Nas Crónicas da Laracha desta semana continuamos contando a historia do serradoiro do Francés que iniciamos hai uns días (podes ler a 1ª parte aquí:https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2026/09/o-serradoiro-do-frances-1-parte.html)

Imaxe dos anos 60-70 do serradoiro do Francés (Arquivo do Reino de Galicia)
Fernando e Dosinda tamén ían abrir alí, en Pedrarrubia, un salón de baile, establecemento que, como non podía ser doutro xeito, era coñecido como o salón do Francés. O local empezou a funcionar como tal na segunda metade da década dos 50 nun alpendre que tiñan a carón da taberna e polo que pasarían artistas como Pucho Portela, cantante, violinista e animador; algúns músicos da Sintonía da Coruña; Finita ‘A Martela’; e, sobre todo, os irmáns Mallo de Feáns coa súa orquestra, que seica con eles había éxito seguro.
Antonio é o maior dos dous fillos que tiveron Fernando e Dosinda, pais tamén de María. Naceu en 1945, curiosamente canda a fábrica, e empezara a traballar de neno con seu pai. Xa non lle tocou vivir os tempos da caldeira porque no 1958 ou no 1959 foi cando empezaron a traballar con electricidade no serradoiro. Nesa época, con 15 ou 16 anos, xa andaba cos dous tractores da fábrica (seu pai comprara primeiro un Barreiros e posteriormente un Deutz) e con 18 empeza a comprar madeira no monte. Ademais, naquela época da súa xuventude non ía tardar en se converter nun experto vinícola a consecuencia dun dos múltiples negocios de seu pai.

Imaxe antiga do transformador do serradoiro do Francés (Arquivo do Reino de Galicia)
Por este motivo, o serradoiro ía estar unha tempada parada porque Fernando Esmorís ‘O Francés’ collera a representación do viño Jumilla1 e empezara coa venda e distribución a un notable nivel. “Meu pai estaba moi interesado no tema do viño e foi cando fixo o galpón grande, o que está onde a carretera que vai a Baldaio. Alí puxemos as cubas e había tres ou catro mulleres lavando nas botellas. Botamos cinco ou seis anos traballando forte no viño. Cos viños correntes botamos toda a vida. Aínda non hai tanto que o deixamos. O que pasa é que agora os viños de barril xa ninguén os quere, xa non se leva eso, agora lévase todo barrica de papel”, contaba Antonio.

Imaxe dos galpóns do viño (Arquivo do Reino de Galicia)
![]() |
| Galpóns do Francés nos anos 60-70 (Arquivo do Reino de Galicia) |
Anos despois volveron retomar a actividade madeireira nunha época na que, pouco a pouco, se foi pasando do tronzón á motoserra, modernía que Fernando foi dos primeiros empresarios bergantiñáns do sector que a empezou a utilizar. O seu fillo recordaba que a primeira motoserra que tiveron foi unha Jonson que compraran en Carballo, na tenda de Vitolo.
Estamos xa nos últimos anos 60. Tras unha década contando cos mellores artistas do momento, o salón do Francés íase reconverter na década seguinte na Parrillada El Francés. Onde antano os mozos e mozas bailaban ao ritmo da música dos Mallo e doutras orquestras mentres se prometían “amor eterno”, agora, xa casados e con fillos, comían churrasco no comedor da parrillada, situado no mesmo lugar no que estaba a pista de baile. Antonio Esmorís recordaba que “naquel tempo eu atendía o aserradero e meu pai a parrillada a máis levaba o control da fábrica cando eu andaba no monte comprando madeira. Daquela era el quen vendía e quen facía os negocios. Sobre o ano 1986 meu pai xubilouse e deixounos a parrillada. A miña muller atendíaa e eu ocupábame da fábrica”.
Logo de charlar durante uns minutos na porta do seu domicilio, andamos uns metros estrada abaixo e introducímonos nas instalacións do serradoiro, que, malia que leva moitos anos abandonado, aínda conserva algunha maquinaria que nos axuda a imaxinar como era o traballo nos tempos de esplendor da fábrica. “O aserradero abriuse varias veces. Ao principio soamente era un alpendre pequeno. Despois xa fixemos estes apartados que ves aí e empezamos a obrar. E anos máis tarde modificamos a fábrica. Sobre o ano 1985 ou por aí cambiamos os aparatos todos, que nolos fixera un tal Casal de Betanzos… o carro da madeira, a circular, a peladora…”.
Despois de tocar boa parte dos paus do sector, tamén falamos do destino da madeira deste serradoiro cando xa era Antonio o que estaba á fronte do negocio. “Moita da nosa madeira foi para Sevilla, Barcelona, Valencia, Castellón e para Murcia, para a parte de Yecla, que alí había moita carpintería. Para Marruecos tamén foi bastante madeira de pino, para as obras da construción. A min quen me compraba moita era Lema o de Carnota. Téñolle vendido moito tablón de 7 e medio que ía para as minas de Asturias. Lema embarcaba o 60% da madeira no porto de Laxe e o 40% viñan os camións a cargar directo para desprazar a varios sitios de España. En Laxe, a madeira encastillábase e secábana alí. Eu vendíalle en verde, en tablón de 7 e medio, e alí xa embarcaban no barco. A de Laxe ía case toda para Marruecos e, polo que dicía Lema, algunha seica tamén foi para Túnez. Para a construción da Coruña tamén vendín moita madeira. Esto que che estou contando foi desde o ano 1985 ata o ano 1995. Despois Lema xubilouse e eu empeceille a vender á Finsa de Santiago, pero ese xa era outro mundo porque querían a madeira moi escollida. Lema levaba todo, madeira boa e mala. Era moi amigo meu. Á parte de que me compraba madeira, tamén viña comer aquí, á nosa parrillada, moitos días da semana. El tiña a oficina na Coruña, xantaba aquí e despois ía para Laxe”.
![]() |
| Antonio Esmorís Fraga nas instalacións do seu serradoiro no verán de 2024 |
Neses anos 80 o eucalipto empezaba a abrirse camiño con forza no sector, tema que tamén tocamos na entrevista que lle realizamos a Antonio. “Cando eu era mozo había algún eucalipto, pero non como agora. Antes había quen plantaba algún nas beiras dos balados, pero non tiñan moito arraigo entre os labradores. Eu fun dos primeiros que comprei desta madeira. Entre 1978 e 1985 nadie os quería. Recordo que un día discutira con meu pai. Eu viña de comprar un pinar en Sorrizo, en Arteixo. O fulano dixérame:
- Eu véndoche os pinos, pero tesme que comprar os eucaliptos.
Daquela non se levaba moito o eucalipto. Enseñoume os pinos e despois fumos ver os eucaliptos. Chegamos alí e resulta que había uns enormes. Compreillos case regalados. Os pinos foran 400.000 pesetas e os eucaliptos 25.000. Conteillo a meu pai e díxome:
- E a ti quen che mandou comprar os eucaliptos? Ti non ves que non hai quen os queira!
O caso é que eu despois chamei a Demetrio Calviño, e resulta que os eucaliptos déronme para pagarlle toda a madeira ao fulano de Sorrizo. Aínda me acordo ben o que me dixera meu pai cando llo contei:
- Bueno ho, pois se hai máis eucaliptos deses por aí, compramos!
Despois disto compráballe eucaliptos incluso aos outros que tamén tiñan aserradero porque eles non os querían. Eu empecei a ter máis ganancia porque co pino había moita competencia e naquel tempo co eucalipto non había ningunha. Pero ao pouco xa había moitos que tamén os querían porque, claro, estaban as celulosas todas que tiñan compradores por aquí. Estaba a celulosa de Pontevedra, estaba a celulosa de Sarrió de Zaragoza, que eu incluso anos antes tivera unha oferta de traballo para comprar madeira para esta celulosa a través dun comprador que traballaba para eles, un tal José Luis; estaban Bautista Romero, García Presedo… daquela xa había unha gran cantidade de compradores que xa se dedicaban máis ao eucalipto que ao pino. En pouco tempo cambiou todo. Aí xa falamos dos anos 1989 ou 1990. Aí empezou todo o do eucalipto, tal como o entendemos hoxe, e despois xa había unha competencia enorme”.
Sobre o ano 1995, Antonio Esmorís decidiu abandonar o sector madeireiro e seguiu traballando coa súa muller Manuela Isabel na parrillada. Fixérono ata o 2016, que foi cando pecharon este negocio, aínda que continuaron a traballar no bar ata a súa xubilación. Seus pais, os fundadores do microcosmos de Pedrarrubia, faleceron nesa época. Fernando en 2013, aos 92 anos de idade, e Dosinda en 2018 aos 95.
____________________
1 A DOP (Denominación de Orixe Protexida) Jumilla localízase no extremo sueste da provincia de Albacete, que inclúe os municipios de Montealegre del Castillo, Fuente Álamo, Ontur, Hellín, Albatana e Tobarra e o norte da provincia de Murcia, co municipio de Jumilla, que lle dá nome a esta Denominación de Orixe Protexida.


Ningún comentario:
Publicar un comentario