xoves, 13 de febreiro de 2025

A PARROQUIA DE SOUTULLO A MEDIADOS DO SÉCULO XVIII

  Decretado o 10 de outubro de 1749 por Fernando VI a proposta do seu Ministro Zenón de Somodevila y Bengoechea, I Marqués de Ensenada (Hervías, Logroño, 1702-Medina del Campo, Valladolid, 1781), o chamado Catastro de Ensenada é un documento de carácter fiscal que se elaborou naquela altura para a implantación da Real Única Contribución co que se pretendía acabar cos privilexios fiscais dos que gozaran tradicionalmente certos sectores da sociedade, así como crear un aparato de recadación fiscal máis eficaz e equilibrado, no que os impostos foran proporcionais á riqueza de cada cidadán.

   Trátase dun interrogatorio de corenta preguntas sobre as características económicas e xeográficas de todas as poboacións das vinte e dúas provincias do antigo Reino de Castela no cal se realizou, dende abril de 1750 ata o mesmo mes de 1756, nos 15.000 lugares cos que contaba Castela naquel entón unha minuciosa indagación a grande escala dos seus habitantes, bens, edificios, oficios, rentas… co obxectivo de obter os datos necesarios para modificar o sistema tributario vixente naquela época.

    Con este interrogatorio o Marqués de Ensenada pretendía conseguir información sobre todos os medios de produción e dos ingresos de cada persoa, mais finalmente a iniciativa non chegou a bo porto e acabaría fracasando.

   Como era de agardar, o importante papel da nobreza e do clero naqueles días, e o feito de ser un dos grupos máis perxudicados polo establecemento dun imposto único en función da renda, impediría, dada a súa postura de rexeitamento e oposición, que finalmente se levara a cabo a devandita Real Única Contribución.

   Mais afortunadamente, podemos sacar algo moi positivo deste catastro, e é o feito de que gran parte da información recompilada chegou ata os nosos días a través dos arquivos históricos, que podemos consultar no Arquivo do Reino de Galicia ou no portal PARES1, e que nos resultan de grande utilidade para elaborar unha reconstrución de cómo sería a España do século XVIII, grazas ás máis de 350.000 imaxes sobre estos interrogatorios ás que podemos acceder.

  É tamén de agredecer a transcrición do interrogatorio das parroquias que hoxe conforman o municipio da Laracha publicada pola Deputación da Coruña no ano 2017. Quitámonos o sombreiro co traballo de investigación e transcrición que realizou Marcos Emilio Amado Casdelo neste proxecto. Os nosos parabéns, Marcos!

    Así pois, coas informacións que nos ofrece o Catastro do Marqués de Ensenada, deseguido imos comentar algúns aspectos sobre como era a mediados do século XVIII Santa María de Soutullo, unha das freguesías privativas da Xurisdicción de Bergantiños. Unha parroquia de realengo -que pertencía á coroa e non á nobreza ou a Igrexa– e, naquela altura, sufragánea ao correxemento da capital da Coruña.

Os lindes

   De Levante a Poñente, o seu territorio ocupaba unha extensión dun cuarto de legua2; de Norte a Sur, media; e de circunferencia, legua e media. Para camiñala, por ser escabrosa, eran necesarias tres horas. Para deslindar e demarcar todo arredor había que percorrer a súa división desde o marco da Abeleira, seguindo polo porto de Corrás e, desde alí, ao da Bouza. A continuación pasábase polo campo dos Ciras e despois polo Foxo dos Lobos. Logo había que camiñar ata a Pedra dos Pelouros e, posteriormente, ao Marco da Lagoa. Desde alí ao foxo existente xunto á Braña da Cruz. Logo había que continuar o camiño pola fonte do Casal do Monte ata chegar a fonte do Espiño e, acto seguido, baixar en dereitura ao río Grande, dende o cal seguíase camiño arriba ata a Rega, que dividía os lugares do Vilar e de San Pantaión, entidade de poboación de Golmar que naquela hora pertencía á freguesía de Soandres. A continuación había que camiñar cara outra fonte que tamén chamaban do Espiño e, desde esta, ata o alto do Monte de Pedra Bica. Desde alí íase á fonte de Hermiñán e continuábase, augas vertentes, ata un marco que había no camiño que viña de Requesende para a igrexa. Posteriormente, dende ese marco íase ao marco de Nobais e a continuación, Camiño Real arriba, á fonte de Lodeiro. O camiñante ía despois á Pedra das Ollas e ao marco de Abeleira, primeira demarcación.

