizar o servizo. Finalmente o emigrante de Caión establecería a cabaleriza na rúa Aduana (hoxe Maipú), entre San Lorenzo e Urquiza. E tamén instou aos empregados do Ferrocarril Central Argentino a que utilizaran a area do río Paraná na construción das súas vivendas en lugar de barro. Andando no tempo, neste estratéxico enclave loxístico, coas súas cabalerizas e depósitos, Manuel ía realizar grandes negocios que cambiarían para sempre o rumbo da súa vida.

Nesa altura o noso protagonista tamén comezou a colleitar alfalfa, planta forraxeira que exportaba  aos barcos franceses  e alemáns  que chegaban ao porto fluvial de Rosario dende o Atlántico. Precisamente, ao estouparar en 1864 a Guerra da Triple Alianza na que unha coalición formada por Brasil, Uruguai e Arxentina loitou militarmente contra Paraguai, o emigrante larachés chega a un acordo cun comisionado do goberno brasileño para prover de cabalos e alfalfa ao exército deste país dende o seu establecemento.

Arijón seguiría con estas operacións medianamente menores ata que dous anos despois, ao ir aumentando a demanda, asociouse cun tal Juan Bautista Harismendy, o que lle permi­tiu contratar a provisión en gran escala de toda a forraxe para a cabalería dos efectivos na fronte do conflicto no Paraguai. Ao mesmo tempo, Manuel tamén doaba gran cantidade de cabalos ao exército arxentino, feito polo que sería recompensando polo presidente Bartolomé Mitre outorgándolle terras na provincia de Formosa, ao norte do país. Existen informacións que afirman que o goberno tamén lle doou terras no centro de Posadas, capital da provincia de Misiones situada á marxe esquerda do río Paraná (que a separa do Paraguai).

As versións da historia familiar contan que sobre o ano 1866 aparece seu irmán José en Rosario, que seica investiu o seu primeiro capital nunha pequena frota de carros e bois. De José falaremos máis polo miúdo neste espazo a vindeira semana.

Durante esa época a sociedade Arijón-Harismendy comprou terreos nos que instalaron unha prensa de enfardar, adquirindo tamén do señor Salvatierra un campo para a semente de alfalfa no Bajo Hondo, unha zona rural (e unha das primeiras estacións intermedias do antigo Ferrocarril Oeste Santafesino) situada nos suburbios e inmediacións de Rosario. Alí, nestas novas extensións, fundaron un esta­blecemento que o de Caión bautizou "Quinta Vieja".

Nesa altura, en 1868, Manuel Arijón contrae matrimonio con Fausta Coll y de Padés, muller de orixe mallorquina nacida en Brasil en 1850 que tamén residira en Montevideo coa súa familia antes de asentarse definitivamente en Rosario. O padriño de vodas da parella foi Harismandy, o socio comercial do emigrante galego.

Nese mesmo ano de 1868 nace Juan Manuel, o primóxenito de Manuel e Fausta, matrimonio que co andar do tempo serían pais de dez fillos máis (Corina Florinda, Josefa Tomasa, María Esther, Micaela Dolores, Elena Francisca de los Dolores, Carlos Nicanor, Leopoldo Natalio, Alfredo, Ernesto Fidel e Juan José). A familia tiña establecido o seu domicilio nunha mansión da zona de San Martín.

Foto tomada en "Villa Fausta" en 1885 na que aparecen Manuel e Fausta cos seus fillos. De pé, de esquerda a dereita: Manuel, Dolores, Carlos, Elena, Corina e Leopoldo. Sentados: Fausta, Ernesto Josefa, María Esther, Juan José, Manuel e Alfredo (Facebook Barrio Saladillo)

Rematada en 1870 a Guerra da Triple Alianza contra Paraguai culminarían os contratos para a provisión de forraxe para o exército brasileño, disolvéndose así, por amigable convenio, a sociedade Arijón-Harismendy, conservando Manuel os terreos e establecementos da mesma.

O caionés continuaría dedicándose ao enfardado da alfalfa que producía no Bajo Hondo para exportalo principalmente a Río de Janeiro pero, como a produción propia non e­ra suficiente para as esixencias dos seus negocios, dedicouse a comprar máis alfalfa a outros produtores da zona. Deste xeito, dende aquel intre, as súas operacións abarcarían a produción, a provisión e a exportación.

Ao pouco de disolver a sociedade con Juan Bautista Harismendy, Arijón adquiriu do señor Emilio Maldonado, outra fracción de campo lindeiro á "Quinta Vieja", para ensanchar a produción de alfalfa. Alí construiu un galpón de 30 por 12 metros no que colocaría unha nova prensa de enfardar. O noso protagonista bautizou o establecemento co nome de " La Corina", en homenaxe á súa filla maior.

Por aquel días Manuel xa era un rico e respectado home de negocios e, como tal, en 1874 integra xunto a un grupo de veciños notables a Comisión Propul­sora de la creación del Banco de la Pro­vincia de Santa Fe.

