xoves, 27 de febreiro de 2025

O ENTROIDO DE PAIOSACO

  Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido. 

  Galicia é un mundo á parte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.

   E na Laracha? No 2024 abrimos esta cancela carnavalesca para recordar algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado nas nosas parroquias cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro nestas Crónicas da Laracha ao resto das freguesías larachesas.

 

Celebración do Antroido en Paiosaco no ano 1988 (Cortesía de Daniel Rodríguez Rama)

  O ano pasado falamos do Entroido de Montemaior e agora, doce meses despois, continuamos con esta viaxe carnavalesca en Paiosaco, onde antigamente se celebraba un dos Entroidos de máis sona da bisbarra, como así o confirma a seguinte información publicada na prensa antes da Guerra Civil que daba fe dos celebrados no municipio larachés:

Estuvieron muy animados los carnavales en la capitalidad de este ayuntamiento. Hubo derroche de disfraces, variedad de carrozas y animados bailes en los salones del Regado, Cillobre y Payosaco.”1
Imaxe  do ano 1962. Vista da casa de Cabezas, Salón Vello, casa de Ramiro de Ramón e  a de Solina. A foto está tomada desde diante da casa de Hermelinda, que se estaba facendo (Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta)

   Ese salón de Paiosaco que aparece neste artigo era o Salón Vello, un local do que falamos máis polo miúdo no libro Os bailes dos avós. Música e salóns da Laracha de antano e que era propiedade dos avós de María Isabel Martínez Pazos, 'Ruja de Ramón', que nos atendeu coa maior das amabilidades en “Creaciones Jaro”, o negocio que posúe no Campo da Feira. Un pouco polo que escoitou de nena e outro pouco polo que viviu en primeira persoa, Ruja, nacida en Paiosaco en 1948, recorda que “antes aquí viñan carrozas de moitos lugares decoradas con mimosas; unha delas era a de Che, o Coxo do Aguiuncho, unha carroza enorme con cabalos e con catro rodas de goma. Recordo que viña chea de disfraces e Che poñía aros de mimosas por toda a carroza. Eu era moi pequeniña, debía ter 5 ou 6 anos, pero acórdome ben deso”.

   Desas carrozas tamén nos falou Ramiro Bello Recouso, nacido en Anzobre (Armentón, Arteixo) en 1952 pero que leva residindo en Paiosaco dende moi cativo. “Eu escoitáballe dicir a meus pais e a miñas tías que o Antroido de Paiosaco era espectacular e seica viñan carrozas de Soutullo, de Soandres e de moitos sitios máis con carros moi ben adornados e xuntábanse todas no Campo da Feira. Tamén lle teño oído falar a miña sogra, que dicía que era un verdadeiro espectáculo e que viña xente do quinto pino e que enchían o Campo da Feira.”

   Outra das fontes orais que nos axudaron a recuperar a memoria antroideira de Paiosaco foi Jesús Castiñeiras Ramos, 'Chucho da Reserva', nacido en Requesende (Golmar) en 1947 pero que leva residindo en Paiosaco desde os 7 anos, excepto o paréntese da emigración en Suíza. Seus pais tiñan unha taberna no Campo da Feira, coñecida como a taberna de Pedro ou a de Maruja, negocio no que tamén botaba unha man Chucho ata que fixo a maleta da emigración. Con relación ao Entroido, Chucho contounos que “había uns que traían un carro de bois grande cheo de mimosas e a xente que viña darredor deste carro non paraba de repartir mimosas por alí e por aquí. Todos os días do Carnaval viñan comparsas que non eran de Peisaco… viñan de Morás (Arteixo) e doutros sitios e cantaban e tocaban aí no Campo da Feira. Tocaban as pandeiretas e bailaban. Estas comparsas se cadra xa viñan o martes. O xoves era o día máis grande do Antroido. Facíase o sábado de Carnaval, o domingo, o luns, o martes, o mércores descansaban, e despois volvían o xoves para dárlle fin ao Antroido”.

   O Salón Vello do señor Ramón e da señora Chuca, avós de Ruja, pechou nos 50 e pouco despois Ramiro García Barros, 'Ramiro do Alto' abría un novo salón en Paiosaco o Salón Trébol, lugar no que a xuventude da bisbarra daquela hora ía pasar momentos inesquecibles moceando, bailando, competindo nos concursos de xota e muiñeira, e nas festas de Entroido que organizaba o propietario do local, como así nolo recordaba Chucho da Reserva: “Ramiro sempre traía as mellores orquestas a Peisaco, viñan Os Satélites, Os Trovadores… viñan todos. Polo Antroido facía sempre concursos e daba premios á xente que ía mellor vestida, á que era máis simpática... Ramiro daba premios por todo, e eso axudaba a que a xente se disfrazara. Os premios tanto podían ser cartos como outro tipo de detalles, que recibían no escenario co aplauso do público.”

 

Imaxe de 1969 do Salón Trébol (Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta)

   As mascaritas e os mascaritos tamén tiveron moito protagonismo nos testemuños das persoas que entrevistamos. As mascaritas e os mascaritos daban a nota máis colorida e elegante. Elas vestían chamativos vestidos confeccionados con teas ou papel de diversas cores e levaban un sombreiro redondo ornamentado con cintas e adornos. Os traxes deles, que levaban un sombreiro picudo igual de adornado que o das mascaritas, seica tiñan un certo parecido cos traxes militares. Sobre as mascaritas Ruja de Ramón contounos que “aquí en Peisaco facían moi bos traxes. Socorro, a irmá de Pura, facíaos con roupa da cama con puntillas. Facíaos con sabas que amidonaba e que daba gusto ver coas súas toquillas… non che era ningunha broma, eran moi lindos. Tamén había quen facía os traxes das mascaritas con papel rizado, pero aquí en Peisaco non, aquí estaban a ver quen ía mellor. Ían maquilladas, guapísimas, e levaban todas unha diadema de flores.”

   En opinión de Chucho da Reserva, con esos traxes e con esa elegancia da que nos falou Ruja, as mozas de Paiosaco de aquela hora disfrazábanse ou imitiban á Martela, unha artista da época que deixou unha importante pegada na xuventude dos 50 e dos 60 de boa parte da provincia da Coruña.

 

Finita Gay, 'A Martela' (https://consellocultura.gal)

   A Martela era o nome artístico de Finita Gay, de quen Xurxo Souto escribe nos seus fantásticos Contos da Coruña que foi “a primeira muller que subía a cantar nun escenario. O seu era pura vehemencia vocacional, e case tivo que escapar da casa -alá pola parte de Castelo, en Carral- para conseguir ser artista. Cos seus compañeiros dos Guiliades provocou auténtica conmoción. Mesmo da parte de Ordes e Guitiriz baixaban novos e vellos para contemplar como Finita Gay bailaba a raspita. En pleno éxito marchou a Venezuela. Alí casou e traballou como modista. Cando tivo os fillos criados, decidiu volver e facer o que de verdade lle prestaba: cantar. Regresou nos oitenta e, nun acto de valentía impresionante, investiu todos os seus aforros nun Café Concerto en Tabeaio: A Martela, nome do lugar onde se criou. Alí a grande estrela era a propia Finita. Recuperou os seus antigos seguidores e triunfou entre a xente nova. Esta loitadora acadara o seu soño. Desgraciadamente, aos poucos anos, en pleno triunfo, morreu vítima dunha rápida enfermidade2”.