A terra

    Con relación ás especies de terras e as súas cabidas e calidades, segundo o Catastro do Marqués de Ensenada, naquela época había en Soutullo uns 1.800 ferrados, sembradura de trigo, sen inclusión de camiños e distribuidos do seguintes xeito: 650 ferrados de terra de sembradura, dos cales 100 eran de primeira calidade, 200 de segunda e 350 de terceira; 24 ferrados de terra adicada a sementar liño de primeira calidade.

   De terras dedicadas á hortaliza había 10 ferrados, 2 de primeira calidade, 4 de segunda e outros 4 de terceira. Dedicábanse 24 ferrados a prados de regadío, 6 de primeira calidade, 6 de segunda e 12 de terceira. Aos prados de secano dedicábanse 20 ferrados, 5 de primeira calidade, 5 de segunda e 10 de terceira. Tamén se podían ver 8 ferrados de soutos poboados de castiñeiros, 2 de primeira calidade, 2 de segunda e 4 de terceira.

   No Soutullo daqueles tempos había 400 ferrados de montes altos, 100 de primeira calidade, 100 de segunda e 200 de terceira. Os de primeira calidade cortábanse e sementánse cada 27 anos, os de segunda cada 32 e os de terceira cada 43 anos. Montes baixos murados de particulares había uns 100 ferrados, 25 de primeira calidade, 25 de segunda e 50 da terceira, que se rompían e sementaban cada 24 anos os de primeira calidade, os de segunda cada 30 e os de terceira cada 42 anos. Montes baixos abertos e comúns en canto ao pasto había 1.527 ferrados, dos que 200 eran de primeira calidade, 411 de segunda e 916 de terceira, que se rompían e sementaban cada 30 anos os de primeira calidade, cada 45 os de segunda e cada 68 os de segunda. Destos 1.527 ferrados de montes baixos e comúns, uns 1.044 estaban no sitio dos Bidueiros e 89 eran de primeira calidade, 411 de segunda e 544 de terceira. “Linda a Levante con la feligresía de Soandres, Poniente Ídem, Norte con el lugar do Seixo, y por el sur con la feligresía de Montemaior3”. E finalmente, había outros 562 ferrados de montes baixos abertos e comúns en canto ao pasto no sitio de Pedra Micos, dos que 20 eran de primeira calidade e os restantes de terceira. Ese lugar “linda a Levante con la feligresía de Soandres, Poniente Ídem, Norte con el lugar de Vilanova, y por el Sur con el de Abeleira4”.

   Os produtos que máis se producían en Soutullo eran trigo, centeo, millo, castañas, fabas, legumes e liño, sendo o valor de cada ferrado de liño a once reais, o de trigo e o de fabas a seis, o de millo e cebada a catro, o de centeo a tres, o de millo miúdo a dous e medio; o de castañas verdes a dous, e o de avea a un e medio. O carro de leña de toxo vendíase a seis reais; o de toxo en rama, a dous; e o de leña de carballo e liñaza a catro. Ademais, tamén se podían ver cerdeiras, figueiras, laranxeiros, limoeiros, pereiras, maceiras e outras especies que producían diversa froita de óso.

  A medida habitual da terra desta freguesía era, ao igual que nas outras parroquias da xurisdicción de Bergantiños, de un ferrado de trigo, composto de 30 varas castelás,

   En canto ao gando, había bueyes, vacas novillas, novillos, carneros, ovejas y corderos, cabras, machos de cabrío, y cabritos, lechones y lechonas grandes y pequeñas, mulas machos, yeguas, potros y potrancas, y no hay cabaña ni yeguada que paste dentro ni fuera del término5”.

   Ademais, había 39 colmeas, cuxo cuartillo de mel estaba regulado en un real ao ano, e 4 muíños, todos dunha moa, regulándose o seu produto en 180 reais ao ano. Un destos muíños estaba en Currás e pertencía a Victorio da Vila; outro no Seixo e era propiedade de Juan de Somorostro; e os outros dous estaban no sitio da Pesqueira, un deles era do cura párroco e o outro de Joseph García, presbítero, e Ignacio Rodríguez de España.

Impostos.

   Con relación aos tributos, o diezmo pagábase do trigo, centeo, millo e liño, produtos que ao non poder fixar a cantidade en cada especie, regulábana por quinquenios en 1.700 reais ao ano. Por razón de primicia6, cada veciño que tiña bois machos propios, contribuía con 2 ferrados de centeo; o que tiña bois alleos ou vacas, pagaba un ferrado, que se regulaban un e outro por quinquenio en 96 reais ao ano, que unidos cos 1.700 do diezmo, axustaban 1.796 reais de vellón. Esta cantidade distribuíase do seguinte xeito:

- Á señora Marquesa de Parga, pola cuarta parte da súa representación, 447 reais e 17 maravedíes de vellón.

- Ao Real Mosteiro de San Martín da cidade de Santiago, pola outra cuarta parte que representaba, outros 447 reais e 17 maravedíes de vellón.

- Ao cura párroco pola metade que percibía, 895 reais, que unidos aos 60 en que regulaban o valor do diezmo íntegro que percibía do lugar do Seixo, sumaban 955 reais de vellón. Ademais, percibía de cada veciño casado ou viúva, medio ferrado de trigo por razón de oblata7, que importaría ao ano 16 ferrados.

En primeiro plano, árbores das marxes do río Acheiro ao seu paso polo lugar do Seixo, ao cal pertencen as casas da imaxe. Ao fondo, o monte de Vente

   Polo voto8, que correspondía ao arcediago de Nendos, cada veciño cabeza de casa que tiña labranza, pagaba medio ferrado de centeo.

   Para o pagamento dos foros e outros dereitos, naquela altura regulaban un carneiro en 10 reais; un cordeiro en 4; un cabrito en 3; unha cocha en 8; una gala en 2 e medio; e un polo en 17 maravedíes. Unha libra de cera en 7 reais; un cuartillo de mel, en 1; unha libra de manteca en 2 e medio; unha libra de cierzos de liño en 4 e medio; un feixe de liño en rama verde a 9; o carro de palla de trigo ou cebada a 15 reais e un feixe regular dela en 3 reais.

   Os veciños de Soutullo tamén tiñan que pagarlle anualmente ao Rei por razón de Servicio Ordinario y Extraordinario9, 60 reais de vellón. Ademais das rendas provinciais coas que contribuía a veciñanza á Súa Maxestade, o monarca posuía unha devesa real no sitio da Furrepa, “hace siete ferrados, sembradura de trigo de primera calidad, linda por todas partes con el monte de Furrepa10”.

Poboación.

   Naquel momento vivían en Soutullo tres eclesiásticos, don Juan Antonio Bermúdez, cura Párroco, don Joseph García e don Juan Francisco Rodríguez Calvelo; un fidalgo, Bernardo de Pazos, que era “abastecedor de vino, tabernero y estanquillero. Dicho Bernardo de Pazos, como abastecedor y tabernero, lucra al año tres cientos reales, y como estanquillero gana ochenta y tres reales al año11”; un escribano, Joseph Crespo de Andrade, que polo seu oficio lucraba ao ano 1.980 reais; un miliciano, Felipe de Corgo; un tecedor, Ventura de la Peña, que gañaba ao día “un real y cuartillo”; un canteiro, Miguel García, cun xornal diario de 3 reais; había dous zapateiros, Miguel Martínez (fillo de Alonso, con quen vivía) e Joaquín Freire, con 3 reais e medio de soldo diario; e dezanove labradores, Manuel de Naya, Domingo Gómez, Benito Verdía, Melchor Suárez, Domingo Vella, Victorio da Vila, Pedro Gómez, Andrés da Rigueira, Antonio Suárez Vilariño, Juan de Somorostro, Silvestre do Monte, Ignacio García, Antonio Calvete, Andrés de Santos, Ignacio Rodríguez de España, Pascual García, Juan do Rego, Rosendo Juncal e Domingo Vilariño.

    Naquel Soutullo de mediados do século XVIII, no que había trinta e tres casas habitables e tres arruinadas, tamén vivían seis mulleres viúvas, Josefa de Lema, Antonia de Canedo, Antonia Suárez, Ana Rodríguez Freire, María Suárez e María Casquisa.

Panorámica do lugar de Vilanova

________

2 Antiga medida de lonxitude que equivale aproximadamente a cinco quilómetros.

3 Vid. Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña, páx. 161.

4 Ibídem

5 Ibídem, páx. 166.

6 Imposto que se lle pagaba á Igrexa cos primeiros froitos dunha colleita.

7 A hostia e o viño postos na patena e no cáliz, antes da súa consagración.

8 Promesa dirixida a Deus, á Virxe ou a un santo para que se cumpra un pedimento, e ofrenda que se fai pola graza recibida.

9 O Servicio ordinario y extraordinario era un imposto propio do Antigo Réxime en España, circunscrito á Coroa de Castela. A denominación "servicio" ou "servicio real" facía referencia á súa condición de recoñecemento de vasalaxe que con él facía o “reino” ao “rey”.

10 Vid. Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña, páx. 169.

11 Vid. Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña, páx. 168.

Ningún comentario:

Publicar un comentario