Catro anos máis tarde Arijón compra propiedades na Co­lonia Bernstad (hoxe cidade de Roldán, provincia de Santa Fe) fundada pouco antes por iniciativa de Guillermo Perkins e a Compañía de Tierras del Ferrocarril Central Argentino (os primeiros 133 colonos chegaran alí tras fuxir da guerra franco-prusiana; incluían familias suizas, francesas, italianas e alemanas). O caionés, que chamou a esas terras "Santa Elena" en honor a súa filla, asinou por aqueles días un contrato coa casa "Sánchez, Romaguero hijos y Cia.” de Río de Janeiro, que exercían como apoderados fron­te ao goberno de Brasil e empresas de tranvías brasileñas.

Os negocios vanlle realmente ben, e a súa fortuna non para de medrar. En 1879 compra a estancia “Las Acacias” do señor Alcácer para sementar alfalfa, nova propiedade á que bautizou co nome de “San Carlos”, en honor ao seu fillo. Pero, a causa de tanto traballo realizado ao longo de todos esos anos, a saúde de Manuel empeza a resentirse. O 5 de abril dese ano emprende unha viaxe a Europa no que primeiramente fai parada en Galicia para visitar a seus pais e a seus irmáns. É doado imaxinar a festa que houbo en Caión durante aquela estadía na vila que o vira nacer e que abandonaría para visitar Francia. Neste país consulta a algúns médicos sobre as doenzas que viña sufrindo dende algún tempo atrás. Os doutores recomendáronlle tomar os ba­ños de Luchón, estación termal onde pasou a tempo­rada de verán.

Infografía montada de Caión de Marcos E. Amado na que podemos imaxinar como era a vila mariñeira da época. 

De volta en Rosario e por mediación do señor Gregorio Machaín, durante o primeiro goberno do presidente Alejo Julio Argentino Roca, o 18 de xaneiro de 1881, vendo o potencial que podía ter como barrio residencial, Manuel cómpralle aos descendentes de Juan Frías os campos denominados “El Saladillo”, onde ía apostar polo desenvolvemento inmobiliario do sur de Rosario como lugar recreativo e como punto clave para o comercio. En abril dese ano debía regresar a Francia para continuar (segundo o acon­sellado polos médicos), cos baños de Luchón. Pero nese intervalo mergullouse nas augas do regueiro Saladillo e experimentou unha notable melloría na súa saúde. Arijón atribuiu tan favorable reacción ás augas do pequeno río, que todo indicaba que eran curativas polo seu contido en sales minerais e iodo. En vista dos resultados, suspende a viaxe a Europa e decide construir sobre o mesmo regueiro unha instalación balnearia particular.

Ademais de comezar coa construción do complexo termal do Saladillo, tamén edifica a súa residencia familiar á que chamou "Vi­lla Fausta", en honor a súa muller. Esta residencia estaba situada no lugar onde actualmente se encontran os bloques da Avenida del Rosario ao 800 bis, rúa Messina, Plutarco (antes Ctda. Manuel Arijón) e rúa Villa Fausta, nun promontorio desde onde se observaba todo o río Paraná e as illas, naqueles anos unha paisaxe extraordinaria. Esta mansión estaba rodeada de fermosos xardíns que, co paso do tempo, os vellos veciños recordaban como "El bosque Arijón".

Plano de Rosario de finais do século XIX na que vemos a localización de "Villa Fausta", os Baños do Saladillo e outras propiedades que o caionés Manuel Arijón posuía nesta cidade arxentina (Facebook Barrio Saladillo)

Así pois, aproveitando a crenza das propiedades medicianis das augas do pequeno río, o 1 de novembro de 1885 inaugurábanse oficialmente os chamados Baños del Saladillo, situados nas proximidades do actual balneario municipal de Rosario. O complexo contaba inicialmente con baños de inmersión e posteriormente foi ampliado cunha gran pía revestida de cemento, galerías e un restaurante denominado “Los Baños”. Desde 1885 tamén impulsou a construción de vivendas destinadas ao alugueiro estival na zona do Saladillo, conxunto que Arijón denominou Aldea Saladillo. Eran seis mansións para que a clase alta rosarina pasara os veráns alí das que na actualidade só queda unha en pé, a "Casa Arijón", que en 1995 foi declarada Patrimonio Histórico e Cultural de Rosario.

Foto antiga dos Baños do Saladillo (Facebook Barrio Saladillo)

A cidade rosarina estaba crecendo en infraestruturas portuarias e fomentaba o desenvolvemento de portos privados. Foi aí, entre 1885 e 1886, cando Manuel obtén do goberno nacional a habilitación para a construción dun porto na desembocadura no río Paraná do regueiro Saladillo, na zona sur de Rosario, para o embarque do que producía nos seus campos, peirao ao que denominou “Puerto Plaza”. Velaí queda o dato: co marítimo no Atlántico e agora co fluvial no Paraná, Caión era probablemente a única vila do mundo que tiña porto en mar e en río.