 

Finita Gay, 'A Martela' (Cortesía da súa familia)

   Para saber un chisco máis sobre a popular artista, o que escribe contactou con Carmen Martínez, neta de Finita Gay, que nos recordou amablemente que A Martela chegou en maio de 1954 a Venezuela, onde casou cun italiano en 1959. Curiosamente nesa altura e nos primeiros anos 60, as mozas de Paiosaco tíñana moi presente polo Entroido, como así nolo recordou 'Chucho da Reserva': “o día máis grande do Antroido era o xoves e con esos premio que daba Ramiro no seu salón viña xente moi ben vestida, sobre todo mulleres. Recordo que as de Lestón, as de Vilela... viñan todas disfrazadas con roupas moi bonitas. As de Xan Vello, unha familia da Torre (Lestón), viñan con pamela e traían uns vestidos que lles chamaban “como os da Martela”. Disfrazábanse como A Martela, que era unha artista que nos anos 50 actuou por aquí e cantaba nos bailes vestida sempre moi elegantemente. Onde actuaba A Martela alí ían todos e por iso había moitas mozas que se disfrazaban como se foran esta artista con todas esas roupas bonitas. Eu recordo a Isolina de Amadora, unha irmá de Ghapito a máis de Manolo de Isolina, e tamén recordo a unha que se chamaba Luisa. Quen axudaba a disfrazar a estas mozas era Ermelinda e ían ao baile moi elegantes. Sempre chamaban a atención! Os homes tamén se disfrazaban pero non tanto como as mulleres. Os homes ían algo de choqueiros, cunhas boinas, cunhas botas...”

 

Finita Gay, 'A Martela' (Cortesía da súa familia)

    Paralelamente, os máis novos, a rapazada de 10 a 12 anos, andaban por Paiosaco vestidos de choqueiros, algúns coa cara tapada e cun sombreiro de palla, pedindo polas casas. O bonito era cando chamaban á porta coma quen que tiñan fame:

-Pum, pum, pum!

-Quen é?

-Déanos unha filloa, señora, que temos moita fame!

 

Filloas de Casa Teresa

-Pum, pum, pum!

Quen é?

-Non ten por aí unha orella, señora? Morremos coa fame!

   Tamén nos contaron que en moitas casas de Paiosaco os pais que tiñan nenos disfrazaban aos seus fillos de nenas, e os que tiñan nenas vestíanos de nenos. Un canto á igualdade, abofé!

    Lei de vida, aquela rapazada medrou. Uns botaron raíces aquí e outros fixeron a maleta da emigración. Moitos dos que quedaron continuáronse disfrazando polo Entroido e acudindo ao Salón Trébol ata o seu peche definitivo. A finais dos anos 60, vendo que as discotecas empezaban a coller auxe, Ramiro do Alto vendeulle o salón a Ramiro das Rañeiras, e ao pouco tempo da venda construiu un edificio na Coruña, na zona de Catro Camiños, onde en 1975 inaugurou a actual administración de lotería “La Favorita”. Ramiro das Rañeiras continuou co salón aberto durante dous ou tres anos, tempo no que sería testemuña da decadencia definitiva do Entroido de Paiosaco e dos bailes, que nunca recuperarían o grande esplendor do pasado, e acaboulle vendendo o soar a un matrimonio que volvera da emigración. Actualmente, no mesmo lugar no que estaba o salón Trébol hai unha tenda de sofás, “Hiper Sofá”.

    As vidas e os hábitos da xente foron mudando paulatinamente e o espíritu antroideiro de Paiosaco foi minguando ata que se inaugurou outro dos locais míticos do lugar, a Discoteca Vértigo, onde tamén se fixeron varios concursos de disfraces e donde bailaron dende 1987 ata o 2005 os fillos e os netos de moitas parellas que se coñeceran, anos atrás, no Salón Vello e no Salón Trébol. Sobre a Discoteca Vértigo prometemos falar máis polo miúdo no futuro.

 

Entroido en Paiosaco nos anos 80 (Cortesía de Daniel Rodríguez Rama)

   Dende hai xa bastantes anos as comparsas e as carrozas xa só desfilan na capital municipal. Poñémoslle a póla a esta crónica coa programación do Concello da Laracha do Entroido deste ano:

 


_______

1 Vid. El Pueblo Gallego. Rotativo de la mañana, Vigo, 12 de marzo de 1935, p. 15.

2 Vid. Xurxo Souto Eiroa (2001): Contos da Coruña; Vigo: Edicións Xerais, p. 104.

Ningún comentario:

Publicar un comentario