Nas Crónicas da Laracha desta semana viaxamos ata Pedrarrubia, lugar da parroquia de Lemaio situado nos lindes dos municipios da Laracha e Carballo, xusto ao carón da estrada da Deputación DP-1909 que une A Rega1 con Baldaio.
![]() |
| Panorámica do lugar de Pedrarrubia |
Alí, ao casar, foi onde se estableceron Fernando Esmorís Trigo, que era natural da Pedreira, na mesma freguesía de Lemaio, e Dosinda Fraga Lago, nativa de Sofán (Carballo). Ao pouco de dárense o “si quero”, o matrimonio empezou a crear o seu particular microcosmos montando diversos negocios no lugar. O primeiro deles foi un serradoiro que abriron en 1945, logo de obter o consentimento das autoridades da época para a súa instalación:
Delegación de Industria de La Coruña
Solicitado por don Fernando Esmorís Trigo, la oportuna autorización para la instalación de una serrería mecánica en la parroquia de Lemayo, del Ayuntamiento de Laracha.
Examinado el proyecto y cumplidos los trámites reglamentarios, de acuerdo con lo preceptuado en el Decreto de Ministerio de Industria y Comercio de fecha 12 de septiembre de 1939 y disposiciones complementarias.
He resuelto autorizar a don Fernando Esmorís Trigo, para la instalación, bajo las siguientes condiciones:
1ª. La presente autorización es válida solamente para el peticionario de referencia, debiendo comunicarse a esta Delegación de Industria, todo cambio de propietario, traslado o cesión, a los efectos de nueva autorización.
2ª. La instalación del utillaje se ajustará al proyectado presentado.
3ª. La puesta en marcha normal de esta industria habrá de realizarse dentro del plazo de un mes, pasado el cual sin haberla realizado, se considerará anulada esta autorización.
4ª. Una vez terminada la instalación, el interesado lo notificará a esta Delegación de Industria, para que ésta proceda a la extensión de la correspondiente acta de comprobación y autorización de puesta en marcha.
5ª. Esta resolución, para su efectividad, es indispensable su publicación en el BOLETIN OFICIAL de la provincia.
La Coruña 17 de enero de 1945.= El Ingeniero Jefe accidental, M. Pérez Alcalde2.
O serradoiro non ía tardar en ser coñecido na comarca coma ‘o do Francés’, nome que viña dado porque un antepasado de María Trigo Camarot, a nai de Fernando, fora soldado do exército de Napoleón e casara aquí tras a Guerra da Independencia. Así nolo contou Antonio Esmorís Fraga, fillo de Fernando e Dosinda que nos recibiu cos brazos abertos en Pedrarrubia, onde en xullo de 2024 realizamos con el unha marabillosa viaxe no tempo na que descubrimos boa parte da historia deste negocio.
Diante da porta do seu domicilio, Antonio recordaba que “en 1945 foi cando se formou a fábrica, máis ben no 46. Nesa época non había corrente e meu pai trouxo unha caldeira que movía os aparatos a base de quencer. Botáballe casca e serrín e algúns tacos de madeira. O fogoneiro viña dúas horas antes para quentar eso. Se os outros obreiros empezaban ás 9 da mañán, o fogoneiro tiña que vir ás 7. Así, cando os seus compañeiros chegaban aquí a primeira hora, xa podían mover os aparatos, que non funcionaban se a caldeira non tiña calor. Cando abriu a fábrica, meu pai tivo sociedade con un que lle chamaban Julio Borrazás. El levaba o aserradero e Julio andaba no monte comprando madeira. Esta sociedade durou un ano ou un ano e pico. Tamén tuvo outra sociedade durante uns anos con dous socios máis, un tal Ramón Mato e outro que lle chamaban Piña. Despois disto viñeron varios máis por aquí para montar negocio, pero meu pai xa non quixo máis sociedades. Papá colleu mundos moi bos. Naquel tempo chegou a ter a catorce ou quince homes na fábrica e no monte. O que pasa é que eses viñan cando había mal tempo. Se facía bo tempo igual viñan a metade deles a traballar, porque todos se dedicaban aos traballos da casa xa que cada un tiña cinco ou seis vacas. E cando había que botar o millo ou o trigo pois tampouco viñan ao aserradero. Pero claro, tampouco lles podía dicir nada porque non estaban asegurados. Estes operarios eran todos de aquí da zona, eran de Oza, de San Miguel de Vilela, había un de Bértoa e o resto, a maioría deles, eran de aquí da parroquia de Lemaio”.
![]() |
| Imaxe antiga do serradoiro do 'Francés' (Arquivo do Reino de Galicia) |
Fernando e Dosinda ían diversificar a súa actividade empresarial abrindo unha taberna e, paulatinamente, tamén se dedicaron á venda de materiais de construción, á distribución de viño en barril polas aldeas ou ao transporte de pasaxeiros.
Despois de deixarnos ben claro que naqueles primeiros tempos de seu pai á fronte de serradoiro había que serrar no monte co tronzón, do que tiraba un home por un lado e outro home tiraba polo outro, Antonio continuaba recordando diante da porta do seu domicilio en Pedrarrubia como foran os primeiros pasos do serradoiro do Francés: “Papá vendíalle moito a un tal Dans e a outro que se chamaba Demetrio Calviño, que este tiña os almacéns no Orzán e vendía moita madeira para a construción e a carpintería. Na época de meu pai non se traballaba o eucalipto. Nesa época o que máis traballaba era o pino, pero tamén ten vendido moito carballo, cereixo e castaño para fabricar mobles e para as carpinterías. A madeira de castaño era moi apreciada. O malo era que, para tela un pouco ben, había que deixala secar sobre catro ou cinco anos, sempre que fora tablón de 8 ou de 10. Se era máis gordo, daquela xa había que deixala secar máis anos. Canto máis gordo, máis tardaba en secar. Hoxe sécana en secaderos, pero daquela poñíanse en sitios que lles dera o sol e en sitios aireados. Como era unha cousa de moitos anos e non había Dios que a serrara porque era moi dura, pois tamén facía estacas para os cierres. Aquí, castaño, soamente se dedicaba a el meu pai a máis un que lle chamaban Fariña, que era da Raña, un lugar que está ao pasar Carballo, indo cara a Santiago. Tamén traballaba bastante abeneiro e bidueiro, pero moito menos que o pino. O bidueiro tiña bo prezo, máis que o abeneiro, O bidueiro vendíase moito para facer zocos. Tiña moito mérito porque era unha madeira que se deixaba traballar moi ben e tamén era moi dura. Do bidueiro tamén se facían as camas onde ía o metálico. E tamén comprou moito nogal porque daquela os labradores aínda andaban moito cos carros, e meu pai facía cabezallas e outras pezas para as rodas. E falando de carros, vouche dicir unha cousa. Neses primeiros tempos da fábrica o transporte da madeira facíase case todo en carros e zorras. Viñan os carreteiros, cargaban ou descargaban e despois xa comían na nosa taberna mentres que os bois comían na folla do millo diante da casa. Tamén se transportaba no camión que había no aserradero, que meu pai acondicionaba para levar xente a Carballo os xoves e os domingos de feira”.
Estamos nunha época na que había moita competencia, cun feixe de serradoiros en toda a comarca. Ante estes datos, preguntámoslle se tanta actividade no monte daba para todo o mundo. A resposta de Antonio Esmorís foi moi esclarecedora, abofé: “A ver ho, o que agora se serra nunha fábrica moderna antes serrábase en dez fábricas, comprendes? E no monte, pois xa podes imaxinar como eran os traballos... cargábase á man, cortábase á man co machado, serrábase á man co tronzón… todo, absolutamente todo, facíase á man”.
(...CONTINUARÁ)
_____________________________
1 A Rega é un lugar da parroquia carballesa de Bértoa. A estrada da Deputación DP-1909 comeza onde está o restaurante Cima.
2 Vid. Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña, A Coruña, 26 de xaneiro de 1945, p. 82.


Ningún comentario:
Publicar un comentario