Parece ser que o nome de “Puerto Plaza”, onde ía establecer depósitos de area do Paraná, foi en honor de Victorino de la Plaza, ministro que lle outorgou o permiso a Manuel para a construción do seu porto. Soñando un chisco, se cadra puido matar dous paxaros dun tiro, facendo referencia ao ministro e, tamén, a súa querida praza de Caión.

Tendo porto, tendo terreos e tendo que edificar residencias, o caionés comprou un vaporciño ao que bautizou “La Corina”, barco que tamén utilizaba para transportar a area dende o río. Manuel tamén tiña servizo a vapor para os usuarios do balneario, que era realizado a través do río Paraná por unha embarcación a vapor denominada "La Abeja". Este vapor partía dun embarcadoiro situado fronte ao actual emprazamento do "Monumento a la Bandera" e chegaba cada hora e media a "Puerto Plaza". Ademais, parece ser que tiña organizado un servizo de galeras para transportar aos bañistas e que máis tarde faría o propio cun tranvía a cabalos, que ía desde a Plaza López a "Puerto Plaza", e que era gratuito para todos os concurrentes ás piscinas.

Restos de "La Corina", embarcación que Manuel Arijón destinaba principalmente á extracción e transporte da area do río Paraná ata "Puerto Plaza" (Facebook Barrio Saladillo)

En 1887 o larachés tamén figura como propietario de fornos de ladrillo en Saladillo. Temos constancia que houbo telleiros do Baixo Miño que cruzaron o Atlántico para traballar no continente americano. Quen sabe, se cadra algún deles fíxoo aquí.

Ademais de ser o principal precursor do actual barrio Saladillo (formado despois de 1906 cando os sucesores de Manuel Arijón venderon parte das terras á “Sociedad Anónima del Saladillo”), o emigrante de Caión foi colaborador da Unión de Almaceneros e do Hogar del Huérfano, foi socio fundador da Sociedad Rural de Rosario e ademais benfeitor anónimo de numerosas obras de caridade, seguramente algunha delas levadas a cabo na vila mariñeira que o vira nacer en 1841.

En 1897 decidiu retirarse da actividade pública quedando o seu fillo Juan Manuel como xerente dos negocios. O noso homenaxeado faleceu tres anos despois, o 20 de xuño do ano 1900, aos 59 anos de idade. Nese momento era un dos homes máis adiñeirados da cidade de Ro­sario. Os seus campos comezaban na desembocadura do regueiro Saladillo e o río Paraná e terminaban nas proximidades do que hoxe é a avenida Ovidio Lagos, zona na que o seu espíritu segue estando moi moi presente na actualidade, abofé!

Fausta Coll e Manuel Arijón (Facebook Barrio Saladillo)

Desde que chegara de Caión sendo un adolescente ata a súa morte, a vida de Manuel Arijón marcou unha constante, baseada en tres piares fundamentais: o traballo encarado con decisión e ambición de independencia, a familia como núcleo aglutinante de vontades, e o servizo á comunidade, derramando todo o seu esforzo en beneficio da cidade que o acubillou, a súa querida Rosario, cidade que tivo a ben adicarlle ao caionés unha das súas principias arterias viais. Estamos a falar da Avenida Arijón, situada na zona sur de Rosario e que atravesa principalmente o barrio Roque Sáenz Peña, coñecido popularmente como Saladillo no que se encontran numerosos establecementos educativos (públicos e privados), prazas, paseos e avenidas comerciais.

Quen sabe… se cadra estamos dando o primeiro paso para un irmandamento entre A Laracha e Rosario, unha unión sobre a que continuaremos falando a vindeira semana.

(...CONTINUARÁ)


FONTES:

ALONSO, SEBASTIÁN (2006): “La familia Arijón de Rosario”, Centro de estudios genealógicos e históricos de Rosario, Boletín nº4. Año 4. 2006. Rosario, Argentina

ARIJÓN DE MONTOYA, BEATRIZ & FRUTOS DE PRIETO, MARTA (1985): “Evolución industrial de Rosario, desde sus orígenes hasta 1900”, en Revista de Historia de Rosario, Año XXIII, nº 37.

CARRASCO, EUDOURO & CARRASCO, GABRIEL (1895): Anales de la ciudad del Rosario de Santa Fé, con datos generales sobre historia argentina, 1527-1865, consultado en https://archive.org/details/analesdelaciudad00carr/page/n9/mode/2up

GUALINO, ARNOLDO (2013): "Baños del Saladillo en Rosario. su historia", https://arnoldogualino.blogspot.com/

LABORDE, EDUARDO E. (2018): “Don Manuel Arijón”, Facebook Barrio Saladillo